Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia

Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia1.

O Estatuto de Autonomía, nos seus artigos 15 e 16, prevé que o Parlamento de Galicia determine, mediante Lei a regulación do estatuto persoal, atribucións e responsabilidades do Presidente e da Xunta de Galicia.

Recolle este mandato o espírito de que a regulación destas institucións básicas teña a prioridade debida e constitúa, en consecuencia, un dos pasos lexislativos inmediatos na construcción da Autonomía galega.

O disposto no artigo 9 do Estatuto ó atribuí-lo exercicio dos poderes da Comunidade Autónoma ó Parlamento, á Xunta e ó seu Presidente, quizais aconselle unha Lei do Parlamento que, estimada agora fóra do contexto desta norma de desenrolo dos artigos 15 e 16 do Estatuto, regule con precisión as relacións da Cámara co Goberno e acade a debida complitude institucional da Autonomía de Galicia.

Limítase, en consecuencia, esta lei á regulación da organización e establecemento de normas xerais relativas ós órganos executivos superiores de Galicia, cun senso básico, sen prexuício de que unha Lei de Réxime Xurídico da Administración da Comunidade Autónoma Galega recolla en toda a súa integridade as necesarias normas de funcionamento.

Polo tanto, en cumprimento dos devanditos preceptos, o Parlamento de Galicia aprobou e eu promulgo, en nome de El-Rei, a Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente.

Título I

Da Xunta

Capítulo I

Da natureza e composición da Xunta

Artigo 12

A Xunta é o órgano colexiado que, baixo a dirección do Presidente, dirixe a política xeral e a Administración da Comunidade Autónoma. A tal fin, exerce a iniciativa lexislativa, a función executiva e a potestade regulamentaria de conformidade co Estatuto de Autonomía e as Leis.

Artigo 23

A Xunta de Galicia está composta polo Presidente, Vicepresidente ou Vicepresidentes —no seu caso— e os Conselleiros.

No suposto de que haxa varios Vicepresidentes, un deles terá a condición de Vicepresidente primeiro coas facultades que esta Lei lle atribúe.

Todos eles constitúen conxunta e colexiadamente o Consello, que exercerá, conforme ó establecido nesta lei, as atribucións da Xunta, sen prexuício das competencias das Comisións Delegadas.

Na composición da Xunta deberá respectarse o principio de equilibrio por sexos, nunha proporción entre cada un deles que debe concretar o Parlamento ao inicio de cada lexislatura.

Artigo 3

A Xunta de Galicia responde politicamente ante o Parlamento de forma solidaria, sen prexuício da responsabilidade directa de cada un dos seus componentes pola súa xestión.

Capítulo II

Das atribucións da Xunta

Artigo 4

Corresponde á Xunta:

1.— Establece-las directrices e desenvolve-lo Programa de goberno.

2.— Elabora-los presupostos da Comunidade Autónoma, remitilos ó Parlamento para a súa aprobación.

3.— Aproba-los Proxectos de Lei para a súa remisión ó Parlamento e acordar, no seu caso, a súa retirada.

4.— Dictar Decretos Lexislativos nos supostos de delegación expresa do Parlamento.

5.— Outorgar ou denega-la súa conformidade á tramitación de proposicións de lei que supoñan aumento dos créditos ou mingua dos ingresos presupostarios, nos términos previstos no Regulamento do Parlamento.

6.— Aproba-los regulamentos para o desenrolo e execución das leis de Galicia así como os das leis do Estado, cando a competencia de execución corresponda á Comunidade Autónoma en virtude do Estatuto de Autonomía ou por delegación ou transferencia.

7.— Adoptar, no seu caso, as medidas regulamentarias que requirise a execución dos tratados e convenios internacionais e o cumprimento dos regulamentos e directrices derivadas daqueles, no que afecte a materias atribuídas á competencia da Comunidade Autónoma.

8.— Aprobar e remitir ó Parlamento os proxectos de convenios e acordos de cooperación con outras Comunidades Autónomas para a ratificación ou aprobación, no seu caso.

9.— Acorda-la interposición de recursos de inconstitucionalidade, así como o persoarse nas cuestións de inconstitucionalidade que afecten a Galicia e o plantexamento de conflictos de competencias ante o Tribunal Constitucional.

10.— Deliberar sobre a cuestión de confianza que o Presidente da Xunta propoña formular ó Parlamento, así como sobre a disolución da Cámara, que o Presidente pode decretar, ó abeiro do artigo 24 da presente Lei4.

11.— Resolve-los recursos en vía administrativa nos casos previstos polas leis.

12.— Resolver mediante Decreto os conflictos de atribucións que se susciten entre as diversas Consellerías.

13.— Nomear e destituír, por proposta de quen posúa a titularidade das consellarías respectivas, os altos cargos da Administración pública galega de rango igual ou superior a dirección xeral, así como aqueloutros que legalmente se estableza. Nos nomeamentos atenderase ao principio de equilibrio por sexos, de acordo coas porcentaxes e a estrutura que determine a propia Xunta5.

14.— Crear, modificar e suprimi-las Comisións Delegadas da Xunta6.

15.— Determina-la estructura orgánica superior da Vicepresidencia ou Vicepresidencias e das Consellerías da Xunta de Galicia7.

16.— Designa-los representantes da Comunidade Autónoma nos organismos económicos, institucións financeiras e empresas públicas do Estado a que se refire o artigo 55 do Estatuto de Autonomía. Do mesmo xeito, supervisar, de acordo coa Lei, a xestión dos servicios públicos e dos entes e empresas públicas dependentes da Comunidade Autónoma, e administra-lo patrimonio da mesma con suxección ó disposto na Lei8.

17.— Coordina-la actividade das Deputacións Provinciais, en canto afecte directamente ó interés xeral da Comunidade Autónoma, e acorda-las transferencias ou delegación de funcións nas mesmas. Do exercicio destas competencias darase conta ó Parlamento.

18.— Tomar coñecemento das resolucións do Parlamento e adoptar, se é o caso, as medidas que proceden9.

19.— Garantir e promover a aplicación do principio de igualdade por razón de sexo en todas as políticas que lle corresponda desenvolver á Xunta de Galicia10.

20.— Calquera outra atribución que lle veña conferida por algunha disposición legal ou regulamentaria e, en xeral, deliberar sobre aqueles asuntos nos que a súa resolución deba revesti-la forma de Decreto ou que, pola súa importancia e repercusión na vida da Comunidade Autónoma, esixan o coñecemento ou deliberación da Xunta11.

Capítulo III

Do funcionamento da Xunta

Artigo 5

A Xunta reúnese en Consello, que someterá o seu funcionamento ós principios de unidade, colexialidade, participación e coordinación.

Artigo 612

As atribucións da Xunta serán exercidas polo Consello. O Consello designará de entre os seus membros un Secretario que dará fe dos seus acordos e dos das Comisións Delegadas e librará, cando proceda, certificación dos mesmos.

Artigo 713

1. O Consello será convocado polo Presidente da Xunta. Á convocatoria xuntaráselle a orde do día, que será conformada polo Secretario de acordo coas instruccións do Presidente.

2. O Consello entenderase validamente constituído cando asista o Presidente, ou quen o substitúa, e, ó menos, a metade dos seus membros.

3. Os membros do Consello están obrigados a gardar segredo sobre as deliberacións daquel, as opinións e, se é o caso, os votos emitidos.

Artigo 8

A Xunta poderá crear no seu seo Comisións Delegadas para coordina-la elaboración de directrices e disposicións, programa-la política sectorial, examinar asuntos de interés interdepartamental e prepara-las reunións do Consello.

O réxime xeral de funcionamento das Comisións, haberá de axustarse ós criterios establecidos nesta lei para o Consello.

En todo caso, o Decreto de creación dunha Comisión Delegada deberá conte-la composición e a Presidencia da mesma e mailas competencias asignadas.

Artigo 9

O Consello establecerá as normas internas que se precisen para a boa orde dos traballos e para a adecuada preparación dos acordos que haxan de adoptarse, mediante un Regulamento de Réxime Interior que haberá de axustarse ós términos da presente lei.

Título II

Do Presidente da Xunta

Capítulo I

Do Estatuto Persoal, elección e cese

Sección 1.ª Do Estatuto Persoal

Artigo 10

O Presidente da Xunta ostenta a suprema representación da Comunidade Autónoma e a ordinaria do Estado en Galicia. Dirixe e coordina a acción da Xunta ou Goberno.

Artigo 1114

O Presidente da Xunta en razón do seu cargo ten dereito a:

1.— A preeminencia que, con arregro á alta representación da Comunidade Autónoma e á ordinaria do Estado en Galicia, lle corresponde.

2.— Que lle sexan rendidos os honores que lle correspondan consoante co que se establece na legalidade vixente e o que acorde a Comunidade Autónoma.

3.— Recibi-lo tratamento de Excelencia.

4.— Utiliza-la bandeira de Galicia como guión.

5.— Ocupa-la residencia oficial que se estableza, coa correspondente dotación de persoal e servicios.

6.— Percibi-la remuneración e gastos de representación que se establezan polo Parlamento de Galicia e figuren nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

7. Recibir con carácter vitalicio o tratamento de excelentísimo señor e os honores protocolarios e as precedencias establecidas na lexislación vixente e na que, se é o caso, dicte a Comunidade Autónoma.

As ex presidentas e os ex presidentes terán dereito a percibir, durante dous anos desde a data do seu cesamento, as compensacións económicas que se establezan por decreto da Xunta de Galicia.

Así mesmo, terán dereito por un período de catro anos adicionais, se tiveron a condición de presidenta ou presidente durante catro ou menos anos, ou por un período de dez anos adicionais, se tiveron a condición de presidenta ou presidente durante máis de catro anos, aos medios e servizos que se establezan por decreto da Xunta. Este dereito será incompatible coa condición de membro nato do Consello Consultivo de Galicia ou co exercicio dun cargo público que outorgue unha prestación de medios e servizos de análoga natureza.

Malia o anterior, a Xunta de Galicia poderalles prestar ás ex presidentas e aos ex presidentes os medios materiais de apoio precisos para o exercicio das funcións inherentes á súa condición por un período de tempo superior ao establecido no parágrafo anterior.

Artigo 1215

O Presidente da Xunta non poderá exercer ningunha función pública que non se derive do seu cargo, nin actividade mercantil ou profesional ou calquera outra que puidese menoscaba-la independencia e dignidade da súa función.

En canto ás funcións representativas propias do mandato parlamentario, haberá que aterse ó disposto no artigo 6 da Lei de Galicia 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia.

Artigo 13

A responsabilidade política do Presidente da Xunta ante o Parlamento será esixible nos términos establecidos no Estatuto de Autonomía, no Regulamento da Cámará e na presente lei.

Artigo 14

Durante o seu mandato e polos actos delictivos cometidos no territorio de Galicia non poderá ser detido nin retido senón no caso de flagrante delito, correspondendo decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuício, ó Tribunal Superior de Xusticia de Galicia. Fóra do devandito territorio, a responsabilidade penal será esixible nos mesmos términos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.

Sección 2.ª

Da elección e cese

Artigo 15

O Presidente da Xunta será elixido polo Parlamento Galego de entre os seus membros.

Artigo 16

Constituído o Parlamento e nos demais supostos en que así proceda, o seu Presidente, previa consulta coas forzas políticas representadas parlamentariamente e oída a Mesa, propoñerá un candidato á Presidencia da Xunta, conforme ó previsto no artigo 136.1.º do Regulamento do Parlamento de Galicia.

Artigo 17

O candidato presentará o seu Programa ó Parlamento. Para ser elixido o candidato deberá en primeira votación obter maioría absoluta; de non obtela procederase a unha nova votación 24 horas despois da anterior, e a confianza entenderase outorgada se obtivera maioría simple. Caso de non consegui-la devandita maioría, tramitaranse sucesivas propostas na forma prevista anteriormente.

Se transcorresen dous meses a partir da primeira votación de investidura sen que ningún candidato proposto obtivera a confianza do Parlamento, este quedará disolto e procederase á convocatoria de novas eleccións.

Artigo 18

Se o Parlamento outorga a súa confianza ó candidato, o Presidente comunicarao a El-Rei para o seu nomeamento, mediante Real Decreto que se publicará no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19

O Presidente elixido tomará posesión do seu cargo dentro dos cinco días seguintes ó da publicación do seu nomeamento.

Artigo 20

O Presidente prestará xuramento na súa toma de posesión coa seguinte fórmula:

«Xuro ou prometo ser fiel ó meu mandato como Presidente da Xunta, observar e facer cumpri-la Constitución e o Estatuto de Autonomía e as demais leis de Galicia e do Estado e exercita-las miñas funcións no interés supremo e exclusivo de Galicia e de España.»

Artigo 21

O Presidente da Xunta cesa trala celebración de eleccións autonómicas, nos casos de perda da confianza parlamentaria, ou por dimisión, falecemento ou incapacidade para o exercicio do cargo. Corresponde ó Parlamento a apreciación da incapacidade do Presidente.

Artigo 22

Nos supostos de falecemento e incapacidade do Presidente, será sustituído polos Vicepresidentes se os houber, pola súa orde, e no seu defecto polo Conselleiro que máis tempo leve pertencendo ininterrompidamente á Xunta e, no caso de igualdade, o de máis idade. A mesma orde de sustitución observarase nos casos de ausencia ou enfermidade temporal do Presidente da Xunta, agás designación expresa do mesmo.

A sustitución terá que publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23

Nos demais casos previstos no artigo 20, o Presidente continuará o exercicio das súas funcións ata a toma de posesión do novo Presidente da Xunta.

Capítulo II

Das atribucións

Artigo 2416

Ó Presidente da Xunta, como supremo representante da Comunidade Autónoma, compételle representar a esta nas relacións con outras institucións do Estado, subscribi-los convenios e acordos de cooperación con outras Comunidades Autónomas, convocar eleccións ó Parlamento de Galicia trala súa disolución, promulgar en nome de El-Rei as Leis de Galicia, así como, se é o caso, os Decretos lexislativos, e ordena-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O Presidente, baixo a súa exclusiva responsabilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta, poderá disolve-lo Parlamento mediante Decreto que fixará a data das eleccións.

Esta facultade en todo caso non se poderá exercer cando non pasase alomenos un ano desde a última disolución da Cámara.

Artigo 25

Como representante ordinario do Estado en Galicia, corresponde ó Presidente da Xunta manter relacións coa Delegación do Goberno, ós efectos dunha mellor coordinación das actividades do Estado en Galicia e as da Comunidade Autónoma, ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia do nomeamento do Presidente do Tribunal Superior de Xusticia, e das Leis e Decretos Lexislativos de Galicia no Boletín Oficial do Estado.

Artigo 26

Para a dirección e coordinación das actividades da Xunta correspóndelle:

1.— Crear, modificar ou suprimir mediante Decreto a Vicepresidencia ou Vicepresidencias, se as houber, e as Consellerías, sempre que non supoña aumento de gasto público, así como nomear e dispo-lo cesamento dos Vicepresidentes e dos Conselleiros17.

2.— Convocar, presidir, suspender e levanta-las reunións do Consello e das Comisións Delegadas, así como dirixi-las súas deliberacións.

3.— Dirixir e coordina-la acción de Goberno e asegura-la súa continuidade.

4.— Velar polo cumprimento das directrices sinaladas pola Xunta e promover e coordina-la execución dos acordos do Consello e das súas Comisións Delegadas.

5.— Asegura-la coordinación entre as distintas Consellerías.

6.— Coordina-lo programa lexislativo da Xunta e a elaboración de normas de carácter xeral.

7.— Encomendar a un Vicepresidente ou a un Conselleiro que se encargue do despacho dunha Consellería ou da propia Presidencia, en caso de ausencia, enfermidade ou impedimento do titular.

8.— Plantexar perante o Parlamento, previa deliberación do Consello, a cuestión de confianza.

9.— Presentar ó Parlamento os proxectos de lei, por si mesmo ou a través do membro da Xunta designado.

10.— Facilitar ó Parlamento a información e documentación que este recabe da Xunta.

11.— Solicitar que o Parlamento se reúna en sesión extraordinaria.

12.— Solicitar que se celebre un debate xeral no Parlamento.

13.— Comunicar ó Parlamento a interposición de recursos de inconstitucionalidade e o plantexamento de conflictos de competencias perante o Tribunal Constitucional, así como o acordo da Xunta de persoarse nos recursos e nas cuestións de inconstitucionalidade que afecten a Galicia.

14.— Exercer cantas facultades e atribucións lle correspondan en consonancia coas disposicións vixentes.

Título III

Dos membros da Xunta

Capítulo I

Do Estatuto Persoal, nomeamento e cese

Artigo 2718

1. O Vicepresidente ou Vicepresidentes, se os houber, e os Conselleiros serán nomeados e cesados polo Presidente da Xunta, a teor do disposto no artigo 26, e terán a alta consideración que corresponde á súa condición de membros do Goberno Autónomo e o tratamento de excelentísimo señor.

2. Os ex-Vicepresidentes e mailos ex-Conselleiros manterán o tratamento de excelentísimo señor e recibirán os honores protocolarios que estableza a lexislación vixente e a que dicte a Comunidade Autónoma.

Artigo 28

O Vicepresidente ou Vicepresidentes, se os houber, e mailos Conselleiros prestarán xuramento na súa toma de posesión coa mesma fórmula prevista nesta lei para o Presidente da Xunta.

Artigo 29

O cese do Presidente da Xunta comporta o de tódolos membros da mesma. A Xunta cesante continuará en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta.

Artigo 30

Os membros da Xunta percibirán a remuneración e gastos de representación que se establezan polo Parlamento de Galicia e figuren nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

Artigo 31

O Vicepresidente ou Vicepresidentes, se os houber, e mailos Conselleiros, non poderán exercer outras funcións representativas cás propias do mandato parlamentario ou, no seu caso, do Senado, nin calquera outra función pública que non derive do seu cargo, nin actividade mercantil ou profesional ou outra que menoscabe a independencia e dignidade da súa función.

Artigo 32

En canto á inmunidade, estarase ó disposto no artigo 13 para o Presidente.

Capítulo II

Das atribucións

Artigo 33

O Vicepresidente, ou no seu caso, o Vicepresidente primeiro, amais de sustituír ó Presidente nos supostos previstos nesta Lei, exercerá as funcións que aquel lles delegue dentro do ámbito que lle confiran as disposicións da presente Lei.

Asimesmo, poderán designarse no seo da Xunta outros Vicepresidentes encargados de áreas homoxéneas coas funcións que lles sexan asignadas.

Artigo 34

Os Conselleiros como xefes das súas Consellerías están investidos das seguintes atribucións:

1.— Ostenta-la representación do Departamento de que son titulares.

2.— Propoñer ó Consello os nomeamentos e ceses dos cargos da súa Consellería que requiran a forma de decreto para a súa designación.

3.— Exerce-la iniciativa, dirección e inspección de tódolos servicios da Consellería e a alta inspección e demais funcións que lles corresponden respecto dos organismos autónomos adscritos á mesma.

4.— Propoñer para a súa aprobación polo Consello a estructuración e organización da súa Consellería.

5.— Propoñer ó Consello os proxectos de lei ou de Decreto relativos ás competencias atribuídas á súa Consellería.

6.— Exerce-la potestade regulamentaria nas materias da súa Consellería.

7.— Resolve-los recursos administrativos promovidos contra as resolucións dos organismos e das entidades da consellería, agás cando por lei ou regulamentariamente se lle atribúa esa facultade a outro órgano19.

8.— Formula-lo anteproxecto de presupostos da súa Consellería.

9.— Dispoñe-los gastos propios dos servicios da súa Consellería non reservados á competencia do Consello, dentro dos límites da autorización presupostaria e interesar dos servicios financeiros competentes a ordenación dos pagos correspondentes.

10.— Firmar en nome da Xunta os contratos relativos a asuntos propios da súa Consellería.

11.— Resolve-los conflictos de atribucións entre autoridades dependentes da súa Consellería.

12.— E cantas facultades lles atribúan as disposicións en vigor.

Artigo 35

Os membros da Xunta poderán designar e cesar libremente o persoal colaborador e de asistencia directa dentro dos créditos presupostarios consignados ó efecto. Este persoal, de carácter eventual, cesará automaticamente ó se produci-lo cese do membro da Xunta que efectuou o seu nomeamento.

Título IV

Organización e réxime xurídico

Artigo 3620

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, constituída por órganos xerarquicamente ordenados baixo a dirección da Xunta, ten personalidade xurídica única e posúe a capacidade de obrar necesaria para levar a cabo os seus fins.

2. A actuación da Administración axéitase ós principios de legalidade, obxectividade, servicio ó interese xeral, publicidade, eficacia, xerarquía, economía do gasto público, desconcentración e coordenación entre os seus órganos.

Artigo 3721

1. Adoptarán a forma de Decreto:

a) As disposicións xerais aprobadas polo Consello da Xunta.

b) As resolucións do Consello da Xunta nos supostos dos números 6, 7, 12, 13, 14, 15, 16 primeiro inciso e 18 do artigo 4 da presente Lei e os demais casos que establezan as Leis.

c) As resolucións do Presidente da Xunta, nos supostos contemplados no parágrafo segundo do artigo 24 e nos números 1 e 7 do artigo 26 desta Lei.

2. Os Decretos serán asinados polo Presidente da Xunta e referendados, agás no suposto c) do apartado anterior, polo Conselleiro competente en razón da materia.

Artigo 3822

As disposicións e resolucións dos Conselleiros revestirán a forma de Ordes, que serán asinadas polo titular do Departamento. Cando interesen a máis de unha Consellería, serán asinadas conxuntamente polos Conselleiros afectados.

Artigo 3923

As normas regulamentarias terán o rango do órgano que as aprobara e ordenaranse xerarquicamente da seguinte forma:

1.— Decretos.

2.— Ordes das Comisións Delegadas.

3.— Ordes dictadas polos Conselleiros.

Artigo 4024

Serán nulas de pleno dereito as normas regulamentarias que infrinxan outras de rango superior ou se opoñan ó establecido pola lei.

Artigo 4125

1. As disposicións regulamentarias non poderán establecer penas nin impoñer tributos ou exaccións de calquera natureza. Tampouco poderán impoñer sancións a non ser no marco do disposto na Lei.

2. Serán nulas as disposicións e resolucións que infrinxan o disposto no apartado anterior.

Artigo 4226

As resolucións administrativas de caráter particular non poderán vulnera-lo establecido nunha disposición de carácter xeral ou dispensar singularmente do seu cumprimento, aínda cando aquelas teñan un rango formal igual ou superior a esta.

Artigo 4327

1. O Consello poderá delega-las funcións administrativas que teña encomendadas nas Comisións Delegadas.

2. Sen prexuício das competencias delegadas no Vicepresidente primeiro de acordo co disposto no artigo 32 desta lei, o Presidente poderá delegar funcións puramente executivas nos demais membros da Xunta, dando conta ó Parlamento.

3. Os Conselleiros poderán delegar competencias administrativas nos órganos inmediatamente inferiores das súas Consellerías, cando as necesidades de funcionamento así o aconsellen.

Artigo 4428

1. A delegación de atribucións a que se refire o artigo anterior e a súa revocación haberán de publicarse no Diario Oficial de Galicia.

2. Non poderán ser obxecto de delegación, a non ser que unha lei o autorice expresamente, as competencias que, á súa vez, foran delegadas, nin a competencia para resolver recursos administrativos interpostos contra actos ou resolucións do órgano delegatario.

3. Os actos dictados por delegación consideraranse como propios do órgano delegante, que en calquera momento poderá revoca-la delegación outorgada.

Título V

Das relacións da Xunta co Parlamento

Capítulo I

Do control parlamentario

Sección 1.ª Da moción de censura

Artigo 4529

1. O Parlamento pode esixi-la responsabilidade política da Xunta e do seu Presidente mediante a adopción por maioría absoluta da moción de censura.

2. A moción de censura deberá estar firmada, alomenos, por unha quinta parte dos membros do Parlamento, e haberá de incluír un candidato á Presidencia da Xunta.

3. A moción de censura non poderá ser votada ata que transcorran cinco días desde a súa presentación. Nos dous primeiros días do devandito prazo poderán presentarse mocións alternativas.

4. Se a moción de censura non fose aprobada polo Parlamento, os seus signatarios non poderán presentar outra durante o mesmo período de sesións.

Artigo 4630

Se prosperase a moción de censura, a Xunta e o seu Presidente cesarán e o candidato incluído nela entenderase investido da confianza do Parlamento, procedéndose a continuación á súa designación como Presidente da Xunta, segundo o disposto no artigo 17 desta lei.

Sección 2.ª

Da cuestión de confianza

Artigo 4731

O Presidente da Xunta, previa deliberación do Consello, pode plantexar perante o Parlamento a cuestión de confianza sobre o seu Programa ou sobre unha declaración política xeral. A cuestión de confianza non se poderá votar ata transcorridas 24 horas desde a súa presentación. A confianza entenderase outorgada cando vote a prol da mesma a maioría simple de Deputados.

Se o Parlamento negase a súa confianza ó Presidente da Xunta entenderase cesado e procederase á elección de novo Presidente conforme ó establecido nesta Lei.

Sección 3.ª

Do impulso e control da acción política do Goberno

Artigo 4832

A Xunta solicitará anualmente do Parlamento, ao comezo dun dos períodos de sesións, a celebración dun debate de política xeral. Non caberá celebrar este debate cando no mesmo ano a Cámara investise o presidente ou a presidenta da Xunta de Galicia.

Sección 4.ª

Doutras formas de control

Artigo 4933

O Parlamento, as súas Comisións e os Deputados a través da Presidencia do mesmo, poderán recaba-la información e axuda que precisen da Xunta, dos seus Conselleiros e de calquera outra autoridade da Comunidade Autónoma.

Artigo 5034

O Parlamento mailas súas Comisións poden reclama-la presencia dos Conselleiros e dos outros altos cargos da Comunidade Autónoma.

Artigo 5135

Os Conselleiros teñen acceso ás sesións do Parlamento e das súas Comisións e a facultade de se facer oír nelas. Ante as Comisións poderán facerse acompañar de altos cargos ou funcionarios das súas Consellerías e solicitar que estes informen.

Artigo 5236

1. A Xunta e cada un dos seus membros están sometidos ás mocións, interpelacións e preguntas que se lles formulen no Parlamento.

2. Toda interpelación poderá dar lugar a unha moción na que o Parlamento manifeste a súa posición.

Capítulo II Delegación lexislativa

Artigo 5337

1. O Parlamento poderá delegar na Xunta a potestade de dictar normas con rango de lei que recibirán o título de Decretos lexislativos.

2. A delegación lexislativa deberá outorgarse mediante unha lei de bases cando o seu obxecto sexa a formación de textos articulados ou por unha lei ordinaria cando se trate de refundir varios textos legais nun só.

3. Non poderán ser obxecto de delegación a regulación do réxime electoral da Comunidade Autónoma, a aprobación do presuposto, as leis institucionais ou de desenrolo básico do Estatuto e as que, pola súa natureza, requiran maioría cualificada para a súa aprobación.

Artigo 5438

A delegación lexislativa haberá de outorgarse á Xunta en forma expresa para materia concreta e con fixación do prazo para o seu exercicio sen que se poida entender concedida de forma implícita nin por tempo indeterminado. Tampouco poderá permiti-la subdelegación en prol de autoridades distintas da propia Xunta.

Artigo 5539

1. As leis de bases delimitarán con precisión o obxecto e alcance da delegación lexislativa e os principios e criterios que se han de seguir no seu exercicio. En ningún caso poderán autorizar á Xunta para modifica-la propia lei de bases nin para dictar normas con carácter retroactivo.

2. As leis ordinarias de autorización para refundir textos legais, determinarán o ámbito normativo a que se refire o contido da delegación, especificando se se circunscribe á mera formulación dun texto único ou se se inclúe a de regularizar, clarexar e harmoniza-los textos legais que han de ser refundidos.

Artigo 5640

O control sobre os Decretos Lexislativos levarase a cabo nos términos previstos no Regulamento do Parlamento de Galicia, sen prexuício do cal as leis de delegación poderán establecer en cada caso fórmulas adicionais de control parlamentario.

Artigo 5741

1. Cando unha proposición de lei ou unha enmenda sexa contraria a unha delegación lexislativa en vigor, a Xunta está facultada para se opoñer á súa tramitación. Neste caso poderá presentar unha proposición de lei para a derogación parcial ou total da lei de delegación.

2. A delegación entenderase esgotada coa publicación pola Xunta da norma correspondente.

Disposición transitoria primeira42

O disposto no número 7 do artigo 11 da presente Lei será aplicable para tódolos efectos desde a celebración das primeiras eleccións autonómicas galegas.

Os tratamentos honoríficos establecidos nese precepto serán tamén extensibles ós ex-Presidentes da Preautonomía.

Disposición transitoria segunda43

En tanto a Xunta non regule por Decreto o establecido no parágrafo segundo do número 7 do artigo 11 da presente Lei, a compensación económica establecida será equivalente ó 60 por cento da que lle corresponda ó Presidente da Xunta. Tal compensación será compatible con aqueloutras retribucións que os ex-Presidentes poidan percibir, por outros conceptos, con cargo ós Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

En ningún caso, a contía global pode chegar a ser superior á retribución total que en cada caso perciba o Presidente da Xunta de Galicia.

Disposicición transitoria terceira44

Disposición transitoria cuarta45.

Mentres o Parlamento de Galicia non adopte a resolución prevista no artigo 2, parágrafo cuarto, desta lei, a porcentaxe do sexo menos representado no Consello da Xunta de Galicia non pode ser inferior ao 40 por 100.

Disposición derradeira primeira

Facúltase á Xunta para dicta-los seus propios Regulamentos internos conforme ó establecido nesta lei.

Disposición derradeira segunda

A presente lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1983

Gerardo Fernández Albor
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 23, do 21 de marzo de 1983. Redacción do título dada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (DOG, do 13 de abril de 2007).

2 Redacción do artigo 1 polo artigo primeiro da Lei 11/1988, do 20 de outubro ( DOG núm. 208, de 28 outubro de 1988).

3 Redacción do artigo 2, último parágrafo, dada pola disposición adicional oitava apartado dous, da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (DOG, do 13 de abril de 2007).

4 Redacción do apartado 10 do artigo 4 dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro. DOG núm. 208, de 28 outubro de 1988.

5 Redacción do apartado 13 do artigo 4 dada disposición adicional oitava, apartado tres, da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (DOG, do 13 de abril de 2007).

6 Redacción do apartado 14 do artigo 4 dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro. DOG núm. 208, de 28 outubro de 1988.

7 Redacción do apartado 15 do artigo 4 dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro. DOG núm. 208, de 28 outubro de 1988.

8 Redacción do apartado 16 do artigo 4 dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro. DOG núm. 208, de 28 outubro de 1988.

9 Redacción do apartado 18 do artigo 4 dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro. DOG núm. 208, de 28 outubro de 1988.

10 Apartado 19 do artigo 4 engadido disposición adicional oitava, apartado catro, da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (DOG, do 13 de abril de 2007).

11 O apartado 20 do artigo 4 e o antiguo apartado 19 do mesmo artigo, renumerado pola disposición adicional oitava, apartado cinco, da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (DOG, do 13 de abril de 2007).

12 Redacción do artigo 6 dada polo artigo terceiro da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, de 28 outubro de 1988).

13 Redacción do artigo 7 dada polo artig cuarto da Lei 11/1988, do 20 de outubro(DOG núm. 208, de 28 outubro de 1988).

14 Apartado 7 do artigo 11 engadido polo artigo quinto da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988). Redacción do último parágrafo do apartado 7 do artigo 11 dada polo artigo segundo da Lei 12/2007, do 27 de xullo. Respecto das compensacións previstas neste número debe terse en conta o sinalado na disposición adicional sétima da Lei 9/2012, do 3 de agosto, de adaptación das disposicións básicas do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, en materia de emprego público (DOG núm. 152, do 9 de agosto de 2012) conforme coa cal:

Disposición adicional sétima. Réxime de incompatibilidades da compensación económica establecida no artigo 11, punto 7, parágrafo 2º, da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

1. A compensación económica establecida no artigo 11, punto 7, parágrafo 2°, da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvido polo Decreto 211/2007, do 25 de outubro, con ocasión do cesamento na titularidade da Presidencia da Xunta de Galicia, é incompatible con calquera retribución con cargo aos orzamentos das administracións públicas ou dos entes, organismos e empresas deles dependentes, ou con cargo aos dos órganos constitucionais ou que resulte da aplicación de arancel, así como con calquera retribución que proveña dunha actividade privada, con excepción das previstas no artigo 7 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica. Para estes efectos, considérase tamén actividade no sector público a desenvolvida polos membros electivos das Cortes Xerais, das asembleas lexislativas das comunidades autónomas e das corporacións locais, polos altos cargos e polo restante persoal dos órganos constitucionais e de todas as administracións públicas, incluída a Administración de xustiza.

2. A devandita compensación económica ao cesamento será, así mesmo, incompatible coa percepción da pensión de xubilación ou retiro por dereitos pasivos, ou por calquera réxime de seguridade social público e obrigatorio.

3. Quen cese no devandito cargo terá un prazo de quince días hábiles, contado desde o que concorra a incompatibilidade, para comunicar ante a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas da consellaría competente en materia de facenda a súa opción entre a percepción da compensación económica ou a retribución da actividade pública ou privada que estea desempeñando ou, se é o caso, a percepción da pensión de xubilación ou retiro. A opción pola retribución pública ou privada ou pola pensión de xubilación ou retiro, que se formalizará por escrito para a súa axeitada constancia, implica a renuncia á compensación económica prevista con ocasión do cesamento.

4. Unha vez recibida a devandita comunicación, a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas remitiralla ao centro pagador.

5. A falta de opción no prazo sinalado entenderase como renuncia a percibir a compensación a que se refire o punto 1, optando por percibir a retribución correspondente ao cargo ou á actividade que pase a exercer ou, se é o caso, a pensión de xubilación ou retiro.”

15 Redacción do artigo 12 dada polo por artigo sexto da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

16 Redacción do artigo 24 dada polo artigo sétimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

17 Redacción do apartado 1 do artigo 26 dada polo artigo oitavo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

18 Redacción do artigo 27 polo artigo noveno da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 outubro de 1988).

19 Redacción do apartado 7 do artigo 34 dada polo artigo 30 da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo (DOG núm. 251, do 30 decembro de 2002).

20 Redacción do artigo 36 dada polo artigo décimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

21 Redacción do artigo 37 dada polo artigo décimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

22 Redacción do artigo 38 dada polo artigo décimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

23 Redacción do artigo 39 dada polo artigo décimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

24 Redacción do artigo 40 dada polo artigo décimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

25 Redacción do artigo 41 dada polo artigo décimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

26 Redacción do artigo 42 dada polo artigo décimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

27 Redacción do artigo 43 dada polo artigo décimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

28 Redacción do artigo 44 dada polo artigo décimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

29 Redacción do artigo 45 dada polo artigo undécimo, apartado 1, da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

30 Redacción do artigo 46 dada polo artigo undécimo, apartado 1, da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

31 Redacción do artigo 47 dada polo artigo undécimo, apartado 1, da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

32 Redacción do artigo 48 dada polo artigo undécimo apartado 2, da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

33 Redacción do artigo 49 dada polo artigo undécimo apartado 3 da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

34 Redacción do artigo 50 dada polo artigo undécimo apartado 3 da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

35 Redacción do artigo 51 dada polo artigo undécimo apartado 3 da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

36 Redacción do artigo 52 dada polo artigo undécimo apartado 3 da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

37 Redacción do artigo 53 dada polo artigo undécimo apartado 4 da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

38 Redacción do artigo 54 dada polo artigo undécimo apartado 4 da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

39 Redacción do artigo 55 dada polo artigo undécimo apartado 4 da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

40 Redacción do artigo 56 dada polo artigo undécimo apartado 4 da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

41 Redacción do artigo 57 dada polo artigo undécimo apartado 4 da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

42 Disposición transitoria primeira engadida por artigo duodécimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

43 Disposición transitoria segunda engadida por artigo duodécimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988).

44 Disposición transitoria terceira engadida polo artigo duodécimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG núm. 208, do 28 de outubro de 1988), e posteriormente derrogada polo artigo único da Lei 12/1989, do 4 de outubro.

45 Disposición transitoria cuarta engadida pola disposición adicional oitava apartado seis da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (DOG núm. 72, do 13 de abril de 2007).