Lei 4/2004, do 28 de xuño, para a aplicación aos concellos de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela do réxime de organización dos municipios de gran poboación

Lei 4/2004, do 28 de xuño, para a aplicación aos concellos de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela do réxime de organización dos municipios de gran poboación1.

A aprobación, en decembro do ano 2003, da Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, veu supoñer, entre outras modificacións, a introdución, na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, dun novo título, o X, dedicado ao que, na mesma lei, se chaman municipios de gran poboación, respecto dos cales se introduce un novo réxime xurídico, con especificidades que, segundo sinala a propia exposición de motivos, buscan romper co excesivo uniformismo que viña caracterizando tradicionalmente ao réxime local.

Así, en palabras do propio texto legal, o goberno urbano reclamaba un tratamento específico dabondo que lles permitira ás cidades afrontar a súa enorme complexidade como estruturas político-administrativas no contexto dunha sociedade dinámica e en constante evolución.

Estas consideracións da Lei 57/2003 resultan plenamente aplicables ás circunstancias de Galicia, onde a vertebración socioeconómica, e mesmo poboacional, do noso territorio se ten realizado tradicionalmente ao redor das sete grandes cidades, que xogaron, neste sentido, un claro e fundamental papel articulador do desenvolvemento das súas áreas de influencia e, de aí, do conxunto de Galicia.

A nova redacción da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local, sinala agora, no seu artigo 121, que este novo e específico réxime orgánico funcional será de aplicación, ademais de a aqueles municipios que superen os 250.000 habitantes ou 175.000 se se trata de capitais de provincia, a aqueloutros que sexan capital de provincia, capital autonómica ou sede das institucións autonómicas, ou a aqueles de máis de 75.000 habitantes que presenten circunstancias económicas, sociais, históricas ou culturais especiais, debendo, nestes últimos dous supostos, decidilo así os parlamentos autonómicos correspondentes, logo da iniciativa dos concellos interesados.

De acordo con estas previsións, só A Coruña e Vigo quedarían, na nosa Comunidade Autónoma, directamente incluídas no réxime dos municipios de gran poboación; así, as outras cinco cidades susceptibles de acollerse a el -Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela- deberían solicitar esta inclusión mediante acordo dos seus respectivos plenos municipais, decidindo logo o Parlamento galego o que considere procedente.

Os plenos municipais destas cinco cidades adoptaron, segundo consta fidedignamente acreditado, o acordo de solicitar a aplicación do réxime de organización reservado aos municipios de gran poboación, recollido no título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Por outra banda, o noso Estatuto de autonomía establece, como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, aquelas funcións sobre o réxime local que lle correspondan ao abeiro do artigo 149.1.18 da Constitución, atribución na que debe entenderse englobada, en consecuencia, toda iniciativa dirixida, dentro deste marco, a desenvolver e adaptar ás peculiaridades do tecido local galego as previsións da normativa estatal de carácter básico en materia de réxime local.

Así, o Goberno galego considera que concorren, nas cinco cidades susceptibles de ser incluídas no réxime dos municipios de gran poboación, as circunstancias obxectivas que a Lei 57/2003 sinala como de necesaria apreciación para esta inclusión, xa non só no caso de Santiago de Compostela -recoñecida, pola Lei 4/2002, como capital de Galicia e sede das súas institucións senón tamén no de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, cidades todas elas cunha especial relevancia económica, social, histórica e cultural no conxunto de Galicia, fóra de toda dúbida, como xa quedou dito.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei para a aplicación aos concellos de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela do réxime de organización dos municipios de gran poboación.

Artigo 1º

Seralles de aplicación aos municipios de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela -por entender que concorren as circunstancias de carácter obxectivo exixidas para iso no título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local- o réxime de organización dos concellos de gran poboación recollido no devandito título.

Artigo 2º

Os plenos municipais de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela determinarán a aplicación desta lei ao réxime de organización dos respectivos concellos.

Disposición adicional única

Mediante disposición de rango legal poderá procederse, no marco do establecido na normativa básica estatal, e de acordo co sinalado no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, ao desenvolvemento das previsións contidas no título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, co fin de adaptalas ás peculiaridades e circunstancias específicas dos municipios galegos ás que aquel resulte de aplicación

Disposición derradeira única

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xuño de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 130, do 7 de xullo de 2004. Corrección de erros publicada no DOG núm. 133, do 12 de xullo de 2004.