Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia

Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia1.

Exposición de motivos

Co antecedente das previsións sobre a posible existencia de institucións consultivas autonómicas equivalentes ao Consello de Estado contidas na Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, no Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, sobre todo, co explícito recoñecemento polo Tribunal Constitucional das facultades das comunidades autónomas para crearen, en virtude das súas potestades de autoorganización, órganos consultivos propios, das mesmas características e con idénticas ou semellantes funcións ás do Consello de Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia procedeu, mediante a Lei 9/1995, do 10 de novembro, á creación do Consello Consultivo de Galicia, que habería de prestar a garantía que para o interese xeral e a legalidade obxectiva representaba, ata aquel entón, a intervención preceptiva do Consello de Estado en determinados procedementos e actuacións das administracións públicas de Galicia. Desde tal momento os ditames do Consello de Estado pasaron a ser substituídos, en materias de competencia autonómica, polos emitidos por esa nova institución consultiva.

Os máis de tres lustros transcorridos desde a entrada en vigor da dita lei supuxeron un lapso de tempo suficiente para comprobar a eficacia do Consello Consultivo de Galicia. Pero ese tempo tamén puxo de relevo a necesidade de dotar a institución dunhas características que se axusten mellor ao complexo sistema xurídico actual, á exixencia de satisfacción dos intereses públicos aos que, con obxectividade, deben servir os órganos decisores para os cales a institución consultiva ditamina ou informa, e aos principios de eficiencia e economía do gasto público, todo isto con pleno respecto ás garantías institucionais de autonomía orgánica e funcional, que, por definiren a esencia dos consellos consultivos, segundo os criterios establecidos polo Tribunal Constitucional, son infranqueables para o lexislador.

2

Partindo daqueles parámetros, na revisión que se efectúa a través desta lei comézase, no seu título I, por definir a posición institucional do Consello Consultivo de Galicia como supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas integradas no seu territorio, co cal se precisa o alcance subxectivo das súas funcións, que non só abarcan a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con todos os entes que integran o sector público autonómico, senón que tamén se estenden ás entidades locais e ás universidades públicas de Galicia.

Fronte ao sistema de designación gobernamental dos membros electivos do órgano consultivo, polo que optou o lexislador de 1995 en coherencia coas limitadas funcións que ao Consello Consultivo de Galicia se lle encomendaban nos procesos de produción normativa, implántase no título II desta lei, como un dos trazos fundamentais que caracterizan ese órgano, un sistema mixto que dá participación ao Parlamento na elección de tres dos membros electivos do Consello Consultivo, atendendo ás novas competencias de intervención del na actividade do lexislativo, sequera o sexa en fase de iniciativa do Goberno e con carácter facultativo, dotándoo tamén, asemade, dun necesario equilibrio institucional.

Por outra banda, o feito de que a multiplicidade de funcións que se asignan ao Consello Consultivo xiren, en esencia, arredor de materias que afectan especificamente disciplinas de dereito público, fai oportuno que a elección dos membros electivos recaia sobre persoas dotadas duns perfís técnico-xurídicos que estean en consonancia con tal circunstancia.

No título III amplíanse as competencias do órgano consultivo, respecto do que lle precedeu, desde unha dobre óptica: primeiro, nivelando as funcións ditaminadoras e as asesoras, de maneira que a chamada función ditaminadora, limitada a comprobar se determinadas propostas de resolucións ou proxectos de textos normativos xa elaborados se axustan ao ordenamento xurídico e a unha correcta técnica, se completa coa función de asesoramento técnico dos poderes públicos, que abarca a posible redacción de anteproxectos lexislativos, a elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria, e, sobre todo, a emisión de informes sobre cuestións concretas de especial transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia; segundo, axustando o ámbito competencial do órgano consultivo ao vixente marco legal (incluíndo, entre outras, as funcións de ditaminar sobre a revisión de oficio de disposicións xerais, a declaración de nulidade de pleno dereito dos actos ditados en materia tributaria, a formalización de conflitos en defensa da autonomía local, a aprobación de pregos de cláusulas administrativas xerais ou as modificacións dos contratos administrativos), engadindo outras competencias, que hoxe son lugar común nas lexislacións autonómicas (como as relativas á emisión de ditames previos á interposición polo Consello da Xunta de recursos de inconstitucionalidade e conflitos de competencia perante o Tribunal Constitucional), e atribuíndo ao órgano consultivo competencia para emitir ditames facultativos nos procesos de elaboración de leis de iniciativa da Xunta.

A regulación e as competencias dos órganos en que se articula o Consello Consultivo e o procedemento de adopción dos seus acordos son o obxecto dos títulos IV e V desta lei, merecendo destacarse, no primeiro aspecto, a configuración dun órgano de novo cuño, a Sección de Estudos e Informes, que vai contar coa achega da valiosa e excepcional experiencia das conselleiras e dos conselleiros natos e á que se lle encomenda na lei a redacción dos anteproxectos lexislativos e a elaboración das propostas lexislativas ou de reforma estatutaria que o Consello da Xunta poida encomendar ao Consello Consultivo, como así mesmo a realización dos informes que a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia solicite.

Finalmente, no título VI, e sen prexuízo das necesarias referencias ao persoal ao servizo do Consello Consultivo e ao corpo de persoal letrado da institución, encoméndase o desenvolvemento pormenorizado da súa organización e funcionamento a un futuro regulamento, o cal será elaborado polo Consello Consultivo e aprobado polo Consello da Xunta.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do Consello Consultivo de Galicia.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza

O Consello Consultivo de Galicia é o supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia actúa con independencia respecto de calquera órgano e, en garantía dela, goza de autonomía orgánica e funcional, non estando os seus membros ligados por ningún mandato imperativo.

Artigo 2. Sede

O Consello Consultivo de Galicia ten a súa sede na cidade de Santiago de Compostela.

TÍTULO II

Composición

Artigo 3. Membros e a súa designación

1. O Consello Consultivo de Galicia está integrado por conselleiras e conselleiros electivos e mais por conselleiras e conselleiros natos.

2. As conselleiras e os conselleiros electivos, en número de cinco, deberán ser xuristas de recoñecida competencia que conten cunha experiencia e desempeño efectivo, durante polo menos dez anos, en cargo, función ou actividade profesional relacionados especificamente con aquelas especialidades de dereito público relacionadas coas actividades do Consello Consultivo.

O presidente da Xunta nomeará os cinco membros electivos do Consello Consultivo: dous unha vez escoitado o Consello da Xunta e os outros tres por proposta do Parlamento de forma proporcional á representación dos grupos parlamentarios existentes na Cámara. As persoas candidatas propostas de forma proporcional polos grupos parlamentarios como membros electos do Consello Consultivo de Galicia deberán comparecer perante a Comisión correspondente conforme o Regulamento da Cámara co fin de examinar a súa idoneidade para o cargo. Con posterioridade o Pleno da Cámara adoptará o acordo por maioría de tres quintos dos seus membros en primeira votación ou maioría absoluta en segunda votación, se for necesaria. A Presidencia do Parlamento comunicará este acordo ao presidente da Xunta para que proceda ao seu nomeamento.

A composición e posterior renovación do Consello procurarán atender a criterios de paridade.

3. Son conselleiras e conselleiros natos as persoas que exerceron a Presidencia da Xunta de Galicia.

A súa incorporación inicial ao Consello Consultivo pode producirse en calquera momento, pero en todo caso antes de cumpriren a idade de setenta e cinco anos. Para tal efecto, formalizarán perante o Consello Consultivo o seu desexo de incorporarse a el e formularán declaración de non incorrer en causa de incompatibilidade.

O mandato das conselleiras e dos conselleiros natos do Consello Consultivo, unha vez que se incorporen a el, poderá interromperse a consecuencia do seu nomeamento para un cargo público declarado incompatible. Ao producirse o cesamento nese cargo, a persoa interesada dispoñerá dun prazo de tres meses desde o dito cesamento para formalizar a súa reincorporación ao Consello Consultivo polo tempo que lle quede de mandato.

Artigo 4. Duración do mandato e substitución

1. As conselleiras e os conselleiros electivos exercerán o seu mandato por un período de seis anos, agás remoción polas causas previstas nesta lei.

2. As conselleiras e os conselleiros electivos terán como límite máximo de permanencia nos seus cargos a idade de setenta e dous anos.

3. O cesamento anticipado dunha conselleira ou dun conselleiro electivo dará lugar á súa substitución.

Para tal efecto, a persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo poñerá o cesamento en coñecemento da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia e pedirá que esta nomee ou, se é o caso, solicite do órgano que propuxo a conselleira ou o conselleiro cesante a realización de nova proposta na forma e coas condicións previstas para o nomeamento inicial e mais que se proceda ao nomeamento dunha nova conselleira ou conselleiro, cuxo mandato exercerá polo tempo que falte para a expiración do mandato da persoa cesante.

4. As conselleiras e os conselleiros natos exercerán o seu mandato por un período de seis anos de teren a condición de titular da Presidencia da Xunta de Galicia durante catro ou menos anos, ou por un período de doce anos de teren a condición de titular da Presidencia da Xunta de Galicia durante máis de catro anos.

5. Con tres meses de antelación á expiración do período de mandato dunha conselleira ou dun conselleiro nato, a persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo comunicarallo ao Consello da Xunta, o cal, cando as circunstancias concorrentes así o aconsellen, poderá prorrogar o mandato da conselleira ou do conselleiro por un período que non superará, en ningún caso, a terceira parte do período inicial que lle correspondese.

Artigo 5. Inmobilidade e cesamento

1. Durante o tempo do seu mandato as conselleiras e os conselleiros serán inamovibles, non podendo removerse dos seus cargos senón por renuncia, límite de idade, incapacidade, incompatibilidade sobrevida ou incumprimento grave dos deberes do cargo, así como por resultar condenado por delito doloso no exercicio do cargo.

2. O cesamento en todos os supostos será decretado polo Consello da Xunta, logo de aceptación da renuncia pola Presidencia do Consello Consultivo e apreciación das restantes causas do cesamento polo Pleno do Consello Consultivo.

3. No suposto de cesamento por renuncia ou límite de idade, a conselleira e o conselleiro electivo deberá continuar exercendo as súas funcións ata que tome posesión do seu cargo quen deba substituílo.

Artigo 6. Incompatibilidades

1. A condición de conselleira ou conselleiro é incompatible:

a) Con calquera cargo de elección popular ou designación política.

b) Con emprego ou cargo dotado ou retribuído pola Administración do Estado, das comunidades autónomas, das entidades locais e dos organismos ou empresas dependentes de calquera delas.

c) Co exercicio das carreiras xudicial, fiscal ou militar.

d) Co desempeño de funcións directivas en partidos políticos, sindicatos de traballadores ou asociacións empresariais.

e) Con cargos de toda índole en empresas ou sociedades que contraten a prestación de servizos, subministración ou obras con calquera Administración da Comunidade Autónoma.

f) Con calquera actividade profesional ou mercantil.

2. Será compatible co exercicio da actividade docente, logo de declaración expresa de compatibilidade pola Presidencia do Consello Consultivo.

Así mesmo será compatible, sen necesidade de declaración expresa de compatibilidade, coas actividades de produción e creación literaria, científica ou técnica e as publicacións derivadas delas, así como coa participación como director ou relator en congresos, seminarios, xornadas de traballo, conferencias ou cursos de carácter profesional.

3. Se concorre algunha causa de incompatibilidade na persoa que se designe conselleira ou conselleiro electivo e esa causa non é removida antes da data sinalada para tomar posesión do cargo, entenderase que renuncia ao posto no Consello Consultivo, o que así se decretará polo Consello da Xunta, e seguidamente procederase, de se tratar dunha conselleira ou dun conselleiro electivo, a efectuar unha nova designación na forma prevista para os supostos de cesamento anticipado.

Artigo 7. Abstención

As persoas que integran o Consello Consultivo deberán absterse de intervir naqueles asuntos que proceda conforme a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Deber de segredo

As persoas que integran o Consello teñen a obriga de gardar segredo sobre o contido das deliberacións deste e non poderán facer, sen a súa previa autorización, declaracións ou manifestacións públicas, valorativas, orais ou escritas, ou formular do mesmo modo opinións científicas, sobre temas ou materias concretas que estean directamente relacionados con asuntos sometidos ou que debe coñecer o Consello.

Artigo 9. Retribucións

A persoa titular da Presidencia e os membros do Consello Consultivo terán dereito ás retribucións polos conceptos e as contías que anualmente se fixen na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10. Renovación das conselleiras e dos conselleiros electivos

Con seis meses de antelación á expiración do mandato das conselleiras e dos conselleiros electivos, a persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo dirixirase á Presidencia da Xunta de Galicia e á Presidencia do Parlamento solicitando que se proceda ao nomeamento de novas conselleiras ou conselleiros.

Os membros electivos do Consello Consultivo deberán permanecer no exercicio dos seus cargos ata a toma de posesión dos novos membros.

TÍTULO III

Competencias

Artigo 11. Ditames

1. O Consello Consultivo de Galicia emitirá ditame en cantos asuntos, relativos ás materias previstas nesta lei, sexan sometidos á súa consulta pola Presidencia da Xunta de Galicia, o Consello da Xunta ou calquera das persoas que forman parte del, as administracións do sector público autonómico, as entidades locais e as universidades públicas de Galicia.

2. No desempeño da súa función ditaminadora, o Consello Consultivo de Galicia exercerá o control previo do rigor técnico xurídico das actuacións do órgano consultante, velando pola observancia da Constitución, do Estatuto de autonomía de Galicia e do resto do ordenamento xurídico, sen estenderse a valoracións de oportunidade ou conveniencia, agás que así o solicite expresamente o órgano consultante.

3. A consulta ao Consello Consultivo de Galicia será preceptiva cando así se estableza por lei.

Os ditames non serán vinculantes, agás que por lei se dispoña expresamente o contrario.

4. Os asuntos sobre os que ditaminase o Consello Consultivo de Galicia non poderán ser sometidos polo órgano consultante a ditame posterior doutro órgano ou institución consultiva.

5. Os actos administrativos, as disposicións ou os proxectos normativos aprobados en asuntos ditaminados preceptivamente polo Consello Consultivo expresarán se se acordan conforme o seu ditame ou se apartan del. No primeiro caso, conterán a fórmula «de acordo co Consello Consultivo»; no segundo, a de «oído o Consello Consultivo» ou, de se conformaren enteiramente con algún voto particular, a de «oído o Consello Consultivo e de acordo co voto particular formulado pola(s) conselleira(s) ou o(s) conselleiro(s)…».

Artigo 12. Ditames preceptivos

O Consello Consultivo ditaminará preceptivamente sobre os seguintes asuntos:

a) Anteproxectos de reforma do Estatuto de autonomía elaborados pola Xunta de Galicia.

b) Proxectos de lexislación delegada a que se refire o artigo 10.1.a) do Estatuto de autonomía de Galicia.

c) Proxectos de regulamento de execución de leis autonómicas e de desenvolvemento de normas básicas do Estado e, de ser o caso, de normas da Unión Europea, así como as súas modificacións.

d) Interposición polo Consello da Xunta de recursos de inconstitucionalidade e formulación de conflitos de competencia perante o Tribunal Constitucional, previamente á presentación do correspondente procedemento.

e) Formalización de conflitos en defensa da autonomía local formulados polas entidades locais de Galicia perante o Tribunal Constitucional, previamente á presentación do correspondente procedemento.

f) Revisión de oficio dos actos e das disposicións administrativas e recurso administrativo de revisión.

g) Aprobación do prego de cláusulas administrativas xerais e interpretación, modificación, nulidade e resolución dos contratos administrativos nos casos previstos na normativa xeral de contratación administrativa.

h) Nulidade, interpretación, modificación e extinción de concesións administrativas calquera que sexa o seu obxecto, nos casos en que así o exixan as normas aplicables.

i) Nulidade de pleno dereito dos actos ditados en materia tributaria.

j) Reclamacións de responsabilidade patrimonial de contía superior a 30.000 euros para a Administración autonómica e a 15.000 euros para as administracións locais.

k) Creación ou supresión de concellos e alteración de termos municipais.

l) Convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas.

m) Calquera outro asunto no cal unha lei exixa expresamente o ditame do órgano consultivo.

Artigo 13. Ditames facultativos

Con carácter facultativo, poderá pedirse o ditame do Consello Consultivo nos seguintes casos:

a) Anteproxectos de lei elaborados polo Consello da Xunta.

b) Conflitos de atribucións que se susciten entre diversas consellarías, entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma e outras administracións públicas de Galicia ou entre as entidades locais de Galicia.

c) Modificación dos instrumentos de planeamento urbanístico regulados por lei, cando teñan por obxecto unha diferente zonificación no uso urbanístico do solo rústico especial, nos espazos libres e nas zonas verdes destinados ao dominio público do plan.

d) Calquera outro asunto que afecte a Administración da Comunidade Autónoma ou as entidades locais de Galicia cando, a xuízo da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, o requira a súa especial transcendencia.

Artigo 14. Propostas e informes2

1. O Consello da Xunta poderá encomendarlle ao Consello Consultivo de Galicia a redacción de anteproxectos lexislativos e a elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria. A súa realización deberá axustarse estritamente ao ámbito delimitado polos criterios e obxectivos expresados polo Consello da Xunta.

2. Poderá tamén a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, pola súa exclusiva iniciativa, solicitar do Consello Consultivo de Galicia a emisión de informes sobre calquera cuestión concreta cando, ao seu xuízo, sexan de transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Así mesmo, as persoas titulares da presidencia das entidades locais poderán solicitar do Consello Consultivo de Galicia a emisión de informes sobre cuestións concretas de especial transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, entenderase que unha cuestión reviste especial transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia nos seguintes casos:

a) Cando apareza referida a normas cuxa aplicación ao caso ou cuxa interpretación na súa aplicación a este resulte dubidosa.

b) Cando transcenda do caso concreto porque presente unha cuestión xurídica de relevante e xeral repercusión económica ou social.

c) Cando fose resolta por distintas administracións públicas de Galicia con criterios xurídicos contraditorios.

Artigo 15. Memoria anual

O Consello Consultivo elevará unha memoria anual ao Consello da Xunta de Galicia na que expoñerá a súa actividade no exercicio anterior, así como as suxestións que estime oportunas para a mellora das actuacións administrativas. Dela darase conta ao Parlamento de Galicia.

TÍTULO IV

Órganos do Consello Consultivo

Artigo 16. Clases

1. O Consello Consultivo articúlase nos seguintes órganos:

– Presidencia,

– Pleno,

– Sección de Ditames,

– Sección de Estudos e Informes,

– Secretaría Xeral.

2. Regulamentariamente poderanse establecer outras seccións que se estimen oportunas.

Artigo 17. Presidencia

1. Na primeira reunión do Consello, cando estea vacante a presidencia, os membros electivos procederán á elección da persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo por e entre as conselleiras e os conselleiros electivos en votación secreta e por maioría absoluta, e esta será nomeada pola Presidencia da Xunta. O seu mandato terá unha duración coincidente coa do seu cargo de conselleira ou conselleiro.

De non se conseguir a maioría absoluta no prazo dun mes comunicaráselle á Presidencia da Xunta para que proceda ao seu nomeamento.

2. A persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo tomará posesión do seu cargo perante o Pleno do dito órgano.

3. Nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo será substituída pola conselleira ou o conselleiro electivo de máis idade.

Artigo 18. Funcións da Presidencia

A Presidencia do Consello Consultivo terá as seguintes funcións:

1. Desempeñar a representación do Consello Consultivo.

2. Convocar e presidir as sesións do Pleno e das seccións, dirimindo os empates con voto de calidade.

3. Fixar a orde do día das sesións do Pleno e das seccións.

4. Autorizar coa súa sinatura os acordos do Pleno e das seccións

5. Rotar os relatorios dos asuntos entre as persoas que integran o Consello.

6. Autorizar os gastos referentes aos servizos do Consello3

7. Exercer a superior dirección das actividades dos órganos técnicos do Consello.

8. Exercer a superior inspección dos servizos do Consello e da súa sede.

9. As demais funcións previstas nesta lei ou no Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo.

Artigo 19. O Pleno

1. O Pleno do Consello Consultivo está constituído pola persoa que desempeña a presidencia, as conselleiras e os conselleiros electivos e mais as conselleiras e os conselleiros natos.

2. Son funcións do Pleno:

a) Emitir por solicitude da Presidencia da Xunta de Galicia ditame sobre os asuntos relativos a anteproxectos de reforma do Estatuto de autonomía, calquera outro anteproxecto ou proxecto de disposicións legais ou regulamentarias, os asuntos relacionados co Tribunal Constitucional e os convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas.

b) Pronunciarse sobre as propostas lexislativas ou de reforma estatutaria encomendadas polo Consello da Xunta e elaboradas pola Sección de Estudos e Informes.

c) Aprobar a memoria anual de actividades.

d) Aprobar anualmente o anteproxecto de orzamentos do Consello, que se integrará nos xerais da Comunidade Autónoma nunha sección específica.

e) As demais funcións que correspondan ao Consello Consultivo e non fosen expresamente atribuídas a outros órganos del.

Artigo 20. Sección de Ditames

1. Compoñen a Sección de Ditames a persoa titular da Presidencia do Consello e as conselleiras e os conselleiros electivos.

2. A persoa titular da Presidencia poderá delegar en quen legalmente a substitúa a presidencia da Sección de Ditames para a resolución dos asuntos da súa competencia.

3. Compételle a esta sección ditaminar sobre os asuntos non atribuídos á competencia do Pleno.

Artigo 21. Sección de Estudos e Informes4

1. A Sección de Estudos e Informes estará composta pola persoa titular da Presidencia do Consello, quen a presidirá, por unha conselleira ou conselleiro electivo, que será designado/a anualmente polo Pleno por proposta da Presidencia do Consello, e polas conselleiras ou conselleiros natos.

No caso de non existiren conselleiras ou conselleiros natos, a Sección de Estudos e Informes estará composta pola persoal titular da Presidencia do Consello, que a presidirá, e por dúas/dous conselleiras ou conselleiros electivas/os, cuxa designación a fará anualmente o Pleno por proposta da Presidencia do Consello. Se durante o mandato da Sección de Estudos e Informes así constituída se produce un nomeamento de conselleiras ou conselleiros natos, pasarán a formar parte dela de xeito automático, sen que este nomeamento determine o cesamento dunha conselleira ou conselleiro electivos.

Unha vez finalizado o mandato anual, procederase á renovación da Sección na forma prevista no parágrafo primeiro deste artigo, no caso de existiren conselleiras ou conselleiros natos, e na forma prevista no parágrafo segundo, no caso contrario.

2. Compételle a esta sección a redacción dos anteproxectos lexislativos e a elaboración, para o seu sometemento ao Pleno, das propostas lexislativas ou de reforma estatutaria que o Consello da Xunta encomende ao Consello Consultivo.

3. Compételle, así mesmo, a realización dos informes que a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia e as persoas titulares da Presidencia das entidades locais soliciten.

No caso das entidades locais, na solicitude de informe deberá expoñerse con claridade e precisión a cuestión concreta sobre a que verse a dita solicitude e a xustificación da súa posible consideración como de especial transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia, con invocación expresa do suposto previsto no artigo 14.3 que se considere de aplicación. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que lle sirva de fundamento.

A Sección de Estudos e Informes examinará a solicitude e, no caso de que, por maioría dos membros asistentes, se aprecie que non concorre ningún dos supostos previstos no artigo 14.3, acordarase a devolución do expediente e o arquivamento do actuado, sen máis trámite.

4. Cando a realización dun determinado anteproxecto lexislativo, dunha proposta lexislativa ou de reforma estatutaria ou dun concreto informe requira información ou asesoramento técnico especializado, poderá solicitarse a asistencia de persoal funcionario doutros corpos do sector público autonómico.

5. Os informes publicaranse transcorrido un mes desde a súa aprobación, agás cando a Administración que formule a consulta solicite expresamente que non sexan obxecto de publicación.

Artigo 22. Secretaría Xeral e Secretaría do Pleno e Seccións5

1. O Consello Consultivo contará cunha Secretaría Xeral, á que lle corresponderá:

a) A xefatura directa e a xestión administrativa en materia de persoal, así como do réxime interior dos servizos e dependencias do Consello, sen prexuízo da superior autoridade da Presidencia.

b) A xestión dos créditos orzamentarios no relativo aos actos de disposición, recoñecemento da obriga e ordenamento do pagamento.

c) A tramitación e xestión da contratación administrativa e a administración do patrimonio.

d) A expedición de certificacións en relación coas materias cuxa xestión lle estea atribuída e a custodia da documentación que se xere no exercicio das súas funcións.

e) A asistencia á Presidencia en todos os asuntos e, singularmente, preparar e redactar, cando aquela o considere conveniente, os proxectos de ditames, informes ou propostas nos asuntos que a persoa titular da Presidencia determine.

f) Aqueloutras que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia ou lle atribúa o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo.

2. O posto de titular da Secretaría Xeral estará asimilado no seu rango ao de alto cargo. A persoa titular da Secretaría Xeral deberá ser licenciada en Dereito, ou posuidora do título de grao en Dereito, e reunir os requisitos de solvencia profesional que sexan necesarios para o desenvolvemento da función. Será nomeada e separada libremente polo Pleno por proposta da Presidencia do Consello Consultivo.

3. As funcións da Secretaría do Pleno e das Seccións serán exercidas por quen designe a Presidencia de entre o persoal funcionario ao servizo do Consello. Ese exercicio non xerará percepción de retribucións, axudas de custo ou indemnizacións.

4. Correspóndelle á persoa que exerza a Secretaría do Pleno e das Seccións:

a) Dar fe dos actos do Consello.

b) Asistir ás sesións do Consello con voz pero sen voto e levantar e redactar as actas das sesións, visadas pola persoa titular da Presidencia.

c) Custodiar a documentación do Consello que garde relación directa co exercicio das súas funcións.

d) Elaborar a orde do día das sesións do Pleno e das Seccións, someténdoo á aprobación da Presidencia.

e) Efectuar, por orde da persoa titular da Presidencia, a convocatoria das conselleiras e conselleiros para as sesións.

f) Levar a efecto os acordos do Consello.

g) Practicar os actos de comunicación do Consello, con excepción dos que sexan realizados pola persoa titular da Presidencia.

h) Expedir certificacións dos acordos do Consello, votos particulares e demais documentos confiados á súa custodia, visadas pola persoa titular da Presidencia do Consello.

i) Facilitar copia dos expedientes ás conselleiras e conselleiros, así como ao persoal letrado a quen corresponda o seu estudo.

j) Preparar, para a súa posterior aprobación polo Pleno do Consello, o proxecto da memoria de actividades anuais.

k) Asistir o presidente en todos os asuntos en que a requira e sexa inherente á súa condición.

5. No caso de ausencia, enfermidade ou calquera imposibilidade temporal, a persoa titular da Secretaría Xeral e a persoa funcionaria designada para desempeñar as función da Secretaría do Pleno e das Seccións substituiranse entre si, e no último termo serán substituídas pola persoa que, exercendo funcións de letrada ou letrado do Consello, sexa designada pola Presidencia

TÍTULO V

Procedemento

Artigo 23. Adopción de acordos

1. Nas reunións do Consello Consultivo requirirase, para a validez das deliberacións e dos acordos, a presenza da persoa titular da Presidencia ou de quen legalmente a substitúa, a dun número de conselleiras ou conselleiros que, coa Presidencia, constitúan maioría absoluta, e a da persoa funcionaria designada para desempeñar as funcións de Secretaría do Pleno e das Seccións ou de quen a substitúa6.

2. Os acordos adoptaranse pola maioría de votos das conselleiras e dos conselleiros asistentes, debe facerse constar neles se se adoptan por maioría ou por unanimidade e ningún dos membros con dereito a voto pode absterse nas votacións, agás que concorran causas legais de abstención.

3. No caso de discrepancias co acordo adoptado, as conselleiras ou os conselleiros discrepantes poderán formular por escrito, no prazo que regulamentariamente se determine, o seu voto particular razoado, o cal se acompañará ao acordo.

4. Os membros natos do Consello Consultivo actuarán no Pleno con voz pero sen voto, non computándose, en consecuencia, a súa asistencia para os efectos do quórum de constitución e adopción de acordos.

Artigo 24. Prazos

1. O Consello Consultivo deberá emitir os seus ditames e informes no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de recepción da solicitude. Non obstante, cando na solicitude se fagan constar motivadamente razóns de urxencia, o prazo para emitir o ditame ou informe será de quince días, agás que, excepcionalmente, a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou o Consello da Xunta fixen un prazo menor. Transcorridos aqueles prazos entenderase, ao se tratar de solicitudes de ditames, que non existe ningunha obxección á cuestión suscitada.

2. O prazo para a redacción de anteproxectos lexislativos e elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria será o que fixe a autoridade consultante. No seu defecto, o prazo será de seis meses. Os devanditos prazos empezarán a contarse desde o día seguinte á recepción da solicitude da consulta. Excepcionalmente, cando pola complexidade da materia sexa previsible a insuficiencia do prazo establecido, a Presidencia do Consello solicitará á autoridade consultante que fixe un prazo superior.

Artigo 25. Documentación

1. O órgano consultante deberá facilitar ao Consello canta documentación precise para pronunciarse sobre a cuestión formulada.

2. O Consello, a través da persoa que desempeña a súa presidencia, e por acordo daquela, poderá solicitar ao órgano ou á institución consultante que se complete a documentación con cantos antecedentes, informes e probas considere necesarios. Neste caso interromperase o prazo previsto no artigo 24 polo tempo que regulamentariamente se estableza.

Artigo 26. Audiencias7

As persoas ou as entidades directamente interesadas nos asuntos motivadores das consultas poden formular alegacións ante o Consello, por acordo deste, adoptado de oficio ou por petición daquelas, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O trámite de alegacións verificarase preferentemente a través de medios electrónicos e, en todo caso, cando se trate de persoas obrigadas a se relacionaren electronicamente coas administracións públicas.

Artigo 27. Medios electrónicos8

A comunicación e a remisión de informes, propostas normativas e ditames elaborados polo Consello Consultivo de Galicia realizaranse a través de medios electrónicos, en cumprimento das prescricións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; e do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, ademais de cumprir neste caso co obxectivo de minimizar o gasto en papel, impulsar as novas tecnoloxías e axilizar o funcionamento deste órgano.

TÍTULO VI

Organización e funcionamento

Artigo 28. Regulamento de organización e funcionamento

A organización e o funcionamento do Consello Consultivo de Galicia rexerase polo seu propio regulamento de organización e funcionamento, que será elaborado polo Consello Consultivo e aprobado polo Consello da Xunta.

Artigo 29. Persoal9

1. O Consello Consultivo de Galicia dispoñerá do persoal da categoría, clase e condición necesarias para o desenvolvemento das súas funcións.

2. Corresponde ao Consello Consultivo de Galicia establecer a organización do persoal ao seu servizo e propoñer á Xunta de Galicia a aprobación e modificación do cadro de persoal e da relación de postos de traballo, así como levar a cabo os procesos de provisión dos postos de traballo.10

3. Sen prexuízo do disposto para o persoal letrado, os postos de traballo definidos na relación de postos de traballo para persoal funcionario poderán ser cubertos por persoal desta categoría da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, doutras comunidades autónomas ou do Estado.

Artigo 30. Letrados11

1. O Consello Consultivo está asistido por persoal letrado, dependente orgánica e funcionalmente deste, ao que corresponde, baixo a dirección e responsabilidade da Presidencia ou das conselleiras e conselleiros, as funcións do estudo dos asuntos sometidos á consulta do Consello, a preparación e a redacción dos correspondentes proxectos de ditames, informes ou propostas e as demais funcións adecuadas á súa condición que lle atribúa o Regulamento de organización e funcionamento do Consello. O número de prazas de persoal letrado determinarase na relación de postos de traballo.

2. A provisión das prazas de letrados ao servizo do Consello Consultivo de Galicia, de acordo coa especial responsabilidade, confianza e cualificación profesional requirida, efectuarase por libre designación con convocatoria pública, de acordo co disposto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, entre persoal funcionario pertencente á escala de letrados da Xunta de Galicia, do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma, subgrupo A1, prevista no punto 1 da disposición adicional oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Neste caso, a dependencia orgánica e funcional do Consello Consultivo será excepción ao previsto no artigo 38.1 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Así mesmo, en atención ás funcións do órgano e por razóns de especialización técnica e, de ser o caso, de acordo co que se determine na relación de postos de traballo, as prazas poderán ser cubertas por persoal pertencente a corpos de letrados da Administración xeral do Estado, da administración xeral doutras comunidades autónomas ou doutros consellos consultivos; por persoal pertencente á escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría; ou por persoal letrado do Parlamento de Galicia. En ningún caso esta forma de provisión suporá a adquisición de dereitos de integración na escala de letrados da Xunta de Galicia.

3. A convocatoria e a resolución dos procesos de provisión efectuados de acordo co indicado no punto anterior corresponderalle á persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo.

4. O réxime xurídico do persoal letrado será o establecido nesta lei e no Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo. De forma supletoria, aplicarase o establecido para o persoal funcionario na lexislación de emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia

Disposición transitoria primeira. Situación dos membros electivos nomeados ao amparo da normativa que se derroga

Se ao tempo da entrada en vigor desta lei tivese transcorrido o período de seis anos de exercicio do mandato para o que foron nomeados as últimas conselleiras e conselleiros electivos, e, consonte o previsto no artigo 27 do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, continúan nese momento no exercicio dos seus cargos, seguirán desempeñando estes ata o nomeamento e a toma de posesión, na forma prevista nesta lei, das persoas que os deban substituír.

Disposición transitoria segunda. Cómputo do mandato das conselleiras e dos conselleiros natos

O tempo de mandato exercido polas conselleiras e os conselleiros natos incorporados ao Consello Consultivo de Galicia antes da entrada en vigor desta lei computarase para efectos da aplicación do previsto no artigo 4.4 dela.

Disposición transitoria terceira. Regulamento provisional de funcionamento

Ata o momento en que entre en vigor o novo Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo será aplicable o aprobado polo Decreto 282/2003, do 22 de maio, en todo o que non se opoña ao establecido nesta lei.

Disposición transitoria cuarta. Sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa12

En tanto non se implante un sistema de carreira profesional no Consello Consultivo de Galicia, establecerase, para todo o persoal que preste servizos no órgano, un sistema transitorio de recoñecemento de progresión na carreira administrativa que permita ao persoal progresar de maneira voluntaria e individualizada e que promova a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional.

O Consello Consultivo de Galicia establecerá os criterios necesarios para a aplicación do sistema transitorio previsto nesta disposición, incluídos, entre outros, o procedemento e os requisitos para o acceso ao dito sistema e para o cobramento da retribución adicional. Cando se implante o sistema de carreira profesional no Consello Consultivo, terase en conta o desenvolvemento profesional acadado en aplicación desta disposición.xDisposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei e, expresamente, a Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Regulamento orgánico

O Consello Consultivo elaborará, no prazo de tres meses a partir da súa efectiva renovación, o novo Regulamento de organización e funcionamento e elevarao ao Consello da Xunta para a súa aprobación, no prazo máximo de tres meses.13

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 80, do 28 de abril de 2014.

2 Redacción do artigo 14 dada pola disposición derradeira segunda da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público (DOG núm. 69, do 12 de abril de 2016).

3 Redacción do punto 6 do artigo 18 pola disposición derradeira terceira da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas discais e administrativas (DOG núm. 88, de 9 de febreiro de 2017).

4 Redacción do artigo 21 dada pola disposición derradeira segunda da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público (DOG núm. 69, do 12 de abril de 2016). Redacción do número 1 do artigo 21 modificada polo artigo Único.Un da Lei 2/2023, do 14 de marzo, pola que se modifica a Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia (DOG Núm. 55, DO 20 de marzo de 2023). Número 5 do artigo 21 engadido polo artigo Único.Dous da Lei 2/2023, do 14 de marzo, pola que se modifica a Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia (DOG Núm. 55, DO 20 de marzo de 2023).

5 Redacción do artigo 22 pola disposición derradeira terceira da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas discais e administrativas (DOG núm. 88, de 9 de febreiro de 2017).

6 Redacción do apartado 1 do artigo 23 pola disposición derradeira terceira da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas discais e administrativas (DOG núm. 88, de 9 de febreiro de 2017).

7 Redacción do artigo 26 dada polo artigo Único.Tres da Lei 2/2023, do 14 de marzo, pola que se modifica a Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia (DOG Núm. 55, do 20 de marzo de 2023).

8 Redacción do artigo 27 dada polo artigo Único.Catro da Lei 2/2023, do 14 de marzo, pola que se modifica a Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia (DOG Núm. 55, DO 20 de marzo de 2023).

9 Redacción do artigo 29 dada pola disposición derradeira cuarta da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio de 2015). Redacción do apartado 2 do artigo 29 modificada posteriormente pola disposición derradeira terceira da Lei 2/2017, do 8 de febrero, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 28, do 9 de febrero de 2018).

10 Redacción do apartado 2 do artigo 29 dada pola disposición derradeira terceira da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas discais e administrativas (DOG núm. 88, de 9 de febreiro de 2017).

11 Redacción do artigo 30 dada pola disposición derradeira terceira da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 88, de 9 de febreiro de 2017). Adicionalmente, a disposición adicional cuarta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 88, de 9 de febreiro de 2017), determina baixo a rúbrica “Supresión do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia”, o seguinte: “Un. Suprímese o corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia, regulado no artigo 30 da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Dous. O persoal funcionario de carreira pertencente ao indicado corpo de letrados intégrase na escala de letrados da Xunta de Galicia, do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma, subgrupo A1, prevista no punto 1 da disposición adicional oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, con garantía do seu grao persoal consolidado e da súa antigüidade”.

Esta regulación complétase coa disposición transitoria única da mesma lei.

A STC 87/2018, do 19 de xullo, desestimou o recurso de inconstitucionalidade interposto contra as disposicións adicional cuarta, transitoria única e derradeira terceira, apartado 5, da Lei 2/2017, do 8 de febreiro (BOE núm. 199, do 17 de agosto de 2018).

Redacción do número 1 do artigo 30 dada polo artigo Único.Cinco da Lei 2/2023, do 14 de marzo, pola que se modifica a Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia (DOG Núm. 55, DO 20 de marzo de 2023).

12 Disposición transitoria cuarta engadida polo artigo Único.Seis da Lei 2/2023, do 14 de marzo, pola que se modifica a Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia (DOG Núm. 55, DO 20 de marzo de 2023).

13 Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.