Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica

Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica.1

1

Cando se repasa o mapa de problemas medioambientais na Comunidade galega destaca, sobre calquera outra característica, a súa concentración nos núcleos industriais da área da Coruña e de Pontevedra, ata o punto de que, á marxe destes grandes focos de contaminación, podería dicirse que a situación medioambiental de Galicia resulta bastante satisfactoria. Non é estraño, pois, que sexa a contaminación xerada nestas dúas áreas xeográficas concretas a que demande a maior atención da política medioambiental, especialmente no que se refire ós vertidos industriais en augas continentais e marítimas, por unha banda, e as emisións de determinados gases á atmosfera, pola outra, que constitúen as principais vías de contaminación. Resulta, xa que logo, indiscutible a existencia dunha seria problemática no medio ambiente galego por mor da emisión de gases contaminantes que provocan graves impactos nos recursos naturais do noso país.

Así, desde a perspectiva dos instrumentos económicos e fiscais que nos ocupa, o problema dos vertidos foi abordado na Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, mediante a creación dun canon de saneamento; agora, na presente norma, lévase a cabo a creación dun imposto sobre a contaminación atmosférica, que contribuirá a palia-la outra vertente do problema da contaminación.

Todo iso sen prexuízo da plena vixencia da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e doutras normas concordantes na materia, respecto das cales esta lei entenderase como instrumento complementario da política medioambiental da Comunidade Autónoma.

2

A política medioambiental operou tradicionalmente establecendo límites legais á emisión de substancias contaminantes e, en xeral, á utilización dos recursos naturais, acompañados de sancións no caso de que tales límites fosen sobrepasados.

Esta presentación da política medioambiental viuse complementada durante os últimos anos coa introducción de instrumentos fiscais- exaccións que permitiron gradua-las políticas. Así, fronte á descontinuidade que comporta o esquema prohibición-sanción, un gravame sobre as emisións permite actuar continuamente ó longo de todo o percorrido, isto é, desde o inicio das emisións contaminantes, e pode facerse, ademais, de forma progresiva, co que, nun primeiro tramo, o gravame operará como un instrumento de recuperación dos custos que comporta a política medioambiental e os correspondentes controis e, máis adiante, convértese nun auténtico instrumento regulador que favorecerá a limitación das emisións, como sucede cunha sanción. En suma, o obxectivo principal deste tributo non é acadar un volume determinado de recursos monetarios. O fin que se procura é conseguir que as empresas afectadas adopten, nun prazo curto, as medidas anticontaminantes precisas para diminuír substancialmente as emisións sinaladas.

Esta flexibilidade característica dos instrumentos fiscais é o que propiciou a súa utilización xeneralizada na política medioambiental e é igualmente a que aconsella, no noso caso, o establecemento do tributo que se contén na presente lei.

3

Respondendo ós criterios e propósitos que acaban de referirse, a articulación do gravame faise arredor do concepto de foco emisor, constituído, normalmente, por unha instalación industrial emisora das substancias contaminantes gravadas. Esta é a referencia para a determinación da base impoñible, que, como cabería esperar, consiste na cantidade de substancias contaminantes emitidas. Trátase, pois, dun tributo con perfís reais que aparecen reforzados co establecemento do rexistro obrigatorio dos focos de emisión, rexistro que constitúe a peza clave para unha adecuada xestión do tributo.

As restriccións iniciais do gravame teñen o seu reflexo na ordenación do tipo impositivo nunha tarifa de carácter progresivo. O primeiro tramo opera cun tipo cero, deixando desta forma á marxe do gravame tódolos focos que non sexan grandes emisores. A continuación, o segundo e o terceiro teñen unha pretensión basicamente de carácter compensatorio e por iso estableceuse a un nivel moderado en termos comparados.

Finalmente, o cuarto tramo, regulador das emisións gravadas, déixase en suspenso ata o ano 2000 co propósito de acadar unha implantación gradual e sen traumas do gravame.

A natureza e funcións do gravame fano proclive á súa afectación e tal é o criterio da lei. Nembargantes, trátase dunha afectación xenérica ó servicio dunha política de protección medioambiental e de conservación dos recursos naturais de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei do imposto sobre a contaminación atmosférica.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1. Fin do tributo.

Co obxecto de contribuír a regula-la utilización dos recursos naturais de Galicia, e de forma específica a emisión de substancias contaminantes, créase un imposto sobre a contaminación atmosférica.

Artigo 2. Normativa aplicable.

O imposto sobre a contaminación atmosférica rexerase, ademais de polas disposicións da presente lei, polo establecido nas normas tributarias que lle sexan aplicables.

Artigo 3. Ámbito do tributo.

O imposto sobre a contaminación atmosférica recaerá sobre as emisións nas que os seus focos se atopen situados dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Afectación dos ingresos.

1. Os ingresos provenientes do imposto sobre a contaminación atmosférica, deducidos os custos de xestión, destinaranse a financia-las actuacións da Comunidade en materia de protección medioambiental e conservación dos recursos naturais de Galicia.

2. Cun 5% dos ingresos obtidos en cada exercicio dotarase un fondo de reserva para atender danos extraordinarios e situacións de emerxencia provocados por catástrofes medioambientais ata alcanza-la contía de mil millóns de pesetas, cantidade que será reposta a medida que sexa utilizada mediante novas dotacións anuais en porcentaxe non superior á citada.

As prestacións do fondo terán o carácter de anticipo reintegrable.

O funcionamento e demais aspectos concretos do fondo regularanse por decreto.

3. Do destino dos recursos a que se refire o apartado 1 anterior será informado o Consello Galego de Medio Ambiente, para os efectos das súas funcións.

Artigo 52

Capítulo II

Elementos do imposto

Artigo 6. Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible a emisión á atmosfera de calquera das seguintes substancias:

a) Dióxido de xofre ou calquera outro composto osixenado do xofre.

b) Dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto osixenado do nitróxeno.

2. Presumirase realizado o feito impoñible mentres as instalacións emisoras non cesen na súa actividade e tal circunstancia sexa posta en coñecemento da Administración.

Artigo 7. Suxeito pasivo.

Serán suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas ou entidades que sexan titulares das instalacións ou actividades que emitan as substancias contaminantes gravadas.

Artigo 8. Base impoñible.

1. Constitúe a base impoñible a suma das cantidades emitidas de cada unha das substancias contaminantes por un mesmo foco emisor.

Para estes efectos:

a) As cantidades emitidas de dióxido de xofre e de dióxido de nitróxeno expresaranse en toneladas.

b) As cantidades emitidas de compostos osixenados de xofre expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de xofre.

c) As cantidades emitidas de compostos nitroxenados expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de nitróxeno.

2. A cuantificación da base impoñible referirase ó ano natural.

Artigo 9. Foco emisor.

1. Para os efectos da presente lei constitúe un foco emisor o conxunto de instalacións de calquera natureza que emitan a atmosfera substancias contaminantes gravadas.

2. A Administración establecerá o rexistro obrigatorio dos focos emisores así como das súas características e incidencias.

Artigo 10. Determinación da base impoñible3.

1. A base impoñible determinarase, para cada foco emisor:

a) Con carácter xeral, por estimación directa, deducida da declaración do suxeito pasivo e verificada pola Administración, ou, de ser o caso, polos datos ou documentos obxecto de comprobación administrativa, consonte o establecido no artigo seguinte.

b) Mediante estimación obxectiva, nos supostos previstos regulamentariamente, mediante métodos aceptados nacional ou internacionalmente e deducindo a cantidade de contaminantes emitida de indicadores obxectivos vinculados á actividade, ao proceso de produción de que se trate e aos combustibles, materias primas e calquera outro material empregado no desenvolvemento da actividade, ou por referencia aos índices, módulos ou calquera outro parámetro determinado regulamentariamente. Cando o suxeito pasivo determine a base impoñible mediante estimación obxectiva, o método será aplicable para todo o período impositivo, nas condicións establecidas regulamentariamente.

c) Por estimación indirecta, nos casos e por calquera dos medios sinalados na normativa tributaria xeral.

2. A Administración tributaria, nas súas actuacións de comprobación e investigación, para determinar a base impoñible por calquera dos métodos sinalados no punto anterior, poderá empregar os datos de emisión declarados polos suxeitos pasivos ante os órganos medioambientais ou que consten en calquera instrumento rexistral, ou ben os valores de emisión determinados ou verificados polos órganos medioambientais, así como calquera outro dato que conste en poder da Administración que sexa necesario.

Artigo 11. Estimación directa da base impoñible4

1. A estimación da base impoñible realizarase mediante procedementos de medición que apliquen métodos normalizados ou aceptados previamente pola consellaría competente en materia de medio ambiente, utilizando normas CEN aplicables. De non haber normas CEN dispoñibles, aplicaranse as normas ISO ou nacionais. De non existiren normas aplicables, poderán utilizarse procedementos consonte os proxectos de normas ou directrices da industria sobre mellores prácticas. No caso de que nun sector industrial concreto non exista ningunha metodoloxía recoñecida de estimación de emisións ou de guías ou directrices da industria de mellores prácticas, poderá estimarse a base impoñible baseándose en estimacións non normalizadas, deducidas das mellores hipóteses ou de opinións autorizadas.

2. Naqueles supostos en que as instalacións estean obrigadas a incorporar, en virtude da normativa vixente, monitores para a medición en continuo de concentración das substancias emitidas e de caudais, o suxeito pasivo deberá determinar a base impoñible mediante estes monitores, sempre e cando sexan representativas das condicións habituais de operación do proceso, consonte o disposto regulamentariamente.

3. Naqueles supostos en que as instalacións industriais incorporen os ditos medidores, sen que sexa obrigatorio consonte a normativa vixente, o suxeito pasivo poderá determinar a base impoñible mediante estes monitores, sempre e cando sexan representativas das condicións habituais de operación do proceso, consonte o disposto regulamentariamente.

4. A utilización dos rexistros en continuo de SOx e NOx para a determinación da base impoñible en réxime de estimación directa só será posible se para ambas as substancias se verifica que a captura de datos horarios válidos de cada monitor é superior ao 75 % dos correspondentes ao número de horas de funcionamento da dita instalación en cada período de liquidación.

5. Os monitores de medición que se utilicen para a determinación da base impoñible deberán cumprir a norma UNE–EN 14181, Aseguramento da calidade dos sistemas automáticos de medida, e, no caso de que esta norma non sexa obrigatoria segundo a lexislación, deberán cumprir o indicado na instrución técnica ITC 12–Certificación dos sistemas automáticos de medida de emisións, da consellaría competente en materia de medio ambiente, así como as actualizacións que poidan realizarse tanto da norma UNE–EN 14181 como da instrución.

Artigo 12º.-Cota tributaria5.

1. A cota tributaria virá determinada pola aplicación da seguinte tarifa impositiva por tramos de base:

Tramo de base

Euros/tm

De 0 a 100,00 tm anuais

0

De 100,01 a 1.000,00 tm anuais

36

De 1.000,01 a 3.000,00 tm anuais

50

De 3.000,01 a 7.000,00 tm anuais

70

De 7.000,01 a 15.000,00 tm anuais

95

De 15.000,01 a 40.000,00 tm anuais

120

De 40.000,01 a 80.000,00 tm anuais

150

De 80.000,01 tm anuais en adiante

200

2. A tarifa impositiva poderá ser modificada pola lei de orzamentos de cada ano.

Artigo 13. Devengo.

O gravame devéngase no momento da emisión de calquera das substancias contaminantes gravadas.

Capítulo III Xestión do tributo

Artigo 14. Aplicación do imposto6

1. Por proposta da consellaría competente en materia de facenda, e mediante decreto, a Xunta aprobará as normas de aplicación do imposto.

2. O exercicio das funcións de aplicación e de revisión do imposto, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria, corresponderanlles aos órganos ou ás unidades administrativas competentes da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda que determine a súa norma organizativa.

3. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, os órganos administrativos competentes nas materias de medio ambiente, enerxía e industria auxiliarán os órganos de aplicación deste imposto e colaborarán con eles, no marco das súas respectivas competencias, para a liquidación, comprobación e investigación do imposto, mediante, entre outras actuacións, a elaboración de informes por petición deles, a expedición de certificados oficiais dos datos necesarios para a liquidación do tributo e/ou a cesión informática dos datos sinalados.

Artigo 15. Presentación de declaracións e autoliquidacións7

1. Para os efectos de aplicación do imposto, os suxeitos pasivos están obrigados, na forma e nos prazos que se establezan regulamentariamente para o efecto, a presentar unha declaración inicial mediante os modelos que aprobe a consellaría competente en materia de facenda, por cada un dos focos de emisión dos que sexan titulares. Do mesmo xeito, están obrigados a presentarlle á Administración unha modificación da declaración inicial cando varíen os datos declarados.

2. Os suxeitos pasivos están obrigados, na forma, lugar e prazos que se establezan regulamentariamente para o efecto, a presentar, por cada un dos focos de emisión dos que sexan titulares, autoliquidación do imposto, pola que determinarán a débeda tributaria correspondente e ingresarán o seu importe, mediante os modelos que aprobe a consellaría competente en materia de facenda. Do mesmo xeito, os suxeitos pasivos estarán obrigados a efectuar pagamentos á conta do importe da débeda tributaria definitiva, por aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible provisional acumulada desde o principio do período impositivo ata o final do prazo ao que se refira o pagamento, autoliquidando e ingresando o seu importe na contía, condicións, forma, lugar e prazos determinados na orde da consellaría competente en materia de facenda.

3. A consellaría competente en materia de facenda poderá dispor que as declaracións e autoliquidacións se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispor a obriga da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Artigo 16. Potestade sancionadora8

A potestade sancionadora en materia tributaria exercerase conforme os seus principios reguladores en materia administrativa e as especialidades previstas na Lei xeral tributaria, e serán aplicables as disposicións xerais contidas nela.

A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei xeral tributaria e nas demais disposicións que a desenvolvan e complementen.

Artigo 17. Revisión9

Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables consonte as disposicións contidas na Lei xeral tributaria.

O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da vía contenciosa.

Disposición adicional

O tramo regulador previsto no artigo 12.2 desta lei non se establecerá con anterioridade ó ano 2000. A súa determinación levarase a cabo por lei do Parlamento de Galicia, e nese momento fixarase o tipo de gravame que sexa aplicable.

Disposición derradeira primeira10

Autorízase a Xunta de Galicia para proceder ó desenvolvemento regulamentario da presente lei dentro dos seis meses seguintes á súa entrada en vigor.

Disposición derradeira segunda

A presente lei entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996.

Disposición derradeira terceira. Habilitación para a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia11

A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderá modificar calquera elemento do imposto.

Disposición derradeira cuarta. Habilitación normativa12

A Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei, e autorízase a consellaría competente en materia de facenda para aprobar as disposicións que sexan precisas para a aplicación deste tributo.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1995

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 249, do 30 de decembro de 1995.

2 Artigo 5 suprimido polo artigo 6, apartado un, da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

3 Redacción do artigo 10 dado polo artigo 6, apartado dous, da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

4 Redacción do artigo 11 dada polo artigo 6, apartado tres, da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

5 Redacción do apartado 1 do artigo 12 dada polo artigo 34 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (DOG núm. 251, do 30 de decembro de 2002). Redacción vixente do artigo 12 dada polo artigo 59, apartado un, da Lei 16/2008, do 23 de decembro.

6 Redacción do artigo 14 dada polo artigo 6, apartado catro, da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

7 Redacción do artigo 15 dada polo artigo 59 apartado dous da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 (DOG núm. 253, do 31 de decembro de 2008). Redacción vixente do artigo 15 dada polo artigo 6, apartado cinco, da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

8 Redacción do artigo 16 dada polo artigo 6, apartado seis, da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

9 Redacción do artigo 17 dada polo artigo 6, apartado sete, da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

10 Normativa regulamentaria de desenvolvemento: Decreto 29/2000, de 20 de enero, polo que se aproba o regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica.

11 Disposición derradeira terceira engadida polo artigo 6, apartado oito, da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

12 Disposición derradeira cuarta engadida polo artigo 6, apartado nove, da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).