Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada

Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.1

Exposición de motivos

O Estatuto de autonomía de Galicia outórgalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de normas adicionais sobre protección do medio ambiente, nos termos establecidos no seu artigo 27.30.

No exercicio da indicada competencia, foron aprobadas, entre outras disposicións, as leis do Parlamento de Galicia de protección ambiental, Lei 1/1995, do 2 de xaneiro; a Lei de protección contra a contaminación acústica, Lei 7/1997, do 11 de agosto; a Lei de conservación da natureza, Lei 9/2001, do 21 de agosto, e a Lei de protección do ambiente atmosférico de Galicia, Lei 8/2002, do 18 de decembro.

Recentemente, a Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos, declarou, como interese prioritario de Galicia, a conservación do patrimonio natural fluvial, que inclúe a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, e estableceu, así mesmo, a obriga das administracións públicas galegas de garantir a súa protección, conservación e mellora.

A conservación do medio ambiente e a utilización racional dos recursos naturais situados no territorio da Comunidade Autónoma configúranse como principios básicos para impulsar un crecemento económico sostible.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón de potestade para establecer e esixir tributos propios, segundo establecen os artigos 133 e 157 da Constitución española e o artigo 51 do Estatuto de autonomía.

As leis 8/1993, do 23 de xuño, e 12/1995, do 29 de decembro, reguladoras da Administración hidráulica de Galicia, e do imposto sobre a contaminación atmosférica, respectivamente, incorporaron ao ordenamento xurídico os correspondentes instrumentos económicos para facer efectiva a defensa, conservación e protección do medio ambiente, no que se refire aos vertidos que afectan a calidade das augas e a emisión de substancias contaminantes. Neste marco, esta lei dota os poderes públicos dun novo instrumento que contribuirá a preservar o patrimonio fluvial de Galicia, que constitúe, como xa se sinalou, un recurso natural de interese prioritario para a comunidade.

Por isto, o presente imposto somete a tributación os efectos medioambientais causados sobre a flora e a fauna das canles dos ríos, sobre a calidade das augas e sobre as ribeiras e os vales asociados ao ecosistema fluvial, como consecuencia da realización de determinadas actividades que empregan augas encoradas.

Esta lei propón, pois, unha actuación tendente á mellora do medio ambiente, cando o dano é producido por unha actividade industrial que utiliza auga encorada, e crea un imposto que incide na correcta atribución dos custos aos seus xeradores, custos que actualmente son soportados pola colectividade, e coa expresa finalidade de paliar os efectos negativos que se producen. Estes efectos son producidos tamén pola realización doutras actividades que utilizan auga encorada, para as que a lei establece a non suxeición, precisamente polas específicas características deses usos xunto a condicións de utilidade pública xeneralizada, que fan que non se considere oportuna unha específica tributación ecolóxica sobre eles, e, neste caso, son asumidos os custos ocasionados con carácter xeral pola colectividade.

A determinación da base establécese a partir de magnitudes obxectivas directamente relacionadas co impacto medioambiental, de xeito que non quedan suxeitas aquelas actividades cuxa realización provoca unha alteración reducida. Os tipos de gravame establécense en atención á alteración ocasionada no medio natural, polo que se gradúa a cota resultante.

En liña co exposto, considerouse como parámetro máis axeitado a capacidade volumétrica do encoro, tomando en consideración para a determinación do tipo de gravame o salto bruto, factor que vai incrementar a cota tributaria pola súa directa vinculación co maior efecto medioambiental negativo provocado polos desencoros e, de ser o caso, a potencia das instalacións destinadas á xeración de enerxía eléctrica, factor que vai minorar a cota, en función do mellor aproveitamento enerxético da auga ante un mesmo impacto medioambiental negativo.

En definitiva, o imposto somete a gravame as actividades e instalacións que orixinan un impacto negativo sobre o medio natural fluvial, polo que quedan obrigados ao pagamento aqueles que materialmente realizan a actividade á que están afectos os devanditos elementos patrimoniais en cuxa regulación se introducen elementos que discriminan a intensidade da carga tributaria en función do maior ou menor impacto medioambiental da actividade, e incentívase, de ser o caso, a mellora no aproveitamento enerxético.

A lei estrutúrase en 21 artigos, contidos en tres capítulos que, respectivamente, recollen as disposicións xerais, os elementos do imposto e as normas para a súa aplicación, e mais tres disposicións derradeiras. Na súa elaboración, solicitouse o ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

CAPÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º.-Finalidade do imposto.

O imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada ten como finalidade, por unha banda, compensar os efectos negativos a que se encontra sometido o contorno natural de Galicia pola realización de actividades que afectan o seu patrimonio fluvial natural e, pola outra, reparar o dano medioambiental causado polas devanditas actividades.

Artigo 2º.-Natureza e obxecto.

O imposto establecido por esta lei é un tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia, de natureza real e finalidade extrafiscal, que somete a gravame o dano medioambiental causado pola realización de determinadas actividades que utilizan auga encorada.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

O imposto será aplicable ás actividades e aos aproveitamentos que utilicen encoros que estean situados en todo ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Afectación da recadación

Os ingresos efectivamente obtidos pola recadación deste tributo, deducidos os custos de xestión, destinaranse a financiar as actuacións e medidas encamiñadas á prevención e protección dos recursos naturais, así como á conservación, reparación e restauración do medio ambiente e, en especial, á conservación do patrimonio natural fluvial galego directa ou indirectamente afectado polos danos medioambientais gravados.

As leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán establecer os criterios de afectación dos ingresos recadados por este imposto.

Artigo 5º.-Normativa aplicable.

O imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada rexerase polas disposicións desta lei e polas normas regulamentarias ditadas no seu desenvolvemento e, no non previsto nelas, polo disposto nas disposicións xerais en materia tributaria.

CAPÍTULO II

ELEMENTOS DO IMPOSTO

Artigo 6º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible a realización de actividades industriais mediante o uso ou aproveitamento da auga encorada, cando o devandito uso ou aproveitamento altere ou modifique substancialmente os valores naturais dos ríos e, en especial, o caudal e a velocidade da auga na súa canle natural.

2. Entenderase que alteran e modifican substancialmente os valores naturais dos ríos as actividades industriais que empreguen augas encoradas mediante presas que reúnan algunha das seguintes condicións:

a) que a súa altura supere os quince metros, medida desde a parte máis baixa da superficie xeral de cimentación ata a coroación, ou

b) que a súa altura estea comprendida entre quince e dez metros, sempre que reúna algunha das seguintes características:

b.1) lonxitude de coroación superior a cincocentos metros,

b.2) capacidade de encorar máis dun millón de metros cúbicos de auga, e

b.3) capacidade de vertido superior a 2.000 metros cúbicos por segundo.

Artigo 7º.-Supostos de non suxeición.

Non estará suxeita a este imposto a realización das actividades que, empregando augas encoradas, se enumeran a seguir:

a) abastecemento de poboacións,

b) actividades agrarias,

c) acuicultura,

d) actividades recreativas, e

e) navegación e transporte acuático.

Artigo 8º.-Período impositivo e devengo.

1. O período impositivo coincidirá co trimestre natural.

2. O devengo producirase o último día do trimestre natural, agás no caso de extinción da concesión, que coincidirá con esta data.

3. Sen prexuízo do disposto na alínea 1, nos casos de nova concesión ou extinción desta, o período impositivo entenderase polo período existente entre a data da nova concesión e o devengo, no primeiro caso, e entre o primeiro día do trimestre natural e o devengo, no segundo.

Artigo 9º.-Suxeito pasivo2.

Serán suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria que realicen calquera das actividades sinaladas no artigo 6.

Presumirase, salvo proba en contrario, que a actividade industrial é realizada pola persoa ou entidade que figure como titular da correspondente concesión de aproveitamento para uso industrial.

Caso de o titular da concesión non realizar a actividade industrial a que se refire o artigo 6 terá o carácter de:

a) Suxeito pasivo substituto do contribuínte, no caso de haber máis dun usuario da concesión que realice a actividade industrial a que se refire o artigo 6. O suxeito pasivo substituto poderá exixir dos contribuíntes o importe das obrigas tributarias satisfeitas, na proporción do seu uso respecto ao total, caso en que os contribuíntes quedarán obrigados a resarcir o suxeito pasivo substituto das cantidades satisfeitas no seu lugar.

b) Responsable solidario, no resto dos casos.

Artigo 10º.-Base impoñible.

1. Constitúe a base impoñible a capacidade volumétrica máxima do encoro que estea situado na súa totalidade ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, medida en hectómetros cúbicos.

2. No caso de encoros para os que a auga encorada se estenda máis alá do límite territorial da Comunidade Autónoma, a base impoñible estará constituída pola parte da capacidade que corresponda ás augas situadas no territorio galego.

3. No suposto de que un ou máis aproveitamentos gravados compartisen un mesmo encoro, a base correspondente a cada un deles determinarase en proporción aos caudais concedidos.

Artigo 11º.-Cota tributaria e tipo de gravame.

1. A cota tributaria do imposto determinarase por aplicación do tipo de gravame trimestral, 800 € por hectómetro cúbico, á base impoñible.

2. A cota resultante obtida conforme a alínea anterior multiplicarase polo coeficiente (1 + a - b) en función do salto bruto do aproveitamento e, de ser o caso, da potencia instalada do aproveitamento hidroeléctrico, onde:

a = será o resultado de aplicar a seguinte escala ao salto bruto medido en metros desde a cota de toma e, no seu defecto, desde o punto de coroación do encoro ata o punto de restitución e, no seu defecto, ata o leito do encoro:

[figura]

b = será o resultado de aplicar, de ser o caso, a seguinte escala á potencia instalada do aproveitamento, medida en MW:

[figura]

A aplicación do coeficiente anterior non poderá supoñer, de ser o caso, unha redución superior ao 25% da cota inicial.

CAPÍTULO III

XESTIÓN DO TRIBUTO

Artigo 12º.-Normas de aplicación.

A consellaría competente en materia de facenda aprobará as normas de aplicación do tributo.

Artigo 13º.-Declaración inicial.

Para os efectos de aplicación do imposto, os suxeitos pasivos están obrigados a presentar unha declaración inicial mediante os modelos que aprobe a consellaría competente en materia de facenda.

Do mesmo xeito, están obrigados a presentar unha modificación da declaración inicial cando varíen os datos declarados á administración.

Artigo 14º.-Autoliquidación.

Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación do imposto, polo que determinarán a débeda tributaria correspondente e ingresarán o seu importe mediante os modelos que aprobe a consellaría competente en materia de facenda.

Artigo 15º.-Prazos e lugar de presentación3.

1. As declaracións ás que se refire o artigo 13 deberán presentarse nos prazos que estableza a orde da consellaría competente en materia de facenda que aprobe os modelos de declaración.

2. As autoliquidacións ás que se refire o artigo 14 deberán presentarse nos prazos que estableza a orde da consellaría competente en materia de facenda que aprobe o modelo de autoliquidación.

3. As declaracións e autoliquidacións anteriores deberán presentarse ante o órgano ou a unidade administrativa competente consonte o sinalado no artigo 20.

Artigo 16º.-Utilización de tecnoloxías informáticas e telemáticas.

A consellaría competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e autoliquidacións do imposto se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben.

Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Artigo 17º.-Liquidacións provisionais.

Os órganos da Administración tributaria poderán ditar a liquidación provisional que proceda de conformidade co disposto na Lei xeral tributaria.

Artigo 18º.-Potestade sancionadora.

A potestade sancionadora en materia tributaria exercerase conforme aos seus principios reguladores en materia administrativa e coas especialidades previstas na Lei xeral tributaria, e serán aplicables as disposicións xerais contidas nela.

A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei xeral tributaria e nas demais disposicións que a desenvolvan e complementen.

Artigo 19º.-Revisión.

Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables consonte as disposicións contidas na Lei xeral tributaria.

O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da vía contenciosa.

Artigo 20º.-Órganos competentes4.

O exercicio das funcións de aplicación e de revisión do imposto así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria corresponderanlles aos órganos ou ás unidades administrativas competentes da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda que determine a súa norma organizativa.

Artigo 21º.-Órganos de colaboración.

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, os órganos administrativos competentes nas materias de medio ambiente, enerxía, augas e industria auxiliarán os órganos de aplicación deste tributo e colaborarán con eles, no marco das súas respectivas competencias, para a liquidación, comprobación e investigación do tributo, mediante, entre outras actuacións, a elaboración de informes por petición deles, a expedición de certificados oficiais dos datos necesarios para a liquidación do tributo e/ou a cesión informática dos datos sinalados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderá modificar calquera elemento do imposto.

Segunda.-Habilitación normativa5.

A Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei, e autorízase á consellaría competente en materia de facenda para aprobar as disposicións que sexan precisas para a aplicación deste tributo.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o tributo comezará a esixirse a partir do primeiro trimestre natural que dea comezo tras a súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, dezanove de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño
Presidente6


1 Publicada no DOG núm. 251, do 29 de decembro de 2008.

2 Redacción do artigo 9 dada polo artigo 6 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 (DOG nº 246, do 27 de decembro de 2019).

3 Redacción do artigo 15 dada polo artigo 67 apartado un da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 (DOG núm. 42, do 28 de febreiro de 2013).

4 Redacción do artigo 20 dada polo artigo 67 apartado dous da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 (DOG núm. 42, do 28 de febreiro de 2013).

5 Normativa rgulamentaria de desenvolvemento: Orde do 25 de marzo de 2011 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada (DOG núm. 63, do 30 de marzo de 2011).

6 Tal e como se adiantou no estudio preliminar, en materia de tributos propios tamén debe terse en conta a regulación do canon eólico contida na Lei 8/2009, do 22 de decembro; a regulación do canon de auga e do coeficiente de vertedura contida na Lei 9/2010, do 4 de novembro; a regulación do canon de inmobles en estado de abandono contida na Lei 1/2019, do 22 de abril (leis que, por razóns sistemáticas, se recollen noutros apartados desta obra) así como a regulación contida na Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014), sobre o imposto compensatorio ambiental mineiro, que se pasa a recoller aquí:

“CAPÍTULO III
O IMPOSTO COMPENSATORIO AMBIENTAL MINEIRO

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 9. Creación, natureza, obxecto e ámbito de aplicación

Un. O imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM) é un imposto propio da Comunidade Autónoma, directo, real, obxectivo e orientado a unha finalidade extrafiscal.

Dous. O ICAM é aplicable no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tres. O ICAM constitúe un instrumento fiscal de carácter ambiental, compatible coas obrigas de recuperación ambiental dos terreos afectados polos labores mineiros.

Artigo 10. Afectación dos ingresos xerados polo ICAM

Os ingresos derivados do ICAM, deducidos os custos de xestión, destinaranse na súa totalidade a actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial, paisaxísticas e de desenvolvemento tecnolóxico mineiro, de acordo co establecido na sección IV deste capítulo da lei.

Artigo 11. Normativa de aplicación

O ICAM rexerase pola presente lei, polas normas regulamentarias ditadas no seu desenvolvemento, así como polas disposicións xerais en materia tributaria.

Sección 2ª. Elementos do ICAM

Artigo 12. Feito impoñible

Un. Constitúe o feito impoñible do ICAM:

a) A alteración da superficie ou solo como consecuencia da extracción a partir das concesións de explotación da sección C) nos termos da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, referidas a minerais metálicos industriais e metais preciosos.

b) O depósito ou almacenamento en vertedoiros públicos ou privados, situados na Comunidade Autónoma de Galicia, de residuos mineiros, procedentes da extracción ou derivados do proceso de beneficio, dos minerais metálicos industriais e de metais preciosos da sección C) nos termos da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

Para a catalogación dos residuos mineiros terase en conta a clasificación prevista na normativa ambiental vixente.

Dous. Presumiranse realizadas as actividades que constitúen o feito impoñible previsto na letra a) do punto anterior, durante a vixencia temporal da concesión, aínda que esta se encontre en suspensión temporal. Presumiranse realizadas as actividades que constitúen o feito impoñible previsto na letra b) do punto anterior mentres non sexa clausurado o depósito ou almacén de residuos, aínda cando a actividade cesase.

Artigo 13. Período impositivo e devindicación

Un. O período impositivo coincidirá co ano natural.

Dous. A devindicación producirase o 31 de decembro de cada ano, agás no último ano de actividade, no que se producirá:

a) Para o feito impoñible establecido na letra a) do punto Un do artigo 12, no día en que a autoridade mineira recoñeza o cesamento definitivo dos labores mineiros.

b) Para o feito impoñible establecido na letra b) do punto Un do artigo 12, no día en que a autoridade competente clausure o almacén ou depósito de residuos.

Tres. Sen prexuízo do establecido no punto primeiro, no ano en que se inicien as actividades gravadas, o período impositivo entenderase comprendido entre:

a) Con carácter xeral, o día en que se lle notifique á autoridade mineira o inicio dos labores mineiros obxecto de gravame e a data da devindicación.

b) No suposto da letra b) do punto1 do artigo 12, cando as instalacións sexan alleas á explotación mineira, o día en que se notifique a autorización da autoridade competente e a data da devindicación.

Así mesmo, no último ano de actividade, o período impositivo entenderase comprendido entre o primeiro día do ano natural e a data da devindicación.

Artigo 14. Supostos de non suxeición

Non estarán suxeitos ao ICAM:

a) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción de minerais non metálicos, como os orgánicos naturais e hidrocarburos líquidos e gasosos, minerais para a agricultura-fertilizantes, para a industria química e para a elaboración de pigmentos, pinturas (calcio, fósforo, potasio, xofre), minerais para a industria do vidro e a cerámica (sílice, cuarzo, flúor...), minerais para carga, recheo ou cubrición (arxilas especiais), así como as augas reguladas na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción de granito, lousa e outras pedras ornamentais, comprendidas no ámbito de aplicación da Lei 9/1985, do 30 xullo, de protección de pedras ornamentais.

c) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción e ao aproveitamento de recursos xeotérmicos e de formacións xeolóxicas superficiais ou subterráneas.

d) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción, ocasional e de escasa importancia, de recursos minerais, calquera que sexa a súa clasificación, sempre que se leve a cabo polo propietario dun terreo para o seu uso exclusivo e non exixa a aplicación de técnicas mineiras.

e) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados a calquera actividade que se leve a cabo ao abeiro dalgún título habilitante dos previstos para os recursos mineiros das seccións A) B) e D), segundo a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

f) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados a calquera outra actividade cuxa exploración, investigación, explotación e almacenamento non estea comprendida no ámbito de aplicación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación mineira de Galicia.

Artigo 15. Obrigados tributarios

Un. Serán suxeitos pasivos do ICAM en calidade de contribuíntes as persoas físicas, xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, que, baixo calquera título, realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do imposto, aínda cando non sexan titulares das concesións mineiras outorgadas para recursos minerais metálicos industriais e metais preciosos da sección C), ao abeiro da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación mineira de Galicia ou, de ser o caso, das autorizacións das instalacións de depósito ou almacenamento de residuos.

No caso de que o almacenamento de residuos proveña do tratamento de minerais extraídos noutra explotación, mesmo fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será suxeito pasivo contribuínte o que realice a explotación do depósito ou almacén dos residuos mineiros.

Presumirase, salvo proba en contra, que as citadas actividades son realizadas pola persoa ou entidade que figure como titular da correspondente concesión administrativa ou autorización administrativa do depósito ou almacén de residuos.

Dous. Terán a condición de suxeitos pasivos os que alteren superficies ou depositen ou almacenen residuos, aínda cando carezan da autorización administrativa correspondente. Neste caso, exixirase o imposto, independentemente da incoación do procedemento sancionador que corresponda.

Tres. Serán responsables solidarios as persoas físicas, xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que:

a) Sexan titulares das concesións mineiras outorgadas para os recursos mineiros considerados no artigo 12, cando non coincidan cos que realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do ICAM.

b) Sexan titulares da correspondente autorización administrativa do depósito ou almacén dos residuos considerados no artigo 12, cando non coincidan cos que realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do ICAM.

c) Sexan titulares das instalacións ou terreos en que se almacenen os residuos considerados no artigo 12, cando non coincidan cos que realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do ICAM.

d) Transporten os residuos mineiros considerados no artigo 12, cando non sexa posible identificar a procedencia dos residuos.

Artigo 16. Base impoñible

Un. A base impoñible, en estimación directa, virá constituída por:

a) Na alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción de minerais metálicos industriais e metais preciosos, pola superficie total afectada polas explotacións e instalacións, expresada en unidades de superficie. Tales unidades serán as hectáreas ou fraccións de superficie alteradas e non restauradas na data da devindicación.

b) No almacenamento de residuos, polas toneladas depositadas ou almacenadas de residuos sólidos e/ou os metros cúbicos de volume depositados ou almacenados de residuos non sólidos ao longo do período impositivo. O cómputo da base impoñible realizarase tendo en conta o volume inicial depositado ou almacenado e o volume incrementado, en cada período de liquidación, de acordo co establecido regulamentariamente.

Dous. A base impoñible determinarase, con carácter xeral, por estimación directa. O método de estimación obxectiva poderá utilizarse para a determinación da base impoñible mediante a aplicación dos métodos e indicadores obxectivos vinculados á actividade, ou por referencia a índices, módulos ou calquera outro parámetro de acordo co que se estableza. Cando o suxeito pasivo determine a base impoñible mediante estimación obxectiva, o método será aplicable para todo o período impositivo, nas condicións establecidas regulamentariamente. A Administración tributaria poderá determinar a base impoñible por estimación indirecta, nos casos e por calquera dos medios sinalados na normativa tributaria xeral.

Artigo 17. Tipo de gravame e cota tributaria

Un. A cota tributaria vén determinada pola aplicación á base impoñible dos seguintes tipos de gravame anuais:

a) Na alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción de minerais metálicos industriais e metais preciosos:

Por cada hectárea ou fracción de superficie alterada non restaurada: 12.500 euros.

b) No almacenamento de residuos:

Por cada tonelada ou metro cúbico de residuo perigoso depositado ou almacenado: 0,125 euros.

Por cada tonelada ou metro cúbico de residuo non perigoso non inerte depositado ou almacenado: 0’0125 euros.

Por cada tonelada ou metro cúbico de residuo non perigoso inerte depositado ou almacenado: 0’00625 euros.

Aos residuos xerados no proceso de beneficio do mineral aplicaráselles un coeficiente de incremento de 1,2.

Igualmente, aos residuos procedentes, se é o caso, de fóra de Galicia aplicaráselles un coeficiente de incremento do 1,5.

Dous. Naqueles períodos impositivos que non coincidan co ano natural, a cota resultante ratearase en función do número de días do período impositivo.

Sección 3ª. Aplicación do ICAM

Artigo 18. Aplicación do ICAM

Un. A consellaría competente en materia de facenda aprobará as normas de aplicación do tributo.

Dous. O exercicio das funcións de aplicación e de revisión do ICAM, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria, corresponderán aos órganos ou unidades administrativas competentes da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda, conforme a norma de organización da Administración tributaria.

Tres. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, os órganos administrativos competentes nas materias de minas, medio ambiente e industria auxiliarán os órganos de aplicación deste tributo e colaborarán con eles, no marco das súas respectivas competencias, para a liquidación, comprobación e investigación do tributo, mediante, entre outras actuacións, a elaboración de informes, por petición destes, a expedición de certificados oficiais dos datos necesarios para a liquidación do tributo e/ou a cesión informática dos datos sinalados.

Artigo 19. Presentación de declaracións e autoliquidacións

Un. Para os efectos de aplicación do ICAM, os suxeitos pasivos están obrigados, na forma e prazos que se establezan regulamentariamente para estes efectos, a presentar unha declaración inicial mediante os modelos aprobados pola consellaría competente en materia de facenda. Do mesmo modo, están obrigados a presentarlle á Aministración unha modificación da declaración inicial cando varíen os datos declarados.

Dous. A Administración establecerá un rexistro obrigatorio de concesións e de instalacións de depósito ou almacenamento de residuos obxecto de gravame e das características destas. A estrutura, contido e sede do rexistro, así como os procedementos para a súa formación e mantemento, determinaranse mediante orde da consellaría competente en materia de facenda.

Tres. Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación do ICAM por cada unha das concesións e por cada unha das instalacións receptoras de residuos mineiros que exploten, determinando a débeda tributaria correspondente e ingresando o seu importe, na forma, prazos e lugar, segundo os modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellaría competente en materia de facenda mediante orde. Do mesmo modo, os suxeitos pasivos estarán obrigados a efectuar pagamentos á conta do importe da débeda tributaria definitiva por aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible provisional acumulada desde o principio do período impositivo ata o final do prazo ao que se refira o pagamento autoliquidando e ingresando o seu importe na contía, condicións, forma, lugar e prazos determinados na orde da consellaría competente en materia de facenda.

Catro. A consellaría competente en materia de facenda poderá dispor que as declaracións e autoliquidacións do ICAM se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, se é o caso, se aproben. Así mesmo, poderá exixir a obrigatoriedade da súa presentación e o aboamento mediante medios telemáticos.

Artigo 20. Liquidacións provisionais

Os órganos da Administración tributaria poderán ditar a liquidación provisional que proceda, de conformidade co disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 21. Potestade sancionadora

Un. A potestade sancionadora en materia tributaria exercerase conforme os seus principios reguladores en materia administrativa e as especialidades consideradas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e serán de aplicación as disposicións xerais contidas nesta.

Dous. A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e nas demais disposicións que a desenvolvan e complementen.

Artigo 22. Revisión

Un. Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables de acordo coas disposicións contidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Dous. O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da vía contencioso-administrativa.

Sección 4ª. O Fondo Mineiro Ambiental e Paisaxístico

Artigo 23. Creación e natureza

As actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial, paisaxísticas e de desenvolvemento tecnolóxico mineiro en que se manifeste a afectación do ICAM canalizaranse a través da dotación do Fondo Mineiro Ambiental e Paisaxístico (Fomap), ao que lle serán aplicables as disposicións establecidas nesta sección.

Artigo 24. Financiamento

Sen prexuízo dos demais recursos que nel se poidan integrar, o Fondo Mineiro Ambiental e Paisaxístico financiarase cos ingresos obtidos do ICAM, deducidos os gastos de xestión.

Artigo 25. Destino

Un. O Fondo Mineiro Ambiental e Paisaxístico destinarase integramente ao financiamento de determinados gastos de investimento, principalmente nas zonas afectadas polas explotacións mineiras e os almacéns xestionados polos suxeitos pasivos do ICAM.

Dous. Entre outras, sufragaranse con cargo ao Fondo:

a) As actuacións orientadas á recuperación do medio natural e da paisaxe, así como á mellora das condicións socioeconómicas e do desenvolvemento sustentable.

b) A promoción da investigación, desenvolvemento e innovación das técnicas mineiras, así como das propiedades, aplicacións e melloras dos produtos mineiros producidos en Galicia, encamiñadas á consecución de procesos mineiros máis eficientes desde o punto de vista ambiental e de produtos máis respectuosos co medio.

c) O reforzo e a dotación de medios de seguridade, control e vixilancia das explotacións e instalacións gravadas polo ICAM.

Tres. Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderase afectar o Fondo ao financiamento de políticas de gasto que teñan obxectivos vinculados coas actuacións previstas no punto Dous.”

Conforme ás disposicións derradeira cuarta, números Dous e Tres, e quinta, número Dous, da mesma lei:

“Disposición derradeira cuarta. Habilitación normativa

(…) Dous. Autorízase a consellaría competente en materia de facenda a aprobar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación do ICAM.

Tres. A Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderá modificar calquera elemento do ICAM.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

(…) Dous. O ICAM exixirá respecto ás alteracións de superficie e solo e aos depósitos ou almacenamentos que teñan lugar ou se constitúan desde o momento da entrada en vigor da presente lei. Para estes efectos, os suxeitos pasivos deberán declarar a superficie total afectada polas explotacións e instalacións, expresada en hectáreas ou fraccións de superficies alteradas e non restauradas, así como as toneladas depositadas ou almacenadas de residuos sólidos e/ou os metros cúbicos de volume depositados ou almacenados de residuos non sólidos en 31 de decembro de 2014.

Esta regulación legal foi obxecto de desenvolvemento pola Orde do 18 de decembro de 2017 pola que se establecen as normas de aplicación do imposto compensatorio ambiental mineiro.