Lei 5/1984, do 29 de maio, de símbolos de Galicia

Lei 5/1984, do 29 de maio, de símbolos de Galicia1

O Estatuto de Galicia dispón no seu artigo sexto:

«1. A bandeira de Galicia é branca, cunha banda diagonal de cor azul que a atravesa desde o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito.

2. Galicia ten himno e escudo de seu.»

Da lectura desta disposición, que non se remite a un desenvolvemento lexislativo, cabe doadamente pensar que os redactores da nosa Lei estatutaria tiñan ben presente que xa existían no ánimo e no pensar do pobo galego o himno e o escudo, e que, polo tanto, non cabían sobre a súa regulación máis dúbidas cás que veñen impostas pola necesidade de oficializa-la letra e a música que Pondal e Veiga puxeron na memoria e na boca dos galegos e pola conveniencia de describir coa exactitude que a heráldica demanda o símbolo que foi nacendo en pedras e en bandeiras co paso das idades.

Polo que se refire á bandeira, que vén descrita no Estatuto como seña de identidade e co rango que precisaba, a Lei limítase a fixa-las súas proporcións, a regula-la bandeira oficial, isto é, a que vai cargada co Escudo, e a face-las previsións precisas no que toca ó seu uso e ás súas precedencias.

Parte a Lei de considerar que os tres símbolos de Galicia foron asumidos como seus polo pobo galego e non fai, polo tanto, máis precisións cás estrictamente imprescindibles para un uso correcto da bandeira, para fixar definitivamente a composición do escudo e para lles dar carácter oficial á letra e á música do himno.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de símbolos de Galicia.

Artigo 1

A bandeira, o escudo e o himno de Galicia simbolizan a súa identidade como nacionalidade histórica.

Artigo 2

1. A bandeira de Galicia, de acordo co preceptuado no artigo 6 do Estatuto, é branca cunha banda diagonal de cor azul que a atravesa desde o ángulo superior esquerdo ó inferior dereito.

2. A bandeira de Galicia deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma.

Artigo 3

O Escudo de Galicia trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe.

O timbre coroa real, cerrada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de pérolas e das súas follas saen cadansúas diademas sumadas de pérolas, que converxen nun mundo de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de gules, ou vermello.

Artigo 4

Declárase himno de Galicia a composición «Os Pinos», poema de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga.

Artigo 5

A bandeira de Galicia utilizarase, xuntamente coa de España, en tódolos edificios públicos do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, e nos actos oficiais que nela se celebren.

O disposto anteriormente entenderase respetando sempre a lexislación específica e as precedencias que sexan de rigor.

Artigo 6

1. A bandeira de Galicia cando concorra soamente coa bandeira de España situarase á súa esquerda desde a presidencia se a houbese, e á dereita desde o observador. Cando concorra ademais con bandeiras de Concellos, Deputacións ou calquera outra corporación pública que utilice bandeira propia, a de Galicia situarase á dereita da de España se o número é impar e á súa esquerda se fose par.

2. Se concorre con outras bandeiras, estas non poderán ter maior tamaño cá de Galicia.

Artigo 7

O escudo de Galicia deberá figurar:

1) Nas bandeiras ás que se refire o artigo 5.

2) Nas Leis de Galicia que promulgue, en nome de El-Rei, o Presidente da Xunta.

3) Nas placas nas fachadas dos locais da Administración Autonómica.

4) Nos cuños en seco e de lacre da Comunidade Autónoma.

5) Nos títulos acreditativos de condecoracións galegas.

6) Nas publicacións oficiais.

7) Nos documentos, impresos, cuños e membretes de uso oficial da Comunidade.

8) Nos diplomas e títulos expedidos pola Comunidade Autónoma.

9) Nos distintivos usados polas autoridades ou funcionarios da Comunidade ós que lles corresponda.

10) Nos edificios públicos e nos obxectos de uso oficial nos que, polo seu carácter representativo, sexa pertinente.

Artigo 8

O himno de Galicia deberá ser interpretado nos actos oficiais solemnes das institucións autonómicas de Galicia, e das entidades locais do seu territorio.

Artigo 9

Os símbolos de Galicia gozan da mesma protección xurídica que as Leis estatais confiren ós símbolos do Estado con aplicación dos mesmos casos e supostos que estas contemplan.

Disposición transitoria primeira

Os símbolos de Galicia axustaranse no prazo dun ano ó previsto nesta Lei.

Disposición transitoria segunda

Sen prexuício do disposto na Disposición Transitoria primeira manteranse os escudos existentes en edificios declarados monumentos histórico-artísticos e naqueloutros monumentos, edificios ou construccións da que sexan parte ornamental importante ou se a súa estructura se puidese danar ó separa- los escudos.

Disposición adicional primeira

A bandeira de Galicia terá unha lonxitude igual a tres medios do seu ancho e o ancho da banda será igual á cuarta parte do ancho da bandeira.

A representación é a seguinte:

Disposición adicional segunda

1) A representación lineal do escudo de Galicia é a seguinte:

2) Nas bandeiras, o escudo colocarase no centro e a súa altura será igual á metade do ancho da bandeira.

A representación lineal da bandeira cargada co escudo é a seguinte:

Disposición adicional terceira

1) A letra do himno de Galicia, da que foi autor o bardo Eduardo Pondal, é a seguinte:

2) A partitura oficial do himno de Galicia, composta por Pascual Veiga, é a seguinte:

Disposición adicional cuarta

No Regulamento de Honras da Comunidade Autónoma deberán especificarse os usos e preeminencias que correspondan a insignias, distintivos, tratamentos e enseñas tradicionais, como a Antiga Marcha do Reino de Galicia, sen que o seu uso, o seu ritual ou o seu exercicio poidan menoscaba-la preeminencia que lles corresponde ós símbolos descritos na presente Lei.

Disposición derradeira única

Autorízase ó Goberno Galego para dicta-las disposicións regulamentarias precisas para o cumprimento da presente Lei, que entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.2

Santiago de Compostela, 29 de maio de 1984

Gerardo Fernández Albor
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 120, do 23 de xuño de 1984.

2 Decreto 73/1985, do 18 de abril, polo que se establece a especificación técnica das cores da bandeira e do escudo de Galicia.