Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega

Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega1

A existencia do «Consello da Cultura Galega» vén determinada polo artigo 32 do Estatuto de Galicia, e responde ás obrigas e facultades que, para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, corresponden á Comunidade Autónoma.

Como os órganos análogos de Estados, Comunidades e Corporacións ha de ser entendido como un corpo asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, dotado de personalidade xurídica e composto por membros respresentativos de entidades dos diversos campos da cultura e tamén por personalidades sobranceiras que contribuirán ó desenvolvemento da cultura de Galicia.

As áreas de acción do Consello son moi variadas. A acción cultural atinxe ás múltiples facetas da vida do home e das sociedades. Por iso, as leis das nacións e os tratados e convenios defenden, a un tempo, o dereito de todos a seren parceiros do cultivo do espírito, a asumi-los seus valores vixentes, a gozar, xeración tras xeración, dos bens da memoria histórica e do acervo das creacións, a recibi-la benfeitoría do progreso das ciencias e das súas aplicacións e da protección e defensa de canto lles é propio nos campos da lingua, das letras e das artes. Un patrimonio cultural tan vizoso coma o que posúe e carácteriza a nosa nacionalidade e o programa, fondo e de alongados horizontes, que ten de ser desenrolado pola nosa Comunidade, requiren a formación dun órgano cualificado, tal como concibe o Estatuto.

O Consello da Cultura Galega créase nunha etapa histórica na que os poderes públicos, lonxe de se afastar dos problemas culturais e de desatendelos, tenden a interesarse afincadamente neles. Por sorte, os procesos de rexurdimento das comunidades con personalidade histórica e a súa autonomía lexislativa e política, son unha forma de salvagarda, liberación e achego cultural frente ás nivelacións igualadoras e monopolizadoras dos poderes centralizados. No caso de Galicia, mercé ó Estatuto e ás transferencias xa recibidas, a case totalidade da acción cultural pode ser atinxida pola Comunidade Autónoma.

O Consello que esta Lei crea procura valiosas colaboracións para os órganos da comunidade para cumprimento de fins e desenrolo de facultades, nos campos da vida popular, no vizoso inzamento das institucións e dos movementos espontáneos e no cultivo de tódolos bens do espírito nos que se afinca a nosa identidade galega.

Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei do Consello da Cultura Galega.

Título preliminar

Artigo 1

Coa finalidade de defender e promociona-los valores culturais do pobo galego, conforme co previsto no artigo 32 do Estatuto de autonomía de Galicia, constitúese o Consello da Cultura Galega, co carácter, composición, competencias e funcionamento que se establecen na presente Lei.

Artigo 2

O Consello da Cultura Galega é un órgano con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Título I

Da composición do Consello

Artigo 3

1. A composición do Consello da Cultura Galega estructurarase desta forma:

a) O Presidente, que será elixido polo Consello en votación secreta, e nomeado por Decreto da Xunta de Galicia.

b) O Vicepresidente ou Vicepresidentes, que serán elixidos polo Consello en votación secreta entre os seus membros.

c) O Secretario, que será elixido en votación secreta entre os seus membros.

d) O Conselleiro de Cultura.

e) Os representantes das Entidades seguintes, por designación das mesmas:

— Un representante da Real Academia Galega.

— Un representante de Academia de Xurisprudencia e Lexislación de Galicia.

— Dous representantes da Universidade galega, elixidos entre os seus profesores.

— Un representante do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos.

— Un representante do Seminario de Estudios Galegos.

— Un representante da Academia de Ciencias.

— Un representante do Instituto da Lingua Galega.

— Un representante do Instituto de Estudios Xacobeos.

— Un representante dos museos de Galicia.

— Un representante do «Patronato de Rosalía de Castro».

— Dous representantes das fundacións culturais de interés galego, elixidos en votación secreta polo Consello.

f) Personalidades destacadas nos campos da cultura, elixidas polo Consello en votación secreta en número de dez.

2. O Consello poderá invitar a representantes de centros de investigación, medios de comunicación social, asociacións culturais ou profesionais e outras institucións galegas, para ser ouvidas ou para participar nas Ponencias.

3. O Consello poderá incorporar novas entidades. Para isto será preciso abrir unha información na que se xustifique a conveniencia da incorporación. A incorporación requirirá a maioría absoluta dos membros do Consello.

Artigo 4

O Presidente da Xunta de Galicia exercerá a Presidencia de Honor do Consello da Cultura Galega.

Artigo 5

O mandato dos membros do Consello non será superior a catro anos.

Os representantes adscritos nos párrafos e) e f) do artigo 3 serán renovados de por metades cada dous anos, podendo ser reelixidos.

Os membros do Consello a que se refire o apartado e) do mesmo artigo, perderán a condición de tales no momento en que decida sustituílos a entidade que os designara.

Título II

Competencias

Artigo 6

Compete ó Consello da Cultura Galega:

a) Analizar cantas cuestións se refiran ó patrimonio cultural e fomenta-la lingua e a cultura galegas.

b) Investigar e valora-las necesidades culturais do pobo galego.

c) Organizar actuacións culturais adecuadas ós fins do Consello dentro ou fóra de Galicia.

d) Asesorar e consultar ós poderes da Comunidade Autónoma no que xulgue preciso para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

e) Elevar ós poderes da Comunidade Autónoma informes e propostas a favor da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

Título III

Do funcionamento

Artigo 7

O Consello funcionará en Pleno e a través da executiva, da que formarán parte, polo menos, o Presidente, un Vicepresidente e o Secretario; así mesmo, poderá funcionar en Ponencias, Comisións Técnicas, fixas ou circunstanciais, e en seccións.

Artigo 8

O Pleno reunirase polo menos unha vez cada trimestre e sempre que o Presidente o convoque.

As reunións plenarias serán convocadas e presididas polo Presidente.

Artigo 9

1. As deliberacións e acordos do Consello en Pleno requiren a presencia da metade máis un dos seus membros, incluídos necesariamente o Presidente e o Secretario. Dado o carácter do Consello non se admiten votos delegados.

2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. O Presidente decidirá, co seu voto de calidade, os empates.

Título IV

Financiación

Artigo 10

O Consello da Cultura Galega, de acordo coa Xunta de Galicia, elaborará o seu presuposto, que figurará como unha unidade orgánica dentro dos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

Ó seu Presidente, de conformidade coa executiva, correspóndelle desenrola-la estructura presupostaria do Consello.

Disposición transitoria

No prazo dun mes a partir da entrada en vigor da presente Lei, o Consello da Cultura Galega será constituído provisionalmente, baixo a presidencia do Conselleiro de Cultura, polos membros que foran designados de acordo co apartado e) do artigo 3, que no prazo dun mes procederán a elixi-las personalidades que forman parte do apartado f) do artigo 3.

No mes seguinte ó día no que se produza a elección á que se refire o apartado anterior, procederase á constitución formal do Consello baixo a presidencia de honor do Presidente da Xunta de Galicia.

Disposición final primeira

Previa consulta ó Consello da Cultura Galega, o Goberno de Galicia queda facultado para o desenvolvemento regulamentario da presente Lei.2

Disposición final segunda

Esta Lei entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 1983

Gerardo Fernández Albor
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 102, do 9 de agosto de 1983.

2 Decreto 162/2008, do 10 de xullo, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega.