Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo

Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo1.

Regulada a Institución do Defensor del Pueblo pola Lei Orgánica 3/1981, do 6 de abril, en desenvolvemento do disposto no artigo 54 da Constitución, e recollido no artigo 14 do Estatuto galego o dereito da Comunidade Autónoma á creación e organización mediante Lei do Parlamento de Galicia dun órgano similar, resulta conveniente a súa creación e regulación para completar en materia tan relevante a institucionalización autonómica de Galicia e abrir novas vías que completen a garantía dos dereitos que consagra o Título I da Constitución no funcionamento transparente e eficaz da Administración Pública de Galicia.

A relación entre a Administración Autónoma e os cidadáns, pola súa especial inmediación, ó carón das súas indiscutibles avantaxes, entraña o risco de que poidan orixinarse comportamentos impropios, alonxados da estricta e igual aplicación das normas, o cal suliña aínda máis a importancia da figura na Comunidade Autónoma de Galicia.

O texto da presente Lei, aínda seguindo as grandes liñas da Lei Orgánica do Defensor del Pueblo, procura, sen desnaturaliza-lo seu carácter, ensancha-las súas funcións, facendo uso da habilitación contida no artigo 14 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e profundizar no sentido dunha maior eficacia no exercicio das funcións do Valedor do Pobo.

A Lei contén tamén normas harmonizadoras da actividade do Valedor do Pobo e a homóloga institución estatal, sobre o principio de cooperación establecido no artigo 12 da Lei 3/1981, do 6 de abril.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei do Valedor do Pobo.

Título I

Status da institución2

Capítulo I

Carácter, elección, nomeamento e cesamento

Artigo 13

1. O Valedor do Pobo é o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas recoñecidos na Constitución e para o exercicio das demais funcións que esta lei lle atribúe.

2. A actividade do Valedor do Pobo extenderase á tulela dos dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de Autonomía, en especial, os sancionados no seu Título Preliminar.

3. Para estes fins, e en exercicio das funcións que lle encomendan o Estatuto de autonomía e a presente lei, o Valedor do Pobo poderá supervisa-la actividade da Administración da Comunidade Autónoma galega e dos seus entes e empresas públicas ou dependentes, así como a da Administración local naquelas materias que son competencia da nosa Comunidade.

Artigo 2

1. O Valedor do Pobo será elixido polo Parlamento de Galicia para un período de cinco anos.

2. A proposta de candidato ou candidatos a Valedor do Pobo será realizada pola Comisión de Peticións ó Pleno do Parlamento de Galicia. A estes efectos será suficiente a maioría simple para a adopción de acordos da Comisión.

3. Proposto o candidato ou candidatos, convocarase, nun prazo non inferior a 15 días, o Pleno do Parlamento para que proceda á elección. Será designado quen obtivese unha votación favorable das tres quintas partes dos membros do Parlamento.

4. No suposto de que ningún candidato acadase a maioría establecida no apartado anterior, procederase pola Comisión de Peticións, no prazo máximo dun mes, á formulación de sucesivas propostas seguidas das correspondentes votacións ata a obtención da maioría sinalada.

Artigo 3

1. Poderá ser elixido Valedor do Pobo calquera cidadán que goce da condición política de Galego, se encontre no pleno disfrute dos seus dereitos civís e políticos e coñeza os idiomas oficiais de Galicia.

2. O nomeamento do Valedor do Pobo será acreditado polo Presidente do Parlamento e publicado no Diario Oficial de Galicia.

3. O Valedor do Pobo tomará posesión do seu cargo ante a Mesa do Parlamento, dentro dos quince días seguintes á publicación do seu nomeamento. Prestará xuramento ou promesa de fiel cumprimento das súas funcións.

Artigo 4

1. A Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia será a encargada das relacións co Valedor do Pobo e informará ó Pleno en cantas ocasións sexa necesario.

2. O Valedor do Pobo dirixirase, de ordinario, ó Parlamento a través do Presidente do mesmo.

Artigo 54

1. O Valedor do Pobo de Galicia cesará por algunhas das seguintes causas:

1.ª) Por renuncia.

2.ª) Por expiración do prazo do seu nomeamento.

3.ª) Por morte ou incapacidade sobrevida.

4.ª) Por notorio incumprimento das obrigas e deberes do seu cargo.

5.ª) Por ser condenado, mediante sentencia firme, por delito doloso.

6ª) Pola perda da condición política de galego ou galega.

2. O presidente do Parlamento declarará a vacante no cargo nos supostos de morte, renuncia, expiración do prazo do mandato ou perda da condición política de galego. Nos outros casos, decidirá o Pleno do Parlamento pola maioría establecida das tres quintas partes dos membros do Parlamento, mediante debate e logo de audiencia do interesado.

3. Vacante o cargo, iniciarase, no prazo non superior a un mes, o procedemento para a elección dun novo Valedor do Pobo.

Se a causa do cesamento fose a expiración do seu nomeamento, o Valedor do Pobo seguirá no desempeño do seu cargo con prórroga de funcións ata que se produza a nova elección.

4. Nos demais supostos, a Comisión de Peticións poderá acordar por maioría simple, en tanto non se cubra a vacante, o desempeño das funcións do valedor do pobo polo seu adxunto, interinamente.

Capítulo II

Prerrogativas e incompatibilidades

Artigo 6

1. O Valedor do Pobo de Galicia non estará suxeito a mandato imperativo ningún. Non recibirá instruccións de ningunha autoridade. Desempeñará as súas funcións con autonomía e segundo o seu criterio.

2. O Valedor do Pobo gozará das prerrogativas e garantías necesarias para o cumprimento da súa función, de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 7

1. A condición de Valedor do Pobo é incompatible con todo mandato representativo, cargo político ou actividade de propaganda política; coa permanencia en servicio activo de calquera Administración Pública; coa condición de membro de Partido Político ou co desempeño de funcións directivas nun Partido, Sindicato, Asociación ou Fundación, ou co emprego ó servicio dos mesmos; co exercicio das carreiras xudicial e fiscal ou de calquera actividade profesional, xudicial, mercantil ou laboral.

2. O Valedor do Pobo deberá cesar na situación de incompatibilidade na que se atope antes de tomar posesión do cargo. No caso contrario entenderase que non acepta o nomeamento.

3. No suposto de incompatibilidade sobrevida entenderase que renuncia ó cargo na data na que se producise aquela.

Título II

Medios persoais e materiais5

Capítulo I

Vicevaledores e persoal

Artigo 86

O valedor do pobo estará auxiliado por un adxunto, en quen poderá delegar as súas funcións e que o substituirá no exercicio destas.

Artigo 97

1. A Comisión de Peticións propoñeralle ao valedor do pobo o nomeamento do adxunto. O nomeamento e o cesamento deste correspóndenlle ao valedor do pobo.

2. O nomeamento e o cesamento do adxunto serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

3. O adxunto deberá reunir as condicións establecidas no artigo 3.1, gozará durante o exercicio das súas funcións de todas as prerrogativas e garantías recoñecidas no artigo 6 e estará sometido ao réxime de incompatibilidades preceptuado no artigo 7 desta lei.

Artigo 108

1. O persoal ao servizo do Valedor do Pobo considerarase persoal ao servizo do Parlamento mentres permaneza no exercicio das súas funcións. Dependerá orgánica, funcional e disciplinariamente do Valedor do Pobo e rexerase polas normas de réxime interior previstas na disposición adicional e, con carácter supletorio, polo Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

2. O cadro de persoal será aprobado pola Mesa do Parlamento, por proposta do valedor ou da valedora do pobo. Dentro do devandito cadro, o valedor ou a valedora do pobo poderá designar ata cinco persoas asesoras, sempre que sexa posible dentro dos límites orzamentarios e sen prexuízo das substitucións que procedan de acordo con causas debidamente xustificadas.

O persoal restante deberá reunir a condición previa de funcionario ou funcionaria de calquera das administracións públicas e poderá ser adscrito á súa oficina por libre designación ou por concurso público, segundo a relación de postos de traballo.

3. O persoal funcionario proveniente das administracións públicas galegas, parlamentaria, local e da Comunidade Autónoma, adscrito á oficina do Valedor do Pobo terá dereito a ser declarado na situación administrativa de servizos especiais na súa administración de orixe, agás o que se incorpore por concurso público, que pasará á situación prevista no artigo 54 da Lei da función pública de Galicia.

Artigo 119

O adxunto e os asesores adscritos á oficina do Valedor do Pobo cesarán automaticamente no momento da toma de posesión dun novo valedor do pobo nomeado polo Parlamento.

Capítulo II

Redacción vixente do artigo 10 dada polo artigo 2.Un da Lei 1/2023, do 14 de marzo, de medidas sobre o réxime xurídico do persoal ao servizo do Valedor do Pobo e do Consello de Contas (DOG Núm. 55, do 20 de marzo de 2023).

Dotación económica

Artigo 1210

1. A dotación económica necesaria para o funcionamento da institución constituirá unha partida do presuposto do Parlamento de Galicia e a súa elaboración correspóndelle ó Valedor do Pobo. Remitiráselle á Mesa do Parlamento para a súa aprobación e integración no presuposto do Parlamento.

2. A autorización dos gastos e a ordenación dos pagamentos corresponderanlle ao valedor do pobo, quen poderá delegalas no adxunto, e os réximes de contabilidade, intervención, contratación e adquisición de bens e dereitos serán os que rexan no Parlamento de Galicia.

Título III

Do procedemento

Capítulo I

Atribucións e facultades

Artigo 1311

1. O Valedor do Pobo, de oficio ou a instancia de parte, poderá iniciar e proseguir calquera investigación sobre:

a) Os actos e as resolucións da Administración pública da Comunidade Autónoma e dos seus axentes.

b) Os actos e as resolucións da Administración local, incluídos os seus organismos autónomos, así como as empresas e entes públicos ou participados que dela dependan, no ámbito das competencias que lle correspondan á Comunidade Autónoma, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa lexislación vixente.

c) Os servicios xestionados por persoas físicas ou xurídicas mediante concesión administrativa e, en xeral, calquera organismo ou entidade pública ou privada que realice funcións de servicio público e se atope suxeita a calquera tipo de tutela naquilo que afecte ás materias integradas nas competencias da Comunidade Autónoma, de conformidade co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na lexislación vixente.

d) Se é o caso, as materias que sexan obxecto de transferencia ou delegación, ó abeiro do que dispoñen os apartados primeiro e segundo do artigo 150 da Constitución, tanto no caso de que a Comunidade Autónoma as administre como asunto propio coma no suposto de administración comisionada.

2. As facultades do Valedor do Pobo extenderanse á actividade que realicen os Conselleiros e calquera autoridade administrativa, funcionario e axente que actúen ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma e ós seus entes ou empresas dependentes.

Artigo 14

1. Toda persoa natural ou xurídica que invoque un interés lexítimo poderá dirixirse ó Valedor do Pobo sen restricción nin limitación ningunha.

2. Os deputados individualmente, e as Comisións do Parlamento de Galicia relacionadas coa defensa dos dereitos e liberdades públicas, poderán solicita-la intervención do Valedor do Pobo en tódalas cuestións atribuídas á súa competencia.

3. A Comisión de Peticións poderá ademais transmitirlle as que reciba nos términos do artigo 48 do Regulamento do Parlamento Galego.

4. Ningunha autoridade administrativa, no ámbito da súa competencia, poderá presentar queixas perante o Valedor do Pobo.

Artigo 15

1. A actividade do Valedor do Pobo de Galicia non se verá interrompida nos casos en que o Parlamento non se encontre reunido, fose disolto ou expire o seu mandato. Nos citados casos o Valedor do Pobo de Galicia dirixirase á Deputación Permanente da Cámara.

2. A declaración dos estados de excepción ou sitio non interromperá a actividade do Valedor do Pobo, nin o dereito dos cidadáns de acceder ó mesmo, sen prexuício do disposto nos artigos 55 e 116 da Constitución.

Artigo 1612

1. O Valedor do Pobo, de oficio ou a instancia de parte, poderá supervisa-la actividade da Administración da Comunidade Autónoma galega para garanti-lo respecto dos dereitos comprendidos no título I da Constitución e o seu sometemento pleno á lei e ó dereito. Con este mesmo fin poderá asemade supervisa-la actividade da Administración local no ámbito das competencias que o Estatuto de autonomía e a lexislación vixente lle confiren á Comunidade Autónoma.

2. As facultades atribuídas ó Valedor do Pobo extenderanse igualmente de maneira especial á defensa dos dereitos e principios rectores que dimanan do título preliminar do Estatuto de Autonomía de Galicia.

3. Respecto das demais administracións públicas exercerá as funcións que lle correspondan dentro dos principios de coordinación, cooperación e colaboración establecidos no artigo 12 da Lei orgánica 3/1981, do 6 de abril, e na Lei 36/1985, do 6 de novembro.

4. O Valedor do Pobo, para acelerar as comunicacións coas persoas interesadas e as administracións, utilizará sempre que sexa posible as comunicacións por vía telemática.

Capítulo II

Tramitación das queixas

Artigo 17

As queixas que o Valedor do Pobo reciba referidas ó funcionamento da Administración de Xusticia de Galicia deberá dirixilas ó Ministerio Fiscal e ó Consello do Poder Xudicial, sen prexuício de incluílas no informe ó Parlamento.

Artigo 1813

1. Toda queixa dirixida ao Valedor do Pobo poderá ser formulada oralmente ou por escrito, onde conste a identificación e o enderezo postal ou telemático do peticionario e se relate o feito que a motiva. As queixas orais só se poderán presentar na oficina da institución e deberán ser transcritas e asinadas pola persoa interesada. As queixas, que deberán ir subscritas, tramitaranse de xeito confidencial de o interesado o solicitar.

2. Acusarase recibo de toda queixa que sexa rexistrada.

3. As queixas ó Valedor do Pobo deberanse presentar no prazo dun ano cumprido a partir do coñecemento dos feitos.

4. A actuación do Valedor do Pobo e a dos seus colaboradores será gratuíta para o interesado.

5. Non será preceptiva a intervención ou asistencia de Letrado nin Procurador.

Artigo 1914

O Valedor do Pobo tramitará ou rexeitará as queixas recibidas. Só poderá rexeitar as queixas recibidas polos motivos establecidos nesta lei, e farao sempre mediante escrito motivado, no que se poderá informar a persoa interesada do máis oportuno en dereito á súa actuación.

Artigo 20

O Valedor do Pobo de Galicia non entrará no exame individual daquelas queixas sobre as que estea pendente resolución xudicial e suspenderao se, iniciada a actuación, se interpuxese por persoa interesada demanda ou recurso ante os Tribunais Ordinarios ou o Tribunal Constitucional. Isto non impedirá, sen embargo, a investigación sobre os problemas xerais plantexados nas queixas presentadas. En calquera caso velará porque a Administración resolva expresamente, no tempo e na forma, as peticións e recursos que lle fosen formulados.

Artigo 21

O Valedor do Pobo de Galicia rexeitará as queixas anónimas e poderá rexeitar aquelas nas que se advirta mala fe, carencia de fundamento, inexistencia de pretensión, así como aqueloutras das que a tramitación irrogue prexuício ó lexítimo dereito de terceira persoa. As súas resolucións non serán susceptibles de recurso.

Artigo 2215

1. Admitida a trámite unha queixa, o Valedor do Pobo promoverá a oportuna investigación sumaria e informal. En todo caso, informará o organismo ou a dependencia administrativa do contido substancial da solicitude, reunindo cantos datos coide pertinentes, que terán que serlle remitidos no prazo de quince días, a non ser que a complexidade do asunto aconselle, ao seu criterio, prorrogar o prazo por un mes.

2. A negativa ou neglixencia de calquera organismo, funcionario ou dos seus superiores responsables ó envío dos informes solicitados poderá ser considerada polo Valedor do Pobo de Galicia como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, se é o caso, ó Parlamento. Tamén poñerá os ditos feitos en xerárquico, informando sobre o seu comportamento por se fose susceptible de corrección disciplinaria.

Capítulo III

Tramitación da investigación

Artigo 2316

No exercicio das súas funcións, o valedor do pobo, o seu adxunto ou a persoa en que delegue poderán comparecer en calquera centro ou dependencia da administración pública da Comunidade Autónoma galega, dos seus entes e empresas públicas dependentes desta ou afectos a un servizo público, para a comprobación de datos, realización de entrevistas persoais, estudo de expedientes e documentos relacionados co motivo da súa actuación sen que se lle poida negar o exame da documentación interesada, excepto nos casos taxativamente establecidos pola lei.

Artigo 24

1. Cando a queixa que se vaia investigar afectase á conducta das persoas ó servicio da Administración Pública Galega, en relación coa función que desempeñan, o Valedor do Pobo de Galicia dará conta da mesma ó afectado e ó seu inmediato superior ou Organismo de que aquel dependese.

2. O afectado responderá por escrito e coa aportación de cantos documentos e testemuños coide oportunos, no prazo que lle fose fixado, que en ningún caso será inferior a dez días, podendo ser prorrogado a instancia de parte pola metade do concedido.

O Valedor do Pobo de Galicia poderá comproba-la súa veracidade e propoñer ó funcionario afectado unha entrevista ampliatoria de datos. Os funcionarios que se negasen a isto poderán ser requeridos por aquel para que manifestaren por escrito as razóns que xustifiquen tal decisión.

3. O superior xerárquico ou organismo que prohíba ó funcionario ás súas ordes ou servicio responder á requisitoria do Valedor do Pobo de Galicia ou entrevistarse con el, deberá manifestalo por escrito debidamente motivado, dirixido ó funcionario e ó propio Valedor do Pobo de Galicia. Este dirixirá en adiante cantas actuacións investigadoras sexan necesarias ó referido superior xerárquico.

4. A información que no curso dunha investigación poida aportar un funcionario a través do seu testemuño persoal terá o carácter de reservada sen prexuício do disposto na Lei de Enxuiciamento Criminal sobre a denuncia de feitos que puidesen revestir carácter delictivo.

Artigo 25

Cando o Valedor do Pobo, por razón do exercicio das funcións propias do seu cargo, teña coñecemento dunha conducta ou feito presumiblemente delictivo comunicarallo ó Ministerio Fiscal de quen poderá solicitar información sobre o estado de tramitación no que se encontren as actuacións iniciadas á súa instancia.

Capítulo IV

Deber de colaboración

Artigo 26

1. Os poderes públicos de Galicia están obrigados a presta-lo auxilio e cooperación que lles sexan demandados polo Valedor do Pobo nas súas investigacións e actuacións.

2. Nos supostos en que a obtención de datos ou a prestación de auxilio resultase preciso obtelas fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, o Valedor do Pobo poderá solicitalos do Defensor do Pobo ou doutras Institucións similares de acordo cos principios de coordenación e cooperación establecidos na Lei Orgánica 3/81, do 6 de abril.

Artigo 2717

Se as autoridades, os funcionarios ou os axentes dificultaren ou entorpeceren a actuación do valedor do pobo, do seu adxunto ou delegados, aquel dará conta ao superior xerárquico e, se for o caso, ao Ministerio Fiscal para o exercicio das accións que poidan proceder, e recollerá tales actitudes nos seus informes ao Parlamento de Galicia.

Capítulo V

Gastos causados a particulares

Artigo 28

Os gastos efectuados ou os prexuícios materiais, causados ós particulares que non promovesen a queixa, ó seren chamados a informar polo Valedor do Pobo, serán compensados con cargo ó seu presuposto unha vez xustificados debidamente.

Capítulo VI

Das Resolucións

Artigo 2918

1. O Valedor do Pobo poderá suxerirlle á Administración pública a modificación dos criterios utilizados na producción dos seus actos e resolucións.

2. Esta actuación de mediación, así como a tramitación dunha reclamación, non interromperán os prazos establecidos para os diferentes procedementos administrativos.

Artigo 30

Se o Valedor do Pobo de Galicia, como consecuencia das súas investigacións, chegase ó convencemento de que o cumprimento rigoroso dunha norma pode provocar situacións inxustas ou prexudiciais para os administrados, poder suxerir ó Parlamento de Galicia ou á Administración a modificación da mesma.

Artigo 31

O Valedor do Pobo poderá instar das autoridades administrativas competentes o exercicio das súas facultades de inspección e sanción se as actuacións se realizaron con ocasión de servicios prestados por particulares en virtude de acto administrativo habilitante.

Artigo 32

1. O Valedor do Pobo, con motivo das súas investigacións, poderá formular ás autoridades e funcionarios das Administracións Públicas advertencias, recomendacións, recordatorios dos seus deberes legais e suxerencias para a adopción de novas medidas.

2. Estes funcionarios e autoridades deberán responder sempre por escrito e no prazo dun mes.

Artigo 33

1. Se formuladas as súas recomendacións, non obtivese resposta ou, nun prazo razoable, non se producise unha medida adecuada ó suxerido, o Valedor do Pobo poderá poñe-los antecedentes do escrito e as recomendacións efectuadas en coñecemento do Conselleiro do Departamento afectado ou da máxima autoridade da Administación Pública Galega.

2. Se tampouco obtivese unha xustificación adecuada incluirá tal asunto no seu informe anual ou especial, con mención dos nomes das autoridades ou funcionarios que persistan naquela actitude, especialmente nos casos nos que, considerando o Valedor do Pobo que era posible unha solución positiva, esta non se conseguise.

Capítulo VII

Modificacións e notificacións

Artigo 3419

O Valedor do Pobo informará ó interesado ou, se é o caso, ó deputado ou ás comisións a que se refire o artigo 14 desta lei do resultado das súas investigacións, así como da resposta que lle dese a Administración ou os funcionarios implicados, agás que pola súa natureza aqueles fosen consideradas, de acordo coa lei, de carácter reservado ou declaradas secretas. Así mesmo, cando acorde non intervir, informará razoando a súa decisión.

En todo caso, transcorridos tres meses desde a admisión a trámite dunha queixa, o Valedor do Pobo deberá informar a quen a formulase do seu estado.

Artigo 35

Cando as actuacións practicadas mostren que a queixa se orixinou presumiblemente por abuso, arbitrariedade, discriminación ou erro, neglixencia ou omisión dun funcionario, o Valedor do Pobo dirixirase ó interesado, facéndolle consta-lo seu criterio ó respecto, e ó seu superior xerárquico, formulando as suxerencias que estime oportunas.

Título IV

Dos informes ó Parlamento20

Artigo 36

1. O Valedor do Pobo dará conta anualmente ó Parlamento da xestión realizada nun informe que presentará ante o mesmo no período ordinario de sesións.

2. Cando a gravidade ou urxencia dos feitos o aconsellen, poderá presentar un informe extraordinario dirixido á Deputación Permanente do Parlamento se este non estivese reunido ou se encontrase disolto.

3. Os informes anuais e, no seu caso, os extraordinarios serán publicados.

Artigo 3721

1. O Valedor do Pobo de Galicia no seu informe anual dará conta do número de tipos de queixas presentadas, daquelas que foron rexeitadas e as súas causas, así como das que foron obxecto de investigación e o resultado da mesma, con especificación das suxerencias ou recomendacións admitidas pola Administración Pública Galega.

2. No informe non constarán datos persoais que permitan a pública identificación dos interesados no procedemento investigador, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da presente lei.

3. Nos casos especialmente graves, o Valedor do Pobo poderá destacar no seu informe anual a persistencia nunha actitude hostil ou entorpecedora ó seu labor de calquera Organismo, funcionario ou persoa ó servicio da Administración Pública, no seu ámbito de competencias.

4. O informe conterá igualmente un anexo, destinado ó Parlamento de Galicia, no que se fará consta-la liquidación do presuposto da Institución no período que corresponda.

5. Un resume do informe será exposto oralmente polo Valedor do Pobo ante o Pleno do Parlamento.

Título V

Das relacións co Defensor do Pobo e cos comisionados de parlamentos ou de asembleas lexislativas autonómicas22

Artigo 3823

1. Correspóndelle ó Valedor do Pobo o exercicio das facultades de investigación en relación coas institucións e cos organismos referidos no artigo 13, sen prexuízo das que lle poidan corresponder ó Defensor do Pobo en virtude do artigo 12 da Lei orgánica 3/1981, do 6 de abril, e do artigo 2 da Lei 36/1985, do 6 de novembro.

2. O Valedor do Pobo poderá concertar co Defensor do Pobo acordos de coordinación e colaboración entrámbalas dúas institucións, segundo o previsto nas mencionadas leis.

Para a validez e vixencia de tales acordos, será preceptiva a súa ratificación pola Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia. Estes acordos publicaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

3. Cando o valedor reciba queixas ou denuncias referentes a ámbitos das administracións públicas que non son competencia da Comunidade Autónoma galega, daralle conta delas ó Defensor do Pobo. Notificaralle igualmente de oficio aquelas infraccións ou irregularidades que el observase.

Artigo 3924

O Valedor do Pobo, de oficio ou a instancia de parte, poderá dirixirse motivadamente ó Defensor do Pobo solicitándolle que este, en defensa de lexítimos intereses dos cidadáns e sempre que o considere oportuno:

a) Interpoña ou exercite o recurso de inconstitucionalidade ou o de amparo.

b) Dirixa recomendacións ós órganos xerais do Estado cando as deficiencias no funcionamento dos órganos ou das entidades a que se refire o artigo 13 desta lei deriven de normas de competencia estatal ou sexan orixinadas polo deficiente funcionamento da Administración central do Estado.

Artigo 4025

O Valedor do Pobo poderá dirixirse ós comisionados parlamentarios doutras comunidades autónomas cando necesite a súa colaboración para o exercicio das súas funcións. Así mesmo, para coordinar actuacións conxuntas que excedan do ámbito territorial.

Disposición adicional

Autorízase ó Valedor do Pobo para dicta-las normas regulamentarias precisas para o desenvolvemento da presente Lei, de acordo coa Mesa do Parlamento e a Comisión de Peticións.

Estas normas regulamentarias publicaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Disposición adicional bis26

O Valedor do Pobo garantirá a posibilidade de presentar e tramitar por medios telemáticos as queixas, as solicitudes, as consultas e as comunicacións.

Disposición adicional ter27

As referencias que se conteñen nesta lei á figura do valedor do pobo e do seu adxunto deberán entenderse referidas ao valedor ou á valedora do pobo e ao adxunto ou á adxunta.

Disposición transitoria

A Comisión de Peticións propoñerá ó Pleno da Cámara, no prazo máximo de seis meses computados desde o día da entrada en vigor da presente Lei, o candidato ou candidatos a Valedor do Pobo de Galicia mediante acordo adoptado por maioría simple.

Disposición final

O Valedor do Pobo, transcorrido un ano do exercicio das súas funcións, poderá propoñer ó Parlamento no informe anual, ou noutro extraordinario, as modificacións no texto da presente Lei que xulgue oportunas á luz da aplicación práctica da mesma.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 1984

Gerardo Fernández Albor
Presidente


1 Publicada no: DOG núm. 135, do 14 de xullo de 1984.

2 Redacción do enunciado do Título I e do enunciado do seu capítulo I dada pola Lei 3/1994, de 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xullo, do valedor do pobo (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

3 Redacción dos apartados 1 e 3 do artigo 1 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

4 Redacción dos apartados 3 e 4 do artigo 5 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994). Redacción posterior dos apartados 1, 2 e 4 do artigo 5 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

5 Redacción do enunciado do Título II e do enunciado s¡do seu capítulo I dada pola Lei 3/1994, de 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xullo, do valedor do pobo (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

6 Redacción do artigo 8 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994). Redacción posterior do artigo 8 dada pola Lei 1/2002, do 26 de marzo, de modificación da Lei 6/1984 (DOG núm. 65, do 4 de abril de 2002). Nova redacción posterior do artigo 8 pola disposición derradeira primeria da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia (DOG núm. 143, do 24 de xullo de 2008). Redacción vixente do artigo 8 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

7 Redacción dos apartados 1 e 3 do artigo 9 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994). Redacción posterior do apartado 1 do artigo 9 dada pola Lei 1/2002, do 26 de marzo, de modificación da Lei 6/1984 (DOG núm. 65, do 4 de abril de 2002). Redacción vixente do artigo 9 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

8 Redacción vixente do artigo 10 dada polo artigo 2.Un da Lei 1/2023, do 14 de marzo, de medidas sobre o réxime xurídico do persoal ao servizo do Valedor do Pobo e do Consello de Contas (DOG Núm. 55, do 20 de marzo de 2023).

9 Redacción do artigo 11 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

10 Redacción do artigo 12 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994). Redacción do apartado 2 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

11 Redacción do apartado 1 do artigo 13 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

12 Redacción dos apartados 1 e 3 do artigo 16, e supresión do apartado 4 do artigo 16, determinada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994). Apartado 4 do artigo 16 engadido polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

13 Redacción do apartado 1 do artigo 18 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994). Redacción vixente do apartado 1 do artigo 18 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

14 Redacción do artigo 19 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

15 Redacción do apartado 2 do artigo 22 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994). Redacción do apartado 1 do artigo 22 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

16 Redacción do artigo 23 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

17 Redacción do artigo 27 dada polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

18 Redacción do artigo 29 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

19 Redacción artigo 34 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994). Último parágrafo do artigo 34 engadido polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

20 Enunciado do Título IV modificado polo artigo 2 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

21 Redacción do apartado 2 do artigo 37 dada polo artigo 1 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

22 Novo Título V, coa adición dos artigos 38, 39 e 40 engadido polo artigo 2 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

23 Artigo 38 engadido polo artigo 2 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

24 Artigo 39 engadido polo artigo 2 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

25 Artigo 40 engadido polo artigo 2 da Lei 3/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño (DOG núm. 147, do 1 de agosto de 1994).

26 Disposición adicional bis engadida polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).

27 Disposición adicional ter engadida polo artigo 1 da Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo (DOG núm. 154, do 13 de agosto de 2012).