Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia

Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia1.

As confrarías de pescadores son institucións con fonda tradición histórica en Galicia, ata o punto de que os primeiros antecedentes que se coñecen remontan ó século XIII, cando aparece a Irmandade das Vilas e Marismas dos Reinos de Asturias e Galicia. Estas entidades pasaron desde aquela por diferentes vicisitudes que as fixeron evolucionar ó longo do tempo para se adaptaren ás necesidades tanto económicas coma laborais que ían xurdindo no país; deste xeito perderon o marcado carácter relixioso que as caracterizara na súa etapa inicial para se converteren, primeiro, en organizacións laborais e de asistencia mutua, logo en «pósitos » de pescadores, para, en época máis recente e recuperando a súa vella denominación, pasar a ser corporacións de dereito público.

Son tamén necesidades económicas as que agora aconsellan que, mantendo a tradición dunha institución tan arraigada entre as xentes do mar, se propicie nela unha evolución cara a novas formas de actividade que veñen en certa medida impostas polo marco de relacións económicas no que estamos insertos como consecuencia da nosa integración en Europa.

Constitúe así o aspecto máis novidoso da nova regulación a posibilidade legal, que non imposición, de que as confrarías dediquen na súa organización unha sección especial para realizar actividades nos campos relativos á organización e comercialización dos productos pesqueiros, propiciando así o que poidan obter recoñecemento como organizacións de productores ó abeiro do Regulamento da CEE n.º 3687/1991, do Consello, do 28 de novembro de 1991.

Por outra parte, debúxanse máis claramente os perfís do que constitúe unha das facetas clásicas das confrarías en canto organismos de consulta e colaboración coa Administración pública, erixíndose así nunha das canles máis eficaces para que os poderes públicos poidan recoñecer e darlles resposta en cada momento ás múltiples⁃ inquietudes que do sector pesqueiro xorden hoxe.

Non é intención da lei entrar na regulación casuística de todos e cada un dos aspectos relativos ás confrarías. Ben é certo que a vida corporativa no sector pesqueiro é moi rica e que está chea de matices e, por outra parte, son moitos os aspectos que precisan dunha regulación legal, pero a lei non pode aspirar a recollelos todos senón tan só aqueles que se consideran básicos, e de entre eles os que definen un cambio de orientación que parece inevitable.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de confrarías de pescadores de Galicia.

Artigo 1. Definición.

1. As confrarías de pescadores son corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, que actúan como órganos de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro e representan intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector, sen prexuízo da representación que posúen as organizacións de empresarios e traballadores da pesca.

As confrarías poden, así mesmo, desenvolver actividades propias de organización e comercialización da producción no sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura.

2. As confrarías quedan suxeitas á tutela da Administración pública galega, que será exercida a través da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 2. Normas de aplicación e estatutos.

1. As confrarías de pescadores rexeranse polo disposto na presente lei, polas normas regulamentarias que a desenvolvan e demais disposicións aplicables, así como polos seus respectivos estatutos. En todo caso axustarán a súa estructura e mailo seu funcionamento ós principios democráticos.

2. As confrarías elaborarán e aprobarán no seo das súas respectivas asembleas os estatutos polos que rexerán a súa actuación, que deberán someterlle posteriormente á ratificación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. A inscrición posterior no Rexistro previsto para estes efectos no artigo 14 da presente lei determinará a súa eficacia xurídica.

O mesmo procedemento descrito seguirase para as modificacións estatutarias.

3. Os estatutos terán que conter, polo menos, a regulación dos seguintes aspectos:

a) A denominación da confraría, que se corresponderá coa que usualmente identifique o territorio que comprende.

b) O ámbito territorial.

c) O domicilio.

d) Os órganos rectores.

e) A estructura organizativa coas seccións que, se é o caso, se establecesen.

f) As normas para a elección dos órganos representativos.

g) Os dereitos e as obrigas dos membros.

h) O réxime económico e contable.

i) O patrimonio e os recursos previstos.

j) As causas de disolución e o destino do seu patrimonio.

Artigo 3. Funcións.

1. Corresponderanlles, con carácter xeral, ás confrarías o labor de consulta e colaboración coa Administración pública e a defensa dos intereses dos profesionais que as compoñen.

2. Como órganos de consulta e colaboración correspóndenlles ás confrarías de pescadores as seguintes funcións:

a) Orientar tódolos seus membros sobre as accións derivadas da aplicación da normativa concernente ó sector pesqueiro e, en particular, sobre axudas, subvencións e programas establecidos pola Administración pública.

b) Actuar como oficinas públicas, para os efectos desta lei, no referente á recepción, rexistro e tramitación de documentación dirixida á Administración da Comunidade Autónoma, cando expresamente así se estableza en virtude de disposición regulamentaria.

c) Promover actividades de formación dos profesionais nas actividades referidas á pesca.

d) Servirlle como entidade de consulta á Administración en tódalas cuestións concernentes ó sector e en especial na elaboración das disposicións de carácter xeral que lles sexan sometidas.

e) Elevarlle á Administración propostas sobre materias de interese pesqueiro e, en particular, sobre aquelas accións tendentes a mellora-las condicións técnicas, económicas e sociais da actividade pesqueira.

f) Promove-la creación de servicios comúns para os seus membros.

3. Así mesmo, correspóndenlle-las funcións de:

a) Promove-la creación de servicios sociais, recreativos, culturais ou análogos para os seus membros.

b) Xestiona-las áreas da zona marítima e marítimo-terrestre que lles fosen confiadas mediante o título administrativo habilitante correspondente, expedido pola Administración competente.

c) Xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos por calquera das administracións públicas para o cumprimento dos seus fins.

d) Todas aqueloutras funcións que lles sexan encomendadas pola Administración competente.

Artigo 4. Seccións.

1. Sen prexuízo da unidade de acción dos seus órganos, cando as confrarías pretendan levar a cabo, ademais das funcións sinaladas, actividades de organización e comercialización da producción, estas poderán estructurarse en dúas seccións, que se denominarán «de Orientación» e «de Organización da Producción»; esta última constituirase por libre iniciativa dos productores que integran a confraría, na forma que regulamentariamente se determine.

2. Corresponderanlle á Sección de Orientación as funcións descritas no punto 2 do artigo 3 da presente lei.

3. Corresponderalle, se é o caso, á Sección de Organización da Producción a adopción das medidas oportunas para garanti-lo exercicio racional da pesca e as condicións de venda da producción, e en particular:

a) Promove-la execución de plans de capturas, concentra-la oferta e regulariza-los precios.

b) Darlle saída por medio da sección, se se coida necesario, ó producto ou conxunto de productos explotados polos productores membros.

c) Establece-las regras de producción e comercialización co fin de mellora-la calidade dos productos e adapta-lo volume da oferta ás esixencias do mercado.

d) Adoptar todas aquelas medidas derivadas da aplicación da política común de pesca comunitaria que sexan da competencia dos productores.

A Sección de Organización da Producción contará con órganos diferenciados e establecerá as súas propias normas de funcionamento, sen prexuízo de someterse ás recollidas con carácter xeral polos estatutos da confraría.

4. En cada sección existirá un responsable encargado da xestión económica.

Artigo 5. Membros das confrarías.

1. A afiliación ás confrarías dos pescadores é libre.

2. Poden ser membros das confrarías os armadores con base en portos do ámbito territorial delas e quen teña a habilitación administrativa correspondente que o faculte para o exercicio de labores de extracción dos recursos mariños vivos.

3. A condición de membro pode manterse en tanto se exerza a actividade profesional, sen que constitúa impedimento para iso a situación de inactividade ou o seu desemprego ocasional.

4. A perda da condición de membro producirase por baixa voluntaria, por non reuni-los requisitos requiridos ou por calquera outra causa prevista nos estatutos da respectiva confraría.

5. Ningún profesional do sector poderá pertencer simultaneamente a dúas ou máis confrarías.

Artigo 6. Ámbito territorial.

1. O ámbito territorial das confrarías será o que determinen os respectivos estatutos, que terán que concreta-los seus límites con referencia a puntos determinados da liña de costa.

En ningún caso poderán coincidir varias confrarías nun mesmo ámbito territorial, nin estenderse fóra do territorio de Galicia.

2. O ámbito territorial así determinado non impedirá que a Sección de Organización da Producción poida estende-las súas actividades fóra do territorio propio da confraría.

3. A modificación do ámbito territorial requirirá o acordo maioritario dos órganos representativos de tódalas confrarías afectadas e a posterior aprobación pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 7. Órganos rectores.

1. Son órganos rectores das confrarías de pescadores a Xunta Xeral ou Asemblea, o Cabido ou Comisión Permanente e o patrón maior.

2. Estes órganos teñen carácter representativo e os seus compoñentes serán elixidos por un período de catro anos, e poderán ser reelixidos e deberá respectarse, sempre que sexa posible, a paridade de representación de traballadores e empresarios, así como a proporcionalidade entre os sectores da producción.

A elección dos compoñentes da Xunta Xeral terá lugar mediante sufraxio universal libre, igual, directo e secreto. De entre os compoñentes da Xunta Xeral elixiranse os membros do Cabido e o patrón maior.

A composición da Xunta Xeral e do Cabido, o procedemento electoral e as funcións dos órganos rectores determinaranse regulamentariamente.

3. As resolucións e os acordos dos órganos rectores, en canto estean suxeitos ó dereito administrativo, serán susceptibles de recurso ordinario perante o titular da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura; a súa resolución poñeralle fin á vía administrativa

Artigo 8. Persoal.

Para a xestión das funcións que teñen asignadas, as confrarías contarán co seguinte persoal:

a) O persoal funcionario da Xunta de Galicia con destino nelas, que desenvolverá de forma preferente as funcións descritas no punto 2 do artigo 3 da presente lei. Á súa fronte estará o secretario, cunhas atribucións que se fixarán regulamentariamente.

Malia a súa adscrición ás confrarías, este persoal manterá o seu réxime xurídico funcionarial.

b) O persoal laboral propio que contrate a confraría con cargo ós seus presupostos.

Artigo 9. Presupostos.

1. As confrarías desenvolverán a súa xestión económica a través dun presuposto de ingresos e gastos, que estructurarán, se é o caso, as seccións nas que estean organizadas e cunha vixencia que coincidirá co ano natural. Neste plan económico incluiranse as dotacións necesarias para facerlles fronte ás obrigas derivadas do seu normal funcionamento e estableceranse os recursos necesarios para atendelas.

2. O proxecto e, se é o caso, as modificacións dos presupostos serán aprobados pola Xunta Xeral, por proposta do Cabido.

O Cabido poderá acordar modificacións de partidas presupostarias sempre que non excedan do dez por cento do crédito presupostario, e delas daralle posteriormente conta á Xunta Xeral.

3. A aprobación, modificación e posterior liquidación dos presupostos seranlle comunicadas á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 10. Patrimonio e recursos.

1. As confrarías terán plena capacidade para adquirir, posuír, gravar e allear libremente toda clase de bens e dereitos que integren o seu patrimonio.

2. Constitúen os recursos das confrarías:

a) As contas ou derramas que por conta dos seus membros se establezan.

b) Os arrendamentos dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio.

c) As cantidades recadadas como consecuencia da prestación dalgún servicio.

d) As transferencias de calquera clase recibidas da Xunta, da Administración central do Estado ou de calquera outra institución, así como as asignacións que se establezan anualmente nos presupostos da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) As doacións, os legados ou calquera atribución de bens a título gratuíto realizados no seu favor, unha vez que fosen aceptados polo órgano de goberno correspondente.

f) Calquera outro recurso que, conforme a lexislación ou os seus propios estatutos, lles puidese ser atribuído.

Artigo 11. Réxime contable2.

1. As confrarías levarán un plan contable único, que será aprobado pola Consellería de Economía e Facenda, sendo aplicable, coas súas peculiaridades propias, o disposto no título V, capítulo II, da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

No plan contable reflectirase o movemento de ingresos e gastos de forma separada, se é o caso, para cada unha das seccións en que se estructuren, así como todas aquelas modificacións que se produzan na súa situación patrimonial. Anualmente confeccionarase o correspondente balance, no que se reflectirá a súa situación patrimonial, económica e financeira.

2. A Xunta de Galicia, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, poderá exerce-lo control financeiro necesario sobre os gastos efectuados para a xestión das funcións descritas no punto 2 do artigo 3 da presente lei.

2 bis. As confrarías de pescadores e as súas federacións, por requirimento da consellería competente en materia de pesca, deberán someterse a unha auditoría externa de contas. A dita obriga entenderase sen prexuízo das obrigas que poidan, se é o caso, corresponderlles cando sexan beneficiarias de subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ou de fondos comunitarios.

3. En todo caso, a xestión económica e financeira e as contas das confrarías estarán sometidas ó control do Consello de Contas nos termos previstos na Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do dito órgano, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 11 bis. Intervención administrativa nos órganos de goberno das confrarías3

1. A administración tutelante poderá proceder, mediante decreto, á intervención administrativa dos órganos de goberno das confrarías no caso de que observe faltas graves na xestión económica que poidan pór en perigo a súa existencia, así como nos supostos de imposibilidade de funcionamento normal daqueles.

Para estes efectos, previamente á aprobación do decreto, concederase un prazo de quince días á confraría afectada e á Federación Galega de Confrarías de Pescadores para que efectúen as alegacións que estimen convenientes. O devandito prazo poderá reducirse a cinco días naqueles casos en que o transcurso daquel prazo poida levar consigo prexuízos de imposible ou difícil reparación.

2. O decreto que acorde a intervención administrativa determinará o seu prazo de duración, que non poderá exceder de seis meses, prorrogables por outro período de igual duración, mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de confrarías, así como do órgano xestor ou dun ou varios interventores, que terán as funcións de xestión ordinaria e defensa dos intereses da confraría.

3. Se, transcorrido o prazo de intervención administrativa, subsistiren as razóns que deron lugar a esta, procederase, mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de confrarías, á disolución dos órganos de goberno das confrarías, así como á convocatoria de novas eleccións, e manterase nas súas funcións, ata a constitución dos novos órganos reitores, o órgano ou interventor designado. No caso de que os órganos xestores ou o interventor ou interventores nomeados para o efecto consideraren inviable economicamente a continuidade da confraría, poderán elevar proposta de disolución ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto, logo da audiencia dos seus órganos reitores e da Federación Galega de Confrarías.

4. O decreto de disolución a que se refire o apartado anterior terá o seguinte contido mínimo:

– Mantemento do órgano xestor ou do interventor ou interventores no exercicio das súas funcións ata a apertura da fase de liquidación.

– Chamamento aos posibles acredores da confraría para que poñan en coñecemento do xestor ou dos interventores a existencia de créditos ao seu favor; todo iso no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación.

5. O órgano xestor ou os interventores elaborarán, no prazo máximo dun mes desde o seu nomeamento, un inventario, que conterá a relación e a valoración dos bens e dereitos da confraría, con expresión da súa natureza, características, gravames, trabas, cargas e calquera outro elemento relevante para efectos da súa identificación e valoración, que, en todo caso, se realizará conforme o seu valor de mercado.

6. O órgano xestor ou os interventores elaborarán, no prazo máximo de 45 días desde o seu nomeamento, unha relación de acredores e dos seus respectivos créditos fronte á confraría; todos eles computados en diñeiro e expresados en moeda de curso legal. Esta relación recollerá nome, domicilio e demais datos de identidade do acredor, así como os relativos ao crédito, ao seu concepto, contía, datas de adquisición e vencemento, características, garantías e calquera outro elemento relevante para efectos da súa identificación e valoración.

7. Determinados o inventario de activos e a relación de créditos e acredores previstos no artigo anterior, a administración tutelante, por instancia do órgano xestor ou dos interventores, acordará a apertura da fase de liquidación, que será obxecto, de ser o caso, de notificación aos acredores comparecidos no procedemento e aos órganos xurisdicionais que estean coñecendo de causas pendentes, se for o caso, así como de publicación no Diario Oficial de Galicia.

8. A orde que acorde a apertura da fase de liquidación terá o seguinte contido mínimo:

a) Deber de incorporar á denominación da confraría a expresión «en liquidación».

b) Medidas necesarias para garantir que as persoas físicas e xurídicas do ámbito territorial da confraría que se vai extinguir reciban os servizos propios das confrarías. Poderánselles asignar as súas funcións ás confrarías estremeiras mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da administración tutelante, tendo en conta a concorrencia e os principios de viabilidade, solvencia e proximidade, por esta orde.

9. Finalizadas as operacións de liquidación, o órgano xestor ou os interventores remitirán á administración tutelante un informe completo sobre as devanditas operacións e un balance final.

10. Concluídas as operacións de liquidación e recibido o correspondente informe e o balance final, a administración tutelante elevará unha proposta de extinción ao Consello da Xunta, na que se incluirán os seguintes puntos:

a) Aprobación do informe e balance final presentado polo órgano xestor ou polos interventores.

b) Declaración de extinción da confraría.

c) Pronunciamento sobre o destino dos bens e dereitos resultantes do procedemento de liquidación que, se é o caso, poidan existir.

d) Determinación do órgano que asumirá as funcións da confraría que se vai extinguir, de conformidade co previsto no punto 8.

11. O acordo de extinción realizarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

12. No suposto de disolución, liquidación e extinción previsto neste artigo, a función de tutela administrativa que exerza a consellaría competente en materia de confrarías comprenderá o coñecemento e a dirección do correspondente procedemento, así como a adopción das medidas necesarias para garantir a prestación dos servizos propios das confrarías sen que a administración tutelante quede directa ou indirectamente vinculada polos saldos debedores derivados da liquidación, dos cales responderá exclusivamente o patrimonio da confraría extinguida.

13. O exercicio das funcións de tutela non implicará, en ningún caso, a asunción de responsabilidade ningunha, nin principal nin subsidiaria, por parte da administración tutelante en relación c os dereitos e obrigas derivados das actuacións das confrarías no ámbito das súas actividades.

Artigo 12. Federacións de confrarías.

1. Dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, as confrarías poderán federarse, sen que isto implique a perda da súa propia personalidade. As federacións de confrarías posuirán personalidade xurídica e plena capacidade de obrar e terán que agrupar unidades territoriais homoxéneas desde o punto de vista socio-económico.

2. A creación e, se é o caso, disolución de federacións serán aprobadas mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo de acordo maioritario das xuntas xerais das respectivas confrarías.

3. As federacións poderán asumir no seu ámbito territorial as funcións propias das seccións de organización da producción das confrarías que as integran nas mesmas condicións cás fixadas para estas, determinándoo nos estatutos.

4. Regulamentariamente determinaranse as clases e a composición dos órganos rectores das federacións, así como todos aqueles aspectos que afecten a súa organización e o seu funcionamento.

Artigo 13. Outras modalidades de asociación e de colaboración.

1. As confrarías poderán acudir a modalidades asociativas distintas da federación, destinadas á xestión de determinados servicios de interese común, de acordo coa lexislación que lles sexa aplicable.

2. Así mesmo, as confrarías ou as súas federacións están facultadas para establecer, entre si ou con outras entidades, convenios de colaboración, sempre que teñan un obxecto lícito e a súa consecución redunde nun mellor cumprimento dos seus fins.

3. Dos acordos de asociación e convenios de colaboración que se celebren deberá dárselle conta á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 14. Rexistro.

Créase o Rexistro de Confrarías e das súas federacións, no que se inscribirán as existentes e tódolos actos que afecten a súa estructura e mailo seu funcionamento.

Artigo 15. Creación, fusión e disolución de confrarías4.

1. A creación de novas confrarías requirirá o acordo maioritario de, polo menos, as tres cuartas partes dos profesionais legalmente habilitados no ámbito territorial que se pretenda establecer, xa sexan ou non membros doutras confrarías. Formalizado o acordo, o Consello da Xunta aprobará, mediante decreto, a súa creación.

2. A fusión e disolución de confrarías precisarán do acordo das respectivas asembleas por maioría das tres cuartas partes dos seus membros e da aprobación pola consellaría competente en materia de confrarías de pescadores, sen prexuízo do procedemento especial establecido no artigo 11 bis.

3. Regulamentariamente determinaranse as consecuencias que produzan a fusión ou a disolución de confrarías. A disolución de confrarías supoñerá a perda das concesións e autorizacións administrativas para o exercicio das actividades de marisqueo ou cultivos mariños que posúan, sen prexuízo do que prevexan os estatutos da confraría afectada en canto ao destino do seu patrimonio. No suposto de fusión de confrarías, a nova entidade resultante subrogarase nos dereitos e obrigas que tiñan as entidades fusionadas, así como na titularidade das concesións e autorizacións para o exercicio das actividades de marisqueo ou cultivos mariños, e a confraría resultante deberá cumprir as condicións e prescricións da concesión ou autorización ou de calquera outra obriga exixida legal ou regulamentariamente.

Disposicións adicionais

Disposición adicional primeira

A convocatoria e o desenvolvemento das eleccións para a renovación e, se é o caso, primeira constitución dos órganos rectores das confrarías realizaranse de acordo coas bases xenéricas que para todo o territorio da Comunidade Autónoma aprobe a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Disposición adicional segunda

A fusión ou a disolución de confrarías levarán aparellada a modificación do cadro orgánico funcionarial delas e, se é o caso, a adscrición provisional dos funcionarios afectados a outros postos de traballo similares ou, non sendo iso posible, a súa declaración como excedente forzoso.

Disposición adicional terceira

Recoñécense como confrarías e federacións de ámbito galego as existentes á entrada en vigor desta lei.

Disposicións transitorias

Disposición transitoria primeira

No prazo máximo de un ano, contado desde a entrada en vigor da presente lei, as confrarías actualmente existentes e as súas federacións acomodarán, se fose preciso, os seus estatutos e demais normas polas que se rexan ós preceptos contidos nela.

Disposición transitoria segunda

A celebración das primeiras eleccións que se realicen a partir da entrada en vigor da presente lei supoñerá a disolución dos órganos rectores ata esa data constituídos.

Disposicións derradeiras

Disposición derradeira primeira

Autorízase o Consello da Xunta para que dicte as normas regulamentarias necesarias para o desenvolvemento e a execución da presente lei.5

Disposición derradeira segunda

En tanto non se dicten as normas regulamentarias ás que fai referencia a disposición anterior, continuará en vigor, en canto non se opoña á presente lei, o Decreto 237/1991, do 4 de xullo, de medidas provisionais sobre as normas de actuación e regulación das actividades nas confrarías de pescadores.

Disposición derradeira terceira

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 1993

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm.134, do 15 de xullo 1993. Corrección de erros publicada no DOG núm. 136, do 19 de xullo de 1993. A Lei foi derrogada pola disposición derrogatoria única, apartado b, da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia (DOG núm 243, do 16 de decembro de 2008) e posteriormente declarada expresamente vixente pola disposición adicional única, apartado a, da Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia (DOG núm. 243, do 15 de decembro de 2019).

2 Artigo 11 apartado 2 bis engadido pola disposición adicional quinta da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo (DOG núm. 84, do 2 de maio de 2002).

3 Artigo 11 bis engadido polo artigo 21 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 31 de decembro de 2015).

4 Redacción do artigo 15 apartado 2 dada polo artigo 22 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 31 de decembro de 2015). Redacción do apartado 3 do artigo 15 apartado 3 dada polo por artigo 13da Lei 9/2017, do 26 de decembro (DOG Núm. 245, 28 de decembro de 2017).

5 Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións.