Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia

Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia1

Desde a creación, a finais do século XIX, das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación ata os nosos días, estas corporacións de dereito público teñen pasado por diversas etapas, derivadas tanto de factores económicos ou sociais como políticos ou xurídicos.

Destas etapas é importante destacar como feitos xurídicos relevantes, por un lado, a Lei de bases de 1911, onde se estableceu o modelo continental de adscrición forzosa e pagamento obrigatorio de cotas, e, por outro, a Lei 3/1993, do 2 de marzo, básica das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, ditada ao abeiro do artigo 149.1.18 da Constitución española, onde se establece o marco xurídico para a regulación destas corporacións, adaptando á nova configuración xurídico-política do Estado que deriva do texto constitucional as estruturas xurídicas ás que se deben someter as cámaras.

Nesta nova organización política do Estado, e no denominado bloque da constitucionalidade, atópase o Estatuto de autonomía de Galicia, onde, no seu artigo 27.29, se lle outorga á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de cámaras de comercio, industria e navegación.

Dentro deste urdido xurídico-político incardínase a Lei de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, coa que se pretende, por unha parte, completar o soporte xurídico estable, adaptándoo á realidade galega, e imposto, se non dunha forma positiva e preceptiva pola Lei básica de 1993, si de forma negativa ao deixar á lexislación das comunidades autónomas o desenvolvemento dos seus preceptos, e, por outra, ao servir de soporte a estas institucións para afrontar os novos retos que se impoñen, tanto desde o punto de vista social e económico como das novas tendencias da ciencia da administración, onde a administración pública, noutros tempos omnipresente, require, cada vez máis, de colaboracións de entidades externas que coadxuven á consecución de fins públicos, aspectos estes onde as cámaras se manifestaron, desde a súa creación en 1886, como organizacións especialmente eficaces, pola súa dobre condición de entidades de representación de intereses económicos e de colaboradoras da administración pública.

Con esta lei vénse completar o marco normativo das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, remitindo en varios dos seus preceptos a normas regulamentarias que permitirán ir axustando a vida cameral ás diversas vicisitudes nas que se atopen, todo isto sen necesidade de modificar a normativa de superior rango. En suma, preténdese, por unha parte, darlle unha estabilidade á actuación das cámaras e, por outra, establecer un mecanismo que evite determinadas ataduras xurídicas que impidan a evolución destas corporacións, de seu áxiles como consecuencia dos intereses que representan.

Por outra parte, esta lei pretende dotar dos instrumentos adecuados para, respectando a diversidade de cada institución, buscar o consenso para a realización de programas de acción conxunta de todas as cámaras, proxectando unha idea homoxénea da institución e un proxecto de sistema cameral galego, a partir dunhas cámaras localmente fortes, plural e efectivo, con lexitimidade social e adecuada formación, que é o obxectivo por conseguir, mediante a creación do Consello Galego de Cámaras, que nace como o órgano de coordinación e impulso de actuacións mancomunadas de todas as cámaras, buscando a obtención dunhas maiores economías de escala. Unha maior aproximación a todas as empresas de cada demarcación, adecuando os instrumentos que posúen as cámaras á esencia dos servizos que hai que prestar, e a busca dun marco de colaboración coas asociacións empresariais que permita que as súas actuacións se complementen, son igualmente obxectivos que se marcan coa creación da dita corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Dentro destes desenvolvementos regulamentarios é importante destacar os regulamentos de réxime interior das cámaras, a través dos que se pretende que a regulamentación de cada unha das cámaras se adapte o máximo posible á súa propia realidade intrínseca, evitando que a busca dunha uniformidade excesiva supoña unha mingua da eficacia dunhas cámaras respecto doutras. Neste ámbito son abundantes as remisións aos regulamentos de réxime interior, permanecendo os preceptos da lei como meramente supletorios en defecto de previsións nos ditos regulamentos.

Hai que significar que esta lei asenta ao longo do seu articulado un tratamento igualitario na linguaxe, así como a promoción do uso da lingua galega por parte destas corporacións.

Esta lei estrutúrase en sete capítulos.

No capítulo I, dedicado ás disposicións xerais, mantense o carácter tradicional de corporacións de dereito público das cámaras, sen esquecer a posibilidade de persecución de intereses privados. En canto ás funcións de carácter público que se lles encomendan, ademais das establecidas na Lei 3/1993, asígnanse outras, nas que se pon de manifesto o carácter de entidades colaboradoras coa administración; colaboración que se reforza a través da previsión de delegación de funcións e de encomenda de xestión que pode realizar a administración pública galega nas ditas corporacións.

Así mesmo, débese destacar a importancia que a lei lle concede á promoción do comercio no exterior, do turismo e dos produtos galegos.

No capítulo II, relativo ao ámbito territorial, preténdese tanto o mantemento da situación actual como, para o mellor cumprimento das súas funcións, prever a posibilidade de disolución, creación, fusión ou integración de cámaras e modificación da súa demarcación cameral, buscando sempre unha tendencia cara á unificación de recursos e o mantemento de representación destas corporacións en todo o territorio. Representación que se consegue tanto pola exixencia dunha cámara en cada provincia como coa previsión de creación de delegacións.

O capítulo III, dedicado á organización, atópase dividido en seis seccións. Nas catro primeiras regúlanse os órganos de goberno das cámaras, sendo estes o pleno, o comité executivo e a presidencia, estando integrado o comité executivo por quen ocupe a presidencia da corporación, as vicepresidencias e a tesouraría e mais por un número de vogais que non poderá ser inferior a tres nin superior a seis. En canto aos ditos órganos de goberno, as funcións máis importantes que desenvolverán as cámaras resérvanselle ao pleno da corporación, permitíndose en determinados casos facer uso da delegación delas. Na sección quinta establécense os criterios xerais polos que se debe rexer o persoal das cámaras, onde, sen prexuízo do seu carácter de persoal sometido ao dereito laboral, se trata de garantir a súa imparcialidade, independencia e profesionalidade no desenvolvemento das funcións que as cámaras teñen encomendadas. Dentro deste ámbito é importante destacar a secretaría xeral, que, encargada de velar pola legalidade dos acordos dos órganos de goberno, haberá de exercer as súas funcións con imparcialidade e estrito sometemento á legalidade. Na sección sexta, dedicada ao regulamento de réxime interior, establécense os criterios mínimos, tanto de contido como de estrutura, aos que se deben adaptar aqueles, partindo sempre da liberdade das cámaras, que respectando as normas imperativas regulen a súa organización da forma máis adecuada á súa propia idiosincrasia, todo isto sen manter allea a administración, tanto desde o punto de vista da aprobación dos regulamentos como da posibilidade de promover a súa modificación.

No capítulo IV, baixo a rúbrica do réxime electoral, respéctase a tradición electoral destas corporacións, mantendo o sistema de elección por medio de grupos e categorías, facilitándose, así mesmo, a participación, mediante a posibilidade de poder emitir o voto por correo.

O capítulo V está dedicado ao réxime económico e orzamentario, no que se recollen as vías de ingresos e a obriga de elaboración e liquidación de orzamentos, así como o sistema contable e os mecanismos de control financeiro destas corporacións, afondando no principio de autofinanciamento parcial instaurado pola lei básica e no sistema de fiscalización pública dos orzamentos.

No capítulo VI créase e regúlase o Consello Galego de Cámaras, configurándoo como unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. Con isto preténdese, fundamentalmente, dar satisfacción a determinados intereses que afectan a toda a Comunidade Autónoma e que dificilmente pode satisfacer cada unha das cámaras de forma illada, sendo o órgano de coordinación e impulso de actuacións comúns das cámaras, obtendo así unha mellor asignación dos recursos dispoñibles, sen prexuízo do seu carácter de órgano de colaboración coa Administración autonómica.

O capítulo VII está dedicado ao réxime xurídico, onde, de acordo co previsto na Lei 3/1993, se somete a contratación e o réxime patrimonial ao dereito privado, debendo respectarse os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade. Por outra parte, e ante a eventualidade dunha posible inactividade da administración pública nas súas funcións de tutela, que podería impedir o normal funcionamento das cámaras, establécese o silencio administrativo como positivo para os supostos de que non se resolvese expresamente. No ámbito da suspensión e disolución dos órganos de goberno das cámaras, ademais de recoller o xa previsto na Lei básica de 1993, establécese un prazo de alegacións de quince días, que en casos extraordinarios pode ser reducido a cinco, de tal forma que dentro dos procedementos de suspensión e disolución se establece como preceptivo darlle cumprimento ao principio de contradición.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto a regulación das cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a creación e regulación do Consello Galego de Cámaras.

Artigo 2º.-Natureza xurídica.

As cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación da Comunidade Autónoma de Galicia son corporacións de dereito público e configúranse como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, especialmente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, sen menoscabo dos intereses privados que perseguen. Para o cumprimento dos seus fins gozarán de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar. A súa estrutura e funcionamento deberán ser democráticos.

Artigo 3º.-Finalidade.

As cámaras, de acordo co establecido no artigo 1.2 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, ademais do exercicio das funcións de carácter público que lles atribúe a presente lei e das que lles poidan encomendar ou delegar as administracións públicas, teñen como finalidade a representación, promoción e defensa dos intereses xerais do comercio, a industria e, se é o caso, a navegación. Así mesmo terán como finalidade a prestación de servizos ás empresas que exerzan as indicadas actividades, sen prexuízo da liberdade sindical e de asociación empresarial e da representatividade e actuacións doutras organizacións empresariais ou sociais legalmente constituídas.

Artigo 4. Funcións2

1. As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia terán as funcións de carácter público-administrativo recollidas no punto 1 do artigo 5 da Lei 4/2014, do 1 de abril, de cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación.

2. Tamén lles corresponderá ás cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolver as funcións público-administrativas que se enumeran a continuación, na forma e coa extensión que se determine, de ser o caso, regulamentariamente:

a) Proporlles aos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia cantas reformas ou medidas consideren necesarias ou convenientes para o fomento do comercio, a industria, os servizos e a navegación.

b) Colaborar na elaboración, desenvolvemento, execución e seguimento dos plans que se deseñen para o incremento da competitividade do comercio, a industria, os servizos e a navegación.

c) Colaborar cos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia como órganos de apoio e asesoramento para a creación de empresas.

d) Colaborar cos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a realización de actuacións materiais para a comprobación do cumprimento dos requisitos legais e a verificación de establecementos mercantís e industriais, cumprindo co establecido na normativa xeral e sectorial vixente.

e) Elaborar as estatísticas, enquisas de avaliación e estudos que consideren necesarios para o exercicio das súas competencias.

f) Promover e cooperar na organización de feiras e exposicións.

g) Colaborar nos programas de formación establecidos por centros docentes públicos ou privados e, se é o caso, polos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Emitir informe sobre os proxectos de normas emanados da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten directamente os intereses xerais do comercio, a industria, os servizos ou a navegación, nos casos e co alcance que o ordenamento xurídico determine.

i) Tramitar os programas públicos de axudas ás empresas nos termos que se establezan en cada caso, así como xestionar servizos públicos relacionados con estas, cando a súa xestión lle corresponda á Administración autonómica e sempre que así se estableza nas súas respectivas normas.

j) Colaborar coa administración competente emitindo informes sobre os estudos, traballos e accións que se realicen para a promoción do comercio, a industria, os servizos e a navegación.

k) Contribuír á promoción do turismo no marco da cooperación e colaboración cos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) Colaborar cos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia para facilitar información e orientación sobre o procedemento de avaliación e acreditación para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, así como na achega de instalacións e servizos para a realización dalgunhas fases do procedemento, cando as devanditas administracións o establezan.

m) As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia tamén poderán desenvolver calquera outra función que os órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das súas competencias, consideren necesarias.

3. As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia poderán levar a cabo outras actividades, que terán carácter privado e se prestarán en réxime de libre competencia, que contribúan á defensa, apoio ou fomento do comercio, a industria, os servizos e a navegación, ou que sexan de utilidade para o desenvolvemento das indicadas finalidades e, en especial, establecer servizos de información e asesoramento empresarial. Así mesmo, poderán difundir e impartir formación en relación coa organización e xestión da empresa, prestar servizos de certificación e homologación das empresas e crear, xestionar e administrar bolsas de franquía, de subprodutos, de subcontratación e de residuos, así como lonxas de contratación, cumprindo os requisitos exixidos na normativa sectorial vixente para o exercicio destas actividades.

Tamén poderán desempeñar actividades de mediación, así como de arbitraxe mercantil, nacional e internacional, conforme o establecido na lexislación vixente.

4. Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, e logo da autorización do órgano competente da Administración autonómica en materia de cámaras, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia poderán promover ou participar en toda clase de asociacións, fundacións e sociedades civís ou mercantís, así como subscribir os oportunos convenios de colaboración.

Para o outorgamento da devandita autorización deberá xustificarse a necesidade ou conveniencia da promoción ou participación prevista. Igualmente, o órgano competente da Administración autonómica en materia de cámaras poderá denegar a autorización cando a cámara solicitante non acreditase, con carácter previo, que a súa participación nas entidades e convenios sinalados non afecta o mantemento do seu equilibrio orzamentario.

5. A autorización á que fai referencia o punto anterior non implicará, en ningún caso, a asunción de responsabilidade ningunha, nin principal nin subsidiaria, por parte da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en relación cos dereitos e obrigas derivados das actuacións das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das súas actividades privadas.

6. Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras e as administracións públicas, poderán subscribir convenios dos previstos nas letras c) e d) do artigo 4.1 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, cando se dean os supostos para iso, e celebrar contratos nos que as administracións públicas se acomodarán ás prescricións do citado texto refundido e servirse dos restantes instrumentos permitidos polo ordenamento xurídico vixente. No desenvolvemento das funcións público-administrativas garantirase unha adecuada coordinación coas administracións públicas mediante a sinatura dos oportunos instrumentos de colaboración, así como a través dos plans de actuacións que, se é o caso, diten os órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia por razón da materia. Así mesmo, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e o Consello Galego de Cámaras poderán subscribir convenios ou outros instrumentos de colaboración para garantir unha adecuada coordinación das súas actuacións coas levadas a cabo polas organizacións empresariais.

7. No desenvolvemento das funcións público-administrativas, as cámaras garantirán a súa imparcialidade e transparencia.

8. No desenvolvemento das funcións público-administrativas, as cámaras axustaranse ao previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia.

9. No desenvolvemento de todas as actividades, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras, respectarán as condicións de accesibilidade das persoas con discapacidade nos termos que estableza a normativa de aplicación.

A información que se facilite, en calquera formato, e, en xeral, os servizos de atención ao destinatario e as súas instalacións, deberán ser accesibles ás persoas con discapacidade, para o que se terán en conta as necesidades dos distintos tipos de discapacidade, se porán á disposición os medios e os apoios e se realizarán os axustes razoables que sexan precisos.

Artigo 5º.-Delegación de funcións e encomenda de xestión.

1. O Consello da Xunta de Galicia, logo do informe do Consello Galego de Cámaras, poderá delegar en todas ou nalgunha das cámaras o exercicio de funcións ou a xestión de actividades atribuídas á Administración da Comunidade Autónoma, sempre que sexan plenamente compatibles coa súa natureza e funcións. Na tramitación do expediente, que haberá de acreditar a concorrencia de circunstancias técnicas, económicas, sociais, xurídicas ou territoriais que aconsellen a delegación, darase audiencia á cámara ou cámaras afectadas.

2. A Administración autonómica poderalles encomendar ás cámaras a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos da súa competencia cando razóns de eficacia ou de carencia de medios técnicos idóneos para o seu desempeño así o aconsellen. A encomenda de xestión formalizarase a través dun convenio entre a Administración da Comunidade Autónoma e a cámara ou cámaras afectadas no que se fará constar a actividade ou actividades obxecto da encomenda, o prazo de vixencia desta, a natureza e alcance da xestión encomendada e, se é o caso, os medios económicos que se habilitan por ambas as partes. Toda encomenda de xestión deberá ser obxecto de informe previo polo Consello Galego de Cámaras.

Artigo 6º.-Servizos mínimos obrigatorios.

A Administración autonómica poderá, logo do informe favorable do Consello Galego de Cámaras, declarar servizos mínimos obrigatorios para cada cámara respecto das funcións previstas no artigo 4 desta lei, con audiencia das cámaras afectadas naqueles casos en que os servizos mínimos non tiveran carácter xeral para todas elas.

Capítulo II

Ámbito territorial

Artigo 7. Ámbito territorial3

1. Poderán existir cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de ámbito autonómico, provincial e local e coexistir cámaras de distinto ámbito territorial.

2. En cada provincia existirá, polo menos, unha cámara oficial de comercio, industria, servizos e, de ser o caso, navegación, sen prexuízo de que as súas funcións e servizos poidan ser desempeñadas por outra das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido, as funcións e servizos dunha cámara poderán ser asumidos por calquera das restantes cámaras da Comunidade Autónoma de Galicia, nos supostos e co alcance que se determinen na presente lei e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 8. Requisitos e supostos de creación de cámaras4

1. A creación de novas cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación unicamente poderá realizarse sobre a base de intereses comerciais, industriais, de servizos e navieiros específicos e sempre que a cámara resultante conte con recursos suficientes para o cumprimento satisfactorio das súas funcións e non supoña mingua na calidade dos servizos que viñan sendo prestados.

2. Poderán crearse novas cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación:

a) Por fusión de dúas ou máis cámaras. O procedemento iniciarase cos acordos, por maioría absoluta dos membros dos plenos, favorables á fusión das distintas cámaras afectadas.

b) Por integración dunha ou máis cámaras. Pode iniciarse o procedemento cando unha cámara, durante catro exercicios consecutivos, liquide cun déficit superior ao 20 % dos seus ingresos ou cando a administración tutelante, tendo en conta os intereses xerais do comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e logo do informe do Consello Galego de Cámaras, o considere conveniente.

Artigo 9º.-Disolución de cámaras.

As cámaras de ámbito infraprovincial poderán disolverse por acordo do pleno respectivo adoptado en sesión convocada para o efecto. Para a validez do acordo requirirase o voto favorable de dúas terceiras partes dos membros do pleno e posterior aprobación polo Consello da Xunta. A Administración autónoma determinará, logo do informe do Consello Galego de Cámaras, a corporación na que deba integrarse a cámara disolta, podendo incorporarse a varias xa existentes, establecéndose neste caso as novas demarcacións camerais.

Artigo 10. Modificación de demarcacións territoriais5

O Consello da Xunta de Galicia poderá alterar a demarcación territorial das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Cando estas, conxuntamente, así o acorden por maioría de dous terzos dos membros dos seus respectivos plenos.

b) Cando o soliciten máis de dous terzos do electorado dos termos municipais que se pretendan segregar dunha cámara, sempre que conten co acordo do pleno da cámara á que vaian ser agregados.

c) Cando, como consecuencia dun proceso de liquidación de cámaras, sexa precisa a integración da súa demarcación territorial noutra cámara.

d) Cando a administración tutelante, tendo en conta os intereses xerais do comercio, a industria, os servizos e a navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e logo do informe do Consello Galego de Cámaras, o estime conveniente.

Artigo 11º.-Normas comúns para os procedementos de creación, disolución e modificación das demarcacións camerais.

1. A creación, a disolución e a modificación das demarcacións camerais realizarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

2. Nos supostos de fusión, disolución e modificación da demarcación cameral a instancia do pleno ou do electorado de acordo co previsto no artigo 10.a) e b), requirirase autorización do órgano tutelar, que poderá denegala por medio de resolución motivada. Transcorridos seis meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano tutelar sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada. Nos devanditos supostos, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia o acordo cameral ou a solicitude do electorado que promove o expediente.

3. Nos supostos de creación dunha nova cámara ou modificación da súa demarcación, promovidas polo órgano tutelar, o procedemento iniciarase mediante a publicación da orde correspondente.

4. En todos os casos, agás no suposto de disolución, será preceptiva a audiencia da cámara ou cámaras afectadas, así como o informe do Consello Galego de Cámaras.

Artigo 12º.-Creación de delegacións.

1. Co fin de garantir en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia o eficaz e pleno cumprimento das funcións de carácter público-administrativo que se lles atribúen ás cámaras, así como a mellor prestación dos seus servizos, estas poderán crear delegacións naquelas áreas ou zonas nas que a súa importancia económica o aconselle, dentro da súa demarcación territorial.

2. O órgano tutelar poderá recomendarlles ás cámaras o establecemento de delegacións cando exista un núcleo de empresas suficientemente representativas para xustificar a proximidade dos servizos.

3. En cada delegación existirá un delegado que será designado e separado polo pleno da cámara. O procedemento de designación e cesamento e as súas funcións determinaranse no regulamento de réxime interior de cada cámara.

Capítulo III

Organización

Artigo 13º.-Órganos de goberno das cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación de Galicia.

Os órganos de goberno das cámaras son o pleno, o comité executivo e a presidencia.

Sección 1ª

Do pleno

Artigo 14. Pleno6

1. O pleno é o órgano supremo de goberno e representación da cámara, que estará composto por un número de vogais determinado no regulamento de réxime interior de cada cámara e que en ningún caso será inferior a 10 nin superior a 60 vogais. O seu mandato durará catro anos.

2. O pleno terá a seguinte composición:

a) Vogais de elección directa, que serán, como mínimo, dous terzos dos vogais do pleno, elixidos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto entre todas as persoas físicas e xurídicas que exerzan unha actividade comercial, industrial, de servizos ou de navegación na demarcación, de acordo coa clasificación en grupos e categorías que se estableza regulamentariamente conforme os criterios establecidos na lexislación básica estatal.

b) Representantes das empresas e persoas de recoñecido prestixio na vida económica dentro da circunscrición de cada cámara que realicen achegas voluntarias a esta, efectivas e satisfeitas, por proposta das organizacións empresariais intersectoriais e territoriais máis representativas. Para este fin, as citadas organizacións empresariais presentarán á administración tutelante unha lista de candidatos propostos, en número que corresponda ás vogalías que hai que cubrir. O número dos vogais deste grupo representará un sexto do número total dos vogais do pleno.

c) Representantes das empresas de maior achega voluntaria na demarcación de cada cámara. Estes vogais serán elixidos de entre as empresas que realizasen achegas económicas voluntarias, efectivas e satisfeitas, que superen o limiar que determine o regulamento de réxime interior de cada cámara. O seu número representará un sexto do número total dos vogais do pleno. A xunta electoral proclamará electas as empresas que realicen as maiores achegas na demarcación, segundo a información facilitada pola secretaría xeral da cámara, no número de vogalías que se deben cubrir. No caso de existir empate entre estas a xunta electoral proclamará electa a empresa con maior antigüidade no censo da cámara e, de persistir o empate, resolverá mediante sorteo.

Para a determinación, elección e proclamación dos vogais previstos nas letras b) e c) deste artigo, a xunta electoral requiriralle un informe ao secretario xeral de cada cámara. As empresas con achega económica voluntaria deberán adquirir o compromiso de manter as devanditas achegas ata a realización de novas eleccións. No caso de non manterse as devanditas achegas económicas, declararase a súa vacante no pleno e procederase á elección de novos membros deste.

De non conseguir que se cubran os vogais previstos nas letras b) e c), ben por ausencia de empresas que realicen achegas voluntarias, ben porque as devanditas empresas non designasen representantes no pleno, estas vacantes quedarán sen cubrir ata que existan empresas que se adhiran á cámara co compromiso de realizar achegas voluntarias ou que as xa adheridas designen representantes no pleno, momento no que se cubrirán as vacantes mediante elección entre as devanditas empresas na forma prevista.

3. Poderán asistir ás reunións do pleno, con voz pero sen voto, as persoas de recoñecido prestixio da vida económica do ámbito territorial de demarcación da cámara. Para tal fin, o presidente proporalles aos vogais unha lista de candidatos que supere nun terzo o número de vogalías que hai que elixir. O número de persoas elixibles conforme este punto non poderá exceder do 20 % do total de vogais do pleno.

4. Os vogais das letras a), b) e c) elixirán o presidente da cámara así como as persoas de recoñecido prestixio previstas no punto 3.

5. O secretario xeral e o director xerente, de o haber, asistirán, con voz pero sen voto, ás reunións do pleno.

6. A condición de membro do pleno é única e indelegable, e non ten carácter retribuído.

7. Os membros do pleno teñen o dereito e o deber de asistir ás sesións que este realice.

8. O pleno cesa tras a convocatoria de eleccións, e permanece en funcións ata a toma de posesión dos seus novos membros.

9. Regulamentariamente determinarase o réxime de provisión de vacantes no pleno.

Artigo 15º.-Atribucións7.

1. Como órgano supremo da cámara, correspóndenlle ao pleno as seguintes atribucións:

a) A elección e cesamento de quen exerza a presidencia.

b) O control e fiscalización dos demais órganos de goberno da cámara.

c) A aprobación provisional do regulamento de réxime interior e das súas modificacións, para a súa remisión ao órgano tutelar para os efectos da súa aprobación definitiva.

d) A aprobación dos convenios de colaboración e cooperación coas administracións públicas e con calquera outra entidade.

e) A adopción dos acordos relativos á creación ou participación da cámara en asociacións, fundacións e sociedades civís ou mercantís, así como dos acordos para a súa supresión ou finalización da participación.

f) A aprobación, por proposta do comité executivo, do cadro de persoal, así como dos criterios para a súa cobertura.

g) A aprobación inicial do orzamento e das contas anuais da cámara, así como o seu sometemento ao órgano tutelar para a súa aprobación definitiva.

h) A elección e cesamento dos membros do pleno que teñan que formar parte do comité executivo.

i) A aprobación inicial das bases da convocatoria para a provisión do posto de quen ocupe a secretaría xeral.

j) O nomeamento e cesamento de quen ocupe a secretaría xeral.

k) O nomeamento e cesamento do persoal de alta dirección ao servizo da cámara.

l) A aprobación dos informes que se teñan que remitir ás administracións públicas.

m) A adopción de acordos sobre o exercicio de accións e a interposición de recursos ante calquera xurisdición.

n) O alleamento de patrimonio e a concertación de operacións de crédito.

ñ) A aprobación dos plans anuais de actuación e xestión da cámara.

o) A constitución de comisións consultivas e de ponencias.

p) O nomeamento de representantes da cámara noutras entidades.

q) Cantas outras atribucións lle confiran as leis expresamente.

2. Conforme o procedemento previsto no regulamento de réxime interior, o pleno da cámara poderá delegar e revogar, sen prexuízo da súa comunicación ao órgano tutelar, o exercicio das súas atribucións no comité executivo, agás as atribucións previstas nas alíneas a), b), c), e), f), h), j) e n) do número un deste artigo. No caso de cámaras que conten con plenos compostos por un número de vogais inferior a 50, non poderán ser obxecto de delegación as atribucións enumeradas nas alíneas a), b), c), e), f), g), h), i), j), k) e n) do número un deste artigo.

As delegacións en materia de xestión financeira decaerán automaticamente coa aprobación de cada orzamento anual. En calquera caso, as delegacións conferidas polo pleno non poderán exceder do seu período de mandato, e extinguiranse automaticamente no momento en que se renove o pleno da cámara

Sección 2ª

Do comité executivo

Artigo 16º.-Composición.

1. O comité executivo é o órgano permanente de xestión, administración e proposta da cámara, que

será elixido polo pleno de entre os seus vogais con dereito a voto e por un mandato de duración igual ao destes e estará formado polas persoas que ocupen a presidencia, dunha a tres vicepresidencias, a tesouraría e un número de vogais que non será superior a seis nin inferior a tres, que se fixará no regulamento de réxime interior de cada cámara. Os cargos do comité executivo non serán remunerados.

2. O órgano tutelar poderá nomear unha persoa representante da Administración autonómica que, sen condición de membro, terá voz pero non voto nas sesións do comité executivo, ás que deberá ser convocada nas mesmas condicións que os seus membros.

3. No regulamento de réxime interior de cada cámara, preverase o exercicio das funcións dos membros do comité executivo nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

Artigo 17º.-Atribucións.

Correspóndenlle ao comité executivo as seguintes atribucións:

a) Realizar ou ordenar a realización de informes e estudos relacionados cos fins da corporación.

b) Propoñerlle ao pleno os plans anuais de actuación e xestión corporativa, así como realizar e dirixir os xa aprobados, dándolle conta a aquel do seu cumprimento.

c) Elaborar os proxectos de orzamentos e presentalos ao pleno para a súa aprobación.

d) Confeccionar as liquidacións de orzamentos e as contas anuais e presentalas ao pleno para a súa aprobación.

e) Elaborar os proxectos do cadro de persoal, así como os criterios para a súa cobertura, para a súa aprobación polo pleno.

f) A contratación do persoal, agás o de alta dirección.

g) Aprobar as resolucións correspondentes á liquidación, así como as relativas á recadación do recurso cameral permanente.

h) Aprobar e revisar o censo electoral e resolver as impugnacións a este.

i) En casos de urxencia debidamente motivada, adoptar acordos sobre materias competencia do pleno susceptibles de delegación, dándolle conta a este para que proceda á súa ratificación na primeira sesión que realice e que terá lugar, como máximo, no prazo de trinta días.

j) Velar polo normal funcionamento dos servizos da cámara.

k) Exercer as competencias que lle sexan delegadas ou encomendadas polo pleno.

l) Exercer aquelas competencias da cámara que non estean expresamente atribuídas a outro órgano.

Artigo 18º.-Perda da condición de membro do pleno e do comité executivo.

1. Ademais de pola causa prevista no artigo 14.5, a condición de membro do pleno perderase, coas garantías e réxime de recursos establecidos nesta lei, por algunha das seguinte causas:

a) Cando desapareza calquera dos requisitos legais de elixibilidade que concorreron para a súa elección.

b) Por resolución administrativa ou xudicial firme que anule a súa elección ou proclamación como membro dunha candidatura.

c) Pola falta de asistencia inxustificada ás sesións do pleno, por tres veces consecutivas ou catro veces non consecutivas, dentro do ano natural, logo da incoación do expediente administrativo no que se lle dará audiencia ante o pleno.

d) Por dimisión ou renuncia, ou calquera causa que incapacite para o desempeño do cargo.

e) Por falecemento dos que teñan a consideración de persoas físicas ou pola extinción da personalidade xurídica no caso dos membros do pleno con forma societaria.

2. Pola súa parte, e ademais da terminación ordinaria dos seus mandatos, tanto quen exerza a presidencia como os cargos do comité executivo cesarán:

a) Pola perda da condición de membro do pleno.

b) Por acordo do pleno, adoptado por maioría absoluta na forma que no regulamento de réxime interior se estableza.

c) Por renuncia ao cargo, aínda que se manteña a condición de membro do pleno.

d) Por falta de asistencia inxustificada ás sesións do comité executivo, por tres veces consecutivas ou catro veces non consecutivas, dentro do ano natural, logo da incoación do expediente administrativo no que se lle dará audiencia ante o pleno.

3. O procedemento para a cobertura das vacantes será o que se determine en cada regulamento de réxime interior, de conformidade co que regulamentariamente estableza a Administración autonómica. As persoas elixidas para ocupar vacantes no pleno, no comité executivo ou na presidencia serano soamente polo tempo que reste para cumprir o mandato durante o cal se producira a vacante.

Sección 3ª

Da presidencia

Artigo 19º.-Elección.

1. O presidente é o órgano de goberno que ten a representación da cámara e exerce a presidencia de todos os seus órganos colexiados. É responsable da execución dos acordos do pleno e do comité executivo.

2. Será elixido polo pleno de entre os seus membros, na forma que determinen os regulamentos de réxime interior de cada cámara e supletoriamente na forma que regulamentariamente determine a Administración autonómica. Para resultar elixido, o candidato deberá obter o voto favorable da maioría absoluta dos membros do pleno. De non se obter a dita maioría, procederase a unha segunda votación, e resultará elixido quen obteña o maior número de votos. En caso de empate, procederase no terceiro día hábil seguinte a unha nova votación. De persistir o empate, resultará elixida a empresa que teña maior antigüidade no exercicio da actividade empresarial dentro da circunscrición cameral, agás que concorra á elección algún dos vogais do artigo 14.1.b), neste caso elixirase por sorteo.

Artigo 20º.-Cesamento.

1. Quen exerza a presidencia cesará, ademais de polas causas previstas no artigo 18.2, como consecuencia de:

a) Substitución da persoa física designada para ter a representación da persoa xurídica titular do cargo.

b) Convocatoria de eleccións para a renovación do pleno, actuando en funcións durante o dito período.

c) A aprobación, por maioría absoluta do pleno, dunha moción de censura, que deberá ser proposta, polo menos, por unha quinta parte do número de membros do pleno, en sesión realizada para o efecto, e que incluirá necesariamente a proposta dun candidato á presidencia da cámara.

d) Dimisión.

e) Sentenza firme que implique a súa inhabilitación para o cargo.

f) Falecemento.

g) Perda da condición de membro do pleno.

2. Cando concorra calquera destes supostos, a presidencia da cámara pasará a ser exercida por quen desempeñe as vicepresidencias, pola súa orde, ata a elección de novo presidente ou presidenta, de acordo co previsto no regulamento de réxime interior.

Artigo 21º.-Atribucións.

1. Á presidencia da cámara correspóndenlle as seguinte atribucións:

a) Convocar, presidir e dirixir as sesións do pleno, do comité executivo e de calquera outro órgano da cámara, dirimindo co seu voto de calidade os empates que se produzan.

b) Executar os acordos dos órganos colexiados da cámara.

c) Dispoñer gastos dentro dos límites que o pleno estableza e ordenarlle á tesouraría todos os pagamentos, debéndolle render contas ao pleno.

d) Asumir e levar a representación da cámara nos actos oficiais.

e) Presidir os organismos e as institucións que dependan ou poidan depender no sucesivo da cámara.

f) Asinar a correspondencia oficial da cámara.

g) Visar as actas e as certificacións que dos acordos deban librarse.

h) Adoptar as medidas disciplinarias que procedan, de acordo co establecido no regulamento de réxime interior.

i) Representar á cámara en todos os actos xurídicos e exercitar os dereitos e as accións que a ela correspondan.

j) En casos de extrema urxencia, adoptar as resolucións que sexan necesarias para garantir o adecuado funcionamento da cámara e dos servizos camerais, dándolle conta ao comité executivo na primeira sesión que este celebre e que terá lugar, como máximo, no prazo de trinta días.

k) Delegar a súa representación nos termos previstos no punto segundo deste artigo.

l) Dispoñer o reparto de asuntos, temas ou cuestións ás comisións consultivas, cando, ao seu xuízo, deban ser obxecto de estudo ou exame previo á consideración do pleno.

m) Sen prexuízo das funcións atribuídas aos órganos de goberno, a presidencia dispoñerá sobre os aspectos formais ou accesorios que sexan necesarios para a boa marcha da cámara e das actividades corporativas.

n) Exercer cantas outras funcións lle encomenden as leis e o regulamento de réxime interior.

2. A presidencia poderá delegar e revogar o exercicio das súas atribucións nas vicepresidencias, agás a relativa á presidencia do pleno e do comité executivo, e isto sen prexuízo dos casos de substitución previstos nos artigos 20.2 e 22.2 desta lei, decaendo a delegación automaticamente coa extinción do mandato de quen exerza a presidencia. O regulamento de réxime interior poderá prever a posibilidade de delegacións especiais a favor de calquera membro do pleno para a dirección e xestión de asuntos determinados.

Sección 4ª

Das vicepresidencias

Artigo 22º.-Designación, cesamento e funcións.

1. As persoas que exerzan as vicepresidencias serán elixidas e separadas por acordo do pleno de cada cámara, de entre os seus membros, conforme o establecido no regulamento de réxime interior.

2. Quen exerza as vicepresidencias substituirá, pola súa orde, a persoa que ocupe a presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. Quen desempeñe as vicepresidencias exercerá ademais aquelas funcións que lle sexan delegadas pola presidencia, de acordo co previsto no artigo 21.2 desta lei.

Sección 5ª

Do persoal

Artigo 23º.-Réxime xurídico.

1. Todo o persoal, incluído quen ocupe a secretaría xeral e o persoal de alta dirección ao servizo das cámaras, quedará suxeito ao dereito laboral, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria oitava da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras.

O regulamento de réxime interior de cada cámara establecerá o réxime do persoal ao servizo da cámara así como o procedemento para a súa contratación, que deberá adecuarse aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria.

2. Así mesmo quedarán sometidos ao réxime de incompatibilidades que se establezan no regulamento de réxime interior de cada cámara. En calquera caso, o desempeño dun posto de traballo ao servizo das cámaras será incompatible co exercicio de calquera cargo, profesión ou actividade, pública ou privada, que poida impedir ou menoscabar o estrito cumprimento dos seus deberes ou comprometer a súa imparcialidade ou independencia.

3. Anualmente, o pleno de cada cámara aprobará un cadro de persoal no que se relacionarán, debidamente clasificados, todos os postos de traballo, con expresión da súa denominación, funcións e categoría.

Artigo 24º.-A secretaría xeral.

1. Cada cámara terá un secretario xeral retribuído, que conte coa titulación de licenciatura en dereito.

2. Quen ocupe a secretaría xeral ten como funcións, ademais daquelas que expresamente lle atribúa o regulamento de réxime interior ou que, se é o caso, lle delegue expresamente a presidencia ou o propio comité executivo, velar pola legalidade dos acordos dos órganos de goberno da cámara, debendo facer, cando proceda, as advertencias pertinentes en tal sentido e dando fe pública dos actos e acordos adoptados por elas; para estes efectos asistirá ás sesións dos órganos de goberno con voz pero sen voto.

3. O nomeamento da persoa que ocupe a secretaría xeral correspóndelle ao pleno da cámara, logo da convocatoria pública, da que as súas bases serán aprobadas polo órgano tutelar. Tanto o acordo de nomeamento como o de cesamento deben ser adoptados de forma motivada pola metade máis un dos membros do pleno.

4. Quen ocupe a secretaría dirixirá todos os servizos da cámara, e do seu funcionamento responderá ante o comité executivo, agás naqueles casos nos que as cámaras dispoñan a creación dunha dirección xeral. Esta función será desempeñada por unha persoa vinculada pola relación laboral de carácter especial de alta dirección que dirixirá aqueles servizos da cámara previstos no regulamento de réxime interior e do funcionamento dos cales será responsable ante o comité executivo.

5. O regulamento de réxime interior determinará a forma e os supostos en que deba ser substituído quen ocupe a secretaría xeral, con ocasión de ausencia temporal, vacante, enfermidade ou calquera outro suposto de impedimento temporal.

6. A persoa que desempeñe a secretaría haberá de exercer as súas funcións con autonomía funcional, imparcialidade e estrito sometemento á legalidade. Para o desenvolvemento delas goza de inmobilidade de acordo co establecido no parágrafo seguinte.

7. Sen prexuízo do establecido na normativa laboral, quen ocupe a secretaría só poderá ser destituído das súas funcións pola comisión dalgunha das faltas que, con carácter obxectivo e taxado, estean previstas no regulamento de réxime interior de cada cámara. A súa apreciación compételle ao pleno, mediante acordo motivado, adoptado pola metade máis un dos seus membros en sesión extraordinaria convocada para o efecto e logo da instrución dun expediente no que se lle dará audiencia á persoa interesada.

A instrución do expediente corresponderalle ao membro do comité executivo que este designe, non podendo concorrer á sesión do pleno na que se adopte a decisión sobre a súa destitución.

Contra o acordo do pleno poderá interpoñerse recurso administrativo ante o órgano tutelar.

Artigo 25º.-Persoal de alta dirección.

Os regulamentos de réxime interior establecerán, con suxeición á normativa laboral, todas as cuestións relativas ao persoal de alta dirección ao servizo da cámara, non sendo de aplicación a este persoal a previsión de modificación contractual da indemnización establecida no artigo 11.1 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto.

Sección 6ª

Regulamento de réxime interior

Artigo 26º.-Aprobación e modificación do regulamento de réxime interior.

1. Correspóndelle ao órgano tutelar a aprobación dos regulamentos de réxime interior das cámaras así como das súas modificacións. Igualmente poderá, de acordo co establecido no artigo 7.3 da Lei 3/1993, promover a modificación deles.

2. Os regulamentos de réxime interior das cámaras sometidos a aprobación consideraranse aprobados se, transcorridos tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano tutelar, este non denegara expresamente a súa aprobación, formulara obxeccións na súa contra ou promovera a súa modificación.

3. No suposto de que o órgano tutelar, de oficio ou como consecuencia da presentación dun regulamento de réxime interior, promovera a súa modificación, deberá sinalar o prazo, non inferior a dous meses, para un novo envío do regulamento, a súa modificación ou as alegacións que se consideren oportunas.

4. Recibidas as alegacións, ou transcorrido o prazo de dous meses sen que se recibise a nova proposta, ou cando esta non se axuste á modificación requirida, o órgano competente en materia de cámaras ditará a resolución que se considere procedente, incluída unha nova redacción do regulamento de réxime interior.

5. Presentado o texto corrixido dentro do prazo establecido ou as alegacións á modificación proposta, entenderanse estimadas estas ou aprobada a modificación cando transcorreran dous meses desde a súa presentación no rexistro do órgano tutelar.

Artigo 27º.-Contido do regulamento de réxime interior.

1. No regulamento de réxime interior constará, entre outros extremos, a estrutura do seu pleno, o número e forma de elección dos membros do comité executivo e, en xeral, as normas de funcionamento dos seus órganos de goberno, organización e réxime do persoal ao servizo da cámara.

2. Así mesmo no regulamento de réxime interior estableceranse os mecanismos adecuados para asegurar o normal funcionamento da cámara, no non previsto nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento regulamentario.

3. Incluiranse como anexos ao regulamento de réxime interior a estrutura e a composición do pleno no referente á súa distribución por grupos e categorías, elaborado de acordo co establecido no artigo 14.6 desta lei, así como o réxime de persoal ao servizo da cámara.

Capítulo IV

Réxime electoral

Artigo 28º 8.

Artigo 29º 9.

Artigo 30. Censo electoral10

1. O censo electoral das cámaras estará constituído pola totalidade das persoas físicas ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras, que exerzan as actividades comerciais, industriais, de servizos ou navieiras non excluídas conforme o artigo 7 da Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación. Este censo será elaborado e revisado anualmente polo comité executivo, con referencia ao 1 de xaneiro.

2. O censo electoral das cámaras, constituído de acordo co establecido no punto 1 deste artigo, comprenderá a totalidade dos seus electores, clasificados por grupos e categorías, en atención á importancia económica dos diversos sectores representados, na forma que determine a administración tutelante; clasificación que será revisada, cada catro anos, polo comité executivo.

Os integrantes do censo electoral terán dereito de voto para a elección dos órganos de goberno das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación dentro de cuxa circunscrición teñan establecementos, delegacións ou axencias.

Para ser elector, xa sexa en nome propio ou en representación de persoas xurídicas, requirirase maioría de idade e non estar incurso en ningunha causa legal que impida a devandita condición.

3. Os candidatos que formen parte dos órganos de goberno das cámaras deberán, ademais, ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, a dun Estado parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou a dun Estado a cuxos nacionais se estenda, en virtude do correspondente acordo ou tratado internacional, o réxime xurídico previsto para os cidadáns anteriormente citados, levar como mínimo dous anos de exercicio na actividade empresarial nos territorios citados e acharse ao corrente no pago das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

As persoas doutra nacionalidade poderán ser candidatas de acordo co principio de reciprocidade, sempre que cumpran os demais requisitos exixidos no parágrafo anterior.

4. Para ser candidato a formar parte do pleno será necesario, ademais, estar incluído no censo electoral dentro do grupo e categoría por cuxa representación se opta.

As persoas naturais ou xurídicas que exerzan actividades correspondentes a diversos grupos ou diversas categorías do mesmo grupo do censo dunha cámara teñen dereito de sufraxio activo e pasivo en cada un deles. De resultaren elixidas en máis dun grupo ou categoría, deberán optar pola representación nos órganos de goberno de só un deles.

5. Para os efectos da elección dos vogais previstos nas letras b) e c) do punto 2 do artigo 14, as cámaras elaborarán un censo de empresas de maior achega voluntaria en cada demarcación

Artigo 31º.-Publicidade do censo electoral.

1. Aberto o proceso electoral, e dentro dos prazos que regulamentariamente se establezan, cada cámara deberá expoñer o seu censo ao público, no enderezo corporativo, nas súas delegacións e naqueloutros lugares que coide oportuno.

2. As reclamacións sobre a inclusión ou exclusión das empresas nos grupos e categorías correspondentes poderán presentarse desde o momento no que se inicie a exposición dos censos ao público ata o termo do prazo que regulamentariamente se estableza.

3. Correspóndelle ao comité executivo da cámara resolver as reclamacións ás que se fai referencia no apartado anterior, nos prazos que regulamentariamente se determinen.

4. Contra os acordos do comité executivo as persoas interesadas poderán interpoñer recurso administrativo ante o órgano tutelar, nos termos previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 32º.-Convocatoria de eleccións, publicidade e contido.

1. Corresponderalle ao órgano tutelar, logo da consulta ás cámaras, a convocatoria de eleccións para a renovación dos membros dos plenos destas.

2. A convocatoria deberá conter:

a) Os días e horas en que cada grupo ou categoría debe emitir o voto para a elección dos seus representantes.

b) O número de colexios electorais e os lugares onde se deban instalar.

c) Os prazos e o modelo de documento para o exercicio do voto por correo.

d) As sedes das xuntas electorais.

3. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e cada cámara daralle publicidade nas súas sedes sociais e nas súas delegacións así como mediante a publicación do anuncio no diario de maior circulación na súa correspondente demarcación territorial, sen prexuízo da súa maior difusión a través doutros medios de comunicación que considere oportunos.

Artigo 33º.-Xuntas electorais.

1. Publicada a convocatoria, no prazo que regulamentariamente se estableza, constituirase en cada cámara unha xunta electoral que terá como finalidade garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral.

2. Cada xunta electoral integrarase por tres representantes do electorado da cámara elixidos polo pleno desta de acordo co procedemento regulamentariamente previsto, e por dúas persoas designadas polo órgano tutelar, exercendo unha delas as funcións de presidente. No suposto de que alguén designado polo pleno presentara a súa candidatura ao proceso electoral será substituído por algunha das persoas que previamente deben ser elixidas polo pleno da cámara para estes efectos.

3. A presidencia nomeará unha persoa que ocupe a secretaría da xunta electoral con voz pero sen voto entre o funcionariado do órgano tutelar ou do persoal da cámara respectiva.

4. O mandato das xuntas electorais prolongarase, trala celebración das eleccións, ata o momento no que proceda a súa disolución, que se fixará regulamentariamente, e unha vez efectuada a toma de posesión dos cargos electos.

5. As cámaras poñerán á disposición da xunta electoral os medios persoais ou materiais necesarios para o exercicio das súas funcións. Igualmente, as xuntas electorais poderán solicitar o asesoramento do secretario ou secretaria da cámara respectiva.

6. Contra os acordos das xuntas electorais poderase interpoñer recurso de alzada ante o órgano tutelar, que solicitará en todo caso o informe da comisión de seguimento do proceso electoral á que se refire o artigo 35.

7. No que resulte compatible coa súa natureza e funcións seralles de aplicación ás xuntas electorais o réxime de funcionamento dos órganos colexiados previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 34º.-Presentación e proclamación de candidaturas.

1. Publicada a convocatoria no Diario Oficial de Galicia procederá a presentación de candidaturas ante a secretaría da cámara respectiva. As candidaturas serán avaladas pola sinatura como mínimo do 4% do electorado do grupo ou, se é o caso, da categoría correspondente. Se o número de electores do grupo ou categoría fora superior a douscentos, será suficiente coa sinatura de dez deles para a presentación da candidatura.

2. Correspóndelle á xunta electoral respectiva, despois de comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos para a presentación das candidaturas, a proclamación destas.

3. A xunta electoral reflectirá nunha acta a proclamación das candidaturas e as incidencias que houbera. Desta enviaráselle copia certificada á delegación provincial do órgano tutelar e darase publicidade do seu contido mediante anuncio fixado no enderezo da cámara e nas súas delegacións, que se publicará polo menos nun dos xornais de maior circulación da súa circunscrición.

4. Os prazos de presentación e proclamación de candidaturas determinaranse regulamentariamente.

Artigo 35º.-Comisión de seguimento do proceso electoral.

1. Dentro da administración tutelante, constituirase unha comisión para o seguimento do proceso electoral, composta por dous representantes das cámaras designados polo Consello Galego de Cámaras e outros dous designados polo órgano competente en materia de tutela das cámaras.

2. A comisión para o seguimento do proceso electoral emitirá informe sobre todos aqueles asuntos que se lle sometan en relación co proceso electoral e elección e proclamación dos membros dos órganos de goberno das cámaras.

Naqueles casos nos que non exista unanimidade dentro da comisión, os membros disidentes emitirán voto particular.

3. O dito informe, cos votos particulares, seralle remitido á consideración do órgano competente en materia de cámaras, o cal, á vista daquel, ditará unha resolución motivada que terá carácter vinculante.

Artigo 36º.-Voto por correspondencia.

Os electores que prevexan que na data das eleccións non poden comparecer nos colexios electorais poderán exercer o seu dereito ao voto emitíndoo por correo con suxeición aos requisitos que se establezan regulamentariamente.

Artigo 37º.-Funcionamento dos órganos de goberno durante o período electoral.

Desde a convocatoria de eleccións ata a constitución dos novos órganos de goberno, os órganos de goberno saíntes deberán limitar as súas actuacións á xestión, á administración e á representación ordinarias da corporación, adoptando e executando os acordos e levando a cabo as actuacións que fagan falta para o funcionamento normal das cámaras e para o cumprimento das súas funcións.

Capítulo V

Réxime económico e orzamentario

Sección 1ª

Réxime económico

Artigo 38. Réxime económico11

1. As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia disporán dos seguintes ingresos:

a) Os ingresos ordinarios e extraordinarios obtidos polos servizos que presten e, en xeral, polo exercicio das súas actividades.

b) Os produtos, rendas e incrementos do seu patrimonio.

c) As achegas voluntarias de empresas ou entidades comerciais.

d) Os legados e donativos que puideren recibir.

e) Os procedentes das operacións de crédito que se realicen.

f) Calquera outro que lle poida ser atribuídos por lei, en virtude de convenio ou por calquera outro procedemento de conformidade co ordenamento xurídico.

2. A disposición de bens patrimoniais deberá contar coa autorización da administración tutelante cando se trate de bens inmobles. A administración tutelante poderá determinar outros supostos en que sexa precisa a súa autorización para a disposición por parte das cámaras doutro tipo de bens patrimoniais, en función do seu alcance económico.

Artigo 39º 12.

Artigo 40º 13

Artigo 41º 14.

Artigo 42º.-Subvencións e doazóns.

As cámaras de Galicia soamente poderán conceder subvencións e efectuar doazóns se se atopan directamente relacionadas cos seus propios fins e non exceden globalmente do 5% do orzamento ordinario de ingresos líquidos do recurso cameral permanente de cada exercicio, agás autorización expresa do órgano competente en materia de cámaras.

Artigo 43º 15

1. Os ingresos de cada cámara procedentes do recurso cameral permanente non poderán exceder do 60% dos totais da corporación.

Para estes efectos, non se computarán, entre os ingresos da cámara, os procedentes do endebedamento, nin, entre os que proveñan do recurso cameral permanente, as porcentaxes del que se atopen preceptivamente afectados a unha finalidade concreta, como o Plan cameral de promoción das exportacións e a función de colaboración coas administracións competentes en tarefas de formación sinaladas no artigo 2 da Lei 3/1993 e 4 do presente texto legal.

2. Cando os ingresos procedentes do recurso cameral permanente, excluídos os mencionados no parágrafo segundo do apartado anterior, superen o límite do 60% sinalado, o exceso deberá destinarse á constitución dun fondo de reserva.

Da dita reserva soamente se poderá dispoñer, en exercicios sucesivos, para complementar os ingresos procedentes do recurso cameral permanente ata alcanzar a porcentaxe máxima permitida en relación cos ingresos doutra procedencia.

No caso de que, transcorridos cinco anos desde a finalización do exercicio no que se constituíu a reserva, esta ou os seus rendementos non puidesen ser aplicados na forma antes sinalada, destinaranse ao financiamento dos plans de actuación conxunta do Consello Galego de Cámaras para a promoción e internacionalización de empresas, produtos e servizos galegos, ou, alternativamente, devolveránselle a quen ingresara as cotas do recurso cameral permanente en proporción ás súas respectivas contribucións.

3. Cando a recadación efectiva da parte do recurso cameral permanente afectado ao Plan cameral de promoción das exportacións resulte superior aos gastos e investimentos efectuados para o financiamento do dito plan, a cámara constituirá unha reserva patrimonial, materializada en dispoñible a curto prazo, da que unicamente se poderá dispoñer en exercicios seguintes para financiar as actividades incluídas no mencionado plan.

4. Ademais dos fondos de reserva, regulados no parágrafo anterior, e para facer fronte a baixas de recadación en exercicios sucesivos ou a gastos urxentes ou imprevistos, as cámaras deberán constituír, cos superávits dos orzamentos ordinarios, unha reserva obrigatoria materializada en dispoñible a curto prazo ata que alcance o 50% do orzamento total de ingresos liquidados no último exercicio pechado.

Artigo 44º.-Suxeición ao réxime de contabilidade e orzamento.

1. A actividade financeira das cámaras está suxeita ao réxime de contabilidade e orzamento, polo que a súa estrutura orzamentaria e contable se someterá aos principios contidos na normativa en vigor.

2. As cámaras están obrigadas a reflectir no libro diario o movemento dos seus ingresos e gastos, así como as variacións da súa situación patrimonial, confeccionando, polo menos trimestralmente, un cadro que reflicta a execución orzamentaria dos ingresos e gastos, e a realizar con igual periodicidade o correspondente balance que exprese a situación patrimonial, económica e financeira da corporación. Os fins da contabilidade cameral serán os seguintes:

a) Facilitar a análise económica das actividades da cámara.

b) Coñecer o movemento e situación da súa tesouraría.

c) Rexistrar diariamente o movemento dos seus ingresos e gastos e poñer de manifesto a composición e valoración do seu patrimonio.

d) Determinar os resultados das actividades da cámara.

e) Permitir o establecemento das previsións orzamentarias e a anotación diaria da execución do orzamento.

f) Permitir a comparación da información coas do resto das cámaras de Galicia e cos exercicios anteriores.

3. O órgano tutelar poderá ditar as disposicións oportunas a fin de que o sistema contable e orzamentario aplicado polas cámaras sexa único e uniforme para todas elas e permita coñecer en todo momento o patrimonio de cada unha delas, as súas relacións con terceiros e os resultados económicos da súa actividade.

4. As cámaras elaborarán un orzamento anual ordinario, que coincidirá co ano natural, no que se consignarán a totalidade dos ingresos que se prevexa liquidar e as obrigas que poidan recoñecerse no período, debendo, en todo caso, manterse o equilibrio orzamentario. Os créditos do estado de gastos destinaranse exclusivamente á finalidade específica para a que fosen autorizados no orzamento. Non poderán adquirirse compromisos de gasto por contía superior ao importe dos créditos autorizados no correspondente estado de gastos. Malia o disposto neste apartado, poderán efectuarse ampliacións e transferencias de crédito entre capítulos así como calquera outra modificación do orzamento, sempre que se xustifiquen debidamente as causas que as motivan e se observe o procedemento previsto para a súa aprobación.

5. Para a realización de obras e servizos non previstos no orzamento ordinario do exercicio, e para aqueles gastos, servizos e obras que se realicen con carácter non habitual, deberán formalizarse orzamentos extraordinarios, e os proxectos destes, unha vez aprobados polo pleno, someteranse á aprobación do órgano competente.

Artigo 45º.-Operacións especiais.

As cámaras poderán allear e gravar os seus bens, se ben para os actos de disposición sobre inmobles e valores e para a formalización de operacións de crédito precisan unha expresa autorización previa do órgano tutelar, que poderá denegala mediante resolución motivada.

Sección 2ª

Réxime orzamentario

Artigo 46º.-Elaboración e aprobación dos orzamentos.

1. As cámaras elaborarán os seus orzamentos ordinarios e extraordinarios ordenados por capítulos, artigos, conceptos e partidas.

2. Para os efectos económicos e orzamentarios o exercicio coincidirá co ano natural. O peche da contabilidade, a determinación de resultados e a rendición de contas referenciaranse cada ano ao 31 de decembro.

3. A elaboración do proxecto de orzamentos corresponderalle ao comité executivo, que deberá presentalos ao pleno da cámara para a súa aprobación inicial.

4. Os plenos das cámaras, sobre a base da proposta elaborada polo comité executivo, aprobarán o proxecto de orzamento ordinario para o ano seguinte, antes do 1 de novembro, e elevarano seguidamente ao órgano competente.

5. Os orzamentos deberán ser presentados ao órgano tutelar para a súa aprobación definitiva, xuntando a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do orzamento.

b) Programa de actuación e investimentos previstos.

c) Programa de financiamento e das súas actuacións.

d) Estado de execución dos orzamentos vixentes.

e) Cadro de persoal, especificando as categorías e retribucións por todos os conceptos de cada posto de traballo.

6. Os orzamentos entenderanse aprobados definitivamente se, transcorridos dous meses desde a súa presentación ao órgano tutelar, este non manifestara formalmente reparo ningún.

7. Se o orzamento non se atopase aprobado definitivamente ao comezar o exercicio económico, entenderase prorrogado automaticamente o orzamento consolidado do exercicio anterior.

Artigo 47º.-Liquidación e fiscalización dos orzamentos e contas anuais.

1. As cámaras elaborarán e aprobarán as contas anuais e liquidacións de orzamentos da súa corporación, que conterán os seguinte documentos:

a) Memoria económica.

b) Liquidación anual do orzamento ordinario, así como dos orzamentos extraordinarios xa executados, e estado de execución dos orzamentos extraordinarios en curso de realización.

c) Balance de situación anual e conta de perdas e ganancias que reflictan a situación patrimonial e financeira da corporación.

2. O comité executivo deberá formular as contas anuais no prazo máximo de tres meses desde o peche do exercicio. As ditas contas serán sometidas a un informe de auditoría, e presentaranse, xunto coa liquidación do orzamento ordinario do exercicio pechado, antes do 31 de maio, ao pleno da cámara para a adopción do acordo que proceda. O pleno deberá pronunciarse antes do 30 de xuño.

3. As contas anuais, o informe de auditoría, a liquidación do orzamento ordinario e o certificado do contido do acordo do pleno remitiránselle nun prazo máximo de dez días ao órgano tutelar para a súa aprobación definitiva.

4. A aprobación entenderase concedida se non media obxección ningunha no prazo de tres meses a partir da súa recepción.

5. A administración tutelante poderá requirir da cámara toda aquela documentación complementaria que coide procedente e, no seu labor de fiscalización, deberá recibir toda a colaboración que requira da cámara e ter libre acceso, se o considera necesario, á documentación interior da auditoría certificante e a recibir desta os informes complementarios que solicite.

6. Ao abeiro do previsto no artigo 23.2 da Lei 3/1993, a fiscalización superior do destino dado ás cantidades percibidas polas cámaras e polo Consello Galego de Cámaras procedentes dos rendementos do recurso cameral permanente así como da elevación das súas alícuotas corresponderalle, nos termos previstos na súa normativa reguladora, ao Consello de Contas de Galicia.

Artigo 48º.-Responsabilidades.

As persoas que xestionen bens e dereitos das cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación de Galicia quedarán suxeitas a indemnizar os danos e perdas que poidan causarlles por accións e omisións realizadas intervindo dolo, culpa ou neglixencia grave con infracción da normativa

vixente, con independencia da responsabilidade penal ou doutra orde que lles poida corresponder.

Capítulo VI

Consello Galego de Cámaras

Artigo 49º.-Natureza.

1. Créase o Consello Galego de Cámaras como organismo de representación, relación e coordinación das cámaras e como organismo consultivo e colaborador da Xunta de Galicia.

2. O Consello Galego de Cámaras constitúese como corporación de dereito público con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

3. O Consello Galego de Cámaras está integrado por representantes da totalidade das cámaras da Comunidade Autónoma galega.

4. O Consello Galego de Cámaras terá o seu enderezo na cidade sede do Goberno galego, sen prexuízo de que os seus órganos colexiados poidan realizar sesións en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co que se estableza no seu regulamento de réxime interior.

Artigo 50º.-Funcións do consello.

Sen prexuízo das competencias atribuídas ás cámaras, son funcións do consello:

a) Defender de forma global e integrada os intereses do comercio, da industria e da navegación no ámbito da Comunidade Autónoma.

b) Promover a arbitraxe mercantil.

c) Representar o conxunto das cámaras de Galicia ante as administracións públicas e demais entidades, públicas ou privadas, sen prexuízo da competencia propia de cada cámara.

d) Ser o órgano de coordinación e impulso das actuacións comúns das cámaras e de promoción do máximo desenvolvemento das súas funcións.

e) Potenciar a prestación de servizos mancomunados entre as cámaras.

f) Coordinar a emisión de informes, por requirimento das administracións públicas, naqueles asuntos de carácter intersectorial que afecten o comercio, a industria ou a navegación da Comunidade Autónoma e teñan un ámbito ou repercusión superior ao de cada unha das cámaras que o integran.

g) Coordinar a elaboración e actualización de estatísticas do comercio, a industria e a navegación, de acordo coas previsións contidas na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e normativa que a desenvolva, e realizar as enquisas de avaliación e os estudos necesarios que permitan coñecer a situación dos distintos sectores de Galicia, coordinando as actuacións realizadas polas cámaras nestas materias.

h) Establecer servizos de asesoramento e apoio ás cámaras galegas ou acordar convenios de colaboración con estas, logo da autorización do órgano tutelar.

i) Mediar e dirimir nos conflitos ou discrepancias que se formulen entre as cámaras galegas.

j) Establecer convenios con outras entidades públicas e privadas, así como plans de actuación conxunta das cámaras galegas e as propostas de financiamento correspondentes, con especial atención á promoción dos produtos, da industria e do turismo exterior.

k) Emitir informe sobre os proxectos de disposicións xerais emanados da Comunidade galega que afecten directamente os intereses do sector do comercio, da industria ou dos servizos representados polas cámaras, nos supostos e coas condicións e alcance que o ordenamento xurídico determine.

l) Propoñer a aprobación de normas en asuntos que afecten directamente os intereses xerais do comercio, industria e navegación de Galicia.

m) Colaborar coa Administración autonómica, nos supostos en que sexa requirido por esta, emitindo informes ou realizando estudos, proxectos, traballos e accións en materia de comercio, industria e navegación que afecten o conxunto da Comunidade Autónoma ou máis dunha demarcación cameral.

n) Asesorar a Administración autonómica en temas referentes ao comercio, á industria e á navegación por iniciativa propia ou cando así sexa requirido por ela, así como propoñerlle cantas reformas xulgue necesarias para a defensa e fomento daqueles.

ñ) Nos supostos e coas condicións e alcance que estableza a Administración autonómica, corresponderalle colaborar, se é o caso, na tramitación de programas públicos de axudas ás empresas, na xestión de servizos públicos e no desempeño das funcións administrativas que se lle encomenden e participar naqueles proxectos de infraestruturas e servizos comúns que afecten o conxunto da Comunidade galega.

o) Prestar outros servizos ou realizar outras actividades, a título oneroso ou lucrativo, que redunden en beneficio dos intereses representados polas cámaras que o integran.

p) Elaborar anualmente, e de acordo co realizado por cada unha das cámaras, un censo público de todas as empresas radicadas no ámbito da Comunidade Autónoma, así como das súas delegacións, axencias e establecementos.

q) Coordinar calquera outra función de carácter público-administrativo que lle encomende a Administración autonómica.

r) Cantas outras atribucións lle confiran as leis expresamente.

Artigo 51º.-Órganos de goberno.

1. Os órganos de goberno e administración do Consello Galego de Cámaras son o pleno, o comité executivo e a presidencia.

2. O Consello Galego de Cámaras contará cunha persoa que desenvolva as funcións da secretaría. A súa elección e funcións serán as establecidas no artigo 24 desta lei.

Artigo 52º.-O Pleno16.

O Pleno do Consello Galego de Cámaras, órgano supremo de goberno e representación deste, estará composto por:

-Os presidentes ou presidentas de todas as cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación da Comunidade Autónoma de Galicia.

- Catro vogais consultores elixidos polos demais membros do pleno de entre persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos empresariais de Galicia.

-A persoa que ocupe a secretaría, que actuará con voz pero sen voto.

-Un representante do órgano tutelar, con voz pero sen voto.

A composición do pleno actualizarase periodicamente, unha vez concluído o proceso electoral nas cámaras galegas.

Artigo 53º.-Comité executivo17.

O Comité Executivo do Consello Galego de Cámaras é o seu órgano de xestión, administración e proposta, e estará composto polas persoas que ocupen a presidencia do consello, a secretaría e cinco membros do pleno elixidos da forma que estableza o regulamento de réxime interior. O presidente ou a presidenta terá voto de calidade no caso de empate.

Artigo 54º.-A presidencia.

1. Quen exerza a presidencia será elixido polos membros do Pleno do Consello Galego de Cámaras, en sesión convocada para o efecto, e recaerá naquel membro do pleno do consello que nunha primeira votación obteña o maior número de votos, esixíndose en todo caso maioría absoluta; de non alcanzarse a dita maioría, procederase a unha segunda votación entre o segundo e cuarto día seguintes, quedando elixido quen obteña maior número de votos.

2. A presidencia exerce a representación do Consello Galego de Cámaras e preside os seus órganos colexiados sendo responsable da execución dos seus acordos. Terá as funcións que lle asigna esta lei e o regulamento de réxime interior. Así mesmo, posúe a representación das cámaras galegas naqueles órganos ou institucións nos que esta representación sexa precisa.

O regulamento de réxime interior poderá prever a creación dunha vicepresidencia do consello, que substituirá a quen exerza a presidencia como regulamentariamente se determine e que deberá ser membro do comité executivo.

Artigo 55º.-Regulamento de réxime interior.

1. O consello rexerase por un regulamento de réxime interior que se someterá á aprobación do órgano competente, por proposta do consello. A aprobación e modificación do dito regulamento de réxime interior deberá aprobarse co voto favorable, polo menos, dos dous terzos do Pleno do Consello Galego de Cámaras.

2. No regulamento de réxime interior estableceranse, entre outros extremos, as normas de funcionamento dos órganos colexiados, a organización e o réxime do persoal ao servizo do consello.

3. As disposicións que se prevexan nesta lei relativas ás cámaras e á normativa vixente en materia de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación aplicaranse, con carácter subsidiario, ao consello, aos seus órganos de goberno e ao seu persoal.

Artigo 56. Réxime económico e orzamentario18

1. Os ingresos permanentes do Consello Galego de Cámaras estarán constituídos polas contribucións das cámaras na contía que fixe anualmente o Consello ao aprobar os seus orzamentos.

2. O réxime económico e orzamentario, no que sexa compatible, rexerase polo disposto no capítulo V da presente lei

Capítulo VII

Réxime xurídico

Artigo 57º.-Normativa de aplicación.

1. As cámaras de Galicia e o Consello Galego de Cámaras rexeranse polo establecido nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento, nos respectivos regulamentos de réxime interior e na Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación.

2. Seralles de aplicación con carácter supletorio a lexislación referente á estrutura e funcionamento das administracións públicas en canto sexa conforme coa súa natureza e finalidades.

3. A contratación e o réxime patrimonial das cámaras rexeranse polo dereito privado, agás disposición legal en contrario, con sometemento aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, agás que a natureza da operación que se vaia realizar sexa incompatible con eles.

Artigo 58. Tutela19

1. As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras, están suxeitos no exercicio da súa actividade á tutela da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellaría competente en materia de comercio.

2. A función de tutela comprende o exercicio das potestades administrativas de aprobación, fiscalización, resolución de recursos, suspensión, disolución e extinción.

3. Nos supostos de disolución, liquidación e extinción previstos nesta lei, a función de tutela comprenderá o coñecemento e dirección do correspondente procedemento, así como a adopción das medidas necesarias para garantir a prestación dos servizos propios das cámaras sen que a administración tutelante quede directa ou indirectamente vinculada polos saldos debedores derivados da liquidación, dos cales responderá exclusivamente o patrimonio da cámara extinguida.

4. O exercicio das funcións de tutela non implicará, en ningún caso, a asunción de responsabilidade ningunha, nin principal nin subsidiaria, por parte da administración tutelante en relación cos dereitos e obrigas derivados das actuacións das cámaras de comercio no ámbito das súas actividades.

5. As relacións laborais quedan fóra da tutela por parte da Administración e están suxeitas ao ámbito de xestión das cámaras.

6. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia disporá dun período de dous meses, a partir da entrada no órgano competente das solicitudes formais das cámaras, para a resolución destas, salvo naqueles casos en que a presente lei prevexa prazos distintos.

Artigo 59º.-Reclamacións e recursos.

1. As resolucións das cámaras, ditadas en exercicio das súas competencias de natureza público-administrativa, así como as que afecten o seu réxime electoral, serán impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa, logo do recurso administrativo formulado ante o órgano tutelar.

2. As liquidacións e demais actos relativos á xestión e recadación do recurso cameral permanente serán susceptibles de reclamación económico-administrativa.

3. As actuacións da cámara noutros ámbitos e, singularmente, as de carácter laboral dilucidaranse ante os xulgados e tribunais competentes.

4. As actuacións das cámaras poderán ser obxecto de queixa ou reclamación ante o órgano tutelar por parte do electorado. Á vista da reclamación formulada, daráselle traslado dela á cámara respectiva para que no prazo de quince días formule as alegacións que considere convenientes. Transcorrido o dito prazo, o órgano competente resolverá o que coide pertinente.

Artigo 60º.-Deber de información e de emisión de informes.

1. As cámaras de Galicia deberán remitirlle á Administración da Comunidade Autónoma, nos prazos e na forma que determinen os regulamentos de réxime interior, copia ou extracto de todos os acordos que adopten os seus órganos de goberno en relación coas súas funcións público-administrativas. Os titulares da presidencia e, se é o caso, da secretaría serán os responsables do cumprimento do deber de información.

2. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia poderá solicitar a ampliación ou aclaración da información á que se refire o apartado anterior, así como calquera outra que considere de interese relacionado.

3. Nos supostos previstos por esta lei nos que se esixa de modo preceptivo a emisión de informe por parte das cámaras ou do Consello Galego de Cámaras, haberán de remitirllo ao órgano competente no prazo máximo de trinta días. En caso contrario entenderase que o seu ditame é favorable á pretensión formulada. Naqueles asuntos nos que o informe teña carácter vinculante tanto o consello como, se é o caso, as cámaras haberán de resolver expresamente.

Artigo 61. Suspensión e disolución dos órganos de goberno das cámaras20

1. A administración tutelante poderá suspender a actividade dos órganos de goberno das cámaras no caso de que se produzan transgresións do ordenamento xurídico vixente que, pola súa gravidade ou reiteración, fagan aconsellable esta medida, así como nos supostos de imposibilidade de funcionamento normal daqueles.

Para estes efectos, concederase un prazo de quince días á cámara afectada e ao Consello Galego de Cámaras para que efectúen as alegacións que estimen convenientes, que se poderá reducir a cinco días naqueles casos en que o transcurso daquel prazo poida levar consigo prexuízos de imposible ou difícil reparación.

2. O acordo de suspensión determinará o seu prazo de duración, que non poderá exceder de tres meses, así como o órgano xestor, que terá as funcións de xestión ordinaria e de defensa dos intereses da cámara e que estará composto por representantes da administración tutelante e das cámaras, nun número non superior a oito vogais, entre os que se escollerá un presidente e un secretario.

3. Transcorrido o prazo de suspensión, de subsistiren as razóns que deron lugar a esta, procederase, dentro do prazo dun mes, á disolución dos órganos de goberno das cámaras, así como á convocatoria de novas eleccións, e manterase nas súas funcións, ata a constitución dos novos órganos camerais, o órgano designado.

Artigo 62. Extinción21

Procederá a iniciación do procedemento de extinción de cámaras cando, de conformidade co artigo 37.3 da Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, non sexa posible a realización de eleccións e a constitución dos órganos de goberno da respectiva cámara.

Considerarase que concorre este suposto cando, tras a disolución dos órganos de goberno da respectiva cámara e a correspondente convocatoria de eleccións, non se presente ningunha candidatura válida no prazo establecido para o efecto.

Artigo 63. Iniciación do procedemento de disolución22

1. O órgano tutelante, logo da audiencia á cámara afectada e ao Consello Galego de Cámaras, ditará acordo de inicio do procedemento de disolución cando concorra o suposto sinalado no artigo 62.

A devandita resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Consello Galego de Cámaras e, de ser posible, na páxina web da propia cámara afectada, e terá o seguinte contido mínimo:

– O mantemento do órgano xestor no exercicio das súas funcións ata a apertura da fase de liquidación.

– A designación dun administrador independente, que poderá ser unha persoa física ou xurídica, que realizará as funcións establecidas nesta lei. A designación do administrador independente axustarase aos principios de publicidade e transparencia.

– O chamamento aos posibles acredores da cámara para que poñan en coñecemento do xestor a existencia de créditos ao seu favor. Todo iso no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación.

Artigo 64. Determinación do inventario de activos e da relación de créditos e acredores23

1. O administrador elaborará, no prazo máximo dun mes desde o seu nomeamento, un inventario, que conterá a relación e a valoración dos bens e dereitos da cámara, con expresión da súa natureza, características, gravames, trabas, cargas e calquera outro elemento relevante para os efectos da súa identificación e valoración, que en todo caso se realizará conforme o seu valor de mercado.

2. O administrador elaborará, no prazo máximo de 45 días desde o seu nomeamento, unha relación de acredores e dos seus respectivos créditos fronte ás cámaras; todos eles computados en diñeiro e expresados en moeda de curso legal. Esta relación recollerá nome, domicilio e demais datos de identidade do acredor, así como os relativos ao crédito, ao seu concepto, contía, datas de adquisición e vencemento, características, garantías e calquera outro elemento relevante para os efectos da súa identificación e valoración.

Artigo 65. Fase de liquidación24

1. Determinados o inventario de activos e a relación de créditos e acredores previstos no artigo anterior, a administración tutelante, por instancia do órgano xestor, acordará a apertura da fase de liquidación e será obxecto, se é o caso, de notificación aos acredores comparecidos no procedemento e aos órganos xurisdicionais que estean coñecendo de causas pendentes, así como de publicación no Diario Oficial de Galicia, na páxina web do Consello Galego de Cámaras e, de ser posible, na páxina web da propia cámara afectada.

2. O acordo de apertura terá o seguinte contido mínimo:

a) O deber de incorporar á denominación da cámara a expresión “en liquidación”.

b) O cesamento do órgano xestor e a encomenda da actividade de liquidación da cámara ao administrador independente.

c) As medidas necesarias para garantir que as persoas físicas e xurídicas do ámbito territorial da cámara que se vai extinguir reciban os servizos propios das cámaras. Para estes efectos, abrirase un prazo de dez días hábiles para que as restantes cámaras de Galicia realicen propostas para a asunción das funcións da cámara que se vai extinguir.

A asunción de funcións da cámara que se extingue por outra cámara de Galicia e a conseguinte modificación da demarcación cameral territorial realizarase mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da administración tutelante, tendo en conta a concorrencia e os principios de viabilidade, solvencia e proximidade, por esta orde.

3. Durante o período de liquidación corresponderá ao administrador independente a xestión e a defensa dos intereses da cámara.

4. En particular, correspóndelle ao administrador independente:

a) A representación da cámara en todos os actos xurídicos e exercitar dereitos e accións que a ela correspondan.

b) Concluír as operacións pendentes da cámara e realizar as novas que sexan necesarias para a liquidación.

c) Realizar as operacións de liquidación, percibindo os créditos e pagando as débedas da cámara.

d) Propor o alleamento dos bens da cámara, que requirirá autorización previa da administración tutelante nos casos previstos no artigo 38.2

e) Informar periodicamente a administración tutelante do estado da liquidación.

f) Levar e custodiar a contabilidade da cámara, os libros, a documentación e a correspondencia desta.

g) A dirección e xestión do persoal da cámara.

h) En xeral, realizar todas aquelas actuacións que sexan necesarias para a liquidación da cámara e adecualas aos intereses desta.

5. Finalizadas as operacións de liquidación, o administrador independente remitiralle á administración tutelante o informe completo sobre as devanditas operacións e un balance final.

6. O administrador independente será responsable de calquera prexuízo que se causase con dolo ou culpa no desempeño do seu cargo”.

Artigo 66. Fase de extinción25

1. Concluídas as operacións de liquidación e recibido o correspondente informe e o balance final, a administración tutelante elevará unha proposta de extinción ao Consello da Xunta, no que se incluirán os seguintes aspectos:

a) A aprobación do informe e o balance final presentado polo administrador independente.

b) A declaración de extinción da cámara.

c) O pronunciamento sobre o destino dos bens e dereitos resultantes do procedemento de liquidación que, se é o caso, poidan existir.

d) A determinación do órgano que asumirá as funcións da cámara que se vai extinguir, de conformidade co previsto no artigo 67.

2. O acordo de extinción realizarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia e publicarase no Diario Oficial de Galicia”.

Artigo 67. Asunción de funcións26

1. O exercicio das funcións da cámara que se extingue será asignado a unha das restantes cámaras galegas por decreto do Consello da Xunta de Galicia. Se a cámara que se extingue ten ámbito uniprovincial deberá manterse unha delegación no seu territorio para garantir a proximidade na prestación de servizos.

2. A cámara que asuma as funcións da cámara que se extingue deberá axustar, cando así se determine, a súa denominación e órganos de goberno ao novo ámbito territorial.

3. A cámara que asuma tales funcións non quedará, directa ou indirectamente, vinculada polos saldos debedores derivados da liquidación da cámara extinguida, dos cales responderá exclusivamente o seu patrimonio. Así mesmo, o exercicio de tales funcións non implicará, en ningún caso, a asunción de ningunha responsabilidade, nin principal nin subsidiaria, en relación cos dereitos e obrigas derivados das actuacións realizadas pola cámara extinguida.

Disposicións adicionais

Primeira.-No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, as cámaras adaptarán ao contido dela os seus actuais regulamentos de réxime interior.

Segunda.-Cando esta lei lle atribúa competencias á consellaría competente en materia de cámaras, ou á Xunta de Galicia sen especificar o órgano concreto desta encargado de exercelas, ou xenericamente á Administración autonómica, entenderase cando proceda que as mencións se refiren á dirección xeral que teña as competencias en materia de comercio ou ao órgano administrativo ao que as futuras reestruturacións orgánicas lle atribúan con carácter xeral a tutela sobre as cámaras.

Disposicións transitorias

Primeira.-En tanto non se produzan as circunstancias que motiven un procedemento de modificación dos previstos no capítulo II desta lei, as cámaras seguirán exercendo as súas funcións nas súas respectivas circunscricións actuais.

Segunda.-A exixencia de licenciatura en dereito prevista no artigo 24 desta lei non se lles aplicará aos actuais secretarios xerais das cámaras, en tanto se manteñan na secretaría respectiva e ata a nova convocatoria pública da praza.

Terceira.

1. Quen ocupe a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia convocará aos presidentes ou presidentas das cámaras galegas para a elección dos vogais consultores. Constituído o pleno, a dirección xeral convocará novamente os seus membros para a elección da presidencia e do comité executivo. En ambos os casos, e en tanto non se designe unha persoa que ocupe a secretaría xeral do consello, actuará como tal o secretario ou secretaria de maior idade das cámaras galegas.

2. Mentres non se aprobe o regulamento de réxime interior do Consello Galego de Cámaras, o órgano tutelar ditará as normas necesarias para o seu bo funcionamento. O dito regulamento presentarase para a súa aprobación nun prazo máximo de seis meses desde a constitución do consello.

Disposición transitoria cuarta27

A composición dos órganos xestores que teñan encomendadas as funcións de xestión ordinaria e de defensa dos intereses daquelas cámaras cuxos órganos de goberno se encontren suspendidos deberán adaptarse ás previsións do artigo 61 no prazo máximo de quince días desde a entrada en vigor desta norma.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogado o Decreto 14/1980, do 19 de xuño, polo que se crea o Consello Consultivo e Colaborador das Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e, se é o caso, Navegación de Galicia.

Segunda.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira. 28.

Segunda.-Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as normas de desenvolvemento desta lei.29

Santiado de Compostela, oito de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 140, do 21 de xullo de 2004.

2 Redacción do artigo 4 dada polo artigo 53 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

3 Redacción do artigo 7 dada polo artigo 54 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

4 Redacción do artigo 8 dada polo artigo 55 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

5 Redacción do artigo 10 dada polo artigo 56 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

6 Redacción do artigo 14 dada polo artigo 57 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014). Redacción do apartado 2.c do artigo 14 dada polo artigo 24 da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, do 28 de decembro de 2017).

7 Redacción do apartado 2 do artigo 15 dada polo artigo 24 da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, do 28 de decembro de 2017).

8 Artigo 28 suprimido polo artigo 58 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

9 Artigo 29 suprimido polo artigo 58 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

10 Redacción do artigo 30 dada polo artigo 59 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014). Redacción do apartado 5 do artigo 30 dada polo artigo 37 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 31 de decembro de 2015).

11 Redacción do artigo 38 dada polo artigo 60 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

12 Artigos 39, 40, 41 e 43 suprimidos polo artigo 61 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

13 Redacción do artigo 40 dada pola disposición derradeira segunda da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia (DOG núm. 249, do 29 de decembro de 2010). Posteriormente, artigo 40 suprimido polo artigo 61 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

14 Artigos 39, 40, 41 e 43 suprimidos polo artigo 61 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

15 Artigos 39, 40, 41 e 43 suprimidos polo artigo 61 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

16 Redacción do artigo 52, parágrafo terceiro, dada pola disposición derradeira segunda da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia (DOG núm. 249, do 29 de decembro de 2010).

17 Redacción do artigo 53 dada pola disposición derradeira segunda da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia (DOG núm. 249, do 29 de decembro de 2010).

18 Redacción do artigo 56 dada polo artigo 62 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

19 Redacción do artigo 58 dada polo artigo 63 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

20 Redacción do artigo 61 dada polo artigo 64 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

21 Artigo 62 engadido polo artigo 65 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

22 Artigo 63 engadido polo artigo 66 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

23 Artigo 64 engadido polo artigo 67 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

24 Artigo 65 engadido polo artigo 68 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

25 Artigo 66 engadido polo artigo 69 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

26 Artigo 67 engadido polo artigo 70 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

27 Disposición transitoria cuarta engadidad polo artigo 71 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

28 Disposición derradeira primeira suprimida polo artigo 24 da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, do 28 de decembro de 2017).

29 Decreto 431/2009, do 19 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.