A Revista Administración & Cidadanía (A&C) é unha publicación periódica de carácter semestral, editada pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

A Revista publica artigos, notas, crónicas e recensións no ámbito das ciencias sociais e xurídicas, en xeral, e a Ciencia Política e da Administración, a Socioloxía e a Economía e o Dereito, en particular. Está incluída na base de datos ISOC, e cumpre, neste momento, 30 dos 33 criterios Latindex empregados para a avaliación da calidade das publicacións periódicas.

Coa vista posta na consecución do obxectivo de mellorar o índice de impacto da Revista, a EGAP aproba o seguinte Regulamento:

CAPITULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación, identificación e responsabilidade da edición

  1. 1. A&C é a denominación de Administración & Cidadanía, revista propiedade e editada pola Xunta de Galicia, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
  2. 2. O ISSN da Revista é 1887 0279 e o seu depósito legal é: PO-510/2006.
  3. 3. A Revista non se fai responsable das opinións expresadas polos autores nos traballos publicados. Calquera reclamación sobre tales opinións deberase cursar aos devanditos autores.

Artigo 2. Obxectivos

A Revista ten como obxectivos:

  1. a) A difusión do coñecemento científico no ámbito das ciencias sociais e xurídicas, particularmente nas áreas da Ciencia Política e da Administración, a Socioloxía, a Economía e o Dereito, mediante a publicación de traballos de investigación e recensións de libros relacionados coas administracións e as políticas públicas.
  2. b) A reflexión e o debate sobre todo tipo de problemas políticos, sociais e económicos, tanto desde un punto de vista teórico como das súas implicacións prácticas.

Artigo 3. Periodicidade e formato

  1. 1. A Revista publicarase semestralmente en papel e por medios electrónicos.
  2. 2. Non obstante o disposto no punto primeiro, poderase publicar anualmente un ou varios números monográficos con carácter extraordinario.

Artigo 4. Linguas

Na Revista publicaranse traballos nas linguas galega, castelá, portuguesa, francesa, italiana, alemá e inglesa.

Artigo 5. Destinatarios

A&C é unha publicación científica dirixida tanto a persoal das administracións públicas e persoal docente e investigador, como a profesionais do sector privado que desenvolvan as súas actividades no campo das ciencias sociais e xurídicas, en xeral, e da Ciencia Política e da Administración, a Socioloxía, Economía e o Dereito, en particular.

CAPÍTULO II

Organización da xestión da Revista

Artigo 6. Organización da Revista

  1. 1. Son órganos unipersoais necesarios da Revista: a Presidencia do Consello Editorial, a Dirección e a Secretaría.
  2. 2. Son órganos colexiados necesarios da Revista: a Comisión Editorial, o Consello Editorial e o Comité Científico.
  3. 3. A pesar de non ter a consideración de integrante da organización da Revista, dita revista contará coa participación de persoas colaboradoras externas. Teñen dita condición as persoas encargadas da avaliación dos traballos presentados para a súa publicación na mesma, así como as encargadas das tarefas de apoio técnico durante o proceso editorial.

Artigo 7. A Presidencia do Consello Editorial

  1. 1. A Presidencia do Consello Editorial corresponde, en todo caso, á persoa que ostente a dirección da EGAP.
  2. 2. Son funcións da Presidencia do Consello Editorial:
    1. a) Representar á Revista.
    2. b) No seu caso, nomear e cesar á persoa titular da Codirección da Revista e da Dirección Técnica.
    3. c) Nomear e cesar á persoa titular da Secretaría e da Secretaría adxunta, de existir.
    4. d) Nomear e cesar ás persoas integrantes do Consello Editorial e do Comité Científico.
    5. e) Nomear e cesar ás persoas que teñen a condición de colaboradoras externas.
    6. f) Aprobar as instrucións sobre a avaliación dos orixinais, así como os formularios oportunos.
    7. g) Aprobar as normas técnicas de xestión do proceso editorial dos traballos presentados para a súa publicación na Revista, dentro das cales se incluirán as prescricións necesarias para garantir a calidade do devandito proceso e as de determinación do sistema de xestión editorial electrónico.
    8. h) Aprobar as normas técnicas para a publicación impresa e dixital da Revista, dentro das cales se incluirán as mencións necesarias que han de figurar nas mesmas para garantir a súa calidade informativa e os instrumentos necesarios para medir a difusión e impacto tanto da publicación en papel como dixital.
    9. i) Propoñer a aprobación do Código Ético e de Boas Prácticas da Revista.
    10. j) Fixar a orde do día, convocar e presidir as reunións da Comisión Editorial e do Consello Editorial.
    11. k) Adoptar todas aquelas decisións ou actos que este regulamento non atribúa a outro órgano.

Artigo 8. A Dirección

  1. 1. A Dirección da Revista corresponde á Presidencia do Consello Editorial ou, no seu caso, á persoa designada por esta, entre quen teña o título de Doutor/a na rama de ciencias sociais e xurídicas.
  2. 2. A Codirección da Revista, corresponderá á persoa designada pola Presidencia do Consello Editorial, entre quen teña o título de doutor/a na rama de ciencias sociais e xurídicas.
  3. 3. A Dirección da Revista, co auxilio, no seu caso, da Codirección, encargarase de:
    1. a) Propoñer as normas técnicas de xestión dos traballos presentados para a súa publicación na Revista.
    2. b) Propoñer as instrucións sobre a avaliación dos orixinais, así como os formularios oportunos.
    3. c) Propoñer as normas técnicas para a publicación impresa e dixital da Revista.
    4. d) Propoñer a composición de cada número da Revista.
    5. e) Fomentar a difusión e impacto da Revista.

Artigo 9. A Secretaría

  1. 1. A Secretaría e a Secretaría adxunta da Revista corresponden ás persoas designadas pola Presidencia do Consello Editorial, entre quen ostente o título de Doutor/a na rama de Ciencias Sociais e Xurídicas, no caso da Secretaría, e entre quen ostente un título de Máster en Ciencias Sociais e Xurídicas, no caso da Secretaría adxunta.
  2. 2. A Secretaría da Revista, co auxilio da Secretaría adxunta, encargarase de:
    1. a) Coordinar o proceso de edición da Revista, en particular, o procedemento de avaliación, nomeando dous/dúas avaliadores/as externos/as para revisar cada orixinal que se presente na revista.
    2. b) Supervisar o proceso de publicación, impresa e dixital, da mesma.
    3. c) Xestionar as comunicacións entre os órganos da revista, os/as autores/as, e a entidade ou entidades encargadas da edición e difusión impresa e electrónica da mesma.
    4. d) Levantar actas e expedir os certificados.
    5. e) Propoñer ao Consello Editorial as normas editoriais.
    6. f) Calquera outra función que lle delegue ou encomende a Presidencia do Consello Editorial da Revista.

Artigo 10. A Comisión Editorial

  1. 1. A Comisión Editorial está integrada polo/a presidente/a, o/a directora/a e o/a secretario/a da revista, ou quen lles auxilie.
  2. 2. Son funcións da Comisión Editorial:
    1. a) A determinación das liñas editoriais da Revista.
    2. b) A solicitude de colaboracións para incrementar o impacto e a visibilidade da revista.
    3. c) O control da calidade das avaliacións externas.
    4. d) A preaceptación dos traballos para a súa publicación na revista en función do seu ámbito temático e do seu interese para os/as destinatarios/as da revista.
    5. e) A aceptación provisional dos traballos para a súa publicación na revista en función dos informes dos/as avaliadores/as externos/as.
    6. f) O deseño da organización do contido dos números da revista para a súa aprobación polo Consello Editorial.
    7. g) A proposición da aprobación da publicación de números extraordinarios ao Consello Editorial.

Artigo 11. O Consello Editorial

  1. 1. O Consello Editorial está integrado por un/unha presidente/a, o/a directora/a da revista, un/unha secretario/a e os/as vogais nomeados/as pola Presidencia do Consello Editorial entre persoas con especial vinculación e prestixio no ámbito das ciencias sociais e xurídicas.
  2. 2. O número máximo de integrantes do Consello Editorial que poden pertencer a unha mesma institución será de cinco.
  3. 3. Para a válida constitución do Consello Editorial da Revista, en segunda convocatoria, será suficiente a presenza da terceira parte dos/as seus/súas integrantes, incluídos/as o/a presidente/a e o/a secretario/a.
  4. 4. Son funcións do Consello Editorial:
    1. a) Aprobar as normas editoriais dirixidas aos/ás autores/as ás que deberán suxeitarse os traballos que se publiquen na Revista.
    2. b) Aprobar o Código Ético e de Boas Prácticas da Revista.
    3. c) Aprobar a publicación de números extraordinarios.
    4. d) Aprobar a composición e o contido dos números ordinarios e extraordinarios, o cal implica a aceptación definitiva dos traballos incluídos nos mesmos.

Artigo 12. O Comité Científico

  1. 1. O Comité Científico está formado por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e por un número de vogais académicos/as de recoñecido prestixio no ámbito das ciencias sociais, designados/as pola Presidencia do Consello Editorial, que se determine.
  2. 2. Polo menos o 50% dos seus integrantes non pertencerán á Comunidade Autónoma de Galicia. Polo menos, o 25% dos/as seus/súas integrantes han de pertencer a institucións estranxeiras.
  3. 3. Son funcións do Comité Científico:
    1. a) Propoñer accións de mellora da calidade da Revista.
    2. b) Propoñer accións de mellora de difusión da Revista.
    3. c) Propoñer accións de incremento do impacto da Revista.
    4. d) Propoñer accións de garantía do correcto funcionamento da Revista.
    5. e) Asesorar ao Consello Editorial en todo aquilo que lle sexa sometido a consulta.
  4. 4. As reunións do Comité Científico realizaranse, preferentemente, por medios telemáticos.

Artigo 13. Persoal de apoio técnico

  1. 1. No exercicio das súas funcións a Secretaría contará co apoio do servizo encargado das publicacións na EGAP e do persoal de Informática que preste servizos para a EGAP.
  2. 2. Así mesmo a Secretaría contará coas colaboracións externas que autorice a Presidencia do Consello Editorial. Devandito apoio terá por obxecto, primordialmente, garantir a adecuación técnica e formal dos traballos ás normas de publicación da Revista que aprobe o Consello Editorial, mediante a súa revisión inicial e a corrección das probas previas á publicación, así como a corrección de estilo e lingüística.

Artigo 14. Persoal avaliador externo

  1. 1. A revista contará cunha base de datos de avaliadores/as de recoñecido prestixio alleos/as ao equipo editorial e á entidade editora da revista.
  2. 2. Este persoal terá o título de doutor/a na rama de diencias Sociais e xurídicas e a condición de persoal docente con vinculación ás universidades españolas ou estranxeiras ou ben serán persoas de recoñecido prestixio cun nivel profesional equivalente.

CAPÍTULO III

Estrutura da Revista

Artigo 15. Seccións da Revista

As seccións da revista son as seguintes:

  1. a) Artigos
  2. b) Notas e Crónicas
  3. c) Recensións

Artigo 16. Sección de Artigos

  1. 1. Os Artigos son traballos de investigación consistentes en achegas doutrinais orixinais.
  2. 2. Os Artigos conteñen un mínimo de 30.000 caracteres con espazo e un máximo de 45.000.
  3. 3. O contido desta sección supoñerá como mínimo o sesenta por cento do total da extensión da revista.

Artigo 17. Sección de Notas e Crónicas

  1. 1. As Notas poden ser:
    1. a) Esexese de sentenzas, de borradores de normas, de novas normas ou de documentos técnico-xurídicos.
    2. b) Opinións científicas sobre temas de actualidade xurídica.
    3. c) Opinións científicas sobre os traballos publicados na Revista.
    4. d) As Crónicas son resumos dos contidos de congresos, cursos, seminarios ou outros actos académicos de interese para as ciencias sociais e xurídicas.
    5. e) As Notas e as Crónicas terán unha extensión entre 20.000 e 35.000 caracteres con espazo.

Artigo 18. Sección de Recensións

  1. 1. As Recensións son comentarios de libros editados preferentemente no ano anterior ao da publicación do correspondente número da Revista.
  2. 2. As Recensións terán unha extensión entre 3.000 e 10.000 caracteres con espazo.

CAPÍTULO IV

Xestión dos traballos presentados para a súa publicación na Revista

Artigo 19. Normas para a xestión do proceso editorial

O proceso editorial da Revista axustarase ao disposto neste regulamento e no establecido nas normas técnicas aprobadas pola Presidencia do Consello Editorial.

Artigo 20. Envío dos traballos

  1. 1. Os traballos enviaranse á Secretaría da revista polos medios informáticos que se establezan para o efecto.
  2. 2. Na mensaxe de remisión, identificaranse a todas as persoas autoras do orixinal indicando os nomes, apelidos, código ORCID, institución de adscrición, país da institución de adscrición e correo electrónico.
  3. 3. Así mesmo, na devandita mensaxe, a persoa que envíe o traballo deberá indicar: que coñece o contido deste regulamento e do código ético e de boas prácticas da Revista, que os acepta, e que a versión do traballo que envía non foi publicada nin se atopa en proceso de publicación noutra revista. De non facelo así, requiriráselle esta declaración, co apercibimento de que, se non a remitise nun prazo de dez días, o traballo non será tido en consideración para a súa publicación na mesma.

Artigo 21. Recepción dos traballos

  1. 1. Unha vez recibidos os traballos, enviarase acuse aos/ás autores/as coa indicación da duración aproximada do proceso de edición.
  2. 2. En ningún caso se certificará a recepción dos traballos. Só se certificarán pola Secretaría, a petición dos/as autores/as que así o soliciten, aqueles traballos que fosen aceptados para a súa publicación provisional pola Comisión editorial ou definitiva polo Consello Editorial, neste último caso, indicado o número no que serán publicados.

Artigo 22. Revisión e avaliación dos traballos

  1. 1. Os traballos recibidos serán analizados pola Comisión Editorial e se ao seu xuízo reúnen os requisitos esixidos neste regulamento e nas demais disposicións aplicables, comezará o seu proceso de avaliación. En caso contrario, serán devoltos aos/ás seus/súas autores/as.
  2. 2. Os traballos seleccionados de acordo co punto anterior serán enviados para a súa avaliación, con omisión da súa autoría, a dúas persoas designadas pola Secretaría da revista.
  3. 3. A avaliación axuizará a orixinalidade, novidade, relevancia, rigor e calidade metodolóxica dos traballos.
  4. 4. A avaliación remitirase, polos medios informáticos que se establezan para o efecto, á Secretaría da revista nun prazo de quince días, e o seu resultado final pode ser positivo, positivo con suxestións ou negativo.
  5. 5. Os resultados da avaliación, tanto positiva como negativa, comunicaranse polos medios informáticos establecidos para o efecto aos/as autores/as dos traballos. No caso de avaliación positiva con suxestións ou negativa remitirase aos/as autores/as un resumo dos puntos principais dos informes das persoas que realizaron a avaliación, omitindo a súa identidade.

Artigo 23. Aceptación provisional dos traballos para a súa publicación

  1. 1. A Comisión Editorial aceptará provisionalmente para a súa publicación os traballos con dúas avaliacións positivas, aínda que estas inclúan suxestións. Neste último caso, a Secretaría da revista devolverá o traballo a quen o presentara para que incorporen ditas suxestións no prazo improrrogable de dez días.
  2. 2. Non se publicarán os traballos que teñan dúas avaliacións negativas.
  3. 3. Se un traballo obtivese unha avaliación positiva e outra negativa, enviarase a unha terceira avaliación para a súa valoración. Só se esta terceira avaliación fose positiva ou positiva con suxestións, a Comisión Editorial poderá aceptalo provisionalmente para a súa publicación.

Artigo 24. Composición da Revista

Para propoñer a composición, a Comisión Editorial, observará as seguintes regras:

  1. a) Os traballos aceptados para a súa publicación serán distribuídos, en atención ao seu contido, nas distintas seccións nas que se estrutura a revista.
  2. b) Como mínimo:
    • - o 70% dos traballos publicados serán obra de persoas externas ao Consello Editorial e ao Comité Científico.
    • - o 60% dos traballos publicados serán obra de persoas externas á Xunta de Galicia.
    • - o 50% dos traballos provirán de distintas institucións ou áreas xeográficas.
    • - o 10% dos traballos publicados provirán de persoas vinculadas a institucións estranxeiras.

Artigo 25. Aprobación e publicación da Revista

Aprobada a publicación do número respectivo, a Secretaría da revista procederá a coordinar a súa premaquetaxe, tradución, maquetaxe, edición e impresión, de acordo coas normas editoriais da revista.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira. Retribucións

As retribucións que recibirán as persoas integrantes dos distintos órganos da Revista, as persoas colaboradoras externas e os/as autores/as, axustaranse ao disposto pola normativa reguladora da EGAP.

Segunda. Dereitos de edición e publicación

Os dereitos de edición e publicación, en calquera soporte, dos traballos aceptados e publicados correspóndenlle á Xunta de Galicia, que deberá autorizar calquera reprodución dos mesmos.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA

Única. Cláusula xeral derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango e acordos que se opoñan ao disposto neste regulamento.

DISPOSICIÓN FINAL

Única. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor o 1 de setembro de 2018.