Estas directrices éticas, parcialmente inspiradas no Committee on Publications Ethics (COPE) Best Practice Guidelines, pretenden constituír un código de boas prácticas dirixido aos principais axentes implicados na publicación de artigos científicos nas revistas da EGAP: equipos editoriais, autores/as e avaliadores/as dos traballos.

1. A editorial

Manterá o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos.

Asegurará a imparcialidade ao xestionar os traballos propostos e o respecto á independencia intelectual dos seus autores e autoras. Os manuscritos enviados serán avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido, sen ter en conta a raza, o xénero, a orientación sexual, a crenza relixiosa, a adscrición política ou a escola filosófica de autoras e autores.

Velará pola confidencialidade dos traballos. A identidade destes non poderá ser revelada a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial ou dos órganos da revista.

Poderá declinar a publicación dun traballo por non cumprir os requisitos formais exixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito.

2. Os avaliadores e as avaliadoras

A revista contará cunha base de datos de avaliadoras/es de recoñecido prestixio alleos á Comisión Editorial e á entidade editora da revista. Estes deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática deste ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista.

O obxectivo e razoado informe de avaliación remitirase polos medios informáticos establecidos. As suxestións da avaliación deben perseguir a mellora do traballo e serán remitidas aos seus autores e autoras polos medios informáticos establecidos, omitindo a identidade das persoas avaliadoras, as cales deberán absterse de avaliar artigos cando incorran nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, en relación coas autoras e autores do traballo ou coas institucións das que estes dependan.

3. Os autores e as autoras

Os autores e autoras deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificable. Os traballos remitiranse á revista polos medios informáticos establecidos. Na mensaxe de remisión identificarase todas as persoas autoras do orixinal, indicando os nomes e apelidos, código ORCID, correo electrónico, institución de adscrición e o país desta. Así mesmo, deberá indicarse que se coñece e acepta o contido da normativa pola que se rexe a revista e do seu código ético e de boas prácticas, e que a versión do traballo que envía non foi publicada nin se atopa en proceso de publicación; de non facelo, requirirase esta declaración, con apercibimento de que, se non se remite no prazo establecido, o traballo non será tido en consideración para a súa publicación.

Se se usan ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptable e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se xa fose publicado.

En caso de coautoría, cada autor debería ser capaz de identificar de que partes do traballo son responsables os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos ata que o artigo sexa publicado.

O envío simultáneo do traballo a outra publicación debe ser comunicado polos seus autores/as aos membros do equipo editorial para que se adopten as medidas oportunas. Os autores deberán facer constar o posible conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento deste.