Normas editoriais
PROCESO DE SELECCIÓN E AVALIACIÓN DOS ORIXINAIS
A selección dos textos responderá a criterios de orixinalidade, novidade, relevancia e rigor. Os orixinais que non se ateñan estritamente ás normas editoriais que se indican a continuación, serán devoltos aos autores para a súa corrección antes do seu envío aos avaliadores. Unha vez que a secretaría comprobe o cumprimento das normas editoriais, os autores recibirán aviso do recibo dos orixinais remitidos coa indicación da duración aproximada do proceso de avaliación. Os textos serán sometidos á revisión de dous expertos alleos ao equipo editorial (doutores ou outras persoas de recoñecido prestixio) seguindo o sistema para o anonimato de dobre cego. O resultado da avaliación poderá ser positiva, positiva con modificacións ou negativa. No caso de que os avaliadores propoñan modificacións de forma motivada na redacción do orixinal será responsabilidade do equipo editorial -unha vez informado o autor- o seguimento do proceso de reelaboración do traballo. No suposto de non ser aceptado para a súa edición, o orixinal será devolto ao seu autor xunto cos ditames emitidos polos avaliadores. Antes da súa publicación, os autores recibirán por correo electrónico a versión definitiva do artigo para facer as correccións oportunas das probas de imprenta no prazo de quince días.
NORMAS EDITORIAIS
1. As propostas de colaboración coa Revista Galega de Administración Pública remitiranse a través da plataforma electrónica dispoñible na seguinte ligazón: https://egap.xunta.gal/revistas/REGAP
2. Os traballos deberán ser remitidos antes do 15 de maio e do 15 de novembro, para os dous números ordinarios. As datas de remisión e aceptación figurarán nun lugar visible da revista.
3. Os traballos enviados deberán cumprir as seguintes condicións:
- a) Seren inéditos e non estaren incluídos en procesos de avaliación doutras publicacións.
- b) Estaren redactados en galego, castelán, portugués, francés, italiano, inglés e alemán.
- c) Conteren un número entre 30.000 e 40.000 caracteres (40 páxinas como máximo) para os traballos redactados como “Estudos”; e dun máximo de 15.000 (no máis de 30 páxinas) para os editados como “Notas”.
4. Os traballos que se propoñen para a súa publicación como artigos deberán incluír, por esta orde:
- a)Un título descritivo do contido. Xunto co nome, apelidos, profesión ou cargo do autor/a/es/as, o nome da institución de adscrición, o país da institución e o enderezo electrónico do ou dos autor/a/es/as.
- b) Un resumo (dun máximo de 120 palabras) no idioma no que se presenta o texto principal e a súa tradución ao inglés de non ser esta a lingua empregada na súa redacción.
- c) Unha relación dun mínimo de cinco palabras clave, e un máximo de dez, que identifiquen as materias sobre as que versa o texto principal, e a súa versión ao idioma inglés, de non ser esta a lingua empregada na súa redacción.
- d) Sumario seguindo a estrutura da CDU. (Exemplo: 1, 1.1, 1.1.1, 1.1.1.a …).
- e) O corpo principal do texto.
- f) A bibliografía.
5. Os traballos deberán ser coidadosamente revisados pola(s) persoa(s) responsable(s) da súa autoría no tocante ao estilo, e respectarán ademais os seguintes requisitos:
- a) Todos os traballos deberán ser presentados a un espazo e medio, con formato de fonte Times New Roman, tamaño 12.
- b) As notas figurarán a pé de páxina, gardarán unha numeración única e correlativa para todo o traballo, e axustaranse ao seguinte modelo:
- - LIBRO: AUTOR, Título da publicación, núm. Edición, lugar da publicación, editor, ano, páxina.
- - AUTOR, “Título do artigo”. Título da fonte (revista ou outra colectiva), número, ano, páxinas.
- c) A bibliografía deberá conter con exactitude toda a información dos traballos consultados e citados (autoría, título completo, editor, cidade e ano de publicación; de se tratar dunha serie, serán indicados o título e o número do volume ou a parte correspondente).
- d) Os documentos, fontes ou bases de datos publicados na Internet deberán indicar o URL respectivo, indicando a data de consulta.