Regulamento
En atención ao propósito de impulsar e ampliar as investigacións que se levaran a cabo no ámbito do Dereito estatutario galego e da Administración Pública da nosa comunidade autónoma, mediante a Resolución do director da Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP), do 19 de decembro de 1990, creouse a Revista Galega de Administración Pública (en diante, REGAP).
Dende entón e ata a data, a REGAP veuse publicando periodicamente, salvo nun lapso temporal comprendido entre o ano 2006 (ano de creación da revista Administración & Cidadanía que veu a substituír á REGAP) e o ano 2010, ano no que se decide reeditar a REGAP e continuar a súa edición a partir do seu último número publicado mantendo, así mesmo, a edición da revista Administración & Cidadanía.
A REGAP, actualmente, áchase clasificada en numerosas bases de datos como CARHUS Plus+, CIRC, DICE, LATINDEX e MIAR e, en proceso de inclusión noutras, como ERIH PLUS. Este feito é unha proba da consolidación da REGAP como unha revista xurídica dedicada ao estudo do dereito público de referencia, tanto no ámbito nacional como internacional.
Non obstante, a súa clasificación nas citadas bases de datos aínda non é a máxima das posibles. En consecuencia, a EGAP ten a vontade de realizar todos os esforzos necesarios para que a REGAP cumpra co maior número posible dos criterios de calidade esixidos polas devanditas bases de datos para que esta se clasifique nos postos superiores destas.
Para a consecución de tal finalidade cumpre contar cunha norma que regulamente o proceso de elaboración dos números da revista e no que se prevexan, ademais dunha serie de melloras para axilizar a súa xestión, toda unha serie de mecanismos que garantan tanto a súa máis ampla difusión en aberto, empregando para iso os recursos informáticos necesarios, como o incremento do seu impacto na comunidade científica internacional.
En vista de todo o exposto, apróbase o seguinte regulamento:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Denominación, identificación e responsabilidade da edición
1. A REGAP é o acrónimo da Revista Galega de Administración Pública e é propiedade da Xunta de Galicia e da EGAP, que se encargará da súa edición.
2. O ISSN da revista é: 1132-8371 e o seu depósito legal é: C-1.596-91.
3. A revista non se fai responsable das opinións expresadas polas persoas ás que corresponda a autoría dos traballos publicados. Calquera reclamación sobre tales opinións deberá cursarse ás devanditas persoas.
Artigo 2. Obxectivos
A revista ten como obxectivos:
a) A difusión do coñecemento na área das Ciencias Xurídicas, particularmente do Dereito Público, especialmente galego, nas áreas de Dereito Administrativo, Dereito Constitucional e Dereito Financeiro, mediante a publicación de traballos de investigación e de estudos relacionados co ordenamento e a actividade das entidades que integran o sector público, caracterizados pola súa orixinalidade e calidade.
b) Constituír un vehículo para a reflexión e o debate sobre todo tipo de problemas xurídicos, tanto desde o punto de vista teórico como práctico.
Artigo 3. Periodicidade e formato
1. A REGAP terá unha periodicidade semestral. Publicarase en edición impresa e dixital.
2. Non obstante o disposto no punto primeiro, poderase publicar anualmente un ou varios números monográficos con carácter extraordinario.
Artigo 4. Linguas
Na revista publicaranse traballos en lingua galega e poderanse publicar nas linguas castelá, portuguesa, francesa, italiana, inglesa e alemá.
Artigo 5. Persoas ás que vai destinada
A revista é unha publicación científica dirixida tanto ao persoal das Administracións públicas como ao persoal docente e investigador, e tamén aos/ás profesionais dos sectores público e privado que desenvolvan as súas actividades no campo das Ciencias Xurídicas, especialmente no ámbito do Dereito Público.
CAPÍTULO II
Organización da xestión da REGAP
Artigo 6. Organización da REGAP
1. Son órganos unipersonais necesarios da REGAP: a Presidencia do Consello Editorial, a Dirección e a Secretaría.
2. Son órganos colexiados necesarios da REGAP: a Comisión Editorial, o Consello Editorial e o Comité Científico.
3. Malia non ter a consideración de integrante da organización da REGAP, a devandita revista contará coa participación de persoas colaboradoras externas. Teñen a devandita condición as persoas encargadas da avaliación dos traballos presentados para a súa publicación nesta, así como as encargadas das tarefas de apoio técnico durante o proceso editorial.
Artigo 7. A Presidencia do Consello Editorial e a Dirección
1. A Presidencia do Consello Editorial corresponde, en todo caso, á persoa que ostente a dirección da EGAP.
2. Son funcións da Presidencia do Consello Editorial:
a) Representar á REGAP.
b) No seu caso, nomear e cesar á persoa titular da Codirección da REGAP e da Dirección Técnica.
c) Nomear e cesar á persoa titular da Secretaría e da Secretaría adjunta y, de existir, da Secretaría Técnica da REGAP.
d) Nomear e cesar ás persoas integrantes do Consello Editorial e do Comité Científico.
e) Nomear e cesar ás persoas que teñen a condición de colaboradoras externas.
f) Aprobar as instrucións sobre a avaliación dos orixinais, así como os formularios oportunos.
g) Aprobar as normas técnicas de xestión do proceso editorial dos traballos presentados para a súa publicación na REGAP, dentro das cales se incluirán as prescricións necesarias para garantir a calidade do devandito proceso e as de determinación do sistema de xestión editorial electrónico.
h) Aprobar as normas técnicas para a publicación impresa e dixital da REGAP, dentro das cales se incluirán as mencións necesarias que figurarán nestas para garantir a súa calidade informativa e os instrumentos necesarios para medir a difusión e impacto tanto da publicación en papel como dixital.
i) Propoñer a aprobación do Código Ético e de Boas Prácticas da REGAP.
j) Fixar a orde do día, convocar e presidir as reunións da Comisión Editorial e do Consello Editorial.
k) Adoptar todas aquelas decisións ou actos que este regulamento non atribúa a outro órgano.
Artigo 8. A Dirección
1. A Dirección da REGAP corresponde á Presidencia do Consello Editorial ou, se é o caso, á persoa designada por esta, entre os/as que teñan o título de Doutor/a en Ciencias Xurídicas.
2. A Codirección da REGAP, corresponderá á persoa designada pola Presidencia do Consello Editorial, entre os/as que teñan o título de Doutor/a en Ciencias Xurídicas.
3. A Dirección da REGAP, co auxilio, se é o caso, da Codirección, encargarase de:
a) Propoñer as normas técnicas de xestión dos traballos presentados para a súa publicación na REGAP.
b) Propoñer as instrucións sobre a avaliación dos orixinais, así como os formularios oportunos.
c) Propoñer as normas técnicas para a publicación imprimida e dixital da REGAP.
d) Propoñer a composición de cada número da Revista.
e) Fomentar a difusión e impacto da Revista.
3. Se o volume de traballo ou outras circunstancias o fixesen necesario, a Presidencia do Consello Editorial poderá crear unha Dirección Técnica e designar, entre os/as que ostenten o título de Doutor/a en Ciencias Xurídicas, a unha persoa para ocupar o devandito posto, co encargo de auxiliar á Dirección da REGAP no desenvolvemento das súas funcións.
Artigo 9. A Secretaría
1. A Secretaría e a Secretaría adxunta da REGAP corresponden ás persoas designadas pola Presidencia do Consello Editorial, entre os/as que ostenten o título de Doutor/a en Ciencias Xurídicas.
2. A Secretaría da REGAP, co auxilio, da Secretaría adxunta, encargarase de:
a) Coordinar o proceso de edición da Revista, en particular, o procedemento de avaliación, nomeando dous avaliadores/as externos/as para revisar cada orixinal que se presente na revista.
b) Supervisar o proceso de publicación, impresa e dixital, desta.
c) Xestionar as comunicacións entre os órganos da revista, os/as autores/as, e a entidade ou entidades encargadas da edición e difusión impresa e electrónica desta.
d) Levantar as actas e expedir os certificados.
e) Propoñer ao Consello Editorial as normas editoriais.
f) Calquera outra función que lle delegue ou encomende a Presidencia do Consello Editorial da REGAP.
3. Se o volume de traballo ou outras circunstancias o fixesen necesario, a Presidencia do Consello Editorial, por proposta da Secretaría, poderá crear unha Secretaría Técnica e designar, entre os/as que ostenten un título de Máster en Ciencias Xurídicas, unha persoa para ocupar o devandito posto, co encargo de auxiliar á Secretaría da REGAP no desenvolvemento das súas funcións.
Artigo 10. A Comisión Editorial
1. A Comisión Editorial está integrada polo/a presidente/a, o/a directora/a e o/a secretario/a da revista, ou quen lles auxilie.
2. Son funcións da Comisión Editorial:
a) A determinación das liñas editoriais da REGAP.
b) A solicitude de colaboracións para incrementar o impacto e a visibilidade da revista.
c) O control da calidade das avaliacións externas.
d) A preaceptación dos traballos para a súa publicación na revista en función do seu ámbito temático e do seu interese para os/as destinatarios/as da revista.
e) A aceptación provisional dos traballos para a súa publicación na revista en función dos informes dos/as avaliadores/as externos/as.
f) O deseño da organización do contido dos números da revista para a súa aprobación polo Consello Editorial.
g) A proposición da aprobación da publicación de números extraordinarios ao Consello Editorial.
Artigo 11. O Consello Editorial
1. O Consello Editorial está integrado por un/a presidente/a, o/a directora/a da revista, un/a secretario/a e os/as vogais nomeados pola Presidencia do Consello Editorial entre persoas con especial vinculación e prestixio no ámbito do Dereito Público.
2. O número máximo de integrantes do Consello Editorial que poden pertencer a unha mesma institución será de tres.
3. Para a válida constitución do Consello Editorial da REGAP, en segunda convocatoria, será suficiente a presenza da terceira parte dos seus integrantes, incluídos o/a presidente/a e o/a secretario/a.
4. Son funcións do Consello Editorial:
a) Aprobar as normas editoriais dirixidas aos/as autores/as ás que deberán suxeitarse os traballos que se publiquen na REGAP.
b) Aprobar o Código Ético e de Boas Prácticas da REGAP.
c) Aprobar a publicación de números extraordinarios.
d) Aprobar a composición e o contido dos números ordinarios e extraordinarios, o cal implica a aceptación definitiva dos traballos incluídos nestes.
Artigo 12. O Comité Científico
1. O Comité Científico está formado por un/a presidente/a, un/a secretario/a e por un número de vogais académicos/as de recoñecido prestixio no ámbito das Ciencias Xurídicas, designados/as pola Presidencia do Consello Editorial, que se determine.
2. Polo menos o 50% dos seus integrantes non pertencerán á Comunidade Autónoma de Galicia. Polo menos, o 25% dos seus integrantes han de pertencer a institucións estranxeiras.
3. Son funcións do Comité Científico:
a) Propoñer accións de mellora da calidade da Revista.
b) Propoñer accións de mellora de difusión da Revista.
c) Propoñer accións de incremento do impacto da Revista.
d) Propoñer accións de garantía do correcto funcionamento da Revista.
e) Asesorar ao Consello Editorial en todo aquilo que lle sexa sometido a consulta.
4. As reunións do Comité Científico realizaranse, preferentemente, por medios telemáticos.
Artigo 13. Persoal de apoio técnico
1. No exercicio das súas funcións a Secretaría contará co apoio do servizo encargado das publicacións na EGAP e do persoal de Informática que preste servizos para a EGAP, a través dunha Secretaría auxiliar. A persoa encargada desta será a responsable da ordenación, impulso e control interno do proceso editorial da revista.
2. Así mesmo a Secretaría contará coas colaboracións externas que autorice a Presidencia do Consello Editorial. O devandito apoio terá por obxecto, primordialmente, garantir a adecuación técnica e formal dos traballos ás normas de publicación da REGAP que aprobe o Consello Editorial, mediante a súa revisión inicial e a corrección das probas previas á publicación, así como a corrección de estilo e lingüística.
Artigo 14. Persoal avaliador externo
1. A revista contará cunha base de datos de avaliadores/as de recoñecido prestixio alleos/as ao equipo editorial e á entidade editora da revista.
2. Este persoal terá o título de Doutor/a e a condición de persoal docente con vinculación ás universidades españolas ou estranxeiras ou ben serán persoas de recoñecido prestixio cun nivel profesional equivalente.
CAPÍTULO III
Estrutura da REGAP
Artigo 15. Seccións da REGAP
As seccións da revista son as seguintes:
a) Estudos.
b) Comentarios e Crónicas.
c) Recensións.
Artigo 16. Sección de Estudos
1. Os Estudos son traballos de investigación consistentes en achegas doutrinais orixinais.
2. Os Estudos terán como máximo 30 páxinas no formato xeral establecido polas normas editoriais de publicación da revista.
3. O contido desta sección supoñerá como mínimo o sesenta por cento do total da extensión da revista.
Artigo 17. Sección de Comentarios e Crónicas
1. Os Comentarios e Crónicas poden ser:
a) Esexese de sentenzas, de borradores de normas, de novas normas ou de documentos técnicoxurídicos.
b) Opinións científicas sobre temas de actualidade xurídica.
c) Opinións científicas sobre os traballos publicados na Revista.
d) Resumos dos contidos de congresos, cursos, seminarios ou outros actos académicos de interese xurídico celebrados pola EGAP.
2. Os Comentarios e Crónicas terán unha extensión máxima de 15 páxinas no formato xeral establecido polas normas editoriais de publicación da revista.
Artigo 18. Sección de Recensións
1. As Recensións son comentarios de libros editados preferentemente no ano anterior ao da publicación do correspondente número da Revista.
2. As Recensións terán unha extensión máxima de 5 páxinas no formato xeral establecido polas normas editoriais de publicación da Revista.
CAPÍTULO IV
Xestión dos traballos presentados para a súa publicación na REGAP
Artigo 19. Normas para a xestión do proceso editorial
O proceso editorial da REGAP axustarase ao disposto neste regulamento e no establecido nas normas técnicas aprobadas pola Presidencia do Consello Editorial.
Artigo 20. Envío dos traballos
1. Os traballos enviaranse á Secretaría da revista polos medios informáticos que se establezan para o efecto.
2. Na mensaxe de remisión, identificaranse a todas as persoas autoras do orixinal indicando os nomes, apelidos, código ORCID, institución de adscrición, país da institución de adscrición e correo electrónico.
3. Así mesmo, na devandita mensaxe, a persoa que envíe o traballo deberá indicar: que coñece o contido deste regulamento e do código ético e de boas prácticas da REGAP, que os acepta, e que a versión do traballo que envía non foi publicada nin se encontra en proceso de publicación noutra revista. De non o facer así, requiriráselle esta declaración, co apercibimento de que, se non a remitise nun prazo de dez días, o traballo non será tido en consideración para a súa publicación nesta.
Artigo 21. Recepción dos traballos
1. Unha vez recibidos os traballos, enviarase xustificante aos/as autores/as coa indicación da duración aproximada do proceso de edición.
2. En ningún caso se certificará a recepción dos traballos. Só se certificarán pola Secretaría, a petición dos/as autores/as que así o soliciten, aqueles traballos que fosen aceptados para a súa publicación provisional pola Comisión editorial ou definitiva polo Consello Editorial, neste último caso, indicado o número no que serán publicados.
Artigo 22. Revisión e avaliación dos traballos
1. Os traballos recibidos serán analizados pola Comisión Editorial e se ao seu xuízo reúnen os requisitos esixidos neste regulamento e nas demais disposicións aplicables, comezará o seu proceso de avaliación. No caso contrario, serán devoltos aos seus autores/as.
2. Os traballos seleccionados de acordo co punto anterior serán enviados para a súa avaliación, con omisión da súa autoría, a dúas persoas designadas pola Secretaría da revista.
3. A avaliación axuizará a orixinalidade, novidade, relevancia, rigor e calidade metodolóxica dos traballos.
4. A avaliación remitirase, polos medios informáticos que se establezan para o efecto, á Secretaría da revista nun prazo de quince días, e o seu resultado final pode ser positivo, positivo con suxestións ou negativo.
5. Os resultados da avaliación, tanto positiva coma negativa, comunicaranse polos medios informáticos establecidos para o efecto aos/as autores/as dos traballos. No caso de avaliación positiva con suxestións ou negativa remitirase aos/as autores/as un resumo dos puntos principais dos informes das persoas que realizaron a avaliación, omitindo a súa identidade.
Artigo 23. Aceptación provisional dos traballos para a súa publicación
1. A Comisión Editorial aceptará provisionalmente para a súa publicación os traballos con dúas avaliacións positivas, aínda que estas inclúan suxestións. Neste último caso, a Secretaría da revista devolverá o traballo a quen o presentase para que incorporen as devanditas suxestións no prazo improrrogable de dez días.
2. Non se publicarán os traballos que teñan dúas avaliacións negativas.
3. Se un traballo obtivese unha avaliación positiva e outra negativa, enviarase a unha terceira avaliación para a súa valoración. Só se esta terceira avaliación fose positiva ou positiva con suxestións, a Comisión Editorial poderá aceptalo provisionalmente para a súa publicación.
Artigo 24. Composición da REGAP
Para propoñer a composición, a Comisión Editorial, observará as seguintes regras:
a) Os traballos aceptados para a súa publicación serán distribuídos, en atención ao seu contido, nas distintas seccións nas que se estrutura a revista.
b) Como mínimo:
- o 70% dos traballos publicados serán obra de persoas externas ao Consello Editorial e ao Comité Científico.
- o 60% dos traballos publicados serán obra de persoas externas á Xunta de Galicia.
- o 50% dos traballos provirán de distintas institucións ou áreas xeográficas.
- o 10% dos traballos publicados provirán de persoas vinculadas a institucións estranxeiras.
Artigo 25. Aprobación e publicación da REGAP
Aprobada a publicación do número respectivo, a Secretaría da revista procederá a coordinar a súa premaquetación, tradución, maquetación, edición e impresión, de acordo coas normas editoriais da revista.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira. Retribucións
As retribucións que recibirán as persoas integrantes dos distintos órganos da REGAP, as persoas colaboradoras externas e os/as autores/as, axustaranse ao disposto pola normativa reguladora da EGAP.
Segunda. Dereitos de edición e publicación
Os dereitos de edición e publicación, en calquera soporte, dos traballos aceptados e publicados lle corresponden á Xunta de Galicia, que deberá autorizar calquera reprodución destes.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Única. Cláusula xeral derrogatoria
Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango e acordos que se opoñan ao disposto neste regulamento.
DISPOSICIÓN FINAL
Única. Entrada en vigor
Este regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Consello Reitor da EGAP
DATA da aprobación 25/10/2017