Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública

Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública1.

A necesidade de contar cun persoal adecuado para dar satisfacción ás demandas sociais que se lles formulan ás Administracións Públicas en cada momento histórico, obriga a estas a coida-la súa selección e formación entendida no senso máis amplo da palabra.

Esta formación vai dirixida a acadar unha maior profesionalización do seu persoal que redunde nunha maior eficacia na prestación dos servicios públicos.

A Xunta de Galicia creou polo Decreto 163/1982, do 1 de decembro, a E.G.A.P., co carácter de órgano administrativo sen personalidade xurídica propia, que veu desenvolvendo actividades de formación do persoal.

O volume da actividade da Escola aconsella a creación da E.G.A.P. como entidade autónoma da Xunta de Galicia que, adscrita á Consellería da Presidencia, será o órgano encargado da formación do persoal ó servicio da Administración Pública galega.

Como a formación depende do modelo de Función Pública que se deseñe e do proceso selectivo que se implante —e, polo tanto, do contido e momento de impartición—, esta Lei regula con flexibilidade os fins, a estructura organizativa básica e as fontes de financiamento, e permite, pola vía de convenios, establecer pontes de colaboración con outras institucións públicas ou privadas.

A necesidade de creación desta Escola vén motivada ademais pola conveniencia de incardina-la Administración Autonómica no entorno histórico, lingüístico, político e cultural de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de Creación da Escola Galega de Administración Pública.

Artigo 1

1. A Escola Galega de Administración Pública (E.G.A.P.) créase como organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito organicamente á Consellería da Presidencia.

2. A Escola Galega de Administración Pública (E.G.A.P.) é unha entidade de Dereito Público con personalidade xurídica e patrimonio de seu que actúa con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins, e rexerase pola normativa autonómica que lle sexa de aplicación e pola reguladora das entidades autónomas.

Artigo 2

A Escola Galega de Administración Pública terá a súa sede en Santiago de Compostela e poderá crear delegacións e centros de estudios especializados así como desenvolver actividades noutras localidades de Galicia.

Artigo 32

1. Son fins da EGAP:

a) Colaborar na realización das probas selectivas para o acceso á condición de persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocadas de conformidade co disposto na normativa de emprego público aplicable, e doutras administracións públicas que, mediando convenio, llo encomenden, con excepción do persoal docente e sanitario.

b) Organizar e impartir cursos selectivos de formación e cursos complementarios de formación, de carácter non selectivo, subseguintes ás probas selectivas, con excepción do persoal docente e sanitario.

c) Organizar e impartir cursos, seminarios e outras actividades de formación e perfeccionamento do persoal ó que se alude no apartado a).

d) Realiza-las probas e imparti-los cursos que se establezan para a promoción interna dos funcionarios.

e) Realiza-las probas e imparti-los cursos selectivos descentralizados para o acceso á condición de funcionarios locais con «habilitación de carácter nacional», nos términos previstos no artigo 98.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local.

f) Realiza-las probas selectivas e os cursos selectivos ou complementarios de selección dos funcionarios dos entes locais de Galicia «sen habilitación nacional», de acordo cos convenios que se subscriban coas distintas entidades locais.

g) A investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración Pública, promovendo a súa máxima difusión.

h) O establecemento de convenios e a celebración de intercambios con organismos semellantes das Administracións Públicas, a nivel estatal e internacional.

i) A difusión e a normalización do idioma galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal e maila participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega.

l) Calquera outro que se lle asigne por Lei.

2. A Escola poderá concertar con centros universitarios de Galicia e con outros centros ou entidades de titularidade pública ou privada a realización das actividades ás que se refire o apartado anterior.

Artigo 4

As institucións e órganos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán requirir da E.G.A.P. asesoramento ou dictame para o mellor cumprimento das súas funcións en relación cos fins enumerados no artigo anterior.

Artigo 5

Os órganos de goberno e administración da E.G.A.P. son:

1.— O Consello Rector.

2.— O Director.

Artigo 6

O Consello Rector ten atribuídas as seguintes facultades:

1.— Aproba-lo anteproxecto do presuposto anual da Escola e as súas contas.

2.— Aproba-lo plan anual de actividades, o plan de estudios e a memoria da Escola.

3.— Da-la conformidade ós proxectos de convenios con centros semellantes doutras Administracións Públicas e institucións.

4.— Propoñe-la organización administrativa da Escola e o seu correspondente cadro de persoal.

5.— Propoñe-los programas comúns para o ingreso na Administración Pública galega e emitir informe sobre os programas específicos de selección de persoal ó servicio da mesma, de conformidade coa normativa aplicable en cada caso.

6.— Establece-las bases e condicións xerais de participación e acceso ós cursos ou actividades que convoque a E.G.A.P.

7.— Elaborar e aproba-lo Regulamento interno da E.G.A.P.

8.— Coñece-los asuntos que pola súa relevancia lle sexan sometidos polo Presidente do Consello ou o Director da E.G.A.P.

Artigo 73

O Consello Rector da EGAP estará constituído da seguinte forma:

1.— Presidente: o Conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

2.— Vicepresidente: o Director Xeral da Función Pública.

3.— Vocais:

a) O Director da EGAP.

b) Cinco representantes da Xunta de Galicia, designados, por razón do seu cargo, polo Consello da mesma entre aqueles que ostenten a categoría de Director Xeral.

c) Cinco expertos de recoñecido prestixio no eido da Administración Pública, nomeados polo Consello da Xunta de Galicia.

d) Tres representantes das Universidades galegas, designados pola Xunta de Goberno.

e) Catro representantes da Administración Local de Galicia, tres elixidos polos Concellos e un polas Deputacións.

A súa renovación terá lugar cada vez que se celebren eleccións locais xerais.

f) En representación do persoal empregado público, unha persoa, coa condición de persoal empregado público, designada por cada unha das organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Negociación dos Empregados Públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A súa renovación terá lugar cada vez que se celebren eleccións sindicais no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

4.— O mandato dos vocais terá unha duración de catro anos. No suposto de renovación dalgún deles antes de remata-lo devandito período, o seu substituto será nomeado para o tempo que falte para o remate do mandato.

Do disposto no parágrafo anterior exceptúanse aqueles vocais que ocupen o posto por razón do seu cargo.

5.— A Xunta de Galicia determinará por Decreto o procedemento para a designación dos representantes da Administración Local de Galicia no Consello Rector da EGAP.

6.— O Secretario Xeral da EGAP actuará, así mesmo, como Secretario do seu Consello Rector.

Artigo 84

1. O funcionamento do Consello Reitor axustarase ao que dispón, en materia de órganos colexiados, a normativa básica estatal e a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. O Secretario, sen voz nin voto no Consello, redactará e custodiará as actas.

3. O Consello Rector reunirase, alomenos, unha vez ó trimestre e, de tódolos xeitos, sempre que sexa convocado polo Presidente ou a petición dunha cuarta parte dos seus membros.

4. A Orde do Día das sesións do Consello Rector será fixada polo seu Presidente tendo en conta as peticións formuladas ó respecto polos demais membros.

Artigo 9

Son competencias do Director da E.G.A.P.:

1.— Ostenta-la representación ordinaria da Escola.

2.— Preparar e executa-los acordos do Consello Rector.

3.— Dirixi-los servicios e exerce-la xefatura do persoal da Escola.

4.— Exerce-la xestión presupostaria da Escola, dispoñendo os gastos e propoñendo a ordenación dos pagamentos.

5.— Elabora-lo anteproxecto do presuposto anual da Escola, para sometelo á aprobación do Consello Rector.

6.— Propoñerlle ó Consello Rector o plan anual de actividades.

7.— Prepara-la memoria de actividades da Escola, para o seu sometemento ó Consello Rector.

8.— Coordena-lo desenvolvemento das actividades da Escola.

9.— Expedir diplomas e certificados acreditativos dos estudios realizados na Escola.

10.— Dirixir, impulsar e supervisa-lo cumprimento dos fins e actividades da Escola.

Artigo 10

O Director da E.G.A.P. terá categoría de Director Xeral e será nomeado pola Xunta a proposta do Conselleiro da Presidencia entre persoas con acreditados coñecementos e experiencia na Administración Pública de Galicia.

Artigo 11

1. O cadro do persoal da Escola será cuberto con funcionarios de carreira destinados na Comunidade Autónoma de Galicia ou en calquera outra Administración Pública.

2. Os profesores da Escola que non ostenten a condición de funcionarios de carreira que os habilite para o desenvolvemento de tal función terán a condición de colaboradores temporais e dereito a percibi-las compensacións económicas que cumpran por asistencia, horas lectivas, conferencias, seminarios ou traballos determinados.

3. A Escola poderá encargar traballos de investigación para o mellor cumprimento dos seus fins logo da correspondente convocatoria pública.

Artigo 12

Para o cumprimento dos seus fins, a E.G.A.P. dispoñerá dos seguintes medios económicos:

1.— Recursos ordinarios:

1.1.— As cantidades que se lle asignen nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

1.2.— Os bens e os valores que constitúen o seu propio patrimonio e os rendementos deste.

2.— Recursos extraordinarios:

2.1.— As subvencións oficiais e os donativos ou aportacións voluntarias de entidades ou particulares.

2.2.— As contraprestacións económicas que xeren os convenios que celebre e as actividades da Escola.

2.3.— Os ingresos que obteña polas súas publicacións.

Disposición adicional

Sen prexuício do seu valor na Comunidade Autónoma Galega promoverase o recoñecemento dos diplomas outorgados pola Escola perante o resto das Administracións Públicas.

Disposición derradeira

Facúltase á Xunta de Galicia para dictar no prazo dos catro meses seguintes á entrada en vigor desta Lei as disposicións que fosen precisas para o seu desenvolvemento e cumprimento.5

Santiago de Compostela, 27 de maio de 1987

Xerardo Fernández Albor
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 103, do 2 de xuño de 1987. De acordo co artigo 32.cuatro da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021): “As referencias contidas na Lei 4/1987, do 27 de maio, á Consellería da Presidencia, ao conselleiro da Presidencia e Administración Pública e ao conselleiro da Presidencia entenderanse feitas á consellaría competente en materia de administración pública e á persoa titular da consellaría competente en materia de administración pública, respectivamente”.

2 Redacción do artigo 3 dada polo artigo único da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 121, DOG do 24 de xullo de 1989). Redacción vixente da letra a) do apartado 1 do artigo 3 dada pola artigo 32 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

3 Redacción do artigo 7 dada polo artigo único da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 121, DOG do 24 de xullo de 1989). Redacción vixente da letra f) do apartado 3 do artigo 7 dada pola artigo 32 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

4 Redacción do artigo do apartado 1 do artigo 8 dada pola artigo 32 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

5 Decreto 306/1990, do 24 de maio, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento da Escola Galega de Administración Pública, e Decreto 52/2013, do 14 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Escola Galega de Administración Pública.