Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica

Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica1.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle, como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, o fomento e a planificación da súa actividade económica. Nese marco e para o logro do desenvolvemento económico e social de Galicia considérase necesario o mellor aproveitamento de recursos económicos da rexión, para favorece-la modernización da economía, potencia-lo desenvolvemento tecnolóxico e contribuír á xeración de emprego e a eleva-lo benestar da sociedade galega.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten recoñecida, así mesmo, a competencia para a creación e xestión dun sector público rexional. Para a súa consecución eficaz, na actualidade requírense fórmulas como a que agora se establece, que combinen a necesaria axilidade e rapidez esixidas pola dinámica económica e social cos criterios de rigor, responsabilidade e control esixibles á autoridade pública.

Galicia coñeceu nos últimos anos unha apreciable transformación das súas estructuras económicas e sociais que puxo de relevo a súa capacidade para afrontar circunstancias adversas, e tamén a necesidade de dota-la Comunidade Autónoma dun instrumento que permita o máximo desenvolvemento da actividade económica.

Por iso considérase conveniente a creación do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), como ente de dereito público que, concentrando a iniciativa e os programas de promoción e fomento do desenvolvemento rexional, e en cooperación coas administracións comunitaria, central do Estado, autonómica e local e con outros entes públicos de promoción, contribúa á dinamización da economía de Galicia, impulsando a capacidade de innovación, a explotación das vantaxes propias e dos factores endóxenos, a atracción de investimentos, a competitividade da economía e o conxunto de actuacións de asesoramento, promoción, información e apoio que esixa o cumprimento dos seus obxectivos.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de creación do Instituto Galego de Promoción Económica.

Título I

Natureza, fins e funcións

Artigo 1

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e ó amparo do seu Estatuto de autonomía, créase o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), como ente de dereito público con personalidade xurídica propia e patrimonio de seu. Nos casos nos que así proceda, a súa actividade estará suxeita á Lei de xestión económica e financeira pública de Galicia e ás demais normas de aplicación.

Nas súas relacións externas, na administración patrimonial e na contratación, o IGAPE estará suxeito ó dereito privado.

Artigo 2

O IGAPE adscríbese á Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 3

O IGAPE créase como un instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, promovendo actividades que contribúan á creación de emprego en Galicia e a un desenvolvemento económico harmónico, equilibrado e xusto, baseado nun tecido industrial moderno e competitivo.

A súa acción incidirá tanto no sistema productivo coma na mellora dos procesos de producción, xestión e comercialización.

Artigo 4

Son funcións do IGAPE:

a) Potencia-las actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado das distintas comarcas.

b) Promove-la creación de empresas nos distintos sectores da actividade económica que teñan maior impacto e vantaxes comparativas para o desenvolvemento da economía galega.

c) Promover actividades creadoras de emprego e as que utilicen máis racionalmente recursos internos.

ch) Favorece-la modernización e a innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas, en particular das pequenas e medianas.

d) Fomenta-la prestación de servicios a empresas, especialmente ás pequenas e medianas, promovendo sociedades de servicios.

e) Fomenta-lo desenvolvemento da relación científica e tecnolóxica entre os centros universitarios, técnicos e de investigación e as empresas productivas. Potencia-lo desenvolvemento de parques tecnolóxicos que materialicen esta relación.

f) Promover accións de divulgación dos instrumentos e fondos dos que dispoñen as administracións públicas españolas e a Comisión das Comunidades Europeas para apoio ás actividades económicas.

g) Proporcionar información sobre os mercados e favorece-lo desenvolvemento das exportacións e dos acordos con empresas estranxeiras.

h) Impulsa-la realización de estudios que promovan o desenvolvemento económico de Galicia.

i) Divulga-los fins e as actividades que xustifican a súa creación entre os distintos sectores económicos e axentes sociais.

l) Promover, fomentar e potenciar actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado tanto en termos sectoriais coma territoriais.

ll) Creación dun fondo de documentación básica para a promoción económica.

m) En xeral, apoiar e promover calquera tipo de actividades que contribúan á mellora do sistema productivo de Galicia, especialmente as de maior importancia estratéxica.

Artigo 5

Coa finalidade de apoiar e promove-las accións que favorezan o desenvolvemento económico de Galicia, o IGAPE poderá realizar toda clase de actividades económicas e financeiras, sen máis limitación có disposto nesta lei e nas disposicións que lle sexan aplicables.

En particular, poderá constituír sociedades mercantís ou participar en sociedades xa constituídas, ou en fundacións que contribúan ó logro dos fins do IGAPE, sendo preceptivo nestes casos o importe do Consello Asesor a que se refire o artigo 13 desta lei.

Tamén poderá obter subvencións e garantías da Xunta de Galicia e doutras entidades e institucións comunitarias, estatais, autonómicas e locais.

Así mesmo, poderá promover e establecer acordos de todo tipo con empresas, organismos, institucións, asociacións e expertos que poidan contribuír ó logro dos seus fins e funcións.

Artigo 6

O IGAPE poderá participar en sociedades establecidas fóra do territorio de Galicia cando respondan a procesos de expansión de empresas galegas. Neste caso a decisión da participación deberá contar co acordo do Consello da Xunta.

Título II

Organización

Artigo 7

Os órganos de goberno do IGAPE serán o Consello de Dirección, o presidente e mailo director.

Ademais, o IGAPE contará cun Consello Asesor.

Artigo 8

O Consello de Dirección, órgano colexiado de goberno, estará formado por un mínimo de cinco membros e un máximo de nove. Correspóndelle ó Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, o seu nomeamento e a súa destitución.

O Consello de Dirección estará composto por membros do Goberno e da Administración autonómica e presidirao o presidente do IGAPE ou a persoa en quen delegue.

O Consello de Dirección nomeará un secretario, que actuará con voz pero sen voto.

Determinarase regulamentariamente a estructura do dito órgano.

Artigo 9

Correspóndelle ó Consello de Dirección exercer, sen máis limitacións cás establecidas polas leis, tódalas facultades e funcións que sexan precisas para acada-los fins do IGAPE. En especial:

a) Orienta-la actuación do IGAPE, dentro das liñas marcadas pola Xunta de Galicia.

b) Decidir sobre tódalas cuestións relacionadas coa organización, co funcionamento e coas operacións que ten que realiza-lo IGAPE, sen prexuício das facultades e funcións delegadas e atribuídas por esta lei ó director.

c) Aproba-lo anteproxecto de presuposto, que lle será remitido á Consellería de Economía e Facenda para ser incluído no proxecto de presuposto xeral da Comunidade Autónoma.

ch) Acorda-la celebración de contratos e convenios que concerte o Instituto.

d) Decidir sobre asuntos que lle someta o presidente.

e) Aproba-la memoria anual, o balance e maila conta de perdas e ganancias, que lle serán remitidos ó Consello de Contas.

Artigo 10

1. O Consello de Dirección reunirase, como mínimo, catro veces no ano.

2. O Consello de Dirección poderá delegar no presidente calquera función específica.

Artigo 11

O presidente do IGAPE será, por razón do seu cargo, o conselleiro de Economía e Facenda.

O presidente desempeñará a representación do IGAPE en toda clase de actos ou negocios xurídicos e exercerá no seu nome accións e recursos.

Correspóndelle ademais ó presidente:

a) Ordena-la convocatoria do Consello, fixa-la orde do día e presidi-las sesións do mesmo.

b) Velar polo cumprimento das directrices de actuación marcadas pola Xunta de Galicia.

c) Propoñe-la adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e o funcionamento do IGAPE.

O presidente poderá delegar no director calquera función específica.

Artigo 12

O director do IGAPE será nomeado e, se é o caso, destituído polo Consello de Dirección, por proposta do seu presidente, e o seu cargo será incompatible con calquera actividade pública ou privada, nos termos previstos na lexislación vixente.

Correspóndelle ó director:

a) Darlles cumprimento ós acordos do Consello de Dirección.

b) Propoñe-las liñas estratéxicas de actuación do IGAPE, o programa anual de actividades e o anteproxecto de presupostos.

c) Xestiona-lo IGAPE e render contas da xestión perante o Consello de Dirección e elabora-la memoria anual, o balance e maila conta de perdas e ganancias.

ch) Exerce-la dirección administrativa e de persoal.

d) Coordinar, inspeccionar e controla-lo funcionamento dos servicios e das dependencias.

e) Representa-lo Instituto nas sociedades participadas polo mesmo.

f) As funcións que lle sexan delegadas polo presidente ou polo Consello de Dirección.

Artigo 13

Para o mellor exercicio das competencias dos órganos ós que se refiren os artigos anteriores, créase o Consello Asesor como órgano de consulta e asesoramento, que se reunirá como mínimo unha vez cada semestre.

Terá ó seu cargo as seguintes funcións:

a) Asesora-lo Consello de Dirección na elaboración do plan trianual, antes da súa aprobación polos órganos rectores do Instituto.

b) Promover e impulsar tódalas actividades que faciliten o cumprimento dos fins do IGAPE.

c) Informar e asesora-lo Consello de Dirección de todos cantos asuntos lle encomenden.

O Consello Asesor estará composto por representantes da Administración Autónoma, das organizacións empresariais e sindicais, das universidades e dos centros de investigación, e doutras institucións e personalidades destacadas pola súa actividade económica ou profesional.

O número de membros e o seu funcionamento determinarase regulamentariamente.

Título III

Recursos, réxime económico, persoal e control

Artigo 14

Os recursos do IGAPE estarán formados por:

1.— As consignacións presupostarias que lle sexan asignadas nos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.— Os ingresos que poida percibir pola prestación dos servicios.

3.— As subvencións ou achegas voluntarias de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

4.— As rendas e os productos que xeren os bens e valores que constitúen o patrimonio do IGAPE.

5.— Os créditos, préstamos e demais operacións financeiras que concerte.

6.— Calquera outro recurso que se lle puidese atribuír.

Artigo 15

O IGAPE elaborará anualmente un programa de actividades no que figuren os obxectivos anuais, as accións económicas e de promoción, os investimentos previstos e a súa avaliación económica.

Este programa inscribirase noutro trianual no que se reflictan as directrices estratéxicas do IGAPE.

Artigo 16

O réxime financeiro, contable e presupostario axustarase ás normas que para sociedades e entidades de capital público se conteñen na Lei de xestión económica e financeira pública de Galicia.

Artigo 17

O persoal do IGAPE poderá ser:

— Contratado en réxime de dereito laboral, respectando os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.

— Funcionario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia, adscrito a esta entidade.

Baixo a dirección e supervisión do director e mais do presidente, definirase a súa estructura e dotarase de persoal suficiente.

Pertencer ó Consello de Dirección ou ó Consello Asesor non xerará en ningún caso dereitos laborais.

Artigo 18

O control de eficacia será exercido pola Consellería de Economía e Facenda, baseándose na comprobación do cumprimento dos obxectivos fixados no plan estratéxico trianual e nos respectivos plans anuais.

Disposición adicional primeira

O Parlamento de Galicia deberá autorizar, mediante lei, a transformación, modificación, liquidación ou extinción do IGAPE. A Comunidade Autónoma de Galicia farase cargo nestes casos do conxunto de dereitos e obrigas derivados do proceso.

Disposición adicional segunda

A consignación inicial do IGAPE estará constituída por unha dotación de dous mil millóns de pesetas.

Disposición transitoria única

Autorízase ó Consello da Xunta de Galicia para que, unha vez constituídos os órganos de goberno e por proposta do Consello de Dirección, a iniciativa do conselleiro de Economía e Facenda, aprobe a asignación ás correspondentes contas dos estados presupostarios da dotación global de dous mil millóns de pesetas a que se refire a disposición adicional segunda, conforme o preceptuado pola Lei de xestión económica e financeira pública de Galicia.

Os estados elaborados pasarán a formar parte do conxunto de presupostos de empresas públicas, dentro do presuposto xeral da Comunidade Autónoma de cada exercicio.

Das actuacións anteriores daráselle conta á Comisión de Economía, Facenda e Presupostos do Parlamento.

Disposición derradeira primeira

Autorízase ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, para que dicte tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei, dentro dos seis meses seguintes á súa entrada en vigor.2

Disposición derradeira segunda

Esta lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 1992

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 122, do 26 de xuño de 1992.

2 Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)