Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia

Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia1 2.

O reto do actual marco industrial, caracterizado polo ámbito global no que se desenvolve, fai imprescindible a utilización racional da enerxía como factor clave de competitividade das nosas empresas e da calidade de vida dos nosos cidadáns.

Así as cousas, a harmonía entre a calidade do ambiente e a utilización da enerxía é básica para o desenvolvemento sostido de calquera comunidade autónoma, debido a que ambos son factores complementarios determinantes del. De aí que o establecemento dunha «estratexia enerxética autonómica» sexa unha actividade prioritaria pola súa incidencia no desenvolvemento industrial, económico e social da nosa comunidade autónoma.

Impulsa-lo desenvolvemento simultáneo da economía e do emprego en Galicia, asegura-la satisfacción da demanda enerxética e alenta-lo uso racional da enerxía potenciando o desenvolvemento das enerxías renovables que diminúan a dependencia exterior e a conservación do ambiente son as accións rectoras que, coordinadas no marco do Plan enerxético nacional, orientan e definen a política da Xunta de Galicia en materia de enerxía.

Nun mundo de acelerados cambios tecnolóxicos e mercados interdependentes, a necesidade dun maior grao de competitividade das nosas empresas, o dispor de recursos económicos destinados ó financiamento de proxectos e de investigación enerxética e maila participación en programas comunitarios e internacionais relativos á enerxía esixen da administración un papel dinamizador mediante a difusión e a axuda para a aplicación das ditas tecnoloxías, canalizando os esforzos realizados en materia de investigación, formación ou desenvolvemento.

Este reto foi recollido pola Administración galega, que desenvolveu un amplo abano de programas para favorece-la consecución dos ditos obxectivos. Neste marco de actuacións, púxose de manifesto a necesidade de crear un instrumento operativo que leve a cabo as funcións, as iniciativas e os programas enerxéticos desenvolvidos ata o momento neste ámbito autonómico por distintos organismos da Xunta de Galicia, profundando e consolidando a tarefa emprendida.

Este instrumento operativo necesita dunha maior axilidade operativa á hora de contratar, desenvolver accións, plasmar acordos e tomar decisións que lle axuden a acadar dun modo eficiente os seus obxectivos. Por isto, escolleuse a figura dun ente de dereito público con personalidade xurídica propia, que se rexerá nas súas actividades externas polas normas do dereito privado.

Así, para o desenvolvemento da política enerxética galega, nace o Instituto Enerxético de Galicia, que forma parte do sector público autonómico, coa importante vantaxe de aproveita-las estructuras existentes neste campo para levar a cabo as súas tarefas e coa misión de integra-lo Plan enerxético de Galicia e o Plan de aforro e eficiencia enerxética, a atracción de novos investimentos para o sector, o apoio ás empresas de transporte, distribución e comercialización de enerxía e ás empresas consumidoras, a explotación das vantaxes territoriais propias e os factores endóxenos en materia de enerxía, a optimización dos sistemas técnicos, os plans de formación en enerxía e o apoio ós plans de industrialización e ordenación do territorio.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1993, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de creación do Instituto Enerxético de Galicia.

Capítulo I

Disposicións xerais: natureza, fins e funcións

Artigo 1º.-Creación do Instituto Enerxético de Galicia.

1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e ó abeiro do seu Estatuto de autonomía, créase o Instituto Enerxético de Galicia, como ente de dereito público, con personalidade xurídica e patrimonio propio para o cumprimento dos seus fins.

2. O Instituto Enerxético de Galicia rexerase por esta lei, pola Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e polas demais normas de aplicación.

O Instituto Enerxético de Galicia axustará a súa actividade ó ordenamento xurídico privado, agás cando exerza potestades administrativas. Neste suposto estará sometido á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ás demais normas administrativas de xeral aplicación.

Nas súas actividades de contratación aplicarase a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, de acordo co disposto no artigo 1.3 desta.

3. O Instituto Enerxético de Galicia adscríbese á consellería competente en materia de enerxía.

Artigo 2º.-Fins do instituto.

O Instituto Enerxético de Galicia ten por finalidade o fomento, o impulso e a realización de iniciativas e programas de actuación para a investigación, o estudio e o apoio das actuacións de coñecemento,

desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia, así como a participación na xestión e prestación, se é o caso, de servicios noutros campos sinérxicos ó enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Artigo 3º.- Autonomía funcional.

1. O instituto estará suxeito, nas súas actividades, ós programas e ás directrices xerais da Xunta de Galicia.

2. Sen prexuízo do anterior, o instituto terá autonomía funcional para realizar estudios, dictames, peritaxes e actividades formativas e comerciais, dentro da súa finalidade básica, para a administración pública, as empresas e os particulares.

Artigo 4º.-Funcións.

As funcións xerais do instituto serán as seguintes:

a) Elaborar e propoñerlle á consellería competente en materia de enerxía plans e programas en materia enerxética.

b) Promover e, de se-lo caso, executa-los plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.

c) Controlar, vixiar e inspecciona-las instalacións de producción, conducción, distribución, subministración e consumo de enerxía, tendo como obxectivo prioritario a seguridade das instalacións.

d) Propoñe-la elaboración de disposicións para o establecemento, o desenvolvemento e a xestión da política enerxética.

e) Fomentar e desenvolver programas de asesoramento e auditoría enerxéticos para impulsar actuacións de aforro e mellora da eficacia enerxética, elaborar programas de racionalización do uso da enerxía e promove-lo aproveitamento dos recursos enerxéticos.

f) Fomentar e participar en programas e proxectos de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías enerxéticas, bens de equipo e servicios relacionados coa enerxía.

g) Fomentar e participar na avaliación e implantación de sistemas de producción de enerxía baseados en recursos endóxenos, con especial promoción dos que utilicen enerxías renovables e de coxeración.

h) Elaborar estudios e realizar e emitir informes e recomendacións en materia enerxética para entes públicos ou privados.

i) Organizar programas de formación e reciclaxe profesional, en colaboración con centros de formación de ámbito universitario e profesional.

j) Orienta-los usuarios nos hábitos de consumo enerxético mediante campañas e actuacións específicas.

k) Fomenta-la participación das empresas e institucións galegas nos programas enerxéticos estatais e internacionais, principalmente os emprendidos pola Unión Europea, así como emitir informe e asesorar sobre as directrices e os programas comunitarios dirixidos ó ámbito enerxético.

l) Poderá te-la representación da Comunidade Autónoma nos organismos previstos pola Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, así como por calquera outra lei en materia enerxética.

m) Exercer calquera outra función técnica, material ou xurídica que, en relación coas materias da súa competencia, se lle encomende ou competa ó instituto no marco desta lei.

Artigo 5º.-Actuacións do instituto.

Para o adecuado exercicio das súas funcións, o Instituto Enerxético de Galicia poderá, de acordo coa lexislación autonómica aplicable:

a) Establecer convenios e contratos con institucións públicas ou privadas interesadas no ámbito das súas funcións.

b) Colaborar con outras administracións para favorece-la adopción de medidas de aforro e de racionalización na producción, distribución e subministración de enerxía.

c) Constituír e/ou participar en sociedades, calquera que sexa a súa forma, cun obxecto que se relacione cos fins do instituto, logo de informe da Consellería de Economía e Facenda.

d) Promove-lo establecemento de liñas de financiamento para a realización de proxectos enerxéticos por conta propia ou en colaboración con outras institucións públicas ou privadas.

Capítulo II

Órganos do Instituto Enerxético de Galicia

Artigo 6º.-Órganos de goberno.

Os órganos de goberno do instituto serán o consello de administración e o director.

Así mesmo, o instituto contará coa orientación e a asistencia dun consello asesor.

Artigo 7º.-O consello de administración.

1. O consello de administración é o órgano colexiado de goberno e ten as máis amplas facultades de dirección, actuación e xestión deste.

2. O consello de administración estará constituído por:

a) O presidente, que será o conselleiro competente en materia de enerxía.

b) O vicepresidente, que será o director xeral competente en materia de enerxía.

c) Un mínimo de seis vocais e un máximo de oito, dos que:

-Un será o director do instituto.

-Dous vocais representarán a consellería competente en materia de enerxía e serán designados por esta.

-Un vocal representará a consellería competente en materia de economía e facenda e será proposto por esta.

-Un vocal representará a consellería competente en materia de ordenación territorial e será proposto por esta.

-Un vocal representará a consellería competente en materia de ambiente e será proposto por esta.

-Un vocal representará as corporacións locais e será proposto pola Fegamp.

d) Os vocais do consello de administración serán nomeados e separados pola consellería competente en materia de enerxía.

O consello de administración, por proposta do director do instituto, nomeará un secretario, que actuará con voz pero sen voto, quen será igualmente secretario do consello asesor.

3. Correspóndelle ó consello de administración exercer, sen máis limitacións cás establecidas polas leis, tódalas facultades e funcións que sexan precisas para acada-los fins do instituto e, en especial:

a) Fixa-las directrices de actuación do instituto, dentro das liñas marcadas pola Xunta de Galicia.

b) Decidir sobre tódalas cuestións relacionadas coa organización, o funcionamento e as operacións que ten que realiza-lo instituto.

c) Aproba-lo anteproxecto de orzamento, que lle será remitido á consellería competente en materia de economía e facenda, a través da consellería competente en materia de enerxía, para ser incluído no proxecto de orzamento xeral da Comunidade Autónoma.

d) Aproba-la memoria anual, o balance e a conta de perdas e ganancias, que lle serán remitidos ó Consello de Contas.

e) Aproba-lo programa de actividades, así como a súa avaliación periódica e os seus resultados.

f) Aproba-los convenios de colaboración e os contratos que se formalicen para a consecución dos seus fins.

g) Calquera outra función que, pola súa importancia ou transcendencia, lle someta o presidente, así como todas aquelas que sexan necesarias para

alcanza-los fins do instituto e non estean expresamente atribuídas a outro órgano deste.

h) Fixa-los prezos e as tarifas que o instituto deba percibir pola prestación dos seus servicios.

i) Decidi-la constitución de sociedades filiais ou a participación en sociedades calquera que sexa a súa forma xurídica.

4. O consello de administración reunirase, en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ó trimestre.

Artigo 8º.-O director do instituto.

1. O director do instituto será nomeado polo Consello da Xunta, por proposta do conselleiro competente na materia.

2. Correspóndelle ó director dirixi-la actividade do instituto baixo as directrices do consello de administración e, en concreto:

a) Representa-lo instituto en calquera acto e contrato en xuízo e fóra del.

b) Executa-los acordos do consello de administración.

c) Dirixir, coordinar, xestionar e controlar tódalas dependencias, instalacións e servicios.

d) Exerce-la dirección de todo o persoal.

e) Elaborar e presentarlle anualmente ó consello de administración, para a súa aprobación, o anteproxecto de orzamentos, o programa de actividades ó que se refire o artigo 11, a memoria, o balance e maila conta de perdas e ganancias do instituto.

f) Realiza-las funcións específicas que o consello de administración lle delegue.

g) Autoriza-los gastos e ordena-los pagamentos.

Artigo 9º.- O consello asesor.

1. O consello asesor é un órgano de carácter consultivo e de asesoramento, no que participarán ou estarán representadas institucións ou sociedades do ámbito enerxético galego, públicas ou privadas, co fin de coordina-los esforzos conducentes á consecución dos obxectivos básicos do instituto.

2. O presidente do consello de administración será o presidente do consello asesor.

3. A súa composición e funcionamento determinarase regulamentariamente.

Capítulo III

Recursos, réxime económico, persoal e control

Artigo 10º.-Recursos do instituto.

Os recursos do Instituto Enerxético de Galicia estarán constituídos por:

a) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos procedentes da recadación de taxas e prezos que obteña pola prestación dos seus servicios no exercicio das súas funcións.

c) Os productos e as rendas do seu patrimonio.

d) Os ingresos e os beneficios de todo tipo derivados da participación nas sociedades ás que se refire a alínea c) do artigo 5 desta lei.

e) As subvencións e achegas que, segundo o caso, concedan ó seu favor entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

f) Os créditos, préstamos e demais operacións financeiras que poida concertar, de acordo co previsto nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma.

g) Calquera outra achega ou recurso que puidese xerarse ou lle sexa atribuído.

Artigo 11º.-Programa de actividades.

O instituto elaborará anualmente un programa de actividades no que figuren os obxectivos anuais, as accións económicas e de promoción, os investimentos previstos e a súa avaliación económica.

Anualmente remitiráselle ó Parlamento un informe detallado do programa de actividades do instituto.

Artigo 12º.-Réxime financeiro e orzamentario.

O réxime financeiro contable e orzamentario, así como o control da actividade económica e financeira do instituto, rexeranse polo disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Persoal do instituto.

1. O persoal do instituto poderá ser:

a) Contratado en réxime de dereito laboral, respectando os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.

b) Funcionario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia, adscrito a esta entidade.

2. Baixo a dirección do consello de administración e por proposta do director do instituto, definirase a súa estructura e dotarase do persoal suficiente.

3. Pertencer ó consello de administración ou ó consello asesor non xerará en ningún caso dereitos laborais.

Disposición adicional

Única.-O Parlamento de Galicia deberá autorizar, mediante lei, a transformación, modificación, liquidación ou extinción do Instituto Enerxético de Galicia. A Comunidade Autónoma farase cargo, nestes casos, do conxunto de dereitos e obrigas derivados do proceso.

Disposición transitoria

Única.-Autorízase o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, para aproba-los orzamentos de explotación e capital previstos no artigo 83 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O Consello da Xunta de Galicia adoptará cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta lei dentro dos seis meses seguintes á súa entrada en vigor.

Segunda.-Asígnanselle ó Instituto Enerxético de Galicia as funcións que viña desenvolvendo a Consellería de Industria e Comercio con respecto ás seguintes sociedades: Gas Galicia; SDG, S.A.; Galioil, S.A.; Gestión Energética de Galicia, S.A.; Parque Eólico de Malpica, S.A., e Energía de Galicia, S.A.

Santiago de Compostela, once de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 1999.

2 Téñase en conta tamén o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia.