Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral1.

Preámbulo

A Constitución española de 1978, no seu artigo 40.2, establece como un dos principios reitores da política social e económica a obriga dos poderes públicos de velaren pola seguridade e hixiene no traballo, mandato que abrangue todas as administracións públicas, cada unha no ámbito das súas competencias, non só no marco da materia laboral, senón en virtude dos aspectos complexos ligados á saúde e á seguridade no traballo, así como noutros espazos administrativos, tales como o ámbito específico da saúde. E no artigo 35 así mesmo recoñece o dereito ao traballo, o que implica o fomento dunhas condicións laborais dignas e seguras. No seu artigo 149.1.7 atribúelle ao Estado a competencia exclusiva en materia de lexislación laboral, sen prexuízo da súa execución por parte das comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación básica do Estado en materia laboral.

A normativa estatal vixente, en materia de seguridade e saúde laboral, está constituída basicamente pola Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, que traspuxo ao ordenamento xurídico español a Directiva marco 89/391/CEE, que contén o marco xurídico xeral no que opera a política de prevención comunitaria. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, abandona a vella acepción de seguridade e hixiene no traballo e opta por un novo sistema da organización da seguridade no traballo baseado na consideración da prevención de riscos laborais como actividade integrada no conxunto das actividades da empresa e destaca os dereitos de consulta e participación das traballadoras e dos traballadores. A Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, reafirmou a necesidade de fomentar a cultura preventiva para garantir o cumprimento máis real e efectivo da normativa de prevención de riscos laborais.

A Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das súas competencias de execución da lexislación básica nesta materia, mediante o Decreto 449/1996, do 26 de decembro, en aplicación do artigo 12 da citada Lei 31/1995, regulou o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

Polo Decreto 200/2004, do 29 de xullo, creouse o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e regulouse o agora chamado Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

O Decreto 539/2005, do 20 de outubro, procedeu á supresión do instituto creado polo Decreto 200/2004 e deseguido, a través dun proceso de negociación cos axentes económicos e sociais de Galicia, púxose en marcha a elaboración dun proxecto de lei cun novo modelo de instituto, dotado de personalidade xurídica de seu e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

No proceso de diálogo social de Galicia, creáronse as correspondentes mesas sectoriais de traballo, das que a primeira delas estivo dedicada a políticas de emprego, prevención de riscos e economía social. Tras elaborar a Dirección Xeral de Relacións Laborais un primeiro documento de creación dun Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, tendo xa á vista as manifestacións dos axentes sociais, iniciouse un proceso de diálogo na mesa sectorial, o cal culminou co apoio unánime dos axentes sociais no Anteproxecto de lei de creación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, que o configura como un organismo autónomo que, con personalidade xurídica de seu, autonomía funcional e plena capacidade de obrar, ten por obxecto a mellora das condicións de traballo para a evitación ou, no seu defecto, o control na orixe dos riscos inherentes ao traballo. Igualmente o proxecto busca impulsar a acción do instituto mediante a ampliación dos seus fins e funcións e a procura da ampliación dos seus medios e da especialización e formación do seu persoal.

A convicción de que a prevención de riscos laborais é, como se recolle na lexislación de función pública, unha área de actividade que require coñecementos técnicos especializados fai necesario a creación de novas escalas de persoal funcionario coa correspondente preparación específica nas disciplinas da prevención.

É así que para dar resposta a esa necesidade, dentro da administración xeral, se crean as escalas superior e técnica de seguridade e saúde no traballo, na busca da especialización tanto nos conceptos xerais de carácter xurídico e de tecnoloxía e ciencia coma na regulación concreta da prevención e no conxunto das disciplinas ou especialidades técnicas non-médicas que integran a actividade preventiva.

Dentro da administración especial, a creación das escalas superior e técnica de saúde laboral obedece á necesidade de especialización singular no aspecto sanitario da prevención, especialización neste caso moi vinculada a titulacións oficiais específicas.

Xa que logo, o novo instituto nace co respaldo da súa aceptación social e co propósito de servir de canle para o encontro e a participación de todos os sectores da sociedade, en especial os interlocutores sociais, así como a colaboración con aqueles organismos estatais e internacionais, orientados aos mesmos fins, pois soamente desde o coñecemento e a participación da sociedade poderán ter froito as políticas e as accións dirixidas a incidiren sobre a conciencia colectiva da sociedade.

Cómpre, asemade, desenvolver nesta lei as exixencias derivadas do principio de integración da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, consonte o establecido no artigo 6 e concordantes da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e no título V da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

A intención da lei de regular a participación dos axentes sociais na prevención de riscos laborais supón así mesmo a regulación do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, do que regula a súa composición e amplía os seus fins e funcións.

O anteproxecto de lei foilles remitido para os preceptivos informes ao Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e ao Consello Galego de Relacións Laborais.

En conclusión, sobre as premisas apuntadas, preséntase a creación dun instituto con carácter paritario na representación social e coa dotación dos medios económicos e materiais necesarios, co fin de que sexa unha auténtica plataforma de actuación e órgano estable entre a Administración autonómica e os axentes sociais e mais un instrumento eficaz con personalidade e autonomía, para avanzar na redución e a eliminación na orixe dos riscos inherentes ao traballo.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Capítulo I

Do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

Artigo 1º.-Creación e natureza xurídica.

1. Créase o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral como organismo autónomo dos previstos no artigo 11.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, adscrito organicamente á consellaría competente en materia de traballo, que se configura como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais.

2. Para o cumprimento dos seus fins, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral goza de personalidade xurídica de seu, autonomía funcional e plena capacidade de obrar, dispón de patrimonio propio e rexerase, en primeiro lugar, polo disposto nesta lei e na normativa que se dite no seu desenvolvemento e mais, subsidiariamente, pola normativa aplicable aos organismos autónomos da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de actuación.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral estende súa actuación a todas as empresas e á totalidade de persoal traballador, homes e mulleres, respecto dos centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as administracións públicas e o persoal ao seu servizo. Na súa actuación inclúe especificamente as cooperativas de traballo asociado e as demais cooperativas en relación cos seus socios e socias de traballo.

Así mesmo levará a cabo actividades de promoción da prevención de riscos laborais en relación coas traballadoras e os traballadores por conta propia e co conxunto da poboación, prestándolles especial atención ás actividades de prevención dirixidas ás pequenas e medianas empresas.

Artigo 3º.-Fins.

1. Correspóndelle ao instituto a xestión e a coordinación das políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral establezan os poderes públicos da Comunidade Autónoma, para a mellora das condicións de traballo co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo.

2. Para o cumprimento dos seus fins o instituto:

a) Desenvolve accións de información, divulgación e formación, en materia preventiva.

b) Realiza o asesoramento e o control das accións técnico-preventivas, sen prexuízo das competencias da Inspección de Traballo e Seguridade Social, dirixidas á diminución dos riscos laborais, dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais que se realicen nas empresas para elevar a protección da seguridade e a saúde das traballadoras e dos traballadores.

c) Préstalles ás empresas, con especial atención ás pequenas e medianas empresas, ás traballadoras e traballadores, ás administracións públicas, aos sindicatos, ás asociacións empresariais e aos demais axentes económicos e sociais asesoramento e asistencia técnica para o mellor cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.

d) Realiza o seguimento, coordina e promove a colaboración de accións en materia de prevención de riscos laborais dos diferentes departamentos da Administración autonómica, así como con aqueles organismos estatais e internacionais orientados aos mesmos fins.

e) Fomenta a prevención de riscos laborais a través do seu tratamento como materia horizontal no ensino regrado e non-regrado.

Artigo 4º.-Funcións.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral realizará as seguintes funcións:

a) Analizar, investigar e avaliar as causas e os factores determinantes dos riscos laborais, dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais, establecendo un carácter sectorial e territorial, abordar o seu estudo preventivo e propor, de ser o caso, medidas correctoras.

b) Coñecer, tratar, elaborar e difundir os informes e os datos estatísticos sobre sinistralidade laboral e condicións de traballo.

c) Elaborar, promover e desenvolver programas de investigación sobre métodos e técnicas de seguridade e saúde no traballo.

d) Promover a efectividade do principio de igualdade entre homes e mulleres, considerando as variables relacionadas co sexo na estatística, o estudo e a investigación dos riscos laborais, co obxecto de detectar e de previr as posibles situacións nas que os danos derivados do traballo poidan aparecer vinculados co sexo das persoas traballadoras.

e) Asesorar tecnicamente para a elaboración e a reforma da normativa en materia de seguridade e saúde no traballo e mais elaborar recomendacións sobre condicións de traballo dos grupos especiais de risco.

f) Prestarlles colaboración, asesoramento técnico e coordinación á autoridade laboral, á Inspección de Traballo e Seguridade Social e mais ás autoridades xudiciais e as institucións públicas que o demanden.

g) Efectuar plans e cursos de formación e accións informativas en relación coa seguridade e a saúde laborais.

h) Apoiar e promover as actividades desenvolvidas polo empresariado e persoal traballador e as súas respectivas organizacións representativas, en prol da mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, da investigación e o fomento de novas formas de protección e mais da promoción de estruturas eficaces de prevención.

i) Estudar e vixiar as condicións de traballo que poidan resultar nocivas ou insalubres durante os períodos de embarazo e lactación da muller traballadora, para acomodar no caso necesario a súa actividade laboral a un traballo compatible durante os períodos referidos.

j) Programar e realizar controis xerais e sectoriais sobre niveis de seguridade, hixiene e condicións de saúde nas empresas, coa prestación a estas e ás persoas representantes legais das traballadoras e dos traballadores do asesoramento pertinente e a comunicación das correccións necesarias que se deban efectuar para elevar os devanditos niveis.

k) Efectuar estudos, informes e asesoramento técnico sobre postos, locais e centros de traballo, materias primas e produtos intermedios e finais, na medida en que poidan supor riscos para a saúde das traballadoras e dos traballadores.

l) Asesorar e avaliar o funcionamento dos órganos técnicos das empresas en materia de seguridade, hixiene e saúde laborais.

m) Efectuar os informes técnicos para a acreditación ou a autorización dos servizos de prevención alleos, entidades formativas e persoas ou entidades especializadas para levar a cabo auditorías ou avaliacións dos sistemas de prevención, agás nas materias que son competencia da Administración sanitaria, e o seguimento das súas actuacións, coa comunicación á autoridade laboral das desviacións observadas.

n) Participar na vixilancia epidemiolóxica da saúde laboral en coordinación coa autoridade sanitaria no ámbito estratéxico e operativo e mais, de ser o caso, elaborar coa autoridade sanitaria un mapa de riscos laborais que sirva de instrumento para planificar a debida política de prevención.

ñ) Prestarlle á Administración sanitaria asesoramento e asistencia técnica na autorización e na verificación do mantemento das condicións da autorización sanitaria dos servizos de prevención propios e alleos e mais na avaliación da súa actividade sanitaria.

o) Colaborar coa consellaría competente en materia de seguridade industrial e mineira no que poida afectar a seguridade e a saúde do persoal traballador.

p) Colaborar coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.

q) Colaborar e cooperar en materia de prevención de riscos laborais con outras administracións públicas, entidades públicas e privadas e corporacións locais.

r) Colaborar coa Inspección de Traballo e Seguridade Social nas actuacións referentes ás condicións materiais e técnicas de seguridade e saúde laboral e mais nas de comprobación e control, de ser o caso.

s) En xeral, coordinarse coas consellarías con competencias concorrentes en materia de seguridade e saúde no traballo, así como co Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo e coa Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

t) Actuar, con especial dedicación ás pequenas e medianas empresas, en programas de prevención de riscos e promoción da seguridade no traballo.

u) Estudar as posibles patoloxías derivadas da actividade laboral con máis incidencia en Galicia.

v) Levar a cabo cantas outras funcións sexan necesarias para o cumprimento dos fins de prevención e promoción da seguridade e da saúde no traballo nos termos establecidos na Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 5. Órganos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral2

Os órganos de goberno do instituto son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

O órgano executivo do Instituto é:

A Xerencia.

Artigo 6. A Presidencia3

1. A Presidencia do Instituto é o órgano unipersoal de goberno. Exercerá a presidencia do instituto a persoa titular da consellaría de adscrición do Instituto.

2. Correspóndelle á persoa que exerza a presidencia do Instituto:

a) Desempeñar a representación do Consello Reitor e a representación do Instituto, incluíndo as actuacións fronte a terceiros relativas aos seus bens e dereitos patrimoniais, así como a subscrición dos convenios e acordos de colaboración.

b) Presidir e convocar o Consello Reitor, co desempeño de todas as demais competencias que lle correspondan como presidente do órgano colexiado, segundo o disposto no artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Efectuar a designación e a destitución da persoa titular da Xerencia do Instituto.

d) Autorizar os gastos necesarios e ordenar os pagamentos correspondentes do Instituto.

e) Actuar como órgano de contratación e exercer a dirección superior do persoal do Instituto.

f) Velar polo cumprimento das leis e pola execución dos acordos adoptados polo Consello Reitor.

g) Dar conta, de ser o caso, a outras consellarías dos acordos adoptados polo Consello Reitor.

h) Impulsar e supervisar as actuacións do organismo.

3. A persoa titular da Presidencia poderá delegar aquelas funcións propias que considere oportunas e sexan susceptibles de delegación na persoa titular da Xerencia.

Artigo 7. O Consello Reitor4

1. O Consello Reitor é o órgano superior colexiado de goberno do Instituto. Os seus membros serán nomeados pola persoa titular da consellaría de adscrición. No consello será paritaria a representación dos axentes sociais e da Administración.

2. O Consello Reitor estará formado por:

a) A Presidencia, que a exercerá a persoa que exerza a propia presidencia do Instituto e que terá voto de calidade.

b) Unha Vicepresidencia, que a exercerá a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de traballo.

c) Os seguintes vogais:

En representación dos axentes sociais: un vogal en representación de cada un dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación e o mesmo número de vogais designados por proposta das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma.

En representación da Administración, un número de vogais suficiente para garantir a composición paritaria do Consello Reitor, que se designarán do seguinte xeito:

1) A persoa titular da Xerencia do Instituto.

2) Un vogal por cada unha das consellarías con competencias en materia de sanidade, minas e facenda, designado pola persoa titular da consellaría respectiva de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

3) No caso de ser necesario, os restantes vogais serán designados pola persoa titular da consellaría competente en materia de traballo entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

4) Desempeñará a secretaría do Consello Reitor, con voz pero sen voto, unha persoa que preste servizos no instituto, que teña un rango non inferior a xefatura de servizo, que designará e nomeará o propio Consello.

5) Os nomeamentos e cesamentos dos vogais do Consello serán efectuados pola persoa titular da consellaría competente en materia de traballo. No caso das vogalías correspondentes ás organizacións sindicais e empresariais, serán propostos por estas.

Artigo 8. A Xerencia5

1. A persoa que exerza a titularidade da Xerencia é persoal directivo e será nomeada e separada pola Presidencia do Instituto, logo da consulta ás organizacións representadas no Consello Reitor. Corresponderanlle as retribucións dunha subdirección xeral.

2. Correspóndelle á Xerencia do Instituto o desempeño da xestión ordinaria do Instituto e exerce as seguintes funcións:

a) Asistir a Presidencia do Consello Reitor no exercicio das súas funcións.

b) Levar a cabo o asesoramento e os informes que lle solicite a Presidencia do Instituto.

c) Elaborar o proxecto do plan anual de actividades, que incluirá as actuacións técnicas e a súa planificación temporal, e elevalo ao Consello Reitor.

d) Elaborar a proposta de relación de postos de traballo do Instituto.

e) Exercer a xefatura e dirección do persoal adscrito ao organismo.

f) Elaborar as contas e o anteproxecto de orzamento para a súa presentación ao Consello Reitor.

g) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar as unidades adscritas ao Instituto e ditar as disposicións, instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

h) Elaborar o informe anual, coa relación de todas as actividades do Instituto, para a súa aprobación polo Consello Reitor, e remitilo ao Parlamento de Galicia para o exercicio do control parlamentario.

i) Proporcionar e recibir das consellarías con competencias concorrentes na materia de seguridade e saúde laboral canta información sexa precisa para o desenvolvemento das funcións en materia de seguridade e saúde laboral.

j) Establecer a coordinación necesaria para garantir a cooperación institucional con todas as administracións na materia de prevención de riscos laborais.

k) Desenvolver as actuacións de colaboración técnica coa Inspección de Traballo e Seguridade Social.

l) Colaborar coa Administración laboral, sanitaria, mineira, industrial e outras que o soliciten por razón da materia.

m) Facilitarlle ao Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral canta información sexa precisa para o desenvolvemento das súas funcións e asistir ás súas reunións.

n) Exercer as facultades non atribuídas especificamente a outros órganos do Instituto.

o) Calquera outra que poida serlle asignada pola normativa aplicable ou que lle delegue ou encomende a persoa titular da Presidencia do Instituto ou o Consello Reitor.

Artigo 9. Desenvolvemento da estrutura orgánica do Instituto6

O Instituto e os seus órganos de goberno e executivos terán un ámbito territorial de actuación que abrangue toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, existirán órganos de ámbito territorial provincial que asumirán as funcións dos actuais centros provinciais de seguridade e saúde laboral.

Poderanse constituír laboratorios de referencia ou unidades especializadas para atender funcións, con ámbito específico e sede nos centros territoriais ou no órgano central.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral incluirá as áreas de seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada, formación, divulgación e documentación, medicina do traballo e epidemioloxía, e de estudos.

Poderase crear unha unidade administrativa de programas interdepartamentais para facilitar a coordinación coas distintas autoridades e organismos competentes en materia de prevención de riscos laborais, á que se poderá adscribir o persoal da Xunta de Galicia que sexa necesario.

Artigo 10º.-Réxime económico.

1. O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral disporá, para o cumprimento dos seus fins, dos seguintes recursos:

a) As cantidades que se lle asignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) Os bens e os dereitos que constitúan o seu patrimonio e os rendementos deste.

c) As subvencións e outras achegas públicas ou privadas.

d) As contraprestacións derivadas dos convenios dos que sexa parte.

e) Os prezos e as taxas que teña dereito a percibir como consecuencia do exercicio das súas actividades.

f) Calquera outro recurso que poida atribuírselle por lei.

2. Terán carácter de patrimonio adscrito os bens e os dereitos de titularidade da Comunidade Autónoma cedidos mediante acordo de adscrición.

3. O seu réxime orzamentario e contable axustarase ao texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 11º.-Do persoal e da contratación.

O persoal ao servizo do instituto será funcionario ou laboral nos mesmos termos que os establecidos pola normativa aplicable no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido na correspondente relación de postos.

A contratación do instituto rexerase polas normas xerais de contratación das administracións públicas.

Artigo 12. Procedementos7

1. Os actos administrativos ditados pola persoa que desempeñe a presidencia do Instituto poñerán fin á vía administrativa e poderán ser obxecto dos recursos previstos na lexislación xeral sobre o procedemento administrativo e sobre a xurisdición contencioso-administrativa.

2. O recurso extraordinario de revisión será interposto perante a persoa titular da consellaría con competencias en materia de traballo.

3. O exercicio das accións civís e laborais rexerase polas normas específicas, sen prexuízo de lle solicitar os informes que considere oportunos á Xerencia do Instituto.

Artigo 13º.-Control parlamentario.

O control parlamentario do instituto exercerase nos termos previstos na lexislación vixente, para o que se lle remitirá ao Parlamento unha memoria anual coa relación de todas as actividades do instituto.

Capítulo II

Do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral

Artigo 14º.-Natureza e fins.

1. O Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral configúrase como o órgano de participación e asesoramento da administración da Xunta de Galicia de todos os axentes implicados na prevención dos riscos laborais.

2. En particular, correspóndelle ao consello servir de canle para a participación do empresariado e mais das traballadoras e dos traballadores, a través das súas organizacións máis representativas, na planificación, a programación, a organización e o control da xestión relacionada coa mellora das condicións de traballo e a protección da seguridade e saúde do persoal traballador.

Artigo 15º.-Funcións.

Para o cumprimento dos seus fins o consello terá, entre outras, as seguintes funcións:

A) Funcións de carácter consultivo e de participación:

1. Coñecer e emitir informe, con carácter previo á súa aprobación, sobre os programas e os plans de actuación que, en materia de seguridade e saúde no traballo, estableza o Consello da Xunta de Galicia.

2. Propor liñas xerais de actuación do instituto e proxectos de actuación.

3. Estudar e propor plans estratéxicos de actuación de aplicación plurianual.

4. Emitir informe previo sobre a proposta de regulamento orgánico e funcional do instituto e o cadro de persoal.

5. Emitir informe sobre os programas de actuación en materia de seguridade e saúde no traballo dos que a execución lle corresponda ao instituto.

6. Emitir ditame non vinculante sobre as propostas de modificación desta lei.

7. Coñecer e emitir informe sobre os asuntos que a persoa que desempeñe a presidencia someta á súa consideración.

B) Funcións de control, impulso e proposta:

1. Impulsar as actividades de planificación e programación do instituto, incluíndo a proposta de aprobación de plans plurianuais de prevención de carácter estratéxico e ámbito en toda a comunidade.

2. Controlar e supervisar a execución dos programas e a xestión dos servizos do instituto, para o que poderá recadar da dirección xeral canta información precise.

3. Aprobar a memoria anual correspondente ao exercicio anterior, dentro do primeiro semestre do ano natural.

4. Formularlles propostas ás consellarías con competencias en materia de prevención de riscos laborais e á Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

5. Saber do asinamento, do desenvolvemento e da execución de todos os convenios e acordos de colaboración entre o instituto e outras administracións públicas ou entidades públicas ou privadas, así como da proposta daqueles que a propia comisión considere axeitados.

6. Aprobar o seu regulamento de funcionamento interno.

7. Calquera outra facultade que lle atribúan as leis.

Artigo 16º.-Composición.

A) O consello estará formado por dezaoito vogais: seis en representación da administración, seis en representación dos axentes económicos e seis en representación dos axentes sociais.

a) Das seis persoas representantes da administración, tres serano por razón do seu cargo: as persoas titulares da consellaría e da dirección xeral con competencias na materia de relacións laborais, ás que lle corresponderán a presidencia e a vicepresidencia, respectivamente, e a persoa titular da dirección territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

As tres persoas vogais restantes nomearanse por orde do mesmo conselleiro ou da mesma conselleira, e entre elas deberá figurar unha persoa representante da autoridade sanitaria, outra da consellaría competente en materia de seguridade industrial e minas e outra en representación da consellaría á que estea adscrito o servizo de prevención constituído en cumprimento do deber da administración de protección do persoal ao seu servizo fronte aos riscos laborais, nomeadas por proposta das persoas titulares das correspondentes consellarías.

b) As seis persoas vogais nomeadas en representación dos axentes económicos serano mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de relacións laborais, por proposta das organizacións empresariais máis representativas.

c) As seis persoas vogais en representación dos axentes sociais nomearanse mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de relacións laborais, por proposta das organizacións sindicais máis representativas.

A designación de vogais realizarase de xeito que, considerado no seu conxunto o consello, resulte cunha composición equilibrada entre mulleres e homes.

B) Actuará como secretario ou secretaria do consello, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria dos grupos A ou B con destino na dirección xeral competente en materia de relación laborais, nomeada para o efecto pola presidencia.

C) O director ou a directora do instituto asistirá con voz pero sen voto ás reunións do consello, co obxecto de facilitar canta información se lle demande e de garantir o exercicio das funcións de control polo consello.

Artigo 17º.-Dos grupos de traballo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

1. O consello poderá constituír os grupos de traballo que de forma temporal ou permanente considere precisos para o mellor cumprimento dos seus fins, coas funcións que defina en cada caso o propio consello.

2. Os grupos de traballo poderán ser de carácter sectorial, territorial ou temático.

3. Na súa composición seguirase a mesma representatividade que no consello.

Poderán, así mesmo, formar parte destes grupos de traballo representantes das cooperativas galegas, das traballadoras e dos traballadores autónomos e das administracións públicas de Galicia, así como doutros colectivos, no caso de que o consello o coide necesario.

Na formación destes grupos gardarase unha composición equilibrada entre mulleres e homes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Integración dos centros provinciais de seguridade e saúde laboral.

Os actuais centros provinciais de seguridade e saúde laboral intégranse na estrutura orgánica do instituto como órganos territoriais provinciais del, adscribíndoselle ao instituto os correspondentes bens e dereitos, coa subrogación nos dereitos e nas obrigas de titularidade daqueles.

Segunda.-Integración do persoal no instituto.

O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma que á entrada en vigor desta lei estivese a prestar os seus servizos con carácter definitivo nos centros provinciais de seguridade e saúde laboral quedará integrado no instituto. Así mesmo, poderá ser integrado o persoal da Dirección Xeral de Relacións Laborais que realice funcións atribuídas por esta lei ao instituto, de conformidade co que se determine regulamentariamente.

Terceira.-Aprobación do regulamento orgánico e funcional do instituto.

No prazo máximo de seis meses desde a publicación desta lei, elevaráselle ao Consello da Xunta, para a súa aprobación, o regulamento orgánico e funcional do instituto.

Cuarta.-Actuación do persoal técnico habilitado.

No exercicio das súas funcións comprobatorias e de control, o persoal funcionario técnico habilitado consonte o establecido no Real decreto 689/2005, do 10 de xaneiro, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento da Inspección de Traballo e Seguridade Social, e na normativa autonómica que se dite dependerá na execución das súas funcións da autoridade laboral que lle confira a habilitación.

Quinta.-Creación das novas escalas de seguridade e saúde laboral8.

Disposicións transitorias

Primeira.-Posta en funcionamento.

As funcións asignadas por esta lei ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral seguirán a ser desempeñadas polos órganos correspondentes da Administración da Xunta de Galicia ata a efectiva posta en funcionamento do instituto, o que, en todo caso, non poderá exceder do prazo de seis meses, contados a partir da publicación do seu regulamento orgánico e funcional. O inicio de actividades determinarase mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de relacións laborais.

Segunda.-Constitución do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral9.

No prazo dun mes desde a publicación desta lei deberase constituír de conformidade con ela o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, e nese momento quedará disolto o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral creado polo Decreto 200/2004 e modificado polo Decreto 539/2005.

Os comités provinciais regulados no Decreto 200/2004, do 29 de xullo, polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, continuarán existindo ata o que dispoña para o efecto un decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellaría con competencias en materia de traballo

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de relacións laborais, para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei.10

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de outubro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 221, do 15 de novembro de 2007. Polo artigo 39 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018), se determina o “Cambio de denominación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral” nos seguintes termos:

“1. O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro, e cuxos estatutos se aprobaron polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro, pasa a denominarse Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

2. Todas as referencias normativas ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral entenderanse feitas ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia”.

Adicionalmente, é imprescindible ter en conta que, de conformidade coa disposición derrogatoria única do Decreto 165/2014, do 11 de decembro (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2015), polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, “os preceptos da Lei 14/2007, do 30 de outubro, que se opoñan ou sexan incompatibles co disposto neste decreto entenderanse derrogados en virtude do cumprimento do mandato da disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e do disposto na Lei 14/2013, do 26 de decembro”.

2 Redacción do artigo 5 dada pola disposición derradeira secta da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, 27 de xaneiro de 2014).

3 Redacción do artigo 6 dada pola disposición derradeira secta da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, 27 de xaneiro de 2014).

4 Redacción do artigo 7 dada pola disposición derradeira secta da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, 27 de xaneiro de 2014).

5 Redacción do artigo 8 dada pola disposición derradeira secta da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, 27 de xaneiro de 2014).

6 Redacción do artigo 9 dada pola disposición derradeira secta da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, 27 de xaneiro de 2014).

7 Redacción do artigo 12 dada pola disposición derradeira secta da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, 27 de xaneiro de 2014).

8 Disposición adicional quinta derrogada pola Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio de 2015). Anteriormente, redacción da alínea A da disposición adicional quinta dada pola disposición derradeira primeira da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2011); e redacción da letra b) da alínea A) da disposición adicional quinta dada pola Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro de 2014).

9 Redacción do segundo parágrafo da disposición transitoria segunda dada polo artigo 25 da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, do 28 de decembro de 2017).

10 Decreto 165/2014, do 11 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.