Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estadística de Galicia

Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estadística de Galicia.1

Chegar ó coñecemento o máis obxectivo e completo posible da realidade socio-económica dos países é unha esixencia crecente por parte da sociedade así como das institucións que a serven. Na evolución que se está a dar trátase non só de que os Gobernos e as súas dependencias dispoñan de información suficiente desa realidade para a máis axeitada toma de decisións, senón tamén de que esa abondosa información sexa un ben común, accesible a todos.

As técnicas estadísticas, polo seu carácter cuantificador e ó mesmo tempo poderosamente sintetizador, son un dos mellores procedementos existentes para ver de chegar ó coñecemento obxectivo e completo da realidade socio-económica, o que explica o seu crecente uso por parte de tódolos Gobernos tanto para ter en conta datos desa orixe na súa toma de decisións, e para o seguimento e avaliación dos resultados que de tales decisións se deriven, coma para poñer eses datos á disposición da sociedade.

O Estatuto de Autonomía de Galicia expresa a importancia que lle concede a esta problemática ó declarar no seu artigo 27, apartado 6, que é competencia exclusiva desta «a estadística para os fins da Comunidade Autónoma de Galicia».

Consecuencia da citada disposición estatutaria é a necesidade de desenvolver adecuadamente a organización que faga efectiva a competencia tratada. A existencia desa necesidade faise máis patente ó ter en conta que non só é a información estadística e o estudio da realidade o seu obxectivo, senón tamén que cada vez máis a distribución de fondos e a asignación de recursos procedentes das Administracións Públicas, especialmente os derivados da integración española na Comunidade Económica Europea, se fai depender legalmente de variables estadísticas como por exemplo o paro, o valor de producción engadido, os indicadores de servicios sociais atinxidos e outras nas que se reflexa o nivel de riqueza e benestar.

Como introducción ó desenvolvemento organizativo correspondente á competencia estadística da nosa Comunidade Autónoma, o Decreto 148/1984, do 6 de setembro, creou o Centro de Información Estadística de Galicia. Nese Decreto indicábase tamén a necesidade dunha Lei de Estadística axeitada ás esixencias actuais, así como a elaboración dun Plan Estadístico no que se estructuran os diversos traballos estadísticos que se van realizar.

A presente Lei é o marco xurídico para coordena-las distintas institucións públicas existentes en Galicia co fin de integrar e harmoniza-la elaboración de estadísticas que se reflexarán no Plan Estadístico e nos Programas Anuais.

Estructúrase en dous Títulos. No Título I, que á súa vez se divide en catro Capítulos, regúlanse os principios e as disposicións xerais da actividade estadística na Comunidade Autónoma Galega, sendo así que se regula o papel do Consello para o Plan e Programas Estadísticos, os principios de obxectividade e a corrección técnica, así como a obriga de colaboración e de segredo estadístico co seu posible rexime sancionador, indicando ademais a normativa de aprobación e a obriga de dar publicidade dos resultados estadísticos.

O Título II recolle a organización estadística da Comunidade, constituída polo Instituto Galego de Estadística, os órganos estadísticos das Consellerías e o Consello Galego de Estadística; as funcións destes así como os principios de organización, artellamento e medios indícanse nos distintos Capítulos do Título.

No texto e no espírito da Lei está sempre presente a busca da mellora na información estadística, da obxectividade, do rigor técnico e da necesaria homologación, de acordo con normas xerais, que permitan a análise, a comparación e a integración de resultados cos de calquera outro espacio xeográfico.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de Estadística de Galicia.

TÍTULO PRIMERO

A estadística da Comunidade Autónoma de Galicia

CAPÍTULO PRIMERO

Disposicións xerais

Artigo 1º A presente Lei ten como obxecto regula-la actividade estadística para os fins da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2.

Para os efectos desta lei, enténdese por actividade estatística a recompilación, elaboración e ordenación sistemática da información cuantificable, a publicación e difusión de resultados necesarios ou útiles para o coñecemento cuantitativo, a análise das realidades demográfica, agraria, pesqueira, industrial, comercial, financeira, de servizos, social, cultural e ambiental de Galicia e, en xeral, calquera cuestión referida ás condicións de vida, fins e competencias da Comunidade Autónoma.2

Artigo 3º A presente Lei regula e protexe a actividade estadística levada a cabo con carácter oficial pola Xunta de Galicia e polos entes públicos galegos de carácter territorial, así como polos organismos e polas empresas dependentes dos mesmos.

Artigo 4º Esta Lei non regula as enquisas de opinión.

Artigo 5º A actuación referente á estadística da Comunidade Autónoma de Galicia adecuarase, especificamente, ós principios de interese público, obxectividade, corrección técnica, obrigatoriedade da colaboración cidadá, respeto á intimidade, segredo estadístico e publicidade dos resultados na forma que se determina no Capítulo III.

CAPÍTULO II

A actividade estadística

SECCIÓN PRIMEIRA.- DO PLAN E DOS PROGRAMAS ESTADÍSTICOS ANUAIS

Artigo 6º 1. O Plan Galego de Estadística é o instrumento da ordenación e planificación da actividade estadística da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Plan Galego de Estadística será obxecto de aprobación polo Parlamento mediante Lei, e terá a vixencia establecida no mesmo, ou, no seu defecto, a de catro anos. 3

Artigo 7º A elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estadística correspóndelle ó Instituto Galego de Estadística, e será elevado ó Consello da Xunta para a súa aprobación, logo de informe do Consello Galego de Estadística.

Artigo 8º 1. Malia o disposto nos artigos anteriores, a Xunta de Galicia con carácter excepcional poderá dispoñer por Decreto a elaboración de estadísticas non incluídas no Plan Galego de Estadística se apreciase a súa conveniencia e despois de transcorrido un ano desde a aprobación do Plan. Do devandito acordo deberá dárselle conta ó Parlamento.

2. As estadísticas a que se refire o apartado anterior tamén gozarán dos beneficios recoñecidos na presente Lei.

Artigo 9º 1. Para o desenvolvemento e a execución do Plan Galego de Estadística, o Consello da Xunta, por proposta do Conselleiro de Economía e Facenda, aprobará un Programa Estadístico, que terá a vixencia de un ano natural.

2. A elaboración do proxecto do Programa Estadístico corresponderalle ó Instituto Galego de Estadística, logo de informe do Consello Galego de Estadística. 4

Artigo 10 As normas reguladoras de cada estadística aprobaranse por Decreto, o cal determinará como mínimo:

a) Os obxectivos.

b) O ámbito territorial.

c) A periodicidade.

d) As Consellerías ou os organismos da Xunta que levarán a cabo a actividade estadística. e) O presuposto estimado para cada estadística.

f) As persoas ou entidades obrigadas á subministración de información, así como a forma e os prazos nos que se debe subministra-la mesma.

g) A forma e os prazos, se é o caso, nos que se deberá difundi-la estadística.

Artigo 11 1. As estadísticas de específico interese para as entidades territoriais e para os outros entes públicos poderán incluírse no Plan Galego de Estadística.

2. Son requisitos para a súa incorporación:

a) Solicitude dirixida á Consellería de Economía e Facenda.

b) Memoria explicativa na que se detallen as características e o interese público da estadística.

c) Memoria económica e custo que asume a entidade interesada.

d) Informe do Instituto Galego de Estadística e das Consellerías afectadas.

3. Así mesmo as corporacións e asociacións que representen intereses sectoriais poderán solicitar, cos mesmos requisitos do apartado anterior, a inclusión de estadísticas de interese público no Plan Galego de Estadística.

Artigo 12 1. As estadísticas elaboradas polas entidades territoriais e demais entes públicos, non incluídas no Plan nin nos seus Programas Estadísticos, poderanse homologar polo Instituto Galego de Estadística se se adaptan ás normas técnicas establecidas pola Xunta nesta materia.

2. No caso de estudios subvencionados pola Administración Pública, a actividade estadística será sometida ás normas técnicas establecidas polo Goberno de Galicia por proposta dos órganos competentes na materia.

3. Na difusión do resultado destas estadísticas non incluídas no Plan Galego de Estadística farase constar se están ou non homologadas polo Instituto Galego de Estadística.

Artigo 13 1. As actividades estadísticas que desenvolva o Instituto Galego de Estadística en execución de convenios de cooperación ou colaboración cos organismos oficiais competentes na materia seranlles comunicadas previamente polo Director do Instituto ó Conselleiro de Economía e Facenda e ó Consello Galego de Estadística.

2. Das actividades estadísticas realizadas en virtude destes convenios daráselle conta ó Parlamento de Galicia.

SECCIÓN SEGUNDA.- APROBACIÓN DOS RESULTADOS ESTADÍSTICOS

Artigo 14 1. A aprobación dos resultados estadísticos farase de acordo co disposto no Plan Galego de Estadística e, no caso de que este non o determinase, coas normas reguladoras en materia estadística.

2. A aprobación provisoria dos resultados corresponderalle ó Instituto Galego de Estadística. Ó tempo de se faceren públicos poñeranse en coñecemento do Consello Galego de Estadística e da Xunta de Galicia, e se non recibisen obxeccións expresas no prazo de tres meses quedarán oficialmente aprobados.

3. Os resultados das estadísticas oficiais serán, despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de aplicación obrigatoria ás relacións e situacións xurídicas nas que a Comunidade Autónoma de Galicia teña competencia para impoñelos.

CAPÍTULO III

Principios e garantías da actividade estadística

SECCIÓN PRIMEIRA.- DO PRINCIPIO DE INTERESE PÚBLICO

Artigo 15 A presente Lei protexe as estadísticas elaboradas por motivos de interese público, tendo tal consideración as incluídas no Plan Estadístico e aquelas ás que alude o artigo 8.

SECCIÓN SEGUNDA.- DOS PRINCIPIOS DE OBXECTIVIDADE E DE CORRECCIÓN TÉCNICA

Artigo 16 As estadísticas elaboraranse con criterios obxectivos e de conformidade cos principios científicos que aseguren a súa corrección técnica.

Artigo 17 1. Corresponderalle ó Instituto Galego de Estadística prepara-las normas polas que se rexerán e as características técnicas que terán as estadísticas, respetando ó máximo os principios de universalidade así como os de peculiaridade galega.

2. As devanditas normas técnicas aprobaranse por Decreto da Xunta.

SECCIÓN TERCEIRA.- DA OBRIGA DE COLABORACIÓN

Artigo 18 As estadísticas incluídas no Plan Galego de Estadística, nos Programas Estadísticos Anuais e as previstas nos convenios de colaboración ós que se refire o artigo 13 desta Lei terán, para a súa elaboración, a obrigatoriedade de colaboración cidadá.

Artigo 19 1. Cando se soliciten datos de carácter persoal deberáselle proporcionar ó interesado información suficiente sobre a natureza, características e finalidade da enquisa, advertíndoo, ademais, da voluntariedade ou non da colaboración e do segredo que se gardará respecto dela.

2. Se a subministración de información fose obrigatoria, advertirase ós suxeitos afectados das sancións que se lles poderán impoñer por non colaborar ou por facilitar datos inexactos, incompletos ou fóra de prazo.

Artigo 20 Os cuestionarios non poderán conter preguntas que teñan unha relación directa co dereito ó honor, á intimidade persoal e familiar e ás conviccións relixiosas ou políticas do informante. Os cuestionarios respetarán en todo caso o disposto no artigo 18 da Constitución Española.

Artigo 21 1. A obriga de subministrar información veraz, cando sexa formalmente esixida, comprenderá a tódalas persoas con independencia da súa natureza, física ou xurídica, privada ou pública, e da nacionalidade daquelas, sempre que teñan o seu domicilio, a súa residencia ou estean establecidas dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. A información poderá ter por obxecto actividades levadas a cabo fóra do dito territorio se fose apropiado ás finalidades perseguidas pola estadística e estivese previsto polas normas reguladoras da mesma.

2. A mesma obriga incúmbelles a tódalas Administracións Públicas situadas en Galicia, no que se refire ás actividades levadas a cabo dentro deste territorio.

Artigo 22 1. A información deberá ser subministrada no tempo, na forma e coas características aprobadas nas normas reguladoras de cada estadística e polas persoas que estas determinen.

2. As normas reguladoras poden establecer que a información sexa subministrada en forma agregada e por escrito.

Artigo 23 A norma reguladora de cada estadística sinalará, se é o caso, o dereito á compensación económica polos gastos que haxa de asumi-lo informante para subministra-la información, se estes gastos son provocados pola esixencia de soporte informático ou doutro sistema de información que teña unha complexidade técnica especial ou que obrigue a unha recopilación previa de datos que na forma demandada non se encontren á disposición da administración ordinaria do informante.

SECCIÓN CUARTA. – DO SEGREDO ESTADÍSTICO

Artigo 24 1. Serán obxecto de protección e quedarán amparados polo segredo estadístico tanto os datos relativos ás persoas físicas coma ás persoas xurídicas.

2. O segredo estadístico amparará a totalidade de datos individualizados de orde privada, persoal, familiar, económica ou financeira utilizados para elabora- -la estadística.

3. Os datos individuais facilitados por razóns estadísticas non se poderán usar en ningún caso para finalidades fiscais ou policiais, nin para calquera outra distinta daquela para a que foron solicitados.

4. Sen prexuízo do establecido nas alíneas anteriores5:

a) Non quedarán amparados polo segredo estatístico os directorios que non conteñan máis datos que simples relacións de establecementos, empresas, explotacións ou organismos de calquera clase, en canto aludan á súa denominación, localización, actividade e ao intervalo de tamaño ao que pertenecen.

b) Non quedarán amparados polo segredo estatístico os datos que sexan de coñecemento público notorio.

c) Non quedarán amparados polo segredo estatístico os datos dos rexistros administrativos propios que non fosen achegados polos interesados como información estatística. Os ditos datos, non obstante, gozan da confidencialidade e dos criterios de difusión que lles correspondan segundo a normativa específica que lles sexa de aplicación.6

d) Os interesados terán dereito de acceso ós datos personais que figuren nos directorios estatísticos e a obte-la rectificación dos erros que conteñan.

e) As normas de desenvolvemento da presente lei establecerán os requisitos necesarios para o exercicio do dereito de acceso e rectificación a que se refire o apartado anterior deste artigo, así como as condicións que haberán de terse en conta na difusión dos directorios non amparados polo segredo estatístico.

Artigo 25 1. Os datos que sirvan para a identificación dos obrigados a subministrar información débense destruír cando a súa conservación xa non sexa necesaria para o desenvolvemento das operacións estadísticas.

2. En todo caso, os apelidos e o enderezo dos obrigados a subministrar información separaranse dos demais datos.

Artigo 26 1. Tódalas persoas, organismos e institucións que interveñan nas operacións reguladas pola presente Lei terán a obriga de mante-lo segredo estadístico respecto dos datos comunicados. Esta obriga conservarana as persoas aínda despois de concluí-las súas actividades profesionais e a súa vinculación cos servicios estadísticos.

2. En virtude da devandita obriga, os datos individuais comunicados non se poderán facer públicos nin se lle comunicarán a ningunha persoa ou entidade.

Artigo 27 1. O deber de segredo estadístico iniciarase desde o momento no que se facilite a información por el amparada e terá unha duración de cen anos.

2. Excepcionalmente, e sempre despois de transcorreren sesenta anos, poderánselle facilita-los datos amparados polo segredo estadístico a quen acredite ter interese lexítimo, unicamente para os efectos de análise histórica, e pretenda a publicación do resultado das devanditas análises.

Artigo 28 O incumprimento do deber do segredo estadístico dará lugar a responsabilidades indemnizatorias dos danos e prexuícios causados, nos termos establecidos no ordenamento xurídico, con independencia das responsabilidades penais e disciplinarias sobre os funcionarios e demais persoal público, e da potestade sancionadora á que se refire o Capítulo IV deste Título.

SECCIÓN QUINTA.- DA PUBLICIDADE DOS RESULTADOS ESTADÍSTICOS

Artigo 29

1. A publicación ou difusión dos datos estatísticos farase sen referencias de carácter individual, de acordo coas normas reguladoras do segredo estatístico.

2. As estatísticas comprendidas no Plan galego de estatística serán obxecto de difusión pública.7

Artigo 30

1. Calquera persoa pode demandar unha certificación sobre os resultados estatísticos globalizados publicados, que lle será enviada por escrito, en soporte informático ou por calquera outro medio, segundo as características da solicitude8

2. As Universidades e os centros de investigación recoñecidos poden establecer acordos co Instituto Galego de Estadística ou, se é o caso, coas Consellerías e coa Administración Pública territorial para a explotación das bases de datos destinados a elabora-las estadísticas reguladas por esta Lei; estes acordos terán por finalidade exclusiva favorece-la investigación científica. Co fin de preserva-lo segredo estadístico, o Instituto Galego de Estadística supervisará o proceso de consulta dos datos citados e elevarálle-lo informe correspondente ó Conselleiro de Economía e Facenda e á autoridade superior do departamento ou Administración asinantes do acordo.

3. A través do Instituto Galego de Estadística calquera persoa pode demandar información estadística das estadísticas reguladas por esta Lei a un nivel de agregación diferente daquel no que estivesen publicadas, salvando sempre a garantía do segredo estadístico.

4. O Instituto Galego de Estadística é o único organismo habilitado para emitir certificacións oficiais respecto das estadísticas elaboradas pola Xunta e respecto das estadísticas das entidades territoriais incluídas no Plan Galego de Estadística.

Artigo 31 1. A publicación ou a difusión da estadística é gratuíta cando así o determine a norma reguladora respectiva.

2. No ámbito da Xunta, os precios esixidos serán determinados debidamente mediante tarifas acordadas e publicadas para este fin polo Instituto Galego de Estadística e non son consideradas como taxas administrativas.

3. No ámbito das entidades territoriais, a esixibilidade, a natureza e a aprobación das contraprestacións ateranse á lexislación específica que lles sexa aplicable.

CAPÍTULO IV

Réxime sancionador

Artigo 32 Son infraccións administrativas na materia estadística as accións e omisións contrarias ás disposicións legais contidas nesta Lei.

Artigo 33 As infraccións ó preceptuado nesta Lei poderanse considerar leves, graves ou moi graves.

A) Consideraranse infraccións leves:

1. Non proporcionar ou facelo de xeito incompleto a información e advertencia ás que alude o artigo 16.

2. Subministrar información obrigatoria para efectos estadísticos fóra de prazo, se existise requirimento previo do órgano estadístico legalmente notificado

B) Consideraranse infraccións graves:

1. A reincidencia na comisión de infraccións leves.

2. Non facilitar datos ou proporcionalos incompletos cando a enquisa sexa obrigatoria, sempre que existise o requirimento a que se alude na letra A).

3. Incumpri-las normas técnicas aprobadas na materia estadística.

4. Incumpri-la obriga de entregarlle ó Parlamento ou á Consellería de Economía e Facenda os resultados das estadísticas.

C) Consideraranse infraccións moi graves:

1. A reincidencia na comisión de infraccións graves.

2. A subministración de datos falsos, ben sexan de comunicación voluntaria, ben de comunicación obrigatoria.

3. Difundir ou comunicarlles a persoas non autorizadas datos individualizados amparados polo segredo estadístico.

4. Comunicarlles datos a persoas non obrigadas a mante-lo segredo estadístico de xeito que diso se poida deducir información confidencial sobre datos persoais.

5. Esixir información para a elaboración de estadísticas sen te-la condición de persoal estadístico.

Artigo 34 1. As infraccións das normas desta Lei serán obxecto de sancións administrativas, logo de instrucción do correspondente expediente sancionar, e sen prexuício das responsabilidades civís e penais que procedan.

2. Corresponderalle ó Instituto Galego de Estatística a iniciación e instrucción dos expedientes sancionadores por infraccións administrativas en materia estatística. A competencia para dicta-la resolución que poña fin ó procedemento corresponderalles ó conselleiro de Economía e Facenda nos casos de infraccións leves e graves e ó Consello da Xunta de Galicia nas infraccións moi graves.9

Artigo 35 1. Serán aplicables as seguintes sancións:

a) As infraccións leves sancionaranse con multa de 100 a 500 euros.

b) As infraccións graves sancionaranse con multa de 501 a 2.500 euros.

c) As infraccións moi graves sancionaranse con multa de 2.501 a 10.000 euros.10

2. Aquelas infraccións nas que o infractor obtivese un beneficio económico superior ó tope máximo indicado no punto anterior sancionaranse con multa, que pode chegar ata o dobre do beneficio obtido.

3. En todo caso, para a graduación das sancións aplicables teranse en conta a transcendencia da información, a conducta do culpable e os danos e as perdas causados a terceiros e ós servicios estatísticos.

4. Para os efectos do disposto no artigo 33º, entenderase por reincidencia a comisión dunha infracción análoga á que motivou a sanción no prazo do ano seguinte á notificación desta. Neste suposto requerirase que a primeira resolución sancionadora xa adquirise firmeza na vía administrativa.11

Artigo 36 As sancións administrativas neste Capítulo non serán obstáculo para a esixencia de responsabilidades ós infractores ante a xurisdicción ordinaria ou contencioso- -administrativa.

TÍTULO II

A organización estadística da Comunidade Autónoma de Galicia

CAPÍTULO PRIMEIRO

Disposicións xerais

Artigo 37 A organización estadística da Comunidade Autónoma de Galicia estará constituída por:

a) O Instituto Galego de Estadística.

b) Os órganos estatísticos sectoriais.12

c) O Consello Galego de Estadística.

CAPÍTULO II

O Instituto Galego de Estadística 13

SECCIÓN PRIMEIRA.- CREACIÓN E FUNCIÓNS

Artigo 38

1º. Créase o Instituto Galego de Estatística, que se configura como organismo autónomo de carácter administrativo con personalidade xurídica e patrimonio propios.

2. O Instituto Galego de Estatística quedará adscrito á Consellería de Economía e Facenda.1415

Artigo 39 Son funcións do Instituto Galego de Estadística:

1. A dirección e coordenación da actividade estadística no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A coordenación da actividade estadística levada a cabo polas distintas Administracións Públicas de Galicia.

3. Levar a cabo as estadísticas ou as fases das mesmas que lle encomenden o Plan Galego de Estadística e os seus correspondentes Programas Estadísticos, así como calquera outra que lle poidan encomendar ou que se estableza en virtude de convenios con outros organismos estadísticos.

4. Colaborar en estadísticas de interese estatal ou supraestatal promovidas polos organismos competentes.

5. Promove-la aplicación de normas e requisitos técnicos unitarios para as estadísticas galegas e a aprobación de códigos e nomenclaturas de interese propio, intentando que se adapten e integren no contexto das estadísticas estatais e supraestatais, dándolle-la maior difusión posible.

6. Elaborar, actualizar e estar presente no deseño e na confección dos ficheiros-directorios que utilizarán os órganos e entes da Administración Autónoma de Galicia. Así mesmo, deberá ser escoitado no deseño e na reforma dos procedementos administrativos da Comunidade Autónoma que, pola súa natureza, poidan ter consecuencias na producción de informacións de posible utilización estadística.

7. Coordena-las peticións e mailas solicitudes en materia estadística das distintas Consellerías respecto de calquera outra institución ou organismo da Administración Central ou Local.

8. Prestar servicios de recopilación, almacenaxe e difusión da documentación estadística disponible.

9. Desenvolver bases de datos sobre a información estadística de interese público para Galicia.

10. Analiza-las necesidades e a evolución da demanda de estadísticas en Galicia.

11. Relacionarse con organismos estatais e internacionais con competencia sobre materias estadísticas e propoñerlle ó Consello da Xunta integrarse neles.

12. Asegura-la difusión axeitada das estadísticas publicadas de Galicia, a través dos medios máis pertinentes, e extender certificacións dos resultados estadísticos da súa competencia.

13. Velar polo cumprimento das normas técnicas aprobadas e pola aplicación das garantías necesarias para que sexan respetados o segredo estadístico e as outras condicións xurídicas ás que se debe suxeita-la actividade estadística.

14. As demais competencias que se lle atribúan na presente Lei.

SECCIÓN SEGUNDA.- ORGANIZACIÓN DO INSTITUTO GALEGO DE ESTADÍSTICA

Artigo 40 A estructura do Instituto Galego de Estadística determinarase mediante Decreto. Á fronte do mesmo existirá un Director, que será nomeado polo Consello da Xunta por proposta do Conselleiro de Economía e Facenda.

Artigo 41 1. Correspóndenlle ó Director do Instituto Galego de Estadística as seguintes competencias:

1.ª A representación legal do Instituto.

2.ª A xefatura do persoal do Instituto e de tódolos servicios do mesmo.

3.ª O impulso, a dirección e maila coordenación da actividade do Instituto.

4.ª Tódalas demais que lle correspondan ó Instituto e que non fosen atribuídas expresamente a outros órganos do mesmo.

2. No desenvolvemento das súas funcións, o Director actuará con total independencia en tódolos aspectos técnicos e científicos relacionados coa actividade estadística de Galicia.

SECCIÓN TERCEIRA. FACENDA E PRESUPOSTO DO INSTITUTO GALEGO DE ESTADÍSTICA

Artigo 42 A facenda do Instituto Galego de Estadística estará formada por:

1. As asignacións procedentes dos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As asignacións procedentes dos presupostos doutras entidades públicas.

3. As aportacións de calquera outra entidade ou persoa pública ou privada.

4. As cantidades que deba percibir Galicia como consecuencia de convenios de cooperación coa Administración do Estado e con outros entes públicos por razón das actividades desenvolvidas polo Instituto.

5. Os ingresos obtidos polas súas actividades de xestión e explotación, así como os dos servicios que poida realizar.

6. Calquera outra asignación autorizada polas leis.

Artigo 43 O presuposto para o desenvolvemento da actividade do Instituto Galego de Estadística elaborarase anualmente e con suxección ó preceptuado na materia para os organismos autónomos administrativos pola Lei 3/1984, do 3 de abril, de Xestión Económica e Financeira Pública de Galicia, e polas demais normas que a complementen ou desenvolvan.

CAPÍTULO III

Outros órganos estatísticos16

Artigo 44

Órganos estatísticos sectoriais.

1. Co obxecto de promover o desenvolvemento da actividade estatística na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o aproveitamento das potencialidades estatísticas existentes, designaranse órganos estatísticos nos departamentos da Xunta de Galicia e, se é o caso, nos organismos e entes públicos dependentes dela, que deberán coordinar a súa actividade co Instituto Galego de Estatística.

2. A designación e a regulación destes órganos determinaranse regulamentariamente.

3. Os órganos estatísticos sectoriais terán, no desenvolvemento das súas actividades, as seguintes funcións:

a) Elaboración e difusión de estatísticas propias da consellaría e dos organismos e entes públicos correspondentes.

b) Elaboración das estatísticas ou fases delas que lles encomenden o Plan galego de estatística e os seus programas estatísticos.

c) Colaboración co Instituto Galego de Estatística na elaboración do anteproxecto do Plan galego de estatística e dos proxectos dos seus programas anuais.

d) Colaboración co Instituto Galego de Estatística no deseño e na confección dos ficheiros-directorios que utilizarán os órganos e entes da Administración autonómica de Galicia.

e) Análise das necesidades estatísticas da consellaría e dos organismos e entes públicos correspondentes.

4. Carácter do persoal estatístico.

O persoal que preste os seus servizos en calquera dos órganos ou entes do sistema estatístico de Galicia e que realice actividade estatística obterá o carácter de persoal estatístico, con independencia do seu nivel e da relación xurídica da que deriven aqueles, sempre que se cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan.1718

CAPÍTULO IV

O Consello Galego de Estadística

SECCIÓN PRIMEIRA.- CREACIÓN E FUNCIÓNS

Artigo 45 Créase o Consello Galego de Estadística como máximo órgano consultivo da actividade estadística da Comunidade Autónoma de Galicia, para asegura-la participación dos axentes sociais e a relación entre a Administración e os usuarios da información estadística, promove-lo seu entendemento e facilita-la coordenación e o uso de metodoloxías comúns.

Artigo 46 O Consello Galego de Estadística será consultado sobre:

1. O anteproxecto do Plan Galego de Estadística. Para tal fin emitirá informe preceptivo no prazo de dous meses desde a data da súa remisión polo Instituto Galego de Estadística. 2. Os proxectos dos Programas Estadísticos Anuais.

3. A adecuación e utilización dos conceptos, definicións, clasificacións, códigos e nomenclaturas utilizadas pola organización estadística da Comunidade Autónoma de Galicia na súa actividade estadística.

4. O contido do banco de datos estadísticos considerado no artigo 39 e o acceso á dita información por calquera tipo de usuario.

5. Os eventuais conflictos de competencia entre órganos estadísticos da Comunidade ou con outros alleos a ela.

6. Os proxectos concretos en materia estadística que lle sometan á súa consideración.

7. A aplicación concreta da lexislación vixente en cada momento sobre o segredo estadístico, nos casos en que se presenten diferentes interpretacións.

8. Calquera outra cuestión que lle presente o Consello da Xunta ou o Instituto Galego de Estadística.

SECCIÓN SEGUNDA.- COMPOSICIÓN DO CONSELLO

Artigo 47

1. O Consello Galego de Estatística estará composto polos seguintes membros:

a) O presidente, que será o conselleiro de Economía e Facenda.

b) O vicepresidente, que será o director do Instituto Galego de Estatística.

c) Un representante por cada un dos departamentos da Xunta de Galicia (Presidencia, Vicepresidencia, consellarías).

d) Dous representantes do Consello das Cámaras de Comercio Galegas.

e) Dous representantes das asociacións de empresarios.

f) Un representante de cada unha das organizacións sindicais máis representativas.

g) Tres representantes das organizacións profesionais de agricultores.

h) Dous representantes das organizacións de mariñeiros.

i) Dous representantes das organizacións de consumidores e usuarios.

j) Dous representantes da Administración local.

k) Un representante por cada unha das universidades de Galicia.

l) Tres persoas de relevancia profesional no campo da estatística.

m) Os subdirectores e mais o secretario técnico do Instituto Galego de Estatística, de acordo coa súa estrutura orgánica, con voz e sen voto.

n) Un funcionario do Instituto Galego de Estatística, que desempeñará o cargo de secretario do consello, con voz e sen voto.19

ñ) Un/Unha representante designado/a por cada un dos grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia.

o) O/A presidente/a da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións.20

2. Os representantes ós que se alude nos apartados anteriores, agás os dos apartados a) e b), designaranse na forma que regulamentariamente se determine.2122

SECCIÓN TERCEIRA.- FUNCIONAMENTO E MEDIOS

Artigo 48 1. O Consello Galego de Estadística actuará en Pleno e en Comisións, de acordo co Regulamento de funcionamento interno que aprobe o mesmo.

2. As xuntanzas do pleno serán ordinarias e extraordinarias e terán lugar, en todo caso, por convocatoria da presidencia. Das ordinarias realizarase cando menos unha ao ano, ou dúas se nese ano non se reúne a comisión permanente. As extraordinarias realizaranse por instancia da metade dos membros do consello ou da maioría dos da súa comisión permanente, ou por iniciativa da presidencia.

Os acordos do pleno tomaranse por maioría simple, sendo dirimente o voto da presidencia no caso de empate.23

3. No Consello Galego de Estadística funcionarán unha Comisión de Coordenación da Organización Estadística da Comunidade Autónoma de Galicia e unha Comisión Permanente. A Comisión de Coordenación, presidida polo Director do Instituto Galego de Estadística, estará constituída polos membros do Consello representantes dos organismos estadísticos da Comunidade Autónoma de Galicia. A Comisión Permanente terá por finalidade o seguimento da realización dos programas de execución do plan e cuestións semellantes. Estará formada por once membros do Consello, elixidos de entre os membros do mesmo, os cales nomearán ó seu Presidente.

4. O Consello poderá crear, para o mellor desenvolvemento das súas competencias, no seu seo grupos de traballo dos que formarán parte os membros do mesmo que se determinen en cada caso e tamén, se se considera de interese, outras persoas alleas ó Consello. A Secretaría destes grupos de traballo, que deixarán de existir cando remate a misión para a que os crearon, será cuberta por un funcionario do Instituto Galego de Estadística nomeado para tal efecto polo seu Director Xeral.

5. O consello, ademais dos informes técnicos que faga no desenvolvemento das súas competencias, elaborará anualmente unha memoria sobre a actividade da organización estatística de Galicia, que se fará pública.24

6. Os medios que precise o Consello para o seu correcto funcionamento serán cubertos polo Instituto, con cargo ó seu presuposto.

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA

Facúltase ó Consello da Xunta para revisar anualmente a contía das sancións previstas na presente Lei, co fin de adecualas ás modificacións experimentadas polo índice xeral de precios ó consumo.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

Primeira.- Nun prazo non superior a oito meses, a partir da entrada en vigor da presente Lei, o Consello da Xunta presentaralle ó Parlamento un proxecto do Plan Galego de Estadística.

Segunda.- Nun prazo máximo de tres meses, a partir da entrada en vigor da presente Lei, constituirase o Consello Galego de Estadística, e, nun prazo non superior a cinco meses da entrada en vigor da presente Lei, o Consello Galego de Estadística aprobará o seu Regulamento de funcionamento interno.

Terceira Á entrada en vigor da presente Lei transferiránselle ó Instituto Galego de Estadística, que agora se crea, os medios materiais e persoais e as correspondentes dotacións presupostarias actualmente afectas ó Centro de Información Estadística de Galicia, creado polo Decreto 148/1984, do 6 de setembro, así como as dotacións complementarias que se consideren convenientes para o seu correcto funcionamento neste primeiro exercicio.

Cuarta Os convenios ou acordos asinados previamente polo Centro de Información Estadística seguirán a rexerse pola súa propia normativa.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Quedan derrogadas cantas disposicións se opoñan ó disposto na presente Lei.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

O Consello da Xunta e a Consellería de Economía e Facenda, no ámbito das súas respectivas competencias, adoptarán cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento da presente Lei.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 1988

Fernando Ignacio González Laxe
Presidente


1 Publicada no DOG número 148, do 3 de agosto de 1988.

2 Redacción do artigo 2 dada pola disposición derradeira primeira da Lei 8/2011, do 9 de novembro, do Plan galego de estatística 2012-2016 (DOG número 225, do 24 de novembro de 2011).

3 Pode consultarse a Lei 16/2021, do 20 de decembro, do Plan galego de estatística 2022-2026 (DOG núm. 249, do 29 de decembro de 2021).

4 Pode consultarse o Decreto 227/2020, do 23 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021 (DOG número 261, do 30 de decembro de 2020).

5 Redacción do número 4 do artigo 24 dada pola Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia (DOG número 111, do 14 de xuño de 1993).

6 Redacción das letras b) e c) dada pola Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011 (DOG número 6, do 9 de xaneiro de 2007).

7 Redacción do artigo 29 dada polo número Dous da disposición derradeira primeira da Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011(DOG núm. 6, do 9 de xaneiro de 2007).

8 Redacción do número 1 dada polo número tres da disposición derradeira primeira da Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011(DOG núm. 6, do 9 de xaneiro de 2007).

9 Redacción do número 2 dada pola disposición adicional única da Lei 10/2001, do 17 de setembro, do Plan galego de estatística 2002-2006 (DOG núm. 188, do 27 de setembro de 2001).

10 Redacción do número 1 dada polo número Catro da disposición derradeira primeira da Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011(DOG núm. 6, do 9 de xaneiro de 2007).

11 Redacción dos números 2, 3 e 4 do precepto dada polo artigo único.2 da Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia (DOG núm. 111, do 14 de xuño de 1993).

12 Redacción da letra b) dada polo artigo único.3 da Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia (DOG núm. 111, do 14 de xuño de 1993).

13 En relación con este organismo autónomo tamén debe terse en conta a regulación contida no Decreto 60/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Estatuto do organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

14 Redacción do artigo 38 dada polo artigo único.4 da Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia (DOG núm. 111, do 14 de xuño de 1993).

15 De acordo co artigo 2.2.a) do vixente Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, o organismo autónomo está adscrito a esta consellería.

16 Redacción do título do capítulo III do título II dada polo artigo único.5 da Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia (DOG núm. 111, do 14 de xuño de 1993).

17 Redacción do artigo 44 dada polo número Cinco da disposición derradeira primeira da Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011(DOG núm. 6, do 9 de xaneiro de 2007).

18 En relación con este precepto debe terse en conta tamén a regulación contida no Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, polo que se regulan os órganos estatísticos sectoriais e se establece o procedemento de designación.

19 Redacción do número 1 do artigo 47 dada polo número Seis da disposición derradeira primeira da Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011(DOG núm. 6, do 9 de xaneiro de 2007).

20 Letras ñ) e o) engadidas pola disposición derradeira segunda da Lei 8/2011, do 9 de novembro, do Plan galego de estatística 2012-2016 (DOG núm. 225, do 24 de novembro de 2011).

21 Redacción do número 2 dada polo artigo único.7 da Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia (DOG núm. 111, do 14 de xuño de 1993).

22 Debe terse en conta a regulación contida no Decreto 173/2007, do 30 de agosto, polo que se establece a forma de designación dos membros que integran o Consello Galego de Estatística.

23 Redacción do número 2 dada pola disposición derradeira terceira da Lei 8/2011, do 9 de novembro, do Plan galego de estatística 2012-2016 (DOG núm. 225, do 24 de novembro de 2011).

24 Redacción do número 5 dada pola disposición derradeira cuarta da Lei 8/2011, do 9 de novembro, do Plan galego de estatística 2012-2016 (DOG núm. 225, do 24 de novembro de 2011).