Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia

Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.1

Exposición de motivos.

A minaría en Galicia é un sector relevante desde o punto de vista socioeconómico que presenta, non obstante, hoxe en día, unha notoria incidencia sobre o medio ambiente e a ordenación do territorio, o cal fai precisa unha adecuada conciliación do desenvolvemento do sector mineiro coa protección dos bens xurídicos en xogo. Para esta finalidade é necesario dispoñer dun marco normativo coherente e actualizado que teña presente os cambios institucionais, tecnolóxicos e ambientais producidos na sociedade desde a aprobación da Constitución española e do Estatuto de autonomía.

O longo tempo transcorrido desde a aprobación da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, unido ao carácter preconstitucional desta norma, e da Lei 6/1977, do 4 de xaneiro, de fomento da minaría, acompañado dos fortes cambios tecnolóxicos experimentados e dunha maior preocupación pola tutela ambiental e territorial da sociedade civil son elementos que obrigan á posta en pé dunha norma galega que dea resposta aos cambios producidos.

Galicia, ademais de normas de fomento económico do sector mineiro, ten aprobadas a Lei 9/1985, de protección das pedras ornamentais, dirixida á protección dos minerais que teñen a súa principal aplicación na industria da construción, e a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios. Porén, esta normativa ten un alcance sectorial e non proporciona un marco normativo xeral que permita desenvolver as competencias autonómicas en materia mineira e dotar dun marco organizativo-institucional actualizado a Xunta de Galicia.

Asemade, a lexislación ambiental aprobada con posterioridade á lexislación estatal de minas, en materia de residuos, control integrado da contaminación, impacto ambiental, avaliación ambiental estratéxica e outras, debe poñerse en relación coa normativa da minaría e conformar unha regulación integrada que permita un desenvolvemento sustentable das actividades extractivas.

A regulación vixente descoñece o novo reparto competencial entre o Estado e as comunidades autónomas, está desfasada desde o punto de vista organizativo e non responde ás necesidades de planificación estratéxica do sector, nin ofrece un marco de intervención administrativa áxil e moderno.

Faise, polo tanto, necesaria unha lexislación propia que permita un desenvolvemento sustentable e que permita adaptar o sector mineiro ás singularidades territoriais, ambientais ou de estrutura da propiedade de Galicia, e que permita establecer un marco normativo claro e coordinado.

O establecemento de normas que regulen as actividades extractivas encaixa nun sistema de distribución de competencias no que lles corresponde ao Estado, de acordo co artigo 149.25 da Constitución española, a fixación das bases do réxime mineiro e á comunidade autónoma, segundo o artigo 28.3 do Estatuto de autonomía, o desenvolvemento lexislativo e a execución.

A tardanza estatal en aprobar unha norma legal básica en materia de minas fai que se manteña vixente unha lexislación estatal sen adaptar ao novo réxime de distribución de competencias e inadecuada para a situación e os problemas actuais das actividades extractivas. Esta tardanza, non obstante, non pode impedir o exercicio lexítimo das súas competencias por parte das comunidades autónomas, aínda que a determinación da extensión do básico e do que entraría como desenvolvemento autonómico se poida facer máis dificultosa.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do establecido nas normas contidas no artigo 28 do Estatuto de autonomía, punto 3 (desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de réxime mineiro e enerxético); no artigo 27, puntos 14 (augas minerais e termais), 30 (normas adicionais sobre protección do medio ambiente) e 5 (normas procesuais e procedementos que deriven do dereito específico galego); no artigo 37 e seguintes (réxime xurídico) e no artigo 44, punto 1 (facenda pública galega), ten competencia para ditar a súa normativa propia en materia de minas.

Con base nestes títulos competenciais, Galicia é competente para definir o marco organizativo de intervención no sector, polo que se establecen os órganos autonómicos chamados a definir as políticas públicas nesta materia, así como a exercer as funcións de planificación da actividade extractiva, de fomento do sector, de outorgamento dos títulos xurídicos habilitantes do aproveitamento de dereitos mineiros e de disciplina mineira mediante os procedementos administrativos precisos para a ordenación da minaría.

Finalmente, cómpre significar que as bases estatais do réxime mineiro, que, a falta de aprobación da lexislación pertinente, deberían estar conformadas -de acordo cos títulos competenciais que figuran na Constitución-pola concreción do ámbito de aplicación da lexislación mineira, a definición do que se entende por actividade extractiva, a fixación do concepto de técnica mineira e o establecemento dos criterios de clasificación, son respectadas nesta lei.

O título I establece o obxecto, o ámbito de aplicación e os principios orientadores da lei, e sitúa como eixe vertebrador a sustentabilidade para garantir a protección do medio pola gran repercusión que esta actividade ten sobre o solo, a auga e o aire.

No título II defínese o reparto de competencias entre os diversos órganos da Xunta e regúlase a estrutura organizativa específica, nomeadamente o Consello da Minaría de Galicia e os rexistros pertinentes. O Consello da Minaría de Galicia créase como órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da administración en materia de minaría, para o que se lle atribúen funcións de informe preceptivo nas principais normas e nos instrumentos de planificación do sector mineiro, así como outras de asesoramento. O Rexistro Mineiro de Galicia inscribirá todos os dereitos mineiros autorizados ou concedidos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o Rexistro de Solicitudes de Dereitos Mineiros determinará a prioridade dos dereitos en función da súa data de solicitude.

O título III establece o Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia como máximo instrumento de planificación da política mineira, que terá natureza dun plan sectorial de incidencia supramunicipal, co obxecto de establecer os principios e as directrices para a ordenación mineira de Galicia baseada en criterios de estabilidade e sustentabilidade.

O título IV regula o procedemento de outorgamento e o contido dos dereitos mineiros. Establécese un procedemento integrado de outorgamento que simplifica a intervención administrativa e, ao mesmo tempo, garante a coordinación interadministrativa e interorgánica. Esta integración procedemental permite que o outorgamento de dereitos mineiros se realice en atención aos requirimentos ambientais e urbanísticos e ás competencias concorrentes. Para as persoas solicitantes dos dereitos mineiros mellórase e axilízase a xestión administrativa e dótase o procedemento dunhas maiores garantías e transparencia. Así mesmo, defínense o contido e a vixencia dos dereitos mineiros e a súa compatibilidade con outros usos ou aproveitamentos, e a Administración mineira pode limitar ou condicionar o exercicio dos dereitos de prioridade por razóns ambientais, urbanísticas ou outras que sexan da súa competencia. A lei prevé a necesidade de constitución de garantías financeiras para responder da viabilidade

dos traballos mineiros e do Plan de restauración ambiental, así como a subscrición dun seguro de responsabilidade civil para facer fronte aos danos que poidan causar as actividades extractivas. Tamén se regula o concurso de dereitos mineiros e se definen o contido mínimo da convocatoria e as previsións en canto á resolución.

O fomento da minaría regúlase no título V orientando a acción da administración cara á innovación tecnolóxica que permita a mellora no aproveitamento dos recursos mineiros, a minimización dos residuos e das emisións e o pechamento dos ciclos produtivos. Para iso prevense actuacións en materia de investigación e formación, incentivos económicos e a declaración de concellos mineiros.

O título VI, baixo a rúbrica de disciplina mineira, establece as previsións necesarias para efectuar a inspección mineira con plenas garantías para os administrados ou as administradas e para unha adecuada determinación dos feitos. Tamén recolle unha regulación específica dalgúns aspectos do réxime sancionador e o catálogo de infraccións e sancións.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de ordenación da minaría de Galicia.

TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto o desenvolvemento do réxime xurídico das actividades mineiras en Galicia en condicións de sustentabilidade e seguridade e promove un aproveitamento racional compatible coa protección do medio ambiente.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Esta lei é aplicable ás seguintes actividades:

a) Á exploración, á investigación, á explotación e ao aproveitamento dos recursos minerais e demais recursos xeolóxicos situados en Galicia.

b) Ao aproveitamento de recursos xeotérmicos e de formacións xeolóxicas superficiais ou subterráneas.

c) Á preparación para a entrega aos mercados dos minerais e recursos extraídos.

d) Á xestión dos residuos producidos nas actividades extractivas.

e) Á recuperación ambiental dos terreos afectados por labores mineiros, así como ás condicións e aos requisitos do abandono da actividade mineira.

f) Á actividade administrativa de apoio para a mellora e innovación nas actividades mineiras, co fin de diminuír o impacto sobre os recursos naturais e a valorización integral dos recursos producidos na procura do pechamento do ciclo produtivo en Galicia.

2. Están excluídas do ámbito de aplicación desta lei as seguintes materias:

a) A exploración, a investigación, a explotación e o almacenamento subterráneo de hidrocarburos líquidos e gasosos.

b) A extracción ocasional e de escasa importancia de recursos minerais, calquera que sexa a súa clasificación, sempre que a leve a cabo a persoa propietaria dun terreo para o seu uso exclusivo e non exixa a aplicación de ningunha técnica mineira.

c) As augas reguladas na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Calquera aproveitamento de recursos xeotérmicos de escasa importancia económica, en particular aos que se lles dea utilidade en calefacción, climatización doméstica ou industrial e/ou auga quente sanitaria, baseados en sistemas xeotérmicos de moi baixa entalpía, con intercambiadores en circuíto pechado, ata 200 metros de profundidade, sempre que sexa levado a cabo pola persoa propietaria do terreo para o seu uso exclusivo e que o aproveitamento non exixa a aplicación de ningunha técnica mineira.

Todo iso sen prexuízo de que os traballos subterráneos necesarios estarán sometidos á autorización previa das xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de enerxía e minas, tal e como xa recolle o artigo 18.2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento das augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) O aproveitamento lúdico das augas termais, que se rexerá polo disposto na Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición derradeira terceira desta lei.2

Artigo 3º.-Principios.

Son principios que inspiran esta lei:

a) A planificación mineira no marco da ordenación da economía e do territorio.

b) A xestión sustentable dos recursos mineiros.

c) A innovación tecnolóxica orientada á sustentabilidade e a valorización plena dos recursos mineiros.

d) A mellora das condicións de seguridade e saúde laborais.

e) A colaboración e cooperación das diferentes administracións públicas.

f) A participación na política mineira dos sectores sociais e económicos implicados, os cales integrarán activamente a dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

TÍTULO II

ORGANIZACIÓN ADMINISTRATIVA E COMPETENCIAS

CAPÍTULO I

A ADMINISTRACIÓN DA XUNTA DE GALICIA

Artigo 4º.-O Consello da Xunta.

Ao Consello da Xunta, como órgano superior de dirección e coordinación da política mineira da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle:

a) Aprobar o Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia, así como as súas modificacións ou revisións, por proposta da consellaría competente en materia de minas.

b) Garantir a coordinación dos distintos departamentos autonómicos con incidencia na minaría.

c) Acordar con carácter excepcional, e logo de xustificar o interese público, o outorgamento de dereitos mineiros no caso de existencia de informes preceptivos desfavorables, de ser o caso.

d) Establecer as liñas de cooperación coas demais administracións públicas.

e) Resolver sobre a prevalencia de utilidades públicas incompatibles cando se vexan afectadas competencias atribuídas a distintas consellarías.

f) Aprobar a declaración de concellos mineiros.

Artigo 5º.-A consellaría competente en materia de minas.

Corresponderalle á consellaría que teña atribuída a competencia en materia de minaría:

a) Promover e planificar a actividade mineira en Galicia, para o que elaborará o Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia e aqueloutros plans que sexan precisos para un desenvolvemento sustentable desta actividade.

b) Outorgar as concesións, os permisos e as autorizacións, nos termos da lexislación básica estatal, necesarios para o desenvolvemento de actividades extractivas.

c) Exercer as competencias relativas á seguridade mineira.

d) Inspeccionar o cumprimento das condicións técnicas, de seguridade e ambientais das actividades extractivas ou de calquera outra actividade que utilice técnicas mineiras.

e) Impulsar a mellora das explotacións mineiras potenciando as súas competencias técnicas, medioambientais, comerciais e organizativas.

f) Exercer a potestade sancionadora nos termos establecidos nesta lei.

g) O desenvolvemento competitivo e sustentable do tecido empresarial mineiro galego.

CAPÍTULO II

O CONSELLO DA MINARÍA DE GALICIA3

Artigo 6º.-Creación e réxime xurídico.

1. Créase o Consello da Minaría de Galicia como órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da administración competente en materia de minaría.

2. O consello estará adscrito para os efectos administrativos á consellaría competente en materia de minaría. A organización e o réxime xurídico do consello, así como o carácter dos seus informes, determinaranse regulamentariamente garantindo un funcionamento transparente, unha periodicidade adecuada e a participación activa de todos os seus membros.

Artigo 7º.-Funcións.

Correspóndenlle ao Consello da Minaría de Galicia as seguintes funcións:

a) Emitir informe sobre os anteproxectos de lei, sobre os proxectos de regulamentos con incidencia na minaría e sobre o Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia.

b) Asesorar sobre os plans e programas que a presidencia lle propoña en razón á importancia da súa incidencia sobre a minaría.

c) Emitir informes e efectuar propostas en materia de minaría, por iniciativa propia.

d) Propoñer medidas para un mellor desenvolvemento da política mineira.

e) Impulsar a coordinación entre a iniciativa pública e privada en materia de minaría.

f) Informar sobre cantos asuntos en materia mineira sexan sometidos á súa consideración pola consellaría competente en materia de minaría e as que regulamentariamente se lle atribúan.

g) Coñecer da evolución do emprego no sector da minaría, das sancións firmes derivadas dos incumprimentos desta lei e das estatísticas de sinistrabilidade do sector e subsectores da minaría.

h) Efectuar o seguimento do grao de cumprimento de todas as iniciativas encamiñadas a mellorar a calidade do emprego na minaría de Galicia, incrementar a seguridade laboral e impulsar a formación dos traballadores e das traballadoras do sector na nosa Comunidade.

i) Ser informado anualmente respecto dos expedientes administrativos tramitados consonte o procedemento disposto no título IV desta lei.

j) Todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas por unha lei.

Artigo 8º.-Composición.

1. O Consello da Minaría de Galicia estará presidido pola persoa titular da consellaría competente en materia de minaría ou persoa en quen delegue.

A composición e organización do Consello da Minaría de Galicia rexerase polo principio de paridade e tratará de garantir unha representación proporcionada entre mulleres e homes.

Regulamentariamente determinarase a composición do consello, no que estarán integrados representantes das administracións, das organizacións sindicais e empresariais máis representativas do sector, das asociacións de defensa da natureza, das comunidades de montes en man común, dos concellos mineiros, dos colexios profesionais competentes en materia mineira e da Cámara Oficial Mineira de Galicia.

2. Os seus membros serán nomeados pola persoa titular da consellaría competente en materia de minaría por proposta das organizacións representativas. O nomeamento dos membros electivos do consello e dos seus suplentes será por un período de catro anos, que poderá ser renovado por períodos iguais de dous anos. Os membros do consello cesarán por proposta das organizacións ou entidades que propuxeron o seu nomeamento.

CAPÍTULO III

REXISTRO MINEIRO DE GALICIA

Artigo 9º.-Rexistro Mineiro de Galicia.

1. Créase o Rexistro Mineiro de Galicia, no que se inscribirán todos os dereitos mineiros autorizados ou concedidos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. A inscrición practicarase de oficio e incluirá, co suficiente detalle, o tipo de dereito mineiro, o seu titular, a extensión, a delimitación e o prazo de vixencia.

2. Os datos reflectidos no Rexistro Mineiro de Galicia incorporaranse ao Catastro Mineiro de Galicia, que constituirá información de apoio para a xestión interna e a definición da política mineira da Comunidade Autónoma. A xestión do Catastro Mineiro de Galicia corresponde á Cámara Oficial Mineira de Galicia.4

3. O Rexistro Mineiro de Galicia será público, segundo as condicións que se establezan regulamentariamente.

Artigo 10º.-Rexistro de Solicitudes de Dereitos Mineiros.

1. A consellaría competente en materia de minas levará un rexistro de solicitudes de permisos, autorizacións e concesións de dereitos mineiros.

2. Neste rexistro, que se articulará como unha sección independente dentro do Rexistro Mineiro de Galicia, inscribiranse as solicitudes na orde na que foron presentadas.

3. A prioridade para a tramitación dos dereitos mineiros determinarase pola orde de inscrición no Rexistro de Solicitudes de Dereitos Mineiros.

TÍTULO III

PLANIFICACIÓN DA MINARÍA

Artigo 11º.-Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia.

1. O Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia configúrase como un plan sectorial de incidencia supramunicipal dos regulados na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Como máximo instrumento de planificación da política mineira ten por obxecto establecer os principios e as directrices para a ordenación mineira de Galicia, baseada en criterios de estabilidade e sustentabilidade, así como a normativa necesaria para desenvolver os eixes básicos de actuación administrativa en Galicia no sector, polo que se debe propiciar a coordinación das accións, o seu desenvolvemento sustentable, a mellora tecnolóxica e a diversificación económica.

2. As determinacións do Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia serán directamente aplicables e prevalecerán de forma inmediata sobre as do planeamento urbanístico, que haberá de ser obxecto de adaptación.

3. O procedemento de aprobación do Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia axustarase ao disposto no artigo 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Artigo 12º.-Criterios orientadores.

Os criterios que inspirarán o Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia serán os seguintes:

a) O establecemento das bases do desenvolvemento dunha minaría sustentable.

b) A identificación de zonas con potencial mineiro.

c) A mellora da seguridade das explotacións mineiras e dos seus establecementos de beneficio.

d) A harmonización da actividade extractiva co resto dos usos do solo dentro do marco da ordenación territorial, agraria e ambiental.

e) O aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos mineiros de maneira compatible coa protección do medio natural e co patrimonio cultural.

f) A racionalización do emprego de recursos naturais e de residuos a través da implantación das mellores técnicas dispoñibles e a valorización.

g) A promoción da investigación, o desenvolvemento e a innovación nas propiedades e aplicacións dos materiais, así como nos procesos de produción, tratamento e aproveitamento de subprodutos.

h) A busca dunha maior vinculación da minaría coa mellora da economía das zonas nas que se sitúen as explotacións e o fomento da creación de emprego.

i) O asesoramento, a información e a colaboración coas administracións locais, cos entes privados e coas organizacións empresariais e sindicais en cuestións relacionadas coas actividades mineiras e co desenvolvemento empresarial.

j) A mellora da produtividade das empresas do sector mineiro e o apoio á implantación de industrias que permitan o pechamento de todos os ciclos de transformación dos materiais mineiros extraídos en Galicia.

k) A máxima simplificación administrativa na tramitación dos expedientes mineiros.

l) O carácter temporal da explotación mineira respecto da ordenación do territorio e dos usos do solo.

Artigo 13º.-Contido do Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia.

Sen prexuízo do contido establecido no artigo 23 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, o Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia conterá, en todo caso:

a) Un diagnóstico da minaría en Galicia que inclúa referencias aos recursos existentes e en investigación, aos dereitos mineiros, aos efectos da minaría sobre o contorno económico, social e ambiental, á localización das explotacións, ao emprego no sector con indicación das condicións laborais existentes e ás repercusións ambientais máis relevantes das explotacións existentes.

b) A coordinación cos instrumentos de protección ambiental e patrimonio cultural coa determinación dos ámbitos incompatibles con actividades extractivas polas necesidades de preservación dos ditos bens sociais.

c) A fixación de obxectivos de desenvolvemento do sector tendo en conta os condicionamentos territoriais, agrarios e ambientais e o obxectivo de diversificación e pechamento do ciclo produtivo.

d) As liñas de actuación e os programas específicos, nomeadamente os destinados a concellos mineiros, de acordo cos principios de actuación desta lei.

e) Os instrumentos financeiros e de xestión para a execución do plan e as liñas directrices das medidas de fomento da minaría que deberán estar presididas polos obxectivos que fixa esta lei.

f) As bases da investigación mineira para acadar unha extracción, preparación e posta en mercado eficientes e sustentables dos recursos minerais.

g) As accións encamiñadas a mellorar a calidade do emprego no sector, incrementará a seguridade e potenciará a formación dos traballadores e das traballadoras, así como a incorporación de mulleres a un sector onde están infrarrepresentadas a través de políticas de acción positivas.

h) A valoración económica das actuacións previstas.

Artigo 14º.-Participación da consellaría competente en materia de minas en instrumentos de planificación.

1. Para a elaboración de instrumentos de planificación con incidencia na minaría teranse en conta as solicitudes e os dereitos mineiros outorgados ou concedidos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para o cal será obrigatorio solicitar un certificado do Catastro Mineiro de Galicia.5

2. Todas as figuras de planeamento urbanístico ou territorial con incidencia na minaría deberán someterse a informe vinculante da consellaría competente en materia de minas, con posterioridade á súa aprobación inicial. O informe deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable.

No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente os preceptos legais vulnerados.6

3. Calquera prohibición contida nos instrumentos de ordenación sobre actividades incluídas na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e nesta lei deberá ser motivada e non poderá ser de carácter xenérico.7

TÍTULO IV

DEREITOS MINEIROS

Artigo 15º.-Dereitos mineiros.

1. Os dereitos mineiros que se outorguen ou se soliciten no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia axustaranse ao disposto neste título.

2. Son dereitos mineiros regulados na lexislación específica mineira:

a) As autorizacións de aproveitamento de recursos da sección A).

b) As autorizacións e concesións de recursos da sección B).

c) Os permisos de exploración, os permisos de investigación e as concesións mineiras dos recursos C) e D).

3. Coas especialidades previstas nesta lei, establécese un procedemento unitario e integrado para o outorgamento de todos os dereitos mineiros no territorio da comunidade autónoma, con independencia do tipo de recurso e da actividade mineira desenvolvida.

Artigo 16º.-Órgano mineiro competente.

1. Sen prexuízo das funcións atribuídas ao Consello da Xunta de Galicia no artigo 4 desta lei, o órgano mineiro competente é a persoa titular da consellaría competente en materia de minas da Comunidade Autónoma de Galicia, a quen lle corresponde outorgar os dereitos mineiros, autorizar as súas modificacións, transmisións, renovacións e prórrogas, declarar a súa caducidade, así como realizar a convocatoria e a resolución dos concursos para a adxudicación de terreos non rexistrables.

2. O órgano mineiro competente velará para que o outorgamento dos dereitos mineiros respecte as prescricións da normativa mineira, ambiental, agraria e de ordenación do territorio, e calquera outra que resulte aplicable.

3. No caso de aproveitamentos inmediatos directamente asociados a proxectos de obras públicas e que non impliquen beneficio de recursos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia corresponderalle ao órgano competente para a aprobación do correspondente proxecto de construción, calquera que sexa o sistema de execución, a súa autorización, mediante o cumprimento das prescricións desta lei.

Os ditos órganos notificaranlle á consellaría competente en materia de minas o comezo e remate dos traballos referidos, así como, anualmente, informarán das cantidades de materiais extraídos.

CAPÍTULO I

PROCEDEMENTO DE OUTORGAMENTO DOS DEREITOS MINEIROS

Artigo 17. Actuacións previas

Con carácter previo ao comezo do procedemento para o outorgamento de dereitos mineiros sometidos a avaliación ambiental, a persoa promotora poderá solicitar, a través do órgano mineiro, a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto ambiental, para o que deberá presentar o documento inicial do proxecto de conformidade coa lexislación de avaliación ambiental vixente.8

Artigo 18. Solicitudes de dereitos mineiros

1. Toda solicitude de dereitos mineiros incluirá, polo menos, a seguinte documentación:

a) Un modelo normalizado de solicitude.

b) Unha memoria, que comprenderá o proxecto de exploración, investigación ou explotación e os proxectos de instalacións mineiras e procesos produtivos, cuxo contido se establecerá regulamentariamente.

c) Un informe de viabilidade e solvencia, que acredite que a persoa solicitante reúne os requisitos exixidos na lexislación mineira para poder ser titular de dereitos mineiros, especialmente a súa solvencia económica e técnica.

A xustificación da solvencia económica da persoa solicitante poderá acreditarse por un ou varios dos medios seguintes:

– Tratándose de persoas xurídicas, a presentación das contas anuais ou extracto delas.

– Unha declaración relativa á cifra de negocios global e dos traballos mineiros realizados pola persoa solicitante no curso dos cinco últimos anos.

– Calquera outra documentación considerada como suficiente polo órgano mineiro competente.

A solvencia técnica da persoa solicitante poderá acreditarse por un ou varios dos medios seguintes:

– Titulacións académicas e profesionais e experiencia dos efectivos persoais da empresa.

– Unha declaración dos medios materiais e equipo técnico dos que dispoñerá a persoa solicitante para a execución do seu programa mineiro.

– Unha declaración sobre os efectivos persoais da empresa, indicando, de ser o caso, o grao de estabilidade no emprego deles e a importancia dos seus equipos directivos durante os últimos cinco anos.

– Calquera outra documentación establecida regulamentariamente.

d) No caso dos dereitos mineiros sometidos á avaliación ambiental, o correspondente documento ambiental de conformidade co establecido na lexislación vixente.

e) Un plan de seguridade e saúde laboral.

f) Un plan de restauración do espazo afectado polas actividades mineiras.

g) Un calendario de execución e orzamento.

h) Planos.

i) Anexos.

j) De ser o caso, a documentación exixida pola normativa sectorial correspondente a eventuais autorizacións necesarias doutras administracións públicas.

k) Certificado municipal sobre a situación urbanística do lugar onde se pretende levar a cabo a explotación.

l) Calquera outra documentación e información acreditativa do cumprimento de requisitos establecidos na lexislación sectorial aplicable.

2. Á solicitude dos dereitos mineiros achegarase un resumo non técnico de todas as indicacións especificadas no punto anterior, para facilitar a súa comprensión para efectos do trámite de información pública.

3. A determinación dos datos que, a xuízo da persoa solicitante, gocen de segredo profesional e de propiedade intelectual e industrial, así como os que estean suxeitos a protección de carácter persoal e a confidencialidade de acordo coas disposicións vixentes.9

Artigo 19. Condicións especiais da solicitude de dereitos mineiros da sección A)

Ademais da documentación exixida no artigo 18, á solicitude de dereitos mineiros da sección A) achegarase a documentación que acredite o dereito ao aproveitamento cando o xacemento se atope en terreos de propiedade privada, de conformidade coa lexislación específica de minas. Cando o xacemento se atope en terreos de propiedade pública, será necesario o oportuno título habilitante da Administración titular.10

Artigo 20. Condicións especiais da solicitude de dereitos mineiros da sección B)

Ademais da documentación exixida no artigo 18, a solicitude de dereitos mineiros sobre xacementos de orixe non natural, estruturas subterráneas e ocos resultantes de canteiras exixirá a declaración previa da súa cualificación como recursos da sección B), realizada polo órgano mineiro competente.11

Artigo 21. Condicións especiais para a declaración da utilidade pública ou interese social, en concreto, e a necesidade de ocupación

1. Naqueles casos en que a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, ou norma que a substitúa, declara implícita a utilidade pública no outorgamento do dereito mineiro, a persoa promotora deste poderá solicitar a declaración da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para o inicio do proxecto, sen prexuízo da posibilidade de futuros expedientes expropiatorios para o desenvolvemento da totalidade do proxecto.

Para o anterior deberase presentar, xunto coa documentación recollida no artigo 18, unha relación concreta e individualizada, na que se describan, en todos os aspectos, material e xurídico, os bens ou dereitos que considere de necesaria ocupación.

2. Naqueles casos en que a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, ou norma que a substitúa, prevexa a posibilidade da declaración da utilidade pública, a persoa promotora do dereito mineiro poderá solicitar a declaración de utilidade pública ou interese social, en concreto, e da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para o inicio do proxecto ou a construción da instalación, sen prexuízo da posibilidade de futuros expedientes expropiatorios para o desenvolvemento da totalidade do proxecto.

Para o anterior deberase presentar, xunto coa documentación recollida no artigo 18, unha xustificación da importancia e das razóns para a declaración da utilidade pública, en concreto, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que a persoa solicitante considere de necesaria expropiación, na que se xustificarán os motivos polos que non foi posible chegar a un acordo que a evite.

3. O órgano mineiro realizará a publicación da relación de bens e dereitos no Boletín Oficial del Estado, no da provincia respectiva e nun dos diarios de maior circulación da provincia, se o houber, e comunicarállela ademais aos concellos en cuxo termo municipal radique o ben ou dereito que se vai ocupar para a súa exposición no taboleiro de anuncios, para que dentro dun prazo de quince días, contados a partir da última publicación, as persoas interesadas poidan formular alegacións sobre a procedencia da ocupación ou disposición dos bens e o seu estado material ou legal.

Notificarase individualmente a cada persoa titular de dereitos ou bens afectados, que poderán, durante o transcurso do prazo fixado no parágrafo anterior, achegar cantos datos permitan a rectificación dos posibles erros que se consideren cometidos na relación que se fixese pública.

4. A resolución que outorgue o dereito mineiro así tramitado declarará, de ser o caso, a utilidade pública ou interese social, en concreto, e a necesidade de ocupación dos terreos para os efectos da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, ou norma que a substitúa, e iniciará o expediente expropiatorio, sen prexuízo da posibilidade de convir a adquisición dos bens ou dereitos que son obxecto daquela libremente e por mutuo acordo. Neste último caso, logo de convidos os termos da adquisición amigable, darase por concluído o expediente expropiatorio.12

Artigo 22. Emenda das solicitudes

Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados nesta lei, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución motivada.13

Artigo 23. Consulta ás administracións públicas e información pública

1. Logo de completada a documentación, de acordo co establecido nos artigos anteriores, para os dereitos mineiros de aproveitamento ou explotación solicitaranse os seguintes informes preceptivos:

a) O informe do concello ou concellos que teñan o dereito mineiro dentro do seu termo municipal.

b) O informe do órgano con competencias en materia de medio ambiente.

c) O informe sobre o patrimonio cultural, cando proceda.

d) O informe do órgano con competencias en materia de dominio público hidráulico, cando proceda.

e) O informe sobre dominio público marítimo-terrestre, cando proceda.

f) Os demais informes que sexan preceptivos segundo as disposicións legais aplicables e os que se xulguen necesarios para resolver, citándose o precepto que os exixa ou fundamentando, de ser o caso, a conveniencia de reclamalos.

g) O informe do órgano con competencias en materia de ordenación agraria.

2. Os informes sinalados no punto anterior deberán pronunciarse sobre a existencia de usos de interese público da competencia dos órganos que os emitan, para os efectos da tramitación da correspondente peza separada de compatibilidade e, de ser o caso, prevalencia, segundo o establecido no artigo seguinte.

3. Os informes deberán emitirse no prazo dun mes desde a recepción do expediente completo. Transcorrido o prazo sen que se recibisen, o procedemento continuará se o órgano mineiro conta con elementos de xuízo suficientes para determinar a compatibilidade do dereito mineiro con outros usos de interese público. Neste caso, non se terán en conta os pronunciamentos antes referidos que se reciban posteriormente.

Se o órgano mineiro non tiver os elementos de xuízo suficientes, ben porque non se recibiron os informes das administracións públicas competentes que resulten relevantes ou ben porque, téndose recibido, estes resultan insuficientes para decidir, requirirá a persoa titular do órgano xerarquicamente superior daquel que tería que emitir o informe para que, no prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción do requirimento, ordene ao órgano competente a entrega do correspondente informe no prazo de dez días hábiles, sen prexuízo das responsabilidades en que puider incorrer o responsable de demora. No caso de que non se recibise o informe transcorrido o prazo anterior, o órgano mineiro continuará coa tramitación do procedemento.

4. Posteriormente, abrirase un período de información pública que non será inferior a trinta días.14

Artigo 24º.-Compatibilidade de dereitos mineiros e con usos de interese público.

1. Se a solicitude dun dereito mineiro afectase un dereito mineiro preexistente ou outros usos de interese público, o órgano mineiro competente pronunciarase sobre a súa compatibilidade ou incompatibilidade, así como sobre a súa prevalencia, a través do procedemento que regulamentariamente se estableza.

2. Para iso terá en conta os seguintes criterios:

a) A viabilidade e o interese económico da solicitude, de acordo coa memoria presentada.

b) A súa incidencia no contorno natural e social, a paisaxe e o medio rural.

c) A súa repercusión sobre outras infraestruturas de interese público existentes no territorio afectado (parques eólicos, liñas eléctricas, gasodutos...).

3. Se considera que a solicitude é incompatible con outro dereito mineiro preexistente, o órgano mineiro competente ditará resolución motivada, que poñerá fin ao procedemento.

Artigo 25. Formas de finalización dos procedementos de outorgamento de autorizacións, permisos ou concesións mineiras

1. Os expedientes sobre os dereitos mineiros regulados nesta lei que se tramiten para o outorgamento de autorizacións, permisos ou concesións finalizarán polas causas previstas neste artigo e polas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.

2. Poñerán fin ao procedemento a resolución, a desistencia e a renuncia ao dereito en que se fundamente a solicitude, cando tal renuncia non estea prohibida polo ordenamento xurídico, e a súa caducidade.

3. Finalizado o expediente por calquera das causas previstas neste artigo, así o fará constar de oficio a consellaría competente en materia de minas no correspondente Rexistro Mineiro de Galicia.15

Artigo 25 bis16

Artigo 26º.-Resolución.

1. O órgano mineiro competente ditará a resolución que poña fin ao procedemento no prazo máximo de doce meses, e incorporará, se é o caso, os condicionamentos que resulten dos informes preceptivos.

A emisión do correspondente informe polo órgano sectorial competente substituirá, para todos os efectos, as correspondentes autorizacións que, consonte a lexislación sectorial aplicable, a persoa solicitante estea obrigada a solicitar deses órganos consultados no exercicio das súas competencias, debendo adecuarse o contido do informe a aquel previsto na normativa sectorial para a correspondente autorización.17

2. A resolución outorgará ou denegará o dereito mineiro solicitado. Os dereitos mineiros poderán denegarse motivadamente nos seguintes casos:

a) A inadecuación da memoria e demais documentos presentados aos requisitos e condicións exixidos pola lexislación mineira.

b) A falta de acreditación da viabilidade dun aproveitamento racional dos recursos mineiros, en función da existencia de recurso natural mineral en cantidade e calidade.

c) O incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante.

d) A inadecuación á normativa sectorial, de carácter urbanístico, ambiental, agraria ou outra, debidamente acreditada no expediente.

e) A incompatibilidade e a non prevalencia con outro dereito mineiro preexistente ou con infraestruturas de interese público no territorio da Comunidade Autónoma.

3. A resolución denegatoria en que se motivará a concorrencia das causas de denegación do artigo 26.2 desta lei implicará a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia sobre o dereito para o outorgamento de autorizacións, permisos ou concesións mineiras ás que se refire esta lei.

4. A resolución que outorgue o dereito mineiro poderá impoñer as condicións necesarias para a súa adecuación ou compatibilidade con outros intereses dignos de protección.

A dita resolución poderá incluír tamén, cos condicionantes que de ser o caso procedan, a autorización de entulleiras e de establecementos de beneficio, coa condición de que exista unha unidade produtiva e de localización física das instalacións.

5. Unha vez transcorrido o prazo máximo de doce meses sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude.18

Artigo 27º.-Notificación e publicidade.

1. O órgano mineiro competente notificaralles a resolución aos interesados, ao concello no que se localice o proxecto mineiro, aos distintos órganos que emitisen informes preceptivos e, se é o caso, aos demais órganos administrativos que resulten competentes.

2. O outorgamento dos dereitos mineiros publicarase no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO II

CONTIDO DOS DEREITOS MINEIROS

Artigo 28º.-Contido dos dereitos mineiros.

1. A resolución de outorgamento dun dereito mineiro terá o seguinte contido mínimo:

a) As condicións impostas polo órgano mineiro competente para o exercicio das actividades de exploración, investigación e explotación, así como para os establecementos de beneficio.

b) A súa extensión e delimitación.

No caso de permisos de exploración, o órgano mineiro competente valorará que, dentro dos límites fixados pola lexislación específica de minas, a súa extensión non supere as catrocentas cuadrículas mineiras, tendo en conta as peculiaridades do territorio da comunidade autónoma, por razóns ambientais, agrarias, urbanísticas ou outras da súa competencia.

No caso de permisos de investigación, a autoridade mineira non outorgará extensións superiores a quince cuadrículas mineiras, agás supostos excepcionais debidamente xustificados e motivados por razón da tipoloxía do recurso que se investiga, das melloras técnicas dispoñibles, da súa natureza estratéxica ou do seu interese para a economía galega.

c) O seu prazo de vixencia e as condicións de renovación, se é o caso.

d) A constitución das garantías obrigatorias e do seguro de responsabilidade civil regulados nesta lei.

e) As prescricións que garantan, se é o caso, a protección dos recursos naturais.

f) As medidas relativas ao pechamento definitivo e abandono da explotación.

g) Calquera outra medida ou condición determinada pola lexislación sectorial aplicable.

2. Os dereitos mineiros conterán, ademais, cando así sexa exixible na normativa que resulte aplicable:

a) A declaración de impacto ambiental ou outras figuras de avaliación ambiental.

b) As condicións preventivas e de control necesarias en materia de accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

c) A xestión dos residuos de actividades extractivas e o seu transporte, cando se realicen dentro da propia explotación.

d) As condicións de actividade dos establecementos de beneficio vinculados ás actividades mineiras.

e) As correspondentes autorizacións sectoriais.19

Artigo 29º.-Vixencia temporal dos dereitos mineiros.

As autorizacións mineiras para recursos das seccións A) e B) outorgaranse polo período previsto no proxecto de explotación correspondente, cun límite máximo de revisión das condicións do seu outorgamento cada dez anos. No caso da sección A), o tempo da duración da autorización non poderá exceder daquel para o que o peticionario teña acreditado o dereito de aproveitamento.

Os permisos de exploración outorgaranse por un prazo máximo dun ano.

Os permisos de investigación outorgaranse por un período máximo de tres anos.

As concesións de explotación mineiras outorgaranse por un período de trinta anos, e pódense prorrogar ata un máximo de setenta e cinco anos.

Artigo 30º.-Renovación e prórroga de dereitos mineiros.

1. Transcorrido o prazo máximo de vixencia dos permisos de exploración e dos permisos de investigación, estes poderán ser renovados e prorrogados por períodos sucesivos, consonte o disposto na lexislación xeral. As concesións de explotación mineiras non poderán ser prorrogadas unha vez transcorrido o prazo máximo establecido no artigo anterior.

2. Cunha antelación mínima dun mes antes do vencemento do prazo de vixencia dos dereitos mineiros, agás no suposto de concesións de explotación onde o prazo será de doce meses, o titular de dereitos mineiros solicitará a súa renovación e prórroga, que se tramitará polo procedemento que se estableza regulamentariamente.

3. O titular dun permiso de investigación poderá prorrogar os traballos polo período que dure a tramitación do expediente de outorgamento da concesión derivada prevista na lexislación mineira. Con todo, o órgano mineiro competente poderá acordar a paralización temporal dos traballos mediante resolución motivada, ata que se resolva definitivamente o expediente.

Artigo 31º.-Dereitos de prioridade.

1. Os dereitos de prioridade que a lexislación mineira lles recoñece ás persoas titulares de determinados dereitos mineiros non supoñen o recoñecemento de dereitos consolidados ao seu outorgamento, mentres non se acredite a viabilidade do seu aproveitamento racional e a concorrencia dos requisitos exixidos na lexislación aplicable.

2. O órgano mineiro competente poderá limitar ou condicionar motivadamente o exercicio de tales dereitos de prioridade por razóns urbanísticas e de ordenación do territorio, agrarias, ambientais ou outras que sexan da súa competencia.

3. Os dereitos de prioridade deberanse exercitar, se é o caso, dentro dos prazos máximos regulados na lexislación mineira.

Artigo 32. Garantías financeiras

1. A persoa titular dun dereito mineiro deberá constituír unha garantía financeira ou equivalente suficiente antes da perceptiva comunicación do comezo dos traballos, sendo responsable do seu mantemento nos termos sinalados neste artigo.

2. As formas de constitución de garantías financeiras ou equivalentes poderán ser, entre outras, fondos de provisión internos constituídos por depósito en entidades financeiras e garantías financeiras en custodia dun terceiro, tales como bonos e avais emitidos por entidades bancarias, así como contratos de seguros que cubran a responsabilidade civil da entidade explotadora derivada do incumprimento do disposto no plan de restauración autorizado.

3. A contía da garantía corresponderá á suma de dous conceptos: un responderá do cumprimento das obrigas de financiamento e viabilidade dos traballos mineiros e outro responderá do cumprimento do plan de restauración ambiental.

Respecto da garantía que responde do cumprimento das obrigas de financiamento e viabilidade dos traballos mineiros, o seu importe será do 4 % do orzamento de investimento, no caso dunha autorización de aproveitamento ou dunha concesión de explotación, e dun 20 % para os permisos de exploración ou investigación.

Esta garantía deberá ser revisada por petición do titular mineiro cando este xustifique a execución total ou parcial do proxecto de explotación aprobado.

4. Respecto da garantía que responderá do cumprimento do plan de restauración ambiental, determinarase a súa contía de acordo cos seguintes criterios:

a) Custo real de todos os traballos de restauración conforme o proxecto de restauración aprobado.

b) Área afectada en cada ano de investigación ou de explotación.

c) Calendario e programa de execución.

d) Uso actual e previsto do solo.

A garantía revisarase anualmente tendo en conta os traballos de rehabilitación xa realizados e as superficies novas afectadas conforme o disposto no plan anual de labores.

5. A garantía financeira ou equivalente constituirase de forma que se asegure a existencia de fondos facilmente dispoñibles en calquera momento por parte da autoridade competente para a rehabilitación dos terreos afectados.

6. Unha vez finalizada a execución do plan de restauración, a entidade explotadora solicitara á autoridade competente, por escrito, a liberación da garantía financeira correspondente. Esta emitirá informe motivado no prazo de dous meses.20

Artigo 33º.-Seguro de responsabilidade civil.

A persoa titular de calquera dereito mineiro deberá subscribir un seguro de responsabilidade civil no prazo de trinta días, contados desde a notificación da resolución de outorgamento, para facer fronte aos danos que lles poidan causar ás persoas, aos animais, aos bens ou ao medio ambiente.

Se a persoa titular dun dereito mineiro contrata os labores que este implica, en todo ou en parte, cun terceiro, poderalle subrogar en todo ou en parte o contrato de seguro de responsabilidade civil ao explotador, do que lle dará conta á Administración mineira.

A contía dos seguros será fixada e revisada polo órgano mineiro competente, de acordo cos riscos derivados dos labores de exploración, investigación ou explotación e, especialmente, da xestión dos residuos xerados pola explotación.

Regulamentariamente estableceranse os riscos, os criterios e as condicións para fixar a contía que deberá cubrir o devandito seguro de responsabilidade civil e a súa revisión.

Artigo 34º.-Plan anual de labores.

Os titulares de dereitos mineiros das seccións A), C) e D) deberán presentar anualmente un plan de labores para a súa aprobación polo órgano mineiro competente.

O plan de labores deberá ser cumprimentado e asinado polo director facultativo.

Regulamentariamente establecerase o procedemento para a aprobación do plan de labores e o seu alcance, o contido e os efectos.

CAPÍTULO III

CONCURSOS DE DEREITOS MINEIROS21

Artigo 35º.-Convocatoria de concursos de dereitos mineiros.

1. Para o outorgamento de dereitos mineiros sobre os terreos francos resultantes do levantamento dunha zona de reserva ou da declaración de caducidade dun permiso de exploración, dun permiso de investigación ou dunha concesión de explotación mineira, tramitarase o correspondente concurso público, regulado neste artigo e demais normativa aplicable. En todo caso, realizaranse convocatorias de concurso diferenciadas por cada provincia.

Unha vez que adquira firmeza, de ser o caso, en vía xudicial, a declaración de caducidade dun dereito mineiro, procederase a efectuar a convocatoria do concurso público ao que se refire o parágrafo anterior e publicarase no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia. No prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da última publicación, quen estea interesado no dereito caducado poderá presentar solicitudes.

Se a declaración de caducidade dun dereito obxecto de concurso se debe ao incumprimento das obrigas legais ou das condicións establecidas no título de outorgamento por parte da persoa explotadora ou da persoa titular do dereito, estas non poderán participar no concurso respecto do dito dereito.

Na convocatoria do concurso determinaranse os criterios de selección, así como os parámetros para a súa valoración, tendo en conta, en todo caso, os previstos no artigo seguinte. Estes criterios e parámetros poderán ser establecidos previamente con carácter xeral para as convocatorias de concursos referidas a un ou varios tipos de recursos mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de minas. En todo caso, na convocatoria do concurso de que se trate poderán establecerse xustificadamente modificacións dos criterios ou parámetros establecidos con carácter xeral para adaptalos ás características ou circunstancias específicas do concurso concreto.

2. Na solicitude indicarase claramente o tipo de dereito que se solicita e sobre que dereito mineiro se solicita, achegando o seguinte contido mínimo, que se presentará en dous sobres pechados debidamente numerados:

a) No primeiro sobre incluirase a documentación acreditativa da capacidade xurídica e de obrar da persoa solicitante e da representación, así como o resgardo da fianza provisional, que consistirá no 10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa. Incluirase, así mesmo, a documentación acreditativa de non estar incurso nas prohibicións para contratar co sector público establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público.

b) O segundo sobre conterá a designación do terreo que se pretende, os documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros, a documentación adicional que proceda explicativa ou acreditativa das vantaxes da proposta e unha declaración responsable dos documentos presentados.22

Artigo 36. Valoración de ofertas e resolución de concursos de dereitos mineiros

1. No caso de que non se formulasen solicitudes, o órgano mineiro competente declarará de oficio o terreo como rexistrable, e publicarao no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

2. No caso de que se presentasen varias solicitudes sobre o mesmo dereito mineiro, abrirase unha fase de concorrencia competitiva, na que se establecerá a orde de prelación para a tramitación delas, de acordo coa valoración obtida por aplicación dos criterios de selección das propostas máis vantaxosas.

Entenderase por propostas máis vantaxosas as que ofrezan as mellores condicións científicas e técnicas e as maiores vantaxes económicas e sociais, tendo en conta os principios de sustentabilidade, responsabilidade e seguridade, e atendendo, como mínimo, os seguintes criterios:

a) A calidade científica e técnica do proxecto e as garantías que se ofrezan da súa viabilidade.

b) A calidade ambiental do proxecto, valorándose especificamente a restauración de zonas degradadas como consecuencia de actividades mineiras anteriores.

c) A calidade social e ética do proxecto, é dicir, a inclusión no proxecto de medidas inclusivas e transversais, de cohesión social e de respecto ao medio ambiente, nas que se expresen altos estándares de responsabilidade social e ética empresarial. Entre estas medidas valoraranse a incorporación da variable de xénero, a integración laboral das persoas con discapacidade, mecanismos de solución de conflitos coas comunidades locais e mecanismos de transparencia e acceso da cidadanía á información.

d) O impacto socioeconómico do proxecto na zona de implantación da explotación e na economía galega en xeral, con base en indicadores obxectivos e comparativos coa situación actual.

e) As condicións xurídicas máis respectuosas co carácter de bens de dominio público dos xacementos de orixe natural e demais recursos xeolóxicos no ordenamento xurídico español e coa súa explotación racional.

3. A apertura das ofertas verificaraa en cada provincia respecto dos dereitos que se localicen nela unha mesa constituída por:

a) A persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de minas ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente ou presidenta.

b) A persoa titular da xefatura do servizo competente en materia de minas da xefatura territorial correspondente ou o enxeñeiro ou enxeñeira de minas do dito servizo en quen delegue, que actuará como secretario ou secretaria da mesa.

c) Un membro da escala de letrados da Xunta de Galicia.

d) A persoa titular da intervención delegada da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de minas ou da delegación provincial ou persoa en quen delegue.

e) Unha persoa representante da dirección xeral competente en materia de minas designada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de minas.

No caso de dereitos que se localicen en máis dunha provincia, a apertura das ofertas será verificada pola mesa correspondente á provincia onde se localice unha maior extensión do dereito.

No prazo de dez días desde a finalización do prazo para a presentación de solicitudes, constituirase a mesa e procederase á apertura de sobres na orde habitual. Ao acto de constitución da mesa e á apertura de sobres poderán asistir as persoas que presentasen as solicitudes ou os seus representantes debidamente acreditados.

A mesa analizará e valorará as ofertas presentadas e realizará unha proposta de resolución do concurso, que incluirá, para os casos nos que se presentasen varias solicitudes respecto dun mesmo dereito, a orde de prelación das solicitudes para a súa tramitación.

4. O concurso resolverao a persoa titular da consellaría competente en materia de minas no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte á última publicación da convocatoria. A resolución conterá a orde de prelación para a tramitación das solicitudes concorrentes presentadas respecto dun mesmo dereito, de acordo co establecido neste artigo, e declarará que procede a admisión a trámite das solicitudes non concorrentes. Así mesmo, declarará rexistrables os terreos obxecto do concurso respecto dos que non se presentase ou non fose admitida ningunha solicitude.

Transcorrido o prazo sen que recaese e fose notificada a resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.23

5. De non se admitir ningunha das solicitudes presentadas, o concurso declararase deserto e os terreos non adxudicados serán declarados rexistrables pola persoa titular da consellaría competente en materia de minas. Esa declaración deberase publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, coa indicación de que poderán ser solicitados logo de transcorridos oito días desde a publicación no Boletín Oficial del Estado.24

CAPÍTULO IV

COORDINACIÓN CON OUTRAS LEXISLACIÓNS SECTORIAIS25

Artigo 37. Coordinación co procedemento de avaliación ambiental

1. Non poderán outorgarse dereitos mineiros sen que previamente se ditase a declaración ambiental, cando sexa necesaria consonte a lexislación vixente.

2. Para estes efectos, o órgano ambiental competente, en canto formule a declaración ambiental, remitirá unha copia dela ao órgano mineiro, que incorporará o seu condicionado ao contido dos dereitos mineiros.

Artigo 38. Coordinación co réxime urbanístico aplicable

O exercicio dos dereitos mineiros estará condicionado á obtención do correspondente título habilitante municipal de natureza urbanística, consonte a normativa aplicable

TÍTULO V

FOMENTO DA MINARÍA

CAPÍTULO I

INVESTIGACIÓN, FORMACIÓN, DIFUSIÓN SOCIAL DA ACTIVIDADE MINEIRA E PATRIMONIO XEOMINEIRO

Artigo 39º.-Investigación.

1. A Xunta de Galicia, no marco do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, promoverá o desenvolvemento da investigación científica e técnica, a experimentación e os estudos en materia mineira e de recursos mineiros que permitan dispoñer dos coñecementos científicos e técnicos necesarios para a mellora do aproveitamento dos recursos mineiros, a minimización dos residuos, a protección ambiental e o pechamento dos ciclos produtivos, así como a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo.

2. De conformidade co establecido na alínea anterior, a Xunta de Galicia establecerá directamente ou en colaboración con entidades públicas ou privadas os mecanismos que conduzan a acadar os fins de investigación sinalados.

Artigo 40º.-Formación.

A Xunta de Galicia fomentará, en colaboración coas empresas, organizacións sindicais e entidades representativas do sector mineiro de Galicia, a reciclaxe e o perfeccionamento dos traballadores e das traballadoras do sector, mediante as medidas e actuacións que regulamentariamente se establezan, que preverán a participación dos axentes sociais no seu deseño, execución e avaliación.

Artigo 41º.-Difusión social da actividade mineira e patrimonio xeomineiro.

1. A Xunta de Galicia impulsará, en colaboración cos axentes científicos, coas organizacións sindicais e coas entidades representativas do sector mineiro de Galicia, a difusión da actividade mineira entre a sociedade.

2. A Xunta de Galicia promoverá as medidas axeitadas para garantir a conservación, o mantemento e a recuperación da documentación mineira.

CAPÍTULO II

INCENTIVOS ECONÓMICOS

Artigo 42º.-Principios xerais.

1. A consellaría competente en materia de minaría, de acordo coas orientacións e prioridades do Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia, concretará nun plan estratéxico previo os incentivos económicos, os obxectivos e efectos que se pretenden coa súa aplicación, o prazo necesario para a súa consecución e os custos previsibles.

2. A xestión dos incentivos económicos realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos e eficiencia na asignación de recursos públicos.

3. As axudas á minaría deberán ir dirixidas á mellora das condicións de traballo e á formación dos traballadores e das traballadoras, a conseguir un aproveitamento eficiente dos recursos, á redución do impacto sobre o medio e á valorización endóxena dos recursos, para o que se territorializará a cadea de valor.

4. Serán obxecto das axudas:

a) A innovación e investigación tecnolóxica.

b) O mantemento do emprego e a mellora das condicións de seguridade laboral e da formación dos traballadores e das traballadoras, así como da cualificación do emprego.

c) A protección ambiental e a redución do consumo de recursos e da produción de residuos.

d) O pechamento dos ciclos produtivos, a diversificación económica e o impulso das redes de comercialización e internacionalización das empresas mineiras.

e) A investigación xeolóxica mineira.

5. A cooperación entre axentes interesados na realización ou promoción de calquera destas actividades será obxecto de atención preferente.

Artigo 43º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas tanto as persoas titulares dos dereitos mineiros coma aquelas persoas naturais ou xurídicas ás que aqueles lles cedesen a súa explotación nas condicións que regulamentariamente se estableza, así como os organismos de investigación e tecnolóxicos especializados en campos científicos e tecnolóxicos relevantes para a actividade mineira, as asociacións e cooperativas dos sectores produtivos relacionados coa minaría e os particulares ou empresas que realicen estudos ou presten servizos no sector da minaría.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas ou entidades que incorran nalgunha das causas de prohibición previstas na lexislación vixente en materia de axudas públicas nin as empresas que carezan dos permisos administrativos pertinentes para o exercicio da súa actividade.

Artigo 44º.-Exclusións.

Non serán obxecto de axudas os traballos, as obras ou os estudos que veñan impostos como consecuencia da obriga de restauración, nin os que deriven da reparación dos danos causados por unha actuación que fose obxecto dunha sanción.

CAPÍTULO III

CONCELLOS MINEIROS

Artigo 45º.-Dos concellos mineiros.

1. O Consello da Xunta de Galicia, por solicitude dos concellos afectados, poderá declarar como concellos mineiros aqueles nos que exista ou existise unha dependencia da minaría para a súa economía.

2. Os concellos mineiros serán obxecto de medidas e plans de actuación específicos, de acordo coas previsións do Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia, de adaptación das infraestruturas ás súas necesidades, de mellora ambiental e seguridade e de diversificación do tecido produtivo. A Xunta de Galicia impulsará a subscrición de convenios cos concellos mineiros, que regularán as formas de asistencia e cooperación técnica e financeira.

TÍTULO VI

DISCIPLINA MINEIRA

CAPÍTULO I

INSPECCIÓN MINEIRA

Artigo 46º.-Inspección de minas.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de minas, realizar as comprobacións necesarias e pedir a documentación e a información necesaria para o seguimento e a vixilancia das declaracións ambientais, así como comprobar o cumprimento da normativa mineira aplicable ás actividades incluídas no ámbito de aplicación desta lei, de oficio ou por instancia de parte interesada, así como das condicións de seguridade de calquera outra actividade que utilice técnicas mineiras, sen prexuízo do establecido na normativa vixente en materia de riscos laborais.

2. A inspección das actividades incluídas no ámbito de aplicación desta lei, así como da normativa en materia de prevención de riscos laborais respecto das actividades que impliquen o emprego de técnica mineira, será realizada por funcionarios ou funcionarias que ocupen postos de traballo que teñan atribuído o exercicio das funcións de inspección e que estean adscritos a órganos administrativos con competencia para o control ou a inspección en materia mineira.

3. Para o desempeño da función inspectora, a autoridade mineira poderá establecer mecanismos de colaboración con órganos ou administracións que teñan atribuídas competencias e responsabilidades no ámbito laboral.

Artigo 47º.-Facultades.

O funcionario ou a funcionaria que, de conformidade co establecido no artigo anterior, realice a inspección de minas ten no exercicio das súas funcións o carácter de autoridade pública e estará autorizado para:

a) Acceder libremente, en calquera momento, acreditándose axeitadamente, ás explotacións mineiras, aos seus establecementos de beneficio ou lugares nos que se realice algún tipo de actividade mineira e a permanecer neles, debéndolles comunicar ao empresario ou aos seus representantes a súa presenza, salvo que estes estean abandonados ou presenten signos, a criterio do actuante, que manifesten a falta de utilización habitual.

b) Practicar todas as dilixencias e requirir a información e documentación necesarias para comprobar que se cumpren as disposicións legais e regulamentarias, así como obter copias e extractos dela.

c) Tomar mostras ou obter calquera outra evidencia no soporte que sexa adecuado na presenza do empresario ou da empresaria ou da persoa responsable do establecemento, agás que a apreciación motivada das circunstancias poida requirir a súa obtención na súa ausencia.

Artigo 48º.-Das actas.

1. As actividades inspectoras documentaranse mediante actas que estarán dotadas de presunción de certeza respecto dos feitos reflectidos nelas que fosen constatados polo inspector sen prexuízo das probas en contrario. O seu contido axustarase ao previsto nesta lei e aos modelos regulamentarios.

2. As actas estenderanse por duplicado e deberaas asinar o funcionario ou a funcionaria actuante, e, cando o desexe, o titular, explotador ou responsable do establecemento. A negativa a asinar farase constar na acta. A sinatura acreditará o coñecemento da acta e do seu contido.

3. Nas actas de infracción deberanse reflectir, en todo caso, os seguintes extremos:

a) A identificación dos suxeitos actuantes, a data e o lugar das actuacións.

b) Os feitos constatados polo funcionario actuante, dos que destacará os relevantes para efectos de tipificación das infraccións e de graduación das sancións.

c) As manifestacións dos interesados.

d) Os medios e as mostras obtidos para a comprobación dos feitos.

e) As medidas adoptadas.

f) A infracción ou as infraccións supostamente cometidas, con expresión do precepto vulnerado.

g) A proposta de sanción, a súa graduación e cuantificación.

h) O órgano competente para impoñer a sanción e a norma que lle atribúa tal competencia.

Artigo 49º.-Medidas derivadas da actividade inspectora.

Finalizada a actividade de comprobación, o funcionario ou a funcionaria que realizase a inspección poderá adoptar as seguintes medidas:

a) Requirir a persoa responsable, cando as circunstancias así o aconsellen, para que adopte, no prazo que se sinale, as medidas correctoras oportunas. Desta actuación dará conta ao órgano competente en materia de seguridade mineira.

b) Propoñer a iniciación do procedemento sancionador, mediante a extensión das actas de infracción.

c) Ordenar, por escrito, a suspensión inmediata dos traballos ou das tarefas que se estivesen a desenvolver de concorrer grave e inminente risco para a seguridade ou saúde dos traballadores. A dita medida, que será inmediatamente executiva, seralles comunicada tanto ás persoas responsables coma ao órgano competente en materia de seguridade mineira e á autoridade laboral.

A orde de suspensión, que deberá ser ratificada, no prazo máximo de dous días hábiles, no seo do correspondente procedemento sancionador e pola autoridade que teña competencia para acordar a súa iniciación, poderá ser levantada pola autoridade mineira tan pronto coma se corrixan as deficiencias que a motivaron.

CAPÍTULO II

RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 50. Responsables

1. Serán suxeitos responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas que incorran nelas, e en particular:

a) A persoa explotadora efectiva do recurso mineiro e, se é o caso, a persoa titular dos dereitos de aproveitamento mineiro.

b) O subcontratista do explotador efectivo.

c) A dirección facultativa, no ámbito das súas respectivas funcións.

d) A persoa titular ou propietaria da entidade explotadora efectiva, así como o administrador, xerente, director ou equivalente da dita entidade en relación coas infraccións que se cometan no desenvolvemento da actividade de investigación ou aproveitamento dos recursos xeolóxicos, cando non realizasen os actos necesarios que sexan da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, consentisen o incumprimento por quen deles dependa ou adoptasen acordos que fixesen posible a comisión de tales infraccións. En todo caso, nos supostos de extinción da personalidade xurídica da entidade explotadora efectiva, o procedemento sancionador dirixirase contra as persoas indicadas nesta letra nos supostos sinalados nela.

2. No caso de existir máis dunha persoa responsable da infracción, as sancións que se impoñan terán entre si carácter independente.

3. Cando en aplicación desta lei dúas ou máis persoas resulten responsables dunha infracción e non sexa posible determinar o seu grao de participación, serán solidariamente responsables para os efectos das sancións que deriven.

4. En todo caso, e sen prexuízo das garantías financeiras establecidas para o efecto, no caso de extinción da personalidade xurídica da entidade explotadora, os socios, administradores e directivos da dita entidade no momento da súa extinción quedarán obrigados ao cumprimento das obrigas relativas ao proceso de restauración, peche e abandono da explotación. En consecuencia, serán suxeitos responsables das infraccións que cometan en relación co incumprimento de tales obrigas.26

Artigo 51º.-Competencia sancionadora.

1. Os expedientes sancionadores incoaranos as delegacións provinciais da consellaría competente en materia de minas.

2. A competencia para sancionar as infraccións en materia de minaría corresponderalles:

a) Nas infraccións leves: ao titular da delegación provincial competente.

b) Nas infraccións graves: ao titular da dirección xeral competente en materia de minas.

c) Nas infraccións moi graves: ao titular da consellaría competente en materia de minas.

Artigo 52º.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento para a imposición de sancións axustarase ás normas xerais aplicables sen prexuízo de que regulamentariamente se establezan especialidades de procedemento.

2. O prazo para resolver e notificar o procedemento sancionador será de doce meses, contado desde a data da notificación da súa iniciación. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución, producirase a caducidade do procedemento. No caso de que a infracción non prescribise, deberase iniciar un novo procedemento sancionador.

Artigo 53º.-Medidas cautelares.

1. Nos supostos nos que exista un risco grave ou inminente para as persoas, os bens ou o medio ambiente, o órgano competente para a incoación do expediente poderá ordenar motivadamente en calquera momento a adopción de cantas medidas cautelares resulten necesarias. En particular, poderanse acordar as seguintes:

a) Medidas de corrección, seguridade ou control que impidan a continuidade na produción do dano.

b) Precinto de aparatos, equipos ou vehículos.

c) Prestación de fianzas.

d) Suspensión temporal da autorización para o exercicio da actividade.

e) Limitación ou prohibición da comercialización de produtos.

2. A adopción das medidas cautelares levarase a cabo, logo de audiencia do interesado, nun prazo de cinco días, agás nos casos que requiran unha actuación inmediata, nos que poderán ser adoptadas polos inspectores de minas e deberán ser ratificadas polo delegado provincial con audiencia ás partes.

3. As medidas de suspensión temporal da actividade da empresa entenderanse sen prexuízo dos intereses dos traballadores e das traballadoras, nos termos previstos na lexislación laboral e de Seguridade Social, e da obriga da empresa de realizar un mantemento eficaz da explotación mineira.

Artigo 54º.-Prescrición.

1. As infraccións ás que se refire esta lei prescribirán nos seguintes prazos:

-Dous anos, no caso de infraccións leves.

-Tres anos, no caso de infraccións graves.

-Cinco anos, no caso de infraccións moi graves.

2. O cómputo do prazo de prescrición das infraccións iniciarase na data na que se cometese a infracción ou, se se trata dunha actividade continuada, na data do seu cesamento.

3. As sancións ás que se refire esta lei prescribirán nos seguintes prazos:

-Un ano, no caso de sancións por infraccións leves.

-Tres anos, no caso de sancións por infraccións graves.

-Cinco anos, no caso de sancións por infraccións moi graves.

Artigo 55º.-Concorrencia de sancións.

1. Cando as condutas constitutivas de infracción supoñan incumprimento da normativa en materia de seguridade industrial ou de prevención de riscos laborais sancionaranse de acordo con ela.

2. As vinculacións do procedemento sancionador en materia mineira coa orde xurisdicional penal axustaranse ao disposto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

CAPÍTULO III

INFRACCIÓNS, SANCIÓNS E MEDIDAS ACCESORIAS

Artigo 56º.-Infraccións.

Sen prexuízo das infraccións tipificadas na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, constitúen infraccións administrativas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as accións ou omisións que contraveñan as obrigas establecidas nesta lei.

Artigo 57º.-Infraccións leves.

Son infraccións leves:

a) O incumprimento das obrigas de carácter formal ou documental previstas na normativa de seguridade mineira do que non derive risco laboral ou ambiental.

b) A inobservancia dos requirimentos da inspección de minas, sempre que se referisen a condicións de seguridade mineira que non supuxesen dano derivado do traballo ou danos ambientais.

c) Calquera outra que supoña inobservancia das obrigas comprendidas nesta lei e que non estea tipificada como infracción grave ou moi grave nos artigos seguintes.

Artigo 58º.-Infraccións graves.

Son infraccións graves:

a) O incumprimento de obrigas de carácter formal ou documental que impidan coñecer as condicións de seguridade existentes no establecemento ou do que derive risco laboral grave para a saúde e seguridade dos traballadores ou para o medio ambiente.

b) A inobservancia dos requirimentos realizados ou a demora na instalación dos elementos correctores impostos pola inspección de minas ou polos órganos competentes na materia, referidas a condicións de seguridade mineira, que lles ocasionasen dano ás persoas, ás cousas ou ao medio ambiente.

c) A demora no cumprimento total das condicións de seguridade exixibles.

d) O incumprimento dos deberes inherentes á súa función por parte dos directores facultativos.

e) Non lle dar conta, en tempo e forma, ao órgano competente en materia de seguridade mineira dos accidentes de traballo graves, moi graves ou mortais ou de incidentes que comprometan gravemente a seguridade dos traballos ou das instalacións ocorridos nestas.

f) A obstrución ou negativa a colaborar coa inspección de mina.

g) O incumprimento das condicións de outorgamento dos dereitos mineiros, sen prexuízo da súa caducidade, revogación ou suspensión.

h) A utilización de instrumentos, maquinaria ou materiais que non cumpran as normas exixibles.

i) A expedición, de forma intencionada, de certificados ou informes que non se axusten aos resultados das comprobacións ou inspeccións realizadas.

j) O incumprimento das obrigas de reacondicionamento do espazo natural afectado por actividades mineiras.

k) O incumprimento das previsións contidas no plan de restauración do dereito mineiro.

l) A denegación da información solicitada pola autoridade mineira competente cando a súa entrega sexa preceptiva.

m) A comisión de máis de dúas infraccións leves, xa sexa polo mesmo feito ou por feitos diferentes, calquera que sexa a súa natureza, no prazo dun ano.27

Artigo 59º.-Infraccións moi graves.

Son infraccións moi graves:

a) A exploración, investigación e explotación de recursos mineiros ou a apertura de establecementos de beneficio sen a obtención da correspondente autorización, permiso ou concesión.

b) As tipificadas como infraccións graves no artigo anterior, cando delas resulte un dano moi grave ou un risco alto e inminente para a seguridade das persoas, dos bens ou do medio ambiente.

c) A comisión de máis de dúas infraccións graves, xa sexa polo mesmo feito ou por feitos diferentes, calquera que sexa a súa natureza.28

Artigo 60º.-Sancións.

1. As infraccións tipificadas nos artigos anteriores serán sancionadas:

a) As infraccións leves, con multa desde 1 ata 30.000 euros.

b) As infraccións graves, con multa desde 30.001 ata 300.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa desde 300.001 ata 1.000.000 de euros.

2. Malia o expresado na alínea anterior, cando a consecuencia da infracción se obteña un beneficio económico cuantificable, a multa poderá acadar ata o cuádruplo do beneficio obtido, co límite, no caso das infraccións leves e graves, da máxima sanción correspondente ao grao inmediatamente superior.

3. A contía das sancións graduarase atendendo a criterios de proporcionalidade.

4. A comisión dunha falta moi grave polo director facultativo poderá levar aparellada a inhabilitación para o exercicio das funcións de director ou directora facultativo de actividades mineiras, por un período máximo dun ano no ámbito territorial de Galicia.

No suposto de reincidencia pola comisión de infraccións moi graves, a sanción poderá consistir na inhabilitación para o exercicio desas funcións por un período de cinco anos no ámbito territorial de Galicia.

5. A comisión dunha infracción grave ou moi grave poderá levar aparellada a imposibilidade de obtención de axudas ou subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de minaría durante os seguintes prazos:

Infraccións graves: ata tres anos.

Infraccións moi graves: ata cinco anos.

Artigo 61º.-Graduación das sancións.

Sen prexuízo dos criterios de graduación de sancións establecidos na lexislación de procedemento administrativo aplicable, as sancións graduaranse, ademais, considerando os seguintes criterios:

a) O risco resultante da infracción para a vida e a seguridade das persoas, dos bens e do medio ambiente.

b) O carácter permanente ou transitorio dos riscos inherentes ás ditas actividades.

c) A gravidade dos danos e perdas producidos e a súa natureza.

d) O grao de participación e o beneficio obtido.

e) A intencionalidade na comisión da infracción.

f) O número de traballadores ou traballadoras afectados.

g) As medidas de protección individual ou colectiva adoptadas polo empresario e as instrucións impartidas por este en vistas á prevención dos riscos.

h) O incumprimento de advertencias ou requirimentos previos da inspección de minas.

i) A inobservancia das propostas realizadas polos delegados ou polas delegadas ou polos comités de seguridade da empresa ou do centro de traballo para a corrección das deficiencias existentes.

Artigo 61 bis. Redución do importe das sancións

1. De conformidade co artigo 85 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario, no suposto de pagamento voluntario polo presunto responsable en calquera momento anterior á resolución, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará unha redución do 20 % sobre o importe da sanción proposta.

Tamén cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario, se, iniciado o procedemento sancionador, a persoa infractora recoñece a súa responsabilidade, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará unha redución do 20 % sobre o importe da sanción que proceda. Esta redución é acumulable coa establecida no parágrafo anterior.

A efectividade das reducións previstas nos parágrafos anteriores estará condicionada á desistencia ou renuncia de calquera acción ou recurso en vía administrativa contra a sanción.

2. En relación coas infraccións relativas ao incumprimento das obrigas de reacondicionamento do espazo natural afectado polas actividades mineiras ou ao incumprimento das previsións contidas no plan de restauración, a resolución do procedemento sancionador conterá, ademais da multa pecuniaria e outras sancións que poidan corresponder, a exixencia do cumprimento das obrigas indicadas de reacondicionamento e restauración, así como a indemnización polos danos e perdas causados, que será determinada e exixida polo órgano ao que corresponda o exercicio da potestade sancionadora.

A persoa responsable da infracción terá dereito a unha redución do 70 % da multa que deba impoñerse no caso de que estea acreditado no procedemento sancionador, no momento de se formular a proposta de resolución, o cumprimento íntegro das obrigas de reacondicionamento e das previsións de restauración, así como, se é o caso, a reparación dos danos e perdas causados. Na proposta de resolución indicarase que, no suposto de pagamento voluntario polo presunto responsable en calquera momento anterior á resolución, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará unha redución adicional do 10 % sobre o importe da sanción proposta, ascendendo a redución máxima total ao 80 %. Estas reducións non son acumulables con ningunha outra establecida na normativa aplicable, a cal, de proceder, se entenderá incluída nelas.

No caso de que no momento de se formular a proposta de resolución estea acreditado no procedemento sancionador o cumprimento íntegro das obrigas de reacondicionamento e das previsións de restauración pero non a reparación dos danos e perdas que fosen causados, a redución será do 60 %. Na proposta de resolución indicarase que, no suposto de pagamento voluntario polo presunto responsable en calquera momento anterior á resolución, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará unha redución adicional do 10 % sobre o importe da sanción proposta, ascendendo a redución máxima total ao 70 %. Estas reducións non son acumulables con ningunha outra establecida na normativa aplicable, a cal, de proceder, se entenderá incluída nelas.

3. Todas as posibles reducións previstas neste artigo deberán ser indicadas na notificación da iniciación do procedemento.29

Artigo 62º.-Reparación de danos.

Sen prexuízo da sanción administrativa que se impoña, a persoa infractora estará obrigada a reparar os danos e as perdas causados co obxecto de restaurar e repoñer os bens alterados ao seu estado anterior.

Artigo 63º.-Multas coercitivas.

1. Cando a persoa infractora non cumpra coa obriga imposta no artigo anterior ou o faga de forma incompleta, poderanlle ser impostas multas coercitivas. A contía de cada unha das ditas multas non superará o 20% da sanción fixada para a infracción correspondente, sen prexuízo da posible execución subsidiaria pola propia administración a cargo daquela.

2. As multas coercitivas serán independentes e compatibles coas que se impuxesen ou se puidesen impoñer como sanción pola infracción cometida.

Artigo 64º.-Suspensión temporal ou caducidade.

1. A comisión dunha falta grave poderá levar aparellada a suspensión temporal con clausura da explotación por un prazo non superior a dous meses.

2. A comisión dunha falta moi grave, ou das faltas graves nas que expresamente así se indica, poderá levar aparellada a suspensión temporal das actividades da empresa por un prazo entre dous meses a un ano ou o inicio do expediente de caducidade do dereito mineiro. Estas medidas deberán ser executadas, en todo caso, mediante resolución motivada pola autoridade competente para outorgar os dereitos mineiros.

Artigo 65º.-Publicidade.

O órgano que exerza a potestade sancionadora fará constar na resolución correspondente a necesidade de proceder á publicación no Diario Oficial de Galicia e a través dos medios de comunicación social que considere oportunos das infraccións graves e moi graves cometidas, así como das sancións impostas, coa inclusión dos nomes e apelidos ou da razón social das persoas físicas ou xurídicas responsables, sempre que tivesen adquirido xa o carácter de firmes en vía administrativa ou xudicial.

Disposición adicional

Primeira.-Atribución de competencias.

A Xunta de Galicia ditará as normas de organización administrativa para lles atribuír aos órganos administrativos idóneos as competencias que exerza a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de minas, respecto das cales a lexislación mineira estatal aplicable lles atribúa de forma explícita a órganos da administración estatal as funcións para a realización delas.

Disposición adicional segunda. Normas de procedemento

En todos aqueles aspectos non regulados nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento, os procedementos en materia mineira rexeranse polas normas contidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.30

Terceira.-Inspección.

Os funcionarios ou as funcionarias que desempeñen a función inspectora en materia de prevención de riscos laborais deberán posuír formación nesta materia.

Cuarta.-Fianza ambiental.

As garantías financeiras previstas para as actividades mineiras sometidas a esta lei substitúen a fianza ambiental regulada no Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

Disposición adicional quinta. Censo Catastral Mineiro

O Censo Catastral Mineiro de Galicia, xestionado pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, constitúese no Catastro Mineiro de Galicia ao que fai referencia o artigo 9.31

Disposición adicional sexta. Actuacións no caso de incautación da garantía financeira

No caso de que o órgano competente en materia de minas ordene a incautación da garantía financeira ou equivalente para a rehabilitación do espazo natural afectado pola explotación, preparación, concentración e beneficio de recursos minerais, deberá tramitarse o procedemento, que se definirá regulamentariamente, para a execución da posta en seguridade e restauración do espazo natural.32

Disposición adicional sétima. Actuacións no caso de renuncia voluntaria ou incumprimento dun dereito mineiro

No caso de renuncia voluntaria da persoa titular ou incumprimento por parte desta da normativa mineira que motive a caducidade dun dereito mineiro das seccións C) e D), poderá caducarse o dereito sen a restauración do espazo natural afectado, cando así o considere o órgano mineiro tendo en conta as reservas existentes e a importancia do recurso, para os efectos de convocar un concurso do dereito para continuar co seu aproveitamento. A devolución da garantía depositada para a restauración quedará condicionada ao depósito da correspondente garantía pola nova persoa titular do dereito. No caso de non se outorgar o dereito no concurso indicado, requiriráselle á persoa titular anterior a restauración do espazo natural afectado coa advertencia da execución do aval depositado no caso de non realizala.33

Disposición adicional oitava. Execución forzosa en materia de minas

1. Sen prexuízo do suposto específico recollido no artigo 63, con carácter xeral, para acadar o cumprimento dos requirimentos efectuados pola Administración e das resolucións administrativas ditadas en materia de minas, a Administración autonómica poderá proceder, logo do apercibimento, á imposición de multas coercitivas, reiterables por lapsos de tempo suficientes para o cumprimento da resolución ou requirimento, ata lograr a súa execución polo suxeito obrigado, en contía de 1.000 a 25.000 euros cada unha, tendo en conta a gravidade do incumprimento e a reiteración da multa.

2. É órgano competente para a imposición das multas coercitivas aquel que resulte competente para ditar a resolución do procedemento de que se trate ou para efectuar o requirimento.34

Disposición adicional novena. Pagamento das indemnizacións por expropiación forzosa

Determinado en vía administrativa, de conformidade coa lexislación reguladora da expropiación forzosa, o xusto prezo e as indemnizacións de toda índole que correspondan como consecuencia do exercicio da potestade expropiatoria, o titular dos dereitos mineiros, na súa condición de beneficiario no procedemento expropiatorio, acreditará ante a Administración o pagamento ao expropiado da cantidade total que proceda, incluídos os xuros que se establezan.

Se o titular dos dereitos mineiros na súa condición de beneficiario non cumpre as obrigas que lle corresponden e, en virtude de resolución xudicial, calquera que for a súa data, a Comunidade Autónoma de Galicia tiver que facerse cargo do aboamento das indemnizacións aos expropiados, esta quedará subrogada no crédito do expropiado.

No caso do parágrafo anterior, unha vez aboado pola Administración o importe das indemnizacións aos expropiados, o crédito da Administración fronte ao beneficiario terá a consideración de recurso de dereito público para os efectos do disposto na lexislación de réxime financeiro o orzamentario, polo que se o beneficiario non procede ao reembolso íntegro das cantidades á Administración, unha vez requirido para o efecto, a Facenda pública galega estará en posesión das prerrogativas legalmente establecidas e poderá proceder ao seu cobramento por vía de constrinximento, de acordo coas regras que rexen a recadación executiva.35

Disposición transitoria primeira.-Expedientes administrativos de regularización non resoltos.36

Os expedientes administrativos de regularización de explotacións mineiras, actividades extractivas de recursos minerais e de establecementos de beneficio vinculados ás actividades mineiras iniciados e non resoltos na data de entrada en vigor desta lei deberán ser remitidos, no prazo máximo de dous meses, contado desde esa data, á consellaría competente en materia de minas para continuar a súa tramitación consonte o disposto na disposición transitoria décimo segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que se modifica na disposición derradeira segunda desta lei.

Disposición transitoria segunda. Réxime das concesións de explotación reguladas pola disposición transitoria primeira da  Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas

1. No caso das concesións reguladas pola disposición transitoria primeira da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, a denegación da autorización de explotación por calquera das causas legais determinará a caducidade dos dereitos mineiros correspondentes.  Unha vez que a resolución denegatoria sexa definitiva na vía administrativa, o órgano mineiro competente incoará de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos, que, unha vez que finalice, implicará a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia.

2. O disposto no punto anterior será aplicable aos casos de resolucións denegatorias de autorizacións de explotacións ditadas con anterioridade á entrada en vigor da presente disposición.

3. Os titulares dos dereitos mineiros caducados conforme o previsto no punto primeiro están obrigados a tomar cantas medidas sexan necesarias para deixar os traballos ou labores en boas condicións e garantir a seguridade das persoas e bens. Para estes efectos, logo de notificada a resolución de caducidade, dispoñerán do prazo de dous meses para comunicar as devanditas medidas de seguridade á xefatura territorial que corresponda da consellaría competente en materia de minas, que, logo da comprobación material da explotación, autorizará o abandono ou impoñerá as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas e bens.37

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto nesta lei, e, en especial, o Decreto 56/1985, do 21 de marzo, polo que se crea o Comité Consultivo da Minaría de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Engádese un novo punto no anexo I da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos procedementos da Consellería de Industria e Comercio (hoxe Consellería de Innovación e Industria) co seguinte teor:

«Tipo de procedemento: expediente sancionador ou de caducidade en materia de minas.

Prazo de duración: doce meses.

Normativa reguladora: Lei de ordenación da minaría de Galicia».

Segunda.-Modificación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

1. Modifícase o artigo 36 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que queda redactado como segue:

«O réxime do solo rústico de protección ordinaria ten por finalidade garantir a utilización racional dos recursos naturais e o desenvolvemento urbanístico sustentable. Estará sometido ao seguinte réxime:

1º Usos permitidos por licenza municipal: os relacionados na alínea 1, letras b), c) e e), e na alínea 2, letras f) e i), do artigo 33 desta lei.

2º Usos autorizables pola comunidade autónoma: o resto dos usos relacionados no artigo 33 desta lei, así como os que se poidan establecer a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non impliquen a transformación urbanística do solo.

3º Usos prohibidos: todos os demais».

2. Modifícase o artigo 37 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 37º.-Solos rústicos de especial protección agropecuaria, forestal ou de infraestruturas.

O réxime dos solos rústicos de protección agropecuaria e forestal ten por finalidade principal preservar os terreos de alta produtividade e garantir a utilización racional dos recursos naturais e o desenvolvemento urbanístico sustentable. O réxime do solo rústico de protección de infraestruturas, sen prexuízo do establecido na súa específica lexislación reguladora, ten por obxecto preservar as infraestruturas existentes ou de nova creación.

Estará sometido ao seguinte réxime:

1º Usos permitidos por licenza municipal: os relacionados na alínea 1, letras b) e c), e na alínea 2, letras f) e i), do artigo 33 desta lei. Ademais, no solo rústico de protección forestal permitirase o relacionado na alínea 1, letra e).

En solo rústico de protección de infraestruturas permitiranse as instalacións necesarias para a execución e o funcionamento da correspondente infraestrutura.

2º Usos autorizables pola comunidade autónoma:

En solo rústico de protección agropecuaria serán autorizables os usos relacionados na alínea 1, letras a) e d), e na alínea 2, letras a), b), d), e), h), j), k) e l), do artigo 33 desta lei, así como os que se poidan establecer a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non impliquen a transformación urbanística dos terreos nin lesionen os valores obxecto de protección.

En solo rústico de protección forestal poderanse autorizar os usos relacionados na alínea 1, letras a) e d), e na alínea 2, letras a), b), c), d), e), g), h), j), k) e l), do artigo 33, sempre que non impliquen a transformación urbanística do solo nin lesionen os valores obxecto de protección, e os que se poidan establecer a través dos instrumentos de ordenación do territorio.

En solo rústico de protección de infraestruturas unicamente serán autorizables os usos relacionados na alínea 1, letra a), e na alínea 2, letras d) e f), do artigo 33, así como os que se poidan establecer a través dos instrumentos de ordenación do territorio.

3º Usos prohibidos: todos os demais, especialmente os usos residenciais e industriais».

3. Modifícase a disposición transitoria décimo segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que queda redactada como segue:

«As explotacións mineiras, as actividades extractivas de recursos minerais e os establecementos de beneficio vinculados ás actividades mineiras en activo no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, localizados en solo rústico especialmente protexido poderán continuar a súa actividade nos ámbitos para os que dispoñen de licenza urbanística municipal.

As explotacións mineiras, as actividades extractivas de recursos minerais e os establecementos de beneficio vinculados ás actividades mineiras en activo no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, localizados en solo rústico de protección ordinaria e de especial protección forestal que non conten coa preceptiva licenza urbanística municipal para continuaren a súa actividade deberán obtela, logo de acreditaren a súa existencia con anterioridade á entrada en vigor da devandita lei. Para isto, abondará co recoñecemento administrativo da dirección xeral con competencia en materia de minas. Para a obtención da licenza urbanística municipal presentarase no concello a solicitude de regularización á que se lle achegará o recoñecemento administrativo anteriormente sinalado.

As explotacións mineiras, as actividades extractivas de recursos minerais e os establecementos de beneficio vinculados ás actividades mineiras en activo no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, localizados en calquera categoría de solo rústico especialmente protexido, agás os mencionados no parágrafo anterior, que non conten coa preceptiva licenza urbanística municipal para continuaren a súa actividade deberán obtela, logo da autorización do Consello da Xunta, oída a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia e a proposta da consellaría competente en materia de minas. O Consello da Xunta valorará a compatibilidade ou non da explotación cos valores naturais, ambientais, paisaxísticos e de patrimonio cultural existentes ou coa súa vinculación a pactos ambientais.

A implantación de novas explotacións e actividades extractivas así como a ampliación das existentes en calquera categoría de solo rústico especialmente protexido non poderán realizarse en tanto non sexa aprobado definitivamente o Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia previsto no título III da Lei de ordenación da minaría de Galicia, que será formulado e tramitado polo conselleiro ou pola conselleira competente en materia de minas; todo isto sen prexuízo da posibilidade de outorgar licenza para actividades extractivas en solo rústico de protección ordinaria e de especial protección forestal, segundo o disposto polos artigos 36 e 37 desta lei».

Terceira.-Aprobación das normas e dos plans previstos nesta lei.

A Xunta de Galicia aprobará no prazo dun ano as normas de desenvolvemento precisas para a aplicación desta lei.

Cuarta.-Desenvolvemento regulamentario.

1. Autorízase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións de aplicación e desenvolvemento desta lei.

2. Queda igualmente facultada a Xunta de Galicia para actualizar por decreto a contía das sancións fixadas nesta lei.

Quinta.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 109, do 6 de xuño de 2008.

2 Redacción do número 2 dada pola disposición derradeira segunda da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro de 2020).

3 En relación co Consello da Minaría de Galicia debe terse en conta o disposto na disposición transitoria segunda da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia (DOG núm. 247, do 27 de decembro de 2013), a tenor da cal:

“Disposición transitoria segunda. Réxime dos consellos galegos de industria, da minaría e do comercio

1. O Consello Galego de Economía e Competitividade asumirá, no momento da súa constitución, as funcións e competencias que, respectivamente, se atribúen na correspondente normativa aos seguintes consellos, que quedarán suprimidos:

a) Consello Galego de Industria, regulado na Lei 3/2011, do 16 de decembro, da política industrial de Galicia.

b) Consello Galego da Minaría, regulado na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

c) Consello Galego de Comercio, regulado na Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia.

2. Mentres non se constitúa o Consello Galego de Economía e Competitividade, os consellos relacionados no parágrafo 1 anterior continuarán coas súas funcións e seguirán rexéndose pola súa normativa.”

4 Redacción do número 2 dada polo artigo 46 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (DOG núm. 28, do 9 de febreiro de 2017).

5 Redacción do número 1 dada polo artigo 46 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (DOG núm. 28, do 9 de febreiro de 2017).

6 Redacción dada pola disposición derradeira cuarta da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2016) e renumeración da previsión conforme o artigo 46 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (DOG núm. 28, do 9 de febreiro de 2017).

7 Redacción dada pola disposición derradeira cuarta da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2016) e renumeración da previsión conforme o artigo 46 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (DOG núm. 28, do 9 de febreiro de 2017).

8 Redacción do artigo 17 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

9 Redacción do artigo 18 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

10 Redacción do artigo 19 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

11 Redacción do artigo 20 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

12 Redacción do artigo 21 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

13 Redacción do artigo 22 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

14 Redacción do artigo 23 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

15 Redacción do artigo 25 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

16 O artigo 25 bis, que fora introducido polo artigo 82 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014), foi derrogado pola disposición derrogatoria da Lei Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

17 Redacción do número 1 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

18 Redacción dos números 2 a 5 do precepto dada polo artigo 83 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas ( DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

19 Letra e) introducida pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

20 Redacción do artigo 32 dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

21 Modíficase a composición do capítulo pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

22 Redacción do artigo 35 dada polo artigo 34 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

23 Conforme a disposición transitoria segunda da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018):

“Disposición transitoria segunda. Prazo para resolver os concursos de dereitos mineiros

O prazo de seis meses para a resolución dos concursos de dereitos mineiros previsto na nova redacción dada por esta lei ao número 4 do artigo 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, será aplicable aos concursos que se atopen en tramitación no momento da entrada en vigor desta lei, sempre que o seu prazo de resolución non concluíse xa de acordo coa normativa que lles era aplicable.”

24 Redacción do artigo 36 dada polo artigo 34 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

25 Capítulo IV redactado pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

26 Redacción do artigo 50 dada polo artigo 34 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

27 Redacción da letra m) dada polo artigo 34 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

28 Redacción da letra c) dada polo artigo 34 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

29 Artigo 61 bis introducido polo artigo 34 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

30 Redacción da disposición adicional segunda dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

31 Disposición adicional quinta introducida polo artigo 46 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (DOG núm. 28, do 9 de febreiro de 2017).

32 Disposición adicional sexta introducida pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

33 Disposición adicional sétima introducida pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

34 Disposición adicional oitava introducida polo artigo 34 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

35 Disposición adicional novena introducida polo artigo 34 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

36 Disposición transitoria renumerada polo artigo 84 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

37 Disposición transitoria segunda introducida polo artigo 84 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

O recurso de inconstitucionalidade interposto contra esta disposición transitoria foi desestimado pola STC 33/2016, do 18 de febreiro (BOE núm. 71, do 23 de marzo de 2016).