Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia

Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.1

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto pola Constitución española no seu título VIII, capítulo III, artigos 148.1.17º e 149.1.27º, 2 e 3; no Estatuto de autonomía de Galicia, título II, capítulo I, artigos 27.19, 32 e 34; no Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo; nas normas de aplicación da Unión Europea incorporadas ó ordenamento xurídico español, como a Directiva 89/552/CEE, sobre coordinación de disposicións legais, regulamentarias e administrativas dos estados membros relativas ó exercicio de actividades de radiodifusión televisiva, e o Convenio europeo sobre televisión transfronteiriza, feito en Estrasburgo o 5 de maio de 1989, e nos programas europeos de desenvolvemento e apoio á industria audiovisual, debe e ten a potestade para lexislar sobre esta materia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tódolos elementos que conforman o campo do audiovisual estanse situando nun primeiro plano dentro dos sectores industrial e económico en todo o mundo, xerando nas últimas décadas un gran volume de negocio e de emprego directo e indirecto, así como desenvolvendo de forma paralela novos sectores do ensino universitario, profesional e de investigación; por iso, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia estes acontecementos teñen que terse en conta e regularse por unhas liñas fundamentais que poidan servir como marco normativo, para o seu posterior desenvolvemento regulamentario.

Doutra banda, é necesario articula-los mecanismos para que tódolos galegos poidan ter acceso a un sector audiovisual que favoreza o aumento e a mellora das súas capacidades e posibilidades de información e comunicación, obxectivo promovido e apoiado pola Xunta de Galicia e polos seus departamentos, procurando unha política coordinada que contribúa dun xeito decisivo á integración da sociedade galega no contexto da sociedade da información europea.

Así mesmo, sempre con respecto á liberdade de expresión e creación, cómpre establecer uns principios inspiradores do sector audiovisual galego que respecten os principios recollidos na Constitución e no Estatuto de autonomía, que serán harmónicos co marco lexislativo vixente, e establezan as canles para o desenvolvemento das competencias que na materia lle corresponde á Comunidade Autónoma.

Por iso, tendo en conta a importancia cultural e económica do sector audiovisual, cómpre que se estimule e se potencie o crecemento e o desenvolvemento deste sector estratéxico coa creación dun marco legal que lles permita ós cidadáns expresarse cos medios oportunos dentro do noso espacio audiovisual e cultural.

Considérase axeitado crear un consorcio das diversas administracións, autonómica, local e institucional, e de institucións e empresas que una esforzos para a potenciación da industria audiovisual galega e que propicie a implicación e colaboración doutras administracións, institucións e empresas públicas e privadas para o mesmo fin.

Quérese, ó mesmo tempo, darlle un pulo máis ó Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual de Galicia, por consideralo un mecanismo que impulsa a sociedade de Galicia na mellora e no prestixio do seu sector audiovisual, creando a Comisión do Usuario, así como propiciando o autocontrol dos axentes do sector no respecto ós principios que rexen a súa actividade, e cara ó axeitado respecto do público destinatario da súa actividade, ó tempo que se establece a posibilidade de utilización de mecanismos arbitrais de resolución de conflictos que poidan xurdir entre particulares.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.21 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei do audiovisual de Galicia.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto da lei.

1. Esta lei establece, no exercicio das competencias que lle son propias á Comunidade Autónoma, no ámbito territorial de Galicia, os principios xerais e as liñas de acción institucional no sector audiovisual, así como os seus mecanismos de fomento.

2. É obxecto desta lei regula-la actividade cinematográfica e audiovisual (videograma) e o apoio á producción, comercialización e difusión de cine e vídeo galegos, e en galego, así como as relacións destes cos outros medios audiovisuais.

3. Os poderes públicos de Galicia recoñecen a importancia cultural, económica e social das actividades cinematográficas e do audiovisual, do papel que poden desempeñar como creación artística, información, coñecemento e imaxe de Galicia, a prol da consecución da normalización cultural e lingüística de Galicia, polo que os consideran sector estratéxico e prioritario.

4. Consecuentemente, os poderes públicos optan por fomenta-la actividade cinematográfica e a producción audiovisual galegas, a súa comercialización e difusión, asumindo as competencias destas actividades en Galicia, asegurando o seu cumprimento e coordinando as relacións entre cine, vídeo e televisión en Galicia e espallando o seu coñecemento no interior e no exterior.

5. Para os efectos desta lei, enténdese por sector audiovisual o conxunto de actividades que utilizan como canle de desenvolvemento e transmisión da mensaxe os medios auditivos e visuais.

6. Para os conceptos xerais de longametraxe, curtametraxe, publicitario, comercial ou videograma tómanse como referencia as normas de trasposición das directivas da Unión Europea.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta lei aplícaselles ó sector audiovisual de Galicia, a aquelas empresas ou persoas que pretendan realizar actividades audiovisuais, ás que as institucións de autogoberno de Galicia consideren susceptibles de recibir achegas para o seu fomento e, en xeral, ós contidos audiovisuais, calquera que sexa a tecnoloxía que se utilice para a súa difusión no territorio de Galicia.

Artigo 3º.-Exercicio das competencias propias da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia, a través do seu Goberno e da consellería que teña atribuídas as funcións na materia obxecto desta lei, o fomento de tódalas actividades relacionadas coa creación, producción, investigación e conservación de obras audiovisuais galegas, así como a regulación da súa difusión dentro das normas básicas do Estado.

2. Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia:

a) A definición da política xeral da Xunta de Galicia no campo do audiovisual.

b) A aprobación dos regulamentos necesarios para o desenvolvemento desta lei.

c) A coordinación das actividades dos órganos dependentes da consellería competente no audiovisual coas dos restantes departamentos da Xunta de Galicia a través dunha comisión, coa dependencia orgánica, composición e competencias que se determinarán regulamentariamente.

3. Correspóndelle á consellería competente no audiovisual, no ámbito das súas competencias:

a) A proposta de definición da política xeral da Xunta de Galicia na materia audiovisual.

b) A execución de programas e accións para o desenvolvemento do sector audiovisual.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamentos na materia audiovisual.

d) A elaboración dos proxectos de regulamentos de desenvolvemento desta lei.

e) O control do cumprimento da normativa xeral do audiovisual no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Principios xerais da actividade audiovisual2.

As actividades recollidas nesta lei basearanse nos seguintes principios:

a) O respecto e a defensa dos principios que informan a Constitución Española e o Estatuto de autonomía de Galicia e dos dereitos e das liberdades que neles se recoñecen e garanten.

b) A promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia.

c) O fomento da produción audiovisual propia e de emisións que coadxuven á proxección de Galicia cara ao exterior e de información ás comunidades galegas do exterior.

d) O reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia.

e) O respecto á dignidade humana, ao honor, á intimidade persoal e á propia imaxe.

f) A promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista.

g) A protección da xuventude e da infancia.

h) A obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural.

i) A separación entre informacións e opinións, a identificación de quen sostén estas últimas e a súa libre expresión dentro dos límites constitucionais e estatutarios.

j) A garantía da máxima continuidade na prestación do servizo e a plena cobertura do conxunto do territorio.

k) A procura do desenvolvemento do sector audiovisual desde o punto de vista da mellora da súa contribución á economía da comunidade autónoma.

l) A garantía do dereito das persoas con discapacidade ao acceso de forma efectiva aos contidos emitidos.

m) A garantía dos dereitos dos consumidores e usuarios en relación coa programación, coa publicidade e coas outras modalidades de promoción comercial.

n) O fomento do coñecemento dos valores ecolóxicos e do respecto e da protección do medio ambiente».

Artigo 5º.-Principios xerais da acción institucional3.

1. A Xunta de Galicia recoñece o carácter estratéxico e prioritario do sector audiovisual pola súa importancia cultural, social e económica, como instrumento para a expresión do dereito á promoción e divulgación da cultura de Galicia, da súa historia e da súa lingua, como datos de autoidentificación.

2. Os poderes públicos de Galicia promoverán as actividades do sector audiovisual galego, tanto público coma privado, mediante mecanismos que fomenten a súa presenza.

3. Os poderes públicos garanten e promoven o pluralismo cultural no audiovisual, potenciando o sector mediante o apoio a iniciativas educativas, profesionais e industriais.

4. Os poderes públicos impulsarán a produción propia da programación de radio e televisión de forma que esta abranga a maioría dos programas difundidos nas canles xeralistas.

Artigo 6º.-Liñas fundamentais das accións institucionais.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia manterá as seguintes liñas fundamentais de actuación no sector audiovisual:

1) Impulsa-la política integral de coordinación do sector audiovisual en Galicia, baseada nas seguintes medidas:

a) A coordinación entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia e organismos dependentes.

b) A coordinación no conxunto das administracións públicas, organizacións empresariais e profesionais e outras entidades relacionadas co sector.

c) A adopción das medidas necesarias para a coordinación das accións da Comunidade en materia audiovisual coas accións que promovan o Estado español e a Unión Europea en relación co sector audiovisual.

2) Favorece-la promoción da cultura e lingua galega dentro e fóra de Galicia, en especial naquelas zonas nas que existan comunidades galegas no exterior.

3) Promove-la coordinación técnica no sector audiovisual, facilitando o avance das novas tecnoloxías.

4) Conservar e potencia-lo patrimonio audiovisual de Galicia.

5) Favorece-la competencia e a presencia internacional das empresas galegas.

6) Incentiva-la producción propia de animación, con axudas específicas ós establecementos de producción, e a creación, en particular, por parte dos debuxantes e humoristas galegos.

7) Estudiar formas de apoio ós establecementos técnicos de Galicia que sirvan para desenvolve-la actividade cinematográfica e audiovisual, de forma que se cubran as necesidades neste eido e se impulse a producción propia, capacitando nas técnicas apropiadas.

Artigo 7º.-4.

Capítulo II

Actividades de fomento do sector audiovisual

Artigo 8º.-Dos obxectivos das actividades de fomento5.

As accións de fomento do sector audiovisual en Galicia terán os seguintes obxectivos:

a) Promover un mellor coñecemento da historia, da arte, da literatura, da música, das producións culturais e, en xeral, da realidade social galega a través das producións cinematográficas e audiovisuais.

b) Promover e potenciar o ensino do audiovisual e das novas tecnoloxías interactivas na práctica docente da educación.

c) Promover e potenciar a actividade profesional no sector audiovisual dentro do seu territorio.

d) Fomentar a actividade empresarial e a creación de emprego no sector audiovisual, especialmente de actores e actrices e mais de técnicos.

e) Impulsar a produción propia da programación da radio e televisión de forma que esta abranga a maioría dos programas difundidos nas canles xeralistas.

f) Producir, editar e difundir un conxunto de canles de radio, televisión e servizos de información en liña con programacións diversas e equilibradas para todo tipo de público, cubrindo todos os xéneros, destinadas a satisfacer as necesidades de información, cultura, educación e entretemento da sociedade e a preservar o pluralismo nos medios de comunicación.

g) Promover a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector audiovisual.

h) Promover a utilización do idioma galego mediante o seu uso nos medios audiovisuais, especialmente apoiando a súa utilización en salas de exhibición e promovendo a asistencia a estas en municipios de máis de 35.000 habitantes.

i) Promover a utilización dos medios audiovisuais entre os cidadáns discapacitados.

j) Divulgar as obras audiovisuais galegas no propio territorio, no do Estado español, no de Portugal, no da Unión Europea e en todos os territorios onde existan comunidades galegas».

Artigo 9º.-Potenciación das accións institucionais: do Consorcio Audiovisual de Galicia.

1. Para a potenciación institucional das accións tendentes ó desenvolvemento do sector audiovisual de Galicia, as administracións e entidades interesadas convirán a constitución do Consorcio Audiovisual de Galicia.

2. A consellería competente en materia audiovisual promoverá a constitución do devandito consorcio, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

3. O devandito consorcio terá a condición de entidade de dereito público de carácter interadministrativo e contará cun patrimonio propio.

4. Neste consorcio poderán participar entidades privadas sen ánimo de lucro que persigan os fins de interese público concorrentes cos das administracións e entidades públicas consorciadas.

5. O consorcio financiarase con achegas das entidades que o constitúan, sen prexuízo dos demais medios económicos que lle correspondan conforme o seu réxime xurídico.

6. O consorcio promoverá a formalización de convenios de colaboración con fundacións, asociacións e empresas que teñan interese no desenvolvemento do sector audiovisual galego. Asemade, promoverá a creación dunha oficina do audiovisual (film comission) para fomentar e facilita-las rodaxes en Galicia.

Capítulo III

Da exhibición

Artigo 10º.-Promoción e difusión.

1. A Xunta de Galicia promoverá a difusión de obras audiovisuais galegas e coproduccións nas salas de exhibición cinematográficas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como en cine clubs, entidades privadas sen ánimo de lucro, asociacións, centros educativos, hospitais e organismos de asistencia social que lles oferten sesións de cine ós seus usuarios.

2. A Xunta de Galicia velará porque a producción cinematográfica galega estea presente na cota de exhibicións de filmes dos estados membros da Unión Europea.

Artigo 11º.-Axudas.

Co fin de procura-la pervivencia das salas de exhibición cinematográfica sitas nas zonas rurais ou de baixa rendibilidade, a Xunta de Galicia fomentará a exhibición de cine mediante axudas, outorgadas conforme os criterios que se determinen regulamentariamente.

Artigo 12º.-Cualificación e inspección.

A Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que a exhibición de obras e demais contidos audiovisuais nos medios de difusión da Comunidade Autónoma respecten a lexislación vixente, exercendo funcións de cualificación e inspección en coordinación co Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual de Galicia.

Capítulo IV

Do Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual de Galicia

Artigo 13º.-Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual de Galicia.

1. O Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual configúrase como un órgano de integración e participación das institucións, empresas, axentes e entidades directamente relacionadas cos referidos sectores, operadores e usuarios, que actuará con carácter consultivo e asesor para a administración e de mediación para a arbitraxe e o autocontrol entre os que voluntariamente se sometan a estes procedementos.

2. Así mesmo, o consello propiciará funcións de arbitraxe e autocontrol en relación cos contidos dos medios de difusión audiovisuais específicos do ámbito da Comunidade Autónoma, sempre que o soliciten as partes.

3. O consello funcionará en pleno, comisión permanente e a través das comisións do audiovisual, de usuarios e operadores e do cine de Galicia e, así mesmo, de cantas decida crea-lo propio consello dentro das súas competencias.

4. O réxime de funcionamento e composición do consello establecerase regulamentariamente procurando a representación das institucións, sectores profesionais e empresariais e usuarios relacionados cos servicios de telecomunicacións e audiovisual.

5. O consello, a través da súa comisión permanente, elaborará un informe anual, de carácter público, sobre a actividade dos respectivos sectores no ámbito da Comunidade Autónoma.

6. O Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual encargarase da coordinación e relación cos organismos e entes homólogos do ámbito do Estado e das outras comunidades autónomas, dentro das materias da súa competencia.

Artigo 14º.-Funcións de arbitraxe6.

1. O Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual exercerá funcións de arbitraxe co fin de garantirlles aos usuarios unha oferta de servizos competitivos, nos supostos de situacións de dominio de mercado que afecten as relacións entre os diferentes axentes vinculados á prestación do servizo dunha determinada demarcación na rede de cable, sempre que a cuestión lle fose sometida polos interesados.

2. No desenvolvemento desta función, o Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual axustarase ao procedemento previsto nos artigos 11 e seguintes do Real decreto 1994/1996, do 6 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, e, subsidiariamente, na Lei estatal 60/2003, do 23 de decembro, reguladora do réxime xurídico da arbitraxe.

3. En todo caso, o sometemento a esta arbitraxe terá para os interesados a eficacia prevista no artigo 11 da devandita Lei estatal 60/2003, do 23 de decembro, reguladora do réxime xurídico da arbitraxe.

Artigo 15º.-Das comisións.

1. Cada unha das comisións integrará a representación máis fidedigna, cualificada e directa dos axentes de cada sector, da administración e das partes relacionadas cos productos deles, así como aquela emanada da propia permanente do consello asesor.

2. As comisións informarán á consellería competente na materia sobre as cuestións que puidesen afecta-la normativa relacionada cos contidos audiovisuais e a publicidade de calquera dos medios de difusión que emiten para a comunidade autónoma de Galicia, en relación co alcance das propias competencias e co cumprimento dos dereitos fundamentais e da normativa xeral de aplicación no sector, con especial atención á protección dos menores.

3. O consello asesor propiciará tamén como tarefa inmediata a creación da Comisión do Cine de Galicia para contribuír ó mellor e máis directo asesoramento á Xunta de Galicia en canto a medidas, plans, accións, programas e proxectos de apoio e pulo ó antedito sector e no que se refira á creación, producción, realización, distribución, dobraxe e exhibición de productos audiovisuais.

4. As comisións contribuirán, en colaboración cos operadores implicados, a propiciar fórmulas e vías en favor do uso do galego nas diferentes redes e medios de difusión audiovisual.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Comunidade Autónoma de Galicia exercerá as competencias que lle correspondan segundo o que establezan as leis estatais en materia de televisión local por ondas terrestres e de telecomunicacións por cable e desenvolveraas regulando expresamente os contidos audiovisuais que teñan que ser difundidos por calquera sistema de telecomunicacións dentro do territorio da comunidade autónoma.

Así mesmo, por decreto do Consello da Xunta crearase o rexistro de empresas, asociacións de profesionais do sector, asociacións de usuarios e grupos operadores con ámbito de actuación na comunidade autónoma de Galicia7.

Segunda8

Terceira9

Cuarta.-O Centro Galego das Artes da Imaxe rexerase a través do disposto no seu decreto de creación e regulación e dotarase de plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, respectando o establecido no artigo 4 e concordantes desta lei.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou menor rango no que se opoñan ou contradigan o disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras10

Primeira.-Facúltase o Consello da Xunta para o desenvolvemento regulamentario desta lei.

Segunda.-Esta lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 174, do 8 de setembro de 1999.

2 Redacción do artigo 4 dada pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audivisual de Galicia (DOG núm. 239, do 16 de decembro de 2011).

3 Redacción do artigo 5 dada pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audivisual de Galicia (DOG núm. 239, do 16 de decembro de 2011).

4 Artigo 7 derrogado pola disposición derrogatoria única da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audivisual de Galicia (DOG núm. 239, do 16 de decembro de 2011).

5 Redacción do artigo 8 dada pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audivisual de Galicia (DOG núm. 239, do 16 de decembro de 2011).

6 Redacción do artigo 14 dada pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audivisual de Galicia (DOG núm. 239, do 16 de decembro de 2011).

7 Disposición adicional primeira desenvolvida polo Decreto 5/2003, de 9 de enero, polo que se crea o Rexistro do Sector Audiovisual de Galicia

8 Disposición adicional segunda derrogada pola disposición derrogatoria única da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audivisual de Galicia (DOG núm. 239, do 16 de decembro de 2011).

9 Disposición adicional terceira derrogada pola disposición derrogatoria única da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audivisual de Galicia (DOG núm. 239, do 16 de decembro de 2011).

10 Normas regulamentarias de desenvolvemento da lei:

·Decreto 5/2003, de 9 de enero, polo que se crea o Rexistro do Sector Audiovisual de Galicia.

·Decreto 276/1999, de 21 de octubre, polo que se regula a composición e as funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.