Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego

Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.1

Exposición de motivos

O recoñecemento do dereito de liberdade de asociación propiciou o comezo dun período no que os agricultores adoptaron diversas formas de organización representativa para a defensa dos seus intereses profesionais ante as institucións.

A Lei 23/1986, do 24 de decembro, de bases do réxime xurídico das cámaras agrarias, supuxo a configuración destas como corporacións de dereito público co carácter de órganos de consulta e colaboración, respectando, pola súa banda, o exercicio da liberdade sindical e do dereito de asociación empresarial.

En Galicia, a Lei 1/2000, do 10 de xullo, pola que se refunde a normativa en materia de cámaras agrarias, aprobouse para condensar todas as normas anteriores ditadas nesta materia, clarificando algúns aspectos do proceso electoral e, sobre todo, atribuíndolles ás cámaras agrarias un papel que non colidise coa actividade das organizacións profesionais.

Baseándose nesta lei convocáronse as primeiras eleccións democráticas no agro galego, que determinaron que, segundo as porcentaxes de representatividade, ficasen como máis representativas das organizacións profesionais agrarias constituídas en Galicia as de Xóvenes Agricultores (XXAA), Unións Agrarias (UUAA) e Sindicato Labrego Galego (SLG).

Malia ese avance na normalización democrática na representación sindical, constatouse a falta de operatividade e obsolescencia das cámaras agrarias, en boa parte motivada porque a súa concepción inicial estaba guiada por criterios que na actualidade xa foron superados.

Nesta liña, a Lei básica 18/2005, do 30 de setembro, pola que se derroga a Lei 23/1986, do 24 de decembro, pola que se establecen as bases do réxime xurídico das cámaras agrarias, expresa que esta derrogación non supón a supresión das ditas corporacións, entendendo que tal cuestión corresponde ao marco de decisión das comunidades autónomas.

Á vista da grande importancia económica e social do sector agrario en Galicia, fundamental para a fixación de poboación no medio rural, e tendo en conta a inoperancia das cámaras agrarias, cómpre dotarse dun novo órgano eficaz de participación institucional das organizacións profesionais agrarias, e que sexa acorde coa evolución doutros órganos de participación social baseados en estruturas funcionais máis áxiles na toma de decisións, e proceder, facendo uso da atribución competencial antedita, á consecuente disolución das ditas corporacións de dereito público, regulando o destino do seu persoal e patrimonio.

Así, esta lei crea o Consello Agrario Galego como órgano que asume e articula as relacións da Administración galega coas organizacións profesionais agrarias e ao mesmo tempo recoñece o papel que estas cumpren na vertebración democrática do mundo rural e na formación de vontade dos órganos competentes en materia agraria e de desenvolvemento rural da Comunidade Autónoma para un mellor desenvolvemento das competencias na materia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei do Consello Agrario Galego.

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta lei é a creación do Consello Agrario Galego como un órgano permanente de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración galega en materia agraria e desenvolvemento rural.

2. O Consello Agrario Galego quedará adscrito á consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

O Consello Agrario Galego rexerase polo disposto nesta lei, na súa normativa de desenvolvemento, no seu regulamento de réxime interior e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, respecto dos órganos colexiados.

Artigo 3º.-Funcións.

Son funcións do Consello Agrario Galego:

a) Crear o marco institucional axeitado para favorecer e impulsar a participación e colaboración dos representantes sindicais do agro en todos aqueles asuntos relativos ao sector agrario, así como impulsar o diálogo, a participación e a colaboración entre as institucións, administracións e axentes sociais implicados, propiciando o intercambio de información e a busca de acordos naqueles asuntos de maior relevancia para o sector agrogandeiro de Galicia.

b) Analizar as políticas que afecten o sector agrario no seu conxunto, así como contribuír ao seguimento dos plans e programas das políticas agrarias que teñan incidencia sobre o medio rural, prestándolle unha especial atención ao impacto de xénero das medidas adoptadas.

c) Emitir ditames sobre a normativa de carácter xeral do Goberno e específica da consellaría competente, nas materias de agricultura e desenvolvemento rural, así como sobre os plans e programas relativos á política agraria e de desenvolvemento rural e sobre normativas sectoriais que afecten as condicións socioeconómicas dos habitantes do medio rural.

d) Propor reformas, canalizar recomendacións e achegar suxestións respecto de todas aquelas políticas que afecten as condicións socioeconómicas dos habitantes do medio rural.

e) Propor e asesorar aos distintos órganos da Administración pública galega sobre as medidas e accións que se consideren necesarias para mellorar o nivel de renda das explotacións agrarias e a calidade de vida da poboación dedicada á actividade agraria, promovendo a dignificación das actividades laborais agrogandeiras.

f) Realizar informes sectoriais sobre a situación, evolución e perspectivas dos diferentes subsectores agrarios.

g) Impulsar a participación das mulleres que se dedican á actividade agraria, e en xeral das que viven no medio rural, en todas aquelas cuestións relativas ao sector agrario e ao ámbito rural, e fomentar a cooperación coas administracións competentes na articulación de políticas de erradicación das discriminacións por mor do xénero.

h) Aqueloutras que lle sexan atribuídas por outras disposicións específicas.

Artigo 4º.-Composición.

1. O Consello Agrario Galego estará integrado por vinte e catro membros:

a) Presidente ou presidenta: o conselleiro ou conselleira competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

b) Vicepresidente ou vicepresidenta: o secretario ou secretaria xeral da consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

c) Cinco vogais en representación da consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

d) Cinco vogais en representación das consellarías competentes en materia de benestar social, medio ambiente, política territorial, industria e sanidade.

e) Doce vogais en representación das organizacións agrarias máis representativas de Galicia.

2. Actuará como secretario ou secretaria do consello, asistindo ás sesións sen voto, un funcionario ou funcionaria do servizo técnico xurídico da consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural, designado polo seu titular.

Artigo 5º.-Réxime de funcionamento.2

1. O Pleno do Consello Agrario Galego aprobará, no prazo de seis meses desde a súa constitución, e por maioría absoluta dos seus membros, o seu regulamento de réxime interior, que conterá as normas de funcionamento do consello de acordo co previsto nesta lei.

2. O consello actuará en pleno ou en comisión permanente. A composición da comisión permanente acomodarase á proporcionalidade existente entre os representantes da administración e das organizacións profesionais agrarias representadas no pleno.

3. Así mesmo, poderanse crear aquelas comisións de traballo que as circunstancias precisen. A forma de actuación, o número e a composición das comisións de traballo aprobaranse polo pleno.

4. O pleno reunirase como mínimo en sesión ordinaria catro veces ao ano. Será convocado polo presidente, por iniciativa propia, por petición da comisión permanente ou por proposta da metade dos seus membros.

5. O pleno reunirase, como máximo, dúas veces ao ano, en sesión extraordinaria, en casos de urxencia xustificada. Será convocado polo presidente por petición de oito dos seus membros, no prazo máximo de sete días desde a solicitude.

6. Para os supostos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal, os membros do consello serán substituídos polo competente para o nomeamento daqueles.

7. A convocatoria, que conterá a orde do día, será remitida con polo menos quince días de antelación á data sinalada para a sesión, agás en casos de urxencia debidamente xustificada.

Artigo 6º.-Nomeamento e mandato.

1. O nomeamento dos vogais e dos demais integrantes do Consello Agrario Galego realizarao o conselleiro ou conselleira competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural, logo da designación dos representantes polos titulares de cada consellaría e da proposta polas organizacións profesionais agrarias.

2. O mandato do presidente ou presidenta, do vicepresidente ou vicepresidenta e dos vogais que o sexan como consecuencia do cargo que desempeñan rematará cando deixen de ocupar o cargo do que deriva o seu nomeamento.

3. O resto de vogais ocupará o cargo durante un máximo de cinco anos, sendo renovable o seu mandato por períodos de idéntica duración, sen prexuízo do disposto para os casos de substitución e da posibilidade de suplencia.

4. Ademais do suposto especificado no punto 2 deste artigo, os membros do Consello Agrario Galego cesarán por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento, condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público ou por decisión da autoridade ou organización que os designase.

Disposición adicional

Primeira.-Constitución do Consello Agrario Galego.

No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei procederase á constitución do Consello Agrario Galego.

Segunda.-Ditame preceptivo para procesos electorais.

O Pleno do Consello Agrario Galego, por maioría absoluta, emitirá ditame preceptivo e vinculante sobre o procedemento para regular procesos electorais de cara a establecer a representatividade das organizacións profesionais agrarias no futuro.

Terceira.-Disolución das cámaras agrarias provinciais.

1. Á entrada en vigor desta lei quedan disoltas as cámaras agrarias provinciais. No prazo de tres meses comezarase o proceso de extinción das cámaras agrarias provinciais, asumindo de xeito provisional a Consellería do Medio Rural os dereitos e as obrigas das entidades disoltas.

2. Facúltase a consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural para ditar ou se é o caso proporlle ao Consello da Xunta de Galicia as normas necesarias para proceder á liquidación dos medios persoais e materiais das cámaras agrarias provinciais.

3. A consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural prestaralles apoio técnico e xurídico ás cámaras agrarias provinciais a fin de coordinar o proceso de disolución.

Cuarta.-Réxime do patrimonio das disoltas cámaras agrarias provinciais.

1. De acordo co previsto na disposición adicional única da Lei 18/2005, do 30 de setembro, pola que se derroga a Lei 23/1986, do 24 de decembro, o patrimonio das cámaras agrarias provinciais integrarase no patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, quedando adscrito á consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural para a súa aplicación a fins de interese agrario no ámbito territorial de Galicia.

2. O patrimonio procedente das cámaras agrarias provinciais poderá ser, en todo ou parte, desafectado polo Consello da Xunta de Galicia, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural, para a súa posterior cesión ás organizacións agrarias representadas no Consello Agrario Galego, sempre que fique garantida a conservación e aplicación daquel aos fins e servizos de interese xeral agrario.

3. Así mesmo, coa finalidade prevista no parágrafo anterior, poderase ter en conta o patrimonio das cámaras agrarias locais que na data de entrada en vigor desta lei non fose cedido nin revertese ás entidades locais ou ás entidades privadas conforme o disposto na disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Quinta.-Integración do persoal procedente das cámaras agrarias provinciais.

O persoal laboral indefinido contratado en réxime de dereito laboral polas cámaras agrarias provinciais terá opción de integrarse nas categorías e no grupo que correspondan do IV Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia. Para estes efectos, teranse en conta as funcións que desempeñaban nas cámaras agrarias provinciais no momento da súa integración e a titulación académica que posúan, que deberá coincidir necesariamente co nivel de titulación académica que se requira en cada caso para acceder ao grupo do convenio no que se pretenda a integración.

Sexta.-Referencia na normativa ás cámaras agrarias provinciais.

As referencias existentes na normativa vixente ás cámaras agrarias provinciais, no que atinxe á emisión de ditames preceptivos, consultas ou designación de representantes en órganos colexiados da administración, entenderanse substituídas polo Consello Agrario Galego.

Disposición transitoria única. Representatividade das organizacións profesionais agrarias.

Para os efectos do disposto no apartado e) do artigo 4º, e mentres non sexan convocados novos procesos electorais, terán a consideración de organizacións profesionais agrarias máis representativas aquelas que concorreron ás eleccións a cámaras agrarias efectuadas o 26 de maio de 2002 e acadaron unha porcentaxe de votos superior ao 15 por 100, distribuíndose os vogais de forma paritaria entre todas elas.

Disposición derrogatoria única

Derrogación normativa.

Fican derrogadas todas as disposicións que contraveñan o disposto nesta lei e dun xeito específico a Lei 1/2000, do 10 de xullo, pola que se refunde a normativa en materia de cámaras agrarias.

Disposición derradeira

Primeira.-Funcións doutros órganos consultivos.

As funcións do Consello Agrario Galego deixarán a salvo as atribuídas ao Consello Económico e Social de Galicia pola súa normativa específica.

Segunda.-Facultade de desenvolvemento.

Facúltase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 113, do 14 de xuño de 2006.

2 Orde do 6 de novembro 2006, pola que se dá publicidade ao Regulamento de réxime interior do Consello Agrario Gallego.