Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia1.

Exposición de motivos

1

O medio rural galego -e integrado nel o monteconstitúe un patrimonio esencial para o desenvolvemento sustentable dun país, especialmente en Galicia, onde os terreos de monte constitúen máis do 65% da súa superficie e onde integrados con eles hai 315 municipios cuns 31.550 núcleos de poboación, máis do 90% deles cunha poboación inferior aos 500 habitantes.

O monte desempeña unha tripla funcionalidade: social, ambiental e económica. Os recursos que achega benefician a toda a sociedade, o que obriga ás administracións públicas a velaren pola súa conservación, protección, rexeneración e mellora dos seus aproveitamentos. O artigo 4 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, contempla a función social dos montes vinculada á produción de recursos naturais e servizos ambientais. Alén diso, en Galicia ten unha especial relevancia o aspecto económico dos montes, ao teren as actividades desenvoltas neles un carácter estratéxico para o desenvolvemento do medio rural, tendo en conta que aproximadamente o 50% da produción forestal do Estado se extrae dos montes galegos, e seren unha importante base territorial para o desenvolvemento da gandaría extensiva.

Mais o importante valor que o monte desempeña para a nosa sociedade no seu conxunto vén sendo ameazado pola propagación de incendios forestais, afectando á súa riqueza ambiental e paisaxística e ás actividades agroforestais que se desenvolven nel.

As causas que orixinan os lumes forestais son de diversa índole, existindo causas estruturais que constitúen factores subxacentes, aínda que ningunha delas por si soa constitúe unha causa inmediata dos incendios forestais. Unha parte das causas estruturais que inciden na proliferación de incendios forestais está relacionada coa situación de abandono e progresivo despoboamento que ao longo dos últimos decenios se veu producindo no espazo rural galego, que provocou unha abrupta desagrarización e abandono de terras cultivadas en moitas comarcas rurais de Galicia; co cambio de usos do monte; coa ausencia de ordenación dos usos do territorio desde o punto de vista agrario, forestal e mesmo urbano; cos descoidos ou neglixencias no uso do lume en prácticas de xestión agroforestal; coa existencia de conflitos sociais arraigados en determinadas zonas que se dirimen prendéndolle lume ao monte; e tamén co incremento da delincuencia incendiaria, agravada pola falta dun rexeitamento social contundente a ela.

Esta situación débenos facer conscientes de que os incendios forestais no medio rural constitúen unha grave ameaza para calquera política seria de desenvolvemento rural, ademais de comprometer a sustentabilidade económica e social de Galicia.

A política de defensa do medio rural contra os incendios, pola súa vital importancia para o país, non pode ser implementada de forma illada, senón integrándose nun contexto máis amplo de planificación do territorio e de desenvolvemento rural, comprometendo todas as administracións, as persoas propietarias de terreos forestais, os labregos e labregas, as comunidades de montes veciñais en man común, a sociedade do medio rural e en xeral o conxunto da cidadanía.

Os terreos forestais e as súas zonas de influencia teñen unha configuración específica que dificulta a súa protección contra os incendios forestais; entre outras, estas características son a fragmentación da propiedade, o desequilibrio entre zonas, o abandono da agricultura, a gandaría extensiva sen control e a progresiva transformación das parcelas agrícolas fragmentadas en terreos de monte, o que deu lugar a unha progresiva desorde do territorio incrementando a ameaza derivada dun incendio forestal.

2

Ao longo dos últimos anos vimos asistindo ademais a unha crecente proliferación de incendios na interface urbano-forestal, isto é, nas áreas que abranguen o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados.

Alén das políticas e medidas de organización territorial de carácter estrutural que axuden a evitar esta situación, cómpre adoptar a curto prazo actuacións que controlen a existencia de biomasa vexetal con alto potencial combustible nas proximidades dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios, ben a través da obriga das persoas titulares ben por medio da execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administracións públicas.

Xa que logo, a desorganización do territorio obriga a termos que asumir a curto e medio prazo a estratexia de defensa do rural contra os incendios, que pasa pola defensa primordial das persoas e dos bens xunto á defensa dos recursos forestais.

3

Cómpre dotar a Galicia dunha nova norma que permita establecer as medidas preventivas que faciliten a loita contra o lume e que sirva así mesmo para a posta en valor da potencialidade produtiva, ecolóxica e social do monte galego como base do desenvolvemento sustentable do medio rural do noso país.

O marco normativo xeral de referencia en materia de prevención e incendios forestais vén determinado por diversa normativa de ámbito comunitario e estatal que convén desenvolver e adaptar á nosa realidade, tendo en conta as competencias previstas nos artigos 27.10º do Estatuto de autonomía de Galicia e mais 148.1º.8 e 149.1º.23 da Constitución de 1978.

Os artigos 43, 44.3º, 48 e 50 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, modificada pola Lei 10/2006, do 28 de abril, atribúenlles ás comunidades autónomas facultades para desenvolver aspectos da defensa contra incendios forestais, que ata o de agora foron aplicados en Galicia por medio de regulamentos mais non con normas de rango de lei, polo que convén superar esa situación, dotándonos dese marco regulador lexislativo que contribúa a fortalecer a seguranza xurídica das administracións públicas galegas e dos cidadáns na prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por outra banda, coa entrada en vigor da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, recompilouse no seu título VII o réxime sancionador nesa materia, sen prexuízo do que dispoña ao respecto a lexislación autonómica. Non obstante, a norma antes citada non establece atribucións competenciais concretas para a imposición das sancións e medidas que prevé, limitándose no seu artigo 73.1º a conter unha indicación na que se lles recoñece a facultade aos órganos da Comunidade Autónoma que teñan atribuída a competencia en cada caso. Tendo en conta esta circunstancia, faise necesario realizar o desenvolvemento desta normativa básica, tanto da atribución competencial como doutros aspectos non contemplados naquela.

A prevención e defensa de incendios forestais atópase tamén incluída no campo da protección civil, cuxa normativa está esencialmente contida na Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, de protección civil, no Real decreto 407/1992, do 24 de abril, polo que se aproba a Norma básica de protección civil, e no Acordo do Consello de Ministros do 18 de marzo de 1993 polo que se aproba a Directriz básica de planificación de protección civil de emerxencias por incendios forestais; materia esta, a de protección civil, desenvolta pola normativa galega en materia de emerxencias.

A lexislación en materia de réxime local tamén regula as competencias en materia de protección e defensa contra os incendios forestais dos entes locais, en concreto nos artigos 80.2º.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 25.2º.c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local.

4

Esta lei ten como un dos seus obxectivos actualizar o réxime xurídico da loita contra os incendios no medio rural, integrando nel a prevención e a extinción, ademais da protección da poboación, das infraestruturas e das instalacións agrarias, pois unicamente considerando estas tres liñas de actuación no seu conxunto será posible garantir un tratamento eficaz do problema.

A planificación preventiva pasa a ser un elemento estrutural fundamental deste sistema, que se asenta na actuación concertada de todas as administracións actuantes no ámbito da defensa contra os incendios forestais.

O sistema de defensa contra os incendios no medio rural exposto nesta lei identifica os obxectivos e recursos e tradúcese nun modelo activo, dinámico e integrado, encadrando nunha lóxica de medio e longo prazo os instrumentos dispoñibles, cos seguintes criterios básicos:

1. Organizar a xestión de biomasa en zonas estratéxicas, especialmente aquelas declaradas de alto risco de incendio, unido á construción e mantemento de faixas exteriores de protección de zonas poboadas, o tratamento de áreas forestais nun esquema de intervención segundo modelos silvícolas previamente establecidos, no ámbito das dúas dimensións que se complementan, a defensa de persoas e bens e a defensa dos montes.

2. Reforzar as estruturas de extinción e de prevención dos incendios forestais.

3. Ampliar os esforzos de educación, sensibilización, divulgación e extensión agroforestal para a defensa do medio rural contra os incendios e para o uso correcto do lume nestes lugares.

4. Reforzar a vixilancia e poñer couto á actividade criminal incendiaria mediante a colaboración veciñal, ademais de asegurar a eficacia na fiscalización e aplicación do réxime sancionador instituído.

5

Esta lei, tendo en conta a experiencia acumulada, incorpora novidades no ámbito da defensa contra incendios forestais, no eido da planificación e da xestión de biomasa vexetal e na intervención das administracións públicas e dos particulares.

O título I regula as disposicións xerais, onde se inclúen as definicións dos termos utilizados ao longo da lei, así como a organización do sistema de prevención contra os incendios forestais de Galicia e a distribución competencial entre os distintos órganos das administracións públicas galegas.

O título II dedícase ao planeamento da defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais, co establecemento dunha planificación en catro niveis, autonómico, de distrito, municipal ou inframunicipal, co obxecto de asegurar a consistencia territorial das políticas, instrumentos, medidas e accións, nunha lóxica de colaboración entre todas as administracións e os cidadáns.

A planificación vaise realizar a través dun instrumento, o Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, o cal engloba a planificación preventiva e mais a operacional. Esta planificación tende a contemplar o problema no seu conxunto e permitirá axilizar e coordinar de maneira máis efectiva as intervencións preventivas e as de extinción de todos os organismos con competencias na loita contra incendios en Galicia.

O título III dedícase ás actuacións preventivas, contemplando as infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais, a ordenación preventiva do terreo forestal e as medidas de silvicultura preventiva, prestándolle especial atención á defensa das persoas e dos bens ante a ameaza dos incendios forestais.

Como medida máis novidosa neste sentido incorpórase a xestión da biomasa a través do establecemento de redes de xestión que engloban os terreos contiguos aos núcleos de poboación, ás instalacións industriais e de recreo e ás infraestruturas de transporte e de distribución de enerxía eléctrica, sentando as bases para unha nova actuación que ten por obxectivo principal protexer a seguranza das persoas. Para estes efectos tamén se define un cadro xurídico que permite e acelera a intervención da administración no que atinxe á retirada de biomasa vexetal nas zonas próximas aos núcleos rurais antes da época de perigo de incendios.

O título IV refírese á regulación da condicións de acceso, permanencia e circulación en zonas forestais, en especial nas épocas de perigo alto de incendios forestais.

O título V regula o uso daquelas actividades nas que se emprega o lume, coa finalidade de atenuar as accións que comportan maior risco de produción de incendios forestais.

O título VI contempla as condicións para a realización de determinados aproveitamentos forestais, agrícolas e gandeiros no monte, atendendo a compatibilidade entre esas actividades e a rexeneración das zonas incendiadas.

O título VII refírese ao réxime sancionador, partindo da normativa básica recollida na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

O título VIII regula os incentivos ás persoas titulares de terreos forestais, especialmente a aqueles afectados polas figuras preventivas nos planeamentos, e ademais a colaboración coas entidades locais de cara á prevención e extinción dos incendios forestais.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo no nome de El-Rei a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Obxecto e conceptos xerais

Artigo 1.-Obxecto da lei2.

Esta lei ten por obxecto defender os montes ou terreos forestais fronte aos incendios e protexer as persoas e os bens por eles afectados, promovendo a adopción dunha política activa de prevención coordinada de todas as administracións públicas de acordo coa lexislación galega en materia de emerxencias, baseada en:

a) Actuar nos montes e áreas confinantes mediante os tratamentos axeitados da biomasa vexetal.

b) Compatibilizar e regular os aproveitamentos e transformacións do monte e zonas agrarias confinantes coa finalidade de evitar os incendios.

c) Establecer as condicións para a protección dos asentamentos rurais respecto dos incendios forestais, no marco dunha política integral de desenvolvemento rural.

e) Regular a redacción dos diferentes plans de prevención e defensa e a coordinación entre as distintas administracións.

Artigo 2.-Definicións3.

Para os efectos desta lei, defínense os seguintes termos:

1. Monte ou terreo forestal: todo terreo no que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedentes de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas.

Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e na Lei de montes de Galicia.

Non terán a consideración de monte ou terreo forestal os terreos dedicados ao cultivo agrícola, o solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, incluíndo a canle e a zona de dominio público hidráulico destes solos, e os excluídos pola normativa vixente, así como os terreos rústicos de protección agropecuaria.

Non obstante, e para os únicos efectos do cumprimento das obrigas establecidas nesta lei, poderán ter a consideración de monte aquelas superficies que estean clasificadas como terreo rústico de protección agropecuaria que reúnan as características previstas no artigo 5.1º da Lei 43/2003, mentres subsista o seu uso forestal.

2. Incendio forestal: o lume que se estende sen control sobre combustibles forestais situados no monte, incluíndose os enclaves forestais localizados en terreos agrícolas calquera que fora a súa extensión.

3. Queima: lume que se estende sen control sobre monte raso.

4. Queima de restos agrícolas: lume que se aplica sobre restos agrícolas logo de comunicación á administración forestal.

5. Queima de restos forestais: lume que se aplica a restos forestais logo de autorización da administración forestal.

6. Queima controlada: lume que se aplica para o control da biomasa forestal con criterios de idoneidade técnica e baixo a supervisión da administración forestal.

7. Terreos queimados: aqueles que foran afectados por un incendio forestal e que, temporalmente, quedan condicionados ao establecido nesta lei.

8. Forestal: todo o relativo aos montes.

9. Repoboación forestal: introdución de especies forestais nun terreo mediante sementeira ou plantación. Pode ser forestación ou reforestación.

10. Forestación: repoboación, mediante semente ou plantación, dun terreo que era agrícola ou estaba dedicado a outros usos non forestais.

11. Reforestación: a reintrodución de especies forestais, por medio de semente ou plantación, en terreos que xa estiveron poboados forestalmente ata épocas recentes mais que quedaron rasos por mor de cortas, incendios, vendavais, pragas, enfermidades ou outros motivos.

12. Restos capaces de producir un risco de incendio: aqueles materiais de fácil combustión e elevada inflamabilidade que poidan orixinar ou facilitar a propagación dun incendio forestal, tales como as leñas, pólas, cortizas ou similares que se xeran logo do aproveitamento das masas forestais.

13. Zona de influencia forestal: as áreas estremeiras que abranguen unha franxa circundante dos terreos forestais cunha largura de 400 metros, excluíndo o solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

14. Xestión de biomasa: a creación e mantemento da descontinuidade horizontal e vertical da carga de combustible no terreo forestal e na súa zona de influencia, a través do control ou eliminación parcial ou total da biomasa vexetal por medio do emprego das técnicas máis recomendadas e coa intensidade e frecuencia adecuadas para o cumprimento dos obxectivos previstos.

15. Rede de faixas de xestión de biomasa: o conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, onde se garante o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, co obxectivo principal de reducir o risco de incendio.

16. Detección de incendio: a identificación e localización precisa das ocorrencias de incendio forestal con vista á súa comunicación rápida ás entidades responsables da extinción.

17. Índice de risco diario de incendio forestal: a expresión numérica que traduza o estado da biomasa forestal e da meteoroloxía nun momento dado, de modo que se poidan prever as condicións de inicio e propagación dun incendio.

18. Instrumentos de xestión forestal: engloban os proxectos de ordenación de montes, plans dasocráticos, plans técnicos ou outras figuras equivalentes, como os plans de ordenación de recursos forestais.

194.

20. Época de perigo alto de incendios: o período durante o cal estean en vigor medidas e accións especiais de prevención e defensa contra incendios forestais, en consideración aos antecedentes estatísticos e climatolóxicos, así como cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

215.

226.

23. Distrito forestal: cada unha das unidades administrativas, baixo dependencia orgánica e funcional da dirección xeral competente en materia forestal, nas que se organizan territorialmente os servizos de prevención e extinción de incendios forestais.

24. Tesela: parcela forestal.

25. Persoa directora de extinción: persoa responsable do dispositivo de extinción nun incendio forestal, dotada da autoridade necesaria para organizar os medios propios da Xunta e os que proporcionen o resto das entidades e administracións implicadas no dispositivo. Terá a condición de axente da autoridade e poderá mobilizar medios públicos e privados para actuar na extinción de acordo cun plan de operacións.

Artigo 3.-Obrigas xerais.

1. Toda persoa deberá extremar o coidado do monte na realización de usos ou actividades neste, respectando as prohibicións, limitacións ou normas establecidas para o efecto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, así como na normativa básica estatal.

2. Toda persoa ou entidade pública ou privada deberá prestar a colaboración requirida, de acordo coas súas posibilidades, polas autoridades competentes na loita contra os incendios forestais e para a adopción de medidas de prevención ou protección.

3. As persoas propietarias, arrendatarias e usufrutuarias de terreos forestais e das zonas de influencia forestal, así como titulares ou concesionarias de infraestruturas públicas situadas neles, teñen a obriga de mantelos en condicións que contribúan a previr ou evitar os incendios forestais, respectando especialmente as relativas á xestión da biomasa vexetal e as disposicións referentes ás especies que se recollen na disposición adicional terceira desta lei.

As obrigas a que se refire o parágrafo anterior entenderanse sen prexuízo das establecidas pola consellaría competente en materia de medio ambiente no suposto de terreos incluídos en espazos naturais protexidos.

4. A realización de actividades que poidan levar parello o risco de incendios forestais, tanto nos terreos forestais como nas súas áreas de influencia, axustarase ao disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

Capítulo II

Organización

Artigo 4.-Sistema de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.

1. O sistema de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia está formado polo conxunto de medidas e accións dirixidas á prevención e protección do monte contra os incendios forestais. Estas medidas e accións comprenden a sensibilización, planificación, ordenamento do espazo forestal e agrario, silvicultura, infraestruturas, vixilancia preventiva, detección, combate e control que han levar a cabo as administracións e entidades implicadas no ámbito da defensa contra os incendios forestais.

2. Para os efectos da coordinación das medidas e accións a que se refire a alínea 1 deste artigo, o órgano competente en materia forestal manterá un sistema de xestión dos incendios forestais e levará un rexistro cartográfico e informático das superficies queimadas e das redes de defensa contra os incendios forestais dos distritos.

3. Para integrar toda a información necesaria no sistema referido no número anterior, regularase e normalizarase o sistema de toma de datos, así como as súas fontes e o acceso dos interesados, por orde da consellaría con competencias en materia forestal.

Artigo 5.-Órgano competente.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia a xestión e dirección do sistema de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.

2. As competencias da Xunta de Galicia en materia de incendios forestais serán exercidas polo Consello da Xunta e pola consellaría competente en materia forestal, nos termos previstos nesta lei.

Artigo 6.-Competencias da Comunidade Autónoma7.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia:

a) Establecer a política xeral de prevención e loita contra os incendios forestais.

b) Elaborar e aprobar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, así como os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

c) Establecer as zonas de alto risco de incendio e as épocas de perigo de incendios forestais.

d) Programar e executar actuacións de prevención e loita contra os incendios forestais.

e) Establecer as medidas de prevención e loita contra os incendios forestais que sexa necesario adoptar tanto pola administración como polos particulares e asegurar o seu cumprimento.

f) Xestionar as redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa nos termos desta lei.

g) Ordenar a xestión da biomasa vexetal nos termos dos artigos 20 bis, 21 bis e 22 e consonte os criterios que se establecerán regulamentariamente por orde da consellaría competente en materia forestal.

h) Regular as actividades susceptibles de provocar incendios forestais, así como controlar e autorizar o uso do lume e a realización de actividades xeradoras de risco de incendios forestais nos termos previstos nesta lei.

i) Coordinar as actuacións das administracións públicas e dos particulares nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais e promover mecanismos de participación social nas devanditas tarefas.

j) Proceder á execución subsidiaria ou directa de traballos preventivos nos termos establecidos nesta lei.

k) Inspeccionar a realización efectiva dos traballos incluídos no planeamento preventivo e instruír e resolver os expedientes sancionadores que se é o caso procedan.

l) Velar pola recuperación dos terreos incendiados e polo cumprimento das medidas que para tal efecto se establezan.

m) Desenvolver campañas e actividades de educación e información para a sensibilización da cidadanía no relativo ao combate dos incendios forestais e á persecución das actividades delituosas ou neglixentes que causan os incendios forestais e coordinar a execución destas campañas, con independencia das entidades que as realicen.

n) Promover a divulgación periódica do índice de risco diario de incendio forestal.

ñ) Divulgar as medidas preventivas aconselladas ou obrigatorias, onde se inclúen as referidas nos artigos 31, 35, 36 e 37, así como a súa incidencia territorial.

2. Estas competencias serán exercidas polo Consello da Xunta de Galicia e pola consellaría competente en materia forestal, nos termos establecidos nesta lei.

Artigo 7.-Competencias das entidades locais8.

Correspóndelles aos concellos e a outras entidades locais:

a) Elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, consonte o previsto nesta lei e na lexislación galega de montes, e integralos nos plans de emerxencia municipais, de acordo co previsto na lexislación galega de emerxencias.

b) Adoptar as medidas de prevención de incendios forestais que lles correspondan en terreos da súa titularidade.

c) Colaborar cos medios dispoñibles coa dirección técnica de extinción de incendios forestais.

d) Ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, en consonancia cos artigos 199.2 e 9.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de xeito máis concreto a ordenación e a execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 21, 22 e 23 desta lei, contando para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 desta lei, conforme o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

e) Xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, nos termos desta lei.

Artigo 8.-Cooperación administrativa.

As administracións públicas de Galicia colaborarán entre si e cooperarán nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais, achegando os medios materiais, económicos e humanos á súa disposición nos termos desta lei.

TÍTULO II

Planeamento da defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais

Capítulo I

Elementos básicos do planeamento

Artigo 9.-Épocas de perigo9.

1. En consideración aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume, a consellaría con competencias en materia forestal definirá épocas de perigo alto, medio e baixo, que condicionarán a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia.

2. A consellaría con competencias en materia forestal establecerá as datas correspondentes á época de perigo alto.

Artigo 10.-Índice de risco diario de incendio forestal10.

1. O índice de risco diario de incendio forestal establece, para cada unha das épocas de perigo, o risco diario de ocorrencia de incendio forestal, cuxos niveis son baixo (1), moderado (2), alto (3), moi alto (4) e extremo (5).

2. Para o establecemento do índice de risco diario de incendio forestal terase en conta a conxunción dos seguintes factores: a situación meteorolóxica, o estado da biomasa vexetal e o estado do solo.

3. O índice de risco diario de incendio forestal é elaborado pola consellaría con competencias na materia forestal e será divulgado a través da súa páxina web oficial, debendo esta ser diaria cando o índice de risco diario de incendio forestal fora de niveis alto, moi alto ou extremo, para efectos de aplicación do disposto no artigo 31 desta lei. Neste caso procurarase a difusión tamén a través de medios de comunicación social públicos e privados de ampla difusión en todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

4. O índice de risco diario de incendio forestal establecerase de acordo coa coherencia territorial-climática, e polo menos realizarase para as zonas da franxa atlántica, costa norte e Galicia interior. A delimitación das citadas zonas será establecida por orde da consellaría competente en materia forestal.

Artigo 11.-Zonas de alto risco de incendio11.

1. Para os efectos desta lei, e con base nos criterios da información histórica e dos datos estatísticos sobre a ocorrencia de incendios forestais, vulnerabilidade poboacional, ameazas aos ecosistemas forestais e protección do solo fronte á erosión, determinaranse as zonas de alto risco de incendio forestal existentes no territorio.

2. As zonas de alto risco de incendio forestal son as superficies onde se recoñece como prioritaria a aplicación de medidas máis rigorosas de defensa contra os incendios forestais ante o elevado risco de incendio, pola especial frecuencia ou virulencia dos incendios forestais ou pola importancia dos valores ameazados.

3. Estas zonas serán identificadas e delimitadas a nivel de parroquia e concello no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito regulados nos artigos 14 e 15 desta lei.

4. A planificación das actuacións preventivas e de defensa que se elabore para estas zonas de alto risco de incendio integrarase nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito. A execución dos traballos incluídos nos plans de defensa das zonas de alto risco de incendio será considerada de interese xeral.

5. As zonas de alto risco de incendio serán declaradas por orde da consellaría con competencia en materia forestal.

Artigo 12.- Perímetros de alto risco de incendio12

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 22.5 para as zonas de actuación prioritaria e urxente, por existir unha situación obxectiva de grave risco para as persoas ou os bens nos casos de incumprimento por parte das persoas responsables das súas obrigas de xestión de biomasa vexetal, poderanse declarar perímetros de alto risco de incendios, con carácter non permanente, baseados na información histórica e nos datos estatísticos sobre a ocorrencia de incendios forestais, vulnerabilidade poboacional, ameazas aos ecosistemas forestais e protección do solo fronte á erosión, aqueles lugares en que o estado de abandono signifique un alto risco de propagación de incendios forestais, mediante resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de prevención de incendios forestais, contando cos oportunos informes previos.

2. A resolución conterá, ademais da descrición do perímetro, as medidas de xestión da biomasa que se terán que levar a cabo para a prevención de incendios forestais. Os traballos planificaranse en marxes de pistas, en áreas cortalumes e noutras actuacións encamiñadas a romper a continuidade dos combustibles forestais, actuando sobre a biomasa tanto por medios manuais como mecánicos ou mediante queimas controladas.

3. A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial del Estado e no taboleiro de anuncios do concello en que estea radicado. Ao titular catastral notificaráselle a resolución co perímetro de alto risco de incendio e os labores que deberán realizar os titulares dos predios ou dos seus dereitos de aproveitamento para diminuír o risco de incendios forestais.

4. Os titulares dos predios ou dos dereitos de aproveitamento en que teñan que realizarse os traballos preventivos dispoñerán dun prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da notificación, para realizalos e, no caso de non o faceren, a consellaría con competencias en materia de prevención de incendios poderá realizalos con cargo aos seus orzamentos, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Sen prexuízo do anterior, a Administración autonómica, ao abeiro dos principios de cooperación e colaboración administrativa en prevención e defensa contra incendios, poderá conveniar cos concellos a realización dos citados traballos preventivos, no marco do previsto na normativa vixente, e, en concreto, na lexislación en materia de administración local e na de prevención e defensa contra incendios.

Co obxectivo de promover actuacións de fomento do emprego e, en particular, as ligadas aos programas de formación e práctica profesional, os convenios a que se refire o parágrafo anterior poderán prever a realización dos traballos preventivos a través de obradoiros duais de emprego organizados con tal fin polo concello.

Capítulo II

Planeamento da defensa do espazo rural

Artigo 13.-Planeamento da defensa fronte aos incendios forestais13.

1. O planeamento da defensa fronte aos incendios forestais, de acordo co establecido na lexislación galega de emerxencias, configúrase como un plan especial para facerlles fronte ás emerxencias derivadas dos riscos dos incendios forestais, estruturándose nun nivel galego, de distrito e municipal, así como nun nivel inframunicipal que indicará, neste último, o planeamento dun monte ou dun espazo concreto mediante un instrumento de xestión.

2. O planeamento autonómico, a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, organiza o sistema e define a visión, os eixes estratéxicos, os obxectivos e as accións prioritarias.

3. O planeamento a nivel de distrito forestal, a través dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, caracterízase pola clasificación e organización das accións e dos obxectivos definidos no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia a escala de distrito.

4. O planeamento a nivel municipal integrará nos plans de emerxencia municipais as actuacións de prevención e defensa contra os incendios forestais do municipio, consonte o previsto na lexislación galega de emerxencias.

5. No nivel inframunicipal os instrumentos de xestión terán en conta o establecido nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito e nos plans de emerxencia municipais e, en todo caso, o establecido con carácter xeral no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

6. Os plans previstos neste artigo deberán ser redactados por técnicos competentes en materia forestal.

7. En xeral deberán axustarse aos plans de ordenación de recursos forestais existentes ou, no seu defecto, ao contemplado no artigo 31.6 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Artigo 14.-Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia14.

1. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia reflectirá a política e as medidas para a defensa dos terreos forestais e das áreas de influencia forestal, englobando os plans de prevención, protección, sensibilización, vixilancia, detección, extinción, investigación e desenvolvemento, soporte cartográfico, coordinación e formación dos medios e axentes do servizo, así como unha definición clara de obxectivos e metas por acadar, a programación das medidas e accións, o orzamento e o plan financeiro, así como os indicadores da súa execución.

2. A elaboración do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia correspóndelle á consellaría competente en materia forestal.

A aprobación deste plan correspóndelle ao Consello da Xunta, por proposta da dita consellaría, oído o Consello Forestal de Galicia.

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia integrarase no Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvendo o nivel 0 de emerxencia por incendios forestais.

3. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia debe conter as orientacións básicas para concretar nos plans dos distritos, reflectíndose nos niveis subseguintes do planeamento.

4. Nos anos seguintes á súa aprobación, e mentres manteña a súa vixencia, deberá ser actualizado naqueles aspectos que sufran variacións, sendo incorporadas as ditas modificacións ao documento inicial e aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia.

5. As modificacións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia serán integradas no Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15.-Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito15.

1. O plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito desenvolve as orientacións previstas na planificación establecidas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, concretando a estratexia de distrito.

2. A elaboración, a adaptación e a revisión dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito correspóndenlle á dirección xeral da consellaría competente en materia forestal, e serán aprobados pola persoa titular da dita consellaría.

3. Os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito conteñen as accións necesarias para a defensa contra incendios forestais e, máis alá das accións de prevención e outras medidas previstas en materia de emerxencias, inclúen a previsión e a programación integrada das intervencións das diferentes entidades implicadas no operativo contra incendios forestais.

4. Para a elaboración, coordinación e actualización continua do planeamento do distrito contra incendios forestais estableceranse os mecanismos de participación das diferentes administracións, entidades, asociacións do sector e persoas propietarias afectadas.

En todo caso, será necesario informe previo da consellaría competente en materia de medio ambiente cando o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito afecte espazos protexidos para efectos de adecuar as súas previsións aos plans de ordenación dos recursos naturais.

5. Nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito incluiranse previsións específicas respecto das zonas confinantes entre os diferentes distritos, para asegurar a súa coherencia.

7. A consellaría competente en materia forestal poderá crear e aplicar programas especiais de intervención no ámbito dos plans de prevención e defensa contra incendios forestais de distrito para áreas forestais contiguas a infraestruturas de elevado valor estratéxico e para áreas forestais estratéxicas de elevado valor, de acordo co establecido nos plans de ordenación de recursos forestais. Igualmente, nos ditos plans poderán establecerse zonas de actuación preferente para os efectos de prevención de incendios, para cuxa xestión poderán concertarse convenios de colaboración coa propiedade ou axudas específicas.

8. As áreas referidas no número anterior designaranse por proposta da dirección xeral competente en materia de montes, e por orde da consellaría competente en materia forestal, oída a consellaría con competencias en materia de medio ambiente.

9. Para cada unha das zonas de alto risco de incendio elaborarase un plan específico de defensa, que se integrará no plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito e que, como mínimo, terá en conta:

a) As medidas e os traballos preventivos aplicables a elas. Estes traballos preventivos incluirán devasas, vías de acceso e puntos de auga que deben realizar as persoas titulares dos montes da zona, así como os prazos e as modalidades de execución, sen prexuízo da colaboración coas administracións públicas.

b) Os usos, costumes e actividades que poidan existir na zona e que se manifesten a través da provocación reiterada de lumes ou do uso neglixente do lume.

c) O establecemento e a dispoñibilidade de medios de vixilancia e extinción necesarios para dar cobertura a toda a superficie forestal da zona, coas previsións para o seu financiamento.

d) A regulación dos aproveitamentos e usos que poidan dar lugar a risco de lumes forestais.

Artigo 16.- Planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais16.

1. O planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais integrarase nos plans municipais de emerxencias, consonte o establecido na lexislación galega de emerxencias.

2. A estrutura dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais axustarase ás directrices que estableza a normativa aplicable en materia de emerxencias. En todo caso, incluirá a rede das pistas, vías, camiños, estradas e montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias, así como a análise da propiedade destas redes de faixas. Poderán incluír ordenanzas de prevención de incendios concordantes co obxecto desta lei en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable situado a menos de 400 metros do monte.

3. A dirección xeral competente en materia forestal emitirá informe preceptivamente e con carácter vinculante sobre os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais antes da súa aprobación.

4. Os plans municipais poderán ser aprobados para a totalidade do territorio do concello ou progresivamente por fases.

Os concellos cuxos plans xerais de ordenación municipal (PXOM) estean en trámite de aprobación poderán elaborar os seus plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais baseándose nos devanditos PXOM. Logo da súa aprobación definitiva, os concellos modificarán, de ser necesario, os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais. Con carácter previo á aprobación por parte dos concellos das modificacións introducidas no plan, a dirección xeral competente en materia de prevención de incendios forestais emitirá preceptivamente e con carácter vinculante o seu informe sobre as devanditas modificacións.

5. A coordinación e a xestión do planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais compétenlles aos alcaldes ou alcaldesas. A elaboración, execución e actualización deste planeamento ten carácter obrigatorio.

Artigo 17.-Planeamento inframunicipal e particular de defensa contra os incendios forestais.

1. Todas as iniciativas particulares de prevención e defensa deben estar articuladas e encadradas nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

2. Todos os instrumentos de xestión forestal deben explicitar non só accións de silvicultura de defensa dos montes contra os incendios forestais e das infraestruturas dos terreos forestais senón tamén a súa integración e compatibilización cos instrumentos de planeamento de nivel superior, en concreto os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

3. Os instrumentos de xestión forestal das zonas de ámbito inframunicipal ou particular deben ser presentados, para a súa aprobación, á consellaría competente en materia forestal no prazo de tres meses despois da súa redacción.

TÍTULO III

Actuacións preventivas

Capítulo I

Infraestruturas preventivas

Artigo 18.-Redes de defensa contra os incendios forestais do distrito forestal17.

1. As redes de defensa contra os incendios forestais do distrito concretan territorialmente, e de forma coordinada, o conxunto de infraestruturas e equipamentos vinculados á defensa e loita contra os incendios forestais.

2. As redes de defensa contra os incendios forestais do distrito integran os seguintes compoñentes:

a) Redes de faixas de xestión de biomasa.

b) Rede viaria forestal.

c) Rede de puntos de auga.

d) Rede de vixilancia e detección de incendios forestais.

e) Outras infraestruturas de apoio á extinción».

3. A recollida, rexistro e actualización da base de datos das redes de defensa contra os incendios forestais do distrito deberá ser efectuada pola consellaría competente en materia forestal e integrada no sistema de información xeográfica descrito no artigo 4.2 desta lei.

4. A xestión das infraestruturas a que se refiren as alíneas c), d) e e) deste artigo que sexan titularidade da Comunidade Autónoma poderá ser cedida pola Xunta de Galicia ás entidades locais ou a outras entidades xestoras, consonte o previsto na lexislación patrimonial e no seu regulamento de execución.

5. Decláranse de utilidade pública as infraestruturas e os equipamentos preventivos vinculados á defensa e loita contra os incendios forestais, para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para a súa construción e instalación.

Para o recoñecemento concreto da utilidade pública das infraestruturas e dos equipamentos preventivos, a dirección xeral competente en materia de montes elaborará o proxecto de obras e/ou instalacións, acompañado da relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que se consideren de necesaria expropiación. O proxecto someterase a información pública e solicitaranse os informes sectoriais afectados pola infraestrutura ou equipamento. Concluída a tramitación, a declaración de utilidade pública será acordada pola persoa titular da consellaría competente en materia de montes, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta no caso de oposición por parte doutros organismos sectoriais.

A declaración de utilidade pública levará implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e a imposición de servidumes de paso de enerxía ou outras necesarias para a execución do proxecto e permitirá iniciar o procedemento para a súa urxente ocupación para os efectos previstos na lexislación de expropiación forzosa.

Sen prexuízo do disposto no artigo 11.4 do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, a realización de puntos de auga incluídos na rede de puntos de auga non requirirá título habilitante urbanístico e estará exenta do pagamento de taxas administrativas autonómicas.

Artigo 19.-Normalización das redes de defensa contra os incendios forestais dos distritos.

As normas técnicas e funcionais relativas á clasificación, construción, mantemento e sinalización de vías integrantes da rede viaria forestal, puntos de auga e demais infraestruturas forestais integrantes das redes de defensa contra os incendios forestais dos distritos serán desenvolvidas regulamentariamente por orde do conselleiro ou conselleira competente en materia forestal.

Artigo 20.- Redes de faixas de xestión de biomasa18

1. A xestión da biomasa existente nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal é realizada a través de faixas, situadas en lugares estratéxicos, onde se procede á modificación ou á súa remoción total ou parcial, buscando a rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa presente.

2. As faixas de xestión de biomasa divídense en redes primarias, secundarias e terciarias.

3. As redes primarias de faixas de xestión de biomasa son infraestruturas lineais de prevención e defensa, e localízanse ao longo:

a) Da rede de autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais.

b) Das infraestruturas ferroviarias.

c) Das instalacións de produción de enerxía eléctrica eólicas ou solares, liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, subestacións eléctricas, liñas de transporte e distribución de gas natural, estacións de regulación e medida de gas e depósitos de distribución de gas, e estacións de telecomunicacións.

4. As redes secundarias de faixas de xestión de biomasa teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais.

5. As redes terciarias de faixas de xestión de biomasa localízanse nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal e están vinculadas ás infraestruturas de uso público, así como ás seguintes infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais: camiños, vías, pistas forestais, devasas, faixas auxiliares de pista, áreas cortalumes e outras infraestruturas ou construcións relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais.

6. As especificacións técnicas en materia de defensa do monte contra os incendios forestais relativas a equipamentos forestais e ambientais e de uso social situados en terreos forestais serán definidas mediante orde conxunta das consellarías competentes en materia forestal e de conservación da natureza.

7. Sen prexuízo do disposto nos artigos seguintes, as especificacións técnicas relativas á construción e ao mantemento das redes de faixas de xestión de biomasa desenvolveraas a consellaría competente en materia forestal.

8. Os proxectos de repoboación forestal deberán respectar as faixas de xestión de biomasa previstas neste artigo.

Artigo 20 bis.- Redes primarias de faixas de xestión de biomasa19.

Nos espazos definidos como redes primarias de faixas de xestión de biomasa será obrigatorio para as persoas responsables, nos termos establecidos no artigo 21 ter desta lei:

a) Ao longo da rede de autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais, deberase xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei, nos terreos incluídos na zona de dominio público. Ademais, nos ditos terreos non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

b) Ao longo da rede ferroviaria deberase xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei, nos terreos incluídos na zona de dominio público. Nesta faixa non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

c) Nas instalacións de produción de enerxía eléctrica eólica deberá xestionarse a biomasa na superficie afectada de pleno dominio e voo, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, ao redor de cada aeroxerador de produción de enerxía eléctrica eólica instalado.

Así mesmo, nos camiños interiores das ditas instalacións a xestión da biomasa vexetal, no estrato arbustivo e subarbustivo, farase nos 5 metros desde a aresta exterior do camiño. Neste último suposto, non se exixirá a retirada de árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

Nas liñas de transporte, distribución e evacuación de enerxía eléctrica, sen prexuízo do necesario respecto das especificacións da regulamentación electrotécnica sobre distancia mínima entre os condutores, as árbores e outra vexetación, deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde a proxección dos condutores eléctricos máis externos, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa sectorial vixente. Ademais, nunha faixa de 5 metros desde a estrema da infraestrutura non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

Nas instalacións de produción de enerxía eléctrica solares e nas subestacións eléctricas deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde o último elemento en tensión e desde os paramentos das edificacións non destinadas ás persoas. Ademais, na devandita faixa non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

Se nas subestacións eléctricas existen edificacións destinadas a albergar oficinas, almacéns ou parque móbil, ás devanditas edificacións seralles aplicable o disposto no artigo 21 para as edificacións ou vivendas illadas.

Para todas as instalacións indicadas nesta letra, a xestión da biomasa incluirá a retirada desta por parte da persoa que resulte responsable consonte o artigo 21 ter.

Para estes efectos, a persoa responsable deberá remitir ao taboleiro de edictos do concello un anuncio, con quince días de antelación ás operacións de xestión da biomasa, para os efectos de que os propietarios dos terreos poidan executalas previamente, no caso de estaren interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se fixese a correspondente xestión de biomasa, a persoa responsable estará obrigada á súa realización. No caso de que o propietario do terreo non tivese executada a xestión da biomasa e non lle conceda permiso ao titular da instalación para realizar esta xestión, a persoa titular da instalación deberá comunicalo ao órgano competente en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para a adopción das medidas oportunas, segundo o previsto no artigo 22, por ser de interese xeral evitar a xeración e a propagación de incendios forestais. Desde o momento en que o titular da instalación remita a mencionada comunicación ao órgano competente, será o propietario dos terreos o que pase a ter a condición de persoa responsable para os efectos do previsto nesta lei.

d) Nas conducións de transporte de gas natural deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 1 metro e medio a cada lado do seu eixe.

e) Nas estacións de telecomunicacións deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde as infraestruturas de telecomunicación e desde os paramentos das edificacións non destinadas ás persoas. Ademais, na devandita faixa non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

Nas estacións de telecomunicacións, de existiren edificacións destinadas a albergar oficinas, almacéns ou parque móbil, ás devanditas edificacións seralles aplicable o disposto no artigo 21 para as edificacións ou vivendas illadas.

No caso das estacións de regulación e medida de gas e depósitos de distribución de gas, deberá xestionarse a biomasa tendo en conta a regulamentación derivada da súa normativa específica, sendo en todo caso, como mínimo, unha faixa de 5 metros desde as infraestruturas e desde os paramentos das edificacións non destinadas ás persoas.

Capítulo II

Defensa de persoas e bens

Artigo 21. Redes secundarias de faixas de xestión de biomasa20

1. Nos espazos previamente definidos como redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais será obrigatorio para as persoas que resulten responsables consonte o artigo 21 ter xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, nunha franxa de 50 metros:

a) Perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria quinta.

b) Arredor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte.

c) Arredor das edificacións illadas destinadas ás persoas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

2. Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada no número anterior non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

3. As distancias mencionadas neste artigo mediranse, segundo os casos:

a) Desde o límite do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

b) Desde os paramentos exteriores das edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, ou os límites das súas instalacións anexas.

c) Desde o límite das instalacións no caso dos depósitos de lixo, gasolineiras e parques e instalacións industriais.

d) Desde o peche perimetral no caso dos cámpings.

Artigo 21 bis.- Redes terciarias de faixas de xestión de biomasa21.

Nos espazos previamente definidos como redes terciarias de faixas de xestión de biomasa nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito, que en todo caso se actualizarán incluíndo as infraestruturas preventivas recollidas nos proxectos de ordenación ou de xestión forestal no ámbito do correspondente distrito, será obrigatorio para as persoas responsables, nos termos establecidos no artigo 21 ter desta lei:

a) Xestionar a biomasa vexetal na totalidade da superficie das infraestruturas de uso público ou áreas recreativas, así como nunha franxa perimetral de 50 metros.

b) Xestionar a biomasa vexetal na totalidade das parcelas que se atopen dentro dunha franxa circundante de 50 metros arredor de zonas forestais de alto valor, especificamente declaradas por orde da consellaría competente en materia forestal, consonte o previsto nos criterios para a xestión de biomasa definidos nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

c) Nas vías e nos camiños forestais, a xestión da biomasa vexetal farase, no estrato arbustivo e subarbustivo, na plataforma de rodadura do camiño e nos 2 metros desde a aresta exterior da vía ou do camiño.

d) No resto de infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais (devasas, faixas auxiliares de pista, rozas, áreas cortalumes e outras infraestruturas de prevención e defensa contra incendios forestais), a xestión da biomasa vexetal farase de acordo co planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais dos distritos e deberán recollerse nos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal.

Artigo 21 ter. Persoas responsables22

1. Con carácter xeral, entenderase por persoas responsables:

a) Nos supostos a que se refiren os artigos 21 e 21 bis, as persoas físicas ou xurídicas titulares do dereito de aproveitamento sobre os terreos forestais e os terreos situados nas zonas de influencia forestal en que teñan os seus dereitos.

b) Nos supostos a que se refiren o artigo 20 bis e, de ser o caso, a letra b) do artigo 21 bis, as administracións públicas, as entidades ou as sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión, ou cedida esta en virtude dalgunha das modalidades previstas legalmente, das vías de comunicación, liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, subestacións eléctricas, liñas de transporte e distribución de gas natural e estacións de telecomunicacións.

2. No caso das edificacións ou instalacións destinadas ás persoas rematadas sen licenza, comunicación previa ou orde de execución, ou incumprindo as condicións sinaladas nelas, a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal corresponderalle á persoa propietaria dos terreos edificados, que dispoñerá dunha servidume de paso forzosa para acceder á faixa establecida, ata que transcorra o prazo de caducidade de seis anos que se establece no artigo 153 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Este acceso levarase a cabo durante o tempo estritamente necesario para o labor de xestión da biomasa polo punto menos prexudicial ou incómodo para os terreos gravados e, de ser compatible, polo máis conveniente para a persoa beneficiaria.

A retirada de especies arbóreas será realizada polas persoas propietarias delas.

O cumprimento das obrigas ás que se refire este número, e mentres non transcorra o prazo de caducidade de seis anos que se establece no artigo 153 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, enténdese sen prexuízo do dereito das persoas titulares do dereito de aproveitamento dos terreos gravados pola servidume de paso forzosa ou das persoas propietarias das árbores retiradas a reclamar da persoa propietaria dos terreos edificados, na vía xurisdicional que corresponda, a correspondente indemnización polos danos e perdas sufridos, incluído o lucro cesante.

Transcorrido o prazo de caducidade de seis anos que se establece no artigo 153 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal corresponderalle á persoa responsable que se establece no número 1 deste artigo.

3. En solo urbano, de núcleo rural e urbanizable aplicaranse subsidiariamente os criterios establecidos nos artigos 20 bis, 21, 21 ter, 22 e 23, agás aprobación específica de ordenanza municipal ou na falta dela, que poderá elaborarse de conformidade co artigo 16 desta lei.

Artigo 21 quater. Sistema público de xestión da biomasa dos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa23

1. O sistema público de xestión da biomasa nos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa, como sistema de cooperación entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a entidade do sector público autonómico Seaga, a Fegamp e os concellos que voluntariamente se adhiran ao sistema, ten por fin a prevención de incendios forestais, de modo que se logre a diminución do número de incendios forestais nas zonas de interface urbana, garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral do Estado, as deputacións provinciais, ou calquera outra administración ou entidade do sector público dependentes delas, poderán, se for o caso, participar no sistema público de xestión da biomasa mediante a sinatura do convenio de colaboración a que se refire o número seguinte. Neste suposto, o convenio determinará os termos precisos en que se concretará a colaboración e cooperación da administración ou entidade que se incorpore a el e, en concreto, as súas achegas económicas, para os efectos de contribuír á sustentabilidade financeira do sistema.

2. O sistema público de xestión da biomasa instruméntase a través do correspondente convenio de colaboración, de acordo co previsto neste artigo.

O convenio de colaboración en que se instrumenta o sistema público de xestión da biomasa, baseado nos principios de colaboración e cooperación entre administracións, formalízase ao abeiro do previsto no número 1 do artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014; do regulado na Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, en canto á cooperación e coordinación mediante a subscrición de convenios entre a Administración autonómica e as administracións locais coa finalidade da máis eficaz xestión e prestación dos servizos da súa competencia; así como do disposto nesta lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no que di a respecto da regulación da colaboración coas entidades locais e cooperación administrativa en materia de prevención e loita contra os incendios forestais.

Atendendo ás necesidades de prevención e loita contra os incendios forestais, poderán incluírse no convenio de colaboración, de modo complementario e con cargo ás achegas realizadas pola Administración autonómica, actuacións de execución subsidiarias da súa competencia.

3. O sistema público de xestión da biomasa comprende, nos termos que se estipulan no convenio de colaboración en que se instrumenta, e, en particular, de acordo cos criterios de prioridade que nel se determinan e coas dispoñibilidades orzamentarias existentes, todas ou algunha das seguintes actuacións:

a) A colaboración económica e técnica entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos para garantir a xestión da biomasa das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión da biomasa, e, en particular, para o exercicio das competencias que corresponden aos concellos de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e para a retirada de especies arbóreas prohibidas regulada no artigo 22.

Dentro da colaboración económica e técnica sinalada inclúese, así mesmo, a asistencia técnica e o apoio aos concellos para a tramitación por parte destes dos procedementos de aprobación de plans de prevención e de determinación e delimitación de faixas.

Sen prexuízo do anterior, a colaboración poderá incluír calquera outro tipo de actuacións que teñan por obxecto lograr a finalidade do sistema público de xestión da biomasa nos termos sinalados no número 1 deste artigo, como, entre outras, actuacións de mobilización e recuperación de terras nas faixas secundarias que teñan como obxectivo combater o abandono de áreas rurais e garantir a adecuada xestión da biomasa a medio ou longo prazo.

b) A prestación por parte da Administración autonómica do sistema público de xestión da biomasa nos terreos rústicos incluídos nas faixas secundarias de xestión da biomasa mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares dos terreos.

4. As actividades materiais de xestión da biomasa previstas neste artigo, así como as restantes obrigas de cooperación técnica que a Administración autonómica asuma dentro do sistema público de xestión da biomasa serán xestionadas, se for o caso, de forma directa a través de Seaga, como entidade instrumental pertencente ao sector público autonómico, da forma que se concrete no convenio de colaboración do sistema público de xestión da biomasa. Para tales efectos, Seaga poderá prestar a actividade de xestión da biomasa mediante os seus propios medios técnicos, persoais ou materiais, ou proceder á contratación total ou parcial das obras e actividades materiais precisas, de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público.

Para os efectos de compensación de custos, Seaga percibirá das persoas usuarias do servizo, nos casos en que así proceda, a tarifa prevista no número 7 deste artigo. Nos restantes supostos, Seaga será compensada pola Administración autonómica dos custos derivados da súa actuación nos termos que se sinalen no convenio de colaboración do sistema público de xestión da biomasa.

5. O convenio de colaboración a través do cal se instrumenta o sistema público de xestión da biomasa preverá a adhesión voluntaria de calquera concello da Comunidade Autónoma ao dito convenio, para os efectos de que todos os concellos de Galicia poidan acceder ao sistema e á colaboración correspondente.

6. En todo caso, o previsto neste artigo non afecta nin altera o sistema de distribución de competencias na materia establecido na presente lei, e, en particular, non afecta as competencias atribuídas ás entidades locais, nin supón a súa asunción pola Administración autonómica.

Neste sentido, e para os efectos de colaborar economicamente co sistema, reservarase un subfondo cunha cantidade específica dentro do Fondo de Cooperación Local coa finalidade de contribuír economicamente ao convenio. Estas achegas das entidades locais ao convenio con cargo ao Fondo de Cooperación Local serán as que se determinen para cada anualidade na correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

7. A Administración autonómica realizará a prestación do sistema público de xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa dos concellos adheridos ao convenio mediante a formalización de contratos de xestión de biomasa cos titulares dos terreos.

O servizo público, no marco do sistema público de xestión da biomasa a que se refire este artigo, será prestado pola Administración autonómica nos termos previstos nel, así como no convenio de colaboración correspondente en que se establece o réxime xurídico da actividade prestacional.

As actividades de prestación levadas a cabo pola Administración autonómica no marco do sistema público de xestión da biomasa ás que se refire o parágrafo anterior constitúen un servizo público, de acordo co previsto no número 1 do artigo 33 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía de calidade dos servizos públicos e da boa administración, seralles aplicable a regulación e garantías establecidas na dita lei e serán asumidas como propias pola Administración autonómica e postas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía, para os efectos do previsto na citada Lei 1/2015, do 1 de abril, e con base no convenio de colaboración no que se regula o sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Para os efectos da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión regulado no presente artigo establecerase no convenio unha tarifa que deberán aboar as persoas responsables do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa que formalicen o contrato de xestión a que se refire este número. A tarifa será percibida por Seaga, como prestadora material da actividade, será uniforme para todas as persoas responsables, e será en todo caso inferior aos custos económicos totais das actividades prestadas, tendo en conta o interese público presente na prevención dos incendios forestais. Nos casos de impagamento da tarifa establecida no contrato, será de aplicación o réxime previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de modo que as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade.

Artigo 22. Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas24

1. As persoas que resulten responsables de acordo co artigo 21 ter procederán á execución da obrigación de xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, se é o caso, a retirada de especies arbóreas, de tal modo que se manteña un control da carga de combustible para impedir o risco de incendios forestais e a súa propagación durante todo o ano. Co obxecto de preparación das campañas de prevención dos incendios forestais de cada ano nos períodos de maior risco de incendios, as administracións competentes, coa antelación precisa, intensificarán as súas accións de control co obxectivo de que a xestión da biomasa polos responsables estea concluída, en todo caso, antes de que finalice o mes de maio de cada ano, procurando actuar con preferencia nas zonas de maior risco de incendios forestais.

Con todo, no caso de que nalgún dos catro anos anteriores, as persoas responsables non atendesen a advertencia para o cumprimento das súas obrigacións de xestión da biomasa e retirada de especies, efectuada de acordo co establecido no punto 2, a administración competente realizará as súas accións de control co obxectivo de que a xestión estea concluída, en todo caso, con anterioridade ao primeiro día de abril de cada ano.

Cando pola extensión ou especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou retirada de especies sexa precisa a elaboración dunha planificación anual das actuacións, esta planificación anual terá que ser aprobada polo órgano directivo competente en materia de prevención de incendios, agás no caso de que a infraestrutura sexa de titularidade estatal, caso en que corresponderá a súa aprobación ás autoridades estatais, sen prexuízo das actuacións que se adopten entre ambas as administracións públicas en aplicación dos principios de colaboración e cooperación que establece o artigo 140.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. O órgano directivo competente en materia de prevención de incendios, na aprobación das actuacións de planificación da súa competencia, procurará a súa coordinación coa actuación doutras administracións públicas responsables da xestión da biomasa e retirada de especies respecto de infraestruturas da súa titularidade, especialmente atendendo á seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa.

A xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas realizarase conforme os criterios establecidos mediante orde da consellaría competente en materia forestal.

2. No suposto de incumprimento da obrigación establecida no número anterior, a administración pública competente, de oficio ou por solicitude de persoa interesada, poderá enviar á persoa responsable unha comunicación na que se lle lembrará a súa obrigación legal de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas, e concederáselle para facelo un prazo máximo de quince días naturais, ou de tres meses no caso das faixas laterais das vías de comunicación, contado desde a recepción da comunicación.

Esta comunicación incluirá a advertencia de que, en caso de persistencia no incumprimento transcorrido do devandito prazo, poderanse impoñer multas coercitivas reiteradas cada tres meses, cuxa contía será de 900 euros por hectárea de superficie de parcela non xestionada, ou a parte proporcional se a área for inferior, mentres persista o incumprimento, ou ben proceder á execución subsidiaria a través da realización pola administración das actuacións materiais necesarias, con repercusión dos custos de xestión da biomasa e, de ser o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola administración, nas condicións establecidas neste precepto.

En todo caso, a contía mínima que se impoña por multa coercitiva será de 100 euros, con independencia das hectáreas que integren a superficie da parcela non xestionada. Na comunicación advertirase de que, no caso de execución subsidiaria, o inicio das actuacións materiais necesarias pola administración poderase verificar en calquera momento transcorrido o prazo máximo concedido, dentro dos catro anos posteriores, atendidas as súas posibilidades materiais e orzamentarias de actuación, sempre que se manteña o incumprimento. Unha vez transcorrido este prazo de catro anos, a administración competente deberá reiterar o apercibimento para poder proceder ás actuacións materiais en que consista a execución subsidiaria. Igualmente, incluirase na comunicación que, ante a falta de atención do devandito apercibimento, a administración competente realizará as súas accións de control durante os catro anos seguintes co obxectivo de que a xestión estea concluída, en todo caso, con anterioridade ao primeiro día de abril de cada ano.

A imposición de multas coercitivas ou, de ser o caso, da execución subsidiaria será independente da instrución do procedemento sancionador que se poida levar a cabo, sen prexuízo de que no caso de que a administración opte pola imposición de multas coercitivas estas se substitúan no seu momento polas que se poidan acordar no procedemento sancionador. Para tal fin, na comunicación indicada informarase de que a falta de cumprimento das obrigacións indicadas é constitutiva de infracción administrativa, polo que dará lugar ao comezo do procedemento sancionador que corresponda, no que poderán adoptarse medidas de carácter provisional consistentes en traballos preventivos de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas co obxecto de evitar os incendios forestais e comiso das indicadas especies.

A persoa responsable que reciba a comunicación e apercibimento terá a obriga de poñer en coñecemento do órgano requirente o inicio e a realización dos traballos de xestión. En ausencia da indicada comunicación, a administración poderá considerar os traballos como non realizados mentres non conste proba en contrario.

3. Cando non se poida determinar a identidade da persoa responsable da xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas, cando se ignore o lugar de notificación ou cando, tentada esta, non poida practicarse a notificación da comunicación prevista no número anterior, farase por medio dun anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial del Estado e no taboleiro de anuncios do concello, e conterá os datos catastrais da parcela. Nestes supostos, o prazo para o cumprimento computarase desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

No suposto previsto no parágrafo anterior, a publicación no Diario Oficial de Galicia non supoñerá ningún custo para as entidades locais, sen que poida aplicarse ningunha taxa pola devandita publicación. No caso de que non poida determinarse a identidade da persoa responsable, poderase promover a investigación da titularidade dos inmobles a que se refire o artigo 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, coa aplicación das consecuencias derivadas da tramitación do devandito procedemento.

No marco dos procedementos de investigación da titularidade ou mobilización de terras poderanse adoptar medidas provisionais de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas.

4. Transcorridos os prazos sinalados no número 2 deste artigo sen que conste que a persoa responsable cumprise a súa obrigación de xestión da biomasa e, se é o caso, de retirada das especies arbóreas prohibidas, e sen prexuízo da posibilidade de proceder a unha visita de comprobación, a administración pública competente poderá proceder, sen máis trámite, á realización dos traballos materiais en que consista a execución subsidiaria, atendendo ás necesidades de defensa contra os incendios forestais, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa, sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable.

No ámbito das redes de faixas secundarias, cando as actuacións materiais de execución subsidiaria nas parcelas se agrupen por concellos, parroquias ou núcleos, con carácter previo ao seu inicio, a administración competente deberá publicar un anuncio no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia á que pertence e no taboleiro de anuncios do concello, mediante o que comunicará a previsión de inicio das indicadas actuacións materiais no ámbito territorial que corresponda e que levarán a cabo sobre aquelas parcelas nas que persista o incumprimento de xestión de biomasa. Este anuncio non será necesario nos casos previstos nos números 7 e 8.

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación a que se refire o número 2, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria. A liquidación definitiva aprobarase unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria pola administración actuante que desenvolva as actuacións materiais de execución subsidiaria e será notificada á persoa responsable para o seu pagamento.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela, a administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos aprazarase ao momento en que, se é o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobranza a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas prohibidas, darase traslado da resolución en que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador, o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal será efectuado, nos termos regulados nesta lei, pola administración que realizase a execución subsidiaria.

No caso de venda das especies obxecto de comiso, os importes obtidos deberán aplicarse, por parte da administración que realice tales vendas, a sufragar os gastos derivados das execucións subsidiarias da súa competencia.

5. Alternativamente á execución subsidiaria prevista no número anterior, poderán impoñerse as multas coercitivas previstas no punto 2, mentres persista o incumprimento de xestión da biomasa. Con todo, no caso de que se aprecie unha necesidade sobrevida derivada do risco de incendios, poderase proceder á execución subsidiaria mesmo naqueles supostos nos que previamente se impuxeron unha ou varias multas coercitivas, se tras a súa imposición non se levou a cabo a xestión da biomasa requirida, e sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable. Para a realización desta execución subsidiaria deberá publicarse previamente o anuncio previsto no número anterior, excepto nos casos previstos nos números 7 e 8.

6. Os concellos que dispoñan dun plan de prevención e defensa contra incendios aprobado poderán delimitar, en función da presenza de factores obxectivos de risco, tales como o carácter recorrente da produción de incendios forestais, zonas de actuación prioritaria, nas cales se priorizarán as actuacións de comprobación de xestión de biomasa e, se é o caso, da execución subsidiaria. Da mesma forma, a Administración autonómica poderá priorizar a execución subsidiaria, no marco do sistema público de xestión da biomasa, de acordo cos factores obxectivos de risco de incendios forestais.

7. Poderán delimitarse zonas de actuación prioritaria e urxente, nas cales o incumprimento por parte das persoas responsables das súas obrigas de xestión da biomasa vexetal ou a retirada de especies arbóreas prohibidas na data a que se refire o número 1 habilitará as administracións públicas competentes para proceder de maneira inmediata á execución subsidiaria de tales obrigas, en función da presenza de factores obxectivos de risco tales como o carácter recorrente da produción de incendios forestais na zona. A dita delimitación efectuarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, sobre a base dunha avaliación técnica especializada das zonas que se van delimitar.

Sen prexuízo desta delimitación xeral, cando concorran razóns urxentes derivadas dunha situación obxectiva de grave risco para as persoas ou os bens no caso de que non se efectúe inmediatamente a xestión da biomasa e a retirada de especies prohibidas, as administracións públicas poderán delimitar, mediante resolución, nas faixas da súa competencia, unha ou varias zonas como de actuación prioritaria e urxente co fin de habilitar para proceder de maneira inmediata á execución subsidiaria en caso de incumprimento das obrigacións de xestión da biomasa ou retirada de especies prohibidas por parte das persoas responsables. A delimitación provisional destas zonas de actuación prioritaria e urxente publicarase no Diario Oficial de Galicia e incluirá un apercibimento das consecuencias establecidas nesta lei no caso de aprobación. Transcorridos quince días, a resolución pola que se delimitan as zonas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

8. Con independencia do previsto nos números anteriores, a consellaría competente en materia forestal poderá proceder á execución directa de traballos preventivos nas redes de faixas de xestión de biomasa establecidas nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, sen necesidade de comunicación previa nin de autorización de ningún tipo, cando se declare un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas ou os bens.

9. Nos supostos de execución subsidiaria, a persoa responsable está obrigada a facilitar os accesos necesarios aos suxeitos que acometan os traballos de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas. En todo caso, a Administración e os seus axentes e colaboradores poderán acceder aos montes, terreos forestais e outros terreos incluídos nas faixas de xestión da biomasa para realizar os traballos necesarios de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas, sen que sexa preciso o consentimento do seu titular, salvo naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso en que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa autorización do seu titular.

10. A competencia para efectuar as comunicacións e tramitar os procedementos de execución subsidiaria e multas coercitivas regulados neste artigo corresponde ás entidades locais nos casos de incumprimento do disposto no artigo 21, así como nas faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, e á consellaría competente en materia forestal nos demais casos.

Non obstante, no marco do convenio que regula o sistema público de xestión da biomasa dos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa a que se refire o artigo 21 quater desta lei, poderase prever como fórmula de colaboración, entre outras actuacións, que a consellaría competente en materia forestal asuma a competencia para efectuar as comunicacións, apercibimentos, a imposición de multas coercitivas, as publicacións e o desenvolvemento das actuacións materiais de execución subsidiaria previstas neste precepto. Así mesmo, nos casos de incumprimento do disposto no artigo 21, en que, por razóns técnicas debidamente motivadas, resulte inviable que a Administración local poida realizar a execución subsidiaria, poderán arbitrarse medios de colaboración entre as entidades locais non adheridas ao sistema público de xestión da biomasa e a autonómica para posibilitar a execución subsidiaria. Para estes efectos o convenio poderá prever, entre outras actuacións, as previstas no parágrafo anterior. Os instrumentos de colaboración determinarán igualmente o destino dos fondos que, de ser o caso, se perciban da venda das especies arbóreas.

Nos casos en que a Administración autonómica, no marco do convenio previsto no artigo 21 quater.2 para as redes de faixas secundarias, asuma a consideración de administración actuante e desenvolva as actuacións materiais de execución subsidiaria a través de Seaga, compensará todos os gastos ou custos en que incorra esta sociedade. Para estes efectos, como garantía da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión da biomasa, os custos derivados da execución subsidiaria debidos pola persoa responsable terán a consideración de créditos de dereito público da Administración autonómica, e a súa recadación executiva corresponderá aos órganos competentes desta. De acordo co exposto, nestes casos, a consellaría competente en materia forestal será a encargada de ordenar a execución subsidiaria e, de acordo coa xustificación documental de custos da execución subsidiaria presentada por Seaga, deberá aprobar a liquidación definitiva e notificala á persoa responsable, concedéndolle un período de pagamento voluntario dun mes para o pagamento dos gastos e custos correspondentes á execución subsidiaria, achegando o correspondente documento de ingreso segundo o modelo que aprobe a consellaría competente en materia de facenda. A xestión recadatoria levarase a cabo polos órganos de recadación competentes da Administración autonómica.

11. O incumprimento das obrigas que esta lei establece por parte da persoa propietaria do terreo implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, no caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa que a administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento, e que non lle poida repercutir a aquela por descoñecerse a súa identidade, superen o valor catastral da parcela. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a administración que asumise eses custos con cargo ao seu orzamento terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento do aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades debidas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobranza a favor da Facenda pública. No caso de que a beneficiaria da expropiación for a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia.

Artigo 22 bis25

Artigo 22 ter. Negocios patrimoniais de alleamento da madeira26

1. A venda da madeira procedente de especies arbóreas prohibidas que proceda retirar de acordo co establecido nesta lei rexerase polas seguintes regras e, supletoriamente, pola lexislación patrimonial das administracións públicas.

2. Os negocios xurídicos polos que se venda a madeira, incluíndo a súa corta e retirada a cargo do contratista, terán a consideración de privados.

3. A Administración poderá estipular as cláusulas e condicións precisas, sempre que non sexan contrarias ao ordenamento xurídico ou aos principios de boa administración. En particular, a madeira poderá agruparse en lotes por zonas por razóns económicas e de eficiencia na actuación.

4. Será suficiente a formalización destes negocios xurídicos en documento administrativo.

5. A venda da madeira deberá ir precedida dunha valoración previa para determinar o seu valor de mercado.

6. O órgano competente para allear a madeira será o alcalde, no caso de que a competencia corresponda ao concello, ou a persoa titular da dirección xeral competente en materia forestal da Administración autonómica, no caso de que a competencia corresponda á Administración da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da posibilidade de desconcentración ou delegación.

7. O alleamento da madeira poderá realizarse mediante poxa pública, por concurso ou adxudicación directa. A forma ordinaria de alleamento será a poxa pública. Poderá acordarse a adxudicación directa cando sexa declarada deserta a poxa promovida para o alleamento ou esta resulte errada como consecuencia do incumprimento das súas obrigas por parte do adxudicatario; e cando a valoración da madeira non exceda de 12.000 euros. No procedemento de adxudicación directa deberán solicitarse, polo menos, tres ofertas, sempre que resulte posible.

8. Cando deba procederse á retirada illada de madeira, cando polas súas condicións ou as do terreo en que se atope se poida xustificar tecnicamente que o valor de venda equivale aos custos da súa extracción, poderá adxudicarse directamente a súa retirada e entregar a madeira en compensación dos indicados custos.

No caso de que os custos de extracción superen o valor en venda, a contratación das obras realizarase de acordo coa lexislación de contratos do sector público, e poderase entregar a madeira como parte da contraprestación que deba aboar a Administración. Neste caso, o compromiso de gasto correspondente limitarase ao importe que se satisfaga en diñeiro ao contratista, sen ter en conta o valor da madeira. O prezo que aboe a Administración poderalle ser repercutido á persoa responsable como custo da execución subsidiaria.

Artigo 23. Novas edificacións en terreos forestais e zonas de influencia forestal e medidas de prevención de incendios forestais nas novas urbanizacións27

1. Os instrumentos de planeamento urbanístico deberán ter en conta a avaliación de risco de incendio forestal, no que respecta á zonificación do territorio e ás zonas de alto risco de incendio que constan nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

2. As novas instalacións que se constrúan de acordo coas disposicións que se establezan na súa normativa específica para a construción que lle servirán de base para obter o correspondente título habilitante municipal destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e as vivendas vinculadas a estas, así como as novas urbanizacións e edificacións para uso residencial, comercial, industrial ou de servizos resultantes da execución de plans de ordenación urbanística que afecten zonas de monte ou de influencia forestal, e que non teñan continuidade inmediata coa trama urbana e que resulten estremeiras con monte ou con zonas de influencia forestal, terán que cumprir co disposto no artigo 21.

3. A responsabilidade da xestión da biomasa vexetal corresponderalle á persoa propietaria dos terreos edificados, que dispoñerá dunha servidume de paso forzosa para acceder á faixa establecida. Este acceso levarase a cabo durante o tempo estritamente necesario para o labor de xestión da biomasa polo punto menos prexudicial ou incómodo para os terreos gravados e, de ser compatible, polo máis conveniente para a persoa beneficiaria.

A retirada de especies arbóreas será realizada polas persoas propietarias delas.

O cumprimento das obrigas ás que se refire este número enténdese sen prexuízo do dereito das persoas titulares do dereito de aproveitamento dos terreos gravados pola servidume de paso forzosa ou das persoas propietarias das árbores retiradas a reclamar da persoa propietaria dos terreos edificados, na vía xurisdicional que corresponda, a correspondente indemnización polos danos e perdas sufridos, incluído o lucro cesante.

4. No caso de urbanizacións e edificacións para uso industrial, deberán dispoñer de xeito perimetral dunha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios ou, na súa falta, de tomas de auga, de acordo co que se estableza regulamentariamente na normativa específica para a construción.

5. Os promotores e promotoras de novas edificacións deberán presentar ante a Administración municipal un proxecto técnico de prevención e defensa contra incendios forestais que garanta o cumprimento do que establece esta lei e a normativa que a desenvolva, así como o cumprimento do plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, se é o caso.

6. No caso de incumprimento da xestión da biomasa vexetal, corresponderalle ao concello a súa realización, acudindo á execución subsidiaria de acordo co establecido no artigo 22, sen prexuízo da instrución do correspondente expediente sancionador.

Capítulo III

Silvicultura preventiva

Artigo 24.- Silvicultura preventiva28.

1. A silvicultura preventiva recolle o conxunto de accións no ámbito da defensa dos montes contra incendios forestais e engloba as medidas aplicadas ás masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas, no nivel da composición específica e do seu arranxo estrutural, cos obxectivos de diminuír o perigo de incendio forestal e de garantir a máxima resistencia do territorio á propagación do lume.

2. Os instrumentos de ordenación ou xestión forestal deben explicitar as medidas de silvicultura e da rede de infraestruturas de terreos forestais que garantan a descontinuidade horizontal e vertical da biomasa forestal, no ámbito das orientacións do planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

3. Regulamentariamente desenvolveranse os criterios para a ordenación preventiva do territorio forestal e a súa aplicación nos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal.

Artigo 24 bis.- Depósitos de subprodutos forestais29.

1. Durante os meses de xullo, agosto e setembro, só será permitido o amoreamento en cargadoiro de subprodutos resultantes de corta ou extracción forestal tales como a biomasa forestal residual, estelas e cortiza, sempre que sexa salvagardada unha área sen vexetación cun mínimo de 10 metros arredor.

2. Os depósitos temporais de madeira en rolo quedan expresamente excluídos da aplicación deste artigo.

Capítulo IV

Ordenación preventiva do terreo forestal

Artigo 2530

Artigo 2631

Artigo 2732

Artigo 2833

Capítulo V

Reorganización preventiva do terreo forestal

Artigo 29.-Reorganización da propiedade forestal e fomento das agrupacións de propietarios forestais34.

Co obxecto de garantir a defensa contra os incendios forestais e de facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo, promoverase a reorganización da propiedade forestal e a posta en marcha de agrupacións de propietarios forestais.

Artigo 3035

TÍTULO IV

Condicións de acceso, circulación e permanencia en zonas forestais

Artigo 31.- Limitacións de acceso, circulación e permanencia por razóns de risco de incendios36

1. Durante a época de perigo alto de incendios forestais, definida no artigo 9 desta lei, queda condicionado o acceso, a circulación e a permanencia de persoas e bens nos terreos forestais incluídos:

a) Nas zonas de alto risco de incendio referidas no artigo 11.

b) Nas áreas baixo xestión da Xunta de Galicia sinalizadas para tal fin.

c) Nas áreas onde exista sinalización correspondente á limitación de actividades.

d) As condicións de limitación de acceso e as sinalizacións correspondentes incluídas neste punto para áreas non incluídas en zonas de alto risco desenvolveranse por orde da consellaría competente en materia forestal.

2. O acceso, a circulación e a permanencia de persoas e bens nos terreos e condicións establecidas no punto anterior quedan condicionados nos seguintes termos:

a) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou extremo, non estará permitido acceder, circular e permanecer no interior das áreas referidas no número anterior, así como nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan.

b) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal sexa alto, non estará permitido, no interior das áreas referidas no número anterior, executar traballos que supoñan a utilización de maquinaria sen os dispositivos previstos no artigo 39.

c) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal sexa moderado e alto, todas as persoas que circulen no interior das áreas referidas no número 1 e nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan ou delimitan están obrigadas a identificarse perante os membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, axentes forestais e axentes facultativos medioambientais.

3. Fóra da época de perigo alto, e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moi alto e extremo, non estará permitido acceder, circular e permanecer no interior das áreas referidas no número 1, así como nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan.

4. Fóra da época de perigo alto, e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moderado e alto, a circulación de persoas no interior das áreas referidas no número 1 queda suxeita ás medidas referidas na alínea c) do punto 2 deste artigo.

5. Nas áreas a que se refire a alínea b) do número 1 deste artigo o acceso queda condicionado, ademais, ao sinalado pola consellaría competente en materia de conservación da natureza cando afecte espazos naturais protexidos.

6. O incumprimento das condicións establecidas neste artigo será sancionado consonte o disposto no artigo 67.k) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Artigo 32.- Excepcións37.

1. Constitúen excepcións ás medidas referidas nas alíneas a) e b) do número 2 e no número 3 do artigo 31:

a) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de persoas residentes, propietarias e produtoras forestais e persoas que alí exerzan a súa actividade profesional.

b) A circulación de persoas no interior das referidas áreas sen outra alternativa de acceso ás súas residencias e locais de traballo.

c) O acceso e a permanencia nas áreas recreativas cando estean debidamente equipadas, nos termos da lexislación aplicable.

d) A circulación en autovías e autoestradas, itinerarios principais, itinerarios complementarios e estradas da rede estatal e autonómica.

e) A circulación en estradas de titularidade local para as cales non exista outra alternativa de circulación con equivalente percorrido.

f) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de autoridades e persoal dependente das administracións con competencias en materia forestal, de axentes das forzas e corpos de seguridade das distintas administracións e de autoridades, forzas armadas e persoal de protección civil e emerxencias no exercicio das súas competencias.

g) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de persoal militar en misión intrinsecamente militar.

h) O acceso, a circulación e a permanencia nos predios rústicos de réxime cinexético especial para aqueles cazadores socios das súas sociedades xestoras que participen en actividades cinexéticas autorizadas.

i) O acceso e a permanencia de persoas debidamente acreditadas que desenvolvan ou participen en actividades recreativas, deportivas ou turísticas expresamente autorizadas pola consellaría competente en materia forestal.

2. O disposto no artigo 31 non se aplica, en ningún caso:

a) Ás áreas urbanas e ás áreas industriais.

b) Aos accesos habilitados para tal efecto ás praias fluviais e marítimas.

c) Aos medios de prevención, vixilancia, detección e extinción dos incendios forestais.

d) Á execución de obras de interese público, con tal recoñecemento, baixo a responsabilidade do seu adxudicatario.

e) Á circulación de vehículos prioritarios cando estean en marcha de urxencia.

f) Ás áreas baixo xurisdición militar.

TÍTULO V

Uso do lume

Artigo 33.- Uso do lume38.

Como medida preventiva, prohíbese o uso do lume nos terreos agrícolas, terreos forestais e zonas de influencia forestal definidas no artigo 2 desta lei, agás para as actividades e nas condicións, períodos ou zonas autorizadas pola consellaría competente en materia forestal nos termos desta lei e do que estableza a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 34.- Comunicacións e autorizacións de queimas de restos agrícolas e forestais39.

1. A queima de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas e naqueles terreos situados nas zonas de influencia forestal será comunicada previamente, con carácter obrigatorio, á consellaría competente en materia forestal, nos termos que se fixen regulamentariamente. Queda prohibida a queima de restos agrícolas e de actividades de xardinaría en terreos forestais.

2. A queima de restos forestais amoreados en terreos agrícolas, forestais ou naqueles situados nas zonas de influencia forestal deberá contar con autorización preceptiva da consellaría competente en materia forestal, nos termos que se fixen regulamentariamente. En todo caso, para a concesión da autorización de queima de restos forestais teranse en conta os riscos e a superficie que se solicita queimar.

Artigo 35.-Autorización de queimas controladas40.

1. No caso en que sexa preciso, por razóns de idoneidade técnica, realizar o control da biomasa forestal por medio de queimas controladas, será precisa a autorización da consellaría competente en materia forestal, para o que se terán en conta os riscos derivados da vulnerabilidade do terreo en relación coa erosión, pendente e superficie que se vai queimar.

2. A realización de queimas controladas en terreos agrícolas e forestais e en zonas de influencia forestal só será permitida, nos termos que se establezan regulamentariamente, despois da súa autorización expresa e coa presenza de persoal técnico autorizado para a xestión de queimas controladas e con equipos de extinción de incendios. As autorizacións a que se refire este punto serán outorgadas pola consellaría competente en materia forestal.

3. Sen acompañamento técnico adecuado, a queima controlada será considerada como lume intencionado, para os efectos da graduación da sanción que poida corresponder.

4. A realización de queimas controladas só estará permitida fóra da época de perigo alto e cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo ou moderado.

5. As queimas controladas só poderán ser realizadas de acordo coas normas técnicas e funcionais que se definirán regulamentariamente por orde da consellaría competente en materia forestal.

6. Así mesmo, no caso de que as queimas controladas se desenvolvan en terreos cualificados como espazos naturais protexidos, segundo a normativa sectorial de aplicación, será necesario o informe previo da consellaría competente en materia de conservación da natureza.

Artigo 36.-Outros usos do lume41.

1. Nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, queda prohibido:

a) Realizar fogueiras para recreo ou ocio e para a preparación de alimentos, así como utilizar equipamentos de queima e de combustión destinados á iluminación ou á elaboración de alimentos

b) Queimar matogueiras cortadas e amontoadas e calquera tipo de sobrantes de explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible.

2. Nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moi alto e extremo, manteranse as restricións referidas no número anterior.

3. Exceptúase do disposto na alínea a) do número 1 e no número anterior a preparación de alimentos en espazos non incluídos en zonas de alto risco de incendio sempre que sexa realizada nas áreas expresamente previstas para o efecto, como son as áreas recreativas e outras cando estean debidamente identificadas e conten con infraestruturas adecuadas para tal fin

4. Excepcionalmente, a consellaría con competencias en materia forestal poderá autorizar áreas recreativas incluídas en zonas de alto risco de incendio nas cales se poidan preparar alimentos, sempre que conten cos requisitos, instalacións e equipamentos específicos que se sinalen regulamentariamente.

5. Exceptúase así mesmo do disposto na alínea a) do número 1 e no número anterior o uso de lume nas festas locais ou de arraigada tradición popular, que requirirá autorización previa do concello, na cal figurarán, en todo caso, as medidas de seguridade e prevención de incendios forestais.

6. Exceptúase do disposto na alínea b) do número 1 e no número 2 a queima de restos de explotación debida a exixencias fitosanitarias de carácter obrigatorio e así veña determinado polas autoridades competentes, a cal deberá ser realizada coa presenza dunha unidade dalgún equipo de bombeiros das entidades locais ou dun equipo autorizado pola Xunta de Galicia.

Artigo 37.-Foguetes e outras formas de lume42.

1. En todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, os artefactos que leven aparellado o uso do lume, así como a utilización de fogos de artificio, o lanzamento de globos e doutros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, están suxeitos á autorización previa do respectivo concello, que incluirá as medidas específicas de seguridade e prevención axeitadas. O concello comunicará as autorizacións ao distrito forestal correspondente ao seu ámbito territorial con corenta e oito horas de antelación como mínimo.

No caso de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, o concello non poderá autorizar a utilización de artefactos que leven aparellado o uso do lume, fogos de artificio, globos e artefactos pirotécnicos. Nos casos de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo o día da celebración, entenderanse revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.

Os lanzamentos de fogos de artificio ou artefactos pirotécnicos nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal só poderán ser realizados por persoal autorizado das empresas que figuren no rexistro sectorial desta actividade. Os fogos de artificio e artefactos pirotécnicos deberán empregar materiais ignífugos, ou ben ignifugados.

A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houber lugar no caso de que concorra neglixencia ou imprudencia.

2. Durante a época de perigo alto, as accións de fumigación ou desinfección en panais de abellas non están permitidas, agás no caso de os fumigadores estaren equipados con dispositivos de retención de chispas.

3. Nos terreos forestais, durante a época de perigo alto, non está permitido fumar ou facer lume de calquera tipo no seu interior ou nas vías que os delimitan ou os atravesan.

4. Fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de nivel extremo, mantéñense as restricións referidas no número 1 deste artigo.

5. Fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis alto, moi alto e extremo, mantéñense as restricións referidas nos números 2 e 3 deste artigo.

6. A consellaría competente en materia forestal poderá prohibir todos os usos de foguetes e outras formas de lume se as circunstancias de perigo de incendio así o aconsellan e mentres estas persistan.

Artigo 38.-Limitacións á utilización de explosivos.

O uso, transporte e almacenamento de explosivos para aperturas de estradas, traballos de canteiras, prospeccións mineiras e outras actividades que inclúan o uso dos citados materiais en terreos forestais deberá realizarse segundo as súas normas de seguranza, elaborando un plan de medidas de seguranza e prevención que será remitido para o seu coñecemento á consellaría con competencia en materia forestal.

Artigo 39.-Maquinaria e equipamento43.

1. Durante a época de perigo alto, nos traballos e outras actividades que se leven a cabo en todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal é obrigatorio que os tractores, máquinas e vehículos de transporte pesados que se van utilizar estean provistos de equipamento para a extinción de incendios.

a) Que todo tipo de tractores, máquinas e vehículos de transporte pesados sexan dotados de dispositivos de retención de chispas e de dispositivos antilapas nos tubos de escape.

b) Que os tractores, máquinas e vehículos de transporte pesados que se van utilizar estean provistos de equipamento para a extinción de incendios nos termos que se establezan regulamentariamente.

2. O uso doutra maquinaria non forestal nin agrícola con ferramentas que poidan producir chispas ou soldaduras de calquera tipo precisará da correspondente autorización nos termos que se establezan.

TÍTULO VI

Aproveitamentos no monte

Capítulo I

Cambios de actividade en terreos queimados

Artigo 40.- Cambios de actividade de forestal a agrícola44.

1. Con carácter xeral, o cambio de actividade de forestal a agrícola rexerase polo disposto na Lei de montes de Galicia.

2. No caso de que se produza un incendio forestal, non se autorizará o cambio de actividade de forestal a agrícola ou pasteiro desde a data en que se produza o incendio forestal ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos deste. Soamente de forma excepcional, e atendendo as circunstancias especiais que se determinen regulamentariamente, nos termos previstos no artigo 50.1 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, poderá autorizarse o dito cambio de actividade.

Artigo 4145

Capítulo II

Actividades en terreos queimados

Artigo 42.- Aproveitamento de madeira queimada46.

Os aproveitamentos de madeira queimada, con independencia da especie forestal, requirirán a autorización previa do órgano inferior competente por razón do territorio da consellaría competente en materia forestal. Desenvolveranse regulamentariamente as condicións para a autorización do aproveitamento da madeira queimada por incendios forestais.

Artigo 43.- Limitacións ao pastoreo47.

1. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais, nun prazo mínimo contado desde a data en que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos deste e ata que as adecuadas condicións de restauración da masa arborada, se é o caso, o permitan. Neste caso, precisarase de autorización administrativa, nos termos que se establezan para o efecto.

2. Regulamentariamente poderán preverse excepcións á prohibición establecida no punto anterior, baseadas na acreditación de perdas de difícil reparación pola prohibición ao pastoreo ou na inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal, agás que se trate de superficies arboradas queimadas, ou superficies de parroquias incluídas en zonas declaradas como de alto risco onde, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles.

Artigo 44.- Limitacións á actividade cinexética48.

1. Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período contado desde a data en que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran tres anos deste, agás autorización expresa do órgano competente en materia cinexética, logo do informe favorable da consellaría competente en materia forestal.

2. A falta desta autorización, ou a realización da actividade en condicións distintas ás autorizadas, sancionarase consonte o disposto na lexislación galega en materia cinexética.

Capítulo III

Vixilancia e detección de incendios forestais

Artigo 45.- Vixilancia e detección49.

1. A vixilancia dos terreos forestais e zonas de influencia forestal contribúe á redución do número de incendios forestais, identificando potenciais axentes causantes e disuadindo comportamentos que propicien a existencia de incendios forestais.

2. A detección ten como obxectivo a identificación inmediata e a localización precisa dos incendios forestais e a súa comunicación rápida ás entidades responsables da extinción.

3. A vixilancia e detección de incendios forestais pode ser realizada por:

a) Calquera persoa que detecte un incendio forestal, que está obrigada a alertar de inmediato as entidades competentes.

b) A rede de puntos de vixilancia, dependente dos servizos de defensa contra incendios forestais, que asegura en todo o territorio de Galicia as funcións de detección fixa de incendios forestais.

c) A rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia.

d) A rede de vixilancia móbil, dependente dos servizos de defensa contra incendios forestais.

e) Medios aéreos.

f) Medios das distintas administracións públicas que se establezan a través dos instrumentos de colaboración e cooperación institucional, as agrupacións de defensa contra incendios e o voluntariado social.

Artigo 46.- A rede de puntos de vixilancia50.

1. A rede de puntos de vixilancia está constituída por postos de vixía instalados en edificacións ou instalacións previamente aprobadas pola consellaría competente en materia forestal.

2. A cobertura de detección da rede de puntos de vixilancia pode ser complementada con medios de detección móbiles.

3. A coordinación da rede de puntos de vixilancia correspóndelle á consellaría competente en materia forestal, que establecerá as orientacións técnicas e funcionais para a súa ampliación, redimensionamento e funcionamento.

4. Os postos de vixilancia instalaranse segundo criterios de prioridade fundados no grao de risco de incendio forestal, valor do patrimonio que hai que defender e visibilidade, e serán dotados do equipamento tecnolóxico adecuado ás súas funcións.

5. A instalación de calquera equipamento de comunicación radioeléctrica que poida interferir na calidade das comunicacións da rede de radio dos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais requirirá de informe previo favorable da consellaría competente en materia forestal.

6. Calquera plantación que se realice no espazo de 50 metros arredor dun posto de vixía requirirá igualmente de informe previo favorable da consellaría competente en materia forestal.

Artigo 46 bis.- A rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia51

1. De acordo coa Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, en canto determina o carácter estratéxico para o desenvolvemento económico de Galicia dos recursos forestais galegos e o interese público na conservación das masas forestais, e co disposto nesta lei, tendo en conta a súa finalidade de protexer as persoas e os bens afectados polos incendios forestais, e como instrumento de apoio das redes de vixilancia e detección de incendios forestais que compoñen as redes de defensa contra os incendios forestais de distrito forestal, a Administración autonómica poñerá en marcha a rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia.

2. A rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia incluirá a instalación de sistemas tecnolóxicos de detección de incendios mediante cámaras ópticas nos puntos do monte galego que se determinen, coa finalidade de facilitar as tarefas de vixilancia forestal do monte galego e detección temperá de incendios, así como, no caso de se detectaren lumes, permitir a visualización en directo e o seguimento do avance, condicións e evolución destes a través de medios dixitais e imaxes xeoposicionadas, todo isto como mecanismo de apoio á toma de decisións óptimas polas autoridades e persoal técnico competentes para a mobilización e xestión de medios e asignación e coordinación de recursos para a extinción.

3. A instalación dos sistemas de vixilancia realizarase con preferencia en torres de telecomunicacións e infraestruturas de titularidade da Administración autonómica ou do seu sector público, e priorizando os puntos que permitan a vixilancia forestal das parroquias de alta actividade incendiaria e zonas de alto risco definidas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, todo isto sen prexuízo dos medios persoais e materiais de vixilancia xa existentes.

4. A rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia poderá ir incorporando as diferentes innovacións tecnolóxicas que permita en cada momento a evolución do estado da ciencia e da técnica, como capacidade de visión nocturna e imaxes térmicas, co obxecto de ir mellorando a súa efectividade e eficiencia.

5. A operación da rede corresponderá á consellaría competente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais e o mantemento técnico á entidade do sector público competente en materia de modernización tecnolóxica de Galicia.

6. Na implantación do proxecto adoptaranse todas as medidas técnicas, organizativas e de seguridade que sexan necesarias para asegurar a privacidade e o cumprimento da normativa sobre protección de datos, na medida en que poidan captarse incidentalmente imaxes de persoas identificables. Para estes efectos, establécese como responsable do dito tratamento a consellaría competente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

No marco aludido, aprobaranse medidas como o establecemento de protocolos de uso do sistema por parte do persoal técnico competente, rexistros de accesos da manipulación das cámaras, mecanismos técnicos de encriptación para a conservación das imaxes, limitación de prazos de conservación antes da súa destrución e todas aqueloutras medidas que sexan precisas para o cumprimento das normas sinaladas.

Así mesmo, as imaxes poderán ser postas á disposición da autoridade xudicial e das forzas e corpos de seguridade do Estado nos supostos previstos na normativa aplicable.

Artigo 47.-Sistemas de vixilancia móbil.

1. Os sistemas de vixilancia móbil comprenden as patrullas de vixilancia que a Xunta de Galicia constitúa e outros grupos que para o efecto veñan ser recoñecidos pola consellaría competente en materia forestal.

2. Os sistemas de vixilancia móbil teñen, en concreto, por obxectivos:

a) Aumentar o efecto de disuasión.

b) Identificar os axentes causantes ou supostos de incendios forestais, poñéndoos en coñecemento das autoridades competentes.

c) Detectar incendios forestais en zonas sombra dos postos de vixía.

d) Realizar accións de primeira intervención en lumes incipientes.

3. É competencia da consellaría competente en materia forestal a coordinación das accións de vixilancia levadas a cabo polas diversas entidades ou grupos.

Capítulo IV

Extinción e investigación de incendios forestais

Artigo 48. Extinción, remate, vixilancia, investigación e repercusión de gastos de incendios forestais52.

1. Toda persoa que observe a existencia ou o comezo dun incendio está obrigada a comunicárllelo aos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais, ás forzas e corpos de seguridade do Estado ou aos servizos de protección civil da forma máis rápida posible e, se é o caso, a colaborar, dentro das súas posibilidades, á extinción do incendio

2. A dirección técnica de extinción será realizada por persoal técnico dependente da consellaría competente en materia forestal. As operacións de extinción dos incendios forestais serán realizadas polo persoal pertencente ao Servizo de Defensa contra Incendios Forestais, polo persoal dependente dos servizos de protección civil e por profesionais habilitados para o efecto pola consellaría competente en materia forestal.

3. O sistema de extinción de incendios forestais basearase nunha estrutura de base territorial, profesionalizada e integrada, baixo o mando único da administración competente en materia forestal, a través dos órganos que se especifiquen no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).

4. Poden participar nas operacións de extinción e de remate de incendios forestais, baixo o mando único operativo dependente da consellaría competente en materia forestal:

a) Os vixilantes da natureza das áreas protexidas, as brigadas de comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común e de entidades locais e outros grupos que sexan recoñecidos pola consellaría competente en materia forestal.

b) Os efectivos dos distintos corpos de bombeiros pertencentes ás entidades, mancomunidades, agrupacións de defensa contra incendios forestais e consorcios locais.

c) As persoas propietarias e titulares de dereitos reais e persoais dos terreos forestais cos medios materiais de que dispoñan ou que poidan serlles postos á disposición polos servizos de extinción de incendios baixo as ordes e directrices da administración competente.

d) O persoal dependente dos servizos de protección civil, dos grupos locais de pronto auxilio e doutros vinculados a protección civil.

5. A participación dos medios referidos no número anterior concretarase a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

6. En situacións de emerxencia, cando para a extinción dun incendio forestal for preciso, a persoa directora ou responsable técnica das tarefas de extinción poderá mobilizar os medios públicos e privados para actuar na extinción de acordo cun plan de operacións. Así mesmo, poderá dispoñer, cando sexa necesario e aínda que non se poida contar coa autorización das persoas titulares respectivas, a entrada de equipos e medios en predios forestais, agrícolas ou gandeiros, a circulación por camiños privados, a apertura de brechas en muros ou cercas, a utilización de augas, a apertura de devasas de urxencia e a queima anticipada mediante contralume nas zonas que se considere, dentro dunha normal previsión, que poden ser consumidas polo incendio.

7. Así mesmo, a administración competente poderá proceder á execución directa de traballos preventivos, sen necesidade de requirimento previo, cando se declarase un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas e os bens.

8. Despois do remate dun incendio forestal procederase, en función dos medios dispoñibles, á investigación de causas co obxecto de establecer as circunstancias en que se produciu e identificar e sancionar a persoa responsable da súa autoría. A investigación debe servir tamén para establecer as medidas preventivas para evitar os incendios. Esta investigación será realizada polos axentes forestais especializados ou polas brigadas de investigación de incendios forestais seguindo os protocolos oficiais e procedementos técnicos establecidos.

9. Sen prexuízo das responsabilidades que, de ser o caso, correspondan ás persoas autoras dos incendios forestais, a consellaría competente en materia forestal repercutirá os gastos de extinción, logo da tramitación polo órgano territorial daquela do preceptivo procedemento, con audiencia das persoas interesadas:

a) Ás persoas que resulten responsables consonte o artigo 21 ter cando incumprisen as obrigas de xestión da biomasa vexetal ou retirada de especies arbóreas que lles impón esta lei.

b) Ás persoas que resulten responsables consonte o artigo 21 ter cando incumprisen as distancias mínimas establecidas nesta lei e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou norma que a substitúa.

c) Ás persoas titulares do aproveitamento de predios concentrados ou reestruturados que estean en estado de abandono.

O procedemento para a repercusión dos gastos de extinción iniciarase de oficio, na xefatura territorial correspondente ao municipio en que se produciu o incendio, ou, de seren varios os municipios afectados e isto determinar a competencia de órganos distintos, polo que corresponda ao municipio con maior superficie afectada, sempre que da investigación á que se refire o número anterior se desprenda que os devanditos incumprimentos das persoas responsables ou o estado de abandono dos predios concentrados ou reestruturados influíron na produción, na propagación ou na agravación da intensidade e nos danos provocados polo incendio forestal.

Os gastos repercutiranse ás persoas mencionadas en proporción á contribución dos incumprimentos que lles sexan imputables ou do estado de abandono dos predios concentrados ou reestruturados á produción, á propagación ou á agravación da intensidade e aos danos provocados polo incendio forestal.

A instrución e resolución do procedemento corresponderá ao mesmo órgano territorial competente para inicialo.

10. A inclusión no rexistro cartográfico e informático de superficies queimadas, recollido no número 2 do artigo 4 desta lei, terá efectos de recoñecemento oficial do incendio.

Artigo 49.-Mantemento e restauración dos terreos incendiados.

1. Anualmente, unha vez rematada a época de perigo alto de incendios forestais, a Administración autonómica galega promoverá a elaboración dun mapa de riscos, asociados aos incendios forestais do último período, no que se concretarán as zonas sensibles á erosión, a afección sobre os cursos e recursos hídricos, forestais e pesqueiros e as infraestruturas.

Así mesmo promoverá a adopción de medidas urxentes e de colaboración cos afectados polos incendios forestais para levar a cabo nas zonas de actuación prioritaria e que serán acometidas polos diferentes departamentos ou consellarías competentes na respectiva materia sectorial. Estas medidas urxentes poderán consistir en actuacións para a conservación dos ecosistemas naturais, dos recursos forestais, hídricos e do solo e en medidas destinadas á rexeneración dos terreos, establecendo limitacións ou prohibicións daquelas actividades que sexan incompatibles coa rexeneración da cuberta vexetal.

2. Este mapa de riscos será elaborado por unha comisión de carácter interdepartamental, na que estarán representadas as diferentes consellarías con competencias nos sectores afectados polos incendios forestais. A súa creación, composición e réxime xurídico determinarase regulamentariamente.

3. O Consello da Xunta de Galicia poderá declarar de utilidade pública as ocupacións de infraestruturas ou bens privados que sexan necesarios para a execución das obras de restauración e rexeneración dos terreos queimados, así como para a realización de calquera actuación destinada á protección hidrolóxica para os efectos do previsto na lexislación sobre expropiación forzosa.

TÍTULO VII

Réxime sancionador

Capítulo I

Infraccións e sancións

Artigo 50.-Infraccións en materia de incendios forestais53.

1. Os incumprimentos do disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento serán sancionados consonte o previsto no título VII da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, sen prexuízo das peculiaridades que se contemplan neste título.

2. Ademais das tipificadas no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, constitúen infraccións en materia de incendios forestais:

1) O incumprimento da obriga de xestionar a biomasa consonte o previsto nalgún dos artigos 20 bis, 21, 21 bis, 21 ter, 22 e 23 ou na disposición transitoria terceira desta lei.

2) O incumprimento do procedemento de xestión de biomasa establecido no artigo 22 desta lei, así como o incumprimento dos criterios de xestión de biomasa que se establezan por orde da consellaría competente en materia forestal.

3) O incumprimento das medidas de prevención para as novas edificacións en zonas forestais e de influencia forestal, nos termos do artigo 23.2.

4) A execución de medidas de silvicultura preventiva vulnerando o disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

5)54

6)55

7) O depósito de produtos forestais e produtos inflamables en condicións distintas das previstas no artigo 24 bis desta lei.

8) O emprego de maquinaria e equipamento incumprindo as condicións establecidas no artigo 39.

9) O cambio de actividade sen obter a autorización prevista no artigo 40 ou en condicións distintas ás autorizadas.

10) A práctica do pastoreo nos terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais vulnerando o disposto no artigo 43 desta lei ou incumprindo a autorización prevista nel.

11) O aproveitamento de madeira queimada sen contar coa autorización, ou en condicións distintas ás autorizadas.

12) Repoboacións realizadas a menos de 50 metros arredor dun posto de vixía sen informe favorable da consellaría competente en materia forestal.

13) Acampadas fóra das zonas delimitadas para tal fin.

Artigo 51.-Cualificación das infraccións56.

As infraccións en materia de incendios forestais tipificadas no artigo anterior e no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, cualificaranse como moi graves, graves e leves consonte os criterios previstos no artigo 68 da devandita lei, e ademais os seguintes:

1. Infraccións moi graves:

a) As condutas constitutivas de infracción en materia de incendios forestais cando afecten unha superficie superior a 25 hectáreas arboradas ou máis de 50 hectáreas de matogueira ou matogueira mesturada con arborada.

b) A conduta tipificada no número 2.8 do artigo 50 desta lei cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo.

c) A realización, en época de perigo alto de incendios forestais, de queimas sen a autorización referida nos artigos 34.2 e 35 desta lei en relación coa alínea d) do artigo 67 da Lei 43/2003.

d) A comisión dunha terceira infracción de carácter grave no prazo de dous anos, sempre que, respecto das dúas anteriores, a resolución sancionadora fose firme en vía administrativa. O prazo comezará a contar desde o día en que a primeira resolución sexa firme nesta vía.

2. Infraccións graves:

a) As condutas constitutivas de infracción en materia de incendios forestais cando afecten superficies de 1 a 25 hectáreas arboradas, de 2 a 50 hectáreas de matogueira ou matogueira mesturada con arborada ou máis de 100 hectáreas de terreos dedicados a pastos.

b) As condutas tipificadas no número 2.8 do artigo 50 desta lei, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto.

c) As condutas tipificadas no artigo 50.2.3.

d) A conduta tipificada no número 2.7 do artigo 50.

e) A conduta descrita no número 2.4 do artigo 50, cando as medidas de silvicultura se realicen en terreos incluídos nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa.

f) A conduta prevista na alínea o) do artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

g) A comisión dunha terceira infracción de carácter leve no prazo de dous anos, sempre que, respecto das dúas anteriores, a resolución sancionadora fose firme en vía administrativa. O prazo comezará a contar desde o día en que a primeira resolución sexa firme nesta vía.

h) A conduta tipificada na alínea k) do artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou extremo.

3. Infraccións leves:

a) Constitúen infracción leve as condutas constitutivas de infracción en materia de incendios forestais cando non deban cualificarse como graves ou moi graves.

b) Así mesmo, constitúe infracción leve calquera outro incumprimento total ou parcial doutras obrigas ou prohibicións establecidas nesta lei, na súa normativa de desenvolvemento regulamentario ou na normativa estatal en materia de incendios.

4. Cando na comisión dunha infracción en materia de incendios forestais concorran varios criterios dos especificados nesta lei e na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, para a súa cualificación atenderase ao que resulte de maior gravidade.

Artigo 52.-Criterios para a graduación das sancións57.

1. Para a determinación concreta da sanción que se impoña, entre as asignadas a cada tipo de infracción, tomaranse en consideración, ademais dos criterios establecidos na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, os seguintes, que deberán ser debidamente motivados na instrución do expediente sancionador:

a) A superficie afectada e o valor atribuído a cada tipo de cobertura vexetal.

b) A adopción inmediata e eficaz de medidas tendentes a diminuír o dano ou o prexuízo ocasionado.

c) A falta de acompañamento técnico adecuado na realización de queimas controladas, consonte o previsto no artigo 35.3 desta lei.

d) A diferente consideración da época de perigo, zonas de risco e índice de risco diario de incendio forestal, na data da comisión da infracción, segundo o disposto nos artigos 9, 10 e 11 desta lei.

e) A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.

f) A intencionalidade.

g) A situación de risco xerado para as persoas ou os bens.

h) O ánimo de lucro.

i) Os prexuízos causados e a irreversibilidade destes.

j) A transcendencia social, medioambiental ou paisaxística.

k) A agrupación ou a organización para cometer a infracción.

l) Que a infracción sexa cometida en zona queimada ou declarada como de especial risco de incendios.

m) A reincidencia na comisión dunha infracción das recollidas nesta lei no último ano. O prazo comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución na vía administrativa.

2. En todo caso, poderá reducirse a sanción ou a contía da sanción, a xuízo do órgano competente para resolver segundo o tipo de infracción de que se trate, atendendo as circunstancias específicas do caso, entre elas o recoñecemento e a emenda da conduta infractora e a reparación dos danos causados no prazo que se sinale no correspondente requirimento efectuado ben polo axente denunciante, polo órgano competente para a incoación do expediente sancionador ou polo órgano competente para a súa resolución, ou cando a sanción resulte excesivamente onerosa.

3. Os criterios de graduación recollidos na alínea 2 non poderán utilizarse para agravar a infracción cando estean contidos na descrición da conduta infractora ou formen parte do propio ilícito administrativo.

4. A proposta de resolución do expediente e a resolución administrativa que recaia deberá explicitar os criterios de graduación da sanción tidos en conta. Cando non se considere relevante para estes efectos ningunha das circunstancias enumeradas, a sanción impoñerase na contía mínima prevista para cada tipo de infracción, sen prexuízo do disposto na alínea 2.

Artigo 53.-Sancións accesorias58.

1. O órgano competente para resolver poderá impoñer acumulativamente as seguintes sancións accesorias no ámbito das actividades e proxectos forestais:

a) Privación do dereito a subvencións ou a outros beneficios outorgados polas administracións públicas, polos seus organismos autónomos e polas entidades de dereito público relacionadas coa actividade forestal.

b) Suspensión de autorizacións e permisos a que se refire esta lei.

2. As sancións referidas no número anterior teñen a duración máxima de dous anos contados a partir da firmeza, sexa en vía administrativa ou en vía contencioso-administrativa, da resolución sancionadora.

3. Para os efectos do disposto na alínea 1, a consellaría competente en materia forestal comunicaralles, no prazo de cinco días a partir da firmeza da resolución, a todas as entidades públicas responsables da concesión de subvencións e outros beneficios a aplicación desta sanción accesoria.

4. O órgano competente para resolver impoñerá acumulativamente, de ser o caso, a sanción accesoria de comiso definitivo da madeira correspondente ás especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración no caso das execucións subsidiarias realizadas consonte o establecido no artigo 22 desta lei. Se a madeira se tiver vendido de acordo co establecido no dito artigo, o comiso referirase ao produto obtido pola súa venda, ao cal deberá darse o destino previsto nesta lei.

Artigo 53 bis.- Multas coercitivas e execución subsidiaria59.

1. Se os infractores non proceden á reparación ou á indemnización, de acordo co establecido nesta lei, e logo de transcorrido o prazo sinalado no requirimento correspondente, a persoa instrutora do procedemento ou o órgano encargado da resolución poderá acordar a imposición de multas coercitivas ou a execución subsidiaria.

2. As multas coercitivas serán reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, e a contía de cada unha das ditas multas non superará o 20 % da multa fixada pola infracción cometida.

3. A execución subsidiaria da reparación ordenada será á custa do infractor.

Capítulo II

Procedemento sancionador

Artigo 54.- Competencia sancionadora60.

1. Será competente para incoar o procedemento sancionador para as infraccións cometidas en terreos agrícolas, forestais e de influencia forestal a persoa titular da xefatura territorial da consellaría con competencias en materia forestal por razón do territorio en que se cometeu a infracción ou daquel con maior superficie afectada.

2. Serán competentes para a resolución dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei e incoados no ámbito da consellaría con competencia en materia forestal:

a) A persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

b) O órgano competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellaría que teña asignada a competencia en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei, por ausencia de ordenanzas municipais ao respecto, para as infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, será competencia do correspondente concello. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves, graves ou moi graves corresponderalle á persoa titular da alcaldía, de conformidade co establecido no número 3 do artigo 21 ter.

Artigo 55. Prazo de resolución61.

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de nove meses, contados desde a data de inicio do procedemento administrativo sancionador, que corresponde coa data do acordo de incoación. Despois de transcorrer este prazo sen que se notifique a resolución, producirase a caducidade deste, co arquivo das actuacións, sen prexuízo da obriga de ditar a correspondente resolución.

2. No caso de que o procedemento se suspenda ou paralice por causas imputables ao interesado, interromperase o cómputo do prazo para resolver.

3. De conformidade co disposto pola lexislación básica do procedemento administrativo, o órgano competente para resolver, de oficio ou por instancia da persoa instrutora, pode acordar, mediante resolución motivada, unha ampliación do prazo de aplicación que non exceda a metade do prazo inicialmente establecido. A dita resolución debe ser notificada á persoa interesada antes do vencemento do prazo de caducidade establecido nesta lei.

4. A caducidade do procedemento non produce por si mesma a prescrición da infracción.Malia o anterior, os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición.

Artigo 55 bis. Procedemento sancionador especial para determinadas infraccións en materia de incendios forestais62

1. Non obstante o disposto no artigo 54.1 en canto á incoación do procedemento sancionador, as denuncias formuladas polos axentes forestais, axentes facultativos medioambientais e polos membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, así como polo resto dos membros dos corpos e forzas de seguridade no exercicio das súas funcións, sempre que sexan notificadas no acto ao denunciado, constituirán o acordo de inicio do procedemento sancionador no caso da comisión das seguintes infraccións:

a) O emprego de maquinaria e equipamento cando incumpra as condicións establecidas no artigo 39, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, contida no artigo 50.2.8 en relación co artigo 51.1.b).

b) A realización, en época de perigo alto de incendios forestais, de queimas sen autorización reguladas nos artigos 34.2 e 35 en relación co artigo 51.1.c).

c) O emprego de maquinaria e equipamento cando incumpra as condicións establecidas no artigo 39, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto, contida no artigo 50.2.8 en relación co artigo 51.2.b).

d) O depósito de produtos forestais e produtos inflamables en condicións distintas das previstas no artigo 24 bis desta lei, conforme o disposto no artigo 50.2.7 en relación co artigo 51.2.d).

e) O tránsito ou a permanencia en camiños ou zonas forestais onde exista prohibición expresa en tal sentido cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou extremo, consonte o disposto no artigo 67.k) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación cos artigos 31 e 51.2.h) desta lei.

f) No suposto das seguintes condutas, sempre que sexan constitutivas de infracción leve:

– O emprego de maquinaria e equipamento cando incumpran as condicións establecidas no artigo 39, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo, moderado ou alto, consonte o disposto no artigo 50.2.8 en relación co artigo 51.3.a) desta lei.

– A realización, en época de perigo medio ou baixo de incendios forestais, de queimas sen autorización reguladas nos artigos 34.2 e 35 en relación co artigo 51.3.a) desta lei.

– O tránsito ou a permanencia en camiños ou zonas forestais onde exista prohibición expresa en tal sentido cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo, moderado ou alto, consonte o disposto no artigo 67.k) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación cos artigos 31 e 51.3.a) desta lei.

– Acampadas fóra das zonas delimitadas para tal fin.

2. Nestas denuncias deberá constar:

a) A identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables.

b) O domicilio que, se é o caso, indique o interesado para os efectos de notificacións.

c) Unha descrición sucinta dos feitos que motivan a incoación do procedemento, con expresión do lugar, data e hora, así como da súa cualificación.

d) A sanción que puider corresponder así como a obriga de reparar os danos e perdas ocasionados ou, en defecto diso, de indemnizalos nos termos previstos na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, sen prexuízo do que resulte da instrución.

e) O numero de identificación profesional do axente da autoridade.

f) A unidade instrutora do procedemento e o réxime de recusación aplicable.

g) O órgano competente para impoñer a sanción consonte o disposto nesta lei.

h) A indicación de que a dita denuncia inicia o procedemento sancionador e de que o seu destinatario dispón dun prazo de vinte días para formular as alegacións e/ou propoñer as probas que xulgue convenientes. No caso de infracción leve indicarase así mesmo ao denunciado a posibilidade de aboar a multa no prazo de vinte días cunha redución do 50 % da súa contía, o que determinará a conclusión do procedemento sancionador.

i) As medidas de carácter provisional que adopte o axente denunciante, sen prexuízo das que se poidan adoptar durante a tramitación do procedemento sancionador.

3. No prazo máximo de sete días, contados desde o seguinte ao acordo de inicio do procedemento, a persoa titular da xefatura territorial da consellaría con atribucións en materia de incendios forestais que corresponda por razón do territorio no que se cometese a infracción designará a persoa física que asumirá a instrución do procedemento e resolverá sobre o mantemento, modificación ou levantamento das medidas provisionais adoptadas polo axente na denuncia. Do dito acordo darase traslado ao denunciado para os efectos da posibilidade de interpoñer recurso de alzada respecto da decisión adoptada sobre as medidas provisionais así como, de ser o caso, para os efectos da recusación respecto da designación do instrutor.

4. No suposto das infraccións leves indicadas na letra f) do primeiro punto, transcorrido o prazo de vinte días sen que o denunciado formulase alegacións e/ou propuxese proba, ou sen que realizase o pagamento voluntario da sanción, a denuncia considerarase proposta de resolución. Desta daráselle traslado ao órgano competente para resolver, que ditará resolución no prazo de tres días desde a recepción da proposta de resolución e do resto da documentación.

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de dous meses contados desde o día seguinte ao da denuncia do axente.

5. Nos demais casos, recibidas as alegacións e propostas de proba ou transcorrido o prazo de vinte días concedido para o efecto, o órgano instrutor poderá acordar a práctica de proba, e poderá solicitar neste momento os informes precisos para a gradación da sanción de acordo cos criterios indicados no artigo 52 desta lei.

Finalizada, se é o caso, a proba, o instrutor formulará proposta de resolución na que se concretarán os feitos probados, a súa cualificación xurídica, a infracción que aqueles constitúan e a persoa ou persoas responsables, e propoñerase a sanción que deba impoñerse coas sancións accesorias que nese caso procedan. Na proposta de resolución incluiranse así mesmo a forma e as condicións en que o infractor debe reparar o dano causado coa determinación da contía da indemnización que de ser o caso proceda aboar ao abeiro do previsto na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

A proposta de resolución notificaráselles aos interesados, e concederáselles un prazo de quince días para formular alegacións e presentar os documentos que estimen pertinentes. Transcorrido o dito prazo, o órgano instrutor remitirá a proposta de resolución con todos os documentos, alegacións e informacións que obren no expediente ao órgano competente para resolver o procedemento.

O órgano competente para resolver, sen prexuízo da facultade de acordar a práctica de actuacións complementarias prevista no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, ditará resolución no prazo de dez días desde a recepción da proposta de resolución e do resto da documentación.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de seis meses contados desde a data da denuncia.

7. As denuncias que non puidesen ser notificadas no momento da denuncia á persoa denunciada remitiranse no prazo máximo de sete días á persoa titular da xefatura territorial da consellaría con atribucións en materia de incendios forestais que corresponda por razón do territorio no que se cometese a infracción para a súa tramitación ordinaria.

En todo caso, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento sancionador que se siga por calquera das infraccións descritas no punto 1 deste artigo será de seis meses contados desde a data do acordo de incoación.

TÍTULO VIII

Incentivos

Artigo 56.-Obxecto dos incentivos.

Os incentivos previstos nesta lei poderán destinarse, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, á realización de traballos e á adopción de medidas de prevención e loita contra incendios forestais, sexan ou non esixibles ao abeiro do disposto nesta lei e demais disposicións aplicables. Así mesmo, poderán outorgarse para contribuír á recuperación e restauración de zonas incendiadas; nese caso a concreción do destino dos incentivos será determinada pola consellaría competente en materia forestal.

Artigo 57.-Clases de incentivos.

1. Os beneficios outorgables ao abeiro da lei poderán consistir en calquera dos previstos na normativa de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como calquera outro que, en desenvolvemento desta lei, puidese establecerse.

2. As medidas que poidan ser financiadas de acordo con esta lei estableceranse regulamentariamente.

Artigo 58.-Persoas beneficiarias63.

1. Terán acceso aos beneficios previstos nesta lei todas as entidades e persoas físicas ou xurídicas, de carácter público ou privado, e as comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común, xa sexan propietarias ou titulares de terreos ou explotacións forestais ou sexan titulares dun dereito persoal ou real sobre eles.

2. Terán preferencia na asignación de incentivos aqueles titulares de terreos forestais que teñan subscrito un seguro forestal ou dispoñan de instrumentos de ordenación ou de xestión forestal, debidamente aprobados de acordo co disposto nesta lei, e os propietarios que teñan un seguro de incendios.

Artigo 59.- Colaboración coas entidades locais64.

1. A Xunta de Galicia colaborará coas entidades locais para a prevención e a extinción de incendios, ben a través de medios propios ben por medio de mecanismos de apoio económico.

2. A Xunta de Galicia incluirá nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dotacións económicas para o asinamento de convenios de colaboración cos concellos para a redacción dos plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais nos termos establecidos no artigo 16 e para a realización de traballos preventivos nas vías e montes de titularidade municipal e na xestión da biomasa das parcelas de propietario descoñecido, determinadas en análises da propiedade de conformidade co establecido no artigo 16.2, e co fin de que poidan ter recursos para exerceren as competencias previstas nela consonte o artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.

No suposto de autorizacións relativas ás condicións de acceso, circulación e permanencia en zonas forestais, ou de que a realización de aproveitamentos agrícolas, gandeiros ou forestais no monte se desenvolvan en terreos cualificados, segundo o artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como espazos naturais protexidos ou se atopen delimitados dentro de hábitats para a conservación de aves silvestres, conforme prevé a Directiva 79/409/CEE, do Consello, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación de aves silvestres, e o Real decreto 439/1980, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo nacional de especies ameazadas, esixirase ademais informe previo da consellaría competente en materia de medio ambiente.

Segunda65.

1. Para os efectos de poder intervir axeitadamente na investigación específica das causas dos incendios forestais, a consellaría competente en materia forestal levará un rexistro actualizado onde consten todas as investigacións iniciadas por axentes da autoridade pola provocación ou tentativa de provocación de incendios forestais. Para estes efectos, as distintas administracións deberán comunicar o estado de tramitación dos expedientes xudiciais ou sancionadores, así como, no caso de remate deles, cal foi o resultado das actuacións.

2. Regulamentariamente estableceranse as disposicións relativas á estrutura, ao funcionamento, ás comunicacións e á xestión do devandito rexistro.

Terceira66.

1. Determínanse as seguintes especies para os efectos da xestión da biomasa vexetal e da ordenación das repoboacións forestais, nos termos establecidos nesta lei:

[figura]

2. En todo caso, poderán conservarse árbores das especies sinaladas no número anterior en calquera clase de terreos incluídos nas redes primarias e secundarias de xestión de biomasa no caso de se tratar de árbores senlleiras ou aquelas que cumpran funcións ornamentais ou que se localicen en zonas recreativas (sempre que se manteña unha descontinuidade horizontal e vertical do combustible) ou se atopen illadas e non supoñan un risco para a propagación de incendios forestais.

3. Non lles serán aplicables as obrigas da xestión da biomasa establecidas nesta lei ás frondosas non incluídas na listaxe do número 1.

Cuarta67.

Os procedementos de autorización regulados nesta lei para actividades de servizos que se vaian realizar en montes demaniais deberán respectar os principios de publicidade, obxectividade, imparcialidade e transparencia. Aplicarase, ademais, o principio de concorrencia competitiva nos seguintes supostos:

a) Cando se trate dunha actividade de servizos que promova a administración xestora do monte conforme os instrumentos de planificación e xestión deste.

b) Cando o exercicio da actividade exclúa o exercicio doutras actividades por terceiros.

Os criterios nos que se baseará a autorización para a realización de actividades de servizos estarán directamente vinculados á protección do ambiente.

A duración das devanditas autorizacións será limitada de acordo coas súas características e non dará lugar á renovación automática nin á vantaxe a favor do anterior titular ou das persoas especialmente vinculadas con el.

Quinta.

As referencias á Consellería de Medio Ambiente contidas nos artigos 3.2, número 2; 15.4, número 2; 15.8, 31.5, 34.2 e na disposición adicional primeira desta lei entenderanse feitas á consellaría competente en materia de conservación da natureza.

Disposición adicional quinta engadida por disposición derradeira primeira, apartado corenta e nove, da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Disposición adicional sexta.- Informes sectoriais por cambio de uso68

Os informes sectoriais dos servizos competentes en materia de incendios forestais solicitados por cambios de usos dos montes comprobarán exclusivamente se a zona forestal na que se propón o cambio de uso foi afectada por incendios forestais.

Disposiciones transitorias

Primeira.-

Esta lei non será de aplicación á elaboración, alteración e revisión dos plans xerais de ordenación municipal que, á entrada en vigor dela, iniciasen o trámite de información pública.

Segunda.-

En tanto non se publique a normativa de desenvolvemento desta lei, permanecerá en vigor o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, naqueles aspectos que non contradigan esta lei.

Terceira69.-

1. Mentres non se definan as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, serán directamente aplicables as obrigas derivadas do disposto no artigo 21.

2. En canto non se definan as redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa, consonte o disposto nesta lei, no Plan de defensa contra os incendios forestais de distrito, serán directamente aplicables as obrigas derivadas do disposto nos artigos 20 bis e 21 bis, agás a obriga establecida na alínea d) do artigo 20 bis, para cuxo cumprimento as persoas responsables dispoñerán do prazo dun ano para adaptarse ao disposto nela.

Cuarta70.-

1. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito deberá adaptarse ao disposto nesta lei no prazo de dezaoito meses desde a súa entrada en vigor.

2. Os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais deberán adaptarse ao disposto nesta lei nun prazo de cinco anos desde a súa entrada en vigor.

Quinta.- Xestión da biomasa en solos non urbanizados71

A xestión da biomasa existente nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal da rede secundaria de faixas na contorna do solo urbanizable non será preceptiva ata que se desenvolva ese ámbito a través dun plan parcial e se aprobe definitivamente o proxecto de urbanización correspondente.».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións que contraveñan o disposto nesta lei.

Disposición derradeira

Primeira.-

A regulación contida nesta lei entenderase sen prexuízo do disposto na lexislación galega de emerxencias.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento regulamentario e a aplicación desta lei.

Sen prexuízo do anterior, e en atención ás circunstancias de cada ano que poidan supoñer un incremento do risco de incendio, a consellería competente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais poderá modificar, mediante orde, as datas indicadas nos apartados 1 e 2 do artigo 22 desta lei.7273

Terceira.-

Esta lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de abril de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 74, do 17 de abril de 2007.

2 Apartado 1) do artigo 1 derrogado por disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

3 Artigo 2 obxecto de numerosas modificacións: 1) Apartado 21 do artigo 2 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un, da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 250, do 30 de decembro de 2010); 2) Redacción dos apartados 1 parágrafo segundo, 13, 20 e 25 do artigo 2 dada pola disposición derradeira primeira, apartados un, dous, tres e 4 respectivamente, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012); Apartados 19 e 22 do artigo 2 derrogados por disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012); 3) Nova redacción dos apartados 1 e 13 do artigo 2 dada polo artigo 17, apartado un e apartado dous, respectivamente, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, do 28 de decembro de 2017).

4 Apartado 19 do artigo 2 derrogado por disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

5 Apartado 21 do artigo 2 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un, da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 250, do 30 de decembro de 2010).

6 Apartado 22 do artigo 2 derrogado por disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

7 Nova redacción dos apartados 1.f) e g) do artigo 6 dada pola disposición derradeira primeira, apartado cinco, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

8 Redacción dos apartados a), d) e e) do artigo 7 dada pola disposición derradeira primeira, apartado seis, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

9 Redacción do apartado 2 do artigo 9 dada pola disposición derradeira primeira, apartado sete, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

10 Redacción do apartado 2 do artigo 10 dada pola disposición derradeira primeira, apartado oito, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

11 Redacción do artigo 11 dada pola disposición derradeira primeira, apartado nove, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

12 Artigo 12 obxecto de varias modificacións sucesivas: 1) Artigo 12 derrogado por disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012); 2) Nova redacción do artigo 12 dada polo artigo 20, apartado un, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018); 3) Redacción do apartado 4 do artigo 12 dada polo artigo 17, apartado un, Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, 27 de decembro de 2019); 4) Nova redacción do artigo 12 dada polo artigo 13, apartado un, da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro , de medidas fiscais e administrativas para o ano 2021 (DOG num.19, do 29 de xaneiro de 2021).

13 Redacción do apartado 6 do artigo 13 dada pola disposición derradeira primeira, apartado dez, da Lei 7/2012, do 28 de xuño , de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

14 Redacción dos apartados 1, 2 e 5 do artigo 14 dada pola disposición derradeira primeira, apartado once, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

15 Redacción dos apartados 2 e 7 do artigo 15 dada pola disposición derradeira primeira apartado doce, apartado 6 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

16 Artigo 16 obxecto de sucesivas modificacións: 1) Redacción do apartado 2 do artigo 16 dada pola disposición derradeira primeira, apartado trece, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012); 2) Nova redacción do apartado 2 do artigo 16 dada polo artigo 17, apartado tres, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, 28 de decembro de 2017); 3) Nova redacción do artigo 16 dada polo artigo 20, apartado dous, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018); 4) Redacción do apartado 4 do artigo 16 dada polo artigo 13, apartado dous, da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, , de medidas fiscais e administrativas para o ano 2021 (DOG num.19, do 29 de xaneiro de 2021).

17 Modificacións do artigo 18: 1) Redacción dos apartados 2 e 4 do artigo 18 dada pola disposición derradeira primeira, apartado catorce, da Lei 7/2012, do 28 de xuño; 2) Apartado 5 do artigo 18 engadido polo artigo 20, apartado tres, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm 247, do 28 de decembro de 2018).

18 Modificacións do artigo 20: 1) Redacción do artigo 20 dada pola disposición derradeira primeira, apartado quince, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012); 2) Redacción da letra c) do apartado 3 do artigo 20 dada polo artigo 17, apartado catro, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, 28 de decembro de 2017); 3) Nova redacción do apartado 3, letra c), do artigo 20 dada polo artigo 20, apartado catro, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

19 Artigo 20 bis engadido por disposición derradeira primeira apartado dezaseis, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012). Modificacións sucesivas do artigo 20 bis: 1) Redacción das letra c) e e) do artigo 20 bis dada polo artigo 17, apartados cinco e seis, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, 28 de decembro de 2017); 2) Nova redacción do artigo 20 bis dada polo artigo 20, apartado cinco, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018); 3) Redacción do apartado c) do artigo 20 bis dada polo artigo 13, apartado tres, da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas para o ano 2021 (DOG num.19, do 29 de xaneiro de 2021).

20 Modificacións sucesivas do artigo 21: 1) Redacción do artigo 21 dada pola disposición derradeira primeira, apartado dezasete, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012); 2) Nova redacción do artigo 21 dada polo artigo 17,apartado sete, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, 28 de decembro de 2017); 3) Redacción do apartado 1, letras a), b) e c), do artigo 21 dada polo artigo 20, apartado seis, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

21 Artigo 21 bis engadido pola disposición derradeira primeira, apartado dezaoito, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

22 Artigo 21 ter engadido por disposición derradeira primeira, apartado dezanove, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012). Modificacións do artigo 21 ter: 1) Redacción do artigo 21 ter dada polo artigo 17, apartado oito, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, 28 de decembro de 2017); 2) Redacción do apartado 2 do artigo 21 ter dada polo artigo 20, apartado sete, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

23 Artigo 21 quater nova redacción por artigo 17, apartado dous, da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

24 Modificacións sucesivas do artigo 22: 1) Redacción do artigo 22 dada pola disposición derradeira primeira, apartado vinte, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).; 2) Nova redacción do artigo 22 dada polo artigo 17, apartado nove, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, 28 de decembro de 2017); 3) Redacción do apartado 3 do artigo 22 dada polo artigo 20, apartado oito, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018); 4) Nova redacción do apartado 3 do artigo 22 dada polo artigo 13, apartado catro, da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas para o ano 2021 (DOG num.19, do 29 de xaneiro de 2021). Por Resolución de 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas entre os que se encontra o artigo 14, que modifica este artigo 22 da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, e a súa Disposición final segunda. 5) Redacción vixente do artigo 22 dada polo artigo 21 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG Núm. 248, do 30 de decembro de 2022).

En relación con este precepto, téñanse en conta as previsións das disposicións adicionais terceira e cuarta da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG Núm. 248, do 30 de decembro de 2022):

“Disposición adicional terceira. Adaptación do convenio do sistema público de xestión da biomasa

1. A consellaría competente en materia forestal promoverá a adaptación ás modificacións introducidas por esta lei do convenio de colaboración para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e Seaga.

2. Unha vez formalizado e publicado o convenio adaptado a esta lei, os concellos que desexen deixar de estar adheridos a el terán un prazo de dous meses para manifestalo por escrito e desistir da súa adhesión voluntaria, para o cal deberán remitir comunicación á consellaría competente en materia forestal e á Federación Galega de Municipios e Provincias. Caso de que, transcorrido este prazo, non realicen a dita comunicación, o convenio seralles aplicable en todos os seus termos.

3. Con independencia da adaptación do devandito convenio que se realice de acordo co número 1, desde o momento da entrada en vigor da presente disposición, a consellaría competente en materia forestal poderá acordar a asunción das competencias previstas no número 10 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, logo da aprobación por escrito do correspondente concello.

Disposición adicional cuarta. Concellos que non dispoñan dun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobado

Os concellos que, na data da entrada en vigor desta lei, non dispoñan dun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobado, dispoñerán dun prazo de dezaoito meses para a súa aprobación, contados desde esa data.

Transcorrido o prazo previsto no parágrafo anterior, caso de que non se aprobase o citado plan, o concello non poderá adherirse ao convenio previsto no artigo 21 quater.2 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e, de estar xa adherido, suspenderase a súa adhesión ata que se produza a aprobación do plan”.

Adicionalmente, téñase en conta a Disposición Transitoria Terceira da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas:

“Disposición transitoria terceira. Comunicacións e apercibimentos realizados con base nos números 2 e 3 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

As comunicacións e apercibimentos realizados antes da entrada en vigor desta lei, con base nos números 2 e 3 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, na súa redacción vixente á entrada en vigor desta disposición, habilitarán a administración competente para realizar as actuacións materiais de execución subsidiaria dentro dos catro anos posteriores á notificación dos apercibimentos, de acordo co réxime previsto nesta lei. Unha vez transcorrido este prazo de catro anos, a administración competente deberá reiterar o apercibimento para poder proceder ás actuacións materiais en que consista a execución subsidiaria.”

25 Artigo 22 bis engadido polo artigo 17, apartado dez, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, 28 de decembro de 2017). Artigo 22 bis suprimido polo artigo 17, apartado tres, da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

26 Artigo 22 ter engadido polo artigo 17, apartado once, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, do 28 de decembro de 2017).

27 Modificacións do artigo 23: 1) Redacción do artigo 23 dada pola disposición derradeira primeira, apartado vinte e un, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012); 2) Nova redacción do artigo 23 dada polo artigo 17, apartado doce, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, 28 de decembro de 2017); 3) Redacción do artigo 23 dada polo artigo 20, apartado nove, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

28 Redacción do artigo 24 dada pola disposición derradeira primeira, apartado vinte e dous, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

29 Artigo 24 bis engadido pola disposición derradeira primeira, apartado vinte e tres, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

30 Artigo 25 derrogado pola disposición derrogatoria única apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

31 Artigo 26 derrogado pola disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

32 Artigo 27 derrogado pola disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

33 Artigo 28 derrogado pola disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

34 Redacción do artigo 29 polo artigo 14 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 250, do 30 de decembro de 2010). Precepto desenvuelto polo Decreto 45/2011, de 10 de marzo, polo que se regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais, os requisitos e cualificación das sociedades de fomento forestal e a creación do seu rexistro.

35 Artigo 30 derrogado por disposición derrogatoria única, apartado un, da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 250, do 30 de decembro de 2010).

36 Redacción do artigo 31 dada pola disposición derradeira primeira, apartado vinte e catro, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

37 Redacción do artigo 32 dada pola disposición derradeira primeira, apartado vinte e cinco, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

38 Redacción do artigo 33 dada pola disposición derradeira primeira, apartado vinte e seis, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

39 Redacción do artigo 34 dada pola disposición derradeira primeira, apartado vinte e sete, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

40 Nova redacción dos apartados 2 e 4 do artigo 35 e apartado 6 engadido pola disposición derradeira primeira, apartado vinte e oito, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

41 Nova redacción da alínea a) do número 1 e dos números 2, 3, 4 e 5 do artigo 36 e o número 4 pasa a ser o número 6, efectuada pola disposición derradeira primeira, apartado vinte e nove, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

42 Nova redacción dos apartados 1, 4 e 5 do artigo 37 dada pola disposición derradeira primeira, apartado trinta, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

43 Redacción do apartado 1 do artigo 39 dada polo artigo 20, apartado dez, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm 247, do 28 de decembro de 2018).

44 Redacción do artigo 40 dada pola disposición derradeira primeira, apartado trinta e dous, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

45 Artigo 41 derrogado pola disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

46 Redacción do artigo 42 dada pola disposición derradeira primeira, apartado trinta e tres, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

47 Redacción do artigo 43 dada pola por disposición derradeira primeira apartado, trinta e catro, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

48 Redacción do artigo 44 dada pola disposición derradeira primeira, apartado trinta e cinco, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

49 Redacción do artigo 45 dada polo artigo 20, apartado once, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm 247, do 28 de decembro de 2018).

50 Modifícanse os puntos 4 e 5 do artigo 46 e engádese un punto 6 pola disposición derradeira primeira, apartado trinta e seis, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012). Nova redacción do artigo 46 título dada polo artigo 20, apartado doce, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm 247, do 28 de decembro de 2018).

51 Artigo 46 bis engadido por artigo 20, apartado trece, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm 247, do 28 de decembro de 2018).

52 Modifícanse o título e os números 1, 2, 3, 6 e 8, e engádese unha alínea d) no número 4 e un novo número 9 ao artigo 48 pola disposición derradeira primeira, apartado trinta e sete, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012). Nova redacción do título e dos apartados 9 e 10 do artigo 48 dada polo artigo 17, apartados trece, catorce e quince, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, 28 de decembro de 2017).

53 Modifícanse os puntos 1), 3), 4), 7), 9) e 10) do número 2 do artigo 50 e engádense dous novos puntos, 12) e 13) pola disposición derradeira primeira, apartado trinta e oito, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

54 Apartados 2.5) e 2.6) do artigo 50 derrogados por disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

55 Apartados 2.5) e 2.6) do artigo 50 derrogados por disposición derrogatoria única, apartado 1.d), da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

56 Redacción do apartado 1.b) do artigo 51 pola disposición derradeira primeira, apartado trinta e nove; redacción dos apartados 2.b), 2.d), 2.e) pola disposición derradeira primeira, apartado corenta; apartado 2.h) engadido pola disposición derradeira primeira, apartado corenta, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

57 Redacción do apartado 1 do artigo 52 dada pola disposición derradeira primeira, apartado corenta e un, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

58 Redacción do apartado 4 do artigo 53 dada polo artigo 17, apartado dezaseis, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 (DOG nº 245, do 28 de decembro de 2017).

59 Artigo 53 bis engadido por disposición derradeira primeira apartado corenta e dous, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

60 Redacción do artigo 54 dada pola disposición derradeira primeira, apartado corenta e tres, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

61 Redacción do artigo 55 dada pola disposición derradeira primeira, apartado corenta e catro, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012). Redacción do apartado 3 do artigo 54 dada pola artigo 17, apartado dezasete, da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 (DOG nº 245, do 28 de decembro de 2017).

62 Artigo 55 bis engadido por disposición derradeira décimo segunda da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro de 2014).

63 Redacción do apartado 2 do artigo 58 dada pola disposición derradeira primeira, apartado corenta e cinco, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

64 Redacción do artigo 59 dada pola disposición derradeira primeira, apartado corenta e seis, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

65 Apartado 3 da disposición adicional segunda suprimido por disposición derradeira primeira, apartado corenta e sete, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

66 Redacción do apartado 2 da disposición adicional terceira dada pola disposición derradeira primeira, apartado corenta e oito, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012). Nova redacción do apartado 2 da disposición adicional terceira mais apartado 3 engadido polo artigo 20, apartados catorce e quince, respectivamente, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm 247, do 28 de decembro de 2018).

67 Disposición adicional cuarta engadida por artigo 17 da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG nº 36, de 3 de febreiro de 2010).

68 Redacción da disposición adicional sexta dada polo artigo 20, apartado dezaseis, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm 247, do 28 de decembro de 2018).

69 Redacción da disposición transitoria terceira nova redacción dada pola disposición derradeira primeira, apartado cincuenta, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

70 Redacción da disposición transitoria cuarta dada pola disposición derradeira primeira, apartado cincuenta e un, da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo de 2012).

71 Disposición transitoria quinta engadida polo artigo 20, apartado dezasete, da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

72 Redacción da disposición dada polo artigo 14 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021).Por Resolución de 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas entre os que se encontra o artigo 14, que modifica o artigo 22 da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, e a súa Disposición final segunda.

73 Normativa regulamentaria de desenvolvemento: Decreto 45/2011, de 10 de marzo, polo que se regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais, os requisitos e cualificación das sociedades de fomento forestal e a creación do seu rexistro.