Lei 8/1987, do 25 de novembro, pola que se establece a gratuidade dos estudios de bacharelato, formación profesional e artes aplicadas e oficios artísticos nos centros públicos

Lei 8/1987, do 25 de novembro, pola que se establece a gratuidade dos estudios de bacharelato, formación profesional e artes aplicadas e oficios artísticos nos centros públicos e a autonomía de xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios.1

O ensino básico é obrigatorio e gratuíto. Este principio, establecido no artigo 27.4 da Constitución española, é xa unha realidade desde hai tempo no noso país, como o é a plena escolarización, polo tanto, dos nenos entre 6 e 16 anos. Neste senso é fundamental a Lei 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, que veu desenvolve-lo mencionado artigo da nosa Constitución. Pero esta mesma Lei prevé, no artigo 1, apartado Un, que a educación básica «...será obrigatoria e gratuíta no nivel de Educación Xeral Básica e, no seu caso, na Formación Profesional de primeiro grao, así como nos demais niveis que a Lei estableza».

Esta previsión que contén a Lei 8/1985 non fai máis que recolle-la tendencia experimentada nos últimos anos no seo da sociedade civil á xeneralización da escolarización dos xoves ata os 16 anos.

Esta Lei trata precisamente de avanzar nesa tendencia suprimindo as taxas académicas para os alumnos que cursen estudios de Bacharelato, Formación Profesional e Artes Aplicadas e Oficios Artísticos en centros públicos, así como as que veñen aboando os alumnos que cursan os mencionados estudios en centros privados, sempre e cando as ensinanzas que impartan sexan de interese e estean en consonancia coas necesidades de Galicia.

Do mesmo xeito, esta medida contribúe a facer realidade o dereito de todos a acceder a niveis superiores de educación, como se establece no artigo 1.2 da Lei 8/1985.

A Constitución establece, así mesmo, no seu artigo 27.7 o dereito dos profesores, dos pais e, no seu caso, dos alumnos a interviren no control e xestión dos centros de ensino sostidos pola Administración con fondos públicos, nos termos que a Lei estableza. Este dereito plasmouse no artigo 41.1 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, ó lle atribuír ó Consello Escolar dos centros a aprobación do seu presuposto, principio este recollido tamén no artigo 56, apartado e), do Decreto 107/1986, do 10 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, dictado en desenvolvemento da Lei 8/1985, para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Deste modo conságrase legalmente a necesaria autonomía de xestión económica dos centros docentes públicos, e permíteselles ós centros tanto a elaboración e aprobación do presuposto coma o contido e a modificación do mesmo.

Tódalas modificacións legais consideradas na presente Lei teñen amparo no propio Estatuto de Autonomía de Galicia e na Lei orgánica de financiamento das Comunidades Autónomas. O primeiro establece, no seu artigo 3.1, que «é da competencia plena da Comunidade Autónoma Galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidade e especialidade, no ámbito das súas competencias...».

Do mesmo xeito o artigo 6.1 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, establece que «as Comunidades Autónomas poderán establecer e esixi-los seus propios tributos de acordo coa Constitución e as leis» e que «cando o Estado ou as Corporacións Locais transfiran ás Comunidades Autónomas bens de dominio público para a utilización dos cales estivesen establecidas taxas, ou competencias que ó seren executadas ou desenvolvidas presten servicios ou realicen actividades igualmente gravadas con taxas, aqueles e mais estas consideraranse como tributos propios das respectivas Comunidades».

A presente Lei aspira a darlles cabal curso ós referidos preceptos, de xeito que, xunto a unha reordenación e homoxeneización das taxas académicas, se acade a necesaria autonomía de xestión económica dos centros docentes públicos, tanto no que se refire á elaboración e aprobación de presupostos coma ó contido e modificacións do mesmo, sen prexuício, naturalmente, do indispensable control que o emprego de recursos públicos leva consigo.

Na agarda dunha máis profunda reordenación do sistema educativo, esta Lei debe posibilitar unha maior democratización no acceso ós bens culturais para tódolos cidadáns de Galicia ó eliminar algúns dos atrancos tradicionalmente opostos ó maior desenvolvemento cultural da sociedade galega.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El Rei, a Lei pola que se establece a gratuidade dos estudios de Bacharelato, Formación Profesional e Artes Aplicadas e Oficios Artísticos nos centros públicos e a autonomía de xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios.

Capítulo I

Da gratuidade dos estudios de Bacharelato, Formación Profesional e Artes Aplicadas e Oficios Artísticos nos centros públicos

Artigo 1

Un.— Os estudios de Bacharelato, Formación Profesional e Artes Aplicadas e Oficios Artísticos serán gratuítos nos centros públicos, e non estarán suxeitos ó pagamento de taxas académicas.

Dous.— Tampouco estarán suxeitos ó pagamento das ditas taxas os alumnos dos centros privados que cursen os mencionados estudios.

Capítulo II

Das taxas académicas

Artigo 2

As taxas académicas rexeranse polo disposto na presente Lei e, en canto non se opoña ó regulado nesta, pola Lei 230/1963, do 28 de decembro, xeral tributaria, e polas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 3

Constitúe o feito imponible das taxas académicas a prestación polos centros públicos dos servicios que figuran no artigo 6 desta Lei, correspondentes ó Curso de Orientación Universitaria, Escolas de Idiomas e Conservatorios de Música, así como a outras modalidades e centros de estudio que no futuro poidan existir en Galicia, tales como Escolas de Arte Dramática, Danza, Canto, Cerámica e Restauración.

Artigo 4

Son suxeitos pasivos as persoas que soliciten ou ás que se lles presten os servicios mencionados no artigo anterior.

Artigo 5

Un.— As taxas académicas deberanse a partir do momento no que se soliciten os correspondentes servicios ou desde o momento da súa prestación cando se realicen sen necesidade de petición previa.

Dous.— O pagamento das taxas que se deban poderá fraccionarse nos dous casos e na forma que se estableza regulamentariamente.

Tres.— As taxas serán obxecto de autoliquidación polo suxeito pasivo, e determinaranse regulamentariamente a forma e os prazos para presentala.

Artigo 6

A contía das taxas para os distintos conceptos será a seguinte:

 

COU

Escola de Idiomas

Conservatorio

Alumnos oficiais:

 

 

 

Inscrición (1.ª vez)

1.050

1.450

1.450

Matrícula de curso completo

6.530

Matrícula de asignaturas soltas

750

3.500

2.500

Servicios generales

920

540

540

Alumnos de Centros homologados:

 

 

 

Inscrición (1.ª vez)

1.050

Servicios xerais

720

Alumnos de Centros habilitados recoñecidos, autorizados ou libres, e alumnos de ensino libre:

 

 

 

Inscrición (1.ª vez)

1.050

1.450

1.450

Dereito de exame por asignatura

90

1.170

1.170

Servicios xerais

720

540

540

Exame de reválida ou aptitude:

 

 

 

Alumnos oficiais ou libres

3.500

Cursos monográficos:

 

 

 

Por mes

3.830

3.820

Artigo 7

Serán aplicables ás taxas a que se refire esta Lei os beneficios fiscais vixentes para as taxas.

Artigo 8

Un.— O procedemento de xestión e liquidación das taxas académicas determinarase regulamentariamente, e queda obrigada a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a ingresar no Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia o resultado da súa recadación.

Dous.— A falta de pagamento, total ou parcial, das taxas académicas dará orixe á denegación ou anulación da matrícula.

Capítulo III

Da autonomía de xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios

Artigo 9

Os centros docentes públicos non universitarios dispoñerán de autonomía na súa xestión económica nos termos que se establecen na presente Lei.

Artigo 10

Os ingresos que os centros docentes puidesen obter derivados da prestación de servicios distintos dos gravados polas taxas que se regulan na presente Lei, así como os producidos por legados, doacións e venda de bens, poderán ser aplicados ós seus gastos de funcionamento.

Os centros docentes poderán allear, de acordo coas condicións de mercado, os productos da propia actividade docente e outros análogos, e estarán obrigados a leva-la contabilidade separada das ditas operacións respecto das correspondentes ós gastos de funcionamento na forma que determine regulamentariamente a Consellería de Educación.

Artigo 11

Correspóndelle ó Consello Escolar do centro aproba-la aplicación ós gastos de funcionamento dos ingresos ós que se refire o artigo anterior.

Artigo 12

A Consellería de Economía e Facenda determinará a estructura e periodicidade da conta que renderán ante a mesma os centros docentes públicos non universitarios.

Artigo 13

A xustificación da conta á que se refire o artigo anterior poderá realizarse por medio dunha certificación do Consello Escolar sobre a aplicación dada ós recursos totais, que substituirá os xustificantes orixinais. Estes xustificantes quedarán á disposición do Consello de Contas de Galicia, da Intervención Xeral da Xunta e do Tribunal de Contas para a realización das comprobacións oportunas no ámbito das súas respectivas competencias.

Disposición adicional

Anualmente, a Lei de Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderá modifica- -las exencións e a contía das taxas a que se refire o artigo 6 da presente Lei.

Disposición transitoria primeira

A Xunta de Galicia, nun prazo non superior a tres meses, contados a partir da entrada en vigor da presente Lei, dictará as disposicións regulamentarias necesarias para a súa execución e desenvolvemento.

Disposición transitoria segunda

Seranlles de aplicación ós servicios solicitados con anterioridade á entrada en vigor desta Lei os Decretos 1639/1959, do 23 de setembro, sobre taxas administrativas, e 4290/1964, do 17 de decembro, de regulación das taxas académicas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os Decretos 1636/1959, do 23 de setembro, e 4290/1964, do 17 de decembro, e cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan á presente Lei.

Disposición derradeira

A presente Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1987

Fernando Ignacio González Laxe
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 12, do 20 de xaneiro de 1988. Pola Lei 6/1988, de 11 de xullo (DOG núm. 141, do 26 de xullo de 1988), fixouse a retroacción de efectos desta lei para o curso académico 1987- 1988 e a exención de taxas académicas e administrativas para os estudios de COU para o curso académico 1988-1989 e seguintes.

Téñase en conta o disposto nesta lei ha de entenderse vixente só no que resulte conforme coa actual regulación estatal en materia de educación e en materia tributaria aplicable.