Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos

Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos.1

O desenvolvemento científico e tecnolóxico, a evolución ininterrompida do noso medio social, que provoca profundos e constantes cambios nos modos de vida, nos costumes e nas formas de organización social, e as transformacións dos modos e medios de información e comunicación volven estériles moitos modos de coñecer, interpretar e actuar adquiridos de forma tradicional e calquera forma ríxida e estereotipada de actuar. Faise preciso desenvolver, por riba dos coñecementos, os procesos de pensamento, a reflexión, a análise e o contraste que permitan a adaptación permanente das mulleres e dos homes ás presións cotiás do medio natural e social e ós cambios que nel se producen.

Estas necesidades fanse imprescindibles para moitos adultos que non tiveron no seu día a posibilidade de acceder a unha educación formal suficiente que lles permita hoxe utiliza-la cultura para conseguir unha integración e unha promoción satisfactoria no mundo social e do traballo.

Desde esta óptica da educación como tarefa continuada na vida, formúlanse unha serie de necesidades concretas ás que a Administración galega lles debe dar resposta axeitada, achegando tódolos recursos posibles e aproveitando de forma coordinada tódolos esforzos realizados polas institucións públicas e privadas.

Actualmente, a estas necesidades da formación continuada dos adultos respóndese desde o sistema educativo con actuacións diversas, e desde o campo profesional con cursos de formación ocupacional. Pero esta resposta, que podemos considerar válida, é, sen dúbida, mellorable e, obviamente, insuficiente. De feito, debemos recoñecer que as actividades dirixidas á educación permanente carecen dunha coordinación axeitada, inciden demasiado nos aspectos culturais e académicos e esquecen os de formación e reciclaxe profesional, así como o desenvolvemento das actividades artísticas e artesanais.

Cómpre, polo tanto, unha lei que promova a necesaria coordinación entre formación cultural e desenvolvemento laboral e profesional dos adultos e que permita a formación continuada dos galegos nun proceso permanente de formación-traballo, utilizado de forma voluntaria e alternativa.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El- -Rei, a Lei de educación e promoción de adultos.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1

Para os efectos da presente lei, enténdese por educación e promoción de adultos o conxunto de accións de carácter educativo, cultural, social e profesional orientado a lles proporcionar a tódolos residentes no territorio da Comunidade Autónoma galega que superaron a idade de escolaridade obrigatoria o acceso, de forma gratuíta e permanente, ós niveis educativos e profesionais que lles permitan a súa formación persoal, así como a súa integración e promoción satisfactoria no mundo social e laboral.

Artigo 2

A educación e promoción de adultos abarca os seguintes campos fundamentais de actuación:

a) A formación básica, entendida como aprendizaxe complementaria dunha instrucción deficiente en atención ás esixencias da sociedade actual.

b) A formación para o mundo laboral, considerada como aprendizaxe inicial que posibilite a inserción no mundo do traballo, así como a actualización e o perfeccionamento dos coñecementos que para o exercicio dunha profesión ou dun oficio esixa o cambio constante do sistema productivo.

c) A formación e actualización cultural, con especial incidencia no coñecemento do idioma e da cultura galegas.

Artigo 3

Son obxectivos da presente lei:

a) Erradicar progresivamente o analfabetismo, tanto absoluto coma funcional, naquelas persoas que carezan das técnicas instrumentais de lectura, escritura e cálculo.

b) Sensibiliza-la opinión pública sobre o sentido e a necesidade da alfabetización e educación permanente dos cidadáns.

c) Estende-lo dereito á educación a tódolos cidadáns da Comunidade Autónoma galega, sen distinción ningunha nin límite de idade, co fin de que os grupos e colectivos con inferior nivel de educación conten coa necesaria atención educativa adaptada ós seus propios ritmos e ás súas necesidades.

d) Proporcionarlles unha formación básica e necesaria ás persoas que carezan dos elementos culturais suficientes para o seu desenvolvemento persoal nun mundo de crecente complexidade.

e) Promove-lo coñecemento da nosa realidade e moi especialmente da nosa lingua e cultura.

f) Fomenta-lo desenvolvemento das aptitudes instrumentais e intelectuais dos adultos, especialmente dos grupos sociais máis desfavorecidos, de xeito que poidan comprende-lo seu medio e actuar nel, posibilitando unha actitude de participación crítica e responsable na sociedade.

g) Estimula-la capacidade intelectual e afectiva que permita a aprendizaxe autónoma e a actualización persoal e profesional, de xeito que esta autoaprendizaxe se converta en autoeducación permanente.

h) Potencia-lo desenvolvemento das capacidades de expresión e comunicación dos adultos no medio social, mediante a aprehensión das técnicas, dos instrumentos de comunicación e dos esquemas de organización do pensamento que lles permitan aprender a pensar, a actuar e a crear coa flexibilidade persoal e intelectual suficiente para se adaptar ás novas formas de vida, de cultura e de traballo.

i) Posibilita-la orientación académica e profesional, a inserción laboral e a reciclaxe de adultos en paro, mediante accións formativas ocupacionais dirixidas ó perfeccionamento, á reconversión ou á adaptación ós novos postos de traballo.

Artigo 4

As ensinanzas para adultos atenderán á formación instrumental e básica, a laboral, a do lecer e a da cultura, de acordo coas seguintes características:

a) Posibilitarán a permeabilidade entre ensinanzas regradas e non regradas.

b) Utilizarán unha metodoloxía apropiada á do contexto socio-cultural no que se desenvolvan.

c) Axustaranse ós niveis mínimos establecidos cando se trate de estudios homologados, respectando a especificidade e autonomía destas ensinanzas. Nos casos de formación ocupacional, axustaranse, así mesmo, á lexislación correspondente.

d) Os currícula poderanse estructurar de forma modular, conxugando teoría e práctica e permitindo a participación dos adultos na confección e orientación.

e) Cando os programas teñan como obxectivo a adquisición de titulacións académicas ou profesionais, a Dirección Xeral correspondente establecerá os programas educativos deste sector.

Título II

Actuacións previas e programas de acción

Artigo 5

Para o logro dos fins enumerados no artigo 3, levaranse a cabo as seguintes actuacións: a) Creación e localización de centros docentes, logo do diagnóstico e inventario das necesidades, mediante unha planificación racional e tendo en conta criterios de tipo socio-económico.

b) Fomenta-la relación e coordinación das accións que en materia de educación, promoción e formación laboral de adultos realicen as distintas consellerías e institucións da Comunidade Autónoma, así como as doutros organismos e entidades públicas e privadas no seu ámbito competencial.

c) Promove-la colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias.

d) Fomento e execución de convenios de colaboración con todas aquelas institucións, entidades e empresas públicas ou privadas que leven a cabo actividades paralelas ou estean dispostas a emprendelas.

e) Garanti-la formación e o perfeccionamento do profesorado dedicado a estas tarefas, axeitando a súa preparación á flexibilidade necesaria e á complexidade da educación e promoción de adultos.

f) Calquera outra que se estime necesaria para o desenvolvemento dos obxectivos da presente lei.

Artigo 6

Para a consecución dos obxectivos establecidos no artigo 3 realizaranse os seguintes programas de acción:

a) Programas de alfabetización e formación básica, especialmente dirixidos a colectivos e a zonas xeográficas de actuación educativa preferente.

b) Programas encamiñados á consecución de titulacións que faciliten o acceso ó mundo laboral e a outros niveis educativos superiores.

c) Programas de preparación para o acceso á Universidade.

d) Programas de desenvolvemento comunitario e de animación socio-cultural.

e) Programas de formación ocupacional que posibiliten a orientación e a inserción no mundo laboral, así como a promoción profesional.

f) Programas integrados que, respondendo ós obxectivos da presente lei, resulten da colaboración de organismos, institucións, entidades e empresas públicas ou privadas.

g) Programas elaborados para o necesario coñecemento da economía, xeografía, sociedade, historia, natureza e cultura galegas.

h) Outros programas que conxuguen as actuacións comprendidas e non enumeradas anteriormente.

Artigo 7

Os programas determinados no artigo anterior poderán completarse con calquera outra actividade que contribúa á consecución dos obxectivos contidos no título I da presente lei.

Artigo 8

O conxunto de actuacións previas e programas de educación e promoción de adultos desenvolverase arredor dos núcleos de formación instrumental, formación ocupacional e formación para o desenvolvemento persoal.

Título III

Organización de coordinación de actuacións

Artigo 9

Créase o Consello Galego de Educación e Promoción de Adultos como órgano asesor para a coordinación e o seguimento dos programas e para a participación das distintas institucións que interveñen no proceso.

Artigo 10

O Consello estará presidido polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e formarán parte do mesmo os representantes das entidades e institucións que desenvolvan actividades relacionadas coa educación e promoción de adultos.

A súa estructura, organización e funcionamento determinaranse por decreto da Xunta de Galicia.

Artigo 11

Será función do Consello Galego de Educación e Promoción de Adultos o asesoramento nos seguintes ámbitos:

a) Definición dos programas.

b) Delimitación dos núcleos de formación instrumental, ocupacional e persoal que os integran.

c) Planificación, coordinación e impulso de cantas actuacións favorezan a colaboración das institucións culturais e profesionais neste ámbito, así como calquera outra referente ó seu ámbito competencial.

Artigo 12

A nivel provincial, a coordinación e o seguimento dos programas levaranos a cabo as correspondentes delegacións. Tenderase a unha actuación comarcalizada para o desenvolvemento dos programas.

Título IV

Dos centros e do persoal

Capítulo I

Dos centros

Artigo 13

Os centros de educación e promoción de adultos teñen por obxecto desenvolve-los programas de actuación regulados na presente lei, sen prexuício de que poidan levarse a cabo outros programas e actividades en institucións públicas ou privadas, coa debida coordinación cos devanditos centros. Para tal efecto a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá subscribir concertos con entidades e institucións privadas para a organización e o financiamento de centros de educación e promoción de adultos.

Artigo 14

Os centros de educación e promoción de adultos da Comunidade Autónoma deberán ser creados por decreto da Xunta de Galicia. Os demais, sexan de natureza pública ou privada, deberán ser autorizados pola Administración da Comunidade Autónoma galega.

Tanto os centros públicos coma os de natureza privada a que se refire o parágrafo anterior deberán inscribirse no Rexistro de Centros de Educación e Promoción de Adultos.

Aqueles centros que reciben subvencións de calquera Administración pública deberán asegura-la gratuidade do ensino que dispensen, de acordo coa contía das mesmas.

Artigo 15

A creación, autorización e avaliación dos centros públicos e privados de educación e promoción de adultos, así como a súa organización, determinación de cadros de persoal, órganos de xestión e participación, someteranse á lexislación vixente na Comunidade Autónoma, tendo en conta, en todo caso, as súas especiais características.

Artigo 16

A educación e promoción de adultos adoptará as seguintes modalidades: presencial, semipresencial e a distancia.

A modalidade presencial caracterízase pola asistencia continuada, en horarios compatibles co traballo, dos alumnos ós centros para realiza-las actividades previstas nos correspondentes programas.

A modalidade semipresencial é a dirixida a aqueles que, por diversas circunstancias, presentan dificultades para unha asistencia continuada ó centro; a súa aprendizaxe apoiarase no emprego dos diferentes medios de comunicación e nos actos presenciais periódicos para actividades de orientación, titoría ou prácticas.

A modalidade a distancia utilizará un ou varios medios de comunicación e irá dirixida preferentemente á poboación adulta con dificultade de desprazamento ou asistencia.

Capítulo II

Do persoal

Artigo 17

Na determinación dos cadros de persoal dos centros estableceranse as características dos postos de traballo, con indicación, cando se trate de centros públicos, dos corpos concretos ós que corresponde a súa provisión e demais requisitos de titulación e coñecementos.

Nos concursos que se convoquen para a provisión de postos de traballo en centros públicos de educación e promoción de adultos, valoraranse os servicios prestados nestes centros, na contía e forma que regulamentariamente se estableza.

Artigo 18

En atención ás necesidades dos programas que hai que desenvolver, poderá adscribirse ós citados centros persoal colaborador dependente doutras institucións, sempre que a súa capacitación se adecúe ás características daqueles. Así mesmo, poderá contratarse persoal no suposto de imposibilidade de seleccionar funcionarios co perfil profesional adecuado.

Artigo 19

Os profesores de educación e promoción de adultos realizarán os cursos de formación e perfeccionamento que sexan convocados dentro do Plan de formación permanente, co fin de conseguir unha perfecta adecuación a esta modalidade de ensino.

Título V

Do financiamento

Artigo 20

Dentro dos presupostos da Comunidade Autónoma consignaranse os fondos necesarios encamiñados á consecución dos obxectivos da presente lei.

Disposición adicional

As comunidades galegas asentadas fóra de Galicia poderán organizar actividades de educación e promoción de adultos, previstas na presente lei, con destino ós galegos residentes fóra da Comunidade Autónoma, no ámbito e na forma en que o permita a Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto na presente lei.

Disposición final primeira

Autorízase ó Goberno da Xunta para dictar, no ámbito das súas respectivas competencias, as disposicións precisas no tocante ó desenvolvemento, á execución e á aplicación das previsións contidas na presente lei. 2

Disposición final segunda

O Goberno de Galicia poderá regular, programar, supervisar e xestiona-las actividades de educación e promoción de adultos. Para tal efecto, corresponderalle aproba- -lo programa xeral, dicta-las normas necesarias, promover e coordina-las actividades en colaboración, se é o caso, con outras administracións ou entidades públicas e privadas, así como calquera outra que lle corresponda en relación coa educación e promoción de adultos.

Disposición final terceira

No prazo de dous meses desde a entrada en vigor da presente lei, a Xunta de Galicia procederá a regular mediante decreto a estructura e as funcións do Consello Galego de Educación e Promoción de Adultos.

Disposición final cuarta

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1992

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 152, do 6 de agosto de 1992.

2 Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros.