Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia

Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.1

Exposición de motivos

As sociedades máis modernas e avanzadas teñen como característica destacada a institucionalización do diálogo social entre as distintas entidades territoriais e os axentes económicos e sociais representados polas organizacións empresariais e sindicais máis representativas.

A Constitución española asígnalles aos poderes públicos, como dispón o seu artigo 9.2, a promoción das condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e mais dos grupos nos que se integre sexan reais e efectivas, a remoción dos atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e o facilitar a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social.

Nos mesmos termos realízaselles esta asignación aos poderes públicos galegos, segundo o disposto no artigo 4.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Tamén a Constitución española no artigo 7 do seu título preliminar establece que os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e á promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios, e recoñece o dereito fundamental á liberdade sindical no artigo 28, parágrafo primeiro, e o dereito de asociación no artigo 22.

O recoñecemento que a Constitución lles outorga ás organizacións sociais presentes no mundo laboral reflíctese tamén na normativa internacional, como é o caso do Convenio número 150 da Organización Internacional do Traballo-OIT, e, no ámbito da Unión Europea, a Comunicación do 12 de agosto de 2004 sobre o diálogo social europeo salienta a importancia adquirida polo diálogo social en canto ten contribuído a mellorar a gobernabilidade a escala económica e social, dado que as organizacións empresariais e sindicais, as direccións empresariais e os representantes dos traballadores e das traballadoras nas empresas están moi próximos e coñecen de forma moi directa a problemática que se vive nos centros de traballo.

A Lei orgánica de liberdade sindical e o Estatuto dos traballadores atribúenlles o exercicio do dereito de participación soamente ás organizacións sindicais e empresariais que teñan a condición de máis representativas. Esta diferenza de trato entre organizacións baseada no criterio de maior representatividade foi considerada conforme coa Constitución polo Tribunal Constitucional, que conceptúa o dereito de participación institucional como parte integrante do contido adicional do dereito de liberdade sindical, que se pode atribuír a unhas organizacións e non a outras se o criterio empregado para iso responde a razóns obxectivas e non arbitrarias, coa garantía, en todo caso, do núcleo esencial dese dereito a todos.

Deste xeito, o marco legal pódelles atribuír ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas unha posición xurídica relevante na participación na xestión dos asuntos públicos de natureza socioeconómica.

En Galicia, a participación das organizacións empresariais e sindicais máis representativas na xestión dos asuntos de relevancia pública ponse de manifesto polo recoñecemento da súa presenza nos órganos de dirección, asesoramento e participación da Administración autonómica ou de numerosas entidades e organismos públicos, co que se fai así efectiva na práctica a presenza institucional dos axentes sociais máis representativos no ámbito autonómico.

Precisamente, a maior parte do desenvolvemento efectivo do dereito de participación institucional atopa a súa orixe real nos procesos de concertación social, un activo indubidable do sistema democrático, como o que está a discorrer activamente en Galicia nestes momentos.

A existencia de numerosas normas autonómicas que regulan o exercicio do dereito de participación institucional aconsella ditar unha lei que, con carácter xeral, regule e ordene os criterios segundo os cales se poderá determinar que organizacións sindicais e empresariais máis representativas en Galicia poden participar nas diferentes entidades e organismos públicos da Xunta de Galicia.

O importante e relevante papel atribuído a estas organizacións xera, igualmente, a necesidade de regular os criterios de reparación económica dos custos nos que incorran con motivo das funcións derivadas desta participación institucional. Estas funcións atribúenselles exclusivamente por ter a condición de organización sindical ou empresarial máis representativa.

Galicia camiña, con esta lei, xunto a outras comunidades autónomas que teñen regulada por norma con rango legal a participación institucional no seu ámbito territorial respectivo, coa vontade de deixar claramente recollido o compromiso do Goberno de recoñecer a implicación e a participación dos axentes sociais na vida económica e social do país.

O Parlamento fai uso así das posibilidades que ofrece o Estatuto de autonomía, cando lle atribúe á Xunta de Galicia a competencia exclusiva sobre as súas institucións de autogoberno, segundo o artigo 27.

En todo caso, as persoas que deben exercer as funcións correspondentes, nos termos que prevé esta lei, velarán polo interese xeral que é subxacente no desenvolvemento dos obxectivos e das atribucións que lle corresponden á entidade ou ao organismo correspondente.

Por último, cómpre destacar que constitúe obxectivo desta lei regular os correspondentes mecanismos de avaliación, seguimento e control, para que a xestión das compensacións económicas previstas para fomentar o exercicio do dereito de representación institucional por parte das organizacións sindicais e empresariais máis representativas se realice con transparencia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

TÍTULO I

DAS DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º.-Obxecto.

1. É obxecto desta lei a regulación do marco da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais galegas máis representativas en entidades públicas e organismos públicos integrados na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan atribuídas competencias en materias laborais, sociais e económicas, que afecten os intereses económicos e sociais de traballadores e traballadoras e do empresariado.

2. Para os efectos do que se dispón nesta lei, enténdese por participación institucional o exercicio de tarefas e actividades de promoción e defensa no seo da Administración autonómica, dos seus organismos públicos e das entidades públicas dos intereses xerais, comúns, sectoriais e intersectoriais que corresponden a todos os traballadores e traballadoras e aos empresarios e empresarias.

Artigo 2º.-Criterios de representatividade.

1. Son organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito de Galicia, para os efectos do que se dispón nesta lei, as que teñan a devandita condición consonte o disposto nos artigos 6.2 a) e 7.1 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e na disposición adicional sexta do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

2. Para a determinación específica do número de representantes destas organizacións nas entidades públicas e nos organismos públicos de Galicia aplicarase o criterio de maior representatividade no ámbito autonómico e de paridade entre as representacións sindicais e empresariais.

3. A designación e o cesamento das persoas representantes das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de carácter intersectorial realizaranse de conformidade coas propostas formuladas por estas organizacións a través dos seus órganos de dirección competentes.

4. Para os efectos do establecido na alínea anterior, terase en conta o disposto no artigo 28 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

1. A participación institucional establecida nesta lei será aplicable respecto dos órganos de asesoramento e participación, e nos termos nos que a normativa específica de cada entidade ou organismo público así o estableza, nos seguintes ámbitos de intervención:

a) Entidades e organismos públicos integrados na Administración da Xunta de Galicia que teñan atribuídas competencias en materias de carácter laboral, social ou económico.

Inclúense todas aquelas entidades ou organismos públicos que teñan competencias en materia de traballo, emprego, formación profesional, economía social, políticas de igualdade, emigración e inmigración vinculada ao mercado de traballo e, en xeral, calquera outra materia de relevancia laboral ou social.

b) Entidades e organismos públicos integrados na Administración da Xunta de Galicia que teñan atribuídas competencias en materias socioeconómicas e de fomento do desenvolvemento económico e social da autonomía galega.

Inclúense todas aquelas entidades e organismos públicos que teñan competencias de desenvolvemento autonómico, políticas sectoriais, sociais e, en xeral, calquera outra competencia que, pola súa relevancia socioeconómica, se considere conveniente axeitar aos mecanismos de participación institucional que regula esta lei.

2. A regulamentación e o alcance da participación institucional definida na alínea 1 deste precepto desenvolveranse a través de decreto, dentro dos criterios expostos nesta lei.

3. Esta lei non lles será aplicable aos órganos sectoriais de participación ou negociación colectiva no ámbito da ocupación pública, que se rexerá pola súa regulación específica.

4. Esta lei non lle será aplicable á regulación do dereito de negociación colectiva no sector privado, que se rexerá polo que se dispón no título III do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

TÍTULO II

DO CONTIDO DA PARTICIPACIÓN INSTITUCIONAL E DOS DEREITOS E DEBERES DOS SUXEITOS PARTICIPANTES

Artigo 4º.-Contido da participación institucional.

1. A participación institucional poderase facer efectiva a través da presenza da representación das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas en consellos ou órganos semellantes de dirección, participación, consultivos ou de asesoramento, nos órganos e nas institucións de participación ou en mesas ou foros específicos de negociación ou concertación socioeconómica, de acordo coas previsións que se determinan na normativa reguladora ou de creación de cada entidade pública ou organismo autónomo.

2. Esta participación tamén se fará efectiva na elaboración dos seguintes instrumentos de planificación da Xunta de Galicia:

-Plans de desenvolvemento rexional.

-Plans xerais de actuación sobre emprego e formación profesional.

-Plans xerais de actuación sobre o desenvolvemento empresarial e industrial.

-Plans xerais de actuación social e sanitaria, así como en calquera outro instrumento de planificación socioeconómica que, pola súa relevancia, sexa necesario someter a concertación social.

Artigo 5º.-Dereitos e deberes no exercicio da participación institucional.

1. A representación das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas nas entidades e nos organismos públicos integrados na Administración da Xunta de Galicia levará a cabo as súas tarefas de participación institucional de acordo cos principios de boa fe negociadora e confianza lexítima.

2. Os órganos que teñan atribuídas funcións de participación institucional segundo a normativa específica da entidade ou do organismo público do que se trate en cada caso deben ter, como mínimo, competencias para:

a) Coñecer, con carácter previo, os anteproxectos de lei ou os proxectos de normas regulamentarias de desenvolvemento de normas legais, en relación coas materias da súa competencia.

b) Recibir información sobre os plans, os programas e as actuacións desenvolvidos verbo das materias ás que se refire o artigo 3.

c) Propoñer e participar na elaboración de criterios, directrices e liñas xerais de actuación en relación coas materias ás que se refire o artigo 3.

d) Propoñerlle ao Consello da Xunta de Galicia, a través da consellaría competente por razón da materia, a adopción de iniciativas lexislativas ou de actuacións concretas que estimen convenientes nas materias obxecto de participación.

3. No seu labor, as persoas que exerzan funcións de participación institucional nos órganos correspondentes teñen os seguintes deberes:

a) Asistir ás xuntanzas dos órganos de participación institucional nos que a organización sindical ou empresarial á que se pertenza teña legalmente recoñecida a súa presenza.

b) Custodiar os documentos aos que se teña acceso con motivo do exercicio do dereito de participación institucional.

c) Gardar a confidencialidade debida sobre as deliberacións producidas nos órganos de participación e non utilizar a información obtida nas xuntanzas destes órganos, e que fose declarada reservada, para fins diferentes dos que se sometesen á consideración.

TÍTULO III

DO FOMENTO DA PARTICIPACIÓN INSTITUCIONAL

Artigo 6º.-Compensacións económicas.

1. Coa finalidade de fomentar a participación institucional, anualmente a Lei de orzamentos xerais consignará unha partida orzamentaria destinada a compensar economicamente as organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas. Para o seu libramento haberá que aterse ao disposto nas correspondentes ordes de libramento.

2. O aboamento das referidas compensacións económicas faráselles directamente ás organizacións empresariais e sindicais intersectoriais máis representativas por un importe proporcional á súa representatividade.

A fixación dos criterios de reparto da partida orzamentaria e do seu aboamento establecerase regulamentariamente.2

3. A transferencia das compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas será compatible co dereito dos seus representantes á percepción das indemnizacións que, en concepto de axudas de custo e asistencias, poidan corresponderlles a título persoal.

Artigo 7º.-Xustificación e control das compensacións económicas e obrigas de colaboración.

As persoas beneficiarias das compensacións económicas reguladas nesta lei estarán sometidas ás actuacións de control da actividade económica e financeira que lles correspondan aos órganos de control competentes da Xunta de Galicia e do Tribunal de Contas de Galicia, para o cal deberán prestar a colaboración necesaria e achegar toda a información que lles sexa requirida no exercicio das referidas actuacións.

Disposicións adicionais

Primeira.-Adaptación normativa.

No prazo máximo dun ano, contado desde o día seguinte da entrada en vigor do decreto ao que fai referencia o artigo 3.2, iniciaranse os trámites para adaptar a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas nas diferentes entidades e organismos públicos integrados na Administración da Xunta de Galicia.

Segunda.-Procedemento de modificación normativa.

As organizacións sindicais e empresariais máis representativas ás que se refire esta lei deberán ser oídas no procedemento de modificación normativa da regulación dos órganos de participación institucional vixentes no momento de entrada en vigor da lei.

Terceira.-Participación institucional das organizacións ou institucións representativas de intereses sectoriais.

A participación institucional recollida nesta lei levarase a cabo sen menoscabo da representación que lles corresponde a outras organizacións ou institucións representativas de intereses sectoriais presentes nos órganos de asesoramento e participación da Administración autonómica ou de dirección, participación e asesoramento das súas entidades e organismos públicos de carácter sectorial.

Cuarta.-Participación institucional no eido agrario.

A participación institucional no eido agrario e de desenvolvemento rural rexerase polo disposto na Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

Disposición transitoria

Única.-Réxime transitorio.

Namentres se produce esta adaptación, seguirán vixentes todas as normas que regulan a participación institucional nas entidades e nos organismos públicos de Galicia.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Quedan derrogadas todas as normas de rango legal idéntico ou inferior que se opoñan ou contradigan o que se dispón nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

A Xunta de Galicia adoptará as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei no prazo de tres meses, que se contarán desde o día seguinte á súa entrada en vigor.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo do que dispoñen as disposicións adicionais.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 12, do 19 de xaneiro de 2009.

2 Téñase en conta o Decreto 127/2018, do 4 de outubro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais no marco da participación institucional.