Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais

Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.1

Exposición de motivos.

Os artigos 9.2º, 129.1º e 148.1º.1 da Constitución española regulan a participación cidadá na vida política, económica, cultural e social; a participación das persoas interesadas na actividade dos organismos públicos (participación institucional) e a posibilidade de que as comunidades autónomas se doten de institucións de autogoberno no ámbito das súas competencias.

O artigo 7 da dita Constitución española atribúelles un papel clave ás organizacións sindicais e patronais na defensa dos intereses económicos e sociais que lles son propios como instrumentos fundamentais para a participación política.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 4.2º sinala que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia facilitar a participación de todas as galegas e de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social, e no artigo 39 sinala que lle corresponde á comunidade autónoma a creación e estruturación da súa propia administración dentro dos principios xerais e das normas básicas do Estado.

O artigo 27 atribúelle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de organización das súas institucións de autogoberno e o artigo 29.1º a competencia de execución da lexislación estatal en materia laboral.

O Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei do 12 de xullo de 1988, é un órgano de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais, así como un órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

A referida Lei 7/1988, do 12 de xullo, aínda que cataloga o Consello Galego de Relacións Laborais como un marco permanente de encontro das entidades recoñecidas como interlocutoras sociais e como un órgano de diálogo institucional entre elas, consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral, tamén é verdade que deixa a súa natureza xurídica indefinida.

Por isto, cómpre converter o Consello Galego de Relacións Laborais nun ente público de carácter independente con autonomía e investido de personalidade xurídica e capacidade de obrar para acadar os fins que ten encomendados.

Dáse resposta así a unha demanda dos axentes económicos e sociais de Galicia en canto constitúe o único foro de participación institucional propio, ao non participar ningunha outra organización social ou profesional.

Como consecuencia do anterior, tamén resulta necesario definir as funcións e determinadas normas de funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais coa finalidade de ampliar o seu campo de acción no eido da xestión de acordos que lle sexan encomendados polas entidades recoñecidas como interlocutoras sociais, e especialmente dos acordos sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo e nas materias referentes á negociación colectiva, así como acadar unha maior axilidade no desenvolvemento da súa actividade e axeitar esta ao devir cotiá do seu facer.

Así, a Comisión Permanente ve mudar a súa composición para cumprir cunha das notas definitorias deste organismo: a presenza na súa sede de todas as forzas sociais máis representativas no territorio galego, xa que de catro persoas membros que a conformaban anteriormente, pasa a ter seis integrantes, ademais das persoas que exerzan a presidencia e a secretaría xeral.

As notas de neutralidade e non-interferencia na autonomía de sindicatos e asociacións empresariais predicadas pola Lei 7/1988 refórzanse agora na regulamentación do nomeamento e cesamento de altos cargos do organismo, facendo que a proposta de candidatura ou de cesamento feita por parte da persoa titular da consellaría competente conte coa conformidade das persoas membros das representacións sindicais e empresariais que integran o Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais.

Tamén a composición das comisións de traballo muda, ao se eliminar a incompatibilidade existente na lei entre a condición de membro do consello coa condición de membro destas comisións, dado que, en moitas ocasións, esa regra lle restaba eficacia á actividade que lle corresponde desenvolver ao Consello Galego de Relacións Laborais.

Por outra banda, suprímese a figura da vicepresidencia, vacante nos últimos quince anos de existencia deste organismo, polo que asume a secretaría xeral as funcións que lle eran inherentes.

Por último, incorpóranse novos contidos para dotar o Consello Galego de Relacións Laborais de persoal propio, que estará integrado polo persoal laboral e funcionario que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, e para declarar a súa autonomía financeira, e establécense cales serán os medios económicos cos que contará para acadar os seus obxectivos.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo no nome de El-Rei a lei pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

TÍTULO I

NATUREZA XURÍDICA, FUNCIÓNS E COMPOSICIÓN

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

1. O Consello Galego de Relacións Laborais constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

2. O Consello Galego de Relacións Laborais conta con personalidade xurídica e patrimonio de seu e actúa con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins nos termos desta lei.

3. O Consello Galego de Relacións Laborais está adscrito organicamente á consellaría competente en materia de traballo.

Artigo 2º.-Sede.

1. O Consello Galego de Relacións Laborais ten a súa sede central en Santiago de Compostela, sen prexuízo da existencia das delegacións territoriais que se poidan crear.

2. O Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais poderá, non obstante, realizar as súas sesións en calquera lugar do territorio da comunidade autónoma.

Artigo 3º.-Funcións.

1. No desenvolvemento das súas funcións, o Consello Galego de Relacións Laborais actúa con autonomía respecto da Xunta de Galicia e de calquera outra institución da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Serán funcións do Consello Galego de Relacións Laborais as seguintes:

a) Elaborar e remitirlles, por propia iniciativa, estudos e informes aos departamentos da Administración autonómica e de calquera outra institución da comunidade autónoma e formularlles propostas en materia de política laboral.

b) Emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente.

O prazo para a emisión dos ditames será de trinta días hábiles cando se trate de borradores de anteproxectos de lei e de decretos, e de quince días hábiles cando se trate de normas regulamentarias de rango inferior. Para o efecto de cumprir axeitadamente os devanditos prazos constituirase un Comité Delegado do Pleno para a emisión de ditames, coas funcións, a composición e as características que se establezan por acordo do Pleno.

c) Fomentar e ampliar a negociación colectiva dentro do respecto ao principio de autonomía colectiva consagrado no artigo 37.1º da Constitución española e impulsar unha axeitada estrutura dos convenios nos ámbitos territorial e sectorial.

d) Preparar e redactar propostas relativas a acordos laborais e recomendarlles a súa aplicación ás organizacións empresariais e sindicais.

e) Promover e facilitar a mediación e arbitraxe nos conflitos laborais, por pedimento das partes interesadas. Para tal fin, poderá efectuar propostas, recomendacións e ofrecemento de arbitraxes ou mediacións, en especial respecto dos conflitos de ampla repercusión na comunidade autónoma.

f) Promover a creación de comisións paritarias, nos diversos ámbitos de negociación colectiva, coa composición e as competencias que este determine.

g) Solicitar e recibir dos órganos competentes da Administración autonómica e de calquera outra institución da comunidade autónoma canta información precise para o desempeño das súas funcións.

h) Xestionar os acordos que lle sexan encomendados polas entidades recoñecidas como interlocutoras sociais.

i) Desenvolver as funcións que o Real decreto 718/2005, do 20 de xuño, polo que se aproba o procedemento de extensión de convenios colectivos, establece nos artigos 6 e 7.2º.

j) Aprobar o informe anual sobre a situación sociolaboral na comunidade autónoma e o plan e a memoria anuais sobre a actuación do Consello Galego de Relacións Laborais.

k) Aprobar a creación das comisións de traballo e as súas competencias.

Artigo 4º.-Composición e designación.

1. O Consello Galego de Relacións Laborais estará integrado por quen exerza a presidencia, a secretaría e por catorce persoas membros, agrupadas do seguinte xeito:

a) Sete persoas membros das organizacións sindicais que superen o dez por cento da totalidade das e dos representantes legais das traballadoras e dos traballadores de Galicia, computadas o 31 de decembro do ano anterior a aquel no que se produza a renovación do mandato das persoas membros representativas do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais. A súa designación farana, en proporción á súa representatividade, os respectivos sindicatos e nomearaas a persoa titular da consellaría competente en materia laboral.

b) Sete persoas membros das organizacións empresariais de maior representatividade no ámbito da comunidade autónoma, considerando como tales, para os efectos desta lei, as que empreguen como mínimo o dez por cento do persoal traballador no referido ámbito. Serán designadas por elas e nomeadas por parte da persoa titular da consellaría competente en materia laboral.

c) Os membros do Consello Galego de Relacións Laborais, tanto os titulares coma os suplentes, serán designados polas organizacións empresariais e sindicais que teñan a condición de máis representativas, segundo se establece nas letras a) e b) anteriores, conforme os criterios de equilibrio entre ambos sexos, tal como recolle a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

2. Por cada persoa membro con representación existirá unha persoa suplente designada conforme o procedemento establecido para a designación das persoas titulares.

3. A totalidade de persoas integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, a excepción da secretaria ou do secretario, terán dereito a voto.

Artigo 5º.-Duración do mandato.

A duración do mandato das persoas membros con representación do Consello Galego de Relacións Laborais, ás cales se refiren os puntos a) e b) do artigo 4, será de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da posibilidade de substituír as persoas titulares ou suplentes durante o citado período, por proposta da organización que representen.

TÍTULO II

ESTRUTURA ORGÁNICA E FUNCIONAMENTO DO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS2

Artigo 6º.-Órganos do Consello Galego de Relacións Laborais.

O consello, para o exercicio das súas funcións, actuará a través dos seguintes órganos:

1. Colexiados:

-O Pleno.

-A Comisión Permanente.

-As comisións de traballo que o Pleno acorde crear.

-O Observatorio Galego de Convenios Colectivos.

2. Unipersoais:

-A presidenta ou o presidente.

-A secretaria ou o secretario.

Artigo 7º.-O Pleno.

1. O Pleno, integrado por todas as persoas que compoñen o Consello Galego de Relacións Laborais, ten as funcións especificadas no artigo 3.2 desta lei.

2. O Pleno aprobará o Regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de Relacións Laborais, que regulará a forma de actuación, o número e a composición das comisións de traballo e o réxime económico.

O devandito regulamento será publicado no Diario Oficial de Galicia.

3. O Pleno reunirase, como mínimo, en sesión ordinaria, unha vez cada dous meses, e con carácter extraordinario será convocado pola presidenta ou polo presidente, por iniciativa propia, por pedimento da Comisión Permanente ou por proposta da maioría absoluta das persoas membros da representación empresarial ou sindical.

4. Os acordos do Pleno serán adoptados pola maioría absoluta das persoas que o integran con dereito a voto, e faranse constar en acta, se se solicitase, os votos discrepantes, coa fundamentación destes.

Artigo 8º.-A Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente estará composta pola presidenta ou polo presidente, pola secretaria ou polo secretario e por seis membros do consello en representación das organizacións que o compoñen, das cales tres persoas corresponderán ás organizacións empresariais e tres ás organizacións sindicais máis representativas.

2. Serán funcións da Comisión Permanente, entre outras:

a) Confeccionar a orde do día das reunións do Pleno.

b) Colaborar con quen exerza a presidencia na elaboración do proxecto das normas de funcionamento ou regulamento interno do Consello Galego de Relacións Laborais.

c) Elaborar estudos sobre propostas de creación de comisións de traballo cando o seu funcionamento se estimase necesario.

d) Elaborar o orzamento correspondente para cada exercicio económico.

e) Calquera outra que o Pleno e o regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de Relacións Laborais lle confiran.

3. A Comisión Permanente reunirase de modo ordinario unha vez ao mes, e de xeito extraordinario cantas veces a convoque a presidenta ou o presidente, por iniciativa propia ou por petición da maioría absoluta das persoas membros da representación empresarial ou sindical.

4. Os acordos da Comisión Permanente serán adoptados pola maioría absoluta das persoas membros con dereito a voto que a integran, e faranse constar en acta, se se solicitase, os votos discrepantes, coa fundamentación destes.

Artigo 9º.-A presidenta ou o presidente.

1. A presidenta ou o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais será nomeado por decreto da presidenta ou do presidente da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira ou do conselleiro competente en materia de traballo, logo de ser aprobada a proposta pola metade máis unha das persoas membros de cada unha das dúas representacións que integran o Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, reunido para o efecto.

2. Son funcións da presidenta ou do presidente:

a) Exercer a representación do Consello Galego de Relacións Laborais.

b) Convocar as sesións do Pleno e da Comisión Permanente, fixar a orde do día e presidir e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Formalizar cantos acordos fosen necesarios para o cumprimento dos fins do Consello Galego de Relacións Laborais.

d) Supervisar a xestión do conxunto de áreas e servizos do Consello Galego de Relacións Laborais.

e) Dirixir, promover e coordinar a actuación do Consello Galego de Relacións Laborais e velar para que se cumpran as súas finalidades.

f) Presentarlle ao Pleno o anteproxecto de orzamento anual do Consello Galego de Relacións Laborais.

g) Presentarlle ao Pleno o plan e a memoria de traballo anuais do Consello Galego de Relacións Laborais.

h) Adoptar as medidas necesarias para aplicar os acordos aprobados polo Pleno, polas comisións de traballo e polo Observatorio de Convenios Colectivos.

i) Cantas outras funcións sexan propias da súa condición de titular da presidencia.

3. O cesamento da presidenta ou do presidente efectuarase mediante decreto da presidenta ou do presidente da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira ou do conselleiro competente en materia de traballo, coa aprobación previa pola metade máis unha das persoas membros de cada unha das dúas representacións que integran o Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, reunido para o efecto.

4. A duración do mandato da presidenta ou do presidente será de catro anos, prorrogable a outros catro co pronunciamento previo do Pleno ao respecto.

Artigo 10º.-A secretaria ou o secretario.

1. A secretaria ou o secretario será nomeado por orde da conselleira ou do conselleiro competente en materia de traballo, entre funcionarias e funcionarios pertencentes ao grupo A, por proposta da presidenta ou do presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, logo de consulta coas organizacións empresariais e sindicais representadas neste. O seu cesamento será acordado por orde da conselleira ou do conselleiro competente, por proposta da presidenta ou do presidente, quen dará conta deste ás organizacións referidas.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, substituirase interinamente pola funcionaria ou polo funcionario do Consello Galego de Relacións Laborais que a presidenta ou o presidente designe.

3. Son funcións da secretaria ou do secretario:

a) Ocupar a secretaría do Pleno, da Comisión Permanente e de calquera outro órgano colexiado que puidese constituírse, exercendo as funcións propias de tal cargo.

b) Exercer a coordinación técnico-administrativa dos distintos servizos do Consello Galego de Relacións Laborais e velar pola súa eficacia e polo seu funcionamento.

c) Redactar as actas e darlles o curso correspondente aos acordos que adopte o Consello Galego de Relacións Laborais.

d) Certificar os actos e acordos que realice e adopte o Consello Galego de Relacións Laborais.

e) Despachar coa presidenta ou co presidente os asuntos ordinarios e aqueloutros que lle fosen encargados por aquela ou aquel.

f) Asumir a dirección do persoal ao servizo do Consello Galego de Relacións Laborais.

g) Elaborar o plan e a memoria anuais das actividades do Consello Galego de Relacións Laborais para a súa presentación e conseguinte aprobación polo Pleno, dentro do primeiro trimestre do ano.

h) Substituír a presidenta ou o presidente nos casos de vacante, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, a xuízo do Pleno, así como substituíla ou substituílo naquelas comisións de traballo que o Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais determine constituír.

i) Asistir con voz pero sen voto ás sesións do Pleno e da Comisión Permanente e a aqueloutros órganos e comisións de traballo cando proceda.

Artigo 11º.-Comisións de traballo.

1. As comisións de traballo estarán integradas por persoas designadas polas organizacións empresariais e sindicais representadas no Consello Galego de Relacións Laborais, en proporción e paridade equivalente ao Pleno.

2. As competencias das comisións de traballo serán as que determine o Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais antes da súa constitución.

3. A presidencia e moderación dos traballos que leven a cabo as comisións correspóndelle á presidenta ou ao presidente do Consello Galego de Relacións Laborais ou, de ser o caso, á secretaria ou ao secretario.

4. As conclusións, as resolucións e os acordos aos que se poidan chegar nas comisións de traballo deberanlles ser remitidos ao Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais.

Artigo 12º.-Observatorio Galego para a Negociación Colectiva.

Para o desenvolvemento das funcións atribuídas ao Consello Galego de Relacións Laborais no punto c) do artigo 3, créase, dentro do organigrama do Consello Galego de Relacións Laborais, o Observatorio Galego para a Negociación Colectiva, coas funcións específicas que regulamentariamente se determinen.

Artigo 13º.-Asesoramento técnico.

O Consello Galego de Relacións Laborais poderá contratar o asesoramento técnico que precise de persoas ou entidades especializadas.

TÍTULO III

RÉXIME ADMINISTRATIVO E ECONÓMICO

Artigo 14º.-Persoal do Consello Galego de Relacións Laborais.

1. O Consello Galego de Relacións Laborais contará co persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

2. O persoal ao servizo do Consello Galego de Relacións Laborais será funcionario ou laboral segundo o establecido na correspondente relación de postos de traballo e rexerase pola normativa da comunidadeautónoma en materia de persoal ao servizo da Administración pública.

Artigo 15º.-Financiamento, control e contabilidade.

1. O Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais aprobará anualmente o anteproxecto de orzamento que formará parte dos orzamentos xerais da comunidade autónoma e será remitido pola consellaría á que está adscrito o ente ao departamento competente en materia de orzamentos, no prazo e co contido fixado para as entidades de dereito público no artigo 12.1º b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Neste documento incluiranse as partidas que para tal efecto se consignen nos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

2. O réxime de contabilidade e control financeiro axustarase ao fixado para as entidades de dereito público no artigo 12.1º b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 16º.-Contratación.

O Consello Galego de Relacións Laborais en materia de contratación rexerase polas normas de dereito público, e axustará a súa actuación aos principios de obxectividade, publicidade e concorrencia, salvagarda do interese público e homoxeneización de comportamentos no sector público.

Artigo 17º.-Patrimonio.

O patrimonio do Consello Galego de Relacións Laborais rexerase polo establecido na lexislación patrimonial da Comunidade Autónoma de Galicia para as entidades de dereito público no artigo 12.1º b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición transitoria

Única.-Data de inicio de mandato.

Para os efectos do establecido no artigo 4, tomarase como data de inicio do mandato das persoas membros representativas do Consello Galego de Relacións Laborais, de que fala o artigo 5, o 31 de decembro do ano anterior a aquel no que entre en vigor esta lei.

Asemade, a data de inicio, para efectos de cómputo do mandato da Presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais, unha vez producida a entrada en vigor da lei, será a do 31 de decembro, nos mesmos termos aos que se refire o parágrafo anterior.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación da Lei 7/1988.

Queda derrogada a Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais.

Disposición derradeira

Primeira.-Elaboración do regulamento de funcionamento interno.

O Regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de Relacións Laborais elaborarase no prazo de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 112, do 11 de xuño de 2008.

2 Téñase en conta o Decreto 145/2008, do 17 de xullo, polo que se ditan normas relativas ao funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais derivadas da entrada en vigor da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, e o Decreto 89/2012, do 8 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Consello Galego de Relacións Laborais.