Lei 9/1985, do 30 de xullo, de protección das pedras ornamentais

Lei 9/1985, do 30 de xullo, de protección das pedras ornamentais.1 2

O eido que nesta Lei se pretende protexer é o dos minerais que teñen a súa principal aplicación na industria da construcción.

A importancia socio-económica destes minerais, expresada polo seu valor económico e o emprego xerado, descansa tanto nunha longa tradición de aproveitamento coma na grande riqueza do noso subsolo en calidade e variedade de pedras ornamentais.

Partindo da posibilidade de establece-la identificación obxectiva dos diversos tipos de minerais quérese dota-lo subsector correspondente dun instrumento xurídico axeitado para a protección dos seus productos nos mercados alleos. A existencia das «Denominacións de Orixe» aquí propiciada logrará incrementa-la elaboración de pedras, fomenta-lo vencello dos elaboradores para a comercialización e racionaliza-la extracción, pasos necesarios todos eles para acadar un subsector sólido e competitivo.

A Lei, presentada á aprobación do Parlamento de Galicia, tendo en conta basicamente o disposto no artigo 30.1.4 do Estatuto de Autonomía, e sen descoñece-la interpretación que da competencia asumida no devandito artigo leva a cabo o Real Decreto 4189/1982,

do 29 de decembro, divídese en catro Títulos, cun total de vinte artigos, completados por unha Disposición Adicional e unha Disposición Derradeira.

O Título I refírese ós productos que quedan amparados por Denominación de Orixe e establece o procedemento que se ha seguir verbo do recoñecemento e autorización da correspondente Denominación de Orixe.

O Título II amosa o inevitable rigor ó que se debe estende-la protección, xustamente, outorgada por unha Denominación de Orixe e introduce, verbo do seu emprego, o necesario principio de reserva e as non menos necesarias cautelas en orde á utilización dos nomes protexidos.

O Título III, logo de preve-las funcións, ámbito competencial e composición dos Consellos Reguladores, incide nas cuotas que os mesmos haberán de cobrar e precisa as fontes de financiación das obrigas dos propios Consellos.

O Título IV cínguese a sinala--las obrigas dos titulares das explotacións inscritos no Rexistro de cada Denominación de Orixe, a especifica-las sancións polas infraccións que poidan cometer e a atribuírlles ós Consellos Reguladores e á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio a incoación e instrucción dos expedientes que daquela deriven.

A Disposición Adicional contén o mandato, que compromete á Xunta de Galicia, de orientar, vixiar e coordena-la «producción, elaboración e calidade» dos «productos amparados por Denominación de Orixe».

Por todo o cal, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de protección das pedras ornamentais.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1

1. Os productos procedentes do granito, da pizarra ou doutras pedras ornamentais que teñan calidades e caracteres diferenciáis debidos ó medio natural e/ou á súa elaboración, quedan amparados por Denominación de Orixe.

2. Enténdese por Denominación de Orixe, ós efectos desta Lei, o nome da comarca, parroquia ou lugar xeográfico empregado para designa-los productos que, extraídos e/ou elaborados nesa zona, se refiren no apartado anterior.

Artigo 2

No que atingue ás Denominacións de Orixe enténdese por:

a) Zona de extracción: A comarca, parroquia ou lugar xeográfico no que existen xacementos naturais empregados, ou susceptibles de se empregaren, na obtención de pedras ornamentais de calidades diferenciadas e propias coa axuda ou non de xeitos específicos de elaboración.

b) Zona de elaboración: A comarca, parroquia ou lugar xeográfico onde radican as instalacións de elaboración e onde se lles aplican ós materiais os procedementos e preparación, deseño e forma que, no seu caso, caracterizan ás pedras ornamentais resultantes.

Artigo 3

1. Os extractores e elaboradores de pedras ornamentais que pretendan o recoñecemento e autorización dunha Denominación de Orixe deberán solicitalo da Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, que, en todo caso, poderá promove-la correspondente actuación de oficio.

2. A Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, previo informe sobre das calidades e características dos productos, así como das zonas de extracción ou de elaboración, resolverá sobre da constitución dun Consello Regulador provisorio que terá o único fin de redacta-la proxecto de Regulamento particular da Denominación de Orixe.

3. O proxecto de Regulamento particular haberá de reflexar, entre cantas circunstancias conveñan para garantiza-las calidades de caracteres dos productos amparados pola Denominación de Orixe, as relativas a color, textura, resistencia ó corte e á carga e dureza, así como a delimitación das zonas de extracción e de elaboración.

4. Presentado o proxecto, a Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, previo informe da Consellería de Economía e Facenda, resolverá con carácter definitivo sobre do recoñecemento da Denominación de Orixe, aprobación do Regulamento particular e constitución do Consello Regulador.

Título II

Da protección

Artigo 4

1. A protección outorgada por unha Denominación de Orixe abrangue o uso exclusivo a estes fins dos nomes das comarcas, parroquias e lugares xeográficos que integran as respectivas zonas de extracción e elaboración.

2. Nas pedras ornamentais protexidas pola Denominación de Orixe poderán utilizarse, ademais dos nomes a que se refire o apartado anterior, outras verbas que, respondendo a características físicas de material, acompañarán a Denominación de Orixe en concepto de subdenominación, de acordo co que estableza o seu Regulamento.

Artigo 5

O emprego das Denominacións de Orixe recoñecidas conforme ó disposto nesta Lei, resérvase para aqueles productos que, de acordo coas súas disposicións e coas de cada Denominación de Orixe, teñan dereito ó uso das mesmas.

Artigo 6

Só poderán extraer materiais destinados é elaboración de pedras ornamentais, ó abeiro da Denominación de Orixe, ou elabora-los que terán de ser protexidos, ou emprega-la Denominación de que se trate, os titulares de explotacións que teñan as canteiras e as instalacións inscritas nos rexistros de cada Denominación de Orixe.

Artigo 7

Prohíbese a utilización de nomes e marcas que pola súa similitude fonética ou ortográfica cos nomes protexidos poidan inducir a confusión sobre da natureza ou da orixe do producto, todo isto sen prexuício dos dereitos adquiridos recoñecidos polos órganos competentes.

Artigo 8

Non se poderán utilizar nomes xeográficos protexidos pola Denominación de Orixe nas etiquetas e publicidade dos productos sen dereito a ela, anque tales nomes fosen precedidos dos términos «tipo», «estilo», «da zona de» ou outras semellantes.

Artigo 9

As marcas, nomes comerciais ou razóns sociais que fagan referencia ás Denominacións de Orixe, só se poderán utilizar para a comercialización ou publicidade dos productos que respondan ás calidades e características que se establecen nesta Lei e nas disposicións que a desenvolvan.

Artigo 10

Os regulamentos particulares de cada Denominación de Orixe poderán dispoñer que os nomes comerciais, marcas, símbolos ou lendas publicitarias propias daquela non se usen na comercialización doutros productos da mesma especie.

Artigo 11

As Denominacións de Orixe recoñecidas en virtude desta Lei seranlles comunicadas ós Rexistros da Propiedade Industrial e de Sociedades.

Título III

Dos Consellos Reguladores

Artigo 12

Os Consellos Reguladores Terán as seguintes funcións:

1.— Orientar, vixiar e controla- -la extracción, elaboración ou comercialización das pedras ornamentais amparadas pola Denominación de Orixe, a fin de garantiza-la autenticidade e calidade do producto.

2.— Velar polo prestixio da Denominación de Orixe e persegui-lo seu emprego indebido.

3.— Leva-los Rexistros de canteiras, xacementos, industrias de elaboración e os dos seus titulares, así como os controis que consideren convenientes das entradas e saídas das pedras ornamentais nas instalacións de elaboración e almacenamento.

4.— Colaborar nas tarefas de formación e conservación dos mapas xeolóxicos e mineiros que realice a Consellería de Industria, Enerxía e Comercio.

5.— Expedi-los Certificados de Orixe e mailos precintos de garantía.

6.— A xestión directa e efectiva das cuotas que establece esta Lei e de cantas percepcións lles correspondan, así como a recadación das mesmas.

7.— A promoción e publicidade para a expansión dos seus mercados, así como o estudio dos mesmos.

8.— Actuar, de acordo coa lexislación básica reguladora das súas normas de funcionamento, con plena responsabilidade e capacidade xurídica para obrigarse a comparecer en xuício, exercendo as accións que lles correspondan na súa misión de representar e defende-los intereses xerais da Denominación de Orixe.

9.— Exerce-las facultades que lles sexan delegadas polos órganos da Administración Autónomica Galega.

Artigo 13

1. O ámbito competencial de cada Consello abrangue as respectivas zonas de extracción e elaboración, os productos protexidos pola Denominación e mailos titulares das explotacións inscritas nos diferentes Rexistros.

2. A Consellería de Industria, Enerxía e Comercio poderá delegar no Consello Regulador funcións da súa competencia respecto da vixilancia dos productos da mesma especie cós protexidos, que se elaboren, comercialicen ou se movan dentro da zona de extracción.

Artigo 14

1. Cada Consello Regulador estará composto por:

a) Ata tres vocais representantes de cada un dos sectores extractivo e elaborador, de forma paritaria.

b) Un vocal designado pola Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, con especiais coñecementos na minería e na transformación e aproveitamento das pedras ornamentais.

c) Na primeira reunión do Consello Regulador elixiranse un Presidente, un Vicepresidente e un Secretario de entre os seus membros.

2. Os acordos de cada Consello Regulador constituído adoptaranse por maioría simple dos membros presentes e para a súa validez cumprirá a presencia de máis da metade dos que o compoñen.

3. Verbo das Resolucións dos Consellos Reguladores poderá interpoñerse recurso diante da Consellería de Industria, Enerxía e Comercio.

4. A organización administrativa dos Consellos Reguladores fixarase no Regulamento de cada Denominación de Orixe.

Artigo 15

1. Correspóndelles ós Consellos Reguladores o cobro das seguintes cuotas:

a) Cuota anual sobre das cuadrículas mineiras inscritas nos Rexistros.

b) Cuota sobre dos productos protexidos.

c) Cuota polo dereito de expedición de Certificado de Orixe, visado de facturas e venda de precintos.

2. As bases para fixación das cuotas que ten que cobra-lo Consello Regulador serán respectivamente:

a) O producto do número de cuadrículas mineiras inscritas a nome de cada interesado polo valor medio en pesetas de pedra extraída nunha cuadrícula na zona e no ano precedente.

b) O valor obtido multiplicando o precio medio da unidade de producto protexido pola cantidade vendida.

c) O valor documentado.

3. Os tipos máximos serán respectivamente:

a) O un por cento.

b) O un por cento.

c) O cinco por mil do valor documentado.

4. O Regulamento particular de cada Denominación de Orixe determinará o titular obrigado ó pagamento de cada unha das cuotas previstas, de xeito que en ningún caso haxa dobre pagamento, e establecerá as modalidades de cuotas e tipos aplicables ás distintas bases.

Artigo 16

A financiación das obrigas dos Consellos Reguladores efectuarase cos seguintes recursos:

a) As subvencións, legados e doacións que reciban.

b) As cantidades que lles correspondan das cuotas establecidas no artigo anterior.

c) Os bens que constitúan o seu patrimonio e os productos e rendas do mesmo.

Artigo 17

A Consellería de Industria, Enerxía e Comercio vixiará a actuación dos Consellos Reguladores e, no seu caso, adoptará as medidas necesarias para lograr que cumpran coas súas función propias ou delegadas.

Título IV

Das infraccións

Artigo 18

Os titulares de explotacións inscritos nos Rexistros de cada Denominación de Orixe virán obrigados a cumpri-las disposicións do seu Regulamento particular e os acordos da Consellería de Industria, Enerxía e Comercio e do Consello Regulador respectivo, así como a satisface-las cuotas que lles correspondan.

Artigo 19

As infraccións cometidas polos titulares a que fai referencia o artigo anterior serán sancionadas con apercibimentos, multa, suspensión temporal ou definitiva do uso da Denominación de Orixe, na forma que regulamentariamente se determine.

Artigo 20

1. Os Consellos Reguladores acordarán a incoación e instrucción dos expedientes por infraccións cometidas polos titulares a que se refiren os artigos anteriores.

2. A Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, de oficio ou a instancia de parte, acordará a incoación e instrucción dos expedientes por infraccións cometidas por empresas ubicadas no territorio da Comunidade Autónoma e non inscritas nos Rexistros de cada Denominación de Orixe.

Disposición adicional

A Xunta de Galicia orientará, vixiará e coordenará a producción, elaboración e calidade dos productos amparados por Denominación de Orixe.

Disposición derradeira

A Xunta de Galicia desenvolverá regulamentariamente a presente Lei no término de seis meses.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 1985

Gerardo Fernández Albor
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 157, do 17 de agosto de 1985.

2 En relación con esta lei pode consultarse a STC 211/1990, do 20 de decembro, que desestimou o recurso de inconstitucionalidade formulado contra ela (BOE núm. 9, do 10 de xaneiro de 1991).