Lei 11/2004, do 19 de novembro, de inspección de consumo de Galicia

Lei 11/2004, do 19 de novembro, de inspección de consumo de Galicia.1

Exposición de motivos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de consumo.

En desenvolvemento desta competencia, por medio da Lei 12/1984, do 28 de decembro, aprobouse o Estatuto galego do consumidor e usuario. A aprobación deste estatuto, sendo un dos primeiros en aprobarse, pon de manifesto a preocupación e sensibilización do lexislador autonómico respecto de todas aquelas cuestións relacionadas co eido do consumo.

Malia o anterior, os esforzos do lexislador galego non se circunscribiron ao eido da elaboración dunha norma substantiva como é o Estatuto galego do consumidor e usuario senón que, co fin de acadar unha mellor e maior protección dos intereses dos consumidores e usuarios, por medio da Lei 8/1994, do 30 de decembro, creouse o Instituto Galego de Consumo, como organismo autónomo de carácter administrativo que establece unha estrutura administrativa para unha mellor e máis eficaz información e defensa do consumidor e usuario.

Dentro deste ámbito organizativo, unha peza fundamental para o control do mercado é a inspección de consumo; inspección de consumo que, tendo en conta a maior complexidade do mercado e a actual economía globalizada, debe ser obxecto dunha cada vez maior profesionalización e especialización, así como dun corpo normativo que ampare as súas actuacións, o que redundará, ademais de nunha maior eficacia das actuacións inspectoras, nunha maior seguridade xurídica, tanto para os consumidores e usuarios como para as empresas obxecto de inspección.

Neste eido da seguridade xurídica e da regulación das potestades administrativas, a actividade da administración pública adaptouse á nova realidade administrativa por medio da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Este novo marco normativo da administración pública establece novas cautelas e garantías a favor dos administrados, deixando unha marxe de manobra ampla para que cada comunidade autónoma, respectando os seus principios esenciais, poida adaptar a súa actuación ás súas necesidades e realidades específicas.

Por isto, é, dentro deste marco xeral, onde debe incardinarse esta lei de inspección en materia de consumo, inspección que lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia e coa Lei 12/1984, do 28 de decembro, pola que se aproba o Estatuto galego do consumidor e usuario, xa citados.

O obxectivo perseguido é a regulación da inspección en materia de consumo dun xeito global, incluíndo a fase de actuacións previas do procedemento sancionador, que é onde acada a súa maior virtualidade, pero sen esquecer outras funcións da inspección de consumo que non se plasman nun procedemento administrativo sancionador.

Neste sentido, establécese un elenco de funcións onde a actuación da inspección se plasma dun xeito amplo abarcando todas aquelas actuacións que, de forma directa ou indirecta, contribúan a unha maior defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios; así, ademais das funcións tradicionais da inspección, engádense outras como a proposta de mediación ou informar ás empresas e consumidores das exixencias establecidas na normativa relativa á defensa dos consumidores e usuarios.

Estas funcións, concibidas de xeito amplo, permitiranlles ás autoridades de consumo establecer planificacións xerais co fin de investigar aqueles sectores do mercado onde se atope un maior déficit de cumprimento da normativa de protección ao consumidor, especialmente respecto daqueles produtos, servizos ou actividades dos que poderían derivar riscos para a súa saúde e seguridade, por mor de incluílos como prioritarios das actividades de vixilancia e control.

De igual xeito, esta concepción ampla permite obter a flexibilidade necesaria para lles facer fronte ás novas formas de comercialización ou de actuación dos distintos axentes que actúan na produción e comercialización de bens ou servizos no mercado, como por exemplo a verificación do cumprimento dos códigos de boas prácticas empresariais, sendo estes, como así se pon de manifesto na normativa da Unión Europea, unha peza importante dentro dos sistemas de autocontrol e avaliación que redundan en beneficio do consumidor.

A través desta lei tamén se crean as escalas de inspectores e subinspectores de consumo, pretendendo acadar unha maior profesionalización dos funcionarios que realizan funcións de inspección, téndose optado pola creación de dúas escalas debido á variedade de actuacións e distinta complexidade das funcións encomendadas á Inspección de Consumo, que aconsellan a creación destas dúas escalas, onde as actividades máis complexas quedarían reservadas aos inspectores de consumo, correspondéndolle á escala de subinspectores de consumo a prestación de apoio aos inspectores.

Tamén se regulan nesta lei as actuacións da Inspección de Consumo, determinando tanto as súas potestades como as obrigas dos interesados, así como a documentación das súas actuacións, todo isto co fin de acadar unha maior seguridade xurídica que sexa compatible coas finalidades da Inspección de Consumo. Dentro deste equilibrio debe destacarse a regulación da potestade establecida na normativa de datos de carácter persoal, de poder acceder pola Inspección de Consumo a estes datos no exercicio das súas funcións.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de inspección de consumo de Galicia.

Artigo 1. Obxecto.

Esta lei ten por obxecto a regulación da inspección en materia de consumo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Funcións da Inspección de Consumo.

Correspóndenlle á Inspección de Consumo as seguintes funcións:

1. Vixiar, verificar e constatar o cumprimento da normativa que poida afectar, directa ou indirectamente, os dereitos dos consumidores e usuarios na comercialización de produtos e prestación de servizos que teñan como destinatarios finais os consumidores e usuarios.

2. Investigar e comprobar os feitos dos que teña coñecemento a administración en materia de consumo, por presuntas infraccións ou irregularidades en materia de defensa do consumidor e usuario.

3. Informar ás empresas, durante a realización das súas actuacións, sobre as exixencias, cumprimento e aplicación da normativa vixente en materia de protección e defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, así como facilitar aos consumidores e usuarios a información que precisen para o axeitado exercicio dos seus dereitos, divulgando o sistema arbitral de consumo.

4. Realizar actuacións de mediación naqueles casos nos que a través deste medio poidan solucionarse os posibles conflitos que poidan xurdir entre empresarios e consumidores e usuarios.

5. Elaborar os informes que requira a súa actividade, así como os solicitados polos órganos competentes en materia de arbitraxe de consumo ou potestade sancionadora, e os que, de ser o caso, lle sexan requiridos por outros órganos da Administración da Comunidade Autónoma.

6. Estudar, preparar e executar as campañas de inspección, así como calquera outra actuación preparatoria para a correcta execución das súas funcións.

7. Executar as accións derivadas do sistema de intercambio rápido de información relativo á seguridade dos produtos industriais.

8. Executar as ordes ditadas polas autoridades competentes en materia de consumo no ámbito da inspección de consumo.

9. Calquera outra que se estableza no desenvolvemento regulamentario desta lei.

Artigo 3. Obrigas ante a Inspección de Consumo.

1. Co fin de salvagardar os dereitos dos consumidores e usuarios, as persoas físicas ou xurídicas, asociacións ou entidades que de calquera forma interveñan na produción ou comercialización de bens ou servizos estarán obrigadas, por requirimento dos órga

nos competentes en materia de consumo ou dos funcionarios da Inspección de Consumo:

-A subministrar toda clase de información e datos, incluídos os de carácter persoal, sobre instalacións, produtos, servizos, transaccións comerciais ou contratos de prestación de servizos, permitindo a directa comprobación dos funcionarios da Inspección de Consumo.

-A exhibir a documentación que sirva de xustificación das transaccións efectuadas ou contratacións realizadas, dos prezos e marxes aplicados e dos conceptos nos que se descompoñen estes.

-A facilitar copia ou reprodución da referida documentación, incluída aquela que conteña datos de carácter persoal.

-A permitir que se practique a oportuna toma de mostras dos produtos ou mercancías que elaboren, distribúan ou comercialicen ou que se practique calquera outro tipo de control ou ensaio sobre produtos ou bens en calquera fase de elaboración, envasado ou comercialización.

-E, en xeral, a consentir a realización das visitas de inspección e a dar toda clase de facilidades para isto.

2. Na inspección dos produtos obxecto de venda ou da prestación de servizos, o comparecente deberá xustificar, no momento da inspección, o cumprimento dos requisitos exixidos pola lexislación vixente para a súa venda ou prestación.

3. A falsidade, así como a constancia nos ditos documentos de datos inexactos ou incompletos, considerarase infracción en materia de consumo, sen prexuízo de que, se se observase a posible existencia de delito ou falta, se pase o tanto de culpa aos tribunais de xustiza.

4. A carencia de toda ou parte da documentación regulamentaria exixida, a súa defectuosa levanza ou a negativa a subministrala, cando afecte fundamentalmente á determinación dos feitos imputados ou á cualificación destes, estimarase como presunción de infracción, agás proba en contrario.

5. Só poderán requirirse datos de carácter persoal cando estes sexan imprescindibles para o cumprimento das funcións da Inspección de Consumo.

Artigo 4. Colaboración coa Inspección de Consumo.

Para o fin de salvagardar os dereitos dos consumidores e usuarios, e dentro das funcións da Inspección de Consumo, as empresas con participación pública, organizacións empresariais e corporativas, así como as organizacións de consumidores e usuarios, prestarán cando sexan requiridas para isto calquera información que lles soliciten os correspondentes servizos de inspección, incluídos datos de carácter persoal, aos que lles será de aplicación o establecido no apartado 5 do artigo anterior. O incumprimento desta obriga supoñerá infracción en materia de consumo.

Artigo 5. Escalas da Inspección de Consumo.

1. A actividade inspectora en materia de consumo será realizada polos funcionarios da Inspección de

Consumo, que se estrutura nas seguintes escalas que se crean a través desta lei:

a) Escala de inspectoras e inspectores de consumo, pertencente ao corpo de xestión, grupo B, da Xunta de Galicia, e

b) Escala de subinspectoras e subinspectores de consumo, pertencente ao corpo administrativo da Xunta de Galicia, grupo C.

Para o ingreso nestas escalas exixirase estar en posesión da titulación correspondente ao grupo ao que pertence cada unha, de acordo coa normativa de función pública.

2. Correspóndelles aos inspectores de consumo a dirección e execución das accións dirixidas ao cumprimento das funcións establecidas no artigo 2 desta lei.

3. Correspóndelles aos subinspectores de consumo a prestación de apoio aos labores encomendados aos inspectores de consumo.

4. O acceso a estas escalas será a través de calquera dos sistemas de acceso previstos na normativa de función pública.

5. As funcionarias e os funcionarios da Inspección de Consumo intégranse dentro do Instituto Galego de Consumo creado pola Lei 8/1994, do 30 de decembro, con dependencia orgánica do devandito instituto e coa dependencia funcional establecida regulamentariamente.

Artigo 6. Habilitación de funcionarios para a realización de funcións de inspección de consumo.

No caso de necesidade do servizo ou pola natureza da inspección, o presidente do Instituto Galego de Consumo poderá habilitar funcionarios pertencentes ao grupo B como inspectores de consumo e funcionarios do grupo C como subinspectores de consumo.

Estas habilitacións poderán ser para un caso concreto ou por un período de tempo que en ningún caso poderá ser superior a seis meses continuados e sempre cumprindo coas garantías de profesionalidade e especialización para o caso.

Deberá procederse a axustar o cadro de persoal cando, realizada unha habilitación, o obxecto dela poña de manifesto unha necesidade continua e permanente, co fin de atender a esta.

Artigo 7. Carácter e colaboración do funcionariado da Inspección de Consumo.

1. Os funcionarios da Inspección de Consumo, no exercicio das súas funcións, terán o carácter de autoridade e, para o desenvolvemento das súas funcións, poderán solicitar a axuda que resulte precisa de calquera outra autoridade ou dos seus axentes, que deberán prestárllela, incluídos os pertencentes aos corpos e forzas de seguridade do Estado de acordo coa súa normativa específica.

2. Así mesmo, os funcionarios da Inspección de Consumo deberán colaborar con outros departamentos da Xunta de Galicia ou outras administracións, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na verificación dos requisitos de comercialización ou prestación de servizos destinados aos consumidores e usuarios.

3. Na planificación das actuacións da Inspección de Consumo actuarase, na medida do posible, en coordinación con outras inspeccións de calquera administración pública, especialmente coas da Administración local.

Artigo 8. Forma de realización das actuacións inspectoras.

1. No exercicio das súas funcións, o funcionariado da Inspección de Consumo estará obrigado a identificarse como tal e, cando lle sexa solicitado, exhibir as credenciais da súa condición.

2. O disposto no punto anterior, no relativo ao carácter previo da identificación, non será aplicable naqueles casos en que a finalidade da inspección poida frustrarse por tal motivo, incluídos os supostos de contratación de bens ou servizos, e para calquera fin relacionado coas actuacións inspectoras, entre as que se entenderán, en todo caso, as tomas de mostras.

Só poderá actuarse da forma establecida no parágrafo anterior sempre que os labores de inspección se realicen en lugares físicos ou virtuais de acceso público e se determinen, por escrito, as causas que xustifiquen tal actuación.

3. As actuacións da Inspección de Consumo practicaranse, na medida do posible, na forma que resulte máis cómoda para aquelas persoas coas que deban de realizarse e compatible coas súas obrigacións laborais ou profesionais.2

Artigo 9. Visitas de inspección.

1. O funcionariado da Inspección de Consumo poderá en calquera momento realizar visitas ás empresas, actividades e establecementos dedicados á comercialización de produtos ou á prestación de servizos para a práctica de calquera das actuacións referentes aos seus labores. Para estes efectos, o funcionariado da Inspección de Consumo terá a facultade de acceder libremente e sen notificación previa, en calquera momento, ás instalacións, locais ou dependencias, despois da acreditación da súa condición, sen prexuízo do disposto no apartado 2 do artigo 8 desta lei.

2. O funcionariado da Inspección de Consumo durante a visita poderá ir acompañado do xefe de servizo ou dos técnicos especialistas na materia correspondente, naqueles casos nos que se considere conveniente.

3. Durante a visita os funcionarios da Inspección de Consumo poderán:

a) Inspeccionar os produtos obxecto de venda, o local e as súas dependencias, realizando as verificacións e comprobacións que procedan.

b) Exixir a presentación de documentación, libros e rexistros que teñen relación co obxecto da investigación, co fin de examinalos e obter as copias ou reproducións necesarias, incluídos aqueles que conteñan datos de carácter persoal.

c) Solicitar declaración, datos ou antecedentes do titular, responsable ou representante da empresa ou actividade e recadar información dos empregados ou clientes sobre cuestións relacionadas co obxecto da inspección, incluídos datos de carácter persoal.

d) Realizar medicións e tomar mostras ou fotografías, así como practicar calquera outra proba polos medios legais permitidos.

3. Levar a cabo cantas actuacións sexan precisas por causa do cumprimento das funcións de inspección que desenvolven.

Artigo 10. Citacións.

1. O funcionariado da Inspección de Consumo poderá efectuar citacións co fin de que as persoas titulares de empresas, actividades ou establecementos, ou os seus representantes legais, comparezan no lugar onde se atope o domicilio da empresa, onde se realice a venda dos produtos ou a prestación dos servizos ou nas oficinas do Instituto Galego de Consumo para os efectos de facilitar o desenvolvemento do labor inspector e achegar a documentación precisa e canta información ou datos sexan necesarios, incluída aquela con datos de carácter persoal.

2. Estas citacións poderán realizarse igualmente a calquera consumidor ou usuario, sempre que sexa absolutamente imprescindible para a actividade inspectora.

3. Nas citacións farase constar o lugar, data, hora e obxecto da comparecencia, procurando a mínima perturbación das obrigas laborais e profesionais das persoas citadas, que poderán acudir acompañadas de asesores identificados.

Artigo 11. Requirimentos.

1. O funcionariado da Inspección de Consumo, no exercicio das funcións que ten recoñecidas, está facultado para requirir a presentación ou remisión de documentos, a subministración de datos, incluso de carácter persoal, de acordo co disposto nos apartados 1 e 5 do artigo 3, ou a execución das actuacións necesarias para o esclarecemento dos feitos obxecto da actividade inspectora. O seu incumprimento entenderase como obstrución á inspección ou negativa a facilitar a información requirida por eles, sen prexuízo do establecido no apartado 4 do artigo 3 desta lei.

2. Cando da inspección realizada resultaran simples inobservancias de exixencias ou requisitos facilmente emendables, das que non deriven danos ou perdas inmediatos para os consumidores ou usuarios, a inspección poderá formularlle ao titular ou representante do establecemento ou servizo os requirimentos que considere oportunos, co fin de acadar a súa efectiva adecuación á normativa vixente.

Neste caso, o requirimento recollerá as anomalías, irregularidades ou deficiencias apreciadas coa indicación, de ser o caso, do prazo para a súa emenda.

Artigo 12. Documentación da actuación inspectora.

1. As actuacións do funcionariado da Inspección de Consumo documentaranse en comunicacións, dilixencias, informes e actas. Os requisitos específicos destes documentos, sen prexuízo do establecido nesta lei, son os determinados regulamentariamente.

2. As dilixencias son os documentos que redacta o funcionariado da Inspección de Consumo para facer constar calquera feito ou circunstancia, incluído o contido de páxinas web ou información ou comunicacións realizadas por calquera medio, incluído na internet, ou manifestación con relevancia para a inspección.

A dilixencia será válida coa sinatura unicamente do persoal actuante naqueles casos en que non se requira a presenza dun comparecente ou esta non sexa posible, ou ben cando a súa presenza poida frustrar a acción inspectora.3

3. As actas de inspección son documentos que redactan os funcionarios da Inspección de Consumo nos que se recolle o resultado da función inspectora de vixilancia e verificación do cumprimento das disposicións e normativa de protección e defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios durante as visitas de inspección e nas que deben figurar, como mínimo, a data, hora e lugar da inspección, a identificación dos funcionarios actuantes, o motivo da inspección, a localización do establecemento ou actividade inspeccionada e a referencia aos feitos constatados.

4. As dilixencias e as actas de inspección teñen natureza de documento público e terán valor probatorio dos feitos que motiven a súa formalización, agás que se acredite o contrario.

Artigo 13. Ratificación das actuacións.

O superior xerárquico ou os instrutores dos procedementos poderán solicitar dos funcionarios da Inspección de Consumo intervenientes a ratificación das actas ou dilixencias formalizadas por estes.

Disposicións transitorias

Primeira.-As funcionarias e os funcionarios pertencentes ao corpo de xestión da Xunta de Galicia, grupo B, que á entrada en vigor desta lei desempeñen postos con carácter definitivo con funcións de inspección de consumo, e así figuren na vixente relación de postos de traballo, poderán integrarse na escala de inspectores de consumo mantendo a súa localidade de destino, ou manter a súa situación actual de acordo co establecido na disposición transitoria terceira. Para tales efectos deberán presentar escrito de opción no prazo de quince días hábiles desde a data da entrada en vigor desta lei.

Segunda.-As funcionarias e os funcionarios pertencentes ao corpo administrativo da Xunta de Galicia, grupo C, que á entrada en vigor desta lei desempeñen postos con carácter definitivo con funcións de inspección de consumo, e así figuren na vixente relación de postos de traballo, poderán integrarse na escala de subinspectores de consumo mantendo a súa localidade de destino, ou manter a súa situación actual de acordo co establecido na disposición transitoria terceira. Para tales efectos deberán presentar escrito de opción no prazo de quince días hábiles desde a data de entrada en vigor desta lei.

Terceira.-O persoal da Xunta de Galicia que á entrada en vigor desta lei desempeñe postos con carácter definitivo con funcións de inspección de consumo seguirá desempeñando as ditas funcións na forma e condicións previstas nesta lei.

Os postos de traballo que ocupen os funcionarios ou funcionarias que non se integren nas escalas de inspectores e subinspectores de consumo, unha vez que queden vacantes, recualificaranse para ser incorporados a unha destas dúas escalas.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogado o artigo 13 da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo.

Segunda.-Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Xunta de Galicia para proceder ao desenvolvemento regulamentario desta lei.

Segunda.-Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm.235, do 2 de decembro de 2004.

2 Redacción dos números 2 e 3 dada polo artigo 49 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

3 Redacción do número 2 do artigo 12 dada polo artigo 49 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).