Lei 1/1996, do 5 de marzo, de regulación das actividades feirais de Galicia

Lei 1/1996, do 5 de marzo, de regulación das actividades feirais de Galicia.1 2

De conformidade co establecido no artigo 27.16º do Estatuto de autonomía para Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de feiras e mercados interiores.

Na súa virtude, e dada a importancia das actividades feirais como elemento dinamizador da economía galega e medio de promoción dos seus productos, a súa evolución ó longo do tempo e a necesaria aplicación no marco da Unión Europea dos principios de libre concorrencia, libre prestación de servicios e liberdade de establecemento, faise necesario que a Comunidade Autónoma dicte unha nova normativa na materia co fin esencial de acadar uns servicios feirais que se correspondan coa demanda existente e ó mesmo tempo garanti-la eficacia práctica, na nosa comunidade, daqueles principios.

A presente lei, estructurada en seis capítulos, unha disposición transitoria, unha adicional, unha derrogatoria e unha derradeira, establece o marco normativo para que o conxunto de actividades que constitúe o seu ámbito de aplicación sexa conforme á realidade actual e contribúa deste xeito á ampliación dos intercambios comerciais mediante o achegamento entre a oferta e a demanda.

A lei define as actividades feirais que se inclúen no seu ámbito de aplicación diferenciando entre actividades de carácter oficial, para a condición das cales a súa adquisición está suxeita ó cumprimento de requisitos específicos fixados na propia lei, e actividades de carácter privado, respecto das cales a súa realización pode levarse a cabo por calquera persoa física ou xurídica, coa única limitación da necesaria autorización administrativa previa.

Así mesmo fíxanse as actividades excluídas do seu ámbito ben en razón do seu carácter tradicional (mercados destinados ás transaccións de gando, productos agrícolas e pesqueiros e outros de uso e consumo corrente), da natureza dos productos obxecto dela (exposicións dirixidas a productos culturais, científicos, educacionais e artísticos), do obxecto principal da súa finalidade (realización de vendas directas con retirada de mercadorías durante o seu desenvolvemento) ou da súa suxeición á normativa específica (actividades promocionais desenvolvidas por establecementos comerciais).

Doutra banda, a lei sinala como requisito necesario para a realización de calquera actividade incluída no seu ámbito de aplicación a autorización previa da Administración, podendo establecer esta, como condición para a súa concesión, a prestación dunha fianza.

Finalmente recóllese o Rexistro Oficial de Actividades Feirais e regúlase o réxime sancionador dirixido a garanti-lo cumprimento das prescricións legais.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgou en nome de El-Rei a Lei de regulación de actividades feirais de Galicia.

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente lei ten por obxecto a regulación das actividades feirais que se realicen en Galicia, con excepción das que sinala o artigo seguinte.

2. 3

Artigo 2º.-Ámbito.

Quedan excluídas do ámbito desta lei:

a) As feiras ou os mercados dedicados fundamentalmente ás transaccións de gando, productos agrarios e pesqueiros e outros de uso ou consumo corrente, con independencia da súa periodicidade.

En calquera caso, os certames gandeiros están sometidos á vixente lexislación específica sobre gandería e sanidade animal.

b) As feiras que, con independencia da súa periodicidade, se dirixan ó público en xeral e teñan por obxecto a venda directa con retirada de mercadorías durante o seu desenvolvemento.

c) As actividades de carácter promocional organizadas polos establecementos comerciais, con independencia da súa duración.

d) As exposicións que teñan por obxecto a exhibición, con ou sen venda, de productos da cultura, a ciencia, a educación e a arte.

Capítulo II4

Concepto e clasificación

Artigo 3º.-Concepto e clasificación.

1. Considéranse actividades feirais, para os efectos desta lei, as manifestacións comerciais que teñen por obxecto a exposición, a difusión e a promoción comercial de bens e/ou servizos, fomentar contactos e intercambios comerciais e mais achegar a oferta dos distintos sectores da actividade económica á demanda, sempre que teñan unha duración limitada no tempo e reúnan unha pluralidade de expositores.

En virtude das características da oferta exhibida, poderase practicar a venda directa con retirada de mercadoría, tras a autorización expresa da dirección xeral competente en materia de comercio.

2. As actividades feirais clasifícanse en:

a) Por razón da súa periodicidade: en feiras de carácter periódico e exposicións de carácter non periódico.

b) Por razón da oferta exhibida: en multisectoriais, aquelas feiras ou exposicións nas que se exhiba unha oferta representativa de distintos sectores da actividade económica, e en monográficas ou salóns, respecto das cales a oferta se refira a un único sector.

3. Tanto nas feiras coma nas exposicións pódense admitir pedidos e perfeccionar contratos de compravenda

Capítulo III

Actividades feirais oficiais de Galicia

Artigo 4º.-Cualificación.

1. A Xunta de Galicia poderá outorgarlles ás feiras a cualificación de oficial.

2. O outorgamento da cualificación de oficial esixirá a concorrencia, como mínimo, das características seguintes:

a) Que estean organizadas por persoa xurídica.

b) Que teñan lugar en instalacións permanentes dotadas dos servicios convenientes para este tipo de actividades.

c) Que conten cun número mínimo de expositores e metros cadrados de superficie de exposición que regulamentariamente se determine.

d) Que o seu ámbito de influencia sexa igual ou superior ó da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que dispoñan dun regulamento de participación dos expositores.

Artigo 5º.-Regulamento de participación.

O regulamento de participación dos expositores citado no artigo 4º e) desta lei terá, como mínimo, o seguinte contido:

a) Dereitos e obrigacións dos expositores.

b) Criterios que establezan unha orde de prioridade no tocante ás solicitudes de participación.

c) Procedemento relacionado coas distintas cuestións que se formulen entre os participantes e regulación dun órgano de carácter arbitral, que será o encargado de dirimi-las ditas cuestións.

Artigo 6º.-Comité organizador.

A organización de feiras oficiais esixirá a constitución dun comité organizador, no que estará representada a entidade organizadora, a Administración autonómica, o concello onde deba realizarse e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación da correspondente demarcación.

Artigo 7º.-Orzamentos.

As entidades organizadoras das feiras oficiais presentaranlle anualmente á consellería competente en

materia de comercio os respectivos orzamentos e as correspondentes liquidacións. Tamén presentarán a memoria anual das actividades realizadas.

Artigo 8º.-Calendario de feiras oficiais.

A consellería competente en materia de comercio publicará anualmente o calendario de feiras oficiais de Galicia.

Capítulo IV5

Réxime de comunicación previa das actividades feirais.

Artigo 9. Comunicación previa en materia de actividades feirais.

1. A realización de feiras ou exposicións, excepto as feiras mercado de ámbito exclusivamente local, serán obxecto dunha comunicación previa á consellaría competente en materia de comercio. As finalidades desta comunicación son coordinar as feiras ou exposicións, para a súa difusión e promoción, e garantir un correcto desenvolvemento delas.

A Administración autonómica exercerá facultades de coordinación para evitar duplicidades de feiras e exposicións oficiais.

2. A realización de feiras mercado de ámbito territorial de influencia exclusivamente local comunicaráselle previamente ao concello no termo municipal do cal se pretenda realizar. Os concellos deberanlle trasladar as comunicacións recibidas á consellaría competente en materia de comercio para a súa incorporación ao Rexistro Oficial de Actividades Feirais de Galicia.

Artigo 10. Presentación da comunicación.

1. Para os efectos sinalados no artigo anterior, a persoa organizadora presentará a comunicación cunha antelación mínima de dous meses á data na que pretenda realizar a actividade.

2. A comunicación da realización de feiras actualizarase, se é o caso, con periodicidade anual.

3. Calquera modificación nas condicións reflectidas na comunicación deberalle ser notificada á consellaría competente en materia de comercio.

Artigo 11. Requisitos.

As persoas organizadoras da actividade feiral farán constar na comunicación previa os datos da súa identificación e os seguintes:

a) A denominación, o ámbito territorial, a duración, a data e o lugar de realización.

b) Os produtos aos que se dirixe e a previsión de participantes.

c) As características do espazo físico no que se vai desenvolver a actividade, así como os servizos dos que dispón.

d) A realización ou non de venda directa.

e) Aquelas circunstancias que, se é o caso, se determinen regulamentariamente.

Artigo 12. Obrigas.

Son obrigas da persoa organizadora da actividade feiral:

a) Presentar a comunicación previa nos termos previstos nesta lei e nas normas que a desenvolvan.

b) Prestar a garantía que, se é o caso, estableza a administración.

c) Realizar a actividade feiral de conformidade coas condicións reflectidas na comunicación previa e co preceptuado nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.

d) Responsabilizarse do cumprimento das prescricións establecidas nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan e, en xeral, da normativa vixente, así como da seguridade das persoas, dos produtos, das instalacións industriais e do ambiente.

e) Prestar a colaboración que lle sexa requirida pola consellaría competente en materia de comercio ou polos concellos no ámbito das súas respectivas competencias, co obxecto de garantir o cumprimento desta lei e das disposicións que a desenvolvan, así como das condicións establecidas na comunicación efectuada

Capítulo V6

Rexistro Oficial de Actividades Feirais de Galicia.

Artigo 13. Rexistro Oficial de Actividades Feirais de Galicia.

1. A consellaría competente en materia de comercio levará un rexistro oficial de actividades feirais de Galicia no que se inscribirán de oficio as actividades feirais comunicadas.

2. No rexistro faranse constar os datos de identificación das persoas organizadoras e das actividades feirais comunicadas, as condicións que se especifiquen nas respectivas comunicacións previas e as posibles sancións que se impoñan polas infraccións previstas no capítulo VI.

3. Calquera modificación dos datos relativos ás actividades feirais inscritas deberalle ser comunicada á consellaría competente en materia de comercio.

4. Os datos que figuren no rexistro terán carácter público, de acordo cos procedementos de acceso e difusión que se establezan regulamentariamente.

5. As normas de organización e funcionamento do rexistro estableceranse regulamentariamente».

Tres. Modifícase o capítulo VI, que terá a seguinte redacción, e do que se suprimen os artigos 21, 22 e 23:

Capítulo VI7

Réxime sancionador.

Artigo 14. Infraccións.

1. As infraccións ao disposto nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan serán cualificadas como leves, graves e moi graves.

2. Son infraccións leves:

a) A falta de comunicación ao rexistro dos datos relativos ás actividades feirais inscritas nel.

b) As infraccións ao establecido nesta lei que non poidan ser cualificadas como graves ou moi graves.

3. Son infraccións graves:

a) A realización de actividades feirais sen a comunicación previa prevista nesta lei.

b) A reincidencia na comisión de infraccións leves no período dun ano.

4. Son infraccións moi graves:

a) O uso indebido da denominación «feira oficial» en feiras non recoñecidas como tales.

b) Calquera infracción ao establecido nesta lei cando dela deriven alteracións da orde pública ou un notable prexuízo para o interese xeral.

c) A reincidencia na comisión de infraccións graves no período de dous anos.

5. Para os efectos do disposto nos números 3.b) e 4.c) deste artigo, entenderase que existe reincidencia cando, no período indicado, se cometa máis dunha infracción da mesma natureza e así fose declarado por resolución firme.

Artigo 15. Sancións.

1. As sancións que se impoñan polas infraccións tipificadas nesta lei serán:

a) No caso de infraccións leves, multa de ata 3.000 euros.

b) No caso de infraccións graves, multa de 3.001 ata 30.000 euros.

c) No caso de infraccións moi graves, multa de 30.001 ata 100.000 euros.

2. En todo caso, para a gradación das sancións teranse en conta a transcendencia social da infracción, a intencionalidade para os efectos económicos producidos e a reincidencia.

Artigo 16. Prescrición.

1. As infraccións previstas nesta lei prescribirán aos seis meses se son leves, aos dous anos se son graves e aos cinco anos se son moi graves.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar o día seguinte ao da súa comisión ou a partir da súa finalización se se trata dunha infracción continuada. O prazo de prescrición interromperase no momento no que se inicie, con coñecemento do infractor, o procedemento sancionador, e volverase iniciar o cómputo cando o procedemento termine sen sanción ou se paralice por causa non imputable á persoa infractora.

3. As sancións previstas nesta lei prescribirán ao ano se son leves, aos dous anos se son graves e aos tres anos se son moi graves.

4. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impoña a sanción. O prazo interromperase coa iniciación, con coñecemento da persoa infractora, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable a ela.

Artigo 17. Procedemento sancionador.

1. O procedemento para a imposición das sancións axustarase ao establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nas normas que a desenvolvan.

2. O órgano competente para a resolución do expediente sancionador, por proposta da xefatura territorial competente para a incoación, poderá acordar a suspensión da realización dunha actividade feiral no caso de incumprimento das obrigas e prescricións desta lei e das disposicións que a desenvolvan.

Artigo 18. Incoación.

Os órganos con competencias para incoar os procedementos sancionadores por infracción do disposto nesta lei son as xefaturas dos departamentos territoriais da consellaría competente en materia de comercio.

Artigo 19. Órganos competentes.

Os órganos competentes para impoñer as sancións establecidas nesta lei serán:

a) A persoa titular do departamento territorial correspondente, para as derivadas de faltas leves. Cando a infracción afecte o ámbito territorial de máis dun departamento, será competente a persoa titular da dirección xeral competente en materia de comercio interior.

b) A persoa titular da consellaría competente en materia de comercio interior, para as derivadas de faltas graves.

c) O Consello da Xunta, para as derivadas de faltas moi graves.

Artigo 20. Recursos.

Contra as resolucións ditadas en cumprimento do establecido nesta lei poderanse interpoñer os recursos correspondentes, de conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

Disposición adicional

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para actualiza-lo importe das sancións establecidas nesta lei.

Disposición transitoria

No prazo dos seis meses seguintes á entrada en vigor desta lei, as institucións feirais existentes adaptaranse ás disposicións dela.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o título IV (Dos certames feirais) da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, o Decreto 296/1985, do 14 de novembro, regulador dos certames feirais de Galicia, e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a esta lei.

Disposición derradeira

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Santiago de Compostela, cinco de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 58, do 21 de marzo de 1996.

2 En materia de actividades feirais, téñase en conta tamén, no que se manteña vixente, a Lei 10/1992, do 30 de xullo, pola que se declaran de interese social as obras precisas para a construcción-ampliación do recinto feiral e das instalacións complementarias que promova ou execute a fundación Semana Verde de Galicia (DOG núm. 162, do 20 de agosto de 1992).

3 Número 2 derrogado pola disposición derrogatoria única da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia (DOG núm. 249, do 29 de decembro de 2010).

4 Capítulo II redactado pola disposición derradeira terceira da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia (DOG núm. 249, do 29 de decembro de 2010).

5 Capítulo IV redactado polo artigo 13 da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 36, do 23 de febreiro de 2010).

6 Capítulo V redactado polo artigo 13 da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 36, do 23 de febreiro de 2010).

7 Capítulo VI redactado polo artigo 13 da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 36, do 23 de febreiro de 2010).