Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servicios de transportes urbanos e interurbanos por estrada de Galicia

Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servicios de transportes urbanos e interurbanos por estrada de Galicia.1

Os servicios de transporte público de viaxeiros serven para comunica-los distintos centros de residencia, traballo e ocio dos cidadáns. Son servicios non referibles en exclusiva a un determinado punto territorial, senón a unha pluralidade destes. É lóxico, entón, que sobre o transporte de viaxeiros concorran as competencias das distintas administracións públicas de base territorial, o que ocorre, desde logo, en Galicia en relación cos transportes públicos de viaxeiros por estrada.

Por un lado, o artigo 27.8 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencias exclusivas sobre o transporte de viaxeiros por estrada do que o seu itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade. Pero, por outro lado, a Lei estatal 7/l985, reguladora das bases de réxime local, asegúralles ós concellos, como contido da autonomía local, un mínimo de competencias sobre os servicios de transporte público de viaxeiros. Resulta así que sobre o territorio de cada concello concorren competencias da Xunta de Galicia e de cada Concello, sendo as primeiras exercidas de acordo co principio de interese público, sempre prevalente (artigos 38 e 128.1 da CE), que motiva, por unha banda, a utilización racional e adecuada dos recursos dispoñibles, para obte-lo máximo rendemento deles -principio xeral expresado no artigo 4º.2 da LOTT-, e, por outra, que se teñan en conta as solucións necesarias e convenientes para unha mellor prestación do servicio,

polo que as modificacións de concesións preexistentes deben ser previstas como alternativa prevalente ó establecemento dun novo servicio, neste caso urbano, xa que o interese público xeral así o demanda, por constituí-la solución máis axeitada para lograr unha maior satisfacción do interese público, que pasa sempre por adopta-la solución máis conveniente ás necesidades reais, obxectivas e xerais da comunidade.

Ó Parlamento de Galicia correspóndelle delimitar, de acordo co artigo 25.2 e 3 da Lei estatal 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, as competencias sobre servicios municipais de transporte público de viaxeiros. Neste punto, a presente lei asume implicitamente o principio xeral contido na Lei estatal 16/1987, de ordenación dos transportes terrestres: principio de competencia local en canto á xestión e ordenación dos servicios urbanos, entendéndose por tales os que discorran integramente por solo urbano ou urbanizable, ou os que estean dedicados de forma exclusiva a comunicar entre si núcleos urbanos distintos dentro dun mesmo termo municipal.

Ó Parlamento de Galicia correspóndelle tamén, de conformidade co artigo 59.1 e 2 da Lei estatal 7/1985, establece-los instrumentos de coordinación das amplas competencias locais coas competencias da Xunta sobre servicios de transporte interurbano. Son precisamente estas técnicas de coordinación o obxecto central da presente lei. Con esta dáselles solución cabal ás, cada vez máis frecuentes, interferencias e coincidencias entre os servicios públicos de transporte interurbano, que necesariamente penetran nos núcleos urbanos en continua expansión, e os servicios de transporte urbano, que crecen ó ritmo da urbanización das cidades.

O sistema de coordinación dos servicios de transporte que establece a lei é unha concreción ponderada de distintos principios, dereitos e competencias constitucionais. En primeiro lugar, harmoniza as competencias estatutarias da Comunidade de Galicia cunha ampla concepción da autonomía municipal. En segundo lugar, a lei desenvolve o principio de eficacia da Administración pública (artigo 103 da Constitución), ó servicio, neste caso, da promoción obxectiva dun dereito fundamental, como é o recollido no artigo 19 da Constitución: libre circulación por todo o territorio nacional. E, en terceiro lugar, respecta os dereitos de contido patrimonial dos concesionarios de servicios de transporte e os dereitos lexítimos dos titulares de autorizacións ou licencias para a prestación de servicios discrecionais.

No marco constitucional exposto son varios os posibles instrumentos de harmonización de competencias previstos no artigo 114.2 da Lei estatal 16/1987. Descartáronse as formas de colaboración meramente convencionais, polas probadas dificultades para a esixibilidade do seu cumprimento. E tamén se rexeitaron as formas de colaboración que, como os consorcios ou as entidades metropolitanas, supoñen un aumento de burocracia dificilmente xustificable desde o criterio da eficacia. Preferiuse, seguindo o disposto no artigo 114.2, segundo parágrafo, da Lei estatal 16/1987, a coordinación a través dun único procedemento administrativo dentro do cal exercen as súas competencias, mediante proposta, informe ou resolución, tanto a Xunta coma os distintos concellos, dándolles cabida neste procedemento, tamén, a órganos estatais con competencias concorrentes sobre a mesma materia.

Á hora de determina-los instrumentos e o alcance da coordinación pártese dunha distinción elemental entre concellos de máis ou de menos de 50.000 habitantes; os primeiros están obrigados, de acordo co artigo 26.1.d) da Lei estatal 7/1985, a prestar servicios públicos de transporte colectivo urbano, obriga esta que non existe para os concellos de menos de 50.000 habitantes. Alí onde hai obriga legal de prestación de servicios de transporte público recoñécese tamén un maior grao de autonomía

local, o que determinará, consecuentemente, que as facultades de coordinación da Xunta sexan máis limitadas. Máis extenso será o poder de coordinación, en cambio, nos supostos nos que a lei non impuxo directamente a obriga de prestación de servicios de transporte.

As técnicas de coordinación establecidas na lei póñense en marcha cando un Concello ou a Xunta acordan a iniciación dun expediente de novo establecemento ou ampliación de servicios de transporte público de viaxeiros, sexan urbanos ou interurbanos. Cando a ampliación ou o novo establecemento de servicios os inicia un concello de menos de 50.000 habitantes concédeselle á Xunta a posibilidade de suspender, durante un prazo máximo de seis meses, a tramitación do dito expediente e iniciar un propio, no que se acorde asumi-las necesidades de servicios urbanos mediante unha ampliación dos percorridos ou expedicións dos interurbanos. Respéctase a autonomía local, en todo caso, atribuíndolle ó Concello competencia para emitir informe vinculante sobre o itinerario en núcleo urbano e as paradas urbanas do servicio interurbano ampliado.

O novo establecemento ou a ampliación de servicios colectivos urbanos, no caso de concellos de máis de 50.000 habitantes, condiciónanse á previa elaboración e aprobación dun plan de explotación de servicios de transporte público. E é precisamente na elaboración deste plan de explotación onde se coordinan as competencias da Xunta e de cada Concello. A través de dúas fases elementais: ó Concello correspóndelle a redacción do plan de explotación, abarcando non só os servicios urbanos, senón tamén os interurbanos no ámbito de influencia do Concello; na redacción do plan de explotación o Concello deberá respectar, ademais das distintas normas locais, os plans de transportes, infraestructuras ou urbanísticos, así como as normas estatais e autonómicas sobre protección do medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio histórico-artístico. Nunha segunda fase correspóndelle á Xunta a aprobación definitiva do plan de explotación elaborado polo Concello.

Aprobación esta que, para ser compatible coa autonomía local, só pode denegarse por causas taxadas: defectos na tramitación do plan de explotación, incompatibilidade do plan coas normas locais, autonómicas ou estatais mencionadas máis arriba, vulneración do equilibrio financeiro das concesións ou sacrificio desproporcionado do interese económico dos titulares de autorizacións de transporte regular de uso especial. Unha vez aprobado o plan de explotación correspóndelle a cada Administración adopta-las resolucións necesarias, entre as que se inclúen as concesións de transporte regular e as autorizacións de transporte discrecional, para o fiel cumprimento do plan.

Nos procedementos administrativos de coordinación a que se fai referencia, a lei inclúe modernas

técnicas de administración que pretenden optimiza-lo mandato de Administración eficaz do artigo 103.1 da Constitución. Por un lado, a lei inclúe a técnica -inusitada no noso dereito- da «eficacia concentrada» do plan de explotación. Trátase de dota-lo plan de explotación de eficacia non só normativa ou ordenadora, senón tamén de eficacia executiva directa: o acto de aprobación definitiva do plan contén en si o efecto directo novador ou modificador das concesións nel coordinadas, así como as autorizacións e licencias, da Xunta e do Concello, necesarias para a execución das obras de infraestructura aprobadas con suficiente grao de detalle no plan. En segundo lugar, na lei inclúense, no marco do artigo 88 da Lei estatal 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, convenios entre concesionarios e concellos ou Xunta que predeterminan o contido da resolución da Xunta sobre ampliación de servicios ou a resolución aprobatoria dun plan de explotación.

A lei tamén establece mecanismos de coordinación cando sexa a Xunta a que pretenda a ampliación ou o novo establecemento de servicios de transporte, así como cando se pretenda a mellora do tramo de penetración urbana dun servicio interurbano xa existente. Nestes casos, o itinerario e as paradas no solo urbano ou urbanizable determinaranse necesariamente elixindo entre tres propostas alternativas elaboradas polo Concello.

No título segundo da lei regúlanse algúns problemas peculiares dos servicios de transporte público discrecional interurbano en autotaxi. Trátase de situacións nas que o réxime eminentemente local do transporte en autotaxi necesita ser modulado, co fin de evitar disfuncións na prestación de servicios interurbanos. Tal é o caso, en primeiro lugar, dos focos de xeración de transporte, tales como aeroportos, hospitais ou estacións, onde a oferta local de autotaxis é insuficiente para a cobertura dos servicios interurbanos. Neste caso a lei permite que o órgano competente da Administración autonómica conceda autorizacións serie V.T., sen a correlativa licencia municipal, despois do correspondente expediente administrativo iniciado para o efecto. En segundo lugar, excepcionalmente, a lei permite que autotaxis dos que se outorgou a súa licencia na localidade do destino final do pasaxeiro acudan a concello distinto, sempre con carácter restrictivo e cumprindo escrupulosamente unha serie de requisitos establecidos neste texto normativo; a contratación de tales servicios ten que ser, en todo caso, anterior á súa prestación e debe ter lugar na localidade de destino final do pasaxeiro. Permítese que a contratación se realice a través de mandatario verbal do pasaxeiro, se ben o dito mandato debe ser confirmado no momento do inicio do servicio. O contrato de transporte, incluído o formalizado por mandatario verbal, ten que constar necesariamente nun formulario oficial á disposición da Inspección de Transportes en calquera momento durante a prestación do servicio.

Un terceiro problema, relacionado co transporte en autotaxi, é o que se presenta cando, delimitada unha área territorial de prestación conxunta segundo o disposto no artigo 116.2 da Lei 16/1987, os autotaxis que nela actúen se rexen por diferentes tarifas, aprobadas por cada Concello. En tales casos a diferenciación tarifaria é puramentre artificial e por iso a lei obriga á súa unificación no seo de cada área territorial.

A cuarta cuestión relativa ó transporte en autotaxis que aborda a lei refírese á prestación de servicios nocturnos. En concellos pequenos constátase a escaseza de autotaxis para servicios interurbanos nocturnos na área, con grave prexuízo e risco para os usuarios. É criterio da lei que a suficiencia dos servicios nocturnos proveña da organización dos servicios por cada Concello. Só no caso de que un Concello desatenda os requirimentos da Xunta, concederáselle a esta a facultade de outorgarlles autorizacións de transporte interurbano a autotaxis dos que a súa licencia non foi outorgada polo Concello onde se inicia o transporte.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de coordinación dos servicios de transportes urbanos e interurbanos por estrada de Galicia.

Título preliminar

Artigo 1.-Obxecto da lei.

1. É obxecto da presente lei a coordinación dos servicios de transporte público urbano de viaxeiros cos servicios de transporte interurbanos, nos supostos en que o establecemento ou a ampliación dos primeiros afectan os servicios interurbanos previamente establecidos, sempre que se presten integramente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Compréndense no ámbito de aplicación da lei tanto os servicios permanentes coma os temporais e tanto os de uso xeral coma especial.

2. A coordinación a que se refire esta lei estenderase tamén ós servicios dos que o Estado lle delegue a súa ordenación ou xestión, total ou parcial, á Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Así mesmo é obxecto da presente lei a regulación de situacións peculiares na prestación dos servicios de transporte público discrecional interurbano en autotaxi, nos cales o réxime eminentemente local do transporte necesita ser modulado, co fin de evitar disfuncións na prestación do devandito transporte mediante autotaxi.

Artigo 22.

Artigo 3.-Fins e principios.

1. A coordinación dos servicios de transporte público de viaxeiros servirá para os seguintes fins:

a) Integración nunha soa rede dos seguintes servicios de transporte público: urbano, de titularidade municipal, e interurbano, de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia ou xestionado por delegación do Estado.

b) Satisfacción das necesidades da comunidade.

c) Establecemento dos instrumentos de conexión necesarios entre o planeamento sectorial de transportes e a ordenación territorial, así como, se é o caso, dos mecanismos para a fixación das infraestructuras de transporte.

2. A coordinación dos servicios de transporte público axustarase ós seguintes principios:

a) Eficacia na xestión co mínimo custo económico e social.

b) Autonomía dos concellos na xestión dos seus servicios de transporte.

c) Respecto ós dereitos dos concesionarios de liñas ou zonas de transporte público, de acordo coas determinacións de cada título concesional.

d) Protección dos intereses lexítimos dos titulares de autorizacións de transporte público discrecional.

Título I

Da coordinación de competencias ante o establecemento ou a ampliación de servicios urbanos ou interurbanos de transporte regular de viaxeiros

Capítulo I

Da coordinación ante o establecemento ou a ampliación de servicios urbanos colectivos

Sección lª

Concellos de ata 50.000 habitantes

Artigo 4.-Ampliación e establecemento de servicios municipais.

1. Nos concellos de ata 50.000 habitantes, a ampliación ou o establecemento de servicios de transporte colectivo urbano, cando afecten servicios interurbanos previamente establecidos, axustaranse ás seguintes regras:

a) Iniciado o expediente municipal para o establecemento ou a ampliación de servicios de transporte colectivo, cando este puidese coincidir con servicios interurbanos xa implantados, e unha vez que o proxecto municipal estea suficientemente definido, o Concello remitirallo á Consellería competente por razón da materia. O proxecto municipal deberá detallar en todo caso:

-O itinerario do novo servicio.

-A localización das paradas en solo urbano e urbanizable ou núcleo rural, de acordo coas previsións da lexislación urbanística de Galicia.

-O número de expedicións do servicio proxectado.

-Os tráficos dos servicios regulares permanentes de transporte interurbano que puidesen resultar afectados.

-Un estudio da oferta e demanda de viaxeiros no corredor no que se pretenda implantar, prolongar ou incrementa-lo servicio urbano.

b) Co envío do proxecto municipal suspenderase a tramitación do expediente de establecemento ou ampliación de servicios de transporte urbano, así como o prazo para a súa resolución.

c) A Dirección Xeral competente da Xunta de Galicia ordenará a iniciación dun expediente de ampliación de servicios de transporte público interurbano regular de viaxeiros co obxecto de que esta satisfaga as necesidades demandadas polo Concello.

d) Nun mesmo acto, a Dirección Xeral competente ordenará a práctica dos seguintes trámites: solicitude de informe ós demais concellos da mesma área, notificación da iniciación do expediente ós concesionarios de transporte interurbano na área de influencia do Concello que pretende o establecemento ou a ampliación dos seus servicios de transporte urbano, publicación da resolución pola que se ordena a iniciación do expediente no Diario Oficial de Galicia e exposición pública do proxecto municipal.

e) Nas notificacións e publicación determinaranse o lugar e o horario de exhibición ó público do proxecto municipal de ampliación de servicios. A exhibición prolongarase polo prazo de trinta días naturais. Durante este tempo poderanse formula-las alegacións oportunas.

f) Os concesionarios de servicios interurbanos coincidentes poderán acordar coa Dirección Xeral competente a asunción, como servicios de transporte interurbano, do proxecto de establecemento ou ampliación de servicios urbanos formulado polo Concello coas modificacións non substanciais a que houbese lugar, de acordo co estudio da oferta e demanda ó que se refire o parágrafo seguinte. O contido do convenio formará parte da resolución definitiva aprobatoria da ampliación de servicios interurbanos. Só por razóns sobrevidas, debidamente motivadas, poderá desatenderse o contido do convenio ou introducirse modificacións parciais, para un mellor servicio, que en ningún caso entrañen modificacións substanciais do proxecto municipal.

g) A resolución definitiva sobre a ampliación de servicios interurbanos corresponderalle á Consellería competente. Na resolución favorable á ampliación incluiranse necesariamente as propostas municipais sobre itinerarios en núcleo urbano e paradas urbanas, se ben o número de expedicións proposto polo Concello poderá ser corrixido pola Consellería, atendendo a un estudio previo de oferta e demanda reais de transporte. A resolución do conselleiro tamén incluirá necesariamente o contido do convenio previsto na letra f). A súa inclusión levará implícita a modificación ou novación das concesións nel incluídas. A falta de acordo, a Consellería competente decidirá tamén sobre a forma de xestión do servicio de transporte que se amplía.

h) Non obstante, cando a pesar do estudio previo da oferta e demanda reais do transporte o Concello manteña o número de expedicións do seu proxecto, a súa implantación quedará condicionada a que o Concello garanta o equilibrio económico das expedicións adicionais que se lle impoñan ó concesionario do servicio interurbano.

En ningún caso a Consellería aprobará expedicións que sexan incompatibles cos principios de organización e funcionamento do sistema de transportes que se postulan no artigo l desta lei.

i) Comunicada a resolución de ampliación do servicio interurbano, o Concello poñeralle fin ó expediente municipal de ampliación. Non acordada a ampliación do servicio interurbano, o Concello

poderá prosegui-la tramitación do expediente de establecemento ou ampliación de servicios de transporte urbano.

2. Transcorridos seis meses desde a recepción do proxecto municipal na Consellería competente por razón da materia sen que recaese resolución dela, cesará a suspensión a que se refire o parágrafo l.b) deste artigo.

Sección 2ª

Concellos de máis de 50.000 habitantes

Artigo 5.-Plans de explotación.

1. O establecemento ou a ampliación de servicios urbanos, cando afecten servicios interurbanos previamente establecidos, en áreas de influencia de concellos de máis de 50.000 habitantes, coordinaranse a través dos plans de explotación regulados neste capítulo.

2. Cando existan razóns de interese público que así o aconsellen, e por orde da Consellería competente, poderanse incluír outros concellos no réxime propio deste capítulo.

Artigo 6.-Iniciativa municipal.

1. Os concellos, previamente ó establecemento ou á ampliación dos servicios urbanos de transporte público regular de uso xeral de viaxeiros, deberán redactar un plan de explotación de servicios de transporte público, en adiante plan de explotación.

2. As asociacións de transportistas e demais axentes do sector do transporte que solicitasen o establecemento ou a ampliación de servicios poderán redactar e propoñerlle ó Concello un plan de explotación. O Concello, unha vez admitido o plan de iniciativa particular, proseguirá a súa tramitación de acordo co disposto no artigo 11 desta lei.

3. O Concello redactor do plan de explotación poderá solicitar dos concellos da súa área de influencia a información necesaria relativa ó transporte público.

4. Da iniciativa municipal respecto da elaboración do plan de explotación deberáselle dar conta, no prazo de dez días, á Dirección Xeral competente.

Artigo 7.-Documentación do plan de explotación.

Ó plan de explotación deberáselle achegar, en todo caso, a seguinte documentación:

a) Estudio da oferta e demanda do transporte público de viaxeiros, tanto regular coma discrecional, no termo municipal e a súa área de influencia, co fin de xustifica-la insuficiencia do servicio existente para atender adecuadamente as necesidades dos usuarios.

b) Relación de concesionarios lineais ou zonais existentes de servicios regulares, así como de titulares de autorizacións de transporte regular de uso especial.

c) Estudios de infraestructuras, obras públicas ou privadas vinculadas á prestación dos servicios de transporte público previstas no plan de explotación.

d) Instrumentos de planeamento urbanístico do espacio sobre o que vai desenvolverse o servicio de transporte.

e) Memoria sobre o financiamento dos distintos servicios de transporte integrados no plan de explotación.

Artigo 8.-Determinacións vinculantes na redacción do plan de explotación.

O órgano municipal competente axustará a redacción do plan de explotación ó disposto:

a) Na rede de transportes da Comunidade Autónoma.

b) Nos instrumentos de ordenación urbana e territorial.

c) Nos plans de infraestructuras.

d) Nas normas locais de ordenación do tráfico.

e) Nas normas estatais, autonómicas e locais sobre protección do medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio histórico-artístico.

Artigo 9.-Contido do plan.

O plan de explotación deberá conter:

a) Novos itinerarios, calendarios, horarios e expedicións de transporte colectivo urbano ou, se é o caso, ampliación dos existentes.

b) Determinación dos percorridos coincidentes, total ou parcialmente, cos de concesionarios de transporte interurbano.

c) Medidas de coordinación dos servicios urbanos cos interurbanos coincidentes.

d) Se é o caso, medidas de compensación económica en favor dos concesionarios de transporte interurbano coincidente, de acordo co disposto no artigo 10. Entenderase por servicio coincidente aquel que, desenvolvéndose ou non sobre un mesmo itinerario, se destine a cubri-los mesmos tráficos.

e) Medidas de financiamento dos servicios coordinados.

f) Medidas de integración ou coordinación dos servicios urbanos e interurbanos.

g) Se é o caso, módulos obxectivos para a distribución dos ingresos por tarifas entre os distintos suxeitos prestadores dos servicios de transporte.

h) Programa de execución do plan de explotación conforme os instrumentos de planeamento urbanístico aplicables.

i) Programa de inspección coordinada de servicios.

j) Infraestructuras necesarias para a coordinación de servicios, tales como intercambiadores de transporte ou aparcamentos disuasorios.

Artigo 10.-Compensación ós concesionarios.

1. As medidas de compensación económica a que se refire a letra d) do artigo 9 poderán consistir, entre outras, nas seguintes:

-Participación en contratos de xestión interesada dos concesionarios de servicios interurbanos afectados polo establecemento ou a ampliación de servicios urbanos.

-Xestión dos novos servicios de transporte urbano, previstos no plan de explotación, mediante concerto co concesionario do servicio interurbano coincidente.

-Participación do concesionario interurbano en sociedade municipal para a xestión dos servicios de transporte público municipal.

-Integración de concesionarios interurbanos en cooperativas e posteriormente adxudicación directa de concesións zonais programadas no plan de explotación.

-Preferencia do concesionario interurbano coincidente no outorgamento das concesións de servicio municipal incluídas no plan de explotación.

-Calquera outra que garanta o cumprimento dos fins e principios do artigo 3 desta lei.

2. As medidas de compensación poderán ser obxecto de convenio entre o Concello e os concesionarios de servicios interurbanos. O Concello incluirá o contido do convenio na redacción definitiva do plan, tendo efectos vinculantes para os signatarios.

3. Naqueles supostos nos cales non se acorde o establecemento das medidas de compensación reguladas no punto primeiro deste artigo poderase proceder ó rescate da concesión interurbana, ou da parte dela afectada que sexa susceptible de segregación, por parte da Comunidade Autónoma, en beneficio e a cargo dos servicios municipais. Entenderase que é posible o rescate parcial cando este non afecte substancialmente o equilibrio económico do resto da concesión.

Artigo 11.-Tramitación.

1. Cando o plan de explotación alcanzase o suficiente grao de detalle, o Concello acordará, nun só acto de impulso:

a) O anuncio no Diario Oficial de Galicia, así como nun dos periódicos de maior circulación na provincia, da exposición ó público do proxecto do plan de explotación. A exposición pública prolongarase durante trinta días, no horario que se fixe no anuncio público.

b) A notificación da exposición pública do proxecto de plan, tanto ás asociacións de empresarios de transporte da provincia afectada coma ós titulares

de concesións e autorizacións de transporte regular de uso especial incluídos no seu ámbito espacial.

c) A solicitude de informe a outros órganos ou organizacións xurídico-públicas que exerzan competencias concorrentes coas do transporte público. En todo caso, o Concello solicitará informe da Deputación ou deputacións provinciais afectadas, da Consellería ou consellerías competentes en materia de transportes, urbanismo, obras públicas e medio ambiente e mais do Consello Galego de Transportes.

O informe ó que se refire o presente parágrafo será vinculante, agás o do Consello Galego de Transportes, e deberase emitir no prazo de dous meses, contado desde a recepción da solicitude, e transcorrido o cal sen a súa emisión entenderase que este é favorable.

2. Os informes dos órganos administrativos mencionados limitaranse ó ámbito competencial que teñen atribuído e propoñerán con detalle as modificacións necesarias no plan, co fin de que este sexa compatible co exercicio das competencias que teñan atribuídas.

3. O Concello considerará a compatibilidade entre as propostas de modificación recibidas e a redacción orixinaria do plan de explotación. Se as propostas de modificación doutros órganos administrativos fosen incompatibles co texto do plan, o Concello iniciará a redacción dun novo plan, que necesariamente incluirá as propostas dos mencionados informes. Cando a desconformidade entre os informes doutros órganos administrativos e o texto inicial do plan non sexa esencial, o Concello modificará directamente o plan de explotación no que sexa necesario.

4. Aprobado inicialmente o plan de explotación polo Pleno do Concello, elevaráselle á Consellería competente por razón da materia, para a súa aprobación definitiva.

Artigo 12.-Aprobación definitiva.

1. A Consellería competente só poderá denega-la aprobación definitiva do plan de explotación nos seguintes casos:

a) Defectos na tramitación do plan. Cando os defectos sexan reparables, a Consellería competente devolveralle o plan ó Concello, detallando os trámites que deben ser cumpridos. Se concorrese xunto a un defecto reparable de procedemento algunha outra causa de desaprobación mencionada neste artigo, a Consellería ordenará a devolución do plan ó Concello para nova redacción. Se só concorresen defectos reparables de tramitación, a Consellería competente, unha vez reparados os defectos polo Concello, aprobará preceptivamente o plan, a non ser que, como consecuencia directa da reparación de trámite, resulte que o plan presenta outra causa de desaprobación. Cando os defectos de tramitación non fosen reparables, a Consellería competente denegará a aprobación do plan.

b) Incompatibilidade do plan de explotación cos plans ou as normas a que se refire o artigo 8, ou cos informes vinculantes enumerados no artigo 11.1, letra c).

c) Vulneración do equilibrio financeiro das concesións de servicios interurbanos incluídas no plan de explotación ou sacrificio desproporcionado do interese económico dos titulares de autorizacións de transporte regular de uso especial, no ámbito espacial coordinado polo plan de explotación.

2. Os proxectos municipais de infraestructuras de transporte incluídas no plan de explotación só vincularán a Consellería competente, nos termos do artigo anterior, en canto á súa localización. A vinculación da Consellería competente comprenderá tamén o proxecto concreto de infraestructuras cando no propio plan de explotación se prevexa o financiamento municipal das obras. Aprobado o plan de explotación, os plans xerais e demais instrumentos xerais de ordenación urbanística deberán cualifica-lo espacio ocupado polas obras de infraestructura como sistema xeral de transportes e non poderán incluír determinacións que supoñan unha interferencia ou perturbación no exercicio das competencias da Xunta sobre ordenación dos transportes interurbanos e coordinación cos transportes urbanos.

Artigo 13.-Actos de execución.

Aprobado o plan de explotación, cada Administración dictará as resolucións necesarias para a súa execución, no ámbito da súa competencia, sen prexuízo do establecido no artigo 14.2 desta lei.

Artigo 14.-Eficacia concentrada.

1. Cando o plan de explotación incluíse un convenio entre Concello e concesionarios, segundo o previsto no artigo 10.2 desta lei, a resolución favorable da Consellería competente levará implícita a modificación ou novación das concesións de servicios interurbanos incluídas no convenio.

2. As obras de infraestructuras incluídas no plan de explotación teñen o carácter de obras públicas de interese xeral. A súa execución non estará sometida á previa autorización da Xunta ou licencia municipal, sempre que o proxecto de obras quede suficientemente definido no plan de explotación aprobado.

Artigo 15.-Silencio administrativo.

1. A Consellería resolverá sobre a aprobación do plan de explotación no prazo de sete meses desde a entrada deste no Rexistro da Consellería. Transcorrido este prazo, o Concello poderá inicia-lo procedemento para o establecemento ou a ampliación de servicios urbanos de transporte colectivo, sen necesidade de segui-lo procedemento establecido no artigo 6 da presente lei.

2. A resolución favorable ou desfavorable, unha vez transcorrido o prazo do parágrafo anterior e ini

ciado o procedemento municipal de creación ou ampliación do servicio, suspenderá este, pero serán a cargo da Consellería tódolos gastos orixinados ó Concello ou concesionarios como consecuencia do procedemento iniciado.

A aprobación ou denegación tardía da Consellería non paralizará o procedemento de outorgamento de concesións de transporte, unha vez publicada a convocatoria.

Artigo 16.-Medidas provisionais.

1. Encontrándose en elaboración o plan de explotación, a Consellería competente por razón da materia poderá adoptar, logo de audiencia polo prazo de cinco días ós concellos e ós concesionarios afectados, as medidas provisionais necesarias para o cumprimento dos fins do artigo 3 desta lei.

2. As medidas provisionais poderán consistir na ampliación das concesións de servicios interurbanos. A dita ampliación estará condicionada resolutoriamente á aprobación do plan de explotación.

Capítulo II

Iniciativa da Xunta

Artigo 17.-3

Artigo 18.-4

Título II5

Artigo 19.-

Artigo 20.-

Artigo 21.-

Artigo 22.-

Disposición adicional

O disposto no título primeiro da presente lei, no referente ó establecemento ou á ampliación de servicios urbanos colectivos, seralles aplicable ademais de ós concellos a calquera entidade local, con competencias en materia de transportes, constituída con anterioridade ou posterioridade á aprobación desta lei.

Disposición transitoria

O disposto na presente lei seralles inmediatamente aplicable a tódolos procedementos de ampliación ou establecemento de servicios urbanos que se encontren en tramitación á entrada en vigor da presente lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Facúltase o Consello da Xunta para que dicte cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento da presente lei.

Segunda.

A presente lei entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 141, do 18 de xullo de 1996.

2 Precepto suprimido polo artigo 29 daLei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG Núm. 248, do 30 de decembro de 2022).

3 Precepto suprimido polo artigo 29 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG Núm. 248, do 30 de decembro de 2022).

4 Precepto suprimido polo artigo 29 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG Núm. 248, do 30 de decembro de 2022).

5 Título II, relativo á coordinación dos servicios de transporte discrecional en autotaxi, derrogado pola disposición derrogatoria única da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia (DOG núm. 113, do 14 de xuño de 2013).