Lei 8/1984, do 10 de xullo, de asunción de competencias en materia de obras hidráulicas

Lei 8/1984, do 10 de xullo, de asunción de competencias en materia de obras hidráulicas.1

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 27.12, establece a competencia exclusiva desta Comunidade Autónoma en materia de «aproveitamentos hidráulicos, canais e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade, sen prexuício do disposto no artigo 149.1.22.º da Constitución».

O retraso habido no calendario de transferencias previsto para a data do 1 de xullo de 1983, e as necesidades apreciadas nesta materia no territorio da Comunidade Autónoma xustifican a formulación da presente Lei.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de asunción de competencias en materia de obras hidráulicas.

Artigo único

En exercicio das competencias asumidas no artigo 27.12 do Estatuto de Autonomía, autorízase á Xunta de Galicia para poñer en práctica un Plan de Inversións en materia de abastecementos e saneamentos, que incluirá os gastos da contratación e a xestión técnica.

Disposición derradeira

A presente Lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 1984

Gerardo Fernández Albor
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 146, do 1 de agosto de 1984.