Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galici

Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia.1

Exposición de motivos

O acentuado ritmo de transformación social e territorial acaecido nas últimas décadas ten determinado un profundo cambio nos modelos de asentamentos da poboación en Galicia, manifestando unha tendencia ao reforzamento da actividade económica nas zonas atlánticas fronte á menor actividade nas zonas rurais. Neste contexto, produciuse un reforzamento dos asentamentos urbanos nas zonas próximas ás principais cidades do denominado «eixe atlántico», incluso con manifestacións de urbanización dispersa, xunto cunha perda relativa de poboación nos territorios interiores, nos que tamén se avanzou cara a un maior avellentamento da poboación.

Os efectos desta evolución resultan claramente perceptibles en relación co sistema de transporte público. Así, xunto cun claro incremento da demanda de mobilidade recorrente ou diaria nos contornos urbanos e metropolitanos, preséntase a necesidade de manter un sistema de transporte público sostible nos contornos rurais, nos que mesmo presenta unha nítida finalidade social como garantía de dereitos esenciais como o propio dereito á mobilidade persoal ou a servizos esenciais.

A evolución social e territorial da poboación demanda dunha resposta clara da Administración e do propio sector económico, debendo levar a unha revisión en profundidade dun mapa de servizos de transporte público que, basicamente, se construíra ao longo da primeira metade do pasado século, cando as necesidades da poboación e os seus asentamentos resultaban moi distintos dos actuais.

O novo mapa de servizos de transporte público deberá responder á dobre necesidade indicada anteriormente, garantindo, por unha parte, a maior cobertura territorial do sistema de transporte, para o que resultarán de grande utilidade as oportunidades que introducen as novas tecnoloxías na utilización de sistemas de transporte baixo demanda das persoas usuarias e, por outra parte, a resposta aos desprazamentos constantes e recorrentes en espazos cada vez máis poboados e conxestionados, contribuíndo á construción dun sistema de transporte público universal, alternativo ao vehículo particular, respectuoso co medio, e que contribúa á mellora da calidade de vida das persoas.

Para facilitar esta adaptación do sistema de transporte e do propio sector, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou a Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia, e, en aplicación dela, o Plan de modernización das concesións administrativas prestadoras destes servizos, o que permitiu avanzar xa a introdución de diferentes actuacións e melloras do sistema. Non obstante, logo de que o Tribunal Supremo anulase a ampliación dos prazos de vixencia daquelas concesións previsto naquela lei, deberanse programar os traballos de planificación do novo sistema de transporte público para a súa licitación consonte o previsto na normativa comunitaria, sen prexuízo de apostar polo mantemento das actuacións de modernización que faciliten ao sector de transporte público responder axeitadamente ás demandas do novo mapa de servizos.

En definitiva, esta lei dá resposta ás necesidades de planificación e definición dun novo sistema de transporte público axeitado á evolución das necesidades da sociedade, ao tempo que establece os mecanismos precisos para a transición cara a el, axustada ás necesidades xurdidas logo do pronunciamento do Tribunal Supremo, achegando a máxima seguridade xurídica tanto aos actuais prestadores como ás persoas usuarias do sistema.

En canto á estrutura da lei, configúrase como unha lei con tres artigos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No texto articulado, logo de dedicar o primeiro artigo a fixar o seu propio obxecto, no segundo artigo regúlase o Plan de transporte público de Galicia, como instrumento de planificación mediante o que se establecerá o novo mapa de servizos de transporte público, determínase o seu contido mínimo –que se incorpora como anexo ao texto articulado– e fíxanse as regras precisas para a súa elaboración e aprobación.

Por outra parte, logo do pronunciamento do Tribunal Supremo en relación coa ampliación de prazos das concesións que establecera a Lei 5/2009, no terceiro artigo do texto articulado fíxanse as regras para garantir a continuidade da prestación dos servizos de transporte público durante o tempo preciso para o desenvolvemento dos traballos de planificación e o novo deseño de servizos, facilitando o mantemento de actuacións relevantes de modernización do sector previstas naquela lei.

Por último, na disposición adicional establécese unha regulación precisa para, xa desde a entrada en vigor da lei, establecer servizos de transporte de reducida entidade suxeitos a obrigas de servizo público, coa máxima transparencia e participación sectorial.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia.

Artigo 1. Obxecto da lei

Esta lei ten por obxecto establecer as medidas urxentes necesarias para a actualización do sistema de transporte público de Galicia en condicións de seguridade, calidade e eficacia social e os mecanismos transitorios precisos ata acadar a dita actualización.

Artigo 2. O Plan de transporte público de Galicia

1. A actualización do sistema de transporte público de Galicia levarase a cabo mediante a aprobación do Plan de transporte público de Galicia.

Este plan é o instrumento mediante o cal se establece a ordenación dos servizos de transporte público regular da competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma, así como a coordinación do conxunto de servizos de transporte público que se desenvolvan na Comunidade Autónoma.

2. Son obxectivos do Plan de transporte público de Galicia facilitar a mobilidade das persoas en termos de igualdade, seguridade, calidade, eficiencia social e sostibilidade económico-financeira e medioambiental, fomentando e potenciando o uso prioritario do transporte público en calquera dos seus modos, facilitando a intermodalidade do servizo e a súa accesibilidade ás persoas, de xeito que se potencie a súa concepción como unha alternativa sostible fronte ao transporte particular e contribúa á vertebración territorial da Comunidade Autónoma.

3. O Plan de transporte público de Galicia, que desenvolverá o contido establecido como anexo a esta lei, será elaborado pola consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de transportes e, logo do seu sometemento a información pública e do informe do Consello Galego de Transportes, será aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

O primeiro plan de transporte público de Galicia deberá aprobarse no prazo de vinte e un meses desde a entrada en vigor desta lei, garantindo que a adxudicación dos contratos de servizo público que expirasen, así como dos novos contratos de servizo público que estableza o plan, se produza dentro do período transitorio fixado no Regulamento (CE) nº 1370/2007, do 23 de outubro de 2007, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada, e conforme o disposto nel.

4. A concreción dos servizos de transporte público contida no plan efectuarase mediante o seu desenvolvemento nos correspondentes anteproxectos de servizos, que, logo da súa tramitación consonte o disposto pola normativa sectorial aplicable, serán aprobados pola consellaría competente en materia de transportes.

Artigo 3. Garantía da prestación de servizos no período transitorio

1. Queda sen efectos a modificación dos prazos de vixencia dos contratos de servizo público de transporte regular de uso xeral introducida polo artigo 1 da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, considerando expirados estes contratos desde que alcancen o seu período de vixencia previo á indicada modificación, todo isto sen prexuízo da aplicación das disposicións do Regulamento (CE) 1370/2007 relativas ao seu período transitorio e á duración dos contratos.

Malia o indicado no parágrafo anterior, os servizos públicos de transporte regular de uso xeral aos que facía referencia o artigo 1 da Lei 5/2009 continuarán a ser explotados polos seus prestadores actuais ata a adxudicación e implantación dos servizos establecidos no Plan de transporte público de Galicia, de acordo cos prazos indicados no artigo anterior.

A continuidade na explotación producirase sen necesidade de requirimento previo por parte da Administración, e será obrigatoria para o prestador se no prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte ao de entrada en vigor desta lei, non comunica formalmente á dirección xeral competente en materia de transportes a súa renuncia expresa á devandita continuidade. No caso de renuncia neste prazo, o prestador manterá en calquera caso a continuidade na prestación dos servizos como obriga de servizo público nos termos establecidos no artigo 97.3 do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación dos transportes terrestres, durante o prazo máximo de doce meses, contados desde a data da renuncia, prazo no que a dirección xeral con competencias en materia de transportes procederá á adxudicación directa do servizo de acordo co Regulamento (CE) nº 1370/2007. No caso dos contratos que non expirasen á entrada en vigor desta lei, o prazo máximo de doce meses anteriormente citado contarase desde a data da súa expiración.

2. No período de continuidade na explotación, as empresas prestadoras dos servizos manterán, para todos os efectos, a condición de contratistas do servizo público de transporte, cuxa prestación será exixible de acordo coas condicións establecidas nos títulos contractuais aplicables o 14 de marzo de 2016 ou, se é o caso, en ulteriores modificacións ou adaptacións que se aproben para atender novas necesidades ou tráficos de relevante interese social ou por resolución de expedientes de modificación iniciados con antelación á referida data. Así mesmo, resultaranlles aplicables as previsións do Regulamento (CE) nº 1370/2007, do 23 de outubro de 2007; da Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos de viaxeiros por estrada; da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico; da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres; e do resto de normativa que resulte aplicable.

3. Durante o dito período, poderá solicitarse a novación subxectiva do prestador do servizo de transporte. Esta novación deberá ser aprobada pola consellaría competente en materia de mobilidade e virá condicionada á asunción, polo cesionario, das obrigas derivadas das condicións de explotación vixentes para o cedente.

4. En particular, durante o período de continuidade na explotación, serán exixibles as seguintes obrigas contractuais:

a) Integrar os contratos nos plans de transporte metropolitano e no novo sistema tarifario zonal.

b) Implantar un sistema de axuda á explotación de acordo co establecido na Resolución conxunta do 1 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Mobilidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se aproban as especificacións funcionais para a implantación de sistemas de axuda á explotación en toda a frota adscrita aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, e posteriores actos e actuacións efectuados ou que se deban realizar en aplicación da dita resolución.

c) Os vehículos que, durante o período de continuidade na explotación, se adscriban por primeira vez a un contrato de xestión dun servizo público de transporte regular interurbano de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia serán accesibles para persoas con mobilidade reducida. A Administración non autorizará a adscrición de novos vehículos que non cumpran os requirimentos previstos neste punto.

No caso de incumprimento dalgunha destas obrigas, será aplicable o réxime sancionador da Lei 16/1987, do 30 de xullo.

Disposición adicional única. Establecemento de novos servizos de duración temporalmente limitada

A implantación de servizos de transporte público regular de uso xeral de duración temporalmente limitada, aínda que sexan de repetición periódica, como os de feiras, mercados, praias ou semellantes, será acordada pola dirección xeral competente en materia de transportes, de oficio ou por petición dunha empresa interesada na súa prestación.

Con antelación á aprobación do establecemento destes servizos, a Administración someterá a información pública durante un prazo de dez días, e simultaneamente a informe do Comité Galego de Transportes, un proxecto de explotación do servizo, no que se identifiquen os tráficos que se van atender, os itinerarios –se é o caso–, o calendario de prestación, as frecuencias e a tarifa aplicable, así como aqueloutros elementos que configuren o servizo e que poderán ser obxecto de valoración para a súa adxudicación. A dirección xeral competente en materia de transportes poderá acordar a adxudicación directa destes servizos de acordo co Regulamento (CE) nº 1370/2007.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o artigo 1 da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

ANEXO

Contido do Plan de transporte público de Galicia

O Plan de transporte público de Galicia concretará a rede de transporte público de Galicia da competencia da Xunta de Galicia, establecendo os servizos e territorios potencialmente afectados polas futuras adxudicacións dos servizos e os tipos de adxudicación previstos para cada servizo, así como os supostos e as condicións de integración de servizos de transporte público regular de uso xeral e de uso especial.

Especificamente, terá en consideración as normas en materia de dereitos das persoas pasaxeiras, protección social, seguridade viaria, emprego e protección do medio ambiente, así como as necesidades de mobilidade da poboación nas zonas rurais, para o que, xunto cos servizos de transporte público de uso xeral baseados en itinerarios e calendarios estables, integrará a prestación de servizos baixo demanda das persoas usuarias, definindo a forma de integración que en cada caso resulte máis axeitada.

O Plan de transporte público de Galicia terá como contido mínimo o seguinte:

– O desenvolvemento dos obxectivos do propio plan.

Concretaranse os obxectivos establecidos tanto nesta lei como na normativa sectorial aplicable para efectos da planificación do sistema de transporte público.

– A programación de licitación dos contratos de servizos públicos de transporte regular de uso xeral da titularidade da Xunta de Galicia. Unha vez adxudicados os contratos, a implantación do servizo producirase no prazo máximo de tres meses desde a formalización do contrato.

Os pregos de condicións que rexerán os contratos, sen prexuízo do dereito nacional e comunitario, e incluídos os convenios colectivos entre os interlocutores sociais, preverán que o operador de servizo público adxudicatario ofreza ao persoal previamente contratado para prestar os servizos os dereitos que este tería se se producise un traspaso consonte a Directiva 2001/23/CE, de acordo co previsto no Regulamento (CE) nº 1370/2007. Así mesmo, de acordo coas condicións que se desenvolvan no plan, os pregos recollerán regras para posibilitar a transmisión dos elementos que formen parte do sistema de axuda á explotación previsto nesta lei e a continuidade da explotación cos vehículos ou material móbil que estiver adscrito á prestación do servizo segundo as condicións recollidas no título concesional aplicable ao servizo preexistente, e sempre que se axuste aos requirimentos necesarios para a prestación do novo servizo.

Para garantir a consecución dos obxectivos sinalados no punto 2 do artigo 2 desta lei, os pregos de condicións fixarán os criterios obxectivos para a adxudicación dos concursos, garantindo que, como mínimo, o 65 % da puntuación que se asigne ás ofertas se dirixa a valorar a calidade do servizo público de transporte.

– As clases de transporte público que resultarán aplicables en cada ámbito territorial, ou para cada tipoloxía de tráficos, baseados en sistemas de prestación lineal e/ou zonal de servizos e, se é o caso, na integración de diferentes clases de servizos.

O plan analizará a ordenación do territorio en termos de mobilidade, perfilando as modalidades de mobilidade axeitadas para cada ámbito territorial, establecendo as condicións nas que se produciría, se for o caso, a integración de diferentes clases de servizos de transporte.

– Os modelos de xestión de servizos baixo demanda das persoas usuarias e a integración destes servizos na rede global de transportes.

Mediante a implantación de formas de xestión baixo demanda, e coa utilización das novas tecnoloxías, promoverase a máxima expansión da oferta de servizos de transporte público nos ámbitos rurais, nos que se produce unha maior dispersión da poboación, contribuíndo ao mantemento da poboación e ás necesidades de acceso ás oportunidades de emprego, formación e relación dunha poboación máis diversa e máis exixente.

Garantirase a conexión e integración destes servizos no sistema xeral de transportes, de xeito que se facilite a mobilidade cos principais núcleos de poboación.

– Os requisitos básicos que deba cumprir a oferta de transporte público en ámbitos tales como accesibilidade, conectividade territorial, seguridade, interconexións modais e intermodais nos principais nós de conexión.

Estableceranse os requisitos mínimos que deberán ser comúns ao conxunto do sistema de transporte público autonómico, facilitando a nivel técnico a universalización deste servizo público para a poboación con dificultades de mobilidade.

Fixaranse criterios de conectividade do territorio e dos servizos, nunha concepción integrada do sistema de transporte público, e garantindo a máxima seguridade para as persoas usuarias.

– As normas de calidade correspondentes a asuntos tales como equipamento dos vehículos e, se é o caso, as paradas, accesibilidade, puntualidade e fiabilidade, limpeza, servizo e información ao cliente, tramitación de queixas e vías de recurso e seguimento da calidade do servizo.

Determinaranse os elementos de calidade común dos servizos de transporte, que se incorporarán aos proxectos de explotación deles, fixando o usuario como elemento central do sistema de transporte público.

– Os sistemas de tarificación que resultarán aplicables ao conxunto do sistema de transportes.

Desenvolveranse os sistemas de tarificación, sobre modelos lineais ou zonais, os sistemas de pagamento por parte das persoas usuarias dos servizos e as posibles liñas de bonificacións orientadas á promoción da utilización do sistema de transporte público ou a finalidades de carácter social.

– As prioridades referentes á modernización do sistema de transporte e á coordinación e integración do conxunto de sistemas de transportes que operan na Comunidade Autónoma.

Estableceranse as pautas para garantir a adaptación constante do sistema de transporte público á evolución social e tecnolóxica, impulsando a propia modernización deste sector empresarial galego.

– Complementará as condicións básicas de dereitos e obrigas das persoas usuarias e garantirá a accesibilidade para o conxunto da poboación.

O plan complementará as disposicións mediante as que se recoñecen os dereitos e se establecen as obrigas das persoas usuarias do sistema de transporte público, concretando os mecanismos para facer valer os seus dereitos. Definiranse os elementos operativos do sistema necesarios para garantir a accesibilidade ao sistema de transporte do conxunto da poboación.

– O procedemento de seguimento do cumprimento do plan e os supostos nos que procederá a revisión, total ou parcial, e actualización do plan.

O plan fixará os mecanismos de seguimento do nivel de cumprimento dos obxectivos establecidos e de calidade do sistema de transporte público, determinando sistemas de indicadores para tal fin. Fixará as condicións nas que se realizarán modificacións puntuais,

indicadores para tal fin. Fixará as condicións nas que se realizarán modificacións puntuais, así como os criterios determinantes da súa revisión global.2


1 Publicada no DOG núm. 139, do 22 de xullo de 2016.

2 Así mesmo, ha de traerse a colación a regulación, en materia de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable, contida na sección 1ª do capítulo IV do título II (artigos 19 a 24) da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021), que se recolle a continuación:

CAPÍTULO IV

Infraestruturas e mobilidade

Sección 1ª. Infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable

Artigo 19. Concepto de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable

Terán a consideración de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable aquelas que contribúan a un maior uso dos modos de transporte non motorizados ou do transporte público colectivo, en detrimento do uso dos vehículos privados de tracción mecánica, tales como vías ou camiños destinados á circulación peonil o de vehículos de tracción humana, como as beirarrúas, as sendas peonís e os carrís para a circulación de bicicletas, os aparcadoiros disuasorios, as plataformas reservadas para o seu uso por parte de vehículos de transporte público colectivo, as paradas e estacións de transporte e, en xeral, todas as que realicen unha función de interconexión entre elas.

Artigo 20. Proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable

1. Os proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable consisten no desenvolvemento completo da solución óptima, co detalle suficiente para facer factible a súa construción e posterior explotación. Para iso, deberán redactarse cos datos e precisión necesarios para permitir executar as obras e explotalas posteriormente sen a intervención das súas persoas autoras.

2. Os proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable deben ser redactados baixo a dirección ou inspección e a supervisión do órgano competente da administración promotora da actuación e serán subscritos por un profesional técnico competente.

3. Os proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable incluirán a documentación exixible pola normativa de contratación do sector público cando vaian servir de base a unha licitación pública, e, naqueles casos en que a actuación non viñese prevista no planeamento urbanístico municipal, unha análise da súa incidencia neste, con indicación das determinacións do antedito planeamento que resultarán modificadas, conxuntamente coa aprobación do proxecto.

Artigo 21. Información pública e informe das administracións afectadas

1. Será preceptivo o sometemento dos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable aos trámites de información pública e de informe das administracións afectadas no caso da construción de novas infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable que non se previsen no planeamento urbanístico municipal.

2. O trámite de información pública levarase a cabo durante un prazo mínimo de trinta días hábiles, ampliable a xuízo da administración promotora da actuación, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e, como mínimo, en dous medios de comunicación de entre os de máis difusión no ámbito da actuación. A documentación que compón o proxecto estará á disposición da cidadanía na sede central da administración promotora da actuación, na sede territorial desta que abranga o ámbito da actuación, se é o caso, e nos concellos afectados. As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a concepción global da actuación e das distintas alternativas analizadas, de ser o caso.

3. Simultaneamente, os proxectos sometidos ao trámite de información pública a que se refiren os puntos anteriores tamén se someterán ao informe das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación para que, nun prazo de trinta días hábiles, ampliable a xuízo da administración promotora da actuación, examinen se o deseño proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informen sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade co deseño proposto.

4. Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás que se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións.

Artigo 22. Aprobación definitiva

1. Os proxectos serán aprobados de forma definitiva, cando non teñan que ser posteriormente sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, polo órgano competente da administración promotora da actuación, logo da emisión do preceptivo informe de supervisión.

2. No caso de proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben de só unha parte deste. A resolución tamén pode deixar sen efecto a tramitación do proxecto ou parte deste, ou ben pode acordar a suspensión, total ou parcial, da súa tramitación.

Na resolución pódense introducir as prescricións de carácter técnico, social, territorial e de protección ambiental e patrimonial que se consideren necesarias, para ter en conta nos proxectos que desenvolvan posteriormente o proxecto ou, cando aquelas sexan significativas, nun novo proxecto que sexa sometido á mesma tramitación que o orixinal.

3. No caso de que o informe dalgunha das administracións ás que se lles dese trámite de informe preceptivo expresar de xeito motivado a súa falta de conformidade co deseño proposto no proxecto, o expediente remitirase ao Consello da Xunta de Galicia, que será o competente para emitir a resolución de aprobación definitiva do proxecto, logo do informe da consellería competente en materia de mobilidade.

4. A aprobación definitiva dos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable, cando non estean incluídos no planeamento urbanístico municipal, corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da consellería competente en materia de mobilidade no caso de actuacións promovidas polas entidades locais.

Artigo 23. Efectos da aprobación definitiva

1. A aprobación definitiva dos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

2. As obras relativas aos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable promovidas pola Administración autonómica ou polas entidades locais de Galicia, incluídas todas as actuacións necesarias para a súa execución, constitúen actuacións de interese xeral e, por tanto, non están sometidas a licenza ou a calquera outro acto de control preventivo municipal previsto na lexislación reguladora das bases do réxime local. Para os efectos do previsto neste artigo, enténdense como necesarias para a execución das obras as actuacións derivadas da necesidade de repoñer os servizos afectados, independentemente da súa titularidade.

A execución das devanditas obras, sempre que se realice de acordo cos proxectos aprobados, unicamente poderá ser suspendida pola propia administración promotora ou pola autoridade xudicial.

Artigo 24. Coordinación co planeamento urbanístico

As determinacións contidas nos proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. As entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Esta regulación resulta afectada pola Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade.

En materia de transportes tamén debe terse en conta a regulación contida no título III, nas disposicións adicionais primeira e segunda e no anexo II da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (DOG núm. 28, do 9 de febreiro de 2017), que se recolle a continuación (incluído o capítulo V do título III introducido polo artigo 25 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, publicada no DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021- nótese que o artigo 25 da Lei 18/2021, polo que se introduce o capítulo V do título III está afectado pola Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022):

TÍTULO III
Ordenación do sistema de transporte público regular de viaxeiros

CAPÍTULO I
Obxecto e réxime de competencias

Artigo 71. Obxecto e alcance

Un. O presente título establece a ordenación do sistema de transporte público regular de viaxeiros de Galicia e complementa a regulación do Plan de transporte público de Galicia realizada pola Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia.

Nesta materia, as disposicións da presente lei resultarán de aplicación aos servizos de transporte público de viaxeiros que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma. Entenderase que o transporte transcorre integramente en Galicia cando neste ámbito territorial desenvolva a totalidade das súas relacións de tráfico.

Dous. Incorpórase como anexo II desta lei a relación de definicións e a clasificación dos tipos e modalidades de transporte.

Artigo 72. Competencias e organización administrativa no ámbito do transporte por estrada

Un. As administracións públicas de Galicia con competencia e responsabilidade na planificación, ordenación, adxudicación e xestión dos servizos de transporte público regular regulados nesta lei son:

a) A Administración xeral da Xunta de Galicia, que exercerá con plenitude e consonte co previsto no ordenamento xurídico as competencias que estatutariamente corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia e, en concreto, as de impulso e aprobación do Plan de transporte público de Galicia e a de coordinación do sistema integrado de transporte público no territorio da Comunidade Autónoma. Neste ámbito, a Xunta de Galicia exercerá as competencias de planificación, ordenación, coordinación, control, inspección e sanción dos servizos de transporte público de ámbito autonómico.

b) Os concellos, que, en relación cos tráficos dos seus respectivos ámbitos territoriais, posúen competencias de planificación, ordenación, coordinación, control, inspección e sanción dos servizos de transporte público de persoas de ámbito local.

c) As áreas metropolitanas, que posuirán as competencias atribuídas nas súas respectivas leis de creación.

Dous. O exercicio das respectivas competencias en materia de transporte público por parte das diferentes administracións públicas fundamentarase nos principios de boa fe, confianza lexítima e lealdade institucional, e nos de cooperación, colaboración e coordinación, e procurará a máxima racionalización, eficacia no cumprimento dos obxectivos marcados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos e dos medios de transporte.

Tres. No ámbito da Xunta de Galicia, corresponde á consellería con competencia en materia de transporte público velar polo correcto funcionamento dos transportes a que se refire a presente lei, e exercer as funcións de planificación, ordenación, coordinación, control, inspección e sanción, se é o caso, dos servizos públicos de persoas dos que é titular, calquera que sexa o modo en que se xestionen.

Para o exercicio destas funcións, a consellería con competencia en materia de transporte público asumirá as funcións de órgano de contratación do conxunto de servizos de transporte público regular contratados pola Xunta de Galicia, consonte a programación e as excepcións que, se é o caso, acorde o Consello da Xunta de Galicia ou estableza o Plan de transporte público de Galicia. En tanto non se produza a dita asunción plena desta función e respecto, en todo caso, dos supostos que o Consello da Xunta de Galicia acorde excepcionar, os respectivos departamentos manterán as funcións de órgano de contratación dos servizos que se refiran aos seus ámbitos de actuación, co conxunto de facultades propias deste.

CAPÍTULO II
O transporte público regular de uso xeral

Artigo 73. Establecemento de servizos

Un. A prestación dos servizos regulares permanentes de transporte de persoas de uso xeral ou mixtos será precedida da correspondente resolución administrativa sobre o establecemento ou creación dos ditos servizos e de aprobación do correspondente proxecto para a súa prestación. No ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma corresponde á consellería competente en materia de transportes a adopción desta resolución.

Dous. O dito establecemento ou creación serán acordados pola Administración, por iniciativa propia ou de persoa interesada.

Mediante a aprobación do Plan de transporte público de Galicia considerarase adoptado o acordo de establecemento e creación dos servizos que prevexa o dito plan, sen prexuízo da aprobación dos proxectos de explotación por parte da Administración consonte co que nesta lei se establece.

Tamén se considerará xustificado o acordo de establecemento ou creación nos servizos que, incluso antes da aprobación do Plan de transporte público de Galicia, se planifiquen co obxectivo de garantir a continuidade na explotación de tráficos nos que concorran as circunstancias que prevé o artigo 5.5 do Regulamento (CE) 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) 1191/69 e (CEE) 1107/70 do Consello, cuxa explotación se prevexa coas limitacións temporais que establece o dito precepto. Esta norma resultará de aplicación mesmo cando o novo servizo supoña unha reordenación en profundidade dos servizos abandonados ou en risco de abandono, incluso coa introdución, supresión ou modificación substancial dos tráficos que neles se prevían ou coa inclusión de novas modalidades de prestación dos servizos, como servizos baixo demanda ou servizos integrados.

Igualmente, a Administración poderá acordar o establecemento doutros servizos, non previstos expresamente no Plan de transporte público de Galicia, que resulten coherentes coa súa planificación xeral e que se propoña implantar cunha duración temporalmente limitada, ben para a satisfacción de demandas puntuais de transporte, ben para a validación de solucións de mobilidade innovadoras, ou para a experimentación, limitada no tempo ou no territorio, de alternativas non previstas inicialmente na planificación de transporte.

Artigo 74. Prestación de servizos regulares permanentes de transporte de persoas de uso xeral

Un. Os transportes públicos regulares de persoas de uso xeral teñen o carácter de servizos públicos de titularidade da Administración e poden ser utilizados, sen discriminación, por calquera persoa que o desexe nas condicións que establece esta lei e demais normativa de aplicación.

Dous. Como regra xeral, a prestación dos mencionados servizos será levada a cabo pola empresa á que a Administración lle adxudique o correspondente contrato de xestión do servizo público de transporte, baixo o principio de risco e ventura na súa explotación.

Non obstante, a Administración poderá optar pola xestión directa dos servizos de transporte público, a través dos seus propios medios ou de organismos e entes instrumentais dependentes, cando considere esta modalidade como a máis axeitada ao interese xeral en función da súa natureza e características, especialmente nos casos de ausencia de licitadores interesados na prestación dos servizos, de interrupción ou de risco inminente de tal situación.

Tres. O contrato de xestión de cada servizo determinará o seu prazo de duración atendendo ás súas características e aos prazos de amortización dos activos achegados polo adxudicatario que resulten necesarios para a súa prestación e que sexan utilizados con exclusividade ou de xeito predominante nesta. En todo caso, consonte o disposto na lexislación da Unión Europea reguladora da materia, a duración dos contratos non poderá ser superior a dez anos.

Non obstante, cando resulte necesario atendendo ás condicións de amortización dos indicados activos, a duración do contrato poderá prolongarse durante un período non superior á metade do período orixinalmente establecido.

Os contratistas de servizos de transporte público teñen en todo caso a obriga contractual de continuaren na explotación do servizo ata que culmine o procedemento de adxudicación que se estableza para darlle continuidade ao servizo público, co límite temporal, en canto á súa obrigatoriedade, de doce meses, que se contarán desde a data do vencemento do contrato ou, de ser o caso, daquela en que se faga efectiva a execución da resolución que lle puxese fin. A continuidade na explotación indicada neste apartado realizarase nas mesmas condicións económicas, contractuais e xurídicas que se lle apliquen ao contrato nese momento, e producirase nos termos previstos na Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e na súa normativa de desenvolvemento, así como, nos casos que esta establece, e na Lei 10/2016, do 19 de xullo.

Catro. Os servizos de transporte público regular de persoas de uso xeral ou mixtos adxudicaraos a Administración co carácter de exclusivos, de conformidade co disposto na normativa comunitaria e na normativa estatal básica, nos termos que prevexa o Plan de transporte público de Galicia e os correspondentes proxectos de explotación e pregos de licitación, os cales poderán definir supostos ou ámbitos territoriais nos que a exclusividade dos tráficos sexa compartida entre dous ou máis servizos públicos, fixando as condicións de coordinación entre eles.

Cinco. Sen prexuízo da posibilidade de promover ou participar en calquera momento en actuacións interadministrativas de colaboración para a mellora e o fomento do sistema de transporte público, o exercicio pleno da competencia sobre transporte público e o establecemento de novos servizos locais, por parte dos concellos e demais entidades locais que no momento da entrada en vigor desta lei non dispoñan de servizos de transporte público colectivo da súa competencia, requirirán da comunicación previa ao órgano competente sobre os servizos autonómicos con, cando menos, doce meses de antelación ao vencemento do prazo legalmente establecido para a aprobación do Plan de transporte público de Galicia, ou, unha vez aprobado este, coa mesma antelación respecto das datas que se prevexan para a aprobación das súas revisións.

A mesma regra indicada no parágrafo anterior resultará de aplicación en relación cos tráficos que asuman, efectivamente, as áreas metropolitanas con posterioridade á entrada en vigor desta lei.

Cando nos termos dos parágrafos anteriores unha administración local comunique á Administración autonómica a súa intención de establecer un servizo de transporte de ámbito local, esta excluirá dos proxectos de licitación que elabore as relacións de tráfico dese ámbito territorial. Non obstante, o órgano autonómico competente para a aprobación do indicado proxecto de explotación poderá acordar a explotación coordinada de determinados tráficos cando esta supoña unha mellora na oferta para as persoas usuarias pola coincidencia dos itinerarios ou dos tráficos dos diferentes servizos ou cando a dita exclusión poida poñer en risco a sustentabilidade do propio servizo autonómico.

Nestes supostos, o órgano autonómico competente en materia de transporte, oída a entidade local correspondente, establecerá os criterios de coordinación de tarifas, horarios e calendarios das expedicións correspondentes a servizos autonómicos e locais que atendan conxuntamente as ditas relacións de tráfico. Igualmente, as administracións competentes poderán conveniar a explotación indistinta destes servizos, de xeito que os servizos local e autonómico atendan, total ou parcialmente, o conxunto dos seus respectivos tráficos.

Artigo 75. Contratos de xestión de servizos públicos de transporte de persoas

Un. Os contratos de xestión de servizos públicos de transporte de persoas serán definidos polos correspondentes proxectos de explotación dos servizos, que, nos supostos de adxudicación mediante un procedemento aberto, servirán de base dos pregos de condicións que se regulan neste mesmo artigo.

Os proxectos de explotación serán elaborados directamente pola Administración ou por un particular. No suposto de elaboración por un particular, este deberá presentar un anteproxecto completo ao órgano da Administración que resulte competente para a súa aprobación, o cal discrecionalmente poderá tomalo en consideración e proceder á súa tramitación, ponderando para tal fin a súa integración co sistema de transporte público ou cos traballos de planificación en desenvolvemento ou programados. En calquera caso, a Administración poderá requirir do promotor que o anteproxecto sexa emendado ou completado coa información adicional que estime conveniente para a axeitada definición do servizo. A Administración adoptará o correspondente acordo no prazo de tres meses, que se contarán desde a presentación completa do anteproxecto do servizo, logo do cal, de non ter adoptado acordo a Administración, o interesado poderá entender que este é desfavorable á toma en consideración do servizo.

Os proxectos de explotación someteranse á información pública durante un prazo de dez días, no cal o proxecto estará dispoñible para calquera interesado na páxina web da correspondente administración de transportes. Simultaneamente, daráselles audiencia durante o mesmo prazo aos concellos nos cales, no proxecto do servizo, se establezan puntos ou localidades de parada.

Analizadas as alegacións recibidas, a Administración de transportes competente acordará a aprobación do correspondente proxecto de servizo, se é o caso.

No ámbito da Xunta de Galicia, os proxectos de servizos públicos de transporte de persoas que deban ser sometidos a un procedemento de licitación aberto corresponderán á consellería competente en materia de transportes.

Dous. Os pregos de condicións que rexerán o contrato tomarán como base o proxecto de explotación aprobado pola Administración, e fixarán as condicións de prestación do servizo.

Os pregos regularán as condicións de prestación dos servizos incorporando, en todo caso, as seguintes:

a) Os tráficos que definen o servizo, así como o seu itinerario, expedicións, calendarios e horarios ou franxas horarias de servizo, cando resulten pertinentes, e o prazo de duración do contrato.

b) As condicións mínimas de solvencia técnica, profesional e económica que, se é o caso, deberá cumprir o contratista coa finalidade de que resulte garantida a adecuada prestación do servizo de que se trate de xeito continuado.

c) Os medios materiais dos que deberá dispoñer o contratista para a prestación do servizo, e as súas características, tales como vehículos ou medios e sistemas tecnolóxicos precisos para a explotación do servizo e a obtención de información deste por parte da Administración.

d) O réxime económico que resulte de aplicación ao contrato, incluíndo, de ser posible, as tarifas de usuario que se prevexa aplicar e as tarifas de equilibrio do contrato, e outras compensacións pola prestación do servizo que resulten de aplicación, indicando os parámetros sobre cuxa base deberán ser calculados.

e) O compromiso do contratista de someterse á arbitraxe da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia en relación con calquera controversia coas persoas usuarias relacionadas coa prestación do servizo, ou cos titulares de infraestruturas de transporte que deba utilizar o servizo en relación cos canons, tarifas ou prezos que deba aboar pola dita utilización.

f) O réxime de penalidades que, se é o caso, resulte de aplicación por unha deficitaria prestación do servizo ou por incumprimentos contractuais, e as condicións nas que o contratista estará obrigado a indemnizar as persoas usuarias polos danos que lles deriven dos incumprimentos contractuais.

Artigo 76. Adxudicación dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte de persoas

Un. Os contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral adxudicaranse, con carácter xeral, mediante un procedemento aberto no que todo empresario que acade os requirimentos de solvencia que fixen os correspondentes pregos poderá presentar unha proposición. En calquera caso, deberán desestimarse as ofertas que establezan condicións desproporcionadas ou anormais, tecnicamente inadecuadas, ou que non garantan debidamente a continuidade do servizo ou a súa prestación nas condicións precisas, nos termos que definan os pregos de licitación.

Dous. Non obstante o indicado no punto anterior, a Administración poderá optar pola adxudicación directa nos supostos e nos termos establecidos pola normativa comunitaria e pola lexislación estatal de carácter básico. Igualmente, no caso de interrupción dos servizos ou de risco inminente de tal situación, ademais do procedemento de adxudicación directa que prevé a normativa comunitaria, a Administración poderá optar por establecer exixencias de prestación de determinadas obrigas de servizo público por parte doutros contratistas, que verán modificados deste xeito os seus contratos, coa garantía en todo caso do mantemento do seu correspondente equilibrio económico.

Tres. O adxudicatario do servizo deberá dispoñer de autorización que o habilite para a realización da actividade de transporte público no ámbito territorial no que se preste, nos termos que establece a normativa comunitaria e nacional na materia, e poderá subcontratar parcialmente a súa prestación nos termos que estableza o correspondente proxecto de explotación do servizo.

No caso de unións temporais de empresas, deberán dispoñer da autorización habilitante indicada no apartado anterior a totalidade das empresa que, formando parte da unión temporal, sexan as que efectivamente oferten e presten os servizos de transporte.

Artigo 77. Procedemento de adxudicación directa

Un. Nos supostos en que resulte de aplicación o procedemento de adxudicación directa, abondará con que o proxecto de explotación do servizo identifique os tráficos que se van atender, os itinerarios, se é o caso, o calendario de prestación, as frecuencias, o réxime económico aplicable e o prazo de vixencia.

Dous. Os anteproxectos de explotación de servizos de transporte obxecto de adxudicación directa someteranse á información pública durante un prazo de dez días naturais.

Durante este prazo, as empresas e demais interesados en xeral poderán formular as alegacións que consideren en relación co contido do anteproxecto. Igualmente, as empresas con capacidade para a súa prestación poderán propoñerse para ser invitadas para a presentación de oferta.

Logo de analizar as alegacións presentadas, a Administración aprobará o proxecto de explotación do servizo e, deixando constancia no expediente de forma sucinta das razóns que xustifican a elección, remitirá invitación para presentar oferta a un mínimo de tres empresas de entre as que comunicasen o seu interese en ser invitadas, sempre que sexa posible, sinalándolles un prazo non inferior a cinco días naturais para a presentación da correspondente oferta e facilitándolles o acceso ao indicado proxecto de explotación.

A Administración analizará as ofertas que presenten as empresas invitadas, e poderá acordar a celebración dun proceso de negociación coas correspondentes empresas, logo do cal adxudicará o contrato á empresa que presente a oferta que resulte máis vantaxosa consonte as condicións e criterios fixados no proxecto de explotación e na propia invitación e formalizará con aquela o correspondente contrato de xestión do servizo de transporte público regular.

Tres. En todo caso, cando os procedementos previstos no apartado anterior queden desertos por carecer de empresas interesadas en ser invitadas, ou a Administración aprecie discrecionalmente que concorren circunstancias que non aconsellan promover a concorrencia prevista nos apartados anteriores sen un grave risco de interrupción do servizo público de transporte, ou cando logo de remitir as invitacións que neles se indican ningunha empresa formule unha oferta consonte os requirimentos exixidos pola Administración, a Administración poderá dispoñer a adxudicación directa do servizo á empresa que para tal fin seleccione, coa cal formalizará directamente un contrato de xestión do servizo público de transporte.

Catro. No caso de procedementos de adxudicación directa de contratos de xestión de servizos de transporte público regular de persoas por estrada que tramite a Administración xeral da Xunta de Galicia, corresponderá á dirección xeral competente en materia de transporte público a competencia para acordar a aplicación desta modalidade de adxudicación, a aprobación do correspondente proxecto de explotación e a adxudicación do contrato.

CAPÍTULO III
Integración e coordinación de servizos nunha rede de transporte integrada

Artigo 78. Integración de servizos de transporte

Un. Coa finalidade de acadar unha prestación racional e eficiente dos servizos de transporte, ademais das fórmulas de colaboración, cooperación e coordinación de servizos da competencia de diferentes administracións públicas reguladas nesta lei e demais normativa sectorial de aplicación, promoverase a integración de servizos dirixidos á atención de diferentes colectivos de persoas usuarias, preferentemente contratados por unha mesma administración.

Dous. Con carácter xeral, calquera administración pública galega poderá reservar prazas nos servizos de transporte público regular de uso xeral a favor dos estudantes, traballadores ou colectivos análogos, en expedicións que teñan tráficos no ámbito territorial de competencia da respectiva administración, para atender as necesidades de mobilidade desas persoas usuarias.

Nestes supostos, a administración que reserve as prazas deberá aboar pola prestación do servizo a tarifa de equilibrio contractual que estea establecida no correspondente contrato de xestión.

Artigo 79. Racionalización e integración de servizos de transporte contratados pola Xunta de Galicia

Un. No marco dos acordos para a integración dos servizos e da súa programación que adopte o Consello da Xunta de Galicia directamente ou mediante a aprobación do Plan de transporte público de Galicia, promoverase unha utilización racional da oferta de servizos de transporte público que contrata a Xunta de Galicia.

Para tal fin, promoverase a utilización da rede de trasporte público regular de uso xeral por parte dos colectivos de persoas usuarias aos que a Xunta de Galicia ofreza a prestación do servizo de transporte público, tales como estudantes ou persoas usuarias do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal. En todo caso, manterase a prestación diferenciada dos servizos para o conxunto de persoas usuarias que, polas súas condicións específicas, non poidan facer uso dos servizos de transporte público regular de uso xeral.

Dous. O Plan de transporte público de Galicia e os proxectos que a Administración defina con antelación á súa aprobación, ou estableza con carácter experimental, garantirán a máxima cobertura territorial coa finalidade de que a rede de transporte público regular de uso xeral presente unha oferta real alternativa ás distintas redes dedicadas que actualmente mantén a Xunta de Galicia.

Igualmente, nesta planificación garantirase a atención prioritaria dos colectivos de menores e demais persoas usuarias das redes de transporte público regular de uso especial, de xeito que a oferta alternativa proposta manteña, cando menos, os mesmos niveis de calidade e prestación de servizo dos que dispoñían previamente. Os servizos integrados deberán cumprir integramente a normativa sobre condicións de seguridade no transporte de escolares e menores que lles resulte de aplicación.

Nos supostos en que a Administración da Xunta de Galicia ofreza a prestación das relacións de mobilidade a través de servizos integrados previstos na rede de transporte público regular de uso xeral, estes medios darán satisfacción ao dereito ao correspondente servizo público de transporte, sen que por parte da Administración autonómica se establezan servizos diferenciados, procedendo, se é o caso, á suspensión dos servizos dedicados que carezan de persoas usuarias.

En tanto non se produza a integración nun único órgano de contratación da competencia sobre a prestación do servizo de transporte regular de uso xeral e a xestión dos servizos de transporte dedicados, complementarios doutros ámbitos de actuación da Administración, a administración competente sobre estes últimos aboará directamente á empresa contratista o importe correspondente á tarifa de equilibrio contractual que en cada caso corresponda.

Tres. Simultaneamente á integración de servizos na rede de transporte público regular de uso xeral, no marco dos acordos de integración e da programación que estableza o Consello da Xunta de Galicia, ou da planificación de transporte que determine o Plan de transporte público de Galicia, se é o caso, fixaranse servizos de transporte mixtos nos que nun mesmo contrato se prevexa a prestación de servizos de transporte regular de uso xeral xunto con servizos de transporte regular de uso especial.

Nestes supostos, os proxectos de explotación dos servizos de transporte público regular de uso xeral fixarán as compensacións económicas que se aboarán pola prestación dos diferentes servizos.

Artigo 80. Adaptación da explotación dos contratos de concesión públicos de transporte regular de uso xeral ou mixtos por razón de integración de servizos ou melloras na explotación.

Un. A Administración poderá introducir, en calquera momento, alteracións ou modificacións nas condicións de explotación dos contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de uso xeral ou mixtos, coa finalidade de atender a demanda de transporte xerada por persoas usuarias dos servizos públicos de transporte que oferte a Xunta de Galicia.

Dous. Identificada a necesidade de modificar as condicións de prestación dun servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia, aos procedementos de adaptación das súas condicións de prestación iniciados de oficio polo responsable do correspondente contrato de concesión, e aos iniciados por solicitude de interesado, resultaranlles de aplicación as seguintes especialidades:

1. O responsable do contrato poderá ditar unha medida cautelar de carácter executivo na que disporá a súa prestación por parte da empresa contratista elixida para tal fin, consonte o previsto nos correspondentes contratos de concesión de servizos públicos de transporte. Esta medida cautelar terá carácter executivo e será de obrigado cumprimento para o contratista, que deberá adaptar a explotación do servizo no prazo que nela se estableza.

2. Sen prexuízo do indicado carácter executivo da medida executiva da Administración, desde a súa recepción o concesionario disporá do prazo de dez días para a formulación de alegacións. Por este mesmo prazo, a Administración dará audiencia a calquera outro interesado.

3. Cando a modificación das condicións de explotación implique a creación dunha nova parada, ou a modificación dunha xa existente, sen prexuízo do carácter executivo das medidas cautelares que se puideren adoptar consonte o establecido anteriormente, darase audiencia ao titular da vía no prazo sinalado no punto anterior.

No caso de formulación de alegacións que impliquen a negativa á creación ou á instalación dunha parada, o titular da vía deberá presentar unha ou varias alternativas en que xustifique o mantemento dunha análoga ou mellor funcionalidade para as persoas usuarias.

4. Analizadas as alegacións formuladas, se for o caso, o responsable do contrato ditará a resolución definitiva.

Tres. Mediante unha resolución conxunta dos departamentos da Xunta de Galicia con competencia en materia de transportes e cada un dos ámbitos sectoriais obxecto de integración, estableceranse protocolos administrativos de actuación para a recepción, validación e aprobación das novas demandas de prestación de servizos de transporte público.

Catro. Igualmente, nos termos previstos nesta lei e na normativa básica de aplicación, a mellora nas condicións de prestación do servizo público de transporte, a implantación de solucións de explotación innovadoras como a xestión baixo demanda, ou a integración de servizos de transporte, consideraranse causas de interese público xustificativas da modificación de oficio dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de uso xeral que estean en explotación, nos termos previstos no segundo parágrafo do artigo 3.1 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema do transporte público de Galicia, logo de audiencia do contratista.

Nestes casos, a Administración deberá prever as compensacións que resulten esenciais para, mantendo as condicións de equilibrio económico dos indicados contratos e o principio de risco e ventura que lles é propio, resarcir o contratista polas novas obrigas de servizo público que se lle impoñan

(Téñase en conta que a redacción do artigo 80 foi dada polo artigo 21 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

CAPÍTULO IV

Réxime económico e tarifario dos servizos de transporte

Artigo 81. Réxime económico dos servizos de transporte

Un. Como sistema de transporte de titularidade da Administración, o réxime económico do sistema de transporte público regular de uso xeral prestado a través de empresas contratistas baséase no principio de risco e ventura do contratista, asociado ao volume de persoas usuarias acadado coa prestación do servizo e a aplicación dunha tarifa de equilibrio de carácter contractual.

Dous. Nos servizos de transporte discrecional e nos servizos de transporte público regular de uso especial, o seu réxime económico será o que en cada caso establezan as partes contratantes.

Artigo 82. Réxime económico e tarifario dos servizos de transporte público

Un. No sistema de transporte público regular de uso xeral, e nos mixtos, diferénciase entre:

a) Tarifa de equilibrio contractual: importe que ten dereito a percibir a empresa contratista por cada usuario e relación de tráficos que realice, ben o perciba da propia persoa usuaria, ben o faga, total ou parcialmente, dunha administración pública ou dun terceiro.

b) Tarifa de usuario: importe efectivamente aboado pola persoa usuaria, determinado pola Administración, e que pode coincidir ou non coa tarifa de equilibrio contractual.

O cálculo das anteriores tarifas poderá basearse na multiplicación dos quilómetros percorridos pola persoa usuaria por un coeficiente tarifario, se é o caso cun importe mínimo de percepción, ou en razón do número de saltos que realice a persoa usuaria entre zonas de transporte previamente delimitadas, atendendo ás matrices aprobadas pola Administración.

Dous. A tarifa de equilibrio contractual poderá obedecer a un dos métodos de cálculo indicados no apartado anterior ou estar formada por varios deles, incluída a diferenciación da aplicable en atención ás condicións específicas ou cualificadas de prestación, como horarios fixos, dispoñibilidade de acompañante ou adaptación do itinerario ás concretas necesidades das persoas usuarias, que se lles apliquen a determinados colectivos, tal como pode acontecer no transporte integrado de escolares ou nos servizos de transporte baixo demanda.

Tres. Corresponde á Administración determinar as tarifas de usuario aplicables en cada caso, podendo facelo co carácter de fixas ou de máximas:

a) Tarifas fixas: son obrigatorias para a empresa prestadora do servizo e para as persoas usuarias.

b) Tarifas máximas: a empresa prestadora poderá ofertar tarifas inferiores á autorizada, atendendo a criterios obxectivos de promoción da mobilidade e con suxeición ao principio de non-discriminación entre as persoas usuarias.

Catro. Tanto no suposto de tarifas fixas como no de tarifas máximas, a Administración poderá autorizar a comercialización de tarifas bonificadas:

a) Bonos de utilización recorrente ou para a promoción da utilización do sistema de transporte público. Estes bonos serán dirixidos ao público en xeral, e non será admisible a introdución de discriminacións por razóns de territorio ou residencia nin por razóns sociais ou doutra índole.

b) Bonos sociais, vinculados a políticas ou actuacións transversais dos poderes públicos no ámbito social, nos que se tomarán en consideración as condicións específicas das persoas usuarias ou das súas unidades familiares, tales como familias numerosas, estudantes, xubilados ou nivel de renda. En ningún caso se poderán establecer bonos sociais atendendo a criterios exclusivamente territoriais, como a residencia, ou a condicións discriminatorias, como a raza, a relixión ou a opinión da persoa usuaria.

Xunto coas anteriores tarifas bonificadas poderán establecerse e xestionarse, no marco do sistema de transporte público, bonificacións adicionais promovidas pola propia administración titular do servizo ou por calquera outra administración, entidade, agrupación ou colectivo interesado na promoción do transporte público ou na prestación dun servizo ao colectivo ao que dirixan a súa actuación.

Artigo 83. Integración tarifaria e de información do sistema de transporte público de Galicia

Un. O conxunto de servizos de transporte público regular de uso xeral de Galicia integrarase nun sistema común de información dirixido a facilitar ás persoas usuarias o coñecemento do conxunto de servizos de transporte público regular ofertados polas diferentes administracións. Igualmente, as administracións colaborarán na integración tarifaria, de xeito que os títulos de transporte ofertados por cada unha delas poidan operar indistintamente no conxunto do sistema.

Dous. Para tal fin, a Xunta de Galicia, mediante orde da consellería competente en materia de transportes, logo do informe da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, establecerá os requisitos de interoperatividade dos sistemas de pagamento e de información do transporte público, que resultarán obrigatorios nos proxectos que desenvolvan o conxunto de administracións titulares de servizos de transporte regular de uso xeral. Nas mesmas condicións, o dito departamento establecerá as condicións de remisión desta información en relación con outros servizos de transporte público que contrate a Xunta de Galicia e, de xeito específico, os servizos de transporte público regular de persoas por estrada de uso especial.

(…)

Disposición adicional primeira. Instrumentos para a coordinación de servizos da Xunta de Galicia

No marco do que establece a sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia poderá crear comisións ou órganos colexiados de coordinación en materia de transporte público e integración de servizos de transporte, para o cal ditará as oportunas disposicións de carácter organizativo.

Disposición adicional segunda. Vehículos autorizados para a prestación de servizos de transporte

Os titulares de contratos de xestión de servizos públicos de transporte poderán subcontratar, para a prestación de servizos de uso regular, vehículos provistos de autorizacións de transporte de persoas en vehículos de turismo previstos na Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, adscritas a vehículos de ata nove prazas.

Capítulo V. Infraestruturas complementarias do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada

Artigo 83 bis. Clases, competencia e ordenación

1. As infraestruturas complementarias do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada clasifícanse en:

a) Estacións de transporte de viaxeiros, que son as infraestruturas que teñen por obxecto a integración da rede de servizos de transporte público facilitando o transbordo entre modos e servizos de transporte, centralizando as súas saídas, chegadas e tránsitos ás poboacións, e prestando actividades de carácter complementario a persoas usuarias e operadores de transporte.

b) Instalacións auxiliares, que son as restantes infraestruturas complementarias ao transporte, e que teñen por obxecto apoiar o adecuado desenvolvemento do transporte público de viaxeiros e viaxeiras por estrada. Terán esta consideración as marquesiñas ou refuxios de espera, que teñen como función facilitar as esperas, chegadas e tránsitos das persoas usuarias da rede de transporte público. Terán tamén a consideración de instalacións auxiliares os puntos de información, paneis, postes e instalacións similares de carácter complementario para a ordenación e xestión do transporte.

2. As estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Accesos para entradas e saídas dos vehículos, configurados de modo que non produzan interferencias entre eles nin alteracións sensibles na capacidade de circulación normal das vías lindeiras.

b) Accesos independentes para vehículos e persoas.

c) Dársenas cubertas, en número suficiente, para os estacionamentos simultáneos que se precisen.

d) Plataformas cubertas para a subida e a baixada das persoas usuarias.

e) Zonas de espera para as persoas, cubertas e independentes das plataformas.

f) Instalacións de servizos sanitarios para as persoas usuarias.

g) Dependencias ou instalacións, de uso común ou individualizado, para a facturación, consigna e venda de billetes, así como puntos de información.

h) Servizo de información da totalidade de servizos de transporte que se presten no termo municipal correspondente e, de xeito específico, das chegadas e saídas da propia estación en tempo real. Este servizo poderá ser prestado por medios audiovisuais accesibles e poderá ser consultado polos usuarios nunha páxina web específica da estación de autobuses.

i) Servizo wifi.

As estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras que prestan servizo a menos de dez mil expedicións anuais estarán eximidas do cumprimento das alíneas c) e g) do punto anterior. En calquera caso, o conxunto de estacións de transporte deberán estar adaptadas para a circulación de persoas con mobilidade reducida.

3. A consellería con competencias en materia de transporte poderá acordar o establecemento de estándares mínimos exixibles para as instalacións auxiliares, tanto de calidade, seguridade e accesibilidade como de homoxeneidade de deseño, requisitos que serán exixibles para calquera nova dotación que se realice. Igualmente, poderá establecer un inventario de paradas nas que o conxunto de administracións titulares das vías deberán inscribir as dotacións existentes, a súa substitución, a instalación de novas ou calquera incidencia ao respecto.

4. A competencia para o establecemento das estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras corresponderá á Comunidade Autónoma ou ás entidades locais, que poderán exercela ben de oficio ou por instancia de terceiros interesados.

En caso de iniciativa municipal, deberase presentar para a súa aprobación, ante a consellería competente en materia de transportes, un proxecto que incluirá necesariamente un estudo económico de viabilidade e mais un estudo técnico que xustifique a súa dotación como elemento necesario para facilitar a integración de modos e servizos de transporte, a idoneidade da localización elixida, tanto en canto ao seu entroncamento co tecido urbano, minimizando os desprazamentos motorizados, como na planificación urbanística. O estudo técnico incorporará tamén un estudo de tráfico que garanta a suficiencia dos viais existentes, ou que se programen no propio proxecto, tanto para o acceso das persoas usuarias como dos vehículos de transporte público. Igualmente, tamén deberá incorporarse unha proposta de ordenación dos servizos e paradas de transporte público no ámbito municipal que, logo da análise dos puntos de orixe ou destino final dos desprazamentos das persoas usuarias, garanta a máxima accesibilidade das persoas usuarias do sistema de transporte público sen custos adicionais de carácter temporal nin económico.

O estudo económico de viabilidade deberá concretar os custos económicos que se repercutirán ás persoas e operadores con parada no termo municipal, tanto no suposto de utilización directa das indicadas instalacións como nos casos de exención da súa utilización por habilitación de paradas alternativas no termo municipal.

A dirección xeral competente en materia de transporte deberá emitir un informe vinculante, no prazo de tres meses desde a recepción da proposta municipal, no que se terá en conta especialmente a garantía da máxima accesibilidade das persoas usuarias aos seus puntos de destino. Igualmente, poderá emitir un informe desfavorable no suposto de reservar para si a Comunidade Autónoma a súa iniciativa, por presentar un especial interese supramunicipal en canto garantía da mobilidade das persoas.

Igualmente, no caso de modificacións posteriores das tarifas que correspondan ás persoas usuarias ou aos operadores que non estean expresamente previstas no estudo económico inicialmente remitido, deberán ser igualmente remitidas á consellería competente en materia de transportes, xunto cun novo estudo económico e un informe técnico da súa incidencia no sistema de transporte, a cal emitirá un informe vinculante, no prazo de tres meses desde a súa presentación completa, no que se terá especialmente en consideración a eventual incidencia que a antedita modificación poida provocar na elección do transporte público por parte das persoas usuarias.

Artigo 83 ter. Réximes de utilización das estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras

1. Naqueles concellos que conten con estación de transporte de viaxeiros e viaxeiras, sexan de titularidade municipal ou autonómica, con carácter xeral establecerase a antedita estación como punto de parada obrigatoria na totalidade de servizos públicos regulares de viaxeiros e viaxeiras en autobús, agás nos casos seguintes:

a) Servizos integrados, no sentido previsto no artigo 79 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

b) Servizos con orixe, destino ou tránsito no termo municipal que non teñan parada no núcleo urbano en que se localice a estación de transporte de viaxeiros e viaxeiras.

c) Servizos respecto dos que, tendo parada no mesmo núcleo urbano en que se localice a estación de transporte de viaxeiros e viaxeiras, sexan eximidos de tal obriga pola administración competente sobre eles ao fixar puntos de parada diferentes por resultaren máis adecuados para garantir a maior accesibilidade urbana das persoas usuarias, seguindo os procedementos legalmente establecidos para tal efecto.

d) Calquera outro servizo que sexa expresamente exceptuado pola administración competente sobre el, atendendo á concorrencia de circunstancias singulares, como pode ser a hora ou período temporal de prestación, ou os colectivos de usuarios e usuarias para os que estea especialmente previsto ou deseñado o citado servizo.

2. As estacións de transporte de viaxeiros e viaxeiras terán dereito a percibir das persoas usuarias e dos operadores de transporte tarifas pola prestación do servizo que ofrecen. Con carácter xeral, esas tarifas percibiranas directamente das empresas operadoras respecto da totalidade de servizos de transporte que estas estean obrigadas a ofrecer ás persoas usuarias consonte os seus respectivos títulos, tanto no caso dos que teñan parada na estación como no daqueles que, tendo parada no termo municipal, estean exentos de acceder a aquela, agás os servizos integrados.

3. O funcionamento de cada estación de transporte de viaxeiros e viaxeiras será obxecto dun regulamento de réxime interior, aprobado pola administración titular dela.

(…)

ANEXO II

Definicións e clasificación dos servizos de transporte

1. Para os efectos desta lei enténdese por:

a) Transporte: o sistema de medios para conducir persoas ou cousas dun lugar a outro.

b) Transporte público: o transporte que se leva a cabo por conta allea mediante unha retribución económica.

c) Transporte privado: o transporte que se leva a cabo por conta propia, ben a título particular, ben como actividade complementaria necesaria doutra actividade principal de empresa ou establecemento e directamente relacionada co desenvolvemento desas outras actividades.

d) Transporte por estrada: o transporte que se realiza en vehículos automóbiles que circulen sen camiño de rodaxe fixo e sen medios fixos de captación de enerxía por toda clase de vías terrestres urbanas ou interurbanas de carácter público ou privado.

e) Transporte colectivo de persoas: o transporte público ou privado dirixido a trasladar un grupo, determinado ou indeterminado, de persoas usuarias, e mais as súas equipaxes, vultos de man e encargos, realizado preferentemente mediante vehículos automóbiles de dez ou máis prazas.

f) Tráfico: a relación de mobilidade existente entre dous ou máis puntos xeográficos entre os cales un servizo de transporte efectúa ou pode efectuar o traslado de persoas, das súas equipaxes, vultos de man e encargos. Con carácter xeral, os puntos xeográficos farán referencia ao conxunto da localidade ou entidade de poboación que sexa atendida por un servizo de transporte, consonte co que se determine regulamentariamente e coas limitacións que poden establecer o Plan de transporte público de Galicia e os proxectos de explotación para servizos que se establezan con antelación á aprobación do plan ou de explotación experimental, aprobados nos termos desta lei.

2. Os transportes públicos de persoas clasifícanse de acordo cos seguintes criterios:

2.1. En atención ao seu ámbito:

a) Local ou urbano: o que atenda tráficos situados integramente nun mesmo termo municipal, nunha agrupación de municipios ou nunha área metropolitana con competencias en materia de transporte público regular de viaxeiros recoñecidas legalmente, segundo o caso.

b) Autonómicos ou interurbanos: cando atenda tráficos nun ámbito superior ao indicado no apartado anterior, aínda que dentro do territorio da Comunidade Autónoma. Tamén terán a consideración de autonómicos os tráficos indicados no apartado anterior que estean incluídos dentro dun servizo de transporte que, no seu conxunto, teña un ámbito superior, ou cando a Administración local competente non adoptase o acordo de establecemento do servizo público de transporte local nos termos previstos nesta lei e demais disposicións legais que resulten de aplicación.

2.2. En atención á regularidade da súa prestación:

a) Transporte público regular: o que se efectúe no marco de itinerarios ou para atender tráficos preestablecidos nunha determinada zona territorial, ben con suxeición a calendarios e horarios previamente determinados, ben no marco dun modelo de xestión baixo demanda no que os itinerarios ou os horarios dos servizos, ou ambos, se configuren para satisfacer unha demanda de transporte confirmada por parte das persoas usuarias.

b) Transporte público discrecional: o transporte público de persoas que non cumpra os requisitos previstos no apartado anterior.

2.3. En atención á súa utilización, o transporte público regular pode ser:

a) De uso xeral: o dirixido a satisfacer unha demanda xeral de mobilidade e que é utilizado por calquera interesado.

b) De uso especial: o destinado a servir, exclusivamente, un grupo específico de usuarios, tales como escolares, traballadores, militares ou grupos homoxéneos semellantes.

c) Mixtos: aqueles servizos de transporte nos que se inclúa a prestación de expedicións de uso xeral xunto con outras expedicións de uso especial, contratadas todas elas por unha mesma autoridade de transporte, tales como os servizos zonais.

Enténdese por servizos zonais aqueles nos que nun único proxecto de explotación se inclúa a explotación dos servizos de transporte público regular de uso xeral e de uso especial que se definan no indicado proxecto e se desenvolvan nun determinado ámbito territorial, inclúa a totalidade deles ou aqueles determinados ou determinables mediante a aplicación dos criterios que o propio proxecto estableza.

Agás en relación co réxime xurídico aplicable a condicións específicas de prestación referidas ao transporte de grupos homoxéneos e específicos de usuarios, os servizos rexeranse polas disposicións previstas para os de uso xeral, cuxo réxime de infraccións e sancións lles resultarán de aplicación.