Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia

Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.1

Preámbulo

1

A Constitución española, no seu artigo 148.1.5º, establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias en materia de estradas cando o seu itinerario se desenvolva integramente no territorio destas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.8, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de estradas non incorporadas á rede do Estado cando o seu itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma.

Os medios necesarios para o exercicio da competencia en materia de estradas asumida en virtude do Estatuto de autonomía foron transferidos polo Real decreto 3317/1982, do 24 de xullo. Polo Decreto 156/1982, do 15 de decembro, procedeuse á asunción e á asignación das transferencias.

A Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, veu determinar o réxime vixente sobre a materia, derrogando a Lei 6/1983, do 22 de xuño, de limitacións da propiedade nas estradas non estatais de Galicia mediante unha lei que ofrecía novas ferramentas para superar problemas, satisfacer necesidades e, ao mesmo tempo, salvagardar e garantir os intereses xerais da Comunidade Autónoma.

Aquela Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, regulou os distintos aspectos do servizo viario por medio de normas que respondían tanto ás esixencias técnicas do seu tempo coma ás demandas da cidadanía e á realidade das peculiaridades da Comunidade Autónoma e das súas características de distribución da poboación, espallada en pequenos núcleos moi numerosos. Actualizou tamén as definicións das estradas e estableceu unha nova clasificación e unha nova denominación das súas categorías.

No que se refería a plans, estudos de planificación e proxectos, estableceu a necesaria coordinación cos instrumentos de planeamento urbanístico.

Os preceptos reguladores do uso, explotación e defensa da estrada orientáronse directamente tanto a potenciar e mellorar os variados servizos esixidos polas crecentes necesidades do tránsito público como a protexer e conservar o patrimonio viario, que debe ser obxecto de coidadosa e esmerada atención, empregando e aplicando estritamente os procedementos que contiña a lei para sancionar as infraccións dela.

Por último, actualizou o especial réxime xurídico regulador das denominadas redes arteriais e travesías, de acordo coas circunstancias peculiares das estradas e dos treitos destas que discorren por solo urbano.

Transcorridos máis de dezaoito anos desde a súa entrada en vigor, a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, amosouse como unha ferramenta eficaz para o desenvolvemento dunha rede de estradas máis segura e de maior capacidade, para o que se construíron novas e importantes vías de alta capacidade e acondicionaron e melloraron as estradas convencionais, ao tempo que permitiu ordenar de xeito razoablemente satisfactorio os usos permitidos na súa área de influencia.

Porén, os continuos avances técnicos no campo da enxeñaría de estradas, así como a necesidade de acudir a innovadores instrumentos para financiar a execución das infraestruturas, fixeron necesarias varias modificacións puntuais no texto orixinal da lei, que provocaron lixeiros desaxustes na súa estrutura.

Así mesmo, algunhas das determinacións previstas na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, non chegaron a ser aplicadas na práctica, mentres que a falta de precisión nalgúns outros aspectos obrigou, de xeito excesivo, á aplicación supletoria da normativa estatal sobre a materia (en particular, do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro).

No ámbito das estradas autonómicas, a creación da Axencia Galega de Infraestruturas a través do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o seu estatuto, en virtude da autorización prevista na disposición adicional cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, fai necesario adaptar o texto lexislativo a un esquema de funcionamento no que a xestión ordinaria da rede de estradas poida ser asumida por entes públicos desta natureza, sempre que estean baseados en principios de eficacia, eficiencia e funcionalidade, tanto no caso da Administración autonómica coma no das entidades locais, sen que, en ningún caso, este esquema sexa obrigatorio.

Os cambios lexislativos noutros aspectos sectoriais ou básicos, acaecidos desde a entrada en vigor da Lei 4/1994, do 14 de setembro, como é o caso das lexislacións de contratación pública, ordenación do territorio, urbanismo e avaliación ambiental, tanto de plans e programas coma de proxectos, aconsellan tamén unha adaptación a aquelas da lexislación en materia de estradas.

Ademais, a aparición nos últimos anos de importantes problemas ambientais de carácter mundial, como é o caso do cambio climático, requiren que a planificación sectorial en materia de estradas teña en conta a súa incidencia sobre o medio ambiente e a calidade de vida, para permitir un desenvolvemento sustentable que asegure a capacidade actual e futura dos recursos naturais.

Os aspectos expostos nos parágrafos anteriores aconsellan proceder a unha actualización do réxime vixente en materia de estradas que aborde estes aspectos e incorpore as novidades técnicas e normativas máis actuais sobre a materia. É por iso que se considera oportuno renovar a lexislación autonómica en materia de estradas e adaptala ás máis avanzadas prácticas lexislativas que se puxeron en práctica noutras comunidades autónomas nos últimos tempos.

2

Entre os obxectivos que se pretenden acadar, destacan os seguintes:

a) Homoxeneizar o tratamento das estradas non incorporadas á rede do Estado con itinerario comprendido integramente no territorio da Comunidade Autónoma, e dotar de maior autonomía as entidades locais pero mantendo na administración autonómica a competencia de coordinación en materia de planificación de estradas, pola súa relación coa ordenación do territorio.

b) Harmonizar o procedemento de aprobación de plans, estudos e proxectos en materia de estradas, integrándoo coas lexislacións, sectoriais ou básicas, concorrentes en materia de medio ambiente, ordenación do territorio, contratación e expropiacións, ao tempo que se mellore e simplifique a coordinación co planeamento urbanístico e se garanta a participación da cidadanía e do resto de administracións nos procesos de planificación e deseño, a través dos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas.

c) Renovar a clasificación das estradas, coa adopción do concepto de «vía para automóbiles» para o caso das estradas de calzada única e dobre sentido de circulación (con ou sen previsión de futura duplicación de calzada), sen accesos directos e que están especialmente proxectadas para a exclusiva circulación dese tipo de vehículos, para superar e refundir dese xeito os conceptos de «vía rápida» e «corredor», de forma coherente co previsto na lexislación estatal en materia de tráfico.

d) Regular de xeito máis detallado os catálogos de estradas e os inventarios de travesías, como instrumentos públicos que serven para identificar as estradas e travesías das redes de titularidade da Comunidade Autónoma e das entidades locais de Galicia.

e) Axilizar a tramitación dos expedientes para a construción das estradas, establecendo que a aprobación dos estudos e proxectos implique a súa declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos terreos e bens necesarios.

f) Ampliar os métodos para a construción de estradas, dentro do marco que establece a lexislación de contratos públicos, e para o seu financiamento, e regular de xeito máis claro os distintos instrumentos posibles, especialmente os derivados dos recursos xerados pola explotación das estradas.

g) Optimizar o emprego dos recursos públicos permitindo, por exemplo, expropiar só os terreos como solo en situación rural, deixándolles ás persoas propietarias expropiadas a titularidade dos seus aproveitamentos urbanísticos, ou optar por repoñer os bens e servizos afectados en lugar de indemnizar as persoas propietarias pola súa perda.

h) Redefinir o sistema de protección do dominio público viario, coa harmonización da definición e das dimensións das súas zonas de protección (dotando a zona de servidume dunhas dimensións máis acordes coa súa función e harmonizando a definición da liña límite de edificación con outras leis autonómicas, por referencia a unha liña física) cos usos autorizables e prohibidos nelas e coa regulación de xeito máis detallado e claro, seguindo o esquema do procedemento administrativo común, da tramitación das autorizacións e das súas condicións xerais.

i) Actualizar as medidas de protección da legalidade viaria coas que conta a administración titular da estrada, ao tempo que se harmonice o réxime de imposición de sancións, aclarando o procedemento que se debe seguir, racionalizando a tipificación das infraccións e detallando as súas circunstancias agravantes e atenuantes.

j) Racionalizar a repartición dos elementos determinantes para o exercicio das competencias, e deslindar de xeito claro os que lle corresponden ineludiblemente á administración titular da estrada dos que poden ser atribuídos ao organismo xestor ao que, se é o caso, aquela lle encomende a xestión da rede da súa titularidade e, en todo caso, dos que atribúe a lexislación reguladora das bases do réxime local ao concello polo que discorra a estrada.

Coa adopción nesta lei das medidas necesarias para acadar estes obxectivos, preténdese actualizar e modernizar a lexislación autonómica en materia de estradas e, ao mesmo tempo, desenvolver de xeito completo e innovador todos os aspectos que nelas inciden, así como ofrecer solucións eficaces ás necesidades detectadas no tempo transcorrido desde a entrada en vigor da actual Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tendo en conta a experiencia acumulada na materia.

Con esta lei procúrase lograr a máxima eficacia na súa aplicación e, nese sentido, buscará ser un instrumento útil, que axude realmente á adecuada xestión das redes de estradas autonómicas e locais e que redunde nunha mellor prestación do servizo público viario e nunha maior satisfacción da cidadanía usuaria.

3

A lei estrutúrase en cinco títulos, tres disposicións adicionais, tres transitorias, unha derrogatoria e tres derradeiras.

O título I, que consta de dez artigos (do 1 ao 10, ambos incluídos), está dedicado a determinar o obxecto e a finalidade da lei, que transcende o clásico ámbito da estrada para referirse ao máis amplo de dominio público viario. Deste xeito preténdese integrar un dobre aspecto: a estrada e o resto de elementos que aparecen conexos a ela e ao específico réxime xurídico que se lle aplica a esta complexa realidade. Todo iso sen deixar de lado que, aínda hoxe en día, a propia estrada continúa a ser o elemento determinante, a través da súa titularidade, da responsabilidade do denominado servizo público viario e das facultades e prerrogativas que acompañan o exercicio desa titularidade. Neste sentido, a titularidade que se lles recoñece ás distintas administracións territoriais sobre as estradas aparece vinculada á súa inclusión nos seus respectivos catálogos de estradas, que se configuran dese xeito como os instrumentos públicos que serven para identificar e inventariar as estradas da súa titularidade. O concepto, as partes fundamentais e as clases de estradas, xunto cos elementos funcionais integrados no dominio público viario, conforman o resto do título I, no que destaca a definición e clasificación das estradas, na que se inclúen as vías para automóbiles, que refunden os conceptos de vía rápida e corredor empregados anteriormente. Neste título introdúcense tamén os conceptos de treitos urbanos e travesías, que terán especial repercusión no resto da lei, e prevense as circunstancias para a conversión das travesías urbanas en vías urbanas, momento en que a súa administración titular deberá entregalas ao concello polo que discorran.

O título II consta de trece artigos (do 11 ao 24) e regula a planificación e proxección das estradas, coa intención de ofrecer mecanismos de traballo áxiles e flexibles en cada caso, á vez que garantan os debidos niveis de seguridade xurídica, coordinación entre administracións, participación cidadá e calidade na posta en servizo das estradas. O seu capítulo I (artigos 11 a 14) dedícase de maneira completa ao Plan director de estradas de Galicia e aos plans sectoriais de estradas, que se instauran como os instrumentos técnicos e xurídicos de planificación sectorial de estradas, coa consideración de instrumentos de ordenación do territorio. No capítulo II (artigos 15 a 22) prevense os documentos técnicos (estudos informativos, anteproxectos, proxectos de trazado e proxectos de construción) para a execución de estradas, e determínanse os aspectos fundamentais do seu contido e do procedemento para a súa tramitación, sendo susceptibles ambos aspectos dun desenvolvemento regulamentario máis completo. Por último, dedícase o capítulo III (artigos 23 e 24) á coordinación entre administracións e entre os planeamentos urbanístico e viario, aspecto fundamental para a correcta articulación de calquera rede de estradas, especialmente no ámbito urbano. Tamén se establece a necesidade de coordinar a planificación en materia de estradas que leven a cabo as distintas administracións públicas con competencias na materia, así como a preeminencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia como coordinadora dos plans de estradas das entidades locais, no seu papel de administración competente en materia de ordenación do territorio.

O título III (artigos 25 a 36) refírese á construción e financiamento das actuacións e á explotación do dominio público viario. No capítulo I (artigos 25 a 29), que se refire á construción das estradas, amplíanse os métodos posibles, dentro do marco que establece a lexislación de contratos públicos. No capítulo II (artigos 30 a 32), dedicado ao financiamento das actuacións, regúlanse de xeito máis claro os distintos instrumentos existentes, especialmente os derivados dos recursos xerados pola explotación das estradas. En ambos os dous casos trátase de obter unha maior eficacia na asignación de recursos e diversificar as fontes para a súa obtención, co fin de garantir un servizo público viario de calidade. O capítulo III (artigos 33 a 36), reservado á explotación, mantén o método de xestión directa e gratuíta para a cidadanía usuaria como preferente, aínda que abre a posibilidade de empregar outras posibles formas de xestión, de entre as previstas na lexislación de contratos públicos.

No título IV (artigos 37 a 59) disponse o réxime de protección do dominio público viario, para o que se establece o tradicional sistema de limitacións ás propiedades contiguas e de control de usos mediante autorizacións administrativas. Así, no capítulo I (artigos 37 a 42) establécense e delimítanse as zonas de dominio público e de protección (zonas de servidume e afección) da estrada e a liña límite de edificación. No capítulo II (artigos 43 a 46) regúlanse os usos permitidos en cada unha das zonas anteriores. O capítulo III (artigos 47 a 53) dedícase ás autorizacións, e regula tanto as súas condicións xerais (na súa sección 1ª, artigos 47 a 51) coma as específicas nos casos como o dos accesos ou o da publicidade (na sección 2ª, artigos 52 e 53). No que se refire ao réxime de competencias, cabe destacar o establecido nos treitos urbanos das estradas, nos que se ten presente en todo momento o propósito de mellorar a xestión destes ámbitos en que distintas administracións públicas comparten responsabilidades. Por último, o capítulo IV (artigos 54 a 59) recolle de xeito integral as medidas de protección da legalidade viaria, coas que se pretende conseguir unha máis áxil resposta das administracións ante a eventual comisión de infraccións viarias.

O título V (artigos 60 a 76) recolle o réxime sancionador. O capítulo I (artigos 60 a 65) tipifica as infraccións viarias, que se homoxeneizaron e clasificaron en función non só da súa natureza, senón tamén do lugar da comisión da infracción respecto da estrada e da posibilidade de obter autorización para a actuación realizada. O capítulo II (artigos 66 a 70) establece as correspondentes sancións para as infraccións anteriores e o capítulo III (artigos 71 a 76) regula o procedemento administrativo sancionador que se dispón para a garantía dos cidadáns.

Por último, o texto remata coas disposicións adicionais, transitorias, derrogatorias e derradeiras. Merecen especial atención as tres disposicións adicionais, que regulan, entre outros aspectos, o réxime de usos permitidos en edificacións, instalacións e peches preexistentes á entrada en vigor desta lei, independentemente da súa situación respecto da estrada, a posibilidade de que organismos xestores, distintos da administración titular das estradas, asuman a xestión da rede de estradas, na súa totalidade ou parcialmente, e, por último, a habilitación do Consello da Xunta de Galicia para a actualización do importe das sancións previstas na lei. As tres disposicións transitorias regulan o réxime ao que se deben acoller os procedementos en curso, as autorizacións demaniais outorgadas e a normativa técnica de aplicación supletoria. A disposición derrogatoria única refírese á Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, e as tres disposicións derradeiras fan referencia ao título competencial ao abeiro do que se dita a lei, á habilitación da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento regulamentario e á súa entrada en vigor.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de estradas de Galicia.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta lei ten por obxecto regular o dominio público viario das redes de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades locais do seu ámbito territorial, e establecer os procesos de planificación, proxección, construción, financiamento, explotación, uso e protección daquel e os mecanismos que permitan coordinar a actuación das súas distintas administracións titulares.

Artigo 2. Dominio público viario

O dominio público viario regulado nesta lei estará constituído por:

a) As estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia.

b) Os terreos ocupados polos elementos funcionais das devanditas estradas, así como as construcións e instalacións existentes neles.

c) As zonas de dominio público adxacentes ás estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia e aos seus elementos funcionais.

Artigo 3. Concepto de estradas

1. Son estradas as vías de dominio e uso públicos proxectadas e construídas fundamentalmente para a circulación de vehículos automóbiles.

2. Para os efectos desta lei non terán a consideración de estradas, nin se incluirán, polo tanto, nas redes da Comunidade Autónoma ou das entidades locais:

a) As vías urbanas, entendidas como as que compoñen a rede interior de comunicacións dunha poboación, agás as travesías e os treitos urbanos das estradas.

b) Os camiños públicos ou privados, entre os que se inclúen os camiños de servizo, veciñais, agrícolas, forestais ou pecuarios.

Artigo 4. Clases de estradas

1. As estradas clasifícanse, en atención ás súas características técnicas, en autoestradas, autovías, vías para automóbiles e estradas convencionais.

2. Autoestradas son as estradas que están especialmente proxectadas, construídas e sinalizadas como tales para a exclusiva circulación de vehículos automóbiles e reúnen as seguintes características:

a) Constan de distintas calzadas para cada sentido de circulación, separadas entre si, salvo en puntos singulares e con carácter temporal, por unha franxa de terreo non destinada á circulación ou, en casos excepcionais, por outros medios.

b) Non cruzan nin son cruzadas ao mesmo nivel por outra vía de comunicación ou servidume de paso, pasos de peóns, vías ciclistas, liña de ferrocarril ou outra infraestrutura.

c) As propiedades lindeiras non teñen acceso directo a elas.

d) Están valadas, en ambas as dúas marxes, en toda a súa lonxitude.

3. Autovías son as estradas que están especialmente proxectadas, construídas e sinalizadas como tales e reúnen as seguintes características:

a) Constan de distintas calzadas para cada sentido de circulación, separadas entre si, salvo en puntos singulares e con carácter temporal, por unha franxa de terreo non destinada á circulación ou por outros medios.

b) Non cruzan nin son cruzadas ao mesmo nivel por outra vía de comunicación ou servidume de paso, pasos de peóns, vías ciclistas, liña de ferrocarril ou outra infraestrutura.

c) As propiedades lindeiras non teñen acceso directo a elas, excepto no caso excepcional de que se autorice a conexión de vías de servizo ás calzadas principais, para levar a cabo unha reordenación de accesos ou por outras razóns de interese público.

d) Están valadas, en ambas as dúas marxes, en toda a súa lonxitude.

4. Vías para automóbiles son as estradas reservadas á exclusiva circulación de vehículos automóbiles e que reúnen as seguintes características:

a) Constan dunha única calzada, e poden estar proxectadas con previsión da súa futura duplicación.

b) Non cruzan nin son cruzadas ao mesmo nivel por outra vía de comunicación ou servidume de paso, pasos de peóns, vías ciclistas, liña de ferrocarril ou outra infraestrutura, salvo as excepcións que se establezan regulamentariamente.

c) As propiedades lindeiras non teñen acceso directo a elas, agás no caso excepcional de que se autorice a conexión de vías de servizo á calzada principal, para levar a cabo unha reordenación de accesos ou por outras razóns de interese público.

d) Están valadas, en ambas as dúas marxes, en toda a súa lonxitude.

5. Estradas convencionais son as que non reúnen as características das autoestradas, autovías ou vías para automóbiles.

Artigo 5. Explanación, calzada e beiravía

1. A explanación dunha estrada ou dos seus elementos funcionais asociados é a superficie comprendida entre as dúas liñas lonxitudinais exteriores daquela. A aresta exterior da explanación, en cada unha das marxes da estrada, é a intersección do noiro do desmonte ou do terraplén co terreo natural.

2. 2. Calzada é a parte pavimentada da explanación, composta por un ou varios carrís e destinada á circulación de vehículos automóbiles, de:

a) A estrada.

b) Os elementos funcionais.2

3. Beiravía é a franxa lonxitudinal pavimentada, contigua á calzada, non destinada ao uso de vehículos automóbiles salvo en circunstancias excepcionais.

Artigo 6. Elementos funcionais das estradas

1. Son elementos funcionais das estradas as zonas permanentemente afectas á súa conservación, á explotación do servizo público viario ou a outros fins auxiliares ou complementarios.

2. Terán a consideración de elementos funcionais:

a) Aquelas infraestruturas complementarias constituídas por espazos e instalacións destinadas a ordenar, mellorar ou regularizar o sistema xeral de transportes e comunicacións, tales como centros operativos de conservación e explotación, zonas de estacionamento, paradas de autobuses, áreas de servizo, áreas de descanso, zonas de auxilio e atención médica de urxencia, estacións e centros de control, lugares de inspección e pesaxe de vehículos, estacións de aforo, aparcamentos disuasorios e calquera outro semellante.

b) Os espazos lonxitudinais, sensiblemente paralelos ás estradas, respecto das que teñen un carácter secundario por servir ás propiedades e edificios lindeiros, tales como as vías e camiños de servizo, ou estar destinados á circulación de peóns e vehículos terrestres de tracción humana, como as beirarrúas, as sendas peonís e os carrís para a circulación de bicicletas.

c) Treitos antigos de estradas xerados como resultado da execución dunha variante de trazado da estrada orixinal e que dispoñan de calzada e conexión coa rede viaria.3

Artigo 7. Treitos urbanos

Para os efectos desta lei, considérase treito urbano dunha estrada aquel que discorre por solo clasificado polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico como urbano ou de núcleo rural cando, neste último caso, conte con aliñacións marcadas no antedito instrumento e aquel fose sometido a informe favorable, conforme esta lei, pola administración titular da estrada.

Artigo 8. Travesías

1. Para os efectos desta lei, considérase travesía o treito dunha estrada que discorre a través dun núcleo de poboación, nos termos establecidos regulamentariamente.

2. As travesías de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia, ou treitos delas, adquirirán a condición de vías urbanas cando o seu tráfico sexa maioritariamente urbano e non resulten necesarias para manter a continuidade e a coherencia das redes de estradas, nos termos establecidos regulamentariamente.

3. As travesías de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia que adquiran a condición de vías urbanas entregaranse ao concello polo que estas discorran, seguindo os procedementos de cambio de titularidade previstos nesta lei.4

Artigo 9. Titularidade das estradas

1. A titularidade das estradas obxecto desta lei correspóndelle á Comunidade Autónoma ou ás entidades locais de Galicia.5

2. A administración titular da estrada é responsable do servizo público viario, así como do debido exercicio das facultades e prerrogativas que lle recoñece esta lei.

3. As estradas de titularidade da Comunidade Autónoma compoñen a rede autonómica de estradas de Galicia, mentres que as de titularidade das respectivas entidades locais compoñen as súas correspondentes redes de estradas.

4. Os cambios de titularidade de estradas ou de treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

5. Os cambios de titularidade das travesías urbanas ou de treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, cando adquiran a consideración de vías urbanas, se realicen a prol do concello polo que estes discorran e exista acordo entre este e a administración titular da estrada, poderán ser aprobados pola consellaría competente en materia de estradas. No resto dos casos, deberán ser aprobados, de xeito motivado, por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da antedita consellaría.

6. As resolucións ou os decretos polos que se aproben os cambios de titularidade das estradas obxecto desta lei deberán ser publicados no Diario Oficial de Galicia e serán efectivos ao día seguinte da súa publicación naquel.

No caso de que unha das administracións afectadas sexa a Administración xeral do Estado, aplicarase a regulación sobre cambio de titularidade prevista na normativa estatal en materia de estradas.6

7. Os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

Artigo 10. Catálogos de estradas e inventarios de travesías

1. Os catálogos de estradas son os instrumentos públicos que serven para identificar, inventariar, clasificar e, se for o caso, categorizar funcionalmente as estradas das redes de cada administración titular.7

2. Os inventarios de travesías son os instrumentos públicos que serven para identificar e inventariar as travesías existentes nas redes de estradas de cada administración titular.

3. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas, aprobará por decreto o Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia e o seu inventario de travesías, así como as súas respectivas modificacións posteriores. A actualización do Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia e do seu inventario de travesías realizarase por orde da consellaría competente en materia de estradas.8

4. As entidades locais aprobarán os catálogos das estradas da súa titularidade e os inventarios de travesías correspondentes, así como as respectivas modificacións e actualizacións posteriores.

5. A aprobación dos inventarios de travesías por parte dos órganos competentes das súas respectivas administracións titulares implicará a autorización por parte daqueles para que os cambios de titularidade das travesías urbanas ou de treitos delas que estean incluídos nos devanditos inventarios –cando adquiran a consideración de vías urbanas, se realicen a prol do concello polo que estas discorran e exista acordo entre este e a administración titular da estrada– poidan ser aprobados pola consellaría competente en materia de estradas.

6. Terán a consideración de modificación dos catálogos de estradas e dos inventarios de travesías:

a) O cambio de titularidade de estradas, travesías ou treitos delas, segundo os procedementos desta lei.

b) A construción de novas estradas ou de novos treitos das estradas existentes.9

c) A adquisición ou perda da condición de estrada dunha vía pública.10

d) A consideración como travesía dun treito de estrada, cando non se tramitase un expediente ao respecto para o seu recoñecemento.11

e) O cambio de categoría funcional de estradas, cando non se tramitase un expediente ao respecto.

f) O resto de supostos previstos regulamentariamente.12

7. Terán a consideración de actualización dos catálogos de estradas e dos inventarios de travesías:

a) O cambio de titularidade de travesías urbanas ou de treitos delas que estivesen incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, cando poida ser aprobado pola consellaría competente en materia de estradas.

b) A variación de trazado en estradas existentes.

c) A variación dos datos que identifican as estradas ou travesías contidas neles.

d) O cambio de categoría funcional dunha estrada, cando se tramitase un expediente ao respecto.13

e) O resto de supostos previstos regulamentariamente.14

TÍTULO II

Planificación e proxección

CAPÍTULO I

Planificación

Artigo 11. Planificación en materia de estradas

1. A planificación en materia de estradas de Galicia realizarase a través dos seguintes instrumentos:

a) Plan director de estradas de Galicia.

b) Plans sectoriais de estradas.

2. Os instrumentos de planificación en materia de estradas deberán coordinarse coa estratexia nacional de seguridade viaria e cos plans de seguridade viaria que a desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12. Plan director de estradas de Galicia

1. O Plan director de estradas de Galicia é o instrumento técnico e xurídico de planificación plurianual das actuacións en materia de estradas das distintas administracións, referido á totalidade do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. O Plan director de estradas de Galicia determina, conxuntamente e de acordo co réxime de competencias vixente, as administracións responsables da execución de cada actuación e, se é o caso, os criterios para establecer os necesarios acordos ou convenios entre as administracións que deban proceder ao seu desenvolvemento conxunto.

2. O Plan director de estradas de Galicia, logo de ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, ten a consideración de plan sectorial, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio.

3. As determinacións do Plan director de estradas de Galicia terán a eficacia que sexa congruente coa súa finalidade, e expresarán de forma clara e inequívoca o alcance con que deberán operar.

A ese respecto, o Plan director de estradas de Galicia poderá conter:

a) Determinacións de aplicación directa, que prevalecerán sobre os instrumentos de ordenación urbanística. Neses casos, o Plan director de estradas de Galicia precisará os aspectos concretos en que prevalecerá sobre aqueles.

b) Determinacións vinculantes, que implicarán a necesidade de modificar os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, os anteditos instrumentos de ordenación urbanística vixentes deberán adaptarse a esas determinacións no prazo dun ano desde a data da aprobación do Plan director de estradas de Galicia, ou con ocasión da súa primeira modificación ou revisión, no caso de que sexa anterior, agás no caso de que o propio Plan director de estradas de Galicia precise un momento ou uns prazos diferentes para levar a cabo a adaptación ás citadas determinacións.

c) Determinacións pendentes de desenvolvemento, que non modificarán directamente os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, cando as obras ou actuacións previstas no Plan director de estradas de Galicia exixan unha modificación das determinacións dos instrumentos de ordenación urbanística vixentes, procederase, unha vez definida a obra ou actuación de que se trate a nivel de plan sectorial, estudo ou proxecto aprobado definitivamente, á adaptación dos devanditos instrumentos de ordenación urbanística, segundo as determinacións que se establezan neses documentos.15

Artigo 13. Plans sectoriais de estradas

1. Os plans sectoriais de estradas son os instrumentos técnicos e xurídicos de desenvolvemento do Plan director de estradas de Galicia nun determinado ámbito territorial inferior ao da totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ou en relación á rede de estradas de titularidade dunha determinada administración.

2. Os plans sectoriais de estradas terán a consideración de plan sectorial, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio.

3. Os plans sectoriais de estradas prevalecerán sobre a ordenación urbanística nos aspectos relativos ao sistema viario e de comunicacións.

Para estes efectos, poderán conter:

a) Determinacións de aplicación directa, que prevalecerán sobre os instrumentos de ordenación urbanística. Neses casos, o plan sectorial de estradas precisará os aspectos concretos en que prevalecerá sobre aqueles.

b) Determinacións vinculantes, que implicarán a necesidade de modificar os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, os anteditos instrumentos de ordenación urbanística vixentes deberán adaptarse a esas determinacións no prazo dun ano desde a data da aprobación do plan sectorial de estradas, ou con ocasión da súa primeira modificación ou revisión, no caso de que sexa anterior, agás no caso en que o propio plan sectorial de estradas precise un momento ou uns prazos diferentes para levar a cabo a adaptación ás devanditas determinacións.

c) Determinacións pendentes de desenvolvemento, que non modificarán directamente os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, cando as obras ou actuacións previstas no plan sectorial de estradas exixan unha modificación das determinacións dos instrumentos de ordenación urbanística vixentes, procederase, unha vez definida a obra ou actuación de que se trate a nivel de estudo ou proxecto aprobado definitivamente, á adaptación dos devanditos instrumentos de ordenación urbanística, segundo as determinacións que se establezan neses documentos.16

Artigo 14. Contido e tramitación

1. O contido do Plan director de estradas de Galicia e dos plans sectoriais de estradas establecerase regulamentariamente e incluirá o que a lexislación autonómica de ordenación do territorio lles esixe aos instrumentos da súa natureza, o necesario para a tramitación do procedemento de avaliación ambiental de plans e programas e un estudo de avaliación de impacto de seguridade viaria.

2. O procedemento para a tramitación do Plan director de estradas de Galicia e dos plans sectoriais de estradas establecerase regulamentariamente.

Para a tramitación do Plan director de estradas de Galicia e dos plans sectoriais de estradas non será necesaria a notificación individual a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.

O procedemento realizarase de xeito simultáneo co de avaliación ambiental de plans e programas, establecido pola lexislación básica sobre a materia.17

3. Logo da aprobación definitiva do Plan director de estradas de Galicia por parte do Consello da Xunta, remitirase ao Parlamento de Galicia para o seu exame.

CAPÍTULO II

Estudos e proxectos

Artigo 15. Tipoloxía dos estudos e proxectos

Para construír novas estradas ou modificar as existentes, deberanse redactar os estudos e os proxectos correspondentes, de acordo coa tipoloxía seguinte:

a) O estudo informativo, que consiste na análise dos datos necesarios para definir e valorar, en liñas xerais, as diferentes alternativas a un problema viario determinado e propoñer a solución máis axeitada para este.

b) O anteproxecto, que consiste no estudo a escala adecuada da solución óptima e das solucións construtivas que sexa necesario empregar.

c) O proxecto de trazado, que consiste na determinación dos principais aspectos xeométricos da actuación e na definición concreta dos bens e dos dereitos afectados.

d) O proxecto de construción, que consiste no desenvolvemento completo da solución óptima, co detalle suficiente para facer factible a súa construción e posterior explotación.

Artigo 16. Necesidade de estudos e proxectos

1. Deberanse elaborar estudos informativos cando sexa preceptivo o sometemento da actuación aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, segundo o previsto nesta lei. Non obstante, cando as circunstancias concorrentes aconsellen que a función do estudo informativo sexa asumida por un anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción, poderase elaborar un destes en lugar daquel.

2. Deberanse elaborar anteproxectos cando así sexa esixido pola lexislación de contratos do sector público.

3. Deberanse elaborar proxectos de construción para a licitación de contratos de obras de estradas, agás no caso de contratos que, como parte da prestación, comprendan tamén a redacción do correspondente proxecto e no de obras de emerxencia ou de conservación ordinaria.

Artigo 17. Documentación e contido

O contido dos estudos e proxectos aos que fai referencia este capítulo establecerase regulamentariamente e incluirá os documentos esixidos para os da súa natureza pola lexislación sobre contratos do sector público, avaliación de impacto ambiental, ordenación do territorio, expropiación forzosa, seguridade viaria, seguridade e saúde no traballo e demais materias transversais ou sectoriais con incidencia sobre a actuación.

Artigo 18. Redacción

1. Na medida en que non contraveña a normativa técnica básica, a consellaría competente en materia de estradas poderá ditar normas e instrucións complementarias relativas á execución de obras de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia.

2. Todos os estudos e proxectos aos que fai referencia este capítulo redactaranse segundo a normativa técnica básica de interese xeral establecida pola Administración xeral do Estado e segundo as normas e instrucións complementarias ditadas pola consellaría competente en materia de estradas.

3. A redacción dos estudos e proxectos poderá realizarse directamente polo órgano competente da administración promotora da actuación ou ben a través de contrato, encomenda ou convenio, consonte as disposicións vixentes.

4. Os estudos e proxectos deben ser redactados baixo a dirección ou inspección e a supervisión do órgano competente da administración promotora da actuación e serán subscritos por profesional técnico competente.

5. A orde de inicio dos traballos de redacción de estudos e proxectos que se van elaborar con medios propios, a adxudicación a terceiros do contrato para a súa redacción ou a formalización do correspondente convenio ou encomenda para a realización daqueles implicará a declaración de utilidade pública, da necesidade de ocupación, con carácter temporal, dos terreos necesarios para a execución dos traballos de recoñecemento técnico, xeolóxicos, xeotécnicos, arqueolóxicos e calquera outro que for preciso para a súa redacción, e da urxencia da ocupación, sempre que se formulase, e tramitase conforme a lexislación de expropiación forzosa, a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que é necesario ocupar e, en xeral, se cumprisen os requisitos previos que esixe aquela.

Artigo 19. Aprobación provisional

Contando co informe técnico previo sobre os obxectivos, contido do documento e procedemento, os estudos e proxectos que deban someterse aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas serán aprobados de forma provisional polo órgano competente da administración promotora da actuación.

Tan só para os efectos da ocupación temporal dos terreos para a toma de datos e realización de prospeccións necesarias para a elaboración de proxectos, a aprobación provisional dos proxectos ou a definitiva dos estudos informativos implicará a declaración de utilidade pública e a urxente necesidade de ocupación temporal dos devanditos terreos.18

Artigo 20. Informes sectoriais

No procedemento de elaboración de estudos e proxectos recadaranse os informes esixidos pola normativa sectorial aplicable.

Nos supostos de actuacións sobre treitos urbanos que afecten a terreos situados fóra da zona de dominio público, remitiráselle ademais o proxecto ao concello correspondente para que no prazo dun mes emita informe sobre el. No caso de que este non se emita no prazo sinalado, entenderase que non existe obxección ningunha ao proxecto presentado.

Artigo 21. Información pública e informe das administracións afectadas

1. Será preceptivo o sometemento dos estudos informativos, ou, se é o caso, dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto nesta lei, aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Construción de novas estradas ou treitos delas que non se previsen no planeamento urbanístico municipal.

b) Modificacións substanciais de estradas existentes que afecten de xeito significativo o planeamento urbanístico municipal, entendendo que existe afección significativa nos seguintes supostos:

1º. No caso de treitos urbanos, cando as obras se executen fóra dos terreos de dominio público viario ou dos comprendidos entre este e as aliñacións marcadas no correspondente instrumento de planeamento urbanístico.

2º. No caso de treitos non urbanos de estradas que atravesen solo non clasificado como rústico polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico, cando as obras se executen fóra dos terreos de dominio público viario ou dos comprendidos entre este e a liña límite de edificación.

2. O trámite de información pública en materia de estradas levarase a cabo durante un prazo mínimo de trinta días hábiles, ampliable a xuízo da administración promotora da actuación, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e, como mínimo, en dous medios de comunicación de entre os de máis difusión no ámbito da actuación. A documentación que compón o estudo informativo, ou o anteproxecto ou proxecto que asuma a súa función, estará á disposición da cidadanía na sede central da administración promotora da actuación, na sede territorial desta que abranga o ámbito da actuación, se é o caso, e nos concellos afectados. As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a concepción global do trazado das distintas alternativas analizadas.

3. Simultaneamente, os estudos e proxectos sometidos ao trámite de información pública en materia de estradas aos que se refiren os puntos anteriores tamén se someterán ao informe, en materia de estradas, das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación para que, nun prazo de trinta días hábiles, ampliable a xuízo da administración promotora da actuación, examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informen sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade co trazado proposto.

4. Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás que se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Artigo 22. Aprobación definitiva

1. Os estudos e proxectos serán aprobados de xeito definitivo, cando non teñan que ser posteriormente sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, polo órgano competente da administración promotora da actuación, logo da emisión do preceptivo informe de supervisión.

2. No caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste. A resolución tamén pode deixar sen efecto a tramitación do estudo ou proxecto ou parte deste, ou ben pode acordar a suspensión, total ou parcial, da súa tramitación.

Na resolución pódense introducir as prescricións de carácter técnico, social, territorial e de protección ambiental e patrimonial que se consideren necesarias, para ter en conta nos proxectos que desenvolvan posteriormente o estudo ou proxecto ou, cando aquelas sexan significativas, nun novo estudo ou proxecto que sexa sometido á mesma tramitación ca o orixinal.

3. No caso de que o informe dalgunha das administracións ás que se lles dese trámite de informe preceptivo en materia de estradas expresar de xeito motivado a súa falta de conformidade co trazado proposto no estudo ou proxecto, o expediente remitirase ao Consello da Xunta de Galicia, que será o competente para emitir a resolución de aprobación definitiva do estudo ou proxecto, logo do informe da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de estradas.

4. A aprobación definitiva dos estudos informativos, así como dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, cando non estean incluídos no Plan director de estradas de Galicia, no plan sectorial de estradas da administración promotora nin no planeamento urbanístico municipal, corresponderalle ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de estradas no caso de actuacións promovidas polas entidades locais.

5. A aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.19

6. Logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente.

CAPÍTULO III

Coordinación

Artigo 23. Coordinación co planeamento urbanístico

1. Os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos de interese autonómico, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, sen que sexa precisa unha declaración previa de interese autonómico por parte do Consello da Xunta de Galicia.

As determinacións contidas nos estudos e proxectos de estradas que teñan a consideración de proxectos de interese autonómico terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. As entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do estudo ou proxecto de estradas deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido naquel, para o cal se establecerán nel as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano desde esa data e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión, agás no caso en que o propio estudo ou proxecto de estradas precise un momento ou uns prazos diferentes para levar a cabo a adaptación das devanditas determinacións.20

2. Nos supostos de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou as actuacións previstas nos plans de estradas vixentes, o concello remitiralles, con posterioridade á súa aprobación inicial, o correspondente documento ás administracións titulares das estradas afectadas para que emitan informe sobre este. O informe terá carácter vinculante e deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable.

No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.21

3. Nos treitos urbanos das estradas, o instrumento de planeamento urbanístico determinará a aliñación de edificación, que poderá fixarse, de xeito motivado, a unha distancia inferior á que prevé esta lei con carácter xeral para a liña límite de edificación das estradas, valorando a existencia de edificacións continuadas preexistentes, así como a concorrencia de razóns técnicas, socioeconómicas ou de orografía do terreo que poidan aconsellar a redución.

4. Cando con motivo da redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento pasen a clasificarse como urbanizables terreos adxacentes ás estradas, destinaranse ao sistema xeral viario, incluíndoos como parte do sector de solo urbanizable, os terreos comprendidos entre a liña exterior da zona de dominio público e a liña límite de edificación.

No instrumento de planeamento preverase a obtención deses terreos por parte da administración titular da estrada mediante cesión obrigatoria ou ocupación directa, nos termos previstos na lexislación autonómica en materia de ordenación urbanística.

Artigo 23 bis. Coordinación coa ordenación do territorio

A realización, dentro do obxecto e ámbito delimitado polo Plan director de estradas de Galicia ou polos plans sectoriais de estradas, de actuacións derivadas de estudos ou proxectos en materia de estradas que non veñan previstas naqueles non requirirá da modificación previa dos anteditos plans, cando a aprobación deses estudos ou proxectos sexa realizada polo Consello da Xunta de Galicia.22

Artigo 24. Coordinación con outras administracións

1. O Plan director de estradas e os plans sectoriais de estradas autonómicos e das entidades locais de Galicia deberán coordinarse entre si e co Plan de estradas do Estado en canto se refire ás súas mutuas incidencias, para garantir a unidade do sistema de comunicacións e harmonizar os intereses públicos afectados.

2. Correspóndelle á consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de estradas fixar as directrices que rexan os plans sectoriais de estradas das entidades locais de Galicia e supervisar a súa execución, co fin de coordinar a planificación e garantir a coherencia e funcionalidade do sistema viario da Comunidade Autónoma.

TÍTULO III

Construción, financiamento e explotación

CAPÍTULO I

Construción

Artigo 25. Modalidades de execución das obras

A execución das obras de estradas poderá ser realizada directamente polo órgano competente da administración promotora da actuación ou ben a través de contrato, encomenda ou convenio, consonte as disposicións vixentes.

Artigo 26. Dirección e inspección das obras

As obras de estradas serán executadas baixo a dirección ou a inspección da administración promotora da actuación.

Artigo 27. Actuacións de interese xeral

As obras de estradas promovidas pola Administración autonómica ou polas entidades locais de Galicia, incluídas todas as actuacións necesarias para a súa execución, así como as realizadas nas zonas onde se sitúen os seus elementos funcionais, no resto da zona de dominio público ou na zona de servidume, constitúen actuacións de interese xeral e, por tanto, non están sometidas a licenza ou a calquera outro acto de control preventivo municipal previsto na lexislación reguladora das bases do réxime local. Para os efectos do previsto neste artigo, enténdense como necesarias para a execución das obras as actuacións derivadas da necesidade de repoñer os servizos afectados, independentemente da súa titularidade.

A execución das devanditas obras, sempre que se realice de acordo cos proxectos aprobados, unicamente poderá ser suspendida pola propia administración promotora ou pola autoridade xudicial.23

Artigo 28. Expropiacións

1. As expropiacións ou ocupacións temporais de bens e dereitos e a imposición ou modificación de servidumes, se é o caso, necesarias para a execución de obras de estradas ás que se refire esta lei efectuaranse consonte o establecido na lexislación vixente en materia de expropiación forzosa.

2. A administración titular subrogarase na posición xurídica da persoa expropiada para os efectos do seu dereito ao aproveitamento urbanístico que lles corresponda aos terreos expropiados.

3. Non obstante, cando se trate de expropiar terreos en situación urbanizada, a administración titular poderá convir, libremente e por mutuo acordo coa persoa expropiada, que esta reciba unha indemnización equivalente ao valor que terían os terreos no caso de atoparse en situación rural, e deixando o aproveitamento urbanístico, ou o dereito a el, en posesión da persoa expropiada, sempre que sexa posible conforme a lexislación e o planeamento urbanístico.24

Artigo 29. Reposición de servizos e bens afectados

No caso de que deban ser expropiados servizos ou bens afectados pola execución das obras, a administración promotora poderá optar en substitución da expropiación pola súa reposición. A titularidade destes servizos e bens repostos, así como as responsabilidades derivadas do seu funcionamento, mantemento, conservación e explotación, corresponderanlle á persoa que fose a súa titular orixinaria.

No caso de que a administración promotora opte pola reposición dos servizos ou bens que resulten afectados polas obras de estradas, as persoas titulares están obrigadas a facilitar que as obras de reposición se poidan iniciar no prazo que, considerando as circunstancias concorrentes, lles sexa notificado en cada caso.

CAPÍTULO II

Financiamento

Artigo 30. Financiamento das actuacións

1. O financiamento das actuacións levadas a cabo nas estradas reguladas por esta lei poderá realizarse por unha ou varias das seguintes modalidades:

a) Mediante as consignacións que para tal fin se inclúan nos orzamentos da administración titular.

b) Mediante contratos para a construción e/ou explotación das estradas en réxime de concesión de obra pública. Financiaranse nese caso mediante os recursos propios das sociedades concesionarias, os alleos que estas mobilicen, as subvencións ou outro tipo de achega económica por parte da administración concedente e, de ser o caso, as achegas doutras administracións públicas distintas da concedente e o financiamento que puidese provir doutros organismos nacionais ou internacionais.

c) Mediante procedementos de colaboración con outras administracións públicas, sociedades ou entes públicos, con outros organismos locais, nacionais, comunitarios ou internacionais, ou con particulares.

d) Mediante os recursos xerados pola explotación das estradas.

e) Mediante o establecemento de contribucións especiais.

f) Mediante calquera outro mecanismo previsto nesta lei ou na normativa urbanística, patrimonial ou de contratación administrativa.25

2. Nos treitos das estradas onde se estableza un pagamento de peaxe ou taxa polo seu uso, a administración titular poderá establecer medidas ou procedementos compensatorios que veñan reducir ou anular o pagamento directo pola persoa usuaria.

Artigo 31. Recursos xerados pola explotación das estradas

As estradas reguladas por esta lei poderán xerar recursos económicos a favor da administración titular da rede conforme o seguinte:

a) Mediante o establecemento de taxas creadas consonte a normativa tributaria.

b) Mediante o alleamento de propiedades e terreos de carácter patrimonial que formen parte da rede de estradas.

c) Mediante o alleamento do aproveitamento urbanístico dos terreos que conforman o dominio público viario ou doutros terreos de carácter patrimonial que formen parten da rede de estradas.

d) Pola recadación das indemnizacións por danos, procedementos de execución subsidiaria, multas coercitivas e sancións derivadas das infraccións cometidas en aplicación desta lei.

Artigo 32. Contribucións especiais

1. Poderán impoñerse contribucións especiais cando da execución das obras que se realicen para a construción de estradas, vías de servizo ou accesos resulte a obtención por persoas físicas e xurídicas dun beneficio especial, aínda que este non poida fixarse nunha cantidade concreta. O aumento do valor de determinados predios por causa da execución das obras terá para estes efectos a consideración de beneficio especial.

2. Serán suxeitos pasivos destas contribucións especiais aqueles que se beneficien de modo directo coas estradas ou cos accesos que se executen e, especialmente, as persoas titulares dos terreos e establecementos contiguos e as das urbanizacións que resulten melloradas na súa comunicación.

3. As contribucións especiais devindicaranse no momento da recepción das obras ou, en defecto desta, no da súa posta en servizo.

4. A base impoñible estará constituída polo custo total das obras, incluídos, se é o caso, todos os custos adicionais inherentes á súa execución e, en particular, o custo das expropiacións que deban realizarse.

5. A base liquidable determinarase pola seguinte porcentaxe da base impoñible:

a) Con carácter xeral, ata o 25 %.

b) En vías de servizo, ata o 50 %.

c) Nos accesos de uso particular a terreos, establecementos, instalacións, explotacións ou urbanizacións, ata o 90 %.

6. Para obter a cota tributaria, a base liquidable das contribucións especiais repartirase entre os suxeitos pasivos establecendo un tipo de gravame para cada un deles que atenda a aqueles criterios obxectivos que, segundo a natureza das obras, construcións ou circunstancias que concorran naqueles, se determinen de entre os seguintes:

a) Superficie dos terreos, establecementos, instalacións, explotacións ou urbanizacións beneficiadas.

b) Situación, proximidade e accesos á estrada dos terreos, establecementos, instalacións, explotacións ou urbanizacións.

c) Bases impoñibles nas contribucións territoriais dos predios beneficiados.

d) Aqueloutras que se determinen no documento regulador da contribución especial, en atención ás circunstancias particulares que concorran na actuación.

7. O establecemento de contribucións especiais nos supostos aos que se refire esta lei correspóndelle á administración promotora da actuación segundo o disposto na normativa aplicable en cada caso.

CAPÍTULO III

Explotación

Artigo 33. Concepto de explotación

1. A explotación do dominio público viario comprende as operacións de conservación e mantemento, así como todas as accións encamiñadas á súa defensa, mellor uso e aproveitamento.

2. A conservación e o mantemento do dominio público viario comprende as actividades necesarias para preservar o estado dos seus bens e manter a vialidade da rede de estradas.

3. A defensa do dominio público viario comprende as accións dirixidas a protexelo e evitar as actividades que o prexudiquen ou menoscaben, así como a manter a funcionalidade e seguridade viaria da rede de estradas.

4. O mellor uso e aproveitamento do dominio público viario refírese ás actuacións encamiñadas a facilitar o seu emprego nas mellores condicións de seguridade e comodidade. Comprenderá, para estes efectos, as intervencións en materia de información e sinalización e a ordenación de accesos e usos das zonas de protección.

5. A administración titular da estrada é a única competente para a súa sinalización permanente. Débese considerar ilegal, para todos os efectos, toda sinalización establecida por calquera outra persoa ou entidade sen previa autorización daquela.

6. A administración titular da estrada poderá convir cos concellos nos que se sitúe unha travesía o que estimen procedente para mellorar a explotación e integración urbana daquela.

7. Corresponderalles aos concellos a conservación e o mantemento de todos os elementos que, estando situados no dominio público viario, non formen parte da estrada nin dos seus elementos funcionais e lles sirvan a aqueles para exercer as súas competencias propias.

8. Na medida en que non contraveña a normativa técnica básica, a consellaría competente en materia de estradas poderá ditar normas e instrucións complementarias relativas á explotación das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia.

As normas e instrucións que se diten terán en conta as particularidades da Comunidade Autónoma de Galicia, e compatibilizarán a realización de actividades económicas no contorno das estradas coa necesaria protección do dominio público viario e da seguridade viaria.26

Artigo 34. Modos de explotación

1. A administración titular da rede, como regra xeral, xestionará e explotará directamente o dominio público viario, incluídas as súas travesías, cuxa utilización será gratuíta para as persoas usuarias agás que se estableza unha taxa polo seu uso.

2. O dominio público viario tamén poderá ser explotado a través de calquera dos sistemas de xestión previstos na lexislación de contratos do sector público.

3. A administración titular da rede poderá crear entidades co obxecto de xestionar a explotación do dominio público viario.

Artigo 35. Dirección e inspección da explotación

A explotación do dominio público viario realizarase baixo a dirección ou inspección da administración titular da rede.

Artigo 36. Limitacións á circulación

A administración titular da rede de estradas, no ámbito das súas competencias, poderá impoñer de xeito motivado limitacións temporais ou permanentes á circulación en certos treitos daquela, así como para determinados tipos de vehículos, nos supostos previstos na normativa en materia de circulación.

TÍTULO IV

Protección do dominio público viario

CAPÍTULO I

Delimitación de zonas

Artigo 37. Zona de dominio público

1. A zona de dominio público está integrada polos terreos ocupados por todos os elementos do dominio público viario adquiridos por título lexítimo pola administración titular.

2. A zona de dominio público adxacente é a parte da zona de dominio público formada polos terreos adxacentes ás estradas e aos seus elementos funcionais, adquiridos por título lexítimo pola administración titular pero non ocupados directamente pola explanación das estradas ou pola dos seus elementos funcionais. Para estes efectos a distancia entre a aresta exterior da explanación correspondente ás calzadas e elementos funcionais previstos e o límite exterior da zona de dominio público adxacente, medida horizontal e ortogonalmente desde a primeira, non poderá ser superior a:

a) Quince metros no caso de autovías, autoestradas e vías para automóbiles.

b) Dez metros no caso de estradas convencionais e elementos funcionais.

3. Naqueles treitos de estrada nos que existan túneles, pontes, viadutos, estruturas ou obras similares, adquiriranse e pasarán a formar parte da zona de dominio público adxacente, como regra xeral, os terreos comprendidos entre a proxección vertical das liñas exteriores de delimitación das obras sobre o terreo.

En todo caso, cando menos, adquirirase e pasará a formar parte da zona de dominio público adxacente o terreo ocupado polos soportes e cimentacións das estruturas ou obras similares e unha franxa de terreo de tres metros ao redor deles.

Artigo 38. Zonas de protección da estrada e liña límite de edificación

1. Para a protección do dominio público viario e a debida prestación do servizo público viario, ademais da zona de dominio público, establécense as zonas de protección da estrada denominadas de servidume e de afección, así como o trazado da liña límite de edificación.

2. Para os efectos do réxime xurídico de protección do dominio público viario, os ramais de enlace e as vías de xiro de interseccións terán a consideración de estradas convencionais.

3. Cando pola proximidade das calzadas, enlaces e outros supostos, as zonas de dominio público, de servidume ou de afección se superpoñan entre elas, prevalecerá en todo caso o réxime establecido para a zona de dominio público sobre a de servidume e o desta sobre a de afección, calquera que sexa a estrada ou elemento funcional determinante.

4. Nos treitos urbanos das estradas non se establecen nin zonas de protección da estrada nin liña límite de edificación.

5. As persoas propietarias dos terreos, construcións, establecementos, instalacións ou outros bens situados nas zonas de protección das estradas e as titulares das actividades que se desenvolvan naqueles están obrigadas a conservalos nas debidas condicións de limpeza e seguridade para que non afecten o adecuado funcionamento do servizo público viario, e deberán executar as obras e actuacións necesarias para mantelos nas debidas condicións. Serán responsables dos danos e perdas causados polo incumprimento desta obriga.

Artigo 39. Delimitación da zona de servidume

1. A zona de servidume está formada por dúas franxas de terreo, unha a cada beira da estrada, delimitadas interiormente polas liñas exteriores da zona de dominio público e exteriormente por dúas liñas paralelas aos devanditos límites e medidas horizontal e ortogonalmente desde eles, a unha distancia de:

a) Dez metros no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.

b) Dous metros no caso de estradas convencionais e elementos funcionais.

2. No caso de existiren túneles, pontes, viadutos, estruturas ou obras similares, os terreos comprendidos entre a proxección ortogonal das liñas exteriores de delimitación das obras sobre o terreo que non formen parte da zona de dominio público formarán parte da zona de servidume.

Artigo 40. Delimitación da zona de afección

A zona de afección está formada por dúas franxas de terreo, unha a cada beira da estrada, delimitadas interiormente polas liñas exteriores da zona de servidume e exteriormente por dúas liñas paralelas a elas e medidas horizontal e ortogonalmente desde as liñas exteriores da zona de dominio público, a unha distancia de:

a) Cen metros no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.

b) Trinta metros no caso de estradas convencionais e elementos funcionais.27

Artigo 41. Delimitación da liña límite de edificación

1. A liña límite de edificación está situada a ambas as dúas beiras da estrada cun trazado que discorre paralelo ás liñas exteriores de delimitación das calzadas a unha distancia, medida horizontal e ortogonalmente a aquelas, de:

a) 50 metros no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.

b) 15 metros no caso de estradas convencionais. No caso de que unha administración teña aprobado o catálogo da súa rede e nel se categoricen funcionalmente as estradas en rede estruturante, rede complementaria e rede local, segundo o establecido no Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento de estradas de Galicia, a liña límite de edificación estará situada a 15 metros no caso das estradas da rede estruturante e da rede complementaria e a 7 metros para as estradas da rede local.

c) Nos elementos funcionais da estrada, a liña de edificación estará situada a 7 metros da liña exterior de delimitación da calzada do elemento funcional. No suposto de que a liña límite de edificación do elemento funcional quede incluída dentro da liña límite de edificación establecida pola propia estrada, será esta última a que prevaleza.28

2. No suposto de que as distancias establecidas no punto anterior queden incluídas dentro da zona de dominio público ou da zona de servidume, a liña límite de edificación establecerase na liña límite exterior da zona de servidume.

3. A administración titular da rede de estradas poderá excepcionalmente tramitar un expediente de redución das distancias sinaladas neste artigo, fóra dos treitos urbanos, sempre que quede garantida a ordenación das marxes da estrada, o adecuado control dos seus accesos e a seguridade viaria, cando nunha estrada, ou en treitos concretos dela, as características do lugar fagan extraordinariamente dificultoso respectar as distancias sinaladas.

Serán trámites preceptivos na tramitación do expediente a emisión dun informe vinculante por parte da consellaría competente en materia de estradas e a dun informe do concello polo que discorra a estrada ou treito. A resolución do expediente publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 42. Dereitos preexistentes e indemnizacións

1. O establecemento e a delimitación das zonas de protección e da liña límite de edificación, tanto das estradas existentes como das novas que se constrúan, así como as limitacións sinaladas nesta lei e o réxime de usos autorizables que se regula nela, non alteran a situación de propiedade preexistente dos terreos que afecta nin a titularidade dos dereitos de terceiros sobre eles. Tampouco xera dereito a ningunha indemnización para as persoas titulares dos dereitos sobre os terreos afectados.

2. A ocupación dos terreos da zona de servidume para a localización de instalacións ou a realización de actividades públicas vinculadas coa construción ou co mantemento da estrada e, en xeral, cando o requira o servizo público viario dará lugar a indemnización polos danos e perdas causados polo seu emprego.

CAPÍTULO II

Usos autorizables ou suxeitos a declaración responsable29

Artigo 43. Usos autorizables na zona de dominio público

1. Na explanación da estrada e na dos seus elementos funcionais só se poderán autorizar os seguintes usos:30

a) Cruzamentos subterráneos ou aéreos que sexan imprescindibles para darlles continuidade ás redes e infraestruturas de servizos públicos ou para conectarse a eles.

b) Pasos inferiores ou superiores.

c) Obras de acceso á propia estrada.

d) Excepcionalmente, apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos cando sexan empregados de xeito compartido coa rede de iluminación pública, fóra dos seus treitos urbanos e sempre que non se trate de apoios de redes eléctricas de alta tensión.

Así mesmo, reposición de apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos afectados por obras na estrada, no caso de que estas obras sexan promovidas pola administración titular da estrada.31

e) Excepcionalmente, conducións subterráneas lonxitudinais correspondentes a redes e infraestruturas de servizos públicos, cando se xustifique debidamente que polas condicións extremadamente dificultosas da orografía do terreo, ou pola súa condición urbana, non existe outra solución tecnicamente viable e se sitúen, preferentemente, fóra da calzada e, cando sexa posible, tamén das súas beiravías.

f) Os elementos, obras, actuacións e instalacións necesarios para que as administracións públicas poidan exercer as súas competencias, cando pola súa natureza ou funcionalidade non poidan ter outra colocación.32

g) As instalacións provisionais, cun prazo fixado, asociadas a actividades de interese, de uso ou de acceso público, ou para a realización de actividades relacionadas coa conservación ou construción de instalacións industriais ou de edificacións, así como as obras, instalacións e usos provisionais de interese particular en terreos afectados por anteproxectos, proxectos de trazado e proxectos de construción aprobados definitivamente e cuxas obras non se iniciasen.33

2. Na zona de dominio público adxacente só se poderán autorizar os seguintes usos:

a) Usos autorizables na explanación da estrada e na dos seus elementos funcionais.34

b) Conducións subterráneas lonxitudinais correspondentes a redes e infraestruturas de servizos públicos.

c) Excepcionalmente, apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos, cando polas condicións orográficas do terreo resulte tecnicamente inviable retiralos a maior distancia ou sexan os apoios extremos do van de cruzamento aéreo sobre a plataforma, fóra dos seus treitos urbanos e sempre que non se trate de apoios de redes eléctricas de alta tensión.35

d) A instalación dun único apoio pertencente a unha rede ou infraestrutura aérea de servizos públicos para cada paso da rede aérea a canalización subterránea, e de subterránea a aérea.36

3. En ningún caso se autorizarán obras, instalacións ou calquera outra actividade na zona de dominio público que prexudiquen a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación.

Artigo 44. Usos autorizables na zona de servidume

1. Na zona de servidume das estradas só se poderán autorizar os seguintes usos:

a) Usos autorizables na zona de dominio público adxacente.

b) Cultivos agrícolas.

c) Plantación e corta de arboredo.

d) Peches completamente diáfanos, sobre piquetes sen cimentación de obra de fábrica.37

e) Movementos de terra e explanacións.

f) Excepcionalmente, vías, aparcamentos, illotes e zonas axardinadas de uso público.

2. En ningún caso se autorizarán obras, instalacións ou calquera outra actividade na zona de servidume que prexudiquen a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación.

Artigo 45. Usos autorizables na zona de afección

Na zona de afección poderanse autorizar todos aqueles usos que non prexudiquen a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación, coas excepcións establecidas nesta lei na parte da zona de afección comprendida entre a estrada e a liña límite de edificación.

Artigo 45 bis. Usos suxeitos a declaración responsable na zona de servidume e na zona de afección

1. Son usos suxeitos a declaración responsable as obras menores de conservación e mantemento das edificacións, instalacións e peches situados na zona de servidume ou na zona de afección da estrada.

2. Considéranse obras menores de conservación e mantemento de edificacións, instalacións e peches os seguintes traballos, sempre que sexan de escasa complexidade e entidade técnica ou económica e que non produzan cambio de uso nin incremento do volume edificado por encima ou por debaixo da rasante, nin que afecten a estrutura ou a cimentación:

a) O pintado e a impermeabilización de fachadas.

b) O cambio de fiestras.

c) A substitución de tellados.

d) Calquera outra actuación de mera conservación e mantemento de edificacións, instalacións e peches.

3. Non serán usos suxeitos a declaración responsable as obras menores de conservación e mantemento que requiran a ocupación da zona de dominio público con algún elemento auxiliar (tales como andamios, guindastres ou calquera outro), para as cales será necesario obter a correspondente autorización.38

Artigo 46. Usos autorizables entre a estrada e a liña límite de edificación

Entre a estrada e a liña límite de edificación prohíbese calquera tipo de construción de nova planta, por encima ou por debaixo da rasante do terreo, os peches non diáfanos ou de fábrica, así como a instalación, agás cruzamentos, dos apoios das redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos, coas excepcións establecidas nesta lei ou no seu regulamento, no caso de elementos que non teñan carácter edificatorio.39

O réxime establecido nesta lei non modificará, en ningún caso, o disposto na normativa urbanística para os edificios fóra de ordenación.

CAPÍTULO III

Autorizacións e declaracións responsables40

Sección 1ª. Condicións xerais

Artigo 47. Réxime xeral e competencia

1. A execución de obras e instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización previa, salvo que estea suxeita a declaración responsable ou sexa expresamente permitida por esta lei ou polo seu regulamento.

2. A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección, así como para realizar as actividades de comprobación daquelas suxeitas a declaración responsable no que a lexislación sectorial en materia de estradas se refire, correspóndelle á administración titular da estrada, excepto na corta de arboredo, que terá que ser autorizada unicamente polo órgano competente en materia forestal, de acordo co disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou norma que a substitúa, logo de informe preceptivo e vinculante do órgano competente da administración titular da estrada.41

3. No outorgamento de autorizacións impoñeranse as condicións que, en cada caso, se consideren oportunas para evitar danos e perdas á estrada, ás zonas de protección, aos seus elementos funcionais, á seguridade da circulación viaria ou á adecuada explotación da estrada.

4. A autorización ou a declaración responsable a que se refire este precepto son independentes e enténdense sen prexuízo doutras licenzas ou autorizacións que sexan necesarias para a execución das obras, instalacións ou actividades de que se trate.42

5. Considérase que as autorizacións de acceso á estrada ou aos seus elementos funcionais afectan directamente as súas calzadas e, en consecuencia, o outorgamento das autorizacións corresponde, en todos os casos, á administración titular da estrada, incluso cando se realicen nos seus treitos urbanos.

Do mesmo xeito, como consecuencia da súa relación cos anteditos accesos ás estradas, as parcelacións e segregacións de todas as parcelas lindeiras coas estradas requirirán a autorización da administración titular da estrada, incluso nos treitos urbanos.43

Artigo 48. Tramitación

1. Os procedementos de outorgamento de autorizacións iniciaranse por solicitude da persoa interesada e tramitaranse consonte o disposto na lexislación en materia de procedemento administrativo, agás no expresamente regulado nesta lei ou no seu regulamento.

2. A resolución deberá notificarse no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. O transcurso do devandito prazo sen que se practicase a notificación da resolución permitiralle á persoa interesada entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.44

3. Con carácter previo á solicitude de autorización, as persoas interesadas poderán consultar o órgano ao que lle corresponda outorgar a autorización sobre a viabilidade da actuación pretendida, así como obter información e orientación verbo dos requisitos técnicos e xurídicos que as disposicións vixentes lle impoñan.

4. No caso dos usos suxeitos a declaración responsable, esta deberá dirixirse á Administración titular da estrada e nela a persoa interesada declarará, baixo a súa responsabilidade, que cumpre os requisitos establecidos na normativa vixente para obter o recoñecemento do dereito ou facultade, que dispón da documentación que así o acredita, que a poñerá á disposición da Administración cando lle for requirida e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente ao dito recoñecemento. Os requisitos mencionados deberán estar recollidos de maneira expresa, clara e precisa na correspondente declaración responsable. A Administración poderá requirir en calquera momento que se xunte a documentación que acredite o cumprimento dos mencionados requisitos, e a persoa interesada deberá achegala.

A declaración responsable deberá presentarse cunha antelación mínima de quince días ao inicio das obras, segundo o modelo normalizado que aprobe a Administración titular da estrada. A actuación deberá executarse no prazo máximo dun ano desde a presentación da declaración.45

Artigo 49. Efectos da autorización

1. As autorizacións outorgaranse a reserva das demais licenzas e autorizacións necesarias, sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos preexistentes sobre os terreos ou bens. Non supoñerán en ningún caso a cesión do dominio público, nin a asunción pola administración titular de ningunha responsabilidade respecto da persoa titular da autorización ou de terceiros.

2. As actuacións poderán ser inspeccionadas en todo momento polo persoal da administración titular da estrada.46

3. Finalizadas as obras ou instalacións autorizadas, a administración titular da estrada comprobará a súa terminación, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización. De ser o caso, faranse constar as obxeccións de xeito pormenorizado e concederase un prazo proporcionado para a súa corrección.

Será preceptivo o levantamento dunha acta de terminación no caso de todas as obras ou instalacións levadas a cabo na zona de dominio público. Nos demais supostos, só será exixible cando a administración titular da estrada condicione, na súa autorización, o uso das obras ou instalacións ao seu levantamento. De non establecerse tal condición, o levantamento da acta poderá ser substituído polos mecanismos de comprobación que se establezan regulamentariamente.

Nos casos en que esta sexa exixible, a acta de terminación implicará o permiso de uso das obras ou instalacións cuxa conformidade se acredite.

A acta de terminación das obras ou instalacións será elaborada pola administración titular da estrada, nos casos en que sexa exixible, e será posta á disposición da persoa titular da autorización, quen poderá manifestar o que considere oportuno, de ser o caso.47

4. Con carácter xeral, as autorizacións para a realización de obras, instalacións ou actividades na zona de dominio público outorgaranse por un prazo máximo de dez anos, e poderán concederse, logo da solicitude da persoa interesada, ata dúas prórrogas por períodos de igual duración. Antes de que transcorra o prazo da autorización, incluídas as prórrogas, se é o caso, a persoa titular poderá solicitar unha nova autorización.

Para estes efectos, considérase que as autorizacións de acceso se refiren á incorporación de vehículos á estrada desde fóra do dominio público viario, independentemente dos elementos que se sitúen nel, polo que non estarán sometidas ás limitacións establecidas no parágrafo anterior.48

5. As autorizacións outorgadas para a realización de obras, instalacións ou actividades na zona de dominio público poderán ser revogadas unilateralmente polo órgano que as outorgou en calquera momento por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización, cando sexa necesario por motivo de calquera obra que vaia realizar na estrada a administración titular desta, e quedará obrigada a persoa solicitante a retirar pola súa conta os elementos instalados.

6. As autorizacións outorgadas para a realización de obras, instalacións ou actividades na zona de dominio público exclúen o aboamento á persoa interesada de calquera indemnización por razón dos danos e perdas ocasionados pola explotación e polo uso da estrada, incluídos os causados polo tráfico ou por calquera obra realizada na estrada pola administración titular desta, incluídas as de conservación. Nese caso, a reposición das obras e elementos amparados pola autorización será por conta da persoa interesada.

Artigo 50. Modificación ou suspensión de autorizacións

1. A administración titular da estrada poderá, en calquera momento, modificar ou suspender temporal ou definitivamente a autorización nos casos seguintes:

a) Cando a actuación produza danos no dominio público viario.

b) Por incumprimento das condicións da autorización.

c) Por poñer en risco a seguridade viaria.

d) Cando se alteren os supostos determinantes do seu outorgamento.

e) Cando resulte incompatible con normas aprobadas con posterioridade.49

2. O procedemento para modificar ou suspender a autorización iniciarase de oficio ou por instancia de parte, e será instruído pola administración titular da estrada. En todo caso, antes de elevar a proposta de resolución, darase audiencia ás persoas interesadas co fin de que poidan formular cantas alegacións conveñan aos seus dereitos.

Artigo 51. Garantías

1. A realización de calquera actuación no dominio público viario poderá requirir a constitución polas persoas interesadas da correspondente garantía por unha contía que será determinada pola administración titular da estrada.

2. O prazo de garantía será dun (1) ano como máximo desde a data da acta de conformidade, de ser o caso. A garantía será independente das taxas que, con carácter xeral, se devindiquen pola tramitación do expediente da autorización e sen prexuízo das responsabilidades en que se puidese incorrer polo incumprimento das condicións establecidas naquela.50

3. No suposto de que as persoas interesadas ocasionaren danos ou perdas ao dominio público viario, a administración titular da estrada incautará a garantía na contía equivalente aos devanditos danos e perdas. En todo caso, a persoa interesada deberá indemnizar a administración titular polos danos e perdas que excedan do importe da contía incautada.

4. Se a obra se deteriora ou arruína con posterioridade á expiración do prazo de garantía por vicios ocultos da construción, a persoa titular da autorización responderá dos danos e perdas ocasionados durante o prazo de vinte anos contados desde a data da acta de conformidade.

Sección 2ª. Condicións particulares

Artigo 52. Accesos, parcelacións e segregacións

1. A administración titular da rede poderá limitar e ordenar os accesos ás estradas e establecer, con carácter obrigatorio, os lugares e as condicións en que tales accesos se poidan construír, atendendo á normativa vixente e aplicando criterios de intensidade de tráfico, de seguridade viaria e de funcionalidade e explotación da estrada. En todo caso, será prioritario o emprego de accesos existentes.

2. Incorporaranse ao dominio público viario os elementos do novo acceso que se sitúen sobre a zona de dominio público.

Tamén se incorporarán ao dominio público viario os enlaces, interseccións, glorietas, pasos inferiores e superiores, vías de servizo, elementos de cambio de velocidade e aqueloutras ampliacións da plataforma da estrada ou vía de servizo orixinal que se executen como parte do proxecto do acceso, así como todos os terreos sobre os cales se sitúen todos eses elementos, aínda no caso de que pertenzan ou sexan adquiridos pola persoa solicitante da autorización para executar o acceso.

A cesión dos elementos e terreos formalizarase mediante a sinatura dun documento para tal efecto. A sinatura do antedito documento de formalización da cesión será requisito previo para a celebración do acto en que se documentará a terminación das obras do acceso, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización.

3. As autorizacións referidas ás parcelacións e segregacións de parcelas lindeiras coas estradas, cando se pretendan levar a cabo fóra do solo urbano consolidado, só se emitirán en sentido favorable naqueles casos en que esas actuacións non impliquen un incremento do número de accesos á estrada, nos termos establecidos regulamentariamente.

Pola súa parte, as autorizacións referidas ás parcelacións e segregacións de parcelas lindeiras coas estradas, cando se pretendan levar a cabo no solo urbano consolidado, só se emitirán en sentido favorable naqueles casos en que todas as novas parcelas xeradas poidan resolver o seu acceso a través doutras vías de circulación ou ben cumpran as condicións para que os seus accesos poidan ser autorizados pola administración titular da estrada.51

Artigo 53. Publicidade

1. Fóra dos treitos urbanos, queda prohibida a colocación, fixa ou provisional, de carteis ou outros elementos publicitarios que sexan visibles desde a zona de dominio público da estrada, sen que esta prohibición poida dar dereito a indemnización.

2. Nos treitos urbanos a disposición de publicidade estará sometida ás ordenanzas municipais, e deberá situarse fóra da zona de dominio público e non interferir nin afectar a sinalización, a iluminación ou o balizamento da estrada.

3. Para os efectos desta lei non teñen a consideración de publicidade:

a) Os carteis informativos instalados ou autorizados pola administración titular da estrada. Para estes efectos, considéranse carteis informativos:

1º. Os sinais e carteis de circulación, e os seus paneis complementarios.

2º. A sinalización turística oficial de lugares, paraxes e paisaxes de interese natural ou cultural.

3º. Os que sinalicen instalacións de carácter público vinculadas ao sistema de transporte.

4º. Os que se refiran a actividades ou obras que afecten a estrada ou informen sobre o estado da vía e demais circunstancias relacionadas co tráfico.

5º. Os que informen da estación de servizo máis próxima e sobre os prezos dos produtos enerxéticos naquela e nas inmediatamente posteriores.

b) Os rótulos dos establecementos mercantís ou industriais que sexan indicativos da súa actividade, sempre que se cumpran, simultaneamente, as seguintes condicións:

1º. Que se sitúen nos edificios ou terreos en que aqueles desenvolvan a súa actividade.

2º. Que se sitúen máis separados da estrada que a liña límite de edificación e a unha distancia da calzada non inferior á súa altura.

No caso de edificacións preexistentes entre a calzada e a liña límite de edificación, admitiranse tamén aqueles casos en que se xustifique que non se poden instalar rótulos máis separados da estrada que a liña límite de edificación, non se dispoña xa doutro rótulo visible desde a calzada e se trate de rótulos pintados ou instalados na propia edificación, sen voar sobre a zona de dominio público.

3º. Que non inclúan comunicación adicional tendente a promover a contratación de bens ou servizos.52

c) Os anuncios de espectáculos, celebracións ou probas culturais, deportivas ou similares, debidamente autorizados e que se desenvolvan na propia estrada, sempre que a súa celebración sexa ocasional, non se coloquen, en ningún caso, nos soportes da sinalización vertical da estrada ou interferindo con ela e sexan retirados pola persoa titular da autorización inmediatamente despois de finalizar o acontecemento anunciado.53

d) Os rótulos que figuren sobre os vehículos automóbiles e que se refiran exclusivamente á actividade das persoas que os empreguen, ou á carga que transporten, sempre que non empreguen substancias reflectoras, cores ou composicións que poidan inducir á confusión con sinais de tráfico ou circulación ou que poidan obstaculizar o tráfico rodado.54

CAPÍTULO IV

Medidas de protección da legalidade viaria

Artigo 54. Réxime xeral e competencia

A competencia para a execución das medidas de protección da legalidade viaria previstas neste capítulo correspóndelle á administración titular da estrada, que poderá requirir o auxilio da forza pública cando resulte necesario para a súa execución.55

Artigo 55. Medidas de protección

1. A administración competente poderá dispoñer, sen máis trámites, en resolución motivada a inmediata paralización das obras e a suspensión dos usos non autorizados ou que non se axusten ás condicións establecidas nas correspondentes autorizacións outorgadas por ela.

2. A Administración titular da estrada terá a facultade de comprobar a veracidade e mais a exactitude dos datos consignados na declaración responsable, para o cal dispoñerá as oportunas tarefas de inspección.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable, ou a non presentación ante a administración titular da estrada da declaración responsable ou da documentación que puider ser requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinará a imposibilidade de continuar coa execución da actuación desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que puideren proceder. A resolución que declare tales circunstancias poderá determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento anterior ao comezo da actuación correspondente, logo da tramitación dun expediente de reposición da legalidade viaria.

3. A administración competente poderá instar, mediante a oportuna notificación, as empresas subministradoras de servizos públicos para que procedan a suspender no prazo de sete días naturais a subministración do servizo correspondente ás obras ou aos usos en que se dispuxese a súa paralización ou suspensión. A suspensión da subministración só se poderá levantar unha vez que se procedese á legalización das obras ou do uso ou logo da notificación en tal sentido da administración competente ás empresas subministradoras.

4. A administración competente poderá precintar as obras ou instalacións e ordenar á persoa responsable da actuación, da obra ou do uso, a retirada, no prazo de dous días naturais, da maquinaria e dos materiais aprovisionados. De incumprir a obriga de retirada, esta poderá ser realizada, sen máis trámites, pola administración competente, por conta daquela.

5. Se as actuacións non autorizadas ou que non se axustan á autorización, así como, nos supostos de aplicación do réxime de declaración responsable, as non declaradas ou que non se axustan ao declarado, supoñen un risco grave para a seguridade viaria, a administración competente poderá adoptar, por conta da persoa responsable e sen máis trámites, as medidas que considere oportunas para garantir a seguridade da circulación.

6. Na resolución de paralización ou suspensión, ordenarase a incoación dun expediente de reposición da legalidade viaria que, unha vez instruído e logo da audiencia á persoa responsable, resolverá sobre a posible legalización das obras ou dos usos.

7. No caso de se apreciar que poderían ser legalizables, instarase a persoa responsable para que, no prazo de sete días naturais, solicite a legalización da actuación.

Se a persoa responsable non solicitar a legalización no devandito prazo ou cando a actuación non for legalizable, a administración competente poderá acordar, en resolución motivada, a demolición das obras e a suspensión definitiva dos usos e o restablecemento da realidade física alterada, e requiriralle á persoa responsable que proceda ao seu cumprimento no prazo que se lle conceda, que debe ser proporcional ás circunstancias da actuación que haxa que realizar.

Transcorrido o prazo sen que a persoa responsable atendese o requirimento, a administración competente procederá, sen máis trámites, á execución subsidiaria por conta daquela.56

Artigo 56. Retirada de obxectos ou elementos abandonados

A administración competente retirará, sen máis trámites e á conta da persoa responsable, todos os obxectos ou elementos abandonados, instalados ou depositados no dominio público viario que menoscaben a seguridade viaria ou obstaculicen o normal uso e explotación da estrada.

Artigo 57. Obras ruinosas

Cando unha obra ou instalación situada entre a estrada e a liña límite de edificación acade un estado ruinoso que poida provocar danos á estrada ou constituír un perigo para a circulación, a administración competente adoptará as medidas necesarias, e instará o concello no que se atope a obra ou instalación para que incoe un expediente de declaración de ruína e a subseguinte demolición, se é o caso.

Artigo 58. Danos e perdas causados ao dominio público viario

1. A administración titular da estrada procederá, sen máis trámites e con cargo á persoa causante, á execución das medidas necesarias para a reparación dos danos producidos ao dominio público viario e á restitución da realidade física alterada nel, cando supoñan un risco grave para a seguridade viaria.

2. A persoa causante dos danos deberá aboar á administración titular da estrada a indemnización polos danos e perdas ocasionados, no prazo que, para tal efecto, se lle conceda.

Así mesmo, a administración titular da estrada poderá exixirlle á persoa causante dos danos o resarcimento dos gastos que supoña a súa intervención para o auxilio público mediante persoal, xa sexa a través de medios propios ou contratados, medios de sinalización ou balizamento, a custodia de vehículos ou cargas e a retirada de restos en caso de accidente ou avaría.

No caso de que un asegurador asumise o risco derivado da responsabilidade civil da persoa causante dos danos, a administración titular da estrada poderá requirirlle directamente a aquel o pagamento da indemnización polos danos e perdas causados ao dominio público viario e polo resto de gastos a que se refire o parágrafo anterior.57

3. O prazo de prescrición da exixencia da obriga de reparar os danos e perdas causados e de indemnizar polos danos non reparables e polas perdas causadas será de tres anos, contados desde o día seguinte a aquel no que se producisen aqueles.

Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento de declaración de responsabilidade por danos e perdas, e volverá transcorrer o prazo se aquel estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.58

Artigo 59. Compatibilidade de actuacións

1. As medidas de protección da legalidade viaria recollidas neste capítulo, incluídas expresamente as indemnizacións por motivo dos danos e perdas causados ao dominio público viario, adoptaranse sen prexuízo das sancións e responsabilidades que resulten procedentes e poderán ordenarse e executarse tanto independentemente como dentro do procedemento de sanción previsto nesta lei.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución que poña fin aos expedientes de protección da legalidade viaria será dun ano, contado a partir da data na que se incoaron aqueles, tanto no caso de que se tramiten independentemente como dentro do procedemento de sanción previsto nesta lei. De ser o caso, poderase tramitar a ampliación deste prazo máximo segundo o procedemento establecido na lexislación en materia de procedemento administrativo. O cumprimento do prazo máximo sen que se notifique a resolución producirá a caducidade do procedemento. Non obstante, poderá incoarse un novo expediente de protección da legalidade viaria cando as exixencias das correspondentes obrigas non prescribisen conforme o establecido nesta lei. Para estes efectos, conservarán a súa validez os actos de trámite previos á instrución do expediente caducado e nomearase unha persoa distinta como instrutora deste.59

TÍTULO V

Réxime sancionador

CAPÍTULO I

Infraccións

Artigo 60. Infraccións viarias

Teñen a consideración de infraccións administrativas viarias as accións que vulneren as prescricións contidas nesta lei, conforme a tipificación que se establece nela.

Artigo 61. Tipificación das infraccións

1. Son infraccións leves:

a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións nas zonas de protección da estrada levados a cabo sen as autorizacións requiridas, sen a previa declaración responsable nos casos en que proceda ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas ou as especificadas na declaración responsable respecto dos usos suxeitos a este réxime, cando poidan ser obxecto de legalización posterior na súa totalidade.60

b) Colocar, verter, lanzar ou abandonar nos elementos funcionais ou na zona de dominio público adxacente obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, sempre que non poñan en perigo as persoas usuarias da estrada.

c) 61

2. Son infraccións graves:

a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións non permitidos nas zonas de protección da estrada ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas ou as especificadas na declaración responsable respecto dos usos suxeitos a este réxime, cando, nestes últimos casos, non for posible a súa legalización posterior.62

b) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións na zona de dominio público da estrada levadas a cabo sen as autorizacións requiridas ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas, cando poidan ser obxecto de legalización posterior na súa totalidade.

c) Colocar, verter, lanzar ou abandonar nos elementos funcionais ou na zona de dominio público adxacente obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, cando poñan en perigo as persoas usuarias da estrada.

d) Colocar, verter, lanzar ou abandonar na explanación da estrada, pero fóra da calzada e das beiravías, obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, sempre que non poñan en perigo as persoas usuarias da estrada.

e) Deteriorar intencionadamente calquera elemento da estrada directamente relacionado coa ordenación, orientación, sinalización e seguridade da circulación, ou modificar as súas características ou situación, cando non se impida que o elemento do que se trate siga prestando a súa función. Entenderase incluída nesta infracción a realización de pintadas, graffitis ou incisións de calquera tipo.63

f) Destruír, deteriorar, alterar ou modificar intencionadamente calquera obra ou instalación da estrada ou dos seus elementos funcionais, cando non se afecte a estrada ou as beiravías. Entenderanse incluídos nesta infracción a realización de pintadas, graffitis ou incisións ou calquera outro acto que cause danos, deteriore ou menoscabe o seu ornato.64

g) Establecer nas zonas de protección instalacións de calquera natureza ou realizar actividades que resulten perigosas, incómodas ou insalubres para as persoas usuarias da estrada, sen adoptar as medidas pertinentes para evitalo.

3. Son infraccións moi graves:

a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións non permitidas na zona de dominio público da estrada ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas cando, neste último caso, non for posible a súa legalización posterior.

b) Colocar, verter, lanzar ou abandonar na explanación da estrada, pero fóra da calzada e das beiravías, obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza, cando poñan en perigo as persoas usuarias da estrada.

c) Colocar, verter, lanzar ou abandonar na calzada ou nas beiravías da estrada obxectos, elementos ou materiais de calquera natureza.65

d) Subtraer ou, intencionadamente, destruír ou deteriorar calquera elemento da estrada directamente relacionado coa ordenación, orientación, sinalización e seguridade da circulación ou modificar as súas características ou situación, cando se impida que o elemento do que se trate siga prestando a súa función.

e) Destruír, deteriorar, alterar ou modificar intencionadamente calquera obra ou instalación da estrada ou dos seus elementos funcionais, cando se afecte a calzada ou as beiravías.

f) Establecer calquera clase de publicidade visible desde a zona de dominio público da estrada.

Artigo 62. Concorrencia de infraccións

Cando da comisión dunha infracción derive necesariamente a comisión doutra ou doutras, deberá impoñerse unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida.

Artigo 63. Responsabilidade

1. Serán responsables da infracción as persoas físicas ou xurídicas seguintes:

a) O promotor da actividade e, de ser o caso, a persoa que a executa, o/a técnico/a director/a daquela e a persoa propietaria do terreo no que se realiza.

b) No caso de incumprimento das condicións dunha autorización administrativa ou dunha declaración responsable respecto dos usos suxeitos a este réxime, a persoa titular da autorización ou a persoa declarante, respectivamente.66

2. Nos supostos en que aparezan varias persoas responsables da actuación, responderán todas elas de forma solidaria da sanción que se impoña, da reparación dos danos, da indemnización polos danos non reparables e polas perdas que foron causados e do restablecemento da realidade física alterada.

3. Se as infraccións son imputables a unha persoa xurídica, poderán ser consideradas como responsables subsidiarias as persoas físicas que integran os seus órganos reitores ou de dirección, agás que discrepasen das decisións que levaron á comisión da infracción, e así se acredite debidamente.67

Artigo 64. Obriga de reparación, indemnización e restitución

Sen prexuízo da sanción que se impoña, a persoa ou as persoas responsables dunha infracción das previstas nesta lei teñen a obriga de reparar os danos, de indemnizar polos danos non reparables e polas perdas que foron causados pola infracción e de proceder a restituír e repoñer as cousas ao seu estado anterior.

A obriga de restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior exixiráselles ás persoas responsables da infracción en calquera momento, independentemente da eventual prescrición desta ou das sancións que deriven dela.68

No caso de que a administración titular da estrada considere urxente a devandita reparación ou restitución, procederase á súa execución con cargo á persoa infractora, sen necesidade de requirimento nin audiencia previa, e sen prexuízo da liquidación definitiva logo da audiencia para estes efectos.

Artigo 65. Prescrición das infraccións

1. O prazo de prescrición das infraccións será de seis anos para as moi graves, catro anos para as graves e dous anos para as leves.

2. O cómputo do prazo de prescrición iniciarase na data en que se cometese a infracción ou, no caso de actividades continuadas, na data do seu cesamento. Cando a actividade constitutiva de infracción non se poida coñecer por falta de manifestación de signos externos, o prazo computarase a partir de cando estes sexan manifestamente perceptibles.

Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador, e volverá transcorrer o prazo se aquel estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á presunta persoa responsable.

CAPÍTULO II

Sancións

Artigo 66. Sancións

1. As infraccións previstas nesta lei sancionaranse coas seguintes multas:

a) As infraccións leves, con multa de 250 a 2.500 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 2.501 a 10.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 10.001 a 250.000 euros.

2. Cando o beneficio económico obtido coa comisión da infracción viaria sexa superior á sanción que lle corresponda, esta incrementarase na contía equivalente ao beneficio económico obtido pola persoa infractora.

3. A sanción correspondente á infracción cometida poderá reducirse ata nun 90 % do seu valor, en función dos danos ao dominio público viario e da diminución da seguridade viaria producida, se a persoa responsable acata, de ser o caso, a resolución de paralización ou suspensión e procede á demolición das obras, á suspensión definitiva dos usos e ao restablecemento da realidade física alterada antes da resolución do expediente de sanción.69

Artigo 67. Gradación

1. Para a gradación das sancións teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) Agravantes:

1º. A natureza dos danos e perdas producidos.

2º. O risco xerado.

3º. A intencionalidade da persoa causante ou responsable.

4º. A acumulación de ilícitos nun mesmo feito.

5º. A reincidencia, pola comisión no cómputo dun ano de máis dunha infracción viaria, cando así fose declarado por resolución firme.

6º. A dificultade técnica ou custo económico da reposición da realidade física alterada e da reparación dos danos e perdas causados.

7º. O alcance na perturbación da prestación do servizo público viario.

8º. O incumprimento das medidas de protección da legalidade viaria ordenadas.

b) Atenuantes:

1º. O recoñecemento dos feitos e da súa responsabilidade por parte da persoa responsable da actuación.

2º. A diminución, por parte da persoa responsable da actuación, dos danos e perdas causados antes da iniciación do expediente de sanción.

3º. A reposición, por parte da persoa responsable da actuación, da realidade física alterada antes da resolución pola que se impón a sanción.

2. O importe das multas determinarase tendo en conta as circunstancias de gradación concorrentes.

Artigo 68. Multas coercitivas

1. Cando a resolución dun expediente de reposición da legalidade viaria ou a dun procedemento para a imposición de sancións, incluídos os supostos de prescrición, lle impuxer á persoa responsable a obriga de restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior e esta non cumprir o prazo fixado naquela ou nun requirimento posterior, unha vez transcorrido o devandito prazo poderán impoñérselle multas coercitivas, conforme o establecido na lexislación en materia de procedemento administrativo.70

2. As multas coercitivas poderán ter natureza periódica, ata que se leve a cabo a restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior.

A súa contía será de entre 100 e 1.000 euros. No caso de multas coercitivas periódicas, ese valor será o da súa máxima contía mensual.71

Para a gradación das multas coercitivas teranse en conta as mesmas circunstancias establecidas nesta lei para a gradación das sancións.

3. A imposición de multas coercitivas é independente da imposición de multas en concepto de sanción e compatible con estas.

Artigo 69. Concorrencia de sancións

1. Non poderán sancionarse os feitos que fosen sancionados penal ou administrativamente, nos casos en que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.

2. As sancións administrativas que se lles impoñan ás distintas persoas responsables como consecuencia dunha infracción viaria teñen carácter independente.

3. Sen prexuízo de que a súa responsabilidade poida apreciarse nun mesmo procedemento administrativo, as persoas responsables de dous ou máis feitos constitutivos de infracción viaria serán sancionadas conforme o previsto nesta lei por cada unha das accións cometidas.

Artigo 70. Prescrición das sancións

1. O prazo de prescrición das sancións será de tres anos para as correspondentes a infraccións moi graves, dous anos para as correspondentes a infraccións graves e un ano para as correspondentes a infraccións leves.

2. O cómputo do prazo de prescrición contarase desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impoña a sanción.

Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.

CAPÍTULO III

Procedemento

Artigo 71. Procedemento e competencia

1. O procedemento para a imposición de sancións por infraccións viarias axustarase ao establecido nesta lei e, de xeito supletorio, na normativa reguladora do procedemento administrativo común, nas súas disposicións de desenvolvemento e na normativa autonómica aplicable.

2. Correspóndelle á administración titular da estrada na que se cometese a infracción a potestade sancionadora en materia de estradas así como a potestade para a imposición:

a) Da obriga da reparación dos danos, da indemnización polos danos non reparables e polas perdas que foron causados e da restitución da realidade física alterada.

b) De multas coercitivas.

c) Do resto de medidas de protección da legalidade viaria.

3. O exercicio das potestades ás que se fai referencia no punto anterior correspóndelles aos órganos administrativos aos que a Administración lles atribúa expresamente a competencia para a iniciación, instrución e resolución dos expedientes correspondentes, por disposición de rango legal ou regulamentario.72

Artigo 72. Acción pública

Será pública a acción para esixir a observancia do establecido nesta lei.

Artigo 73. Condición de autoridade

1. O persoal funcionario adscrito ás funcións de explotación das estradas terá a condición de axentes da autoridade cando se atope no exercicio das ditas funcións.73

2. Os feitos constatados polo persoal funcionario ao que se lle recoñece a condición de autoridade, e que se formalicen en documento público observando os requisitos legais pertinentes, terán valor probatorio sen prexuízo das probas que na defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar as persoas administradas.

Artigo 74. Condutas constitutivas de delito ou falta

1. En calquera momento do procedemento sancionador, se o órgano competente estima que os feitos tamén poderían ser constitutivos de ilícito penal, comunicarallo ao Ministerio Fiscal solicitándolle testemuño sobre as actuacións practicadas respecto da comunicación.

Nestes supostos, así como cando o órgano competente teña coñecemento de que se está a desenvolver un proceso penal sobre os mesmos feitos, solicitará do órgano xudicial comunicación sobre as actuacións adoptadas.

2. Recibida a comunicación, e no caso de que se estime que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción administrativa e a infracción penal que puider corresponder, o órgano competente para a resolución do procedemento acordará a súa suspensión ata que recaia resolución xudicial.

3. O desenvolvemento dun proceso penal non exclúe a posibilidade de que a administración titular da estrada exercite as medidas de protección da legalidade viaria previstas no capítulo IV do título IV desta lei.

4. A sanción penal excluirá a imposición de sanción administrativa, pero non a obriga de repoñer a realidade física alterada.

5. De non se estimar a existencia de delito ou falta, a administración titular da estrada poderá proseguir ou, se é o caso, iniciar o expediente de sanción que, en todo caso, deberá respectar os feitos declarados probados por resolución xudicial penal firme.

Artigo 75. Vía administrativa de constrinximento

Poderán esixirse pola vía administrativa de constrinximento os importes correspondentes ás multas. Tamén se poderá empregar este procedemento para esixir os importes correspondentes ás indemnizacións polos danos non reparables e polas perdas que foron causados, así como os derivados dos gastos pola execución subsidiaria da reparación dos danos causados ou da restitución da realidade física alterada. Nestes últimos casos, o importe determinarase en función do custo que para a administración supoñan as anteditas reparación ou restitución.

Artigo 76. Caducidade do procedemento

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución que poña fin ao procedemento será dun ano, contado a partir da data na que se incoou o expediente de sanción. De ser o caso, poderase tramitar a ampliación deste prazo máximo segundo o procedemento establecido na lexislación en materia de procedemento administrativo.

O cumprimento do prazo máximo sen que se notifique a resolución producirá a caducidade do procedemento. Non obstante, poderá incoarse un novo expediente de sanción cando os feitos constitutivos da infracción non prescribisen conforme o establecido nesta lei. Para estes efectos, conservarán a súa validez os actos de trámite previos á instrución do expediente caducado e nomearase unha persoa distinta como instrutora deste.

Disposición adicional primeira. Edificacións, instalacións e peches preexistentes

1. Nas edificacións, instalacións e peches preexistentes na zona comprendida entre a liña exterior de delimitación da calzada da estrada e a liña límite de edificación poderán ser autorizadas, ou quedarán suxeitas ao réxime de declaración responsable nos casos previstos nesta lei, no que á lexislación sectorial en materia de estradas se refire, e sempre que quede garantida a seguridade viaria na estrada e nos seus accesos e non se produza cambio de uso nin incremento de volume edificado, por riba ou por debaixo da rasante do terreo:

a) Con carácter xeral, as obras de mantemento, conservación e rehabilitación.

b) Excepcionalmente, obras de rehabilitación estrutural, naqueles supostos de interese público ou social así cualificados.

2. As edificacións, instalacións e peches preexistentes que se vexan afectados por obras de reforma da estrada e que conten con autorización, sempre que lles for exixible, poderán ser repostos, no prazo máximo de tres anos desde a data de finalización contractual da obra que os afectou, pola súa persoa propietaria ou pola administración titular da actuación, coas mesmas características que tivesen e, en todo caso, fóra da zona de dominio público.74

Disposición adicional segunda. Organismos xestores

1. As administracións titulares das redes de estradas poderán dispoñer de organismos autónomos ou axencias públicas que asuman a xestión da rede de estradas na súa totalidade, de estradas individuais, de conxuntos de estradas ou treitos delas, dos seus elementos funcionais e/ou das actuacións que en cada caso se realicen, e que actuarán como organismos xestores daquelas.

2. Na normativa de desenvolvemento que regule o funcionamento do organismo xestor, a administración titular poderá atribuírlle a aquel as competencias que nesta lei lle corresponden á administración titular, para o exercicio efectivo das funcións relacionadas co ámbito de xestión que lle fose encomendado.75

Non poderán ser atribuídas ao organismo xestor, á parte das competencias que nesta lei se lle atribúen expresamente ao Consello da Xunta de Galicia ou á consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de estradas, as seguintes:

a) Aquelas competencias que se lle atribúan regulamentariamente á administración titular da rede no procedemento de tramitación dos plans sectoriais de estradas e das súas modificacións.

b) Acordar con outras administracións cambios na titularidade das estradas.

c) Resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas.

d) Aprobar definitivamente os estudos informativos ou, se é o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto nesta lei.

e) Emitir informe sobre as propostas de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou actuacións previstas nos plans de estradas vixentes.

f) Establecer medidas ou procedementos compensatorios que, nos treitos das estradas nas que se estableza un pagamento de peaxe ou taxa polo seu uso, veñan reducir ou anular o pagamento directo polas persoas usuarias.

g) Aprobar o establecemento de contribucións especiais.

h) Aprobar a redución excepcional das distancias establecidas con carácter xeral para a liña límite de edificación.

3. Os recursos xerados pola explotación das estradas e as contribucións especiais, segundo se definen nesta lei, contribuirán ao financiamento do correspondente organismo xestor, no caso de que exista.

Disposición adicional terceira. Actualización de importes

A contía das multas e das multas coercitivas previstas nesta lei poderá ser actualizada mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, segundo a evolución do índice de prezos de consumo na Comunidade Autónoma de Galicia.76

Disposición adicional cuarta. Previsión de retribucións en especie

No caso de que as administracións titulares celebren contratos administrativos especiais cuxo obxecto teña relación coa planificación, proxección, execución ou explotación das estradas que son obxecto desta lei, a súa retribución poderá facerse mediante a entrega de contraprestacións distintas do prezo, para os efectos do establecido na lexislación de contratos do sector público.77

Disposición adicional quinta. Efectos da declaración de obras de emerxencia de estradas78

1. A declaración de obras de emerxencia de estradas implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a implantación da actuación e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, que se levarán a cabo en todo caso de acordo co establecido na lexislación estatal para estes supostos.

2. Para os efectos do previsto no apartado anterior, a declaración de obra de emerxencia de estradas deberá incluír, entre os documentos que compoñen o expediente, a relación concreta e individualizada, na que se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, bens, servidumes e demais dereitos reais que se considere necesario ocupar para a realización daqueles traballos, coa identificación das súas persoas titulares, así como a representación gráfica da delimitación das ocupacións necesarias.

3. Para os efectos desta disposición, consideraranse obras de emerxencias os supostos nos que a Administración teña que actuar de maneira inmediata por causa de acontecementos catastróficos ou de situacións que supoñan grave perigo.

Disposición transitoria primeira. Procedementos administrativos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei

1. Os procedementos administrativos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei rexeranse polo disposto na normativa anterior, coa excepción dos procedementos sancionadores, aos que lles será aplicable a norma máis favorable para as presuntas persoas infractoras.

2. Cando os procedementos administrativos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei deren lugar a recursos económicos pola explotación das estradas, análogos aos previstos nesta, estes contribuirán ao financiamento do correspondente organismo xestor, no caso de que exista, e, en defecto deste, da administración titular.

Disposición transitoria segunda. Autorizacións demaniais outorgadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei

Ás autorizacións outorgadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei para a realización de obras, instalacións ou actividades na zona de dominio público, agás as de accesos, cando non indiquen o seu prazo máximo, seralles aplicable a duración máxima prevista nesta lei, para o que se ditará a correspondente resolución administrativa, logo da solicitude da persoa titular. O prazo máximo para presentar esta solicitude remata o 31 de decembro de 2016. Logo de transcorrido este prazo sen que se presentase a dita solicitude, a autorización considerarase caducada para calquera efecto.79

Disposición transitoria terceira. Normativa de aplicación supletoria

Naqueles aspectos que non se regulen pola normativa técnica básica de interese xeral establecida pola Administración xeral do Estado e nos que por parte da consellaría competente en materia de estradas non se ditasen normas ou instrucións complementarias relativas á execución de obras de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia serán aplicables as aprobadas polo Ministerio de Fomento para as estradas da rede de estradas do Estado, no que non se opoñan a esta lei ou ao seu regulamento.

Disposición transitoria cuarta. Treitos urbanos en planeamento non adaptado

Nos solos incluídos no ámbito dos núcleos rurais, delimitados, ao abeiro da Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia, en plans urbanísticos aprobados definitivamente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e non adaptados á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, independentemente da súa clasificación como solo urbano, para efectos desta lei, os treitos de estradas que discorran por estes solos terán a consideración de treito urbano cando se cumpran as condicións que para o solo de núcleo rural se establecen no artigo 7.80

Disposición transitoria quinta81. Reposición de edificacións, instalacións e peches preexistentes

En relación co previsto no apartado 2 da disposición adicional primeira da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, no caso de edificacións, instalacións e peches preexistentes que se vexan afectados por obras de reforma da estrada que fosen finalizadas contractualmente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e que conten con autorización, sempre que lles for exixible, poderán ser repostos, pola súa persoa propietaria, coas mesmas características que tivesen e, en todo caso, fóra da zona de dominio público, no prazo máximo de tres anos desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Disposición derrogatoria única. Cláusula derrogatoria

Queda derrogada a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a esta lei.

Disposición derradeira primeira. Título competencial

Esta lei dítase ao abeiro do disposto no artigo 148.1.5º da Constitución española, que establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias en materia de estradas cando o seu itinerario se desenvolva integramente no territorio destas, e do artigo 27.8 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lle reserva á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de estradas non incorporadas á rede do Estado e cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

Habilítase a Xunta de Galicia para o desenvolvemento regulamentario desta lei.82

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 132, do 12 de xullo de 2013.

2 Redacción do número 2 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

3 Letra c) engadida polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

4 Redacción do artigo 8 dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta a este precepto, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade.

5 Redacción do número 1 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

6 Redacción do número 6 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

7 Redacción do número 1 dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

8 Decreto 100/2021, do 24 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia.

9 Redacción da letra b) dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

10 Letra c) introducida polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

11 Letra d) introducida polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

12 Letras e) e f) engadidas polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

13 Redacción da letra d) dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

14 Letra e) engadida polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

15 Redacción dos números 2 e 3 dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta a artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade. Téñase en conta, na medida en que afecta a ese artigo 26 da Lei 18/2021, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade.

16 Redacción do artigo 13 dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta a artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade. Téñase en conta, na medida en que afecta a artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade.

17 Redacción do número 2 dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta a artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade.

18 Redacción do artigo 19 dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

19 Redacción do número 5 dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

20 Redacción do número 1 dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta a artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade. Téñase en conta, na medida en que afecta ao artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade. Téñase en conta, na medida en que afecta a artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade.

21 Redacción do número 2 dada polo artigo 42 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 249, do 30 de decembro de 2014).

22 Artigo 23 bis introducido polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta a artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade.

23 Redacción do artigo 27 dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

24 Redacción do número 3 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015). En relación con esta redacción pode consultarse o acordo anexo á Resolución do 25 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 87, do 9 de maio de 2016).

25 Redacción da letra f) dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

26 Número 8 engadido polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

27 Redacción do artigo 40 dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

28 Redacción do número 1 dada polo artigo 15 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

29 Redacción do título do capítulo dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

30 Redacción do número 1 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

31 Redacción da letra d) dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

32 Letra f) engadida polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

33 Redacción da letra g) dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

34 Redacción da letra a) dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

35 Redacción da letra c) dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

36 Letra d) engadida polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

37 Redacción da letra d) dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

38 Artigo 45 bis introducido polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

39 Redacción do primeiro parágrafo dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

40 Redacción do título do capítulo dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

41 Redacción do número 2 dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

42 Redacción do artigo 47 dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

43 Número 5 introducido dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta ao artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativa (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). Téñase en conta, na medida en que afecta ao artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade.

44 Redacción do número 2 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

45 Número 4 engadido polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

46 Redacción do número 2 dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta ao artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022).

47 Redacción do número 3 dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta a artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autó­noma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade.do número 4 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

48 Redacción do número 4 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

49 Letra e) engadida polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

50 Redacción do número 2 dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

51 Redacción do artigo 52 dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta ao artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativa (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022).

52 Redacción da letra b) dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta ao artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022).

53 Redacción da letra c) dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

54 Letra d) engadida polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

55 Redacción do artigo 54 dada polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

56 Redacción do artigo 55 dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

57 Redacción do número 2 dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta ao artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022).

58 Número 3 engadido polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015). En relación con esta redacción pode consultarse o acordo anexo á Resolución do 25 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 87, do 9 de maio de 2016).

59 Redacción do artigo 59 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

60 Redacción da letra a) dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

61 Letra c) suprimida polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

62 Redacción da letra a) dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

63 Redacción da letra e) dada polo artigo 15 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

64 Redacción da letra f) dada polo artigo 15 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018).

65 Redacción da letra c) dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

66 Redacción da letra b) dada polo artigo 21 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 27 de decembro de 2019).

67 Número 3 engadido polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

68 Redacción do segundo parágrafo dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

69 Redacción do número 3 dada pola disposición derradeira décimo primeira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

70 Redacción do número 1 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

71 Redacción do número 2 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

72 Redacción do número 3 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

73 Redacción do número 1 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

74 Redacción da disposición dada polo artigo 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Téñase en conta, na medida en que afecta ao artigo 26 que modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022).

75 Redacción do primeiro parágrafo do número 2 dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

76 Redacción da disposición adicional terceira dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

77 Disposición adicional cuarta engadida polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

78

Disposición Adicional quinta engadida polo artigo 27 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG Núm. 248, do 30 de decembro de 2022).

79 Redacción da disposición transitoria segunda dada polo artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2015).

80 Disposición transitoria cuarta engadida polo artigo 20 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

81 Esta disposición foi engadida pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021). Corrección de erros publicada no DOG núm. 33, do 17 de febreiro de 2022. Téñase en conta a Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación con determinados preceptos da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 78, do 25 de abril de 2022). En dita resolución se poñe en evidencia a existencia de controversias competenciais en relación cos artigos 21, 22, 24 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, sobre infraestruturas e mobilidade. O artigo 26 modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

82 Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia (DOG Núm. 116, do 26 de maio, de 2016). Tamén o Decreto 29/2023, do 30 de marzo sobre a xestión da seguridade das estradas de Galicia (DOG Núm. 74, do 18 de abril de 2023)..