Tres décadas despois da súa creación, a EGAP inicia unha nova etapa ao integrarse na Consellería de Facenda e Administración Pública. Este reto xurde nunha época de incerteza na que de seguro a formación e a capacitación do persoal empregado público constituirán pezas fundamentais para dar unha resposta áxil ás necesidades da cidadanía desde as administracións.
Nun contorno en rápida evolución, debido en boa parte ao avance das novas tecnoloxías, contar cunha función pública profesionalizada, competente e eficaz revélase como un factor esencial para garantir a confianza da sociedade nas institucións e enfrontar con solvencia os desafíos presentes e futuros da sociedade galega. Mediante as competencias que ten asignadas a EGAP e en liña coas recomendacións da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) sobre liderado e capacidade na función pública, nesta nova etapa comprometémonos a promover unha cultura de traballo proactiva e innovadora que favoreza a implementación de novas políticas e servizos, a fortalecer os coñecementos e competencias do persoal empregado público para o seu desenvolvemento profesional e a traballar en prol dunha función pública inclusiva e segura que reflicta a diversidade social. Todo o anterior permitiranos contar cunha Administración transparente, moderna e eficiente, en liña coas necesidades e expectativas da cidadanía e dos diferentes actores económicos da nosa comunidade autónoma.
Por estes motivos, desde a Escola continuaremos traballando na profesionalización da función pública galega a través do fomento da aprendizaxe continua e da innovación. Ademais, seguiremos promovendo a investigación no eido da Administración coas nosas publicacións, as cales, sen dúbida contribúen ao estudo e mellora do sector.
Convídovos a explorar o sitio web e a aproveitar todos os recursos formativos e divulgativos que ofrece a Escola de xeito gratuíto, froito do traballo dos últimos anos na recompilación e clasificación de material audiovisual.