A Escola conta cunha unidade específica destinada ao desenvolvemento de funcións de investigación, avaliación e calidade, que pretende converterse nun instrumento de apoio para a mellora da propia escola e, en último termo, contribuír á función que a EGAP vén desenvolvendo ao servizo doutras entidades, desde unha perspectiva de mellora da Administración pública en Galicia (con especial atención á Xunta de Galicia e á Administración local).
A investigación e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública ocupan un lugar destacado entre os fins e as funcións atribuídas á EGAP (Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, de 27 de maio, de creación da EGAP).
As tarefas desenvolvidas fan referencia ás grandes áreas de interese da escola e, en termos xerais, das administracións públicas. Así, por exemplo, estúdanse aspectos como os recursos humanos na Administración pública, as percepcións e valoracións da cidadanía respecto á actuación da Administración, a identificación e a difusión de experiencias innovadoras de goberno e xestión no ámbito local, etc. As diversas liñas de traballo susténtanse nos principios de intercambio de coñecementos, colaboración coa comunidade científica e divulgación de resultados.