A Lei 10/1989, do 10 de xullo, establece como fins da
EGAP:
- Colaborar na realización das probas selectivas para o acceso á condición de funcionario ao servizo da Administración de Galicia e doutras Administracións públicas que llo encomenden, con excepción do persoal docente e sanitario.
- Organizar e impartir cursos selectivos de formación e cursos complementarios de formación, de carácter non selectivo, subseguintes ás probas selectivas, con excepción do persoal docente e sanitario.
- Organizar e impartir cursos, seminarios e outras actividades de formación e perfeccionamento do persoal.
- Realizar as probas e impartir os cursos que se establezan para a promoción interna dos funcionarios.
- Realizar as probas e impartir os cursos selectivos descentralizados para o acceso á condición de funcionarios locais “con habilitación de carácter nacional".
- Realizar as probas selectivas e os cursos selectivos ou complementarios de selección dos funcionarios dos entes locais de Galicia "sen habilitación nacional".
- A investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no terreo da Administración Pública, promovendo a súa máxima difusión.
- O establecemento de convenios e a realización de intercambios con organismos similares das Administracións públicas de ámbito estatal e internacional.
- A difusión e a normalización do idioma galego na Administración pública, a capacitación lingüística do persoal e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega.
Para o cumprimento destes fins, a
EGAP poderá concertar con centros universitarios de Galicia e con outros centros ou entidades de titularidade pública ou privada, a realización das actividades pertinentes.