O sector vitivinícola e o sector das bebidas espirituosas son sectores de capital importancia na economía agraria galega, existindo varias figuras de calidade de viños e bebidas espirituosas (DOP-IXP).
Nestes últimos anos publicáronse varios regulamentos comunitarios que regulan distintos aspectos no sector do viños como son: Documentos de acompañamento para o transporte de produtos vitivinícolas, a certificación, rexistro e etiquetaxe de produtos e as prácticas enolóxicas autorizadas. Así mesmo, estanse desenvolvendo distintas técnicas analíticas para a determinación en viños de auga esóxena, azucres, alcohois esóxenos e detección de substancias de síntese prohibidas: diglicerinas cíclicas, pimaricina, etc., que serven de base para detectar fraudes nos produtos elaborados e comercializados na nosa comunidade.
Un dos obxectivos deste curso é coñecer as novidades normativas e afondar no procedemento para a mostraxe dos viños, solicitude das novas técnicas analíticas e interpretación dos resultados para detectar fraudes na composición dos viños.
Tamén no ano 2019 aprobouse o Regulamento (UE) 2019/787 do Parlamento Europeo e do Consello, sobre bebidas espirituosas, con moitas novidades en relación o etiquetado das bebidas espirituosas, sendo outro dos obxectivos do curso coñecer como debe ser o etiquetado das bebidas espirituosas.
Tamén servirá o curso para analizar brevemente os distintos procesos de transformación, en especial os orientados á obtención de produtos elaborados de maior valor engadido. Abordarase tamén o estudo das diferentes denominacións de orixe e outros distintivos de calidade existentes.
O curso incluirá unha visita a unha adega e a unha destilería para completar a formación teórica e poder coñecer de cerca os procesos industriais de transformación, así como un taller para a avaliación das características organolépticas dos produtos acollidos a figuras de calidade.
SANTIAGO |