Valoración
Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 25 de xaneiro de 2022 (BOE núm. 26, do 31 de xaneiro de 2022), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento a efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.
Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección DOG núm. 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.
A análise da normativa sobre a responsabilidade patrimonial, dos procedementos administrativos para a súa efectividade e das súas diferentes dimensións (polo funcionamento anormal do servizo público, de autoridades e persoal ao servizo das administracións, do Estado lexislador, por actos de concesionarios e contratistas).
A materia presenta especial interese científico e técnico para aquel persoal funcionario que tramite calquera tipo de expediente relativo á exixencia de responsabilidade patrimonial perante o órgano ou dependencia en que prestan servizos.
Por outra banda, na regulación do procedemento de exixencia de responsabilidade patrimonial existen múltiples aspectos non resoltos na normativa, tales como as causas e os prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación, a función dos órganos consultivos, a cuantificación dos danos, o concepto de nexo causal, os propios requisitos para apreciar un funcionamento anormal dun servizo, o caso fortuíto ou forza maior... e que dan lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente ten que coñecer aquel persoal funcionario que, ordinaria ou eventualmente, participa na tramitación deste tipo de expedientes.
Neste curso realízase unha análise práctica dos diferentes supostos, partindo dos máis recentes pronunciamentos xurisprudenciais na materia e estudo de criterios específicos de órganos consultivos: Consello de Estado e Consello Consultivo de Galicia.
| T01 |