Impulsar a modernización e a reforma das nosas administracións pasa por optimizar a eficacia e eficiencia da súa actividade xestora e prestacional, obxectivo para cuxa realización devén imprescindible proporcionarlle ao conxunto dos empregados públicos unha formación de calidade e a posibilidade de adquirir as competencias e habilidades necesarias para o exercicio apto e responsable de funcións directivas.
De acordo con estes presupostos, a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) convoca un curso para a obtención do diploma que habilita o dito exercicio na Administración autonómica galega, convocatoria que efectúa amparándose na lei que dá carta de natureza ao ente mencionado e na normativa reguladora para os efectos que aquí interesan. Nesta orde de consideracións, a cobertura aludida vén dada, dun lado, polo artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo; doutro, polo Decreto 294/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o diploma de directiva/o, modificado polo Decreto 172/2011, do 4 de agosto.
Polo demais, coa convocatoria deste curso, a EGAP pretende satisfacer unha tripla finalidade: en primeiro termo, perseverar no labor de formar para servir, que ao mesmo tempo constitúe o máis emblemático dos principios reitores da actuación do ente; en segundo lugar, ofrecer unha formación á altura dos desafíos que suscita a xestión pública nun escenario de escaseza de recursos e de gobernanza policéntrica na Unión Europea; e en terceiro e último, facilitar a conciliación dos tempos persoais e laborais das posibles persoas destinatarias do programa, obxectivo que xustifica a alternancia da docencia presencial coa modalidade en liña ou de teleformación nos tres módulos en que se estrutura o seu contido.
Este curso está deseñado para, mediante un sistema de ensino-aprendizaxe adaptado ao perfil do conxunto dos participantes, completar os coñecementos e perfeccionar as competencias e habilidades do colectivo de empregados públicos que ocupan ou poidan ocupar postos directivos na Administración autonómica galega.
O curso pretende dotar as persoas destinatarias directas dos instrumentos e ferramentas de análise e de xestión necesarias para despregar ao máximo as súas potencialidades de liderado, implantar a cultura da calidade pública e a mellora continua e optimizar a satisfacción do cliente-usuario de servizos públicos.
Do mesmo modo que lle ensinará ao persoal directivo público a pensar estratexicamente, a avaliar posibles alternativas, a tomar decisións e a planificar programas de implementación desas decisións, e familiarizaraos cos instrumentos e as ferramentas útiles para o control e a mellora da xestión, a avaliación de programas e as políticas públicas. Tamén os instruirá para sacarlles o máximo proveito ás súas habilidades de comunicación, de xestión dos equipos, de negociación e de xestión da crise.
Finalmente, pretende fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias entre o colectivo de empregados públicos cunha traxectoria curricular e profesional de liderado, institucionalizar as redes de colaboración entre o persoal directivo público que desempeñe funcións e deteña responsabilidades nas distintas organizacións públicas ou departamentos da Administración autonómica e potenciar a cultura do público e o compromiso ético do colectivo de xestores públicos de alto nivel.
SANTIAGO |