A análise da normativa sobre a revisión de actos firmes e os recursos administrativos, ordinarios ou extraordinarios, que se poden interpor fronte a todo tipo de resolucións administrativas. A materia presenta especial interese científico e técnico para aquel persoal funcionario que tramite todo tipo de procedementos administrativos.
O coñecemento desta materia redunda no mellor exercicio profesional da súa función, na medida en que a materia presenta múltiples dimensións e en que absolutamente todos os servizos públicos e, polo tanto, todas as actuacións, incluídas as puramente materiais ou de xestión, están suxeitas a eventual recurso administrativo.
Por outra banda, a entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, é unha oportunidade para afianzar o coñecemento da normativa en aspectos tan esenciais e decisivos á hora de resolver un recurso, tales como as causas e os prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación ou a función dos órganos consultivos.
Ademais, a resolución de recursos administrativos dá lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente ten que coñecer aquel persoal funcionario que, ordinaria ou eventualmente, participa na tramitación deste tipo de expedientes.
Así mesmo, trátase dunha materia de grande interese xurídico e doutrinal, polo que no curso se fará pausada referencia ás novidades xurisprudenciais na materia, facendo especial fincapé na doutrina do Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como tamén do Consello Consultivo de Galicia.
T01 |