Como administracións modernas que están chamadas a ser, as entidades locais necesitan que o seu persoal acredite a formación necesaria para garantir unha mellora continua na súa ordenación e na prestación dos servizos da súa competencia. Neste sentido, a mellora aludida traducirase no incremento da eficacia e eficiencia da súa xestión, obxectivo que só se pode materializar dotando os seus mandos directivos das competencias e habilidades necesarias para que a chamada cultura de calidade administrativa impregne a organización no seu conxunto.
Por estes motivos e ao abeiro do disposto no artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP), modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, este organismo autónomo convoca un curso para a obtención do título que habilita o exercicio de funcións directivas por parte do dito persoal. Neste aspecto, a presente convocatoria acredita o cumprimento da normativa reguladora para os efectos que aquí interesan ‒Decreto 172/2011, do 4 de agosto, de modificación do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o diploma de directivos‒ en canto introduce a obriga de ter en conta as peculiaridades da Administración local no concernente ao contido e desenvolvemento do devandito curso.
Finalmente, esta convocatoria obedece á satisfacción dun triplo obxectivo que a EGAP se propuxo alcanzar: en primeiro termo, perservar na tarefa de formar para servir, que ao tempo constitúe o máis emblemático dos principios reitores da actuación do ente; en segundo lugar, ofrecer unha formación á altura dos desafíos que suscita a xestión pública nun escenario de crise económica global e de escaseza de recursos; e terceiro e último, facilitar a conciliación da vida persoal e laboral coa formación das súas persoas destinatarias directas, finalidade que xustifica o emprego alternativo de accións formativas presenciais coa teleformación ou a docencia en liña.
Este curso está deseñado para, mediante un sistema de ensino-aprendizaxe adaptado ao perfil do conxunto dos participantes, completar os coñecementos e perfeccionar as competencias e habilidades do colectivo de empregados públicos que ocupan ou desexen ocupar postos directivos na Administración local de Galicia.
O curso pretende dotar as persoas destinatarias directas dos instrumentos e ferramentas de análise e de xestión necesarios para despregar ao máximo as súas potencialidades de liderado, implantar a cultura da calidade pública e a mellora continua e optimizar a satisfacción do cliente-usuario de servizos públicos.
Do mesmo modo, ensinará ao persoal directivo público a pensar estratexicamente, a avaliar posibles alternativas, a tomar decisións e a planificar programas de implementación desas decisións, familiarizarao cos instrumentos e as ferramentas útiles para o control e mellora da xestión, a avaliación de programas e as políticas públicas. Tamén, os instruirá para sacar o máximo proveito ás súas habilidades de comunicación, de xestión dos equipos, de negociación e de xestión da crise.
Finalmente, pretende fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias entre o colectivo de empregados públicos das entidades locais cunha traxectoria curricular e profesional de liderado, institucionalizar as redes de colaboración entre o persoal directivo público que desempeñe funcións e deteña responsabilidades nas distintas administracións locais; e potenciar a cultura do público e o compromiso ético do colectivo de xestores públicos de alto nivel.
SANTIAGO |