A nova Lei de axuizamento civil constitúe o texto legal máis extenso que se aprobou, ata o momento, durante o período democrático instaurado trala aprobación da Constitución española, constituído por 827 artigos, 4 disposicións adicionais, 7 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria e 21 disposicións derradeiras e suporá unha notable transformación da xustiza civil co fin de lograr unha efectividade na tutela xudicial atribuída exclusiva e excluintemente a xuíces e maxistrados, integrantes do Poder Xudicial no marco dun proceso con plenitude de garantías procesuais.
As xornadas proxectadas pretenden ofrecer unha panorámica xeral, tanto desde o punto de vista dogmático como práctico -non en van o desenvolvemento destas corre a cargo de profesores universitarios, algúns dos cales se dedican á avogacía ou desempeñaron ou desempeñan funcións xurisdiccionais-, das máis notables novidades lexislativas que supón a Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.
Obxectivos dos distintos relatorios:
-O relatorio relativo ás actuacións xudiciais abordará a presentación de novidades tan destacadas coma a nova regulación da recusación e abstención, a introducción de institucións, ata o momento ausentes na lexislación procesual civil, aínda que recoñecidas xurisprudencialmente -tales como a sucesión procesual (inter vivos ou mortis causa), a intervención procesual-, o recoñecemento da lexitimación dos grupos de asociacións de consumidores e usuarios, a nova regulación da xurisdicción e a competencia, a acumulación de accións, os actos de comunicación, etc.
-O relatorio referido ó xuízo ordinario e verbal centrarase, basicamente, na exposición das distintas fases que integran ámbolos dous procedementos ordinarios, e prestaralles especial atención ás importantes novidades que en materia de proba se incorporan co novo texto legal, polo que se abordarán múltiples problemas que os distintos comentaristas da Lei de axuizamento civil xa tiveron ocasión de presentar, tales como o alcance do principio de preclusión da alegación de feitos e fundamentos de dereito, contido no artígo 400 Lei de enxuizamento civil, a nova regulación da reconvención, das excepcións reconvencionais relativas á compensación e á nulidade do negocio xurídico, a subsistencia ou non do xuízo verbal do automóbil, etc.
-O relatorio relativo ós recursos no proceso civil presentará, entre outras cuestións, a nova regulación dos recursos de apelación, casación, extraordinario por infracción procesual- con especial atención, en relación con este, ás novidades que lles suporán a atribución deste recurso ós tribunais superiores de xustiza unha vez que sexa aprobada a Lei orgánica de reforma da Lei orgánica do Poder Xudicial- , o recurso en interese de lei, etc.
-En canto ó relatorio centrado na execución, cabe sinalar, igualmente, a introducción de novidades tan destacadas coma as referidas á regulación dunha execución forzosa única, con normas comúns tanto para títulos xudiciais coma extraxudiciais, á realización dunha única poxa, á nova regulación da execución provisional, etc.
-E, por último, no relativo ós procesos especiais, contidos no libro IV da Lei de enxuizamento civil, sen dúbida, pola transcendencia e importancia práctica dos procedementos, prestaráselles especial atención ó proceso monitorio, ó xuízo cambiario e ós procedementos matrimoniais.
LUGO |