Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
PU07016 - Xornadas sobre a Administración electrónica desde unha perspectiva comparada.
Imaxe Curso/Xornada

As tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) revolucionaron o concepto tradicional de governance en todo o planeta. Ante este novo reto, Europa non permanece indiferente e xa desde hai uns anos son moitas as estratexias, as actividades e os programas que co propósito de afrontar os desafíos da coñecida como sociedade do coñecemento se están a desenvolver dentro da Unión Europea.

Dentro do marco da nova Estratexia para o crecemento e o emprego -a Axenda de Lisboa 2-, xorde a iniciativa i2010, precisamente coa finalidade de converter a Unión Europea nunha verdadeira sociedade do coñecemento. Esta iniciativa aposta polo crecemento e a competitividade, obxectivos xerais aos que se pretende chegar mediante a converxencia, as redes de banda larga, a innovación, a investigación e a estandarización.

Son tres grandes obxectivos (os tres «i») os que definen a iniciativa i2010:

-A creación dun espazo único europeo da información que ofreza comunicacións de banda larga económicas e seguras, con contidos ricos e diversificados, e que proporcione servizos dixitais.
-A difusión da investigación e da innovación no ámbito das TIC, co fin de que Europa se achegue aos principais competidores mundiais.
-A creación dunha sociedade da información en que esteamos incluídos todos, en que se presten eficazmente
os servizos públicos e se promova a calidade de vida.

Estes obxectivos fan da i2010 unha iniciativa de grande impacto no ámbito do goberno electrónico. Mentres que moitos estados membros xa revisaron as súas estratexias de modernización e transformación do eGoberno para adaptalas á i2010 e á Axenda de Lisboa, o Estado español aprobou os plans INGENIO 2010 e AVANZ@.

Na mesma liña, a Xunta de Galicia está apostando de forma decidida nesta lexislatura por darlle un pulo á sociedade da información e do coñecemento (SIC) na comunidade. Así, a Consellería de Innovación e Industria elaborou o Primeiro Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) a partir dun diagnóstico previo da SIC en Galicia. O PEGSI recolle oito estratexias operativas que abranguen desde compoñentes técnicos e de seguridade ata aspectos relativos aos contidos, aos servizos públicos, á fenda dixital ou ao uso das TIC por parte das empresas. Tamén en consonancia coa filosofía do PEGSI, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza está elaborando o Plan de Administración electrónica, centrado sobre todo en aspectos como as infraestruturas, o papel dos empregados públicos e a prestación dos servizos.

En Galicia dispoñemos, por tanto, de importantes proxectos e de experiencias no marco da Administración electrónica, porén estas teñen que se dar a coñecer ao público e ser analizadas á luz doutras prácticas desenvoltas no noso contorno máis próximo. O obxectivo destas xornadas é reunir profesionais e investigadores de prestixio co propósito de que contribúan ao fortalecemento do goberno electrónico en Galicia mediante o debate e o intercambio de ideas acerca das seguintes cuestións: que características amosa a sociedade da información?; en que nivel de desenvolvemento se encontra a Administración electrónica?; que actores están participando no deseño e implementación dos plans e estratexias?; estase producindo realmente, tal como indica a literatura, a redución dos trámites burocráticos e o conseguinte aforro económico na xestión administrativa? Galicia convértese no referente para contestar estas preguntas.

DESCARGAR DOCUMENTOS
Edicións
SANTIAGO
Localidade
Santiago de Compostela
Inicio
15/11/2007
Fin
16/11/2007
Prazas
290
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212