Nos últimos anos estase a evidenciar a necesidade de repensar o modo de ocupar e actuar no territorio por mor das diversas crises económicas e ambientais que viñemos sufrindo e que no mundo occidental supuxeron a ralentización dos fenómenos de crecemento e expansión tal e como os viñamos entendendo dende mediados do século XX. A maior parte da reflexión e da investigación que se ven desenvolvendo neste campo ten como caso de estudo o fenómeno urbano, asociado este a o concepto de cidade á escala de metrópole.
En Galicia existen trescentos trece concellos e máis de 30.000 aldeas e lugares. De todos eles, douscentos cincuenta e seis contan con menos de 10.000 habitantes, douscentos teñen menos de 5.000 e hai máis de 12.000 aldeas con menos de 10 habitantes.
O territorio é cambio continuo e transformación permanente. A dispersión dos nosos núcleos e o feito de que dezaseis dos dezasete Obxectivos do Desenvolvemento Sostible 2030 estean vinculados coa vida cotiá nos asentamentos humanos, fai necesario propoñer como as políticas públicas teñen que xestionar as estratexias de ordenación do territorio para acadar un maior benestar humano.
A tradición dos asentamentos urbanos e rurais en Galicia e as súas relacións, nun territorio moi produtivo e diverso, merecen unha reflexión específica. Nun escenario moi complexo de abandono, decrecemento e perda de eficacia habitacional, faise necesario comezar a pensar como podemos establecer estratexias innovadoras para xestionar o noso territorio e como podemos aproveitar as extraordinarias oportunidades que se adiviñan para impulsar unha transición ecosocial xusta en Galicia superado xa o primeiro cuarto do século XXI.
Neste curso buscaremos atraer a atención ós municipios e núcleos de menor escala da nosa contorna inmediata, analizando as características propias da rexeneración en lugares onde as problemáticas xerais tamén son de aplicación pero que se manifestan de xeito diferente. O módulo pretende estimular unha reflexión sobre estratexias e ferramentas para a xestión e rexeneración dos núcleos
habitados de Galicia, que non poden ser nin as do urbanismo tradicional, nin as de sistemas urbanos de maior escala.
SANTIAGO |