Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia colaborarán en actividades de formación, divulgación e investigación

    A Escola / Luns, 25 de Febreiro de 2013.

    O Consello Consultivo de Galicia (CCG) e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) colaborarán e desenvolverán de xeito conxunto actividades de carácter formativo, divulgativo e investigador en materias da competencia de ambas institucións, segundo se recolle no convenio asinado hoxe pola presidenta do CCG, Mª Teresa Conde-PumpidoTourón, e pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos González.


    O convenio, que terá vixencia para todo este ano 2013, persegue a eficacia e eficiencia na utilización dos medios humanos, materiais e organizativos de cada unha das institucións, cara a conseguir un mellor cumprimento dos seus fins, en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

    Nesta liña, Sonia Rodríguez-Campos recordou que o novo modelo formativo da Escola para este ano baséase fundamentalmente na teleformación, acreditación de competencias e autoformación, o cal permite unha mellor conciliación da vida laboral e familiar ao tempo que favorece a formación continua do persoal ao servizo da Administración pública en xeral, e ao destinado no Consello Consultivo en particular.

    En concreto, e ademais de facilitar a participación do persoal dependente do CCG nas actividades da EGAP, está previsto a realización de cursos, xornadas e seminarios; a edición de publicacións e documentos de traballo; e a realización de proxectos de investigación conxuntos. Pola súa parte, Mª Teresa Conde-Pumpido salientou que grazas á sinatura de convenios de colaboración coma o de hoxe xa se teñen celebrado nos últimos anos diversos cursos sobre a función consultiva, así como outros sobre protección de datos ou sobre a mellora e actualización no manexo das novas tecnoloxías.

    Este novo convenio, insistiu a presidenta do CCG, permitirá a celebración dun curso específico sobre a función consultiva para o persoal da Administración autonómica, así como a participación de ambas institucións na organización de determinadas xornadas e accións formativas, relativas a temas de máxima actualidade, en cuxos programas se está traballando agora, como poden ser: o futuro do Estado autonómico, o novo marco da Administración instrumental, ou a reforma da Lei de bases de réxime local, entre moitos outros temas.

    As dúas asinantes deste convenio remarcaron a importancia da formación ao longo da vida do persoal ao servizo da Administración pública, non só como fórmula de promoción profesional, senón tamén como garante dun mellor servizo á cidadanía.

    Unha Comisión Mixta de Seguimento velará polo cumprimento do convenio. Esta comisión, de composición paritaria, integrada por representantes de cada unha das institucións encargarase da concreción, seguimento, interpretación e avaliación das accións que se deriven do convenio de colaboración.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 119 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212