Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A Escola Galega de Administración Pública pon en marcha unha nova modalidade formativa

    A Escola / Venres, 19 de Xullo de 2013.

    O DOG núm. 137, do 19 de xullo de 2013, publica a resolución pola que se convoca o programa de autoformación destinado ao persoal ao servizo da Administración autonómica galega.


    A través desta acción, a EGAP vai explotar as posibilidades que ofrecen na actualidade as tecnoloxías da información e da comunicación, o cal, á súa vez, lle permitirá satisfacer a elevada demanda existente canto á formación, permitindo que calquera empregado público da Administración autonómica poida acceder a uns contidos formativos actualizados e de calidade. Mediante este programa daráselles aos empregados públicos a opción de gozar dunha aprendizaxe autónoma e flexible que, ao mesmo tempo, lles permita unha actualización permanente dos seus coñecementos.

    O persoal da Administración autonómica galega que desexe participar no programa de autoformación dispón de dúas opcións, compatibles entre elas pero independentes unha da outra. Por unha banda pode acceder aos contidos das actividades sen máis trámite que o de inscribirse na zona de matrícula da EGAP e por outra pode solicitar presentarse ás probas de avaliación. Polo tanto, o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación, nin é tampouco requisito para matricularse nelas.

    A diferenza do que sucede nos cursos de teleformación, o dito programa de autoformación está deseñado para que os discentes poidan adquirir coñecementos dunha materia concreta sen titorización. Deste xeito, o alumnado dispón da liberdade necesaria para elaborar o seu propio plan de aprendizaxe, sen o condicionamento dos prazos. A maiores, esta modalidade conserva os aspectos positivos da teleformación ao permitir unha aprendizaxe non ligada a restricións temporais ou de lugar -o acceso é posible en calquera momento desde calquera dispositivo con conexión á internet-.

    O programa de autoformación

    As actividades formativas incluídas no plan de autoformación da Escola estarán compostas por contidos multimedia actualizados, material complementario e, dado que non existirá a figura do titor, por cuestionarios de corrección automática, os cales facilitarán unha aprendizaxe autónoma máis efectiva.

    En total, poranse en marcha dez cursos, dos cales sete son novidades formativas, xa que non foron convocados anteriormente pola Escola. Estes títulos abarcan as principais áreas da formación de relevancia dentro do eido público, ao integrar módulos relativos á administración, ás novas tecnoloxías, á redacción de documentos ou á igualdade.

    As probas de avaliación

    Como parte deste programa, a EGAP ten previsto darlles a posibilidade aos alumnos de acreditar os seus coñecementos. Deste xeito, o mero acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non dará dereito á expedición dun certificado, pero si que se lles permitirá aos empregados públicos a posibilidade de obtelo a través dunha proba presencial.

    Así, a EGAP convocará probas presenciais para poder conceder certificados de equivalencia. Para presentarse a estas probas non será requisito previo ter accedido ao programa de autoformación, do mesmo xeito que o acceso aos contidos das actividades do dito programa non implica a obriga de presentarse a estes exames.
  • Recursos
  •   RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2013 pola que se convoca o programa de autoformación para o persoal ao servizo da Administración autonómica galega.  
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 176 de 1197
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212