Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A directora da EGAP defende a responsabilidade das administracións na protección do medio

    A Escola / Xoves, 19 de Novembro de 2015.

    A directora da Escola de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, asistiu hoxe á inauguración do Congreso "Dereito ambiental para unha economía verde", que se celebrará no paraninfo do reitorado da Universidade da Coruña durante os días 19 e 20 de novembro.


    No acto participaron o alcalde da Coruña, Xulio Xosé Ferreiro Baamonde; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Javier Sanz Larruga; o decano da Facultade de Dereito, José Manuel Busto, e o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito.

    Durante a inauguración, a directora da EGAP destacou a importancia deste congreso “para analizar en profundidade un tema que, nas últimas décadas, suscitou un gran interese en todas as sociedades desenvolvidas e que, como consecuencia inevitable, tivo unha elevada incidencia nas políticas públicas”. Neste sentido, Sonia Rodríguez-Campos subliñou que “todos estes factores evidenciaron a necesidade dunha disciplina ambiental eficaz que axude a impulsar un comportamento socialmente responsable en todos os axentes económicos”.

    Para a directora da EGAP, a idea dunha economía verde penetrou de forma incesante tanto na sociedade e nos seus diversos ámbitos de actuación, “onde non debemos esquecer a súa interesantísima aplicación no eido urbanístico ou territorial, como tamén nas políticas públicas levadas a cabo polos gobernos, preocupados polo desenvolvemento sustentable a través da reorientación dos investimentos de recursos públicos”.

    Sonia Rodríguez-Campos destacou que a protección do medio adquiriu o rango de función pública esencial, o que xustifica a intervención das nosas administracións na materia. Por último, recordou a dobre misión que ten a EGAP de formar aos empregados públicos e de consolidarse como un foro de debate aberto á cidadanía. Na mesma liña, invitou a todos os asistentes ao congreso a participar no curso monográfico sobre Administración, empresa e urbanismo sustentable, que se celebrará os próximos días 30 de novembro e 1 de decembro na sede da EGAP, en Santiago de Compostela. “Este curso proporcionará unha visión ampla dos principais problemas urbanísticos, mediante o debate e a reflexión sobre as súas consecuencias sociais, ambientais, económicas e empresariais”, apuntou.

    O congreso Dereito ambiental para unha economía verde está organizado pola Rede Ecover, plataforma de colaboración académica integrada por profesores universitarios de distintos puntos de España especializados en Dereito ambiental, e a Universidade da Coruña. O obxectivo deste encontro é presentar os estudos realizados pola Rede durante o ano 2015 e contrastar as súas conclusións e propostas cos asistentes e relatores do Congreso.

    Durante dous días, destacados expertos a nivel nacional analizarán dende un punto de vista xurídico as técnicas de intervención administrativa e os instrumentos de mercado destinados a orientar e impulsar aos axentes económicos cara a un comportamento socialmente responsable.

  •   Anterior Seguinte  
    Pax 416 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212