Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    A EGAP forma os empregados públicos para conseguir unha Administración sen papel

    Cursos / Xoves, 26 de Novembro de 2015.

    Esta tarde, na Escola Galega de Administración Pública, tivo lugar o acto de entrega de diplomas aos alumnos do curso Administración electrónica e arquivo electrónico administrativo. Ao acto asistiron Sonia Rodríguez-Campos, directora da Escola Galega de Administración Pública; Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e director do curso.


    Durante a súa intervención, a directora da EGAP resaltou o avance imparable das novas tecnoloxías no sector público e o seu reflexo nas normativas máis recentes, as cales fan referencia clara á aposta do Goberno por unha Administración sen papel nun futuro próximo. Nesta liña, a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas contempla que a tramitación electrónica debe constituír a actuación habitual das administracións públicas co fin de servir mellor aos principios de eficacia e de eficiencia, ao aforro de custos, ás obrigas de transparencia e ás garantías da cidadanía. Esta normativa senta as bases dun aparato administrativo que lle asegurará ás persoas a posibilidade de relacionarse cos organismos públicos a través de medios electrónicos, poñendo a disposición dos interesados todas as canles de acceso que sexan precisas así como garantindo o dereito a recibir asistencia no seu uso por parte dos empregados públicos.

    Ademais, Sonia Rodríguez-Campos lembroulles aos alumnos que cos coñecementos adquiridos durante o curso poderán “formar parte activa da nova Administración á que aspiramos e que, sen dúbida, mellorará a atención que se lle presta á cidadanía”. Os empregados públicos son unha parte fundamental do proceso a fin de conseguir un sector público máis áxil, máis moderno e máis eficaz.

    Por outra banda, Mar Pereira resaltou o carácter práctico do curso en consonancia coas necesidades actuais da Administración, que precisa dun cambio organizativo e dunha adaptabilidade dos empregados públicos aos novos procesos electrónicos. Nesta liña, a directora da Amtega destacou o traballo deste organismo nos últimos anos para facilitar o uso dos servizos electrónicos ás empresas e particulares e anunciou que durante o vindeiro ano completaranse o número de procedementos dispoñibles na Xunta de Galicia a través da vía telemática.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 418 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212