A EGAP analiza en profundidade a nova Lei de contratos do sector público o día no que a norma entra en vigor
Xornadas / Venres, 9 de Marzo de 2018.
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en colaboración co Colexio de Economistas da Coruña, celebrou esta mañá a xornada Auditoría do sector público á que asistiron máis de 250 empregados públicos e profesionais relacionados coa Administración.
Á inauguración asistiron Miguel Vázquez Taín, presidente-decano do Colexio de Economistas da Coruña; Miguel Ángel Cabezas de Herrera Pérez, presidente da Fundación Formación e Investigación en Auditoría do Sector Público (FIASEP); Almudena Chacón Pichel, interventora xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; e Sonia Rodríguez-Campos González, directora da EGAP.
Durante o acto de apertura da xornada Sonia Rodríguez-Campos destacou o traballo da Escola en formar naquelas novidades lexislativas máis relevantes e con impacto no sector público como é o caso da nova Lei de contratos do sector público –que entra hoxe en vigor- e do Real Decreto polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do sector público local.
A directora da EGAP lembrou que os cambios lexislativos derivados das ditas normativas supoñen un reto para o sector, especialmente no eido local, que deberá adaptarse a novas esixencias que intensifican o control das contas públicas, procurando un exame financeiro e orzamentario máis rigoroso. En consecuencia, incidiu, a formación sobre la Lei de contratos do sector público configúrase como fundamental para lograr unha aplicación precisa dos novo texto legal e dar cumprimento ás esixencias da cidadanía, a cal, cada vez con maior intensidade, require unha Administración pública máis transparente e eficaz.